DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 23 de abril de 2004 Páx. 5.766

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

DECRETO 78/2004, do 2 de abril, polo que se crea e regula o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia.

O exercicio dunha política integral de inmigración e de loita contra toda actitude racista e xenófoba a nivel da Comunidade Autónoma de Galicia require o coñecemento da realidade do fenómeno inmigratorio, así como a súa repercusión na sociedade galega.

Para iso é preciso contar cun instrumento que permita recoller e avaliar información precisa e exacta sobre as características dos emigrantes retornados, os seus descendentes con nacionalidade española e dos estranxeiros en Galicia, así como das actitudes racistas e xenófobas no ámbito da nosa Comunidade Autónoma, co obxecto de deseñar futuros plans e programas de actuación, velando polo seu cumprimento a través da debida coordinación entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia.

A Consellería de Emigración, segundo o disposto no Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a súa estrutura orgánica, ten atribuídas entre as súas competencias a elaboración das disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política inmigratoria na Comunidade Autónoma.

Así, a través deste decreto créase e regúlase o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia, adscrito á Consellería de Emigración, como órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Xunta de Galicia.

Este observatorio encargarase da recollida de datos, análise e estudo da realidade do fenómeno inmigratorio, así como da obtención de informacións obxectivas e comparables sobre os fenómenos de racismo e xenofobia na Comunidade Autónoma de Galicia, e da difusión da información obtida procedente das distintas consellerías, entidades locais, así como da que poidan subministrar os organismos internacionais, entidades públicas, privadas, organizacións e asociacións vinculadas á inmigración e á loita polos dereitos humanos e laborais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emigración de acordo coas competencias que lle atribúe o Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da consellería, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión dous de abril de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza xurídica.

Créase o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia como órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento

da Xunta de Galicia adscrito á Consellería de Emigración.

Este órgano terá como finalidade a recollida de datos, análise e estudo da realidade do fenómeno inmigratorio, así como a obtención de informacións obxectivas e comparables con outros ámbitos: europeo, nacional e autonómico, sobre os fenómenos do racismo e a xenofobia na Comunidade Autónoma de Galicia que permitan a futura adopción de medidas e a definición de accións propias da súa esfera competencial.

Artigo 2º.-Funcións.

1. O Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia terá as seguintes funcións:

a) Actuar como órgano permanente de recollida, análise e intercambio da información cuantitativa e cualitativa sobre o fenómeno da inmigración procedente da Administración da Xunta de Galicia, así como da información que se acade ou sexa subministrada por outras administracións públicas, entidades públicas ou privadas e de organizacións e asociacións vinculadas coa inmigración e os dereitos humanos e laborais.

b) Recollida, rexistro e análise de informacións obxectivas e comparables sobre os actos e as actitudes racistas e xenófobas que teñan lugar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia en todo os eidos e, en particular, as que incidan nas materias de emprego, muller e xuventude, vivenda, sanidade, educación e medios de comunicación. Así mesmo, analizarase a súa evolución, causas e efectos.

c) Recompilar e difundir a información obtida.

d) Promoción, elaboración, difusión e distribución de investigacións, enquisas, estudos e publicacións.

e) Elaborar propostas e ditames, que por petición dos órganos competentes da Comunidade Autónoma galega sexan solicitados en materia de inmigración e de loita contra o racismo e a xenofobia.

f) Elaboración dun informe anual sobre a realidade inmigratoria, a situación en materia de racismo e xenofobia en Galicia, así como sobre as súas propias actividades, manifestando os exemplos de boas e malas prácticas.

g) Creación e mantemento dunha base de datos que recompile información estatística e constitúa unha rede de comunicación entre as administracións Públicas que desenvolvan accións neste ámbito, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, recoñecidas na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

h) Facilitar e promover a organización e celebración de foros de discusión e debate a través de mesas redondas, seminarios e reunións que permitan a participación dos interlocutores sociais, centros de investigación, representantes de autoridades públicas competentes e outras persoas que se ocupan dos fenómenos racistas e xenófobos.

i) Propoñer plans e programas sobre a materia, e, se é o caso, elaborar indicadores, instrumentos e procedementos de avaliación.

j) Realizar funcións de cooperación e coordinación cos órganos semellantes doutras administracións, sexan a nivel local, autonómico, estatal ou europeo e, en concreto, co Observatorio Europeo do Racismo e a Xenofobia.

k) Calquera outra función que en materia de recollida, análise de datos e difusión de información sobre os fenómenos do racismo, da xenofobia e a súa relación co fenómeno inmigratorio lle sexa encomendada pola Xunta de Galicia.

2. As propostas, informes ou dictames realizados polo observatorio non terán carácter vinculante.

Artigo 3º.-Composición.

1. O Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia estará integrado polos seguintes membros:

* Presidente: o conselleiro de Emigración.

* Vicepresidente: o director xeral de Apoio á Inmigración.

* Vogais:

a) Un representante con rango de director xeral por cada unha das seguintes consellerías:

-Educación e Ordenación Universitaria.

-Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

-Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Sanidade.

-Xustiza, Interior e Administración Local.

-Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

b) Dous representantes da Delegación do Goberno en Galicia, dos que un será experto en temas relacionados coas materias de estranxeiría e movementos migratorios.

c) Un representante do Instituto Galego de Estatística.

d) Un representante do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

e) Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

f) Tres representantes das organizacións sindicais de maior representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Dous representantes das organizacións empresariais de Galicia.

h) Dous representantes das entidades sen ánimo de lucro que traballen en favor da integración social dos inmigrantes en Galicia.

i) Dous representantes das asociacións de inmigrantes que actúen e desenvolvan programas no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma galega.

j) Tres representantes do ámbito universitario, un por cada unha das universidades galegas, por proposta dos seus rectores. Os ditos representantes deberán ser expertos e estar vinculados ás disciplinas que teñan relación coas materias que se analizan no observatorio.

* Secretario: será nomeado polo presidente, de entre os funcionarios de carreira da Dirección Xeral de Apoio á Inmigración da Consellería de Emigración, que terá voz pero non voto nas deliberacións do Pleno.

2. Se é o caso, poderán asistir ás reunións do observatorio representantes doutros departamentos da Xunta de Galicia ou doutras administracións públicas, de entidades públicas ou privadas vinculadas á inmigración, así como expertos na materia, cando, por razón dos asuntos que se vaian tratar, o Pleno considerase axeitada a súa presenza.

Artigo 4º.-Nomeamento.

1. Os vogais e o secretario do Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia serán nomeados polo conselleiro de Emigración por proposta das organizacións, órganos e institucións que se relacionan no artigo 3 de acordo coas súas normas de procedemento e segundo a lexislación vixente.

2. Cando se proceda ao nomeamento realizarase de igual xeito a designación dos suplentes, que no caso dos representantes das consellerías, deberán ter categoría mínima de subdirector xeral.

3. Respecto aos vogais que representan as entidades e asociacións ás que fai referencia o artigo anterior nas súas letras h) e i), o seu nomeamento realizarao o conselleiro de Emigración tras seren elixidos polas propias entidades sen ánimo de lucro e asociacións de inmigrantes que participen na convocatoria pública que a consellería efectuará para tal efecto.

Artigo 5º.-Duración do mandato dos vogais e perda da súa representatividade.

1. A duración do mandato dos vogais, que non sexan representantes das administracións públicas, será de tres anos.

2. Os vogais que non sexan representantes das administracións públicas perderán a súa condición de tales:

a) Por expiración do mandato.

b) Por disolución o incapacidade legal da entidade á que representan.

c) Por renuncia, aceptada polo conselleiro de Emigración, que lle deberá ser comunicada ao secretario do observatorio.

d) Por calquera outra causa xustificada que lle impida exercer as funcións que teña asignadas.

3. No suposto de que un dos membros do observatorio perdese a súa representatividade, procederase ao seu cesamento e designarase un substituto segundo o sinalado no artigo anterior.

Artigo 6º.-Funcionamento.

1. O observatorio funcionará en Pleno ou mediante comisións de traballo.

2. O observatorio poderá establecer as súas propias normas de funcionamento. No que non estea previsto no presente decreto e nas súas normas de funcionamento, aplicarase o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A Dirección Xeral de Apoio á Inmigración prestará, con carácter permanente, o soporte material e técnico que sexan necesarios para o adecuado exercicio das funcións atribuídas ao observatorio no artigo 2º deste decreto.

Artigo 7º.-Funcións do presidente.

Correspóndelle ao presidente:

a) Exercer a representación do observatorio.

b) A convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día.

c) Presidir as sesións do Pleno.

d) Todas aquelas que lle sexan atribuídas polo Pleno ou polas normas internas de funcionamento.

Artigo 8º.-Funcións do secretario.

Correspóndelle ao secretario:

a) A elaboración e preparación das reunións do observatorio.

b) A distribución da orde do día e de cantos informes precisen os vogais para o coñecemento dos asuntos sobre os que se vai deliberar.

c) O levantamento da acta das sesións e, en xeral, exercer as funcións propias dos secretarios dos órganos colexiados.

d) Realizar as funcións encomendadas polo presidente e todas aquelas que lle atribúan as disposicións vixentes.

Artigo 9º.-O Pleno.

1. O Pleno estará integrado polo presidente, vicepresidente, secretario e a totalidade dos vogais que figuran no artigo 3º deste decreto.

2. Ao Pleno do observatorio correspóndelle o exercicio das funcións establecidas no artigo 2º da presente norma.

3. O Pleno do observatorio reunirase en sesións ordinarias dúas veces ao ano e en sesións extraordinarias cando o estime xustificado o seu presidente, ou por petición da maioría absoluta dos seus membros.

Artigo 10º.-As comisións de traballo.

1. As comisións de traballo, como instrumentos de apoio e estudo, constituiranse por instancia do presidente do observatorio, por proposta do Pleno. Desenvolverán as funcións ou traballos que lles sexan encomendados e poderán preparar informes para seren sometidos á consideración e estudo do Pleno.

2. As comisións de traballo serán presididas polo vogal do observatorio que designe o presidente, por proposta do Pleno, e tendo en conta o grao de adecuación da súa experiencia ou formación cos fins que debe cumprir a respectiva comisión. Formarán parte tamén delas os demais vogais que designe o presidente, por proposta do Pleno.

3. As comisións de traballo quedarán disoltas á finalización dos traballos encomendados, ou do período para o que fosen establecidas.

Artigo 11º.-Protección de datos.

O observatorio asegurará a debida protección dos datos de carácter persoal que poida recompilar no exercicio das súas funcións, conforme o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Prazo para a súa constitución.

No prazo máximo de 9 meses desde a entrada en vigor do presente decreto, deberá constituírse o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia.

Segunda.-Desenvolvemento regulamentario.

1. A convocatoria pública á que fai referencia o artigo 4.3º do presente decreto realizarase no prazo máximo de tres meses a partir da súa entrada en vigor.

2. Facúltase o conselleiro de Emigración para ditar cantas outras normas sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

San Vicente do Pino, Monforte de Lemos (Lugo), dous de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL