DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 23 de abril de 2004 Páx. 5.762

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, e de desenvolvemento e execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro, de conformidade co disposto nos artigos 27.15º e 28.5º, respectivamente, do Estatuto de autonomía de Galicia; inherentes a esas competencias están as de inspección e sanción, a teor do disposto no seu artigo 37.3º.

Con base nesas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/1985, do 11 de xuño, de sancións en materia pesqueira, marisqueira e de cultivos mariños, derrogada pola Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, ambas desenvolvidas regulamentariamente a través do Decreto 61/1998, do 10 de marzo, polo que se regulan as funcións de vixilancia e inspección pesqueiras, e dos decretos 407/1991 e 43/1992 sobre aspectos sancionadores.

Doutra banda, a Lei 6/1993, do 18 de maio, de pesca de Galicia, crea o Servizo de Protección de Recursos para asegurar o cumprimento da lexislación sobre a materia e asígnalle a dependencia funcional dos seus membros á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura: para o cumprimento dos seus servizos, poderán inspeccionar buques, vehículos e todo tipo de establecementos que realicen actividades pesqueiras, marisqueiras e de cultivos mariños.

En paralelo co disposto na Lei 6/1991, a Lei 12/1992, do 9 de novembro, crea diversas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia, entre elas as de inspección e vixilancia pesqueira.

No cumprimento destas funcións, contouse coa participación permanente e continua de efectivos da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, participación que non se limitou ás funcións do servizo de protección de recursos, senón que exerceu, ademais, aquelas propias do Corpo Nacional de Policía que exceden o ámbito estritamente administrativo.

Transcorrida unha década desde a creación deste servizo, estímase necesario proceder á creación dunha escala que na súa estrutura e funcionamento se adapte á nova situación socioeconómica do sector e do tráfico marítimo que se produce diante das nosas costas.

Os integrantes deste novo colectivo non circunscribirán as súas funcións única e exclusivamente a labores de inspección e vixilancia. Trátase coa

creación desta nova escala de conseguir un persoal especializado e cualificado nos labores que tradicionalmente viñan desenvolvendo, ampliando estes ao control do medio mariño, á prevención e loita contra a contaminación mariña e aos labores de salvamento marítimo, e a aqueloutros que se lle poidan encomendar, atendendo deste xeito, dunha forma eficaz, as demandas do sector pesqueiro e marisqueiro nesta materia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo 1º.-Servizo de Gardacostas de Galicia.

1. En virtude desta lei, créase o Servizo de Gardacostas de Galicia, como un servizo público.

2. Os membros do dito servizo dependerán funcionalmente da consellería competente en materia de pesca.

3. O Servizo de Gardacostas de Galicia contará coas seguintes escalas de funcionarios:

a) Escala técnica.

b) Escala executiva.

c) Escala de axentes.

Artigo 2º.-Principios de actuación.

Son principios básicos de actuación do Servizo de Gardacostas de Galicia:

a) Exercer a súa función con absoluto respecto á Constitución española, ao Estatuto de autonomía de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.

b) Actuar, no cumprimento das súas funcións, con neutralidade e imparcialidade, e, en consecuencia, sen discriminación ningunha por razón de raza, sexo, orixe, relixión ou opinión.

c) Actuar con integridade e dignidade.

d) Desenvolver a súa actuación profesional observando o principio de xerarquía e de respecto aos subordinados.

e) Colaborar coas distintas administracións e autoridades, no ámbito da súa competencia.

f) Observar en todo momento un trato correcto e esmerado nas súas relacións cos cidadáns.

g) Actuar coa dilixencia e prontitude necesaria, baixo os principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade.

h) Gardar segredo respecto de todas as informacións que coñezan por razón ou con ocasión do desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 3º.-Función inspectora.

l. Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia terán a consideración de axentes da autoridade no desempeño das súas funcións.

2. Este persoal irá perfectamente identificado, provisto do correspondente carné ou placa e co uniforme que regulamentariamente se determinen, agás naquelas actuacións nas que sexa preciso garantir o segredo da operación.

3. No exercicio da súa función inspectora, e acreditando a súa identidade, o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia poderá acceder ás industrias e establecementos que desenvolvan actividades descritas neste artigo, así como ás embarcacións e viveiros flotantes e aos vehículos de transporte dos produtos pesqueiros.

4. A función inspectora consistirá basicamente na realización de todas aquelas actuacións dirixidas ao control dos establecementos e actividades de explotación dos recursos mariños desde a súa produción ata a súa comercialización e transporte ata o seu consumo final. Igualmente, todas aquelas actuacións dirixidas ao control dos establecementos e actividades que poidan afectar, no seu desenvolvemento, o medio mariño, velando polo cumprimento das normas vixentes na materia, así como as actuacións que contribúan ao cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade marítima que hai que desenvolver na explotación dos recursos mariños, realizando os correspondentes informes.

Artigo 4º.-Da función preventiva e da función paliativa.

1. O persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia desenvolverá, ademais das funcións recollidas no artigo anterior, as seguintes:

a) Preventivas: todas aquelas actuacións dirixidas a adoptar medidas de preservación do medio mariño e dos seus recursos, evitando as agresións a el.

b) Paliativas: todas aquelas actuacións de salvamento e loita contra a contaminación mariña, dirixidas a auxiliar e protexer as persoas, os bens e o medio mariño e asegurar a conservación do medio mariño no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No marco das funcións que desenvolva o Servizo de Gardacostas de Galicia, contarase coa participación da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma, sen prexuízo das funcións que con carácter xeral teñen atribuídas os corpos e forzas de seguridade do Estado.

3. No exercicio das súas funcións, o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia poderá solicitar o apoio ou auxilio doutras administracións, e principalmente das forzas e corpos de seguridade do Estado e da Policía Local, así como das Forzas Armadas.

Artigo 5º.-Escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dentro

do corpo facultativo superior da Xunta, grupo A, créase a escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia.

2. Para o acceso a esta escala, exixirase estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalentes, e a superación dos cursos que se determinen, sen prexuízo dos demais requisitos que poida establecer a oportuna convocatoria.

3. O seu sistema de acceso será o de promoción interna, desde a escala executiva, e o de oposición libre. As prazas non cubertas polo sistema de promoción interna serán cubertas polo sistema de oposición libre.

Artigo 6º.-Escala executiva do Servizo de Gardacostas de Galicia.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dentro do corpo facultativo de grao medio da Xunta, grupo B, créase a escala executiva do Servizo de Gardacostas de Galicia.

2. Para o acceso a esta escala, exixirase estar en posesión do título de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalentes, e a superación dos cursos que se determinen, sen prexuízo dos demais requisitos que poida establecer a oportuna convocatoria.

3. O seu sistema de acceso será o de promoción interna desde a escala de axentes e o de oposición libre. As prazas non cubertas polo sistema de promoción interna serán cubertas polo sistema de oposición libre.

Artigo 7º.-Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

1. Ao abeiro do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dentro do corpo de axudantes facultativos da Xunta, grupo C, créase a escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

2. Para o acceso a esta escala, exixirase estar en posesión do título de bacharelato, técnico superior ou equivalentes, e a superación dos cursos que se determinen, sen prexuízo dos demais requisitos que poida establecer a oportuna convocatoria.

3. O seu sistema de acceso será o de oposición libre.

Artigo 8º.-Adscrición de postos de traballo.

1. A consellería competente en materia de pesca poderá adscribir postos de traballo en exclusiva ás escalas creadas por esta lei.

2. Os funcionarios pertencentes ao Servizo de Gardacostas de Galicia poderán participar nos procedementos de provisión dos postos de traballo abertos

ás súas escalas na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 9º.-Da segunda actividade.

1. A segunda actividade é unha situación administrativa especial na que poderán encontrarse os funcionarios do Servizo de Gardacostas de Galicia que, pola súa idade, non se atopen capacitados para o desenvolvemento das tarefas características do servizo, podendo, polo contrario, prestar outro tipo de servizos á consellería competente en materia de pesca.

2. Na situación de segunda actividade permanecerase ata o pase á situación de xubilación ou a outra situación que non poderá ser a do servizo activo.

3. A situación de segunda actividade considerarase para todos os efectos como de servizo activo, tendo dereito a percibir a totalidade das retribucións básicas e complementarias que viña percibindo antes do pase a esta situación, salvo as especificidades que se fixen regulamentariamente.

Artigo 10º.-Pase á segunda actividade.

O pase á situación de segunda actividade requirirá:

a) Solicitude do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

b) Ter cumpridos os 58 anos para a escala técnica e os 55 para a executiva e a de axentes.

Artigo 11º.-Postos de traballo reservados á segunda actividade.

Os funcionarios que soliciten o pase á situación de segunda actividade deberán ocupar necesariamente un dos postos de traballo reservados a eles na relación de postos de traballo da consellería competente en materia de pesca. A adscrición farase tras concurso de méritos, debendo ter a consideración de mérito preferente o de ocupar praza na mesma localidade.

A consellería competente en materia de pesca reservará na súa relación de postos de traballo unha porcentaxe, que se determinará regulamentariamente, para a súa provisión polo pase á segunda actividade.

Artigo 12º.-Réxime disciplinario.

1. Sen prexuízo do disposto na Lei 4/1988, da función pública de Galicia, o réxime disciplinario dos funcionarios pertencentes ao Servizo de Gardacostas de Galicia axustarase ao disposto nesta lei.

2. As faltas poderán ser leves, graves e moi graves.

3. As faltas leves prescribirán ao mes; as graves, aos dous anos; e as moi graves, aos seis anos.

4. Consideraranse faltas moi graves:

a) O abuso das súas atribucións e a práctica de tratos inhumanos, degradantes, discriminatorios e vexatorios ás persoas.

b) O abuso de autoridade.

c) A desobediencia das lexítimas instrucións dadas polos superiores.

d) A non prestación de auxilio con urxencia, naqueles feitos ou circunstancias graves, e/ou a demanda de particulares ou autoridades.

e) O abandono do servizo.

f) A violación do segredo profesional e a falta do debido sixilo respecto dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo, que prexudique o desenvolvemento das funcións do servizo e os dereitos dos cidadáns.

g) O exercicio de actividades públicas ou privadas incompatibles co desempeño das súas funcións.

h) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante o servizo.

i) Ter sido sancionado pola comisión de tres ou máis faltas graves no período dun ano.

j) Calquera outra conduta non enumerada nos puntos anteriores, tipificada como falta moi grave na lexislación de funcionarios.

5. As faltas graves e leves determinaranse regulamentariamente de conformidade cos seguintes criterios:

a) Intencionalidade.

b) A perturbación que poidan producir no normal funcionamento da administración.

c) Os danos e perdas ou a falta de consideración que poida implicar para os cidadáns.

d) Reincidencia.

e) A non observancia dos principios de xerarquía e de disciplina.

6. As sancións que se lles poderán impoñer aos funcionarios do Servizo de Gardacostas de Galicia son as previstas na normativa da función pública de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Habilitación de persoal de apoio.

A consellería competente en materia de pesca poderá habilitar o persoal contratado para tripular as embarcacións ou pilotar os medios aéreos de que dispoña para que poida proceder ao levantamento de actas e á emisión de informes sobre as accións que desenvolvan, tendo, única e exclusivamente para estes efectos, a consideración de auxiliar da autoridade pública.

Segunda.-Coordinación coa Administración do Estado.

O Goberno galego coordinará coa Administración do Estado os medios e a información en materia

de seguranza e salvamento marítimos, tanto nas augas interiores como nas exteriores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Límite de idade nas convocatorias de novo ingreso.

As convocatorias de novo ingreso deberán fixar o límite de idade mínimo e máximo de ingreso nos 18 e 35 anos, respectivamente, para poder ser admitido nas probas de selección, sen prexuízo dos demais requisitos exixidos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Integración do persoal do Servizo de Protección de Recursos.

1. Os funcionarios das escalas do Servizo de Protección de Recursos poderán integrarse nas correspondentes escalas recollidas no artigo 1 desta lei.

2. A opción individual á dita integración deberá efectuarse no prazo que se determine regulamentariamente, nos termos que a continuación se detallan:

a) Na escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo A, integraranse os funcionarios pertencentes á escala de inspección pesqueira. Igualmente, poderán integrarse nesta escala os funcionarios actualmente pertencentes á escala técnica de vixilancia pesqueira que, á entrada en vigor desta lei, teñan a titulación exixida e que conten cunha antigüidade no Servizo de Protección de Recursos de, polo menos, cinco anos.

b) Na escala executiva do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo B, integraranse os funcionarios pertencentes á escala técnica de vixilancia pesqueira. Igualmente, poderán integrarse nesta escala os funcionarios actualmente pertencentes á escala de subinspección pesqueira e á escala de titulados náutico-pesqueiros de vixilancia pesqueira que, á entrada en vigor desta lei, teñan a titulación exixida e que conten cunha antigüidade no Servizo de Protección de Recursos de, polo menos, cinco anos.

c) Na escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo C, integraranse os funcionarios actualmente pertencentes á escala de subinspección pesqueira e os pertencentes á escala de titulados náutico-pesqueiros de vixilancia pesqueira. Igualmente, poderán integrarse nesta última escala os funcionarios actualmente pertencentes á escala básica de vixilancia pesqueira que, á entrada en vigor desta lei, teñan a titulación exixida.

Segunda.-Clasificación do persoal que non opte ou non poida optar pola integración.

Os funcionarios que non opten ou non poidan optar polas integracións previstas na disposición transi

toria primeira quedarán integrados no corpo da Administración xeral da Xunta de Galicia que corresponda e no grupo ao que actualmente pertenzan, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade e dos dereitos laborais de todo tipo que teñan recoñecidos.

Os funcionarios da escala básica de vixilancia pesqueira que non poidan integrarse nas escalas de nova creación manterán o seu dereito a integrarse durante un período de cinco anos, contados a partir da entrada en vigor desta lei. Para estes efectos, para facilitar o cumprimento dos requisitos exixidos para a súa integración a consellería competente en materia de pesca promoverá o proceso formativo que permita a validación da competencia profesional para a obtención dos títulos académicos profesionais exixibles, de conformidade coa normativa vixente.

Terceira.-Extinción do Servizo de Protección de Recursos e escalas que se declaran a extinguir.

Decláranse a extinguir o Servizo de Protección de Recursos e, en especial, as seguintes escalas:

Escala de inspección pesqueira.

Escala técnica de vixilancia pesqueira.

Escala de subinspección pesqueira.

Escala de titulados náutico-pesqueiros de vixilancia pesqueira e as súas especialidades.

Escala básica de vixilancia pesqueira.

Disposición derrogatoria

Derrogación xenérica.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta para que dite as normas regulamentarias necesarias para o desenvolvemento desta lei no prazo máximo dun ano.

Segunda.-Vixencia temporal.

En tanto non se diten as normas regulamentarias ás que se fai referencia na disposición anterior, continuarán en vigor as existentes, en canto non se opoñan a esta lei.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente