Preguntas máis frecuentes

  • whatsapp

Que necesito para solicitar a alta en Chave365?

Para solicitar Chave365 é imprescindible dispoñer dun número de teléfono móbil, no que se recibirá a clave e os códigos de sinatura.

Na solicitude de alta a través da sede electrónica da Xunta de Galicia é preciso que o usuario dispoña dun DNI electrónico ou un certificado dixital recoñecido pola sede instalado no seu navegador.

Para a solicitude presencial, é necesario que a persoa interesada acuda persoalmente a algún dos órganos ou unidades administrativas que realizan as funcións de rexistro de usuarios de Chave365 e acredite a súa identidade mostrando o seu DNI ou tarxeta de residencia (NIE) para os cidadáns extracomunitarios. Os cidadáns comunitarios que non teñan a tarxeta de residencia presentarán o Certificado de rexistro de cidadáns da Unión e o seu pasaporte.

Onde podo solicitar a alta en Chave365?

Se dispón de DNI electrónico ou certificado dixital instalado no navegador, pode solicitar a alta directamente desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Se quere facelo pressencialmente, pode dirixirse a calquera dos órganos de rexistro habilitados ao efecto. Consulte aquí a relación de lugares nos que se pode solicitar.

Unha persoa xurídica pode ter un usuario en Chave365?

Non. O sistema só está dispoñible para persoas físicas, sen prexuízo do seu uso por parte de representantes ou apoderados debidamente autorizados para estes efectos.

Podo utilizar Chave365 para presentar unha solicitude en nome doutra persoa?

Pode presentar unha solicitude en nome doutra persoa sempre que achegue coa presentación unha autorización, poder ou calquera outro documento acreditativo da representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica dispón dun modelo de documento acreditativo de representación.

Podo solicitar Chave365 para outra persoa?

Só é posible na alta presencial. Neste caso, a persoa que acuda no seu lugar deberá presentar un poder especial en escritura pública notarial que recolla o apoderamento para solicitar o sistema de acreditación e sinatura Chave365.

Que necesito para realizar sinaturas electrónicas con Chave365?

Unha vez que o usuario está dado de alta, para operar con Chave365 só necesita ter a man o teléfono móbil que asociou ao seu NIF no formulario de alta. No momento de asinar unha operación recibirá unha mensaxe co código de sinatura. Ese código é para un só uso: serve para o procedemento para o que o solicitou e só se pode introducir unha vez, nun prazo de tempo limitado.

Deime de alta pero non recibín a mensaxe no móbil coa clave de acceso. Que podo facer?

Se non recibe a mensaxe no móbil coa clave de acceso en poucos minutos, póñase en contacto co servizo de atención cidadá 012 para confirmar que lle foi enviada. En caso de que fose enviada pero non recibida, deberá contactar co seu provedor de telefonía e/ou revisar a configuración do seu terminal.

Esquecín o contrasinal. Que debo facer?

Se ten certificado dixital, acceda á Carpeta do cidadán da sede electrónica da Xunta de Galicia e a continuación prema no botón “Cambiar contrasinal” situado arriba á dereita. Na parte inferior da páxina de cambio de contrasinal atopará unha ligazón co epígrafe “Esqueceu o seu contrasinal?”. Ao premer, enviaráselle un novo contrasinal ao seu teléfono móbil.

Se non ten certificado dixital e polo tanto non pode acceder á Carpeta do cidadán sen o contrasinal de Chave365, debe dirixirse persoalmente a algún dos órganos ou unidades administrativas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que realizan as funcións de rexistro de usuarios de Chave365.

Bloqueóuseme o acceso a Chave365. Por que?

Como medida de seguridade para evitar o acceso de terceiros non autorizados a Chave365, se alguén introduce en seis ocasións consecutivas unha clave equivocada, o sistema bloquea ese usuario.

Para recuperar o acceso ten que solicitar a renovación do contrasinal, seguindo o mesmo procedemento descrito no punto anterior: como proceder cando esquece o contrasinal.

Extraviei o móbil. Que debo facer?

Se perdeu o móbil e quere evitar que alguén poida usalo para identificarse no seu nome na sede electrónica a través de Chave365, debe chamar o antes posible ao 012 e solicitar que se bloquee o seu usuario. No 012 realizaranlle unha serie de preguntas para confirmar a súa identidade.

Estou tentando asinar unha solicitude e non recibo a clave de sinatura. Que podo facer?

Se non recibe a mensaxe no móbil coa clave de acceso en poucos minutos, póñase en contacto co servizo de atención cidadá 012 para a súa revisión. En caso de que fose enviada pero non recibida, deberá contactar co seu provedor de telefonía e/ou revisar a configuración do seu terminal. No estranxeiro e en función da súa configuración de roaming poida que non reciba mensaxes SMS no móbil.

Non estou interesado en seguir empregando Chave365. Podo darme de baixa?

Aínda que Chave365 é un sistema seguro e gratuíto, se quere pode darse de baixa. Pode facelo electronicamente empregando o formulario “Baixa en Chave365” dispoñible na sede electrónica, ou dirixirse persoalmente a calquera dos órganos ou unidades administrativas que realizan as funcións de rexistro de usuarios de Chave365.

En todo caso, a baixa prodúcese de maneira automática ao pasar catro anos desde a alta.