Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 03 de maio de 2002 Páx. 6.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 157/2002, do 4 de abril, polo que se declara o parque natural da Serra da Enciña da Lastra.

A Serra da Enciña da Lastra acolle as formacións de bosque e matogueiras espiñentas mediterráneos máis extensos e mellor conservados de Galicia. Constitúen as aciñeiras de carácter calcícola máis extensas de Galicia, feito que favorece a entrada de especies de flora descoñecidas no resto da comunidade. Mantén tamén representacións de salgueirais mediterráneos moi escasos en Galicia e conservan os únicos tomiñares da Comunidade Autónoma. Varios tipos de pasteiros presentes son hábitats de conservación prioritaria na Comunidade Europea. Finalmente, a vexetación de cumios calcarios presenta varias comunidades endémicas e exclusivas de Galicia. Entre as especies de fauna, especial mención merece a presencia dunha poboación de lagarto cincento, moi escaso en Galicia, e unha das comunidades de morcegos máis rica do noso territorio, con nove especies confirmadas e polo menos cinco de presencia posible. O principal valor faunístico constitúeno as aves, co maior número de especies

nidificantes de Galicia. As comunidades de aves de rapina, rupícolas e mediterráneas son de grande interese

e únicas en Galicia. Varias especies manteñen nas serras de Rubiá máis do 10% dos seus efectivos galegos: aguia real, miñato rabilongo, andoriñón, pomba das rochas e choia de bico vermello.

1. Os recursos naturais deste espacio requiriron unha ordenación dos recursos que foi efectuada a través do Plan de ordenación dos recursos naturais elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, aprobado polo Decreto 77/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra para salvagarda-los valores naturais deste espacio dos impactos negativos que puideran degrada-la calidade do medio.

Para harmoniza-lo gozo, visita e estudios destes lugares e o aproveitamento dos seus recursos naturais de forma compatible coa conservación dos valores ecolóxicos e paisaxísticos do espacio, establécese esta normativa, que pretende garanti-la súa persistencia.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese un réxime xurídico especial para o espacio denominado Serra da Enciña da Lastra, mediante a súa declaración como parque natural, de acordo co establecido nos artigos 12 e concordantes da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Este réxime xurídico especial oriéntase á protección e conservación desta área natural que, aínda que alterada pola intervención humana, se xustifica pola importancia e representatividade dos seus ecosistemas, así como pola beleza das súas paisaxes.

Artigo 2º

1. O espacio natural da Serra da Enciña da Lastra está situado no termo municipal de Rubiá e ocupa unha superficie de 3.151,67 ha. Os seus límites son os que figuran no Decreto 77/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra, cunha descrición que se inclúe como anexo I e cunha representación cartográfica que se inclúe como anexo II.

2. Malia o disposto no parágrafo anterior, a Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, poderá incorporar ó parque outros terreos limítrofes que reúnan as características axeitadas para isto, en calquera dos seguintes casos:

a) Que sexan propiedade do Estado ou do concello, logo da súa conformidade.

b) Que sexan propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que sexan entregados voluntariamente polos titulares para tal efecto.

d) Que se consideren axeitados para mellorar e garanti-la conservación do espacio natural.

3. A declaración do espacio como protexido leva emparellada a de utilidade pública, para os efectos expropiatorios dos bens e dereitos incluídos no seu ámbito.

4. De acordo co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio dos dereitos de tanteo e rectracto de tódalas transmisións onerosas inter vivos de terreos situados no interior do parque.

Para os efectos do exercicio dos ditos dereitos, o transmitente deberá notificar de forma fidedigna á Administración actuante as condicións esenciais da transmisión pretendida e, se é o caso, remitir copia fidedigna da escritura pública na que fose instrumentada a citada transmisión. O dereito de tanteo exercerase no prazo de tres meses e o de retracto nun ano, ámbolos dous que comezarán a contar desde a correspondente notificación, que deberá efectuarse en todo caso e será requisito necesario para inscribi-la transmisión no Rexistro da Propiedade.

5. Sen prexuízo do anterior, o Consello da Xunta de Galicia, poderá autorizar permutas dos terreos propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos dependentes dela por outros situados no interior do espacio protexido ou na súa periferia, por iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e de acordo co disposto na Lei de patrimonio, despois do informe da xunta consultiva do parque natural, á que fan referencia os artigos 6º e 7º do presente decreto.

Artigo 3º

1. As actuacións que se van realizar no parque natural realizaranse de acordo coas prescricións establecidas no plan de ordenación dos recursos naturais deste espacio, aprobado polo Decreto 77/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra.

2. O plan de ordenación dos recursos naturais e o plan rector de uso e xestión ó que se fai referencia nos artigos 4º e 5º deste decreto regularán os usos dos recursos e as actividades que incidan ou poidan incidir neles.

3. Serán obxecto de especial protección as actividades agrosilvopastorais que contribúan ó mantemento dos equilibrios ecolóxicos esenciais.

4. Sen prexuízo do previsto nos números anteriores e no desenvolvemento posterior do plan rector de uso e xestión en todo o ámbito do parque natural está prohibido:

a) O abandono de residuos sólidos en lugares non autorizados.

b) As verteduras de residuos tóxicos e perigosos.

c) As acampadas fóra dos lugares destinados a ese fin.

d) A circulación de vehículos de motor fóra das estradas e pistas forestais, agás para a realización de traballos de explotación e mantemento e o acceso dos propietarios ás súas leiras.

e) Facer lume fóra dos lugares e épocas sinaladas para ese fin.

f) A creación de infraestructuras e equipamentos e a actividade extractiva de recursos e mineira, industrial ou calquera outra de singular incidencia na zona que non cumpra as regulacións do PORN e dos seus intrumentos de desenvolvemento e execución.

g) A instalación de sinalización publicitaria sen autorización da Consellería de Medio Ambiente.

h) A realización de plantacións ou aproveitamentos forestais que non cumpran os requisitos contidos no PORN.

Artigo 4º

O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra é o instrumento principal de planificación do espacio natural e as súas disposicións constitúen un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física.

Artigo 5º

1. A Consellería de Medio Ambiente elaborará un plan rector de uso e xestión que, despois de ter sido sometido a información pública e informe da xunta consultiva, será aprobado pola Xunta de Galicia. A aprobación definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Este plan rector terá unha vixencia de seis anos e debe revisarse ó acabar este prazo ou antes, se fose necesario, e incluirá:

a) Memoria descritiva.

b) Zonificación do espacio de acordo co contido do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, delimitando as áreas de diferentes usos.

c) Obxectivos.

d) Previsións de uso e aproveitamento.

e) Normas xerais de xestión incluíndo, como mínimo, as relativas á vixencia e revisión do plan.

f) Normas de regulación de usos e actividades, así como para a xestión, protección, conservación ou mellora dos recursos naturais e valores ambientais cando resulte necesario completar ou desenvolve-las contidas no plan de ordenación dos recursos naturais.

g) Normas relativas ás actividades de investigación.

h) Normas relativas ó uso público.

i) Programa económico-financeiro.

j) Programación de actuacións que se van desenvolver no parque natural.

3. Todo proxecto de obra, traballo e aproveitamento que non figure no plan rector ou nas súas revisións e que se considere necesario realizar deberá ser xustificado debidamente, tendo en conta as directrices daquel e autorizado pola Consellería de Medio Ambiente, logo de informe favorable da Xunta Consultiva.

Artigo 6º

1. Créase a Xunta Consultiva do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, órgano colexiado, de carácter asesor e adscrito á Consellería de Medio Ambiente, coa que colaborará na xestión do espacio natural e que canalizará a participación dos propietarios e os intereses sociais e económicos afectados.

2. Esta xunta está integrada polos seguintes membros:

Presidente: unha persoa de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito da conservación da natureza e coñecedor do territorio afectado polo parque. Será nomeado polo conselleiro de Medio Ambiente por proposta do director xeral de Conservación da Natureza.

Vicepresidente 1º: o vocal representante do municipio, elixido polo Pleno.

Vicepresidente 2º: o director do parque natural ó que fai referencia o artigo 8º.

Vocais:

-O delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente.

-O xefe do Servicio Provincial de Conservación da Natureza.

-O xefe do Servicio Provincial de Montes e Industrias Forestais.

-O xefe do Servicio Provincial de Defensa contra Incendios Forestais.

-Un representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Un representante da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

-Un representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante da Universidade de Vigo, no ámbito académico de Ourense.

-Un representante das asociacións que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia, elixido por elas mesmas, por un período máximo de catro anos.

-Unha persoa de recoñecida competencia no campo da conservación da natureza, designada pola Consellería de Medio Ambiente.

-Un representante da Deputación Provincial de Ourense.

-Tres representantes dos propietarios dos terreos incluídos no territorio do parque natural.

-Un representante da Confederación de empresarios de Ourense.

Secretario: actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 7º

Son funcións da xunta consultiva, ademais das enumeradas no artigo 43 da Lei 9/2001, de conservación da natureza e de outras especificadas neste decreto:

a) Velar polo cumprimento das normas establecidas e propoñer posibles ampliacións do parque natural.

b) Propoñer normas e elevar propostas para a defensa eficaz dos valores e singularidades do parque natural e realizar cantas xestións considere beneficiosas para este.

c) Informar inicialmente o plan rector de uso e xestión e as súas revisións, velando polo seu cumprimento.

d) Informar anualmente sobre as memorias anuais de actividades e resultados, que o director do parque deberá elevar á Consellería de Medio Ambiente.

e) Promover estudios, investigacións, e actividades educativas e culturais, relacionadas co ámbito ordenado, así como fomenta-la súa divulgación.

f) Informar sobre calquera clase de programas de investimento e plans de investigación que se pretenda realizar.

g) Velar pola axeitada participación dos propietarios de terreos e habitantes na xestión do espacio natural.

h) Propoñer á Consellería de Medio Ambiente, para a súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia, a celebración dos convenios e acordos que, para os fins do presente decreto, considere necesario suscribir coa Administración do Estado ou outras administracións públicas e corporacións.

i) Administra-los fondos e as axudas que outorgue á xunta consultiva calquera entidade ou particular.

j) Promover iniciativas de desenvolvemento socioeconómico, compatibles coa finalidade de conservación do parque natural.

k) Aproba-las súas normas de funcionamento.

Artigo 8º

A xestión e administración do parque natural corresponderalle a un director designado polo conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 9º

Os propietarios de terreos incluídos no parque natural terán preferencia para a obtención de axudas e subvencións relacionadas coa conservación do medio natural e que contribuán ó desenvolvemento sustentable da poboación. O resto dos propietarios de terreos do municipio de Rubiá poderán, así mesmo, ter preferencia para a obtención destas axudas e subvencións.

Artigo 10º

A Consellería de Medio Ambiente instará a suspensión de calquera actividade que non dispoña da autorización preceptiva, non se axuste ás condicións desta ou incumpra as prescricións do presente decreto.

Artigo 11º

A infracción do réxime de protección establecido para o parque ou a inobservancia da normativa vixente serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, ou nas normas que, se fose o caso, puidesen substituíla, así como de acordo coas demais disposicións que segundo o teor da natureza da infracción resulten aplicables e das que deriven dos plans de uso e xestión que se desenvolvan.

Disposicións adicionais

Primeira.-As disposicións urbanísticas derivadas da lexislación sectorial deberán axustarse ás limitacións establecidas neste decreto.

Segunda.-Os proxectos de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia incluirán as correspondentes dotacións para atende-las actividades e obras de conservación e mellora, traballos de investigación, gastos xerais e cantas actuacións deriven do presente decreto. En especial, articularanse medidas para fomenta-lo desenvolvmento das formacións arbóreas autóctonas e de accións tendentes ó desenvolvemento sustentable no marco do parque natural.

Disposicións transitorias

Primeira.-Entrementres no se aproben as normas de funcionamento da xunta consultiva, será de aplicación o previsto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-As licencias concedidas antes da entrada en vigor deste decreto manterán a súa validez. Tódalas novas autorizacións que se pretendan conceder deberán ter en conta as prescricións deste decreto.

Terceira.-No prazo de seis meses, que comezará a contar desde a publicación do presente decreto, deberá quedar constituída a xunta consultiva do parque natural.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Os límites do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra descríbense a seguir comezando polo norte e en sentido horario:

Norte: desde a intersección da estrada OU-622 co límite da provincia de León, seguindo polo límite provincial, ata a intersección coa vía de ferrocarril na ponte do Estreito.

Este: desde a intersección do límite provincial coa vía do ferrocarril na ponte do Estreito, seguindo polo límite coa provincia de León, ata o punto no que cruza coa liña perpendicular que parte desde a boca sur do túnel polo que discorre a pista pola que se accede ó encoro de Penarrubia.

Sur: desde este punto, segue en liña recta ata a boca do túnel, seguindo pola pista en dirección sur ata a intersección co primeiro regato que discorre de dereita a esquerda, polo que sobe ata a estrada que dá acceso a Pardellán e Vilar de Silva. Continúa pola estrada ata o punto no que cruza coa curva de nivel de 510 m, desde onde segue en dirección norte cruzando o regato Pardellán ata o punto de intersección da estrada coa curva de nivel 540 m, seguindo por esta última dirección oeste ata o primeiro regato que a cruza, polo que sobe ata a cota 695 m. Desde este punto segue pola pista forestal que discorre en dirección oeste ata o segundo regato que a cruza, polo que sobe ata o alto de cota 803,65 m. Desde este alto, segue descendendo pola aba en liña recta en dirección oeste ata acada-la cota 775 m na valgada, de onde parte unha pista forestal coa dirección oeste pola que segue ata que dobra cara ó sur para subir por un regato ata acadar unha devasa. Desde este punto segue cara ó

oeste por esa devasa cara ó Alto de Poleares, para continuar pola devasa que descende na dirección noroeste ata que este finaliza, seguindo en liña recta ata acada-la estrada que vai ó Castelo. Segue por esta estrada en dirección ó Castelo ata acadar unha pista que parte á dereita, pola que segue subindo unha valgada ata acadar o alto de cota 603,62 m. Desde este alto, segue cara o sudoeste baixando pola divisoria ata o río Galir. Continúa ascendendo polo

leito do río Galir a unha distancia de 5 m da marxe dereita do río ata a confluencia pola marxe esquerda cun regato pouco antes de cruza-la estrada OU-621 nos arredores de Oulego.

Oeste: desde o punto no que conflúen ámbolos cursos fluviais segue polo mencionado regato ata donde este nace nas proximidades da estrada OU-622, para seguir por esta ata o límite coa provincia de León.