DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2004 Páx. 2.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de febreiro de 2004 pola que se establecen as medidas de atención específica ó alumnado procedente do estranxeiro.

A Orde do 27 de decembro de 2002, pola que se establecen as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais (DOG do 30 de xaneiro de 2003), establece diversas medidas de atención para este alumnado, prevendo as necesidades educativas de tipo temporal que estean asociadas á historia persoal e escolar ou a situacións sociais ou culturais desfavorecidas, que pola súa especificidade supoñan a existencia de diferencias significativas no acceso ordinario ó currículo e, polo tanto, requiran de apoios e atencións educativas específicas.

A chegada de poboación de orixe estranxeiro á nosa Comunidade Autónoma, así como o retorno de emigrantes galegos e das súas familias, está a incidir de xeito notable na evolución da diversidade na nosa poboación escolar, segundo as cifras que proporcionan os distintos indicadores obxectivos. Por este motivo, a presente orde ten por finalidade amplia-lo disposto na Orde do 27 de decembro de 2002 ás necesidades de atención que presenta a poboación en idade de escolarización obrigatoria e que procede do estranxeiro, principalmente a que se incorpora ó noso sistema educativo, seguindo os principios e criterios que para este fin e alumnado prevé o artigo 42 da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

En consecuencia, en virtude das competencias que ten atribuídas, esta consellería

DISPÓN:

Capítulo I

Aspectos xerais

Artigo 1º.-Alumnado obxecto de medidas de atención específica.

Considerarase alumnado obxecto das medidas previstas na presente orde aquel que tendo unha idade comprendida entre os 3 anos e o límite de escolarización obrigatoria proceda do estranxeiro e, trala correspondente avaliación, reúna algunha das necesidades educativas seguintes:

a) Descoñecemento das dúas linguas oficiais da nosa Comunidade Autónoma, galega e castelá.

b) Desfase curricular de dous cursos ou máis, con respecto ó que lle correspondería pola súa idade.

c) Presentar graves dificultades de adaptación ó medio escolar debidas a razóns sociais ou culturais.

Artigo 2º.-Avaliación inicial do alumnado.

A determinación das necesidades de cada alumno realizarase a través da avaliación inicial que se leva a cabo con carácter xeral no momento da incorporación ó sistema educativo, segundo o establecido nos artigos 13 e 17 da Orde do 27 de decembro de 2002. De se-lo caso, correspóndelles ós departamentos de orientación, ou ós servicios de orientación no caso dos centros privados concertados, a realización da avaliación psicopedagóxica correspondente.

Artigo 3º.-Centros que desenvolverán medidas específicas.

As medidas que se recollen nesta orde serán desenvolvidas por aqueles centros educativos que, logo dos correspondentes informes, identifique cada delegación provincial e que deberán reunir algunha destas características:

a) Escolarizar alumnado que presente algunha das necesidades sinaladas no artigo 1º.

b) Escolarizar alumnado de orixe estranxeira, aínda que non presente as necesidades anteriormente citadas.

Artigo 4º.-Dotación de profesorado de apoio.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria avaliarán en tódolos centros que escolaricen alumnado procedente do estranxeiro os recursos existentes e as necesidades derivadas desa escolarización co propósito de propicia-las dotacións necesarias para levar a cabo as atencións establecidas nesta orde.

2. O profesorado de apoio poderá pertencer a calquera dos corpos e especialidades do ensino primario ou secundario, de acordo coas necesidades do alumnado procedente do estranxeiro que deba atender.

3. Ó longo do curso as actividades de apoio que realizará este profesorado darán prioridade ás aulas

con alumnos procedentes do estranxeiro e de nova escolarización, particularmente nos casos de incorporación ó sistema educativo no segundo curso de primaria ou posterior, ou naqueles nos que a escolarización se produza despois do primeiro trimestre do ano escolar.

Capítulo II

Medidas de atención escolar

Sección primeira

Aspectos xerais

Artigo 5º.-Proxectos educativos e desenvolvemento curricular.

Os proxectos educativos e os documentos de desenvolvemento curricular dos centros educativos ós que se refire o artigo 3º incluirán os criterios de carácter organizativo e pedagóxico para a atención ó seu alumnado procedente do estranxeiro con algunha das necesidades educativas específicas recollidas no artigo 1º. Así mesmo, deberán incorpora-los contidos e as accións que permitan a educación de todo o alumnado no coñecemento e respecto da diversidade cultural existente no centro.

Artigo 6º.-Orientación e acción titorial

Os centros educativos ós que se refire o artigo 3º recollerán nos seus plans de orientación e de acción titorial actuacións deseñadas especificamente para o seu alumnado procedente do estranxeiro. Estas incluirán plans de acollida para ese alumnado así como de seguimento do seu proceso de integración escolar por parte do profesorado titor.

Artigo 7º.-Medidas de atención escolar.

1. As medidas de atención ó alumnado sinalado no artigo 1º incluirán, ademais da acción titorial, as establecidas para a atención á diversidade e, en particular, as seguintes para a atención ás necesidades educativas específicas:

a) De tipo curricular:

-Reforzo educativo.

-Adaptacións curriculares.

-Flexibilizacións de idade.

b) De tipo organizativo:

-Grupos de adquisición das linguas.

-Grupos de adaptación da competencia curricular.

2. As medidas de tipo organizativo desenvolveranse mediante os agrupamentos flexibles citados no punto anterior, que terán carácter temporal e deberán ser autorizados pola delegación provincial, logo de solicitude da dirección do centro e informe da inspección educativa. Así mesmo, para que un alumno poida pertencer a algún destes agrupamentos será necesario que a súa familia sexa informada previamente.

A súa finalidade será proporcionar, sen prexuízo das actividades de apoio que se desenvolvan dentro das aulas ordinarias, unha atención individualizada ás necesidades educativas específicas do alumnado, así como a súa familiarización coa vida do centro.

Sección segunda

Grupos de adquisición das linguas

Artigo 8º.-Definición.

1. Os grupos de adquisición das linguas son agrupamentos flexibles que teñen por finalidade, a través dunha atención individualizada, o impulso dunha formación inicial específica nas linguas vehiculares do ensino, de xeito que se posibilite a súa plena incorporación nas actividades de aprendizaxe pertencentes ó curso no que se atope escolarizado.

Esta medida estará dirixida, polo tanto, ó alumnado que descoñeza completamente ámbalas linguas oficiais de Galicia.

2. O alumnado poderá formar parte dun destes grupos un tempo máximo dun trimestre, se ben a inspección educativa poderá autoriza-la ampliación excepcional dese período. En todo caso, o alumno incorporarase plenamente ó seu grupo ordinario no momento en que a xunta de avaliación considere superadas as súas necesidades educativas debidas ó descoñecemento das linguas.

3. Os grupos de adquisición das linguas poderanse desenvolver na educación primaria e na educación secundaria obrigatoria e, excepcionalmente, no último curso da educación infantil.

4. O alumnado que forme parte dun grupo de adquisición das linguas deberá pertencer a unha mesma etapa educativa, sen necesidade de que estea escolarizado no mesmo curso ou ciclo.

Artigo 9º.-Horarios.

1. O horario semanal máximo de pertenza a un grupo de adquisición das linguas será de 5 períodos lectivos no último curso da educación infantil, 10 no primeiro ciclo da educación primaria, 20 no segundo e terceiro ciclo da educación primaria e 24 na educación secundaria obrigatoria. Non obstante, este horario deberase ir reducindo progresivamente a medida que o alumno vaia progresando no dominio da lingua vehicular da aprendizaxe.

2. Coa finalidade de facilita-la integración escolar e social do alumno, este permanecerá co seu grupo ordinario de referencia nas materias de educación física e educación artística, na educación primaria, e de educación física, música e educación plástica e visual, así como no período de titoría, na educación secundaria obrigatoria.

No caso do último curso da educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria, ademais das actividades específicas que se poidan desenvolver no grupo de adquisición das linguas tamén se levarán a cabo no contorno da aula ordinaria actividades de apoio á aprendizaxe da lingua.

Artigo 10º.-Profesorado.

1. O profesorado encargado na educación secundaria obrigatoria dos grupos de adquisición das linguas pertencerá preferentemente ás especialidades de tipo lingüístico.

2. O titor deste alumnado será o que lle corresponda pola súa pertenza a un grupo ordinario e será

o encargado da coordinación do equipo docente, asesorado, se é o caso, polo departamento de orientación.

3. A avaliación das aprendizaxes específicas sobre a lingua será continua e servirá de referente para a toma de decisións sobre o horario de permanencia nos grupos ordinario e de adquisición das linguas.

Durante o período de permanencia no grupo de adquisición das linguas os pais do alumno serán informados sobre o seu progreso na aprendizaxe específica de tipo lingüístico, así como no relativo á súa integración na vida do centro.

Sección terceira

Grupos de adaptación da competencia curricular

Artigo 11º.-Definición.

1. Os grupos de adaptación da competencia curricular son agrupamentos flexibles que terán por finalidade, a través dunha atención individualizada, o progreso na súa competencia curricular, de xeito que se lle posibilite a plena incorporación nas actividades de aprendizaxe pertencentes ó curso no que se atope escolarizado.

Esta medida estará dirixida, polo tanto, ó alumnado que presente un desfase curricular de dous ou máis cursos con respecto ó que lle correspondería pola súa idade.

2. A permanencia nestes grupos levarase a cabo nunha fracción da xornada escolar, principalmente coincidindo coas materias de carácter instrumental, podéndose estender ó longo de todo o ano escolar.

Non obstante, o alumnado deberase incorporar plenamente ó seu grupo ordinario no momento no que a xunta de avaliación considere superadas as súas necesidades educativas debidas ó desfase curricular.

3. Os grupos de adaptación da competencia curricular só se poderán desenvolver no segundo e terceiro ciclo da educación primaria e na educación secundaria obrigatoria.

4. O alumnado que forme parte dun grupo de adaptación da competencia curricular deberá pertencer a unha mesma etapa educativa, sen necesidade de que pertenza ó mesmo curso ou ciclo.

Artigo 12º.-Horarios.

1. O horario semanal máximo de permanencia nestes grupos será de 8 períodos no segundo e terceiro ciclo da educación primaria, e de 10 na educación secundaria obrigatoria.

2. Tendo en conta que a finalidade dos grupos de adaptación da competencia curricular é conseguir que o alumnado poida incorporarse con normalidade ó seu grupo ordinario de referencia, en ningún caso o desenvolvemento das actividades do grupo de adaptación da competencia curricular poderá abrangue-la totalidade do horario semanal de cada unha das materias coas que coincide.

Artigo 13º.-Profesorado.

1. Na educación secundaria o profesorado encargado dos grupos de adaptación da competencia curricular pertencerá preferentemente a algunha das especialidades que correspondan ás materias obxecto de reforzo desa competencia.

2. Deberase establecer, polo profesor titor do alumno, a coordinación entre o profesorado do grupo ordinario e o de adaptación da competencia curricular, especialmente no relativo ós aspectos de tipo metodolóxico, programación de actividades docentes e o establecemento dos criterios de avaliación do alumnado.

3. O profesorado que interveña nos grupos de adaptación da competencia curricular asistirá ás sesións de avaliación do seu alumnado. Sen embargo, a emisión das cualificacións corresponderá ó profesorado do grupo ordinario, tendo en conta a información que proporcione o profesorado anteriormente citado.

Así mesmo, os pais ou persoas responsables do alumno serán informados sobre os seus progresos na superación do desfase curricular, así como sobre a súa integración na vida do centro.

Disposición adicional

Única.-Criterios para a escolarización do alumnado procedente do estranxeiro.

1. Con carácter xeral o alumnado procedente do estranxeiro escolarizarase de acordo co procedemento xeral de admisión, establecido na Orde do 16 de marzo de 2001 (DOG do 11 de abril), agás nos seguintes aspectos:

a) No caso das idades de escolarización obrigatoria, deberase produci-la escolarización no momento de chegada do alumno a Galicia, sen necesidade de que teña que espera-lo inicio do novo curso.

b) O curso da educación básica no que se incorporará inicialmente o alumno determinarase tomando en consideración a súa idade así como o nivel máis axeitado para dar resposta ás súas necesidades educativas.

2. Sen prexuízo do anterior, no caso dos cursos de terceiro e cuarto de educación secundaria obrigatoria deberase ter en conta o disposto nas ordes ministeriais do 30 de abril de 1996 (BOE do 8 de maio) e 3305/2002, do 16 de decembro (BOE do 28 de decembro). Excepcionalmente, os maiores de quince anos que presenten graves problemas de adaptación á educación secundaria obrigatoria poderanse incorporar ós programas de iniciación profesional establecidos pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

3. En ningún caso se producirá a incorporación do alumno nun curso inferior ós dous anteriores ó que lle correspondería por idade. Así mesmo, dentro da idade obrigatoria o curso de incorporación pertencerá á ensinanza básica, agás no caso do alumnado con necesidades educativas especiais.

Disposición derradeira

Única.-Autorízanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa, de Persoal e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL