Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.376

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de novembro de 1996 pola que se establecen as tempadas nas que poderán ter lugar as rebaixas nos establecementos comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 7/1996, de 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista regula con carácter básico nos seus artigos 24 e 25 o concepto de rebaixas e as tempadas nas que estas poden realizarse, atribuíndo ás comunidades autónomas competentes a fixación das datas concretas das dúas tempadas anuais dentro das cales se poden realiza-las rebaixas (unha a comezo de ano e outra no período estival de vacacións), sendo decisión de cada comerciante a duración de cada unha delas que como mínimo será dunha semana e como máximo de dous meses, en virtude do cal se fixan as dúas tempadas anuais de rebaixas.

Por todo isto e en virtude das competencias mencionadas e de conformidade co artigo único do Decreto 254/1996, do 14 de xuño, polo que se determina o órgano competente para fixa-las tempadas

de rebaixas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os establecementos comerciais asentados na Comunidade Autónoma de Galicia fixarán os seus períodos de rebaixas dentro das seguintes tempadas:

-Do 7 de xaneiro ó 7 de abril (ámbolos dous inclusive) para a tempada de inverno.

-Do 1 de xullo ó 30 de setembro (ámbolos dous inclusive) para a tempada de verán.

Artigo 2º

Dentro das ditas tempadas, a duración de cada período continuo de rebaixas será como mínimo dunha semana e como máximo de dous meses, de acordo coa decisión de cada comerciante. En todo caso, as datas de rebaixas elixidas deberán exhibirse nos establecementos comerciais en sitio visible ó público, incluso cando permanezan pechados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Comercio e Consumo para dictar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1997.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio