Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 1998 Páx. 2.374

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 69/1998, do 26 de febreiro, polo que se regula a atención temperá a discapacitados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais atribúelle á Administración autonómica competencias para a regulación da atención temperá a discapacitados.

A política sanitaria do Goberno galego aconsella modificacións da asignación funcional dos servicios asistenciais. Unha delas é a relativa á atención temperá a discapacitados, que ata o momento vén sendo función da Dirección Xeral de Servicios Sociais e que por razóns organizativas e de mellora asistencial se considera conveniente que estean asignadas ó Servicio Galego de Saúde.

A atención temperá enténdese como unha asistencia integral e globalizadora, tanto para o neno que nace cunha discapacidade como para aqueles que posteriormente poidan chegar a padecela durante os primeiros meses ou anos da súa vida.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

É obxecto do presente decreto a ordenación da atención temperá na Comunidade Autónoma galega e a adscrición ó Servicio Galego de Saúde dos recursos destinados á dita prestación, que queda integrada neste.

Para estes efectos, entenderase por atención temperá o conxunto de medidas postas ó servicio do neno que presenta deficiencias ou desharmonías no seu desenvolvemento, nas áreas motoras, sensoriais e mentais ou risco de padecelas, así como ó servicio da súa familia e dos seus arredores, coa finalidade de garantir e potenciar ó máximo o desenvolvemento das capacidades físicas, psíquicas, sensoriais e sociais dese neno desde os primeiros momentos da súa vida.

Artigo 2º

As actuacións en materia de atención temperá da Comunidade Autónoma galega diríxense ós nenos entre 0 e 3 anos que presenten deficiencias no seu desenvolvemento ou que estean en situación de risco de padecelas. A atención poderase prorrogar ata os 6 anos, sempre que a valoración do equipo asistencial así o dictamine. Terá carácter preferente a atención ós nenos cun elevado grao de afectación.

Artigo 3º

1. Os servicios especializados en atención temperá realizarán as seguintes funcións:

a) Realiza-lo diagnóstico funcional, sindrómico e etiolóxico das deficiencias do desenvolvemento.

b) Levar a cabo a asistencia terapéutica interdisciplinaria ó neno e ó seu arredor nas unidades ou servicios de atención temperá.

c) Realiza-lo asesoramento e soporte ós pais ou titores nos aspectos que lles son propios.

2. Os servicios sociais, educativos e sanitarios colaborarán nas actividades destinadas á prevención e detección precoz de deficiencias do desenvolvemento infantil ou de situacións de risco de padecelas.

Artigo 4º

As unidades de atención temperá disporán de profesionais especializados no desenvolvemento infantil e que cubran as áreas bio-psico-social e disporán de persoal de soporte administrativo suficiente, en función do número de nenos que se vaian atender.

Artigo 5º

As unidades responsables das prestacións da atención temperá, efectuaranlles propostas á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e ó Servicio Galego de Saúde para a planificación, programación e ordenación das actividades propias e efectuarán o seguimento e a avaliación dos recursos humanos, técnicos e materiais dispoñibles, tanto públicos como os privados concertados, destinados á atención destes nenos.

Artigo 6º

A Consellería de Sanidade e Servicios Socias ordenará e coordinará nesta materia tódalas actuacións que se realicen no seu ámbito específico, co fin de beneficia-los usuarios dos servicios de atención temperá e facilitará a información e o soporte necesario para optimiza-los recursos existentes e prestar unha atención integral.

Disposicións transitorias

Primeira.-Dado que a asunción de competencias en materia de atención temperá terá lugar de forma progresiva nas diferentes áreas sanitarias, con suxeición ós recursos orzamentarios dispoñibles, naquelas onde esta atención veña sendo proporcionada pola Dirección Xeral de Servicios Sociais ou por servicios concertados por esta, continuarán facéndoo, entretanto non se poñan en funcionamento as novas unidades.

Segunda.-As funcións, o persoal e os medios materiais dependentes da Dirección Xeral de Servicios Sociais que actualmente están destinados a desenvolver funcións asistenciais en atención temperá, quedarán adscritos ás novas unidades de atención temperá, cando estas se poñan en funcionamento,

procedendo á adecuación das correspondentes relacións de postos de traballo.

Disposición adicional

Facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais