Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.926

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 18 de maio de 1999 pola que se estabecen axudas para o fomento de actuacións destinadas á protección e defensa dos animais domésticos.

A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, recolle as atencións mínimas que deben recibi-los animais, desde o punto de vista hixiénico-sanitario, e regula a tenza, a venda, o mantemento, a inspección e vixilancia, as obrigas dos seus posuidores, os centros de recollida e as instalacións para o seu mantemento temporal.

O Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve esta lei, crea o Rexistro

de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, e regúlanse o Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais, o procedemento de declaración de entidades colaboradoras, as obrigas dos posuidores, as condicións para o seu transporte, os condicionantes que afectan os animais domésticos de compañía, a recolla dos animais abandonados, os concursos e exposicións e os controis sanitarios sobre estes animais.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, atribúelle á citada consellería, dentro das súas competencias, a aplicación da normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Á vista da dita normativa, considérase conveniente fomenta-las actuacións, por parte das Asociacións de Protección e Defensa dos Animais Domésticos e dos concellos, dirixidas ó cumprimento das súas obrigas e deberes que impón.

Nesta liña, aparece como prioritaria a necesidade de implantar unha rede de centros de recollida de animais domésticos abandonados ou vagabundos e, nunha segunda fase, aborda-la organización dun sistema de identificación definitiva (microchip ou tatuaxe) de animais de compañía, co soporte informático que a sustente, para permiti-lo rexistro e seguimento dos animais e como instrumento útil que axude á súa localización en caso de extravío, abandono, roubo, etc.

O Real decreto 2225/1993 aproba o Regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na norma de convocatoria das axudas.

En virtude de todo iso, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Mellora-la infraestructura dos centros autorizados de recollida de animais abandonados existentes en Galicia, dependentes dos municipios competentes ou das Asociacións de Protección e Defensa dos Animais rexistradas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia (Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril).

2. Apoia-la responsabilidade municipal en canto ó fomento da creación de centros de recollida de animais abandonados.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

1. Mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados, rexistrados, naqueles aspectos que favorezan o axeitado estado hixiénico-sanitario das instalacións e, consecuentemente, o satisfactorio estado sanitario e o benestar dos animais albergados.

2. Creación de centros de recollida de animais abandonados dependentes dos concellos, naqueles que non dispoñan dos medios axeitados.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

As Asociacións de Protección e Defensa dos Animais, inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, poderán acollerse ás axudas para mellora de infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados, sempre e cando xestionen un centro de recollida rexistrado ou en trámite de rexistro no Rexistro de Establecementos, condicionándose o outorgamento a que o centro estea finalmente rexistrado.

Os concellos poderán acollerse ás axudas para creación de centros de recollida de animais abandonados e ás axudas para mellora de infraestructura de centros de recollida de animais abandonados. En todo caso, os centros de recollida obxecto da subvención deberán estar rexistrados ou en trámite de rexistro no Rexistro de Establecementos, condicionándose o outorgamento a que o centro estea finalmente rexistrado.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

En función das dispoñibilidades orzamentarias, a contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do custo total de cada actuación subvencionable cos límites indicados a continuación:

Actuación subvencionable

Orzamento

máximo

subvencionable

(ptas.)

% máximo de

subvención

Obras dixiridas á mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados.3.000.00075%

Obras para a creación de centros de recollida de animais abandonados.5.000.00075%

As porcentaxes máximas de subvención anteriormente indicadas poderán verse incrementadas nun 10% cando o beneficiario sexa unha mancomunidade ou un concello que presente convenio ou acordo de asociación por escrito cos concellos limítrofes, para a construcción e a xestión do centro de recollida.

Artigo 5º.-Exclusións.

Non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) Adquisición de terreos.

b) As obras iniciadas sen inspección previa.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

1. Nas obras dirixidas á mellora da infraestructura dos centros de recollida de animais abandonados valoraranse as obras orientadas a manter un satisfactorio estado sanitario e un axeitado benestar animal, a antigüidade do centro de recollida, a traxectoria do centro no pasado, o número de entradas de animais abandonados, os tratamentos sanitarios efectuados, as accións realizadas para aumenta-la posibilidade de adopción dos animais, o número de animais cedidos en adopción e os seguimentos efectuados para valora-lo éxito das adopcións, así como a existencia de convenios de colaboración entre asociacións e concellos.

Os criterios de avaliación valoraranse como segue, entre tódalas solicitudes presentadas e coa documentación completada:

Obras orientadas a manter un satisfactorio estado sanitario e un axeitado benestar animal no centro de recollida: 0-3 puntos.

Antigüidade do centro de recollida e traxectoria no pasado: 0-3 puntos.

Número de entradas de animais vagabundos ou abandonados: 0-3 puntos.

Accións dirixidas a aumenta-la posibilidade de adopción, número de animais cedidos en adopción e seguimentos efectuados para valora-lo éxito das adopcións: 0-3 puntos.

Existencia de convenios de colaboración entre concellos e Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade: 3 puntos.

2. No tocante ó investimento para a creación de centros de recollida de animais abandonados, terase en conta o número de habitantes do concello, as actuacións realizadas a nivel municipal no pasado, no marco da lexislación vixente de protección de animais, a existencia ou non dun centro de recollida próximo, a asociación con outros concellos veciños, a calidade do proxecto proposto, a adecuación das instalacións e do manexo dos animais así como os aspectos que melloren o benestar animal e a posibilidade de adopción. Prestarase especial atención ó feito de que os cans teñan suficiente espacio nas canceiras e nas zonas de recreo.

Os criterios de avaliación valoraranse como segue, entre tódalas solicitudes presentadas e coa documentación completada:

Número de habitantes do municipio: 0-3 puntos.

Distancia a un centro de recollida próximo: 0-3 puntos.

Asociación con outros municipios veciños para a construcción e xestión do centro de recollida: 4 puntos.

Calidade do proxecto proposto, adecuación das instalacións, sobre todo no referente ó suficiente espacio nas canceiras e nas zonas de recreo: 0-4 puntos.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

Os interesados deberán presentar, nas delegacións provinciais ou nos servicios centrais da Consellería de Medio Ambiente, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha copia da seguinte documentación dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente:

-Solicitude orixinal asinada polo representante legal da entidade, acompañada do documento acreditativo da representación, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo I desta orde.

-Fotocopia cotexada do CIF/NIF da entidade destinataria da subvención.

-Certificación bancaria orixinal ou cotexada de ter aberta unha conta a nome do destinatario, segundo modelo que figura no anexo II desta orde.

-Acreditación, se é o caso, orixinal ou cotexada de se-lo caso, da dispoñibilidade do terreo onde se pretendan efectua-las obras.

-Autorización administrativa orixinal ou cotexada que, de se-lo caso, permita a realización das obras ou accións de acordo coa lexislación vixente en materia de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

-Memoria explicativa detallada das actuacións concretas que se queren emprender, orzamento detallado que se precisa e porcentaxe de subvención solicitada.

-Nas obras para mellora de infraestructura de centros de recollida e para a construcción de centros de recollida xuntarase copia proxecto técnico orixinal ou cotexada, asinado por técnico competente.

-Calendario das actuacións e final previsto, que deberá ser anterior ó 1 de outubro de 1999, salvo que, excepcionalmente, a natureza da actividade xustificase a concesión dunha prórroga por parte da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

-Documentación que acredite que o centro de recollida de animais abandonados se encontra inscrito ou en trámite de inscrición no Rexistro de Establecementos. Nas solicitudes para construcción de novos centros de recollida, xunto co proxecto, remitirase tamén a documentación necesaria para solicita-la inscrición do futuro centro no Rexistro de Establecementos.

Para as Asociacións de Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade solicitantes:

-Declaración xurada orixinal do solicitante de estar ó día nas obrigas fiscais e de Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda adquirida coa Administración da Comunidade Autónoma, agás nos casos recollidos no artigo 35.2º.C da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999.

-Memorias anuais de actuación dos dous últimos anos, onde se inclúa a especificación de ingresos e gastos da asociación.

-Copia cotexada do convenio de colaboración, coa entidade municipal competente, de se-lo caso.

Para os concellos solicitantes:

-Memoria das actuacións realizadas, no pasado, para a protección e defensa dos animais, con especificación de gastos.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. A solicitude presentada en representación da asociación ou do concello correspondente deberá estar acompañada do documento acreditativo da representación.

Artigo 9º.-Mellora e corrección da solicitude.

1. Na fase de iniciación do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que sexan detectados erros ou omisións, requirirase o interesado para que sexan emendados, ou presente a documentación preceptiva, no prazo de 10 días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser dictada nos termos pre

vistos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

2. Con respecto ó proxecto técnico presentado para construcción de obras ou de mellora de infraestructura, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá solicitar efectua-los cambios pertinentes, para mellora do benestar e da hixiene dos animais albergados.

3. Con respecto ás obras, recibidas as solicitudes, procederase á inspección previa para comproba-lo non inicio dos actuacións. Serán denegadas as solicitudes que correspondan a actuacións comezadas.

4. Se no transcurso da realización do proxecto se vise a necesidade de introducir modificacións, solicitarase autorización da Consellería de Medio Ambiente, xuntando o proxecto oportuno reformado onde aparezan aquelas variacións do proxecto orixinal e a xustificación escrita das modificacións.

Artigo 10º.-Tramitación e concesión.

A Consellería de Medio Ambiente resolverá, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, denegando aquelas solicitudes para as que non exista crédito dispoñible.

Unha vez recibida a comunicación, o beneficiario terá que enviar, no prazo de 10 días hábiles, a súa aceptación das condicións especificadas na resolución da concesión, quedando sen efecto no caso contrario. O beneficiario comunicará igualmente a data de iniciación das actuacións.

En calquera momento, a Consellería de Medio Ambiente poderá solicitarlle ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación presentada e das actuacións realizadas.

As solicitudes que, unha vez transcorridos seis meses desde a publicación desta orde, non tivesen unha comunicación coa correspondente aprobación provisional ou definitiva, entenderase que son denegadas e, non procederá a súa concesión por silencio administrativo.

Artigo 11º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1. Executados os investimentos de acordo co programa aprobado, o beneficiario presentaralle, no prazo de 10 días hábiles despois da inspección final, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, a seguinte documentación:

-Solicitude de cobro da subvención.

-Relación ordenada dos investimentos e pagamentos efectuados, segundo o modelo do anexo III.

-Xustificantes dos investimentos realizados que consistirán, de forma xeral, nas fotocopias cotexadas das facturas oficiais orixinais e de forma específica:

* Certificado, orixinal ou cotexado de fin de obra, asinado por un técnico competente no que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado, así como o cumprimento das condicións técnicas e regulamentarias que lle sexan de aplicación. Así mesmo, de se-lo caso, presentarase copia cotexada da licencia municipal de actividade.

-Para as Asociacións de Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade:

* Certificación orixinal ou cotexada do cumprimento das obrigas fiscais e da Seguridade Social por parte do beneficiario, ata o momento do pagamento da subvención, agás nos casos recollidos no artigo 35.2.C da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999.

* Certificación orixinal ou cotexada de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma a que se refire o artigo 79 da Lei 11/1992, do 17 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, agás nos casos recollidos no artigo 35.2º.C da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1999.

Vista a documentación presentada e despois das oportunas inspeccións, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural remitirá, xunto á documentación sinalada, a correspondente proposta, co fin de proceder ó pagamento efectivo da subvención.

Artigo 12º.-Disposicións comúns.

1. As axudas ós investimentos establecidos na presente orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins, sempre que o total das subvencións recibidas non supere o custo total do investimento subvencionable.

2. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase ó reintegro da axuda ou subvención percibida e dos xuros de demora. Se se esgotase o prazo de execución de investimentos sen que estes se realizasen, poderase conceder unha ampliación, por solicitude do interesado, sempre que se xustifique plenamente e tendo presente as limitacións orzamentarias.

3. No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.

Disposición adicional

O aboamento das axudas fixadas na presente orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.760.2, para os concellos, e con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.780.1 para as Asociacións de Protección e Defensa dos Animais, cunha dotación inicial de 32.750.000 ptas. e de 20.000.000 de ptas., respectivamente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente