Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 05 de xuño de 1998 Páx. 6.204

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade contén, unha remisión normativa, tanto xeral (disposición adicional primeira) como concreta en determinadas materias, para o seu desenvolvemento regulamentario, que constitúe a fundamentación legal e determina a necesidade do presente decreto, no que se integran os principios e mandatos da dita Lei 1/1993, coas diferentes disposicións comunitarias e estatais de aplicación nesta materia, como son a Lei do 20 de decembro de 1952, de epizootias e o R.D. 1041/1997, do 27 de xuño, polo que se establecen as normas relativas á protección de animais durante o transporte, que traspón a lexislación española a Directiva 95/29/CE, do Consello, do 29 de xuño.

Así, no presente decreto, dictado no exercicio das competencias recoñecidas a esta Comunidade Autónoma de Galicia nos artigos 27.30, 30.1 e 33.1 do seu Estatuto de autonomía, créanse o Consello de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes na Catividade e o Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, e regúlanse o Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais, o procedemento de declaración de entidades colaboradoras, as obrigas dos posuidores destes animais, as condicións do seu transporte, os condicionantes que afectan ós animais domésticos de compañía, a recolla dos animais abandonados, os concursos e exposicións e os controis sanitarios sobre estes animais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento e regulación das medidas e accións recollidas na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

Artigo 2º

As disposicións contidas no presente decreto non serán de aplicación nos animais obxecto dunha regulación específica, sen prexuízo da protección e coidados xerais previstos na Lei 1/1993, do 13 de abril.

Artigo 3º

Para os efectos do establecido no presente decreto, entenderase por:

-Animais domésticos: os que pertenzan a especies que habitualmente se críen, reproduzan e convivan co home.

-Animais de compañía: os animais domésticos das especies canina e felina, así como os doutras especies que se críen, xeralmente no propio fogar, con obxecto de obte-la súa compañía (subespecie de animal doméstico).

-Animais salvaxes en catividade: os que, sendo libres pola súa condición, sexan obxecto de captura no seu medio natural, manténdose nun grao absoluto e permanente de dominación.

-Animal abandonado: o que circula libremente aínda que estea provisto de identificación oficial, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non é reclamado por alguén que acredite a súa propiedade.

-Establecemento: calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, incluíndo anexos e espacios que non estean totalmente cerrados ou cubertos, así como instalacións móbiles, onde se aloxen, manteñan ou críen animais.

-Núcleos zoolóxicos: son aqueles establecementos que albergan coleccións zoolóxicas de animais con fins científicos, culturais, recreativos ou para a súa reproducción, recuperación, adaptación ou conservación.

-Establecementos para a práctica da equitación: os que albergan équidos con fins recreativos, deportivos ou turísticos.

-Centros para o fomento e coidado de animais de compañía: son os establecementos que teñen por obxecto a reproducción, explotación, tratamento hixiénico, aloxamento temporal ou permanente e venda ou ambos de animais de compañía.

Centros de recolla de animais abandonados: son os establecementos que teñen por obxecto a recolla de animais abandonados, facilitándolles no tempo e forma que marque a normativa vixente aloxamento, alimentación, coidados e os tratamentos hixiénico-sanitarios correspondentes.

-Establecementos veterinarios: aqueles onde se realizan habitualmente calquera tipo de tratamentos cirúrxicos, terapéuticos e a hospitalización de animais, baixo a responsabilidade dun veterinario.

Capítulo II

Do Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade

Artigo 4º

Créase o Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en catividade como órga

no consultivo e de estudio da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

Artigo 5º

Son funcións do Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade as seguintes:

1. Emitir informes nos casos ós que faga referencia a lexislación vixente en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, cando se trate de competencias atribuídas á Xunta de Galicia ou esta as exerza por delegación.

2. Elaborar informes e dictames cando sexan solicitados por parte dos distintos órganos da Administración autonómica que teñan competencias sobre a protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

3. Promover e realizar estudios de planificación e coordinación na materia.

Artigo 6º

O Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade comporase dos seguintes órganos: Pleno, Comisión, Permanente e Relatorios Técnicos.

Artigo 7º

1. Os membros que compón o Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade serán os seguintes:

-O presidente, que será o titular da consellería competente nesta materia.

-O vicepresidente, que será o director xeral competente nesta materia.

-Nove vocais en representación dos diferentes sectores e na proporción que se establece no número 2 do presente artigo.

-O secretario, que será un funcionario cualificado da consellería competente nesta materia nomeado polo presidente.

2. Os vocais membros do Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade representarán, na proporción que se sinala, os seguintes sectores:

-Dous representantes da Consellería competente nesta materia e un polas Consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Dous representantes das asociacións protectoras de animais de Galicia.

-Un representante das asociacións ecoloxistas galegas.

-Un representante da organización colexial veterinaria galega.

Artigo 8º

Compoñerán a Comisión Permanente do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade:

-O presidente, que poderá delegar tal condición no vicepresidente, o secretario do Pleno e dous vocais elixidos polo Pleno; un entre os representantes da Administración autonómica e outro elixido entre o resto dos vocais.

Artigo 9º

A composición dos relatorios técnicos dependerá do que, en cada caso e en función do traballo que se realice, estableza o Pleno ou a Comisión Permanente.

Artigo 10º

Correspóndelle ó Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade:

a) Emitir dictames sobre aquelas cuestións que, en materia de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade lle sexan sometidas por parte da consellería competente nesta materia.

b) Emitir dictames sobre aqueles expedientes que, pola súa importancia, o presidente ou o vicepresidente así o consideren conveniente.

Artigo 11º

Corresponde á Comisión Permanente:

a) Emitir informes, con carácter previo, sobre os asuntos que se sometan ó Pleno.

b) Emitir informes sobre as disposicións de carácter xeral que afecten a esta materia.

Artigo 12º

Será función dos relatorios técnicos o estudio e preparación dos asuntos que lles encargue o Pleno ou a Comisión Permanente.

Artigo 13º

Corresponden ó presidente, vicepresidente e secretario do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade as seguintes funcións:

a) Ó presidente:

-Asumi-la representación do Consello.

-Presidi-las sesións do Pleno e da Comisión Permanente, visando as actas que redacte o secretario.

-Dirixi-las deliberacións e dirimi-los empates co seu voto de calidade.

-Velar pola tramitación dos asuntos do Consello.

-Dicta-las instruccións que sexan precisas para o mellor cumprimento dos fins do Consello.

b) Ó vicepresidente:

-Substituí-lo presidente con plenitude de facultades e deberes nos casos de vacante, ausencia, enfermidade e actuar con tódalas funcións que lle delegue o presidente.

c) Ó secretario:

-Redacta-las propostas de dictame que vaia remitir ó Pleno a Comisión Permanente.

-Organiza-la Secretaría do Consello.

-Comunica-los acordos do Pleno ou da Comisión Permanente ós organismos que preceptivamente deban ser informados, así como ó impulso de tódolos trámites que deban ser realizados.

-Actuar de secretario da Comisión, con voz pero sen voto.

-Redacta-la orde do día e cursala, despois do visto e prace e aprobación do presidente.

-Actuar como asesor tanto no Pleno como na Comisión Permanente, con voz pero sen voto.

-Redacta-las actas do Pleno e da Comisión Permanente, ser depositario e expedir certificacións sobre elas.

Artigo 14º

O Pleno do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade reunirase cando o acorde o seu presidente ou o solicite a maioría do seus membros e, como mínimo, dúas veces ó ano.

A Comisión Permanente reunirase cando o acorden o presidente ou o vicepresidente e, como mínimo, con carácter previo, tantas veces como se reúna o Pleno.

O funcionamento do Pleno e da Comisión Permanente axustarase, no establecido no presente decreto, ás normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º

Os órganos, institucións ou organizacións que designan os representantes que forman parte do Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade poderán, así mesmo, designar membros suplentes daqueles, que os substituirán para asistiren ás reunións, con plenitude de facultades, despois de acreditaren tal condición.

Capítulo III

Das asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade

Artigo 16º

1. De acordo co disposto no artigo 13.2º da Lei 1/1993, do 13 de abril, de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, o Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa

dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia configúrase como instrumento que permite o seguimento, censo, protección e supervisión das actividades das citadas asociacións.

2. Son requisitos para a inclusión no rexistro:

a) Estar legalmente constituída.

b) Ter carácter altruísta sen fins de lucro.

c) Ter por obxecto fundamental a defensa e protección dos animais no medio en que viven.

3. Os representantes das asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade que reúnan os requisitos do apartado 2 do presente artigo, poderán solicita-la súa inscrición no rexistro ó que se refire este artigo.

4. As solicitudes presentaranse nas correspondentes delegacións provinciais da consellería competente nesta materia ou, se é o caso, en calquera dos rexistros, institucións ou oficinas de correo ás que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º

A dirección xeral competente nesta materia, sempre que as asociacións cumpran os requisitos previstos no artigo 16.2º do presente decreto e logo de informe favorable dos servicios provinciais correspondentes, procederá á súa inscrición no Rexistro de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade.

Artigo 18º

1. O rexistro constará dunha soa sección na que figurarán, entre outros, os seguintes datos:

a) Código de identificación da asociación no rexistro.

b) Denominación e identificación fiscal da asociación.

c) Domicilio social e enderezo para efectos de notificacións.

d) Ámbito territorial.

e) Fins.

f) Órganos de goberno.

g) Estatutos dos socios.

2. Calquera cambio ou modificación dos datos que figuren inscritos no rexistro deberán presentarse nel no prazo de tres meses desde a modificación, cos documentos acreditativos correspondentes. O encargado do rexistro procederá á modificación rexistral que proceda, unha vez autorizada.

Artigo 19º

1. A publicidade do contido do rexistro realizarase pola manifestación do libro e documentos de arquivo. O solicitante deberá acredita-la súa personalidade

e expoñe-los asuntos que pretenda examinar ou dos que solicita certificación.

2. As certificacións expedidas darán fe do contido dos asentos do rexistro.

Artigo 20º

Producirase a cancelación da inscrición no rexistro nos seguintes supostos:

-Por petición da propia asociación.

-De oficio, se unha vez concluído o prazo para adecua-la actividade ás disposicións establecidas no presente decreto non se tivese realizado a oportuna adecuación.

-A disolución da asociación.

-Cando adquira fins de lucro ou se modifiquen os obxectivos de defensa de protección dos animais.

-O incumprimento das obrigas establecidas no presente decreto, para o expediente tramitado para o efecto con audiencia da parte interesada.

Artigo 21º

As asociacións inscritas no rexistro ó que alude o artigo 16º.1 deste decreto poderán ser declaradas entidades colaboradoras pola consellería competente nesta materia de acordo co establecido no artigo 13.2º da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter como unha das súas principais actividades a recolla e aloxamento de animais abandonados.

b) Ter inscrito o centro de recolla de animais abandonados dentro do rexistro previsto no artigo 33 deste decreto. Para o caso no que a asociación non sexa a titular da instalación, acreditarán a existencia dun convenio de colaboración co concello respectivo para a xestión daquelas.

c) Vir desenvolvendo as súas actividades de protección e defensa dos animais durante, polo menos, os dous anos anteriores á súa declaración.

Artigo 22º

1. A solicitude para obte-la declaración de entidade colaboradora deberá formularse por instancia da parte interesada e irá xunto coa seguinte documentación:

* Documento acreditativo da inscrición no Rexistro de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade.

* Certificación acreditativa de ter inscritos os establecementos de que dispoñan, segundo o previsto no artigo 33º deste decreto.

* Relación pormenorizada de medios materiais e humanos de que dispoña a asociación.

* Memoria explicativa das actividades e servicios realizados durante os dous últimos anos.

* Orzamento da asociación para o ano de presentación da solicitude.

2. Por razóns de eficacia na tramitación, para o caso de que a asociación peticionaria de inscrición reúna, ó tempo de solicitar ser inscrita no rexistro do artigo 16º.1 deste decreto, os requisitos para ser declarada entidade colaboradora, poderá, ó mesmo tempo, solicita-la declaración de entidade colaboradora, sen prexuízo da resolución que para cada caso corresponda.

Artigo 23º

1. A declaración como entidade colaboradora efectuarase mediante resolución do director xeral competente nesta materia para cada asociación que acredite a concorrencia dos requisitos esixidos polo artigo 21º deste decreto.

2. A falta de resolución expresa no prazo de tres meses terá efectos desestimatorios. En calquera caso a resolución administrativa denegatoria da declaración como entidade colaboradora poderá ser impugnada de acordo cos medios que para tales efectos se determinen na legalidade vixente.

3. A asociación perderá a súa condición de entidade colaboradora:

* Por revogación acordada pola autoridade competente para concedela, nos casos de incumprimento sobrevido das condicións polas que se outorgou.

* Por disolución da asociación.

* Por fusión.

Artigo 24º

As asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade declaradas entidades colaboradoras poderán, nos termos e cos requisitos que se establezan nas normas reguladoras para a súa concesión, acceder ás subvencións e axudas que para tales fins estableza a consellería competente nesta materia, mediante orde.

Capítulo IV

Das obrigas dos posuidores

Artigo 25º

Os posuidores de animais ós que se refire o presente decreto estarán obrigados en todo momento a:

a) Mantelo en boas condicións hixiénico-sanitarias e realizar calquera tratamento preventivo que se declarara obrigatorio, ou que sexa necesario para o seu benestar ou a protección da saúde pública.

b) Proporcionarlle a alimentación, a auga e os coidados que estean en consonancia coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas do animal.

c) Facilitarlle un aloxamento que deberá proporcionarlle un ambiente adecuado, cómodo e hixiénico.

d) Non maltratalo nin sometelo a práctica ningunha que lle poida producir sufrimento ou danos inxustificados.

e) Non subministrarlle substancias que poidan causarlle sufrimento ou danos innecesarios, nin aquelas que se utilicen para modifica-lo comportamento do animal coa finalidade de aumenta-lo seu rendemento, salvo que se efectúe por prescrición facultativa.

f) Non abandonalo.

g) Adopta-las medidas necesarias para que o animal non poida acceder libremente ás vías e espacios públicos ou privados, así como impedi-lo seu libre acceso a persoas, animais ou cousas que se atopen neles.

h) A adopta-las medidas necesarias para impedir que ensucien as vías e espacios públicos de zonas urbanas, debendo recolle-los excrementos que os animais depositen nas beirarrúas, vías e espacios públicos, fóra dos lugares coutados para o efecto.

i) Os posuidores de animais que se encontren en liberdade en predios ou recintos deberán dispo-los medios adecuados para evitar que poidan ocasionar danos ou molestias ós viandantes. Así mesmo, procurarán que a circulación e transporte dos animais pola vía pública se leve a cabo coas adecuadas medidas de protección.

Artigo 26º

1. Os posuidores de animais que pertenzan a especies recollidas no Regulamento 3626/82/CEE do Consello, do 3 de decembro de 1982, relativo á aplicación da comunidade do convenio sobre comercio internacional de especies ameazadas da fauna e flora silvestres (no sucesivo denominado CITES), teñen a obrigación de censa-los mesmos no rexistro que para tal fin se constituirá nas delegacións provinciais da consellería competente nesta materia, no prazo máximo de tres meses contado a partir da data de nacemento, ou dun mes contado a partir da data de adquisición.

Se no momento de adquiri-lo animal, este estivera xa censado polo anterior propietario, o novo posuídor deberá comunicar, no prazo máximo dun mes desde a súa adquisición, o cambio de titularidade do animal. Igualmente deberán comunica-las baixas e o motivo que as produciu.

2. Así mesmo, os animais que pertenzan a algunha das especies recollidas no CITES deberán posuí-lo seu correspondente pasaporte ou cartilla sanitaria.

3. O censo ó que alude o apartado 1, así como a obtención da documentación á que fai referencia o apartado 2, poderase realizar a través de veterinarios colaboradores, de acordo co que dispoña a dirección xeral competente nesta materia.

4. Os posuidores de animais silvestres autóctonos están obrigados a solicitar autorización administrativa para a súa tenza, que deberá estar xustificada, en todo caso, de acordo co establecido pola Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

Artigo 27º

1. Tódolos animais da especie canina, así como aqueles doutras especies que no futuro determine a consellería competente nesta materia, deberán estar censados a nivel municipal ben directamente ou a través de veterinarios colaboradores. Cos censos municipais confeccionarase e actualizarase, polo menos unha vez ó ano, o censo provincial ó que se refire artigo 7 da Lei 1/1993. Así mesmo, os animais deberán posuí-lo seu correspondente pasaporte ou cartilla sanitaria.

2. Este censo conterá, polo menos, os seguintes datos:

a) Identificación do animal.

b) Identificación do propietario, posuidor ou persoa que asuma a responsabilidade.

c) Domicilio do posuídor.

3. No caso dos cans, a cartilla sanitaria será a expedida polo veterinario colaborador que censou e identificou o animal. Sobre ela anotaranse as sucesivas vacinacións e tratamentos obrigatorios que este reciba.

Artigo 28º

O posuidor dun animal, sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria do propietario, será responsable dos danos, prexuízos e molestias que ocasione ás persoas, animais, cousas, espacios públicos e ó medio natural en xeral, de acordo co establecido no artigo 1905 do Código Civil.

Artigo 29º

As canceiras, cortes, cortellos e demais aloxamentos para acoller animais deberán:

a) Ser estancos con respecto ó medio exterior.

b) Dispor dunhas adecuadas condicións de ventilación e iluminación.

c) Reuni-las condicións hixiénicas establecidas para o tipo de instalacións de que se trate.

d) Ter unhas dimensións apropiadas que permitan a estadía cómoda do animal.

e) Dispor de cerramentos ou outros mecanismos que, sen producírenlles danos ou molestias físicas, eviten as fugas.

f) Dispor dun espacio apropiado para o exercicio dos animais.

g) Dispor de subministración de auga potable, dun sistema de auga a presión para a limpeza e dun sistema de evacuación das augas residuais.

Artigo 30º

En virtude do disposto nos artigos 7º, 8º e 10º da Lei 1/1993, queda prohibido:

a) Maltratar ou agredir fisicamente os animais ou sometelos a calquera outra práctica que lles supoña sufrimentos ou danos inxustificados.

b) Abandonalos.

c) O uso de toda sorte de mecanismos que, destinados a limitar ou impedi-la mobilidade dos animais, lles produzan a estes danos ou sufrimentos innecesarios, en especial os que lles impidan mante-la cabeza na posición natural.

d) Desatende-la súa alimentación ou reducila a un nivel de simple subsistencia que poida implicar riscos para a saúde do animal ou que resulte inadecuada para as súas características fisiolóxicas.

e) Mantelos en condicións inadecuadas desde o punto de vista hixiénico-sanitario ou desatende-la práctica do coidado e atención necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas segundo raza e especie.

f) Obrigalos a traballar ou a producir en caso de enfermidade, desnutrición así como cando exista o risco dunha sobreexplotación que poña en perigo a súa saúde.

g) Subministrarlles substancias non permitidas coa finalidade de aumenta-lo seu rendemento ou producción.

h) Practicarlles mutilacións ós animais, excepto as supervisadas por un facultativo competente en caso de necesidade ou para conseguila presentación habitual da raza.

i) Venderllos ou cederllos a laboratorios, clínicas e particulares co obxecto de seren utilizados en experimentación, sen a correspondente autorización.

l) Venderllos ós menores de 16 anos e ós incapacitados, sen a autorización daqueles que teñan a potestade paterna ou custodia.

m) Exerce-la venda ambulante de animais sen a correspondente autorización municipal, ou fóra dos lugares ou mercados indicados para isto.

n) O sacrificio non eutanásico dos animais de compañía.

ñ) A celebración de certames, concursos, exposicións ou concentracións de animais sen a autorización previa da consellería competente nesta materia.

o) A posesión, exhibición, compravenda, cesión, circulación, doazón ou calquera outra forma de transmisión de especies protexidas pola normativa vixente, incluídos os convenios internacionais, sen as correspondentes autorizacións expedidas polas autoridades competentes.

p) A tenza de animais perigosos para o home sen dispor de recintos apropiados e a súa circulación en espacios públicos ou en locais abertos ó público sen as debidas garantías de seguridade.

q) Calquera outra acción ou omisión tipificada como infracción polos artigos 20, 21 e 22 da Lei 1/1993.

Artigo 31º

Con carácter específico, prohíbese tamén:

A utilización de animais en pelexas, festas, espectáculos e outras actividades que leven consigo maltrato, crueldade ou sufrimento dos animais, coas únicás excepcións recollidas no artigo 5 da Lei 1/1993.

b) A filmación ou realización de escenas para cine, televisión ou calquera outro medio audiovisual, que recolla escenas de crueldade, maltrato ou sufrimento de animais, salvo autorización expresa da consellería competente nesta materia, que verificará que o dano aparente causado ós animais sexa, en todo caso, simulado.

c) Queda prohibida expresamente a utilización ambulante de animais como reclamo publicitario, así como a utilización de calquera tipo de productos ou substancias farmacolóxicas para modifica-lo comportamento natural dos animais que se utilizan para o traballo fotográfico ou publicitario.

Artigo 32º

1. Os concellos, no marco das súas atribucións e logo de incoación do correspondente expediente sancionador, poderán proceder, como medida provisional, a confiscar e ordena-lo illamento dos animais domésticos ou salvaxes en catividade ante a evidencia de malos tratos, tortura, agresión física, desnutrición, así como cando se manifestaran síntomas de comportamento agresivo e perigoso para as persoas, ou os que perturben de forma reiterada a tranquilidade e descanso dos veciños.

2. Os servicios veterinarios oficiais da consellería competente nesta materia, por si mesmos ou en colaboración coas entidades citadas no punto anterior poderán, así mesmo, confiscar e ordena-lo illamento dos animais domésticos ou salvaxes en catividade ante a sospeita ou evidencia de que padezan enfermidades que poidan supor un risco para a saúde pública e/ou a sanidade animal, de acordo coa normativa vixente.

3. Se o depósito prolongado de animais da fauna autóctona procedentes de confiscación fora perigoso para a súa supervivencia e houbera que liberalos inmediatamente, esta acción será realizada polos servicios correspondentes da consellería competente nesta materia nos lugares adecuados.

Capítulo V

Dos establecementos

Artigo 33º

1. Créase o Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, dependente da dirección xeral competente e que se abrirá nas catro delegacións provinciais da consellería competente nesta materia.

2. Será obrigatoria a inscrición no rexistro dos centros e establecementos nalgunha das seguintes seccións:

a) Núcleos zoolóxicos. Quedan incluídos neste apartado: zoosafaris, parques ou xardíns zoolóxicos,

zoos de circos establecidos en Galicia, reservas zoóloxicas, centros de recuperación da fauna, coleccións zoóloxicas privadas e todo tipo de agrupacións zoóloxicas.

b) Establecementos para a práctica da equitación. Quedan incluídos neste apartado os picadeiros, cortes deportivas, cortes de aluguer e todo tipo de establecementos dedicados á práctica ecuestre.

c) Establecementos veterinarios.

d) Centros de recolla de animais abandonados.

e) Centros e establecementos dedicados ó fomento, cría e coidados de animais de compañía. Quedan expresamente incluídos neste apartado: tendas de animais, centros de cría, residencias e albergues, centros de importación de animais, escolas de adestramento, canceiras deportivas, centros para o acicalamento de animais e todo tipo de establecementos dedicados ó fomento e coidado de animais de compañía. Os particulares que realicen periodicamente venda de crías de animais consideraranse, para efectos de rexistro, como titulares de centros de cría, estando obrigados a súa inscrición nel.

Artigo 34º

1. Non será necesario o rexistro ó que alude o artigo 33º para a tenza de animais autóctonos ou exóticos, legalmente adquiridos, cando o seu uso sexa exclusivamente familiar.

2. Non obstante, cando a tenza por un particular de animais salvaxes de varias especies zoolóxicas que polas súas características ou súa cantidade poida comportar un risco sanitario a xuízo dos servicios veterinarios oficiais, considerarase como unha colección zoolóxica privada, debendo rexistrarse neste apartado.

Artigo 35º

Previamente á instalación e posta en funcionamento de calquera tipo de establecemento ós que se refire o artigo 33º, con excepción dos núcleos zoolóxicos dependentes da consellería competente nesta materia, esixirase a autorización zoosanitaria e rexistro correspondente, que outorgará a dirección xeral competente.

Artigo 36º

1. Os establecementos ós que se refire o artigo 33º deberán reunir, como mínimo, para seren autorizados e rexistrados, os seguintes requisitos zoosanitarios:

a) Localización apropiada, co illamento adecuado, que evite o posible contaxio de enfermidades ou de animais estraños ó establecemento.

b) Construccións, instalacións e equipamentos que proporcionen un ambiente hixiénico, protexan de posibles riscos os animais e faciliten a aplicación de medidas zoosanitarias.

c) Subministración de auga potable.

d) Sistema para a eliminación de esterco, xurro e augas residuais, de forma que non entrañen perigo de contaxio para outros animais nin para o home.

e) Recintos, locais ou gaiolas de fácil lavado e desinfección para o illamento, secuestro e observación dos animais enfermos ou sospeitosos de enfermidade.

f) Medios apropiados para a limpeza e a desinfección dos locais, material e utensilios en contacto cos animais e, se é o caso, dos vehículos utilizados no transporte seu, cando este se precise.

g) Medios apropiados para a destrucción ou eliminación hixiénica de cadáveres animais e materias contumaces.

h) Programa definido de hixiene e profilaxe para os animais albergados, proposto por un facultativo veterinario.

i) Programa de manexo adecuado para que os animais se manteñan en bo estado de saúde, supervisado por un facultativo veterinario.

2. Os establecementos veterinarios e aqueles outros onde se realicen coidados ou aloxamento de animais disporán de locais de espera apropiados, co fin de que en ningún caso os animais permanezan na vía pública, escaleiras ou espacios comúns de inmobles, antes da súa entrada nos citados establecementos.

3. Así mesmo, os establecementos dedicados ó lavado e acicalamento dos animais, ademais das normas xerais establecidas neste decreto, deberán:

a) Dispor de auga quente á temperatura adecuada para ó lavado dos animais.

b) Dispor dun sistema de secado apropiado e, se é o caso, cos dispositivos necesarios que eviten o risco de producir queimaduras ó animal.

c) Dispor nas mesas de traballo, se é o caso, de sistemas de suxeición apropiados que eviten o risco de estrangulamento dos animais no caso de que estes intentaren saltar ó chan.

Artigo 37º

1. Para inscribirse no rexistro ó que se refire o artigo 33º, as persoas físicas ou xurídicas interesadas presentarán na delegación da consellería competente nesta materia correspondente, solicitude dirixida ó director xeral competente, incluíndo:

-Nome ou razón social.

-Proxecto que conteña memoria descritiva e planos ou bosquexos da localización, situación e distribución das construccións, instalacións, locais e dependencias e os seus accesos.

-Informe técnico-zoosanitario, con referencia ás esixencias que se detallan no artigo 36, subscrito por un veterinario.

2. Para a tramitación do correspondente expediente de autorización será preceptivo o dictame favorable previo do órgano ambiental competente a nivel provincial.

Artigo 38º

Á vista do expediente e do informe do servicio provincial correspondente, a dirección xeral competente procederá á autorización e clasificación do establecemento correspondente.

Artigo 39º

Unha vez disposto o establecemento, como se sinala no artigo anterior, para a iniciación das súas actividades, comunicarallo á dirección xeral competente para proceder á súa autorización. Posteriormente, os servicios veterinarios oficiais realizarán unha visita de comprobación, e, se esta é conforme, procederase á inscrición no rexistro oficial, ó que se refire o artigo 33º, así como á expedición do certificado correspondente á dita inscrición.

En caso contrario comunicaranse as deficiencias observadas para que sexan reparadas, extremo que se comprobará cunha nova inspección.

Artigo 40º

Tódolos establecementos ós que se refire o artigo 33º, unha vez rexistrados, quedan obrigados a comunicarlle á dirección xeral competente, a través das delegacións provinciais da consellería competente nesta materia, os cambios de titularidade e aquelas modificacións que supoñan ampliación ou traslado das instalacións, así como as que afecten ó contexto hixiénico-sanitario ou ó hábitat dos animais.

Artigo 41º

Sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións de carácter sanitario, os establecementos ós que se refire o artigo 33º deberán:

a) Proceder, sempre que sexa necesaria e, en todo caso, semestralmente, a unha desinfección, desinsectación e desratización a fondo dos locais e material en contacto cos animais.

b) Subministrar á dirección xeral competente canta información de carácter zoosanitario lle sexa solicitada.

Artigo 42º

As carnes e sobras empregados na alimentación animal deberán estar debidamente tratados e proceder de centros autorizados para o sacrificio e faenado dos animais e comercialización dos seus productos. O aproveitamento de cadáveres para tal fin só será permitido cando a morte se debera a un accidente fortuíto e un veterinario oficial ou colaborador, despois de efectuada a inspección procedente, expida a correspondente certificación.

Artigo 43º

1. Tódolos establecementos a que fai referencia o artigo 33º onde se aloxen temporal ou definitivamente animais, estarán obrigados a levar un libro oficial de rexistro onde se especifiquen para cada animal, polo menos, os seguintes datos:

Data de inscrición.

Procedencia.

Especie, raza e, se é o caso, identificación individual.

Data de baixa.

Destino.

2. A identificación no libro de rexistro das especies que pola súa medida ou vía de comercialización se compren por lotes, farase por cada lote ou partida da mesma especie que entrase na mesma data.

3. Ademais dos datos especificados no apartado primeiro deste artigo, os libros dos establecementos que se relacionan a continuación conterán ademais os seguintes datos:

-Centros de recolla de animais abandonados:

a) Identificación completa e domicilio dos novos posuidores dos animais cedidos en adopción.

b) Destino ulterior dos cadáveres dos animais mortos e/ou sacrificados co visto e prace dun veterinario.

-Establecementos dedicados á cría ou venda de animais de compañía:

a) Identificación completa e domicilio dos novos posuidores dos animais vendidos.

b) Destino dos cadáveres dos animais mortos por diversas causas durante a súa permanencia no establecemento, con especificación da posible causa da morte subscrita por un veterinario.

-Centros de fomento e coidado de animais de compañía que funcionen como albergues, residencias, escolas de adestramento ou outro tipo de instalacións onde se acollan temporalmente animais domésticos:

a) Datos completo de identificación do posuidor ou depositario dos animais.

b) Descrición completa de cada animal e, se é o caso, identificación individual.

c) Copia do pasaporte ou cartilla sanitaria e, se é o caso, ou ben unha certificación do estado sanitario do animal no momento do ingreso.

4. O libro de rexistro conservarase polo menos durante tres anos, contados desde a última inscrición practicada nel. No suposto de peche do establecemento, este libro deberalle ser entregado en depósito á consellería competente nesta materia.

5. Este libro de rexistro estará sempre á disposición dos servicios veterinarios oficiais, así como das autoridades competentes.

6. Os libros de rexistro deberán presentarse previamente nas delegacións da consellería competente nesta materia para a súa dilixencia de apertura e selado.

Artigo 44º

Os establecementos ós que se refire o artigo 33º confeccionaranse e remitiranse anualmente ó servicio correspondente, sen prexuízo do establecido para as enfermidades de declaración e notificación obrigatoria, un parte de incidencias sanitarias, no que se farán consta-las enfermidades detectadas e

os tratamentos preventivos e curativos realizados, asinado por un veterinario que se responsabilice da saúde e hixiene dos animais, certificando, así mesmo, o cumprimento, por parte do establecemento, das condicións e requisitos que sinala este decreto. Excepcionalmente poderanse solicitar partes de periodicidade mensual, cando, a xuízo da dirección xeral competente, a situación epizootiolóxica así o aconselle.

Artigo 45º

Os establecementos autorizados para a venda de animais de compañía están obrigados a entregarlles ós compradores animais libres de toda enfermidade e coas vacinacións, desparasitacións e tratamentos preceptivos, segundo a especie de que se trate, extremo que se acreditará mediante o pasaporte ou cartilla sanitaria, se é o caso, o ben por certificación expedida polo veterinario responsable do establecemento.

Capítulo VI

Sobre o transporte

Artigo 46º

1. Prohíbese o transporte de animais se estes non se encontran en condicións de realiza-lo traxecto previsto e si non se adoptaron as disposicións oportunas para o seu coidado durante o transporte e á chegada ó lugar de destino. Os animais enfermos e feridos non se considerarán aptos para o transporte. Quedarán exceptuados:

a) Os animais levemente feridos ou enfermos cando o transporte non sexa causa de sufrimentos innecesarios.

b) Os animais transportados con obxecto de someterse á atención e tratamento veterinarios ou a un sacrificio de urxencia.

2. Calquera animal que se fira ou enferme durante o transporte recibirá os primeiros auxilios o antes posible. Se procede, será sometido ó tratamento veterinario adecuado e, en caso necesario, sacrificado urxentemente de forma que se lle eviten sufrimentos innecesarios.

Artigo 47º

O transporte de animais domésticos e salvaxes en catividade realizarase coas debidas condicións hixiénicas e sanitarias, debendo respectarse en todo caso as condicións específicas previstas na normativa vixente sobre protección dos animais durante o transporte.

Capítulo VII

Dos animais domésticos de compañía

Artigo 48º

A tenza de animais domésticos de compañía en vivendas urbanas queda condicionada ás circunstancias hixiénicas óptimas do aloxamento, á ausencia de riscos no aspecto sanitario e á inexistencia de molestias para os veciños.

Artigo 49º

1. A entrada e permanencia de animais domésticos, especialmente da especie canina, en toda clase de locais destinados á fabricación, venda, almacenamento, transporte ou manipulación de alimentos queda expresamente prohibida, coa excepción dos cans de cego.

2. Queda expresamente prohibida a entrada de animais domésticos de compañía en locais destinados a espectáculos públicos, deportivos e culturais, agás os cans de cego.

3. Os concellos facilitarán os medios e espacios adecuados para que os animais poidan realiza-las súas funcións fisiolóxicas nas debidas condicións hixiénicas.

4. As autoridades municipais limitarán ou prohibirán, se é o caso, as zoas e horas en que poidan circular ou permanece-los cans e outros animais sobre os parques, praias e outros espacios públicos, especialmente os frecuentados por nenos, do seus respectivos termos municipais. Prohíbese expresamente a presencia de animais nas piscinas públicas durante a temporada de baños.

5.- Os animais ceibos en vivendas con acceso á vía pública deberán estar cercados de maneira que non poidan alteren ou asusta-los viandantes.

Artigo 50º

Nas vías públicas, os cans irán provistos de buceira, cadea ou correa e colar con identificación do propietario.

Artigo 51º

As persoas que fosen agredidas por un animal darán conta disto ás autoridades sanitarias. Os propietarios ou posuidores de animais agresores están obrigados a facilita-los datos correspondentes do animal agresor tanto á persoa agredida como ós seus representantes legais e ás autoridades competentes que o soliciten. Así mesmo, calquera persoa que advirta un risco posible para a saúde poderá dar conta disto ás autoridades sanitarias é, en todo caso, é obrigación dos sanitarios ou os centros que atendan os agredidos efectuaren a correspondente denuncia.

Artigo 52º

1. Os animais que agrediran unha persoa e que, a xuízo dos servicios veterinarios oficiais poidan ser sospeitosos de transmitir enfermidade infecto-contaxiosa, serán retidos polos servicios municipais, coa colaboración, se é o caso, das asociacións colaboradoras de protección e defensa dos animais, e manteranse en observación veterinaria durante catorce días.

2. Esta retención e observación poderá levarse a cabo no propio domicilio ou outra instalación do posuidor do animal.

3. Os gastos ocasionados pola retención e vixilancia dos animais serán por conta do propietario do animal.

Capítulo VIII

Sobre a recolla de animais abandonados

Artigo 53º

1. Unha vez recollido, segundo as condicións que prevé este decreto, un animal presuntamente abandonado, a Administración competente ou asociación colaboradora reterao co obxecto de localiza-lo seu dono, durante un prazo de 20 días, antes de darlle o destino máis conveniente.

2. Se durante este prazo o animal é identificado darase aviso fidedigno ó seu propietario e este terá un prazo máximo de 10 días para recuperalo, logo de aboa-los gastos que lle ocasionara a alguén a súa custodia e mantemento. En todo caso, o prazo total non será inferior a 20 días, nin superior a 30 contando desde a ocupación do animal.

Artigo 54º

1. Corresponde ás administracións locais a recolla de animais abandonados nos seus respectivos termos municipais. Durante o servicio de recolla procuraránselle-las as mellores condicións posibles.

2. As administracións locais que non dispoñan dos medios adecuados para a recolla e tenza de animais abandonados poderán concertar convenios de colaboración ou cooperación coa consellería competente nesta materia, con asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade ou con entidades autorizadas para tales fins para a realización dos ditos servicios.

3. Os concellos ou entidades supramunicipais a que se refire a Lei galega de réxime local, deberán dispor, ben como propio, ou ben segundo o previsto no apartado anterior, de polo menos un centro destinado á recolla de animais abandonados.

Artigo 55º

Os establecementos para a recolla de animais abandonados deberán ser declarados e rexistrados de acordo co establecido no artigo 33º.

Artigo 56º

Os establecementos de recolla de animais abandonados, ademais das condicións xerais establecidas nos artigos 36º e 43º, deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Deberán contar con espacios amplos e suficientes, onde os animais poidan ter un aloxamento adecuado e protexido das inclemencias meteorolóxicas.

b) Disporán de chans de cemento, pedra ou material similar que permitan o lavado e limpeza diaria, dando a estes chans unha lixeira inclinación ata os desaugadoiros.

c) Terán unha temperatura ambiental adecuada, así como aireación, iluminación, leitos secos e auga corrente.

d) Terán departamentos independentes para os animais agresivos e para os animais feridos ou enfermos non contaxiosos.

e) Terán departamentos independentes e convenientemente illados para os animais sospeitosos de padeceren enfermidades infecto-contaxiosas.

f) Deberán posuír un caixa de primeiros auxilios apropiadas para curas de urxencia.

g) Deberán contar cuns servicios veterinarios adecuados e cunha sala de curas ou primeiros auxilios para atende-los animais feridos.

Artigo 57º

1. Transcorridos os prazos previstos no artigo 53º, os animais de compañía abandonados serán postos ó dispor do que os solicite, durante un prazo mínimo de tres días, sempre que se comprometa a regulariza-la súa situación sanitaria de acordo coa normativa vixente aplicable.

2. Os gastos debidos ás atencións veterinarias, entre as que se inclúen os tratamentos obrigatorios, que poderán esixírselle ó establecemento de recolla, serán por conta do adquirente do animal abandonado.

3. O adquirente deberá comprometerse ó cumprimento das obrigas propias dos posuidores de animais recollidas neste decreto.

Artigo 58º

Os animais que non sexan retirados polos seus donos nin cedidos en adopción no prazo de tres meses, ou antes nos supostos de urxencia, poderán sacrificarse por procedementos autorizados baixo control veterinario, para evitar sufrimentos, de forma que o método empregado implique a perda inmediata da consciencia e o mínimo sufrimento posible.

Artigo 59º

1. Os métodos autorizados para o sacrificio de animais de compañía son os seguintes:

-Por inxección endovenosa de barbitúricos solubles.

-Por inhalación de monóxido de carbono.

-Aqueles outros que polas condicións ou dificultades de manexo sexa necesario aplicar.

2. A consellería competente nesta materia poderá engadir á lista do apartado 1 aqueles outros métodos que, ó seu xuízo, reúnan os requisitos apropiados.

3. A persoa responsable do sacrificio dos animais deberá asegurarse de que este estea morto antes de retira-lo cadáver.

Artigo 60º

Os cadáveres dos animais mortos ou sacrificados deberán ser destruídos por enterramento hixiénico ou por incineración.

Capítulo IX

Dos concursos e exposicións

Artigo 61º

1. Para a celebración de concursos, exposicións ou calquera outro tipo de certames ou eventos coa concorrencia dos animais obxecto deste decreto, será obrigatoria a autorización previa da consellería competente nesta materia, sen prexuízo de calquera outra autorización preceptiva.

2. As solicitudes de autorización para a celebración dos certames aludidos no parágrafo anterior, serán presentadas polos organizadores coa antelación mínima de tres meses previa á súa celebración e deberán ir xunto a unha memoria que comprenda os seguintes aspectos:

a) Características do certame que se vai celebrar.

b) Descrición do lugar de celebración e instalacións dedicadas ó certame.

c) Datas e horas de celebración.

d) Previsión de animais asistentes clasificados por especies, e, se é o caso, razas.

e) Programa de medidas sanitarias que garantan as condicións de celebración, así como medios para o control da documentación de orixe e sanidade dos animais participantes. Este programa deberá estar subscrito por un veterinario responsable.

f) Regulamentación e funcionamento do evento.

g) Nome, enderezo, teléfono e fax da persoa responsable da organización.

3. Os locais e recintos destinados á celebración de concursos ou exposicións das distintas especies e razas de animais de compañía deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) No caso de recintos: dispor dun perímetro con cerramento fixo ou móbil que impida a saída dos animais.

b) Dispor dun local-enfermería onde, baixo a responsabilidade dun veterinario, poidan atenderse aqueles animais que precisen de asistencia. Este local poderá ser móbil se se trata de certames que se celebren en recintos cunha periodicidade superior á mensual.

c) Dispor dun caixa de primeiros auxilios básico co material necesario para a práctica da cirurxía menor e co equipamento farmacéutico apropiado para a atención anteriormente mencionada.

d) No caso de celebrarse a ceo aberto, deberán adoptarse as medidas necesarias para preserva-los animais das inclemencias meteorolóxicas e da acción extrema dos raios solares.

e) As entidades que realicen concursos e exposicións estarán obrigadas á desinfección, desinsectación e desratización dos locais ou recintos onde se celebren.

f) Será preceptivo para tódolos animais que participen en concurso ou exposicións a exhibición da súa correspondente cartilla ou documento sanitario de acompañamento. A organización do certame estará obrigada a velar polo cumprimento desta norma.

Capítulo X

Controis sanitarios

Artigo 62º

Os plans, programas e disposicións de execución para o control, loita e erradicación de zoonoses e epizootias dos animais domésticos e salvaxes en catividade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia será a establecida pola consellería competente nes

existente e sen prexuízo da normativa estatal ou comunitaria en vigor.

Artigo 63º

1. As medidas sanitarias previstas no artigo 9 da Lei 1/1993, do 13 de abril, poderán ser ordenadas, de forma inmediata, pola consellería competente nesta materia, ou polos concellos, cando as razóns de urxencia así o aconsellen, dando conta delas ó Consello Galego de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, tan pronto como sexa posible.

2. As ordes de internamento, illamento ou sacrificio obrigatorio dos animais de compañía a que aluden os puntos 2 e 3 do artigo 9 da Lei 1/1993, do 13 de abril, só poderán adoptarse cando os diagnósticos das enfermidades ou a detección de portadores, sexa confirmado polos servicios veterinarios oficiais.

Artigo 64º

1. Nos programas sanitarios, vacinacións ou tratamentos obrigatorios que estableza a consellería competente nesta materia poderán colabora-los veterinarios en exercicio libre, que así o soliciten, tras seren autorizados expresamente por parte da citada consellería, posuíndo a condición de veterinarios colaboradores.

2. Os veterinarios colaboradores cubrirán e remitirán, no tempo e a forma que estableza a consellería competente nesta materia, os partes sanitarios, de vacinacións ou tratamentos efectuados, así como canta documentación e información, sobre estas e outras incidencias sanitarias, lles sexa requirida por parte da consellería.

3. O incumprimento dos requirimentos que se citan no apartado 2 poderá supo-la perda da autorización á que se refire o apartado 1 e, polo tanto, da condición de veterinario colaborador.

4. Independentemente das esixencias establecidas no exercicio libre, os veterinarios colaboradores deberán levar un arquivo coa ficha clínica dos animais obxecto de vacinación ou tratamento obrigatorio, que estará ó dispor dos servicios da consellería competente nesta materia.

Artigo 65º

No caso de detectar unha enfermidade contaxiosa, procederase ó illamento e control do animal, dándose conta inmediatamente ós servicios veterinarios oficiais correspondentes, en todos aqueles casos nos que a enfermidade sexa de declaración obrigatoria ou nos que, segundo a normativa vixente, deba notificarse cos fins estatísticos.

Capítulo XI

Da inspección e vixilancia

Artigo 66º

Será competencia dos servicios veterinarios oficiais, por si sós ou en colaboración cos servicios municipais:

-A comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos polo presente decreto, así como do resto

da normativa vixente en materia de sanidade animal e de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

-A supervisión e control dos programas zoosanitarios.

Artigo 67º

Para os efectos da realización das inspeccións que se mencionan no apartado anterior, facilitaráselles ós inspectores oficiais provistos da correspondente credencial o acceso a tódolos establecementos e dependencias relacionadas coas actividades reguladas polo presente decreto, así como a información e axudas precisas para o desempeño das súas funcións.

Capítulo XII

Do procedemento sancionador

Artigo 68º

1. As infraccións o disposto polo presente decreto serán sancionadas de acordo co que determina a Lei 1/1993, do 13 de abril, sobre protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade ou, se é o caso, o vixente Regulamento de epizootias e demais disposicións concordantes.

2. O procedemento sancionador poderá iniciarse por denuncia ou de oficio, cando as autoridades municipais ou a consellería competente nesta materia teñan coñecemento de feitos que poidan constituír unha infracción ó establecido pola Lei 1/1993, e polo presente decreto.

Artigo 69º

1. A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas como leves, salvo as establecidas no punto i) do artigo 20, pola Lei 1/1993, do 13 de abril, será realizada polos concellos, de acordo co establecido no artigo 24.4º da Lei 1/1993. En todo caso, a imposición das sancións previstas por infraccións leves correspóndelle ó alcalde do concello de conformidade co establecido no artigo 24.2º a) da dita lei.

2. A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións cualificadas como graves ou moi graves poderá ser realizada por parte dos concellos, sen prexuízo de que a resolución dos expedientes e a imposición de sancións sexa efectuada pola autoridade correspondente, de acordo co establecido no apartado 2º, do artigo 24, da Lei 1/1993, do 13 de abril.

3. A tramitación dos expedientes por infracción do disposto no presente decreto adecuaranse ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

4. As sancións axustaranse ó previsto no capítulo II, do título V, da Lei 1/1993, do 13 de abril.

Disposición transitoria

Concédese un prazo de seis meses, a partir da entrada en vigor do presente decreto para que os

establecementos e asociacións actualmente en funcionamento, a que el fai referencia, soliciten o rexistro correspondente, adaptándose ás novas disposicións establecidas.

Disposición derradeira

Facúltase á consellería competente nesta materia para dicta-las disposicións que requiran o mellor desenvolvemento e eficacia do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, dous de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

5275