Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 165/1999, do 20 de maio, polo que se declara definitivamente o encoro de Abegondo-Cecebre espacio natural en réxime de protección xeral.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe fóronlle conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.30º do Estatuto de autonomía, asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, dispón no seu artigo 21.2º que as comunidades autónomas con competencias plenas na materia poderán establecer outras figuras de protección distintas ás reguladas no seu artigo 12.

De acordo coas citadas normas legais aprobouse o Decreto 82/1989, do 11 de maio, polo que se regula a figura de espacio natural en réxime de protección xeral; e consonte o artigo 6 do citado Decreto 82/1989, o encoro de Cecebre foi declarado provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral en 1991.

Por resolución da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural do 25 de maio de 1998 someteuse a información pública e posterior trámite de audiencia ós interesados o informe para a súa inclusión definitiva no rexistro xeral de Espacios Naturais de Galicia, como establece o artigo 5 do Decreto 82/1989.

En consecuencia, unha vez rematado o citado prazo e resoltas as alegacións ó informe para a súa inclusión definitiva, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co Decreto 82/1989, declárase definitivamente o encoro de Abegondo-Cecebre como espacio natural en réxime de protección xeral, ordenándose a súa inclusión definitiva no Rexistro de Espacios Naturais de Galicia.

Artigo 2º

Os límites do encoro de Cecebre como Espacio Natural en Réxime de Protección Xeral son os seguintes:

-Partindo da presa na marxe dereita e seguindo augas arriba do encoro, pola estrada que o bordea en dirección Seixurra e San Román e desde aquí, pola mesma en dirección a Viladesuso ata a confluencia coa autoestrada do Atlántico (A-9).

-Desde este lugar, pola beira da autoestrada ata a súa confluencia coa autovía do Noroeste (A-6) e seguindo esta ata o río Mero na súa marxe dereita.

-Cruzando o río baixo o viaducto desta autovía, chégase ata unha liña imaxinaria que dista 40 m da marxe esquerda do río, e descendendo por ela ata a súa intersección coa que dista 40 m da cota altimétrica 36 m, contada a partir dos marcos colocados para o efecto.

-Séguese por esta liña ó longo de todo o perímetro, e unha vez rematados os marcos pola que dista 40 m do leito do río Barcés ata a autovía. Crúzase o río polo límite da autovía ata a liña que dista 40 m da marxe esquerda do leito do Barcés, e desde alí descéndese ata a intersección coa banda de 40 m respecto á cota altimétrica 36 m, contada de novo a partir dos marcos referidos. Unha vez alí séguese esta liña ata chegar ó viaducto do Barcés e, a partir deste punto, pola estrada ata a presa.

Artigo 3º

A declaración definitiva como espacio natural en réxime de protección xeral suporá a aplicación do artigo 3 do Decreto 82/1989. De acordo con este, poderanse seguir levando a cabo de maneira ordenada os usos e actividades tradicionais, requiríndose informe preceptivo e vinculante para o resto.

Artigo 4º

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jimenez

Conselleiro de Medio Ambiente