Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 27 de setembro de 1996 Páx. 8.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 11 de setembro de 1996 pola que se convocan bolsas para cursar estudios de capacitación agraria durante o curso 1996-1997.

Co fin de posibilita-lo acceso e continuidade nos estudios non obrigatorios ós que, demostrando aptitudes carecen de medios económicos para cubri-los gastos derivados das ensinanzas establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas que trata de paliar, na medida do posible, a desigualdade de oportunidades existentes entre os xoves que desexan acceder ou continuar ensinanzas de capataces agrícolas facendo posible desta forma que as persoas máis desfavorecidas economicamente teñan acceso a elas mediante o principio de unidade de criterios e igualdade de oportunidades en toda a Comunidade Autónoma galega.

O obxectivo das axudas é o compensa-las familias de rendas máis baixas das desvantaxes económicas que comporta a dedicación dun dos seus membros ó estudio para adquiri-la capacitación profesional necesaria para a súa instalación no sector como: empresario cultivador directo e persoal obreiro agrícola cualificado ou especialista en industrias agroalimentarias do sector.

Polo exposto en virtude das atribucións que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse 110 bolsas dunha contía igual a 150.000 ptas. cada unha, destinadas a cubrir, na medida do posible os gastos derivados da participación presencial dos xoves nas ensinanzas de formación agraria.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

As bolsas reguladas por esta orde poderán ser solicitadas por tódolos alumnos que accedan por primeira vez ou sigan cursos de ensinanzas de capataces (agrícolas ou forestais) non obrigatorios e posteriores á educación secundaria obrigatoria en centros da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 3º.-Requisitos esixidos.

a) Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

b) Carecer de título académico que habilite para actividades profesionais agrarias a menos que o dito título supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que se pretenda realizar ou que estes estudios constitúan unha especialización dos xa realizados.

c) Contar cunha renda familiar que non supere os máximos sinalados a continuación:

Limiares de renda segundo os compoñentes familiares:

* Para 1 membro: 922.000 ptas.

* Para 2 membros: 1.507.000 ptas.

* Para 3 membros: 1.978.000 ptas.

* Para 4 membros: 2.345.000 ptas.

* Para 5 membros: 2.606.000 ptas.

* Para 6 membros: 2.862.000 ptas.

* Para 7 membros: 3.113.000 ptas.

* Para 8 membros: 3.362.000 ptas.

No caso de superar este número imputarase 245.000 ptas. por cada un.

d) Reuni-los requisitos establecidos para quedar matriculado se se trata do primeiro curso; e tratándose de acceder ó segundo teña un máximo de dúas asignaturas pendentes.

e) Obter unha puntuación que o sitúe dentro das limitacións que supoñen os créditos globais consignados para esta finalidade á que se chegará aplicando os criterios sinalados no anexo I.

f) Que o solicitante curse os seus estudios con carácter de interno nunha escola de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou habite noutra residencia por circunstancias persoais xustificadas que demostren a necesidade de establecer a residencia fóra do centro.

g) Que o solicitante se vexa obrigado a desprazarse desde o seu domicilio habitual ata o centro onde cursa os estudios por peche deste as fins de semana.

h) Non desfrutar de bolsa para os mesmos fins outorgada por outro organismo público.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Acreditar documentalmente que reúnen os requisitos esixidos para a concesión e desfrute da bolsa.

b) Destina-la bolsa á finalidade para a que se lle conceda.

c) Permiti-las comprobacións que a Administración teña por conveniente realizar sobre os datos achegados á solicitude.

Artigo 5º.-Formalización das solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes irán dirixidas ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural acompañada da documentación complementaria xustificativa dos requisitos.

2. A solicitude das axudas para o curso 1996-1997 realizarase no modelo de impreso que como anexo II se une á presente orde. Presentarase preferentemente nas escolas de capacitación onde os alumnos cursen os seus estudios ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo dun mes a partir da entrada en vigor desta orde.

Rematado o prazo indicado as solicitudes serán remitidas por cada centro á Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para a súa e posterior resolución polo director xeral.

Artigo 6º.

Para o estudio e proposta de concesión das bolsas obxecto da presente orde constitúese unha comisión

de valoración nomeada polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural composto por:-Presidente: o subdirector xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

-Vicepresidente: o xefe do Servicio de Extensión Agraria que poderá substituí-lo presidente por decisión deste.

-Vocales: dous funcionarios con nivel de xefe de servicio propostos polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

-Secretario: un funcionario da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria con nivel de xefe de sección proposto polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 7º.-Valoración das solicitudes e proposta de resolución.

A comisión de valoración aplicará ás solicitudes presentadas en tempo e forma o baremo establecido no anexo I desta orde e proporá ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural a concesión de bolsas en favor dos solicitantes que non estando excluídos do dereito a percibila por calquera das causas sinaladas obtivesen a puntuación necesaria sen exceder da dotación orzamentaria dispoñible para o efecto.

A comisión de valoración poderá solicita-los documentos que considere necesarios para un máis exacto coñecemento das circunstancias determinantes da concesión ou denegación da bolsa. Tralo seu estudio e aplicación do baremo elaborará proposta de concesión ou denegación ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 8º.-Resolución da concesión da bolsa.

1. O director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural resolverá no prazo máximo de 15 días desde a elevación da proposta.

2. A resolución do procedemento publicarase no taboleiro de anuncios dos centros onde cursen os seus estudios os peticionarios e contra ela poderase interpo-lo recurso ordinario perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes no prazo dun mes.

Artigo 9º.-Prazo máximo de resolución do procedemento.

O prazo máximo para resolve-lo procedemento será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa entenderase que foi desestimada da concesión da bolsa en virtude do artigo 43.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Pagamento da bolsa.

O abono das bolsas realizarase mediante transferencia bancaria a nome de cada un dos beneficiarios, logo de proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 11º.-Reintegro da cantidade percibida.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora nos casos previstos no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12.- Financiamento.

Esta convocatoria financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322-S.480.0 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 por un importe máximo de 16.500.000 ptas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar no ámbito das súas atribucións as resolucións necesarias para a adecuada aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gabdería e Montes

ANEXO I

Puntuación económica.

Entenderase por renda per cápita a renda familiar dividida polo número de membros da unidade familiar. Cando se trate de alumnos maiores de idade e independizados económicamente a renda de traballo dividirase por dous.

Exclusións.

Non terán dereito á bolsa:

1. Quen supere os limiares de renda expostos no punto C artigo 3º por membro computable.

2. Quen posúa explotacións agrícolas ou pecuarias que o valor patrimonial (valores catastrais, predios rústicos e urbanas, gando, maquinaria, valores e títulos e saldos de contas correntes) exceda de dez millóns de pesetas por membro computable.

Preferencias.

Estableceranse preferencias valoradas en puntos para as seguintes circunstancias:

-Minusvalideces:

* Por membro familiar con minusvalideces: 3 puntos.

-Profesión do cabeza de familia:

* Obreiro agrícola: 4 puntos.

* Agricultor: 3 puntos.

* Pensionista agrario: 3 puntos.

-Situación laboral do cabeza de familia:

* Parado: 1 punto.

-Por atoparse a localidade de residencia en «zona desfavorecida» de acordo coa delimitación da U.E.

* Zona desfavorecida: 1 punto.

-Por expediente académico do último curso (nota media):

* Suficiente: 1 punto.

* Ben: 2 puntos.

* Notable: 3 puntos.

* Sobresaliente: 4 puntos.

-Distancia do domicilio familiar ó centro:

* Entre 10 y 30 Km: 1 punto.

* Entre 30 y 50 Km: 2 puntos.

* Entre 50 y 75 Km: 3 puntos.

* Máis de 75 Km: 5 puntos.

Para poder informatiza-los baremos propostos no anexo I utilizarase a fórmula seguinte:

R

D = K - ---------

U/10

Na cal,

d = Coeficiente de prelación do solicitante.

K = Suma dos puntos obtidos nas preferencias sinaladas máis 10.

R = Renda familiar per cápita do solicitante.

U = Limiar máximo de renda familiar per cápita establecido nesta convocatoria.

6950