Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 1997 Páx. 9.078

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 242/1997, do 25 de agosto, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 15.000 metros cadrados situado na zona do Marco (Melide) feita a favor da Comunidade Autónoma para a construcción dun centro público de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Melide, reunido en sesión extraordinaria celebrada o día 1 de febreiro de 1995, acordou a cesión á Xunta de Galicia dun terreo de 15.000 m para a construcción dun centro público de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá Decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Melide acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 15.000 m situado na zona do Marco (Melide) que linda: norte, chousa de herdeiros de Antonio Ron; leste, de José Casal; sur, herdeiros de Manuel Segade; e oeste, herdeiros de Manuel Taboada.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 537, folio 77 do libro 91, predio nº 1.856 do Concello de Melide.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro público de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6901