DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 03 de maio de 2004 Páx. 6.167

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 19 de abril de 2004 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), ampliación do parque empresarial Os Airíos. (Expediente AC-02052).

O planeamento urbanístico vixente no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) son as normas subsidiarias de planeamento municipal (NN.SS.) aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 9 de decembro de 1985.

O obxecto da modificación promovida polo concello é a reclasificación duns terreos, de propiedade municipal, clasificados nas NN.SS. como solo non urbanizable sen especial protección, a solo urbanizable non delimitado de uso industrial; tal obxecto cumpre o disposto no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (DOG nº 252, do 31 de decembro), respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido, ao amparo do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, o 24 de xuño de 2003 e no que se sinalaron os particulares que nel constan.

O Pleno da Corporación, en sesión do 18 de xullo de 2003 acordou a aprobación inicial da modifi

cación puntual, que deseguido foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados os días 28 e 29 de xullo de igual ano nos xornais La Voz de Galicia e El Diario de Ferrol, así como no número 150 do Diario Oficial de Galicia do 5 de agosto do mesmo ano, sen que fosen formuladas alegacións. Figura igualmente no expediente o informe favorable conxunto do enxeñeiro municipal e do secretario en funcións do 23 de setembro de 2003. Posteriormente, foi aprobada provisionalmente por acordo plenario municipal do 13 de xaneiro do 2004.

Así mesmo, a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o 12 de novembro de 2003, informou favorablemente a modificación coa puntualización de determinar a debida protección dos terreos dunha vaganta existente no ámbito, así como a súa correspondente banda de protección.

Igualmente, constan no expediente os informes favorables seguintes: a) da Deputación Provincial da Coruña, do 16-9-2003, titular da estrada CP.7001; b) do organismo autónomo Augas de Galicia, do 15-9-2003, favorable con condicións.

Como xa se apuntou anteriormente, a modificación proposta ten como obxectivo a reclasificación de 276.533 m de solo inmediato ó actual polígono industrial dos Airíos, que na actualidade están clasificados como solo non urbanizable sen protección, propoñéndose a súa clasificación como urbanizable non delimitado de uso industrial. Nese aspecto, no proxecto xustifícanse as razóns de interese público en que se basea a proposta, que se centran na necesidade de solo industrial no termo municipal pois que os polígonos industriais actualmente en funcionamento non son suficientes para absorber as demandas deste tipo de solo. Así mesmo, remítese unha análise das distintas zonas industriais (Penapurreira-Xestur, A Cruz das Cabezas, Os Airíos-Concello) do que se deduce esta necesidade de solo.

As determinacións que se establecen para desenvolver este solo cumpren os límites de sustentabilidade establecidos na vixente Lei 9/2002. Igualmente, prevense as conexións das redes de infraestruturas coas xerais do municipio e o seu reforzo nos casos necesarios (coma por exemplo a ampliación do depósito de subministración de auga).

En relación coa protección da vaganta natural que foi imposta pola Comisión Superior de Urbanismo, o concello incorpora no documento, no momento da súa aprobación provisional, a obriga de localizar nesa zona as cesións de solo para espazos libres de uso e dominio público.

En consonancia co disposto no artigo 89.1º de citada Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva das normas de planeamento municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Á vista do dito informe da Comisión Superior de Urbanismo e do disposto nos artigos 32.2º. d) e 32.4º da vixente Lei 9/2002, así como de acordo coa lexislación sectorial en materia de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo), considérase que a banda, dunha profundidade de 5 m por cada lado, de solo existente a ambas as marxes do regato que sinala Augas de Galicia no seu informe do 15-9-2004, ten a categoría de solo rústico de protección das augas e, en consecuencia, pode ser incorporada ao ámbito da actuación como solo de sistema xeral adscrito de espazos libres e zonas verdes públicas sen perder a súa condición de solo rústico de especial protección e sen que se teña en conta a súa superficie para os efectos de cómputo de edificabilidade.

En mérito do predito, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de acordo cos informes da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 11-2-2004, da arquitecta do Servizo de Inspección Territorial da Coruña, e os das subdirección xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes do 16-4-2004, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desa mesma última data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de «Modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), ampliación do parque empresarial Os Airíos», aprobado provisionalmente polo concello das Pontes de García Rodríguez o 13-1-2004, coa seguinte condición: que aos terreos que constitúen unha banda de solo, de 5 m de profundidade por ambas as marxes, do regato que sinala Augas de Galicia no seu informe do 15-9-2003, correspóndelle a categoría de solo rústico de protección das augas, e que eses terreos se incorporan ao ámbito da actuación como solo de sistema xeral adscrito de espazos libres e zonas verdes públicas sen perder a súa condición de solo

rústico de especial protección e sen que se teña en conta a súa superficie para os efectos de cómputo de edificabilidade.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP posteriormente a que dea cumprimento á condición recollida no artigo anterior incorporando ao documento todos os particulares necesarios para tal efecto.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2004.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda