Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 11 de agosto de 1997 Páx. 7.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 218/1997, do 30 de xullo, polo que se declaran o parque natural das Fragas do Eume.

As Fragas do Eume constitúen a mellor representación do bosque orixinal que cobre o territorio de Galicia, distinguíndose, a pesar das alteracións producidas pola actividade humana, pola súa naturalidade e biodiversidade, mantendo moitas das características primixenica que xustifican o seu extraordinario valor. Esta importante masa alberga 23 especies arbóreas, 21 especies de fentos, 250 especies de liques e 100 de fungos, así como 126 especies de vertebrados, entre as que hai especies únicas, endemismos, especies ameazadas ou en perigo de extinción, destacando a acumulación de especies incluídas no Catálogo Xeral de Especies e no Convenio de Berna.

Débese destacar tamén o interese cultural e histórico deste patrimonio, que convén protexer e que supón un elemento xustificativo máis da necesidade de declara-las Fragas do Eume como parque natural.

Os recursos naturais deste espacio requiriron unha ordenación que foi efectuada a través do plan de ordenación dos recursos naturais elaborado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, aprobado polo Decreto 211/1996, do 2 de maio, para salvagarda-los valores naturais deste espacio dos impactos negativos que puideran degrada-la calidade do contorno.

Para harmoniza-lo desfrute, visita e estudio destes lugares e o aproveitamento dos seus recursos naturais de forma compatible coa conservación dos valores ecolóxicos e paisaxísticos do espacio establécese esta normativa, que pretende garanti-la súa persistencia.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese un réxime xurídico especial para o espacio denominado Fragas do Eume, mediante a súa declaración como parque natural, de acordo co establecido nos artigos 13 e concordantes da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación das espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

Este réxime xurídico especial oriéntase á protección e conservación desta área natural que, aínda que alterada pola intervención humana, se xustifica pola importancia e representatividade as seus ecosistemas, así como pola beleza das súas paisaxes.

Artigo 2º

1. O espacio natural das Fragas do Eume está situado nos termos municipais de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume, e as Pontes de García Rodríguez, e ocupa unha superficie de 9.125,65 ha. Os seus límites son os que figuran no Decreto 211/1996, de 2 de maio, polo que se aproba o plan de ordenación dos recursos naturais das Fragas do Eume.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, poderá incorporar ó parque outros terreos estremeiros que reúnan as características adecuadas para isto, en calquera dos seguintes supostos:

a) Que sexan propiedade do Estado, logo da conformidade deste.

b) Que sexan propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que sexan aportados volutariamente polos titulares para tal efecto.

d) Que se consideren apropiados para mellorar e garanti-la conservación do espacio natural.

3. De acordo co establecido na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, á Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle o exercicio dos dereitos de tanteo e retracto en tódalas transmisións onerosas inter vivos de terreos situados no interior do parque.

Para os efectos do exercicio dos ditos dereitos, o transmitente deberá notificar fidedignamente á Administración actuante as condicións esenciais da transmisión pretendida, e, se é o caso, copia fidedigna da escritura pública na que fora instrumentada a citada transmisión. O dereito de tanteo exercerase no prazo de tres meses e o de retracto no dun ano, ámbolos dous contados desde a correspondente notificación, que deberá efectuarse en todo caso e será requisito necesario para inscribi-la transmisión no Rexistro da Propiedade.

4. Sen prexuízo do anterior, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar permutas de terreos propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos dependentes dela por outros situados no interior do espacio protexido ou na súa periferia, por iniciativa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e de acordo co disposto na Lei de patrimonio, logo de informe da xunta rectora do parque natural, á que fan referencia os artigos 6º e 7º do presente decreto.

Artigo 3º

1. As actuacións que se van realizar no parque natural efectuaranse de acordo coas prescricións establecidas no plan de ordenación dos recursos naturais deste espacio, aprobado polo Decreto

211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o plan de ordenación dos recursos naturais das Fragas do Eume.

2. O plan de ordenación dos recursos naturais e o plan rector de uso e xestión a que se fai referencia nos artigos 4º e 5º deste decreto regulará os usos dos recursos naturais, e as actividades que incidan ou poidan incidir neles, así como o destino das instalacións existentes.

3. Serán obxecto de especial protección e fomento as actividades gandeiras e forestais que contribúan ó mantemento dos equilibrios ecolóxicos esenciais.

4. Sen prexuízo do previsto nos apartados anteriores e no desenvolvemento ulterior do plan rector do uso e xestión en todo o ámbito do parque natural non se poderá realizar:

a) O abandono de residuos sólidos en lugares non autorizados.

b) O vertido de productos tóxicos ou perigosos.

c) As acampadas fóra dos lugares destinados a ese fin.

d) A circulación con vehículos de motor fóra das estradas e pistas forestais, excepto para a realización de traballos de explotación e mantemento e o acceso dos propietarios ós seus predios.

e) Facer lume fóra dos lugares e épocas sinaladas para este fin.

f) A creación de infraestructura e equipamentos e a actividade extractiva de recursos e mineira, industrial ou calquera outra de singular incidencia na zona que non cumpra as regulacións do PORN e dos seus instrumentos de desenvolvemento e execución.

g) A instalación de sinalización publicitaria sen autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

h) A realización de plantacións ou aproveitamentos forestais que non cumpran os requisitos contidos no PORN.

i) Calquera outra actividade contraria ás disposicións do PORN.

Artigo 4º

O plan de ordenación dos recursos naturais das Fragas do Eume é o instrumento principal de planificación do espacio natural, e as súas disposicións constituen un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física.

Artigo 5º

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes confeccionará un plan rector de uso e xestión que, logo de informe da xunta rectora, será aprobado pola dita consellería.

A aprobación definitiva do PRUX será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. O dito plan rector terá unha vixencia de cinco anos debendo revisarse ó rematar este prazo, ou antes se fora necesario, e incluirá:

a) As directrices específicas de ordenación e uso do parque natural.

b) As normas de xestión e as actuacións necesarias para a conservación e protección dos seus valores naturais e para garanti-lo cumprimento das finalidades de investigación e interpretación dos fenómenos naturais, educación no coñecemento da natureza, así como uso e desfrute dos visitantes.

c) As normas oportunas para a utilización racional dos recursos naturais e a execución das actuacións precisas para o mantemento do equilibrio ecolóxico e, en especial:

-As pautas para a creación de liñas de fomento e promoción das actividades agrícolas, así como doutras actividades económicas compatibles coa conservación do parque natural.

-A posta en marcha dunha liña de adquisición ou permuta dos terreos ocupados polas fragas dentro dos terreos do parque natural.

-A creación de liñas de incentivación para a substitución das masas de eucaliptos situadas no interior do parque natural por outras formacións arbóreas autóctonas.

-A creación de liñas que fomenten a participación, directa ou indirecta, dos propietarios nos labores de conservación, xestión e creación das fragas.

3. Todo proxecto de obra, traballo e aproveitamento que non figure no plan rector ou nas súas revisións e que se considere necesario realizar deberá ser xustificado debidamente, tendo en conta as directrices daquel, e autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de informe favorable de xunta rectora.

Artigo 6º

1. Créase a xunta rectora do parque natural das Fragas do Eume, que colaborará coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes na xestión e administración do citado espacio natural, prestándolle a asistencia necesaria para o mellor cumprimento das súas funcións.

2. Esta xunta estará integrada polos seguintes membros:

Presidente:

Unha persoa de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito da conservación da natureza e coñecedor do territorio afectado polo parque. Será nomeado polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes por proposta do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Vicepresidente:

Un dos vocais representantes dos concellos do ámbito territorial do parque natural, elixido por eles mesmos.

Vocais:

-O director conservador do parque natural, ó que fai referencia o Art. 8º.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Un representante da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Secretaría Xeral para o Turismo.

-Un representante da Secretaría Xeral e do Patrimonio.

-O xefe del Servicio Provincial de Disciplina Ambiental da Coruña.

-Un representante da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Alimentarias.

-Un representante da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

-O delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

-O xefe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da Coruña.

-O xefe do Servicio Provincial de Montes e Industrias Forestais da Coruña.

-O xefe do Servicio Provincial de Defensa contra Incendios Forestais da Coruña.

-Un representante da Universidade da Coruña

-Un representante das asociacións que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia, elixido por elas mesmas, por un período máximo de 4 anos

-Unha persoa de recoñecida competencia no eido da conservación da natureza, designada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Un representante da Deputación Provincial da Coruña.

-Un representante do Concello de Cabanas.

-Un representante do Concello da Capela.

-Un representante do Concello de Monfero.

-Un representante do Concello de Pontedeume.

-Un representante do Concello das Pontes de García Rodríguez.

-Cinco representantes dos propietarios dos predios incluídos no territorio do parque natural

Secretario:

Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Delegación Provincial da Con

sellería de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Artigo 7º

Son funcións da xunta rectora, ademais doutras especificadas neste decreto:

a) Velar polo cumprimento das normas establecidas e propoñer posibles ampliacións do parque natural.

b) Propoñer normas e elevar propostas para a eficaz defensa dos valores e singularidades do parque natural e realizar cantas xestións considere beneficiosas para este.

c) Informar inicialmente o plan rector de uso e xestión e as súas revisións, velando polo seu cumprimento.

d) Informar inicialmente as memorias anuais de actividades e resultados, que o director - conservador do parque deberá elevar á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

e) Promover estudios, investigacións e actividades educativas e culturais, relacionadas co ámbito ordenado, así como fomenta-la súa divulgación.

f) Informar sobre calquera clase de traballos, obras ou aproveitamentos, programas de investimento e plans de investigación que se pretendan realizar, incluídos ou non no plan rector.

g) Velar pola adecuada participación dos propietarios de terreos e habitantes na xestión do espacio natural.

h) Propoñer á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a súa elevación ó Consello de Goberno, a celebración dos convenios e acordos que, para os fins do presente decreto considere necesario subscribir coa Administración do Estado ou outras administracións públicas e corporacións.

i) Administra-los fondos e as axudas que outorgue á xunta rectora calquera entidade ou particular.

j) Promover iniciativas de desenvolvemento socioeconómico, compatibles coa finalidade de conservación do parque natural.

k) Aproba-las súas normas de funcionamento.

Artigo 8º

A xestión e administración do parque natural corresponderá a un director - conservador designado polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Artigo 9º

Os concellos que estean total ou parcialmente incluídos dentro do parque natural terán preferencia para a obtención de axudas e subvencións relacio

nadas coa conservación do medio natural e que contribúan ó desenvolvemento sostible da poboación.

Artigo 10º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes instará á suspensión de toda actividade que non dispoña da autorización preceptiva, non se axuste ás condicións desta, ou incumpra as prescripcións do presente decreto.

Artigo 11º

A infracción do réxime de protección establecido para o parque ou a non observancia da normativa vixente serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, ou nas normas que, se é o caso, poidan substituíla, así como de acordo coas demais disposicións que a teor da natureza da infracción resulten aplicables, e das que se deriven dos plans de uso e xestión que se desenvolvan.

Disposicións adicionais

Primeira.-As actuacións urbanísticas derivadas da lexislación sectorial deberán axustarse ás limitacións establecidas no presente decreto.

Segunda.-Os proxectos de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia incluirán as correspondentes consignacións para atende-las actividades e obras de conservación e mellora, traballos de investigación, gastos xerais e cantas actuacións se deriven do presente decreto. En especial, artellaranse medidas para fomenta-la adquisición ou permuta dos terreos ocupados polas fragas, para a substitución das masas de eucaliptos situadas no interior do parque natural por outras formacións arbóreas autóctonas, e para o fomento de accións tendentes ó desenvolvemento sostible no marco do parque natural.

Disposicións transitorias

Primeira.-En canto non se aproben as normas de funcionamento da xunta rectora, será de aplicación o previsto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-As licencias concedidas antes da entrada en vigor deste decreto manterán a súa validez. Tódalas novas autorizacións que se pretendan conceder deberán de ter en conta as prescripcións deste decreto.

Terceira.-No prazo de seis meses a partir da publicación do presente decreto deberá quedar constituída a xunta rectora do parque natural.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería de Montes para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Peréz Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

6292