Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 03 de xullo de 2003 Páx. 8.830

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

1

A cooperación internacional para o desenvolvemento.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha superación real da pobreza e da marxinación precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Neste novo século, coma en ningún tempo anterior, precísase da cooperación de tódolos membros da comunidade internacional, xa que as manifestas diferencias de desenvolvemento económico e social entre os pobos, nun mundo crecentemente globalizado, son incompatibles coa universalización dos dereitos humanos e cos principios de xustiza social e inciden negativamente na paz e estabilidade de todos e teñen graves consecuencias para o conxunto da comunidade humana.

Todo ser humano ten dereito á vida e ó desenvolvemento, dereito propio, non derivado da solidariedade dos demais. A situación de pobreza, violencia e inxustiza na que vive a maioría da poboación mundial é responsabilidade de tódolos países, de tódalas persoas. Cómpre contribuír de maneira sistemática e organizada ó progreso e ó desenvolvemento das poboacións máis necesitadas e supera-la vulnerabilidade das persoas con acceso ós recursos sociais básicos: alimentación, educación, sanidade, acceso ó traballo, ó crédito, á participación política e ás infraestructuras económicas e sociais.

A diferencia entre os sectores de poboación máis ricos e os máis pobres era de 30 a 1 no ano 1960, de 61 a 1 no ano 1991 e de 82 a 1 no ano 1995. É necesario busca-la forma para conseguir unha distribución máis equitativa dos recursos mundiais. Hai que combina-los programas de desenvolvemento e axuda humanitaria coa incidencia sobre as institucións políticas e sociais para conseguir un mellor goberno da globalización, do mundo, un reparto máis xusto dos recursos mundiais e un desenvolvemento máis equitativo.

A comunidade internacional consolidou políticas de cooperación internacional para o desenvolvemento, para a erradicación da pobreza e para contribuír á solución destes problemas mediante a achega de recursos que se destinan á promoción do desenvolvemento humano.

En Río de Xaneiro (1992), a Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento aprobou o plan de acción das Nacións Unidas para o século XXI, máis coñecido como «Axenda 21», co obxectivo de impulsar unha asociación mundial para o desenvolvemento sostible.

Un exemplo do exposto constitúeo a adopción dun novo enfoque das actuacións no eido da cooperación

para o desenvolvemento por parte do Comité de Axuda para o Desenvolvemento (en adiante CAD) da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico. Froito dese novo enfoque, xorde ó longo dos anos noventa unha nova «estratexia de asociación», que se plasmou no ano 1995 no documento titulado «Cara a unha asociación para o desenvolvemento no novo contexto mundial». Neste documento recóllese a opinión colectiva dos ministros de cooperación para o desenvolvemento, dos dirixentes dos organismos de axuda e mais doutros altos responsables da cooperación para o desenvolvemento reunidos no ámbito do CAD da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico. Este documento marca un punto de inflexión na forma de encara-lo subdesenvolvemento. Nel sinálanse os grandes obxectivos que deben cumprir tódolos países en relación coa cooperación para o desenvolvemento, así como os métodos e os instrumentos para alcanzalos.

Neste contexto, o capítulo XVII do Tratado constitutivo da Comunidade Europea (Cooperación para o desenvolvemento) fixa como metas o desenvolvemento económico e social duradeiro dos países en proceso de desenvolvemento, e particularmente dos máis desfavorecidos, a súa inserción harmoniosa e progresiva na economía mundial, a loita contra a pobreza neses países e a consolidación da democracia.

Polo que respecta á posición do Estado español, como sinala a exposición de motivos da Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, «a política española de cooperación para o desenvolvemento ten basicamente a súa orixe na declaración contida no preámbulo da Constitución de 1978, na que a nación española proclama a súa vontade de colaborar no fortalecemento dunhas relacións pacíficas e de eficaz cooperación entre tódolos pobos da Terra (...); a devandita política constitúe un aspecto fundamental da acción exterior dos estados democráticos en relación con aqueles países que non alcanzaron o mesmo nivel de desenvolvemento, baseada nunha concepción interdependente e solidaria da sociedade internacional e das relacións que nela se desenvolven».

A Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, establece as bases que deben regula-la acción da cooperación realizada desde as comunidades autónomas e as entidades locais, atendendo ós principios de autonomía orzamentaria e autorresponsabilidade no seu desenvolvemento e execución.

2

Á cooperación internacional para o desenvolvemento e á propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que, de xeito xenuíno en España, xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un

deber ético común o compromiso de traballaren pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

A política descentralizada de cooperación para o desenvolvemento que realiza a nosa Comunidade Autónoma experimenta unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros coma á extensión da cobertura xeográfica que abrangue, prestándoselle unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos por razóns de histórica irmandade.

As peculiaridades positivas deste fenómeno común non se limitan ós aspectos cualitativos e cuantitativos da cooperación, senón que afectan as diversas formas de organización ou xestión que utilizan as comunidades autónomas e administracións locais ó incorporaren caracteres xenuínos, aínda que sempre co respecto ós principios e obxectivos xerais da cooperación española e internacional.

En Galicia esta política ten os seus antecedentes máis salientables no asinamento do I Convenio marco entre a Axencia Española de Cooperación Internacional e a Xunta de Galicia con data do 19 de outubro de 1992. En 1994 créase o Rexistro Galego de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento, adscrito ó departamento da Presidencia e Administración Pública, instrumento de organización que marca un fito histórico por se-lo primeiro no noso país tanto de ámbito estatal coma autonómico.

Posteriormente as leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen asignando recursos para atender distintas iniciativas de cooperación. En Galicia realízanse campañas e actividades de sensibilización e educación para o desenvolvemento que promoven o valor universal da solidariedade por parte de todos, canalízanse axudas a través de convenios con outros organismos ou entidades para actuacións directas, fináncianse proxectos de cooperación que xestionan as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e apóiase a acción de fondos municipais que tratan de coordinar eficientemente as súas achegas.

Neste tempo as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, representadas pola súa Coordinadora galega colaboraron coa administración pública atendendo ós principios de eficacia e sinerxía das actuacións e respectando o código de conducta propio deste tipo de organizacións non gobernamentais. En concreto, prestáronlle unha positiva asistencia á Xunta de Galicia mediante a súa participación en órganos de asesoramento e en comisións técnicas asesoras de actividades e apoiaron, informaron e asesoraron a outros axentes da cooperación nas accións realizadas desde a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a creación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias e a Administración autonómica, permitiu a asunción por parte do municipalismo galego dunha liña de actuación propia pola que se promove a participación en proxectos e programas de cooperación,

evita atomizacións ou duplicidades e postula a práctica dunha cooperación que en ningún caso anula a autonomía de cadaquén.

Esta lei supón a consolidación definitiva da cooperación para o desenvolvemento, expresión da responsabilidade e madureza da sociedade civil galega e das súas institucións, nas que se percibe nos últimos anos un impulso importante dos valores da cooperación e a solidariedade internacional cos pobos e xentes máis desfavorecidas da Terra, valores que estimamos como de necesaria presencia nunha comunidade civilizada. Trátase con ela de facilita-la acción sinérxica de todos aqueles axentes que poden achega-la súa experiencia nos diferentes eidos nos que habitualmente desenvolven o seu quefacer diario.

Esta Lei de cooperación para o desenvolvemento estructúrase en seis capítulos.

O capítulo I ten como finalidade regula-lo obxecto e ámbito de aplicación da lei, así como sinala-los fins, obxectivos, principios e prioridades da política galega de cooperación para o desenvolvemento.

O capítulo II establece os mecanismos de planificación e coordinación e os instrumentos e as modalidades que adoptará a cooperación para o desenvolvemento realizada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

O capítulo III aborda as institucións e os órganos de dirección, xestión e coordinación. Na súa sección 1.ª sinala ó Parlamento de Galicia e á Xunta de Galicia como institucións rectoras da política galega de cooperación; na sección 2.ª trata das competencias do órgano executivo en materia de cooperación para o desenvolvemento, e, finalmente, na súa sección 3.ª regula os órganos de coordinación e asesoramento, establecendo o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento como órgano social de consulta en materia de solidariedade internacional e cooperación galega para o desenvolvemento.

O capítulo IV recolle os mecanismos de participación social e os axentes da cooperación, nos que se inclúen a Xunta de Galicia, as administracións locais, as organizacións non gobernamentais, as universidades, as empresas e as súas organizacións e outros axentes.

O capítulo V fai referencia ós recursos persoais (persoal da cooperación, voluntariado e cooperantes) e ós medios materiais e financeiros ó servicio da cooperación galega para o desenvolvemento.

O capítulo VI contén as normas relativas ás infraccións e sancións, a prescrición destas, o procedemento sancionador e os órganos competentes.

A lei remata con catro disposicións adicionais, unha derrogatoria e tres derradeiras.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2( do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de cooperación para o desenvolvemento.

Capítulo I

A cooperación para o desenvolvemento

na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta lei é regula-las accións coas que a Comunidade galega asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propicia-lo seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixi-las situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e un reparto máis xusto dos froitos do crecemento económico.

2. Esta lei aplicarase ó conxunto de actuacións, iniciativas e recursos que as diferentes organizacións, entidades e administracións públicas galegas poñen ó servicio dos pobos máis desfavorecidos, co fin de contribuír ó seu progreso humano, propicia-lo seu desenvolvemento sostible, favorece-lo seu benestar social e elimina-la pobreza en tódalas súas manifestacións, así como potencia-la defensa dos dereitos humanos, para avanzar na democratización destes pobos como garante de estabilidade dos programas de desenvolvemento.

Artigo 2. Obxectivos da cooperación para o desenvolvemento.

A cooperación galega para o desenvolvemento ten os seguintes obxectivos:

a) Apoia-los países con menor grao de desenvolvemento e aqueloutros que conteñan amplas capas da súa sociedade en extrema situación de necesidade e desestructuración para que acaden un desenvolvemento autosostido, respectuoso co medio e a biodiversidade e mobilizador de recursos endóxenos, dentro dun marco democrático, de participación das comunidades afectadas e de respecto a tódolos seus dereitos humanos.

b) Potencia-los recursos humanos e materiais deses pobos, prestándolles unha especial atención ás novas tecnoloxías, para así reforza-la súa estructura productiva e favorece-lo seu desenvolvemento non dependente.

c) Contribuír á xustiza e á equidade nas relacións comerciais, políticas e estratéxicas na comunidade internacional, contempladas desde a prevención de conflictos sociais e as súas causas e o fomento do diálogo intercultural.

d) Atende-las situacións de emerxencia das poboacións máis desfavorecidas que requiran da cooperación externa, tanto mediante axuda humanitaria coma mediante accións dirixidas á reconstrucción e ó restablecemento institucional.

e) Impulsar e promove-la participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento, así como fomenta-la educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega nas realidades dos pobos máis desfavorecidos, potenciando unha ética asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre tódalas persoas.

f) Promove-la sensibilización das institucións de cara a unha aproximación progresiva da porcentaxe que as respectivas entidades públicas destinan a políticas de cooperación ó mínimo ético do 0,7 % dos recursos propios.

Artigo 3. Principios.

A cooperación galega para o desenvolvemento basearase nos seguintes principios:

a) O recoñecemento do ser humano na súa dimensión individual e colectiva como protagonista último da cooperación para o desenvolvemento, dentro dun modelo de desenvolvemento social e político baseado na redistribución da riqueza e nos valores democráticos e no recoñecemento das persoas como suxeitos de dereitos fundamentais e acredores de condicións de vida dignas, alimentos, saúde e educación entre outras.

b) A necesidade de promover un desenvolvemento humano global, interdependente, sostible, participativo, e con respecto á equidade de xénero, evitando toda discriminación por razóns de cultura, raza ou relixión.

c) A defensa e promoción de tódolos dereitos humanos e das liberdades fundamentais.

d) O respecto ós modelos de desenvolvemento social e político que os pobos adoptasen, sempre que estes contribúan ó fortalecemento da paz, á estabilidade dos pobos e á xustiza social.

e) O recoñecemento do dereito dos pobos a decidiren respecto das súas estructuras políticas, así como da defensa e promoción da súa cultura, lingua e identidades propias e dos valores da convivencia pluricultural.

f) O fomento da paz, a igualdade e a xustiza nas relacións individuais e colectivas, entre comunidades e estados, co fin de prever e solucionar de forma pacífica os conflictos, fortalecendo a convivencia en paz.

g) As accións en materia de cooperación ó desenvolvemento estarán rexidas polo principio de gratuidade, no sentido de que a cooperación ó desenvolvemento non estará orientada, nin directa nin indirectamente, á recepción dunha contraprestación económica por parte das institucións ou organizacións.

h) A presencia e o compromiso activo na exposición das verdadeiras causas e solucións do empobrecemento e na petición ós poderes públicos correspondentes da adopción de medidas que sexan máis eficaces para consegui-lo progresivo desenvolvemento dos países do sur.

i) A procura dunhas relacións comerciais máis xustas que faciliten a cancelación da débeda externa dos países empobrecidos.

Artigo 4. Criterios.

A cooperación galega para o desenvolvemento rexerase polos seguintes criterios:

a) Coordinación e complementariedade entre as administracións públicas e entre estas e a acción da sociedade civil galega orientada a unha maior

eficacia e eficiencia na utilización dos recursos materiais, humanos e técnicos.

b) Coherencia das actuacións cos principios e obxectivos da cooperación para o desenvolvemento.

c) Eficacia na planificación, execución, seguimento e avaliación das políticas e dos proxectos de cooperación.

d) Concertación e corresponsabilidade entre os axentes de cooperación e os receptores da axuda, respectando a súa visión do desenvolvemento.

e) A transparencia na información, no financiamento e na participación dos axentes de cooperación neste ámbito da actividade pública.

f) O respecto das liñas básicas de acción exterior definidas pola Administración galega e estatal.

g) O respecto e o fomento da independencia e imparcialidade das organizacións non gobernamentais, dos axentes de cooperación e doutras institucións humanitarias na execución dos programas de cooperación e desenvolvemento.

Artigo 5. Vinculación das administracións.

Os principios e criterios da cooperación para o desenvolvemento sinalados nesta lei vinculan a tódalas políticas e actuacións da Xunta de Galicia neste ámbito e as dos entes locais da Comunidade Autónoma, no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 6. Prioridades.

A política galega de cooperación para o desenvolvemento articúlase ó redor de dous eixes de prioridades:

a) Xeográficas, orientadas ás rexións e ós países que serán obxecto preferente da cooperación galega.

b) Sectoriais, dirixidas a determinados ámbitos de actuación preferente.

Artigo 7. Prioridades xeográficas.

Respecto das prioridades xeográficas atenderanse de forma preferente os países con menor índice de desenvolvemento humano e os que conteñan extensas capas da súa sociedade especialmente desfavorecidas e desestructuradas, e, entre eles, aqueles cos que existen relacións de tipo histórico e cultural.

Artigo 8. Prioridades sectoriais.

1. Serán ámbitos de actuación preferente:

a) Os servicios sociais básicos, con especial atención á vivenda, á saúde, ó saneamento, á seguridade alimentaria e á educación.

b) O fortalecemento das estructuras democráticas e da participación dos pobos e das súas organizacións, así como o fomento do respecto e da protección de tódolos dereitos humanos.

c) A dotación e mellora das infraestructuras económicas, prestándolle especial atención ó desenvolvemento de proxectos de economía social, así como ó fortalecemento do tecido productivo que favoreza o crecemento económico de base.

d) O respecto e a promoción da identidade cultural dos pobos.

e) Accións positivas tendentes á mellora da posición das mulleres na sociedade.

f) A promoción da igualdade de oportunidades e defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, os refuxiados, os refuxiados políticos, os desprazados, os retornados, as minorías étnicas e as comunidades indíxenas entre outros.

g) O apoio ós procesos de pacificación e reconstrucción do tecido social.

h) O intercambio de experiencias acumuladas pola Xunta de Galicia na xestión dunha administración pública descentralizada con outras administracións rexionais e locais dos países receptores, e ó servicio dos cidadáns.

i) O desenvolvemento científico e tecnolóxico.

j) A protección e mellora da calidade do ambiente, respectando a biodiversidade, a conservación e a utilización renovable e sostible dos recursos naturais.

2. Prioridades en sensibilización e educación para o desenvolvemento:

a) A concienciación da opinión pública en materia de cooperación ó desenvolvemento.

b) A difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países subdesenvolvidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) O fomento da investigación sobre as causas do subdesenvolvemento co fin de fortalecer e abrir novas vías de cooperación.

d) A potenciación dos axentes de cooperación ó desenvolvemento de Galicia co fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Capítulo II

Planificación, avaliación, seguimento e control,

coordinación, modalidades e instrumentos

das políticas de cooperación

Artigo 9. Planificación da cooperación para o desenvolvemento.

1. A cooperación galega para o desenvolvemento articúlase a través de plans directores cuadrienais e de plans anuais.

2. Os plans directores serán aprobados polo Parlamento de Galicia por proposta do Consello da Xunta de Galicia, co informe previo do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento. Os devanditos plans elaboraranse de acordo coas liñas xerais e as directrices establecidas no Plan director da cooperación para o desenvolvemento do Estado español previsto no artigo 8.2 da Lei 23/1998, do 7 de xullo, e conterán os obxectivos e as prioridades, xeográficas e sectoriais, así como os recursos orzamentarios que orientarán a actuación da cooperación galega para o desenvolvemento durante o seu período de vixencia.

3. Os plans anuais serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, logo do informe do Consello Galego de

Cooperación para o Desenvolvemento, e concretarán os obxectivos, as prioridades, xeográficas e sectoriais, e os recursos contidos no plan director correspondente.

Artigo 10. Avaliación, seguimento e control das accións e dos proxectos da cooperación para o desenvolvemento.

1. A avaliación, o seguimento e o control dos proxectos e programas da cooperación para o desenvolvemento é un elemento esencial da política de cooperación para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

Regulamentariamente estableceranse os procedementos e as bases xerais para a avaliación, o seguimento e o control dos proxectos e programas financiados con fondos públicos da Xunta de Galicia.

2. A avaliación rexerase polos criterios básicos de eficacia, eficiencia, impacto, pertinencia e viabilidade. Así mesmo, os mecanismos de avaliación que se adopten seguirán a metodoloxía da cooperación oficial do Estado español e da Unión Europea.

Artigo 11. Modalidades da cooperación para o desenvolvemento.

A cooperación galega para o desenvolvemento pode ser executada pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou a través de organizacións non gobernamentais ou de calquera outro axente de cooperación previsto nesta lei.

A Comunidade Autónoma de Galicia poderá conceder subvencións, subscribir convenios ou articular calquera outra forma regrada de colaboración cos axentes de cooperación previstos nesta lei, para a execución de programas e proxectos de cooperación para o desenvolvemento, sempre que estes teñan carácter non lucrativo e que aqueles dispoñan de estructuras e experiencia para a súa execución.

Artigo 12. Instrumentos da cooperación para o desenvolvemento.

A política de cooperación para o desenvolvemento lévase a cabo a través dos seguintes instrumentos:

a) Cooperación técnica.

b) Cooperación económica.

c) Axuda humanitaria e de emerxencia.

d) Educación para a defensa dos dereitos humanos e dos valores democráticos.

e) Educación para o desenvolvemento e a sensibilización social.

f) Investigación para o desenvolvemento.

Artigo 13. Definición dos instrumentos de cooperación e medios para facelos efectivos.

a) Definición dos instrumentos de cooperación:

1. A cooperación técnica poderá executarse mediante o asesoramento de técnicos especialistas, a consultoría técnica, a prestación do traballo de expertos nacionais ou a provisión de servicios (materiais, equipos) en canto non se xeren capacidades locais. Todo iso a través dos axentes de cooperación previstos nesta lei.

2. A cooperación económica consistirá en achegas para o desenvolvemento de proxectos ou programas que teñan por obxecto a estructuración dos sectores básicos da sociedade receptora.

3. A axuda humanitaria consiste en accións de asistencia, socorro, protección e reconstrucción a favor das poboacións, tendo especialmente en conta situacións agravadas por catástrofes naturais ou provocadas por conflictos armados, así como na contribución á supervivencia das poboacións vulnerables e á súa protección, como recoñecemento da dignidade e dos dereitos intrínsecos a elas.

4. A axuda de emerxencia consiste en darlles resposta inmediata ás necesidades máis urxentes da poboación afectada por unha situación de catástrofe.

5. A educación para a defensa dos dereitos humanos e valores democráticos comprende todo tipo de accións que teñan por obxectivo a protección da vida, a liberdade, a dignidade, a igualdade, a seguridade, a integridade física e a propiedade de todo individuo.

6. A educación para o desenvolvemento e a sensibilización social comprende o conxunto de accións que faciliten a comprensión dos problemas que sofren os países en procesos de desenvolvemento así como das causas que orixinan esta situación e que estimulen a solidariedade e cooperación con eles.

7. A investigación para o desenvolvemento comprende o estudio das causas e as solucións á situación dos países en vías de desenvolvemento así como o fortalecemento das súas capacidades propias para producir ciencia básica e aplicada e tecnoloxías axeitadas ás súas necesidades co obxecto de potencia-lo seu sistema productivo.

8. Outros posibles instrumentos de cooperación para o desenvolvemento sempre que respecten os principios do Comité de Acción para o Desenvolvemento para unha Axuda Eficaz e desta lei.

b) Medios para facer efectivos os instrumentos de cooperación:

1. A disposición de fondos públicos para fomenta-las accións de cooperación ó desenvolvemento.

2. A iniciativa das administracións públicas para realizar estudios de identificación e prefactibilidade, que poderán derivar en accións de execución propia.

3. Adopción de declaracións institucionais e o apoio a iniciativas cidadás que promovan un desenvolvemento global, sostido e harmónico.

4. A adopción dunha postura activa ante as situacións que xeran empobrecemento mediante declaracións institucionais e apoio a iniciativas que promovan un desenvolvemento humano e sostible.

Artigo 14. Coordinación da política de cooperación para o desenvolvemento.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia participará nas reunións da Comisión Interterritorial de Cooperación para a elaboración do Plan director e do Plan anual de cooperación do Estado español co fin de asegura-la súa complementariedade co

conxunto das accións de cooperación realizado polas administracións públicas.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia promoverá mecanismos de coordinación das políticas de cooperación para o desenvolvemento coas doutras comunidades autónomas e, no marco da Unión Europea, coas distintas institucións europeas competentes en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento e con outras rexións do ámbito comunitario.

3. A Xunta de Galicia levará a cabo unha política activa de colaboración cos concellos galegos, coas deputacións provinciais e coas demais entidades locais que destinen recursos á cooperación para o desenvolvemento. En especial, a Xunta de Galicia impulsará a participación dos concellos galegos en accións de cooperación para o desenvolvemento mediante a aplicación de instrumentos mancomunados tales como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, consorcios intermunicipais ou outros entes de análogas características.

Capítulo III

Órganos competentes na política de cooperación

para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma

de Galicia

Sección 1.ª

Órganos rectores

Artigo 15. O Parlamento de Galicia.

1. Correspóndelle ó Parlamento de Galicia a aprobación do Plan director de cooperación para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Parlamento de Galicia será informado polo titular do departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento sobre o grao de execución do plan director e dos plans anuais que o desenvolven.

Artigo 16. Competencias do Consello da Xunta de Galicia.

1. Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia:

a) Aproba-la proposta do Plan director de cooperación para o desenvolvemento, logo do informe do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, e remitirlla ó Parlamento de Galicia para a súa aprobación.

b) Aproba-lo Plan anual de cooperación para o desenvolvemento, co previo informe do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, e darlle conta da súa aprobación ó Parlamento de Galicia.

2. O Consello da Xunta de Galicia formulará e avaliará a política da Xunta de Galicia en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Sección 2ª

Órganos executivos

Artigo 17. O departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

1. O departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento é o responsable

da política que leve a cabo a Comunidade Autónoma de Galicia neste ámbito.

2. Son competencias específicas deste departamento:

a) A formulación do anteproxecto do plan director e dos plans anuais de cooperación para o desenvolvemento.

b) A coordinación dos programas, dos proxectos e das accións da cooperación para o desenvolvemento que leven a cabo os diferentes departamentos e organismos da Xunta de Galicia.

c) A coordinación coa Administración do Estado, coas entidades locais e con outras institucións que leven a cabo actuacións no eido da cooperación para o desenvolvemento.

d) A proposta ó Consello da Xunta dos regulamentos de execución desta lei.

e) Informa-lo Parlamento sobre o grao de execución do plan director e dos plans anuais que o desenvolven.

f) A interlocución cos axentes de cooperación e desenvolvemento.

Artigo 18. Outros departamentos.

Os departamentos que leven a cabo actuacións de cooperación para o desenvolvemento no ámbito das súas respectivas competencias deberán axustarse ás directrices básicas do plan director e ás dos plans anuais, os cales se elaborarán coa participación de todas aquelas no marco da Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento.

Artigo 19. O centro directivo competente en materia de cooperación ó desenvolvemento.

1. Correspóndelle ó centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento:

a) A elaboración e o seguimento do plan director e dos plans anuais de cooperación para o desenvolvemento.

b) A dirección dos traballos de coordinación cos departamentos e con outros organismos da Xunta de Galicia que desenvolvan programas ou proxectos de cooperación, así como cos axentes de cooperación para o desenvolvemento.

c) A coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

d) A dirección dos traballos resultantes das actuacións derivadas da cooperación bilateral e multilateral.

e) A supervisión dos programas e proxectos financiados con fondos da Xunta de Galicia ou cofinanciados con outras entidades públicas ou privadas.

f) A avaliación de tódalas actuacións sectoriais e xeográficas.

g) A elaboración das propostas de regulamentos necesarios para aplicar esta lei.

h) Outras atribucións que lle encomende o conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

2. O centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento dotarase dos medios humanos, materiais e orzamentarios axeitados para cumpri-las funcións que ten encomendadas.

Sección 3.ª

Órganos de coordinación e asesoramento

Artigo 20. A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento.

1. Créase a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento como órgano de coordinación e colaboración entre a Xunta de Galicia e as administracións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que inclúan nos seus orzamentos partidas computables como axuda de cooperación para o desenvolvemento.

2. As funcións da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento son as seguintes:

a) Asegurar un intercambio de información permanente entre a Xunta de Galicia e as entidades locais sobre as actuacións que ambas leven a cabo no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.

b) Debate-la programación de cooperación, co fin de garanti-la coherencia e complementariedade das accións de desenvolvemento que aquelas realizan no marco das súas competencias.

c) Planificar e impulsa-las accións conxuntas de cooperación para o desenvolvemento entre as administracións locais e a Xunta de Galicia.

d) Facilita-lo coñecemento dos proxectos desenvolvidos e o seu impacto entre os cidadáns e as cidadás nos distintos municipios galegos.

3. A composición e o funcionamento da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento determinaranse regulamentariamente. En todo caso, terá composición paritaria e participarán nela representantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Artigo 21. A Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento.

1. A Comisión Interdepartamental de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano técnico de coordinación entre os departamentos que levan a cabo actuacións de cooperación para o desenvolvemento.

2. Estará presidida polo conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento e integrada por representantes dos departamentos, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

3. Esta comisión terá as seguintes funcións:

a) Obte-la necesaria información, complementariedade, coherencia e coordinación nas accións que desenvolva a Xunta de Galicia no eido da cooperación para o desenvolvemento.

b) Participar na elaboración do plan director e nos respectivos plans anuais.

c) Coñece-lo seguimento e a avaliación do plan director e dos plans anuais.

d) Outras que lle encomende o seu presidente.

Artigo 22. O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

1. Créase o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento como órgano de consulta e participación da sociedade galega en materia de cooperación para o desenvolvemento.

2. Este consello estará adscrito ó departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

3. O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento ten as seguintes funcións:

a) Coñecer e emitir informes sobre os proxectos de normas en materia de cooperación para o desenvolvemento.

b) Emitir informe sobre a proposta dos plans directores e dos plans anuais de cooperación para o desenvolvemento, así como face-las propostas que coiden oportunas.

c) Coñece-los resultados do documento de seguimento do plan anual e da avaliación da cooperación.

d) Recibir información e emitir opinión sobre as diferentes convocatorias públicas de axuda e financiamento para proxectos e programas de cooperación para o desenvolvemento, realizadas pola Administración da Xunta de Galicia.

e) Aproba-lo regulamento de funcionamento do consello.

f) Elaborar por iniciativa propia todo tipo de informes e propostas que, en opinión dos seus membros, contribúan a mellora-la calidade da cooperación para o desenvolvemento galego sempre que a devandita iniciativa sexa acordada pola maioría dos seus membros.

4. O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento estará formado polos membros que, en representación dos axentes de cooperación determinados no artigo 23 desta lei, se determine regulamentariamente.

Incorporaranse ó consello en calidade de independentes expertos en cooperación ó desenvolvemento elixidos por maioría cualificada polos representantes dos axentes de cooperación. O seu número será determinado no Regulamento do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

5. Ó regula-la composición do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, a Xunta de Galicia terá en conta a intensa actividade que neste campo desempeñan as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e os colectivos de solidariedade e promoverá unha especial participación deles neste consello. Os representantes das ONGD serán elixidos polas propias asociacións ou plataformas legalmente constituídas.

6. O departamento competente en materia de cooperación para o desenvolvemento contará cunha dotación orzamentaria suficiente para facilita-las funcións do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, así como co apoio dos recursos humanos e materiais necesarios para o cumprimento dos seus fins.

Capítulo IV

Mecanismos de participación social e axentes

da cooperación para o desenvolvemento

Artigo 23. Axentes da cooperación.

1. Para os efectos desta lei, considéranse axentes da cooperación os seguintes:

a) A Administración autonómica e as entidades locais recoñecidas pola Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como as institucións que as integren ou as organizacións que as representen.

b) Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

c) Universidades.

d) Empresas e organizacións empresariais.

e) Sindicatos.

f) As comunidades galegas no exterior.

g) Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

2. Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro poderán acceder a axudas autonómicas neste eido se reúnen as dúas condicións seguintes:

a) Acreditación previa das garantías que establezan nos regulamentos que desenvolven a lexislación galega en materia de réxime financeiro e orzamentario.

b) Compromiso de non obter ningún beneficio da operación. O devandito compromiso levará a obriga de encargar pola súa custa unha auditoría contable. Esta auditoría deberá ser efectuada por un profesional independente a criterio da administración, e nela detallaranse os custos directos da intervención e a súa plena correspondencia co obxecto da axuda outorgada. En ningún caso poderán imputárselle á operación custos indirectos ou de xestión. A liquidación final da axuda ficará así condicionada á recepción do informe de auditoría.

Artigo 24. Condicións para actuar no ámbito da cooperación para o desenvolvemento en Galicia.

1. Os axentes de cooperación deberán reuni-las seguintes condicións:

a) Estaren dotados de personalidade xurídica conforme as leis vixentes.

b) Teren sede social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Careceren de ánimo de lucro. Entenderase por tal a non apropiación dos beneficios obtidos a través de accións de cooperación para o desenvolvemento financiadas ó abeiro desta lei. En calquera caso, todo ingreso obtido nas devanditas actuacións será reinvestido en actividades de desenvolvemento, axuda humanitaria ou educación para o desenvolvemento, co coñecemento expreso da administración.

d) Contaren cun socio ou cunha contraparte local na zona onde se vaian realiza-los proxectos de cooperación.

2. Quedan excluídas do cumprimento das condicións previstas nas letras c) e d) do número anterior as entidades con personalidade xurídica pública.

Artigo 25. As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

1. As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia, como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento.

2. Para os efectos desta lei, considéranse organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento aquelas entidades que cumpran os seguintes requisitos:

a) Entidades de dereito privado, legalmente constituídas e sen ánimo de lucro.

b) Aquelas que nos seus estatutos establezan expresamente, entre os seus fins, a realización de actividades relacionadas cos principios e obxectivos da cooperación para o desenvolvemento.

c) Gozar de plena capacidade xurídica e de obrar, e dispoñer dunha estructura que garanta o cumprimento dos seus fins.

d) Ter sede social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritas no correspondente rexistro desta Comunidade Autónoma.

e) Respecta-lo código de conducta propio das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

f) Non ter relacións de dependencia, nin directa nin indirecta, de institucións públicas, sexan autonómicas, estatais ou internacionais.

Capítulo V

Medios persoais e financeiros ó servicio

da cooperación galega para o desenvolvemento

Artigo 26. O persoal da administración pública na cooperación para o desenvolvemento.

1. A actividade da Administración da Comunidade Autónoma en materia de cooperación para o desenvolvemento será executada polo persoal adscrito ó centro directivo que teña as competencias nesta materia.

2. O persoal dependente doutros departamentos da Xunta de Galicia poderá participar en proxectos e programas de cooperación para o desenvolvemento executados directamente por aquela.

3. O departamento competente na cooperación para o desenvolvemento determinará nos plans anuais de actuación o número de traballadores públicos que poden participar nestas actividades, así como os programas e proxectos susceptibles de acollelos.

4. O persoal funcionario ou estatutario que participe en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento por un período superior a seis meses encontrarase nunha situación de servicios

especiais; se o período fose inferior a seis meses poderá outorgárselle unha comisión de servicios.

O persoal laboral que participe en proxectos ou programas de cooperación para o desenvolvemento rexerase polo disposto no seu correspondente convenio colectivo de aplicación.

Artigo 27. O voluntariado.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por voluntario toda persoa física que, por libre determinación, sen recibir contraprestación económica e sen mediar relación laboral, mercantil ou funcionarial de calquera tipo, participe nas actividades dos proxectos e programas de cooperación para o desenvolvemento.

2. Os voluntarios deberán ser informados dos obxectivos da entidade na que realicen a súa actividade, do marco no que se produce a actuación na que participan e dos seus dereitos e deberes.

3. Os voluntarios estarán vinculados á entidade á que se refire o número anterior mediante un acordo por escrito que comprenda, como mínimo:

a) Os recursos necesarios para facer fronte ás necesidades básicas de subsistencia no país de destino.

b) Un seguro de enfermidade e accidente a favor do voluntario e dos familiares directos que con el se despracen, válido para o período da súa estadía no estranxeiro.

c) O tempo necesario para a obtención dunha correcta formación.

4. No non previsto neste artigo, será de aplicación supletoria a Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Artigo 28. Os cooperantes.

Son cooperantes os que teñan unha axeitada formación ou titulación académica oficial ou unha probada experiencia profesional e teñen encomendada ou participan na execución dun determinado proxecto ou programa no marco da cooperación para o desenvolvemento. Seralles aplicable o Estatuto do cooperante previsto no número 2.º do artigo 38 da Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento.

Artigo 29. Recursos financeiros.

1. A Lei de orzamentos fixará anualmente os créditos destinados á cooperación para o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas orientacións contidas no plan anual correspondente, que tenderán progresivamente a acada-lo mínimo do 0,7 % dos orzamentos da Xunta de Galicia.

2. Os recursos destinados á cooperación para o desenvolvemento poderán aumentarse con subvencións e contribucións doutros organismos e institucións nacionais e internacionais, públicos e privados, e de persoas físicas ou xurídicas.

3. Co obxecto de lograr unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados á cooperación para o desenvolvemento, poderanse establecer sistemas específicos de xustificación e control do gasto adaptados á súa especialidade, que teñan en conta a necesaria flexibilidade e adaptación

das normas xerais de réxime financeiro e orzamentario a proxectos que se realizan nos países receptores da axuda oficial ó desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, poderanse adquirir compromisos de gasto para financiar proxectos e programas de cooperación para o desenvolvemento que se estendan a exercicios posteriores a aquel no que se autoricen, sempre que a súa execución se inicie no propio exercicio.

5. No caso de proxectos de carácter anual poderanse facer pagos anticipados de acordo co disposto no artigo 78.6 do Decreto lexislativo 1/1999, sen que en ningún caso superen o 80 % da contía subvencionada. Se os programas fosen de carácter plurianual en ningún caso se farán pagos anticipados que superen o 50 % do límite anual previsto na norma antes citada. Estes pagos anticipados faranse sen necesidade de autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 30. Réxime fiscal das achegas efectuadas a organizacións non gobernamentais e a proxectos de cooperación para o desenvolvemento.

1. As achegas efectuadas por persoas físicas ou xurídicas a organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento así como para a realización de programas ou proxectos de cooperación recibirán o tratamento fiscal previsto nos artigos 35 e 36 da Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia poderá regular outros incentivos fiscais que favorezan a participación privada en programas ou proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Estes incentivos regularanse mediante norma con rango de lei.

Capítulo VI

Infraccións e sancións

Artigo 31. Infraccións en materia de cooperación para o desenvolvemento.

1. Son infraccións en materia de cooperación para o desenvolvemento as accións e omisións que se opoñan ó disposto nesta lei ou nas disposicións regulamentarias que desenvolvan e precisen a tipificación establecida nela.

2. As infraccións clasifícanse en leves, graves ou moi graves.

Artigo 32. Infraccións leves.

Son infraccións leves as seguintes:

1. Non facilita-los labores de seguimento, control e avaliación da Xunta de Galicia.

2. Non lle proporcionar ó persoal voluntario a información esixida polo artigo 27.2 desta lei.

3. Outras accións ou omisións que vulneren o disposto nesta lei ou nas súas disposicións regulamentarias e non constitúan infraccións graves ou moi graves.

Artigo 33. Infraccións graves.

Consideraranse infraccións graves:

1. A utilización, no ámbito das accións de cooperación para o desenvolvemento, de marcas ou logotipos identificativos da Administración autonómica ou que sexan titularidade desta sen a correspondente autorización administrativa da Xunta de Galicia.

2. A presentación de documentos que puidesen inducir a erro na valoración dalgunha das condicións básicas para actuar no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.

3. Non dota-lo persoal voluntario expatriado dun seguro de enfermidade e accidente nos termos do artigo 27.3.b) desta lei.

4. Impedir ou obstruí-las accións de seguimento, control e avaliación da Xunta de Galicia.

5. Non xustifica-la execución das accións en materia de cooperación para o desenvolvemento que foron subvencionadas pola Xunta de Galicia.

6. A acumulación de tres ou máis infraccións leves da mesma natureza.

Artigo 34. Infraccións moi graves.

Terán a consideración de infraccións moi graves:

1. O destino das axudas, das subvencións e dos demais recursos financeiros da Xunta de Galicia a obxectivos e fins que non responden ós previstos nesta lei.

2. A presentación de documentos que puidesen inducir a erro nas achegas ou nos donativos a organizacións non gobernamentais.

3. Calquera acción ou omisión que xere risco ou dano para a integridade ou a saúde dos cooperantes voluntarios expatriados.

4. Non dota-lo persoal voluntario expatriado dos recursos necesarios para facer fronte ás necesidades básicas de subsistencia no país de destino.

5. A acumulación de tres ou máis infraccións graves da mesma natureza.

Artigo 35. Sancións.

1. As infraccións leves sancionaranse con multa de entre 600 e 3.000 euros. Poderase acorda-la perda durante un ano do dereito a obter calquera tipo de financiamento ou outro beneficio dos previstos nesta lei ou nos regulamentos que a desenvolvan.

2. As infraccións graves sancionaranse con multa de entre 3.001 e 30.000 euros. Poderase acorda-la perda durante dous anos do dereito a obter calquera tipo de financiamento ou beneficio dos previstos nesta lei ou nos regulamentos que a desenvolven.

3. As infraccións moi graves sancionaranse con multa de entre 30.001 e 120.000 euros. Poderase acorda-la perda durante cinco anos do dereito a obter calquera tipo de financiamento ou beneficio dos previstos nesta lei ou nos regulamentos que a desenvolven.

Artigo 36. Prescrición.

1. As infraccións moi graves prescribirán ós tres anos, as graves ós dous anos e as leves ós seis meses.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometese.

2. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán ós tres anos, as impostas por infraccións graves ós dous anos e a impostas por infraccións leves ós seis meses. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Artigo 37. Órganos competentes.

Serán competentes para a imposición de sancións:

a) Por faltas moi graves, a partir de 60.001 euros, o Consello da Xunta de Galicia.

b) Por faltas moi graves de entre 30.001 e 60.000 euros e por faltas graves e leves, o conselleiro competente por razón da materia.

Artigo 38. Procedemento sancionador.

1. A potestade sancionadora exércese mediante o procedemento establecido no correspondente regulamento aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

2. O prazo para resolve-lo procedemento sancionador será de seis meses, contados desde a data da súa iniciación, ampliable, no caso de infraccións moi graves ou graves, por un máximo de seis meses mediante acordo adoptado polo órgano competente para inicia-lo procedemento. Contra este acto de ampliación non caberá ningún recurso.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que se dictase resolución, entenderase caducado o procedemento. No suposto de que a infracción non estivese prescrita, deberá iniciarse un novo procedemento sancionador.

Disposición adicional primeira.-Compromisos orzamentarios.

Os orzamentos dedicados á cooperación terán como horizonte contribuír a que no ano 2010 o conxunto da cooperación española para o desenvolvemento acade o 0,7 % dos orzamentos.

Disposición adicional segunda.-Selección de proxectos.

Para a selección dos proxectos ou programas que desenvolvan os plans anuais de cooperación para o desenvolvemento, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, consultaranse os informes emitidos ó respecto polo Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

No prazo máximo de nove meses a partir da entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia elaborará un informe detallado e global sobre a situación da cooperación internacional ó desenvolvemento na nosa Comunidade Autónoma.

Disposición adicional terceira.-Exclusión de informes sectoriais.

Os proxectos ou programas que desenvolvan os plans anuais de cooperación para o desenvolvemento, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, non precisarán informes sectoriais para a súa execución.

Disposición adicional cuarta.-Primeiro plan director.

No primeiro Plan director de cooperación que se remita ó Parlamento logo da entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia inserirá unha proposta motivada na que se pondere a viabilidade da creación da Axencia Galega de Cooperación ó Desenvolvemento. Para tal fin solicitará a opinión dos axentes de cooperación máis activos que tivesen a súa sede ou dispuxesen de representación territorial estable en Galicia, considerando o seu número de asociados ou partícipes galegos no último ano e mailo correspondente orzamento de ingresos.

Disposición derrogatoria única.-Derrogación xenérica.

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira.-Dereito supletorio.

No non previsto nesta lei será aplicable subsidiariamente o previsto na Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento.

Disposición derradeira segunda.-Desenvolvemento regulamentario.

1. Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

2. O desenvolvemento regulamentario ó que se refire o punto anterior efectuarase no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente