DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2005 Páx. 796

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xaneiro de 2005 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2005-2006.

Ao finalizar o curso 2004-2005 quedarán extinguidos os concertos educativos subscritos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cos centros docentes privados, ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2001 (DOG do 24 de xaneiro) que ditou normas para a aplicación do réxime de concertos educativos.

Tendo en conta a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) e o Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, modificado polo Real decreto 1318/2004, do 28 de maio, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (LOCE), faise necesario aprobar novas regras procedementais polas que se rexerá a renovación ou subscrición por primeira vez dos concertos educativos a partir do curso 2005-2006, así como as modificacións que nestes se poidan producir nos próximos catro anos.

Por todo iso, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Para a subscrición do concerto educativo, de acordo coa Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE), coa Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación e co Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, os seguintes centros docentes privados presentarán solicitude dirixida ao conselleiro de Edu

cación e Ordenación Universitaria ao longo do mes de xaneiro:

1. Os centros docentes privados que desexen renovar o concerto educativo.

2. Os centros docentes privados que leven máis de 5 anos funcionando desde a data da súa autorización definitiva, así como aqueles que, no momento de solicitar a súa autorización definitiva, manifestasen a súa vontade de acollerse ao réxime de concertos.

Segundo.-Poderase presentar solicitude para subscribir por primeira vez, renovar ou modificar o concerto nas seguintes ensinanzas:

a) Subscribir por primeira vez ou renovar o concerto educativo para as ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial. (Anexo I e/ou anexo II).

b) Renovar o concerto educativo de unidades de ciclos formativos de grao medio, de programas de garantía social e de ciclos formativos de grao superior. (Anexo III).

c) Modificación do concerto educativo. (Anexo IV).

Terceiro.-O titular do centro obrígase a ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes aos niveis ou graos de ensino obxecto do concerto e a ter unha relación media alumnos/unidade escolar non inferior á que se determine tendo en conta a existente para os colexios públicos da bisbarra, concello, ou, se é o caso, distrito no que estea situado o centro. Así mesmo, independentemente do número de unidades autorizadas, os centros privados concertados unicamente poderán poñer en funcionamento, en niveis de ensino obrigatorio, o número de unidades concertadas. Todo iso sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, no sucesivo regulamento.

Cuarto.-O conxunto de unidades concertadas de formación profesional non poderá exceder, en ningún caso, do número de unidades que cada centro tivese concertadas á entrada en vigor da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, sen prexuízo da ampliación de unidades correspondentes ás ensinanzas obrigatorias que se aterá ao disposto, con carácter xeral, no regulamento.

Quinto.

1. Os concertos que se subscriban ao abeiro desta orde terán unha duración de catro (4) anos, sen prexuízo do regulamentado para os centros en proceso de cesamento progresivo de ensinanzas e para os que deban modificar o concerto por aplicación do calendario de implantación do novo sistema educativo.

2. Se se denegase a renovación dun concerto educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria podería acordar co titular do centro a renovación do concerto por un só ano.

Sexto.-A contía global dos fondos públicos destinados ao sostemento dos centros concertados é a que se establece na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo.

1. As solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos á presente orde, nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do ámbito territorial no que se atopen localizados os respectivos centros.

2. As ditas solicitudes deberán ser subscritas polo titular do centro docente. No suposto de que a titularidade corresponda a unha persoa xurídica, a solicitude deberá ser asinada por quen teña a súa representación.

Oitavo.-Ás solicitudes deberá achegárselles, para efectos da prioridade establecida no artigo 75.5º da LOCE, unha memoria explicativa na que se farán constar os seguintes puntos:

a) Nivel educativo para o que solicita o concerto, con expresión do número de unidades autorizadas e en funcionamento actualmente. Se se trata de unidades de formación profesional especificaranse os ciclos formativos e/ou os programas de garantía social. Se se trata dun centro que imparte educación secundaria ao que está adscrito algún centro de educación primaria, farase constar tal circunstancia.

b) Alumnos matriculados no momento da solicitude, indicando a súa distribución en cada curso e unidade. No caso de centros de formación profesional indicarase a distribución dos alumnos nas distintas unidades dos ciclos formativos e/ou dos programas de garantía social.

c) Condicións socioeconómicas da poboación escolar atendida polo centro (só para centros que solicitan por primeira vez).

d) Experiencias pedagóxicas que se realicen no centro e interese delas para a calidade do ensino e para o sistema educativo (só centros que solicitan por primeira vez).

e) Os centros que desexen acollerse por primeira vez ao réxime de concertos deberán presentar, ademais, a documentación xustificativa de reuniren os requisitos previstos na epígrafe 2 do punto primeiro desta orde.

f) No caso de cooperativas, presentarase declaración xurada, asinada polo seu presidente, de que os estatutos correspondentes non conteñan cláusulas que impidan o cumprimento das obrigas propias dos centros acollidos ao réxime de concertos educativos. Se os estatutos sufrisen modificación desde a última

sinatura do concerto engadiráselle, á citada declaración, unha copia destes.

Noveno.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria verificarán que os titulares dos centros achegan a documentación exixida; solicitarán informe á Inspección Educativa e someterán as solicitudes presentadas ás comisións provinciais de concertos educativos, que terán a composición e actuación que se establece no punto décimo primeiro e seguintes.

Décimo.-O informe da Inspección Educativa, referido ao curso académico no que se presenta a solicitude, constará dos seguintes aspectos:

-Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación alumnos/unidade nos centros de titularidade pública da localidade ou, de ser o caso, da zona de escolarización do centro solicitante de concerto.

-Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación alumnos/unidade no centro solicitante do concerto.

-Experiencias pedagóxicas realizadas no centro, se as houbese (só para centros que solicitan por primeira vez).

-Características socioeconómicas da zona (só para centros que solicitan por primeira vez).

Décimo primeiro.-As comisións provinciais de concertos educativos, que se constituirán antes do 1 de febreiro, terán a seguinte composición:

Presidente: o delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-Dous membros da Administración Educativa designados polo delegado provincial.

-Dous representantes dos concellos nos que teña maior incidencia o ensino concertado.

-Dous profesores do ensino privado concertado designados polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

-Dous pais de alumnos designados polas federacións de pais de alumnos máis representativas no ensino privado concertado.

-Dous representantes de centros docentes privados concertados designados polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito provincial.

Secretario: un funcionario da delegación provincial de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo segundo.-As comisións provinciais de concertos educativos, logo de convocatoria do seu presidente, reuniranse, co fin de examinar e avaliar a documentación presentada e de formular as corres

pondentes propostas nos termos previstos no artigo 23 do regulamento, cantas veces sexa necesario e, en todo caso, sempre antes do 15 de febreiro.

Décimo terceiro.-Os delegados provinciais remitirán, antes do 1 de marzo, as solicitudes dos centros, acompañadas do informe da Inspección Educativa e as propostas das comisións provinciais de concertos educativos, que deberán ser motivadas, á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Décimo cuarto.-A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, á vista das dispoñibilidades orzamentarias, procederá, se é o caso, a dar vista do expediente aos solicitantes para que poidan alegar o que consideren procedente no seu dereito.

Décimo quinto.-Unha vez valoradas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa formulará, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, proposta de resolución sobre a concesión ou denegación dos concertos educativos solicitados.

Décimo sexto.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que será definitiva, publicarase no Diario Oficial de Galicia. No caso de resultar denegatoria, esta deberá estar motivada e notificaráselle ao interesado. A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben directamente ante a xurisdición do contencioso-administrativo, no prazo de 2 meses.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados desde a data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sétimo.-Os concertos educativos formalizaranse en documento administrativo no que se fará constar os dereitos e obrigas recíprocos, así como as características concretas do centro e demais circunstancias derivadas da LODE e dos regulamentos de aplicación desta.

Décimo oitavo.

1. Procederá a modificación do concerto por instancia de parte nos casos previstos no artigo 46 do regulamento.

2. As solicitudes de modificación, a partir do curso 2006-2007, presentaranse, conforme o modelo que se xunta como anexo V, nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do ámbito territorial no que se encontren localizados os respectivos centros.

3. Os centros presentarán a solicitude acompañada dunha certificación actualizada de alumnos matriculados. A Inspección Educativa informará sobre este aspecto e a comisión provincial realizará a proposta que considere sobre a modificación solicitada.

4. As modificacións por instancia do centro estarán sometidas ás normas e prazos contidos nesta orde.

Décimo noveno.

1. A Administración, de acordo co previsto no artigo 46 do regulamento, poderá, de oficio, modificar o número de unidades concertadas dun determinado centro.

Procederá reducir o número de unidades concertadas dun centro no caso de que a proporción alumnos/unidade escolar permita concentrar grupos que tivesen poucos alumnos ou cando a relación media alumnos por unidade escolar sexa inferior ao determinado pola Administración educativa de acordo co previsto no punto terceiro desta orde.

2. O titular do centro, en caso de inexistencia de alumnos ou dun número notoriamente baixo nalgunha unidade concertada, está obrigado a comunicarllo, no prazo de 15 días naturais contados a partir da data de finalización da matrícula, á Administración educativa co fin de que esta considere a posibilidade de eliminar ou reducir unidades concertadas de forma inmediata.

3. Para proceder de oficio á redución de unidades, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, logo do informe da Inspección Educativa, daralle vista do expediente ao centro comunicándolle as alteracións que considera necesarias para o curso seguinte e co fin de que, no prazo de 10 días, faga as alegacións que considere oportunas.

Avaliadas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa elevará proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que resolverá definitivamente. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderá ser obxecto do recurso potestativo de reposición, ou ben impugnado directamente ante a xurisdición do contencioso-administrativo.

4. A redución do número de unidades concertadas dará lugar á modificación do correspondente concerto educativo subscrito polo centro afectado.

Vixésimo.-A subscrición das modificacións efectuarase mediante adenda ao documento de formalización do concerto educativo.

Vixésimo primeiro.-Os posibles incrementos de unidades concertadas quedarán condicionados á existencia de autorización, á comprobación de que as novas unidades satisfán necesidades de escolarización e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Vigésimo segundo.-Os concertos educativos con centros que impartan educación primaria/ESO tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 07.03.322A.480.1 por unha contía total máxima de 55.556.912,17 A para o ano 2005, 156.731.757,89 A para o ano 2006, 156.731.757,89 A para o ano 2007, 156.731.757,89 A para o ano 2008 e de 101.174.845,72 A para o ano 2009.

Os concertos educativos con centros que impartan educación especial tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 07.03.322D.480.0 por unha contía total máxima de 2.688.201,40 A para o ano 2005, 7.578.993,80 A para o ano 2006, 7.578.993,80 A para o ano 2007, 7.578.993,80 A para o ano 2008 e de 4.890.792,40 A para o ano 2009.

Os concertos educativos con centros que impartan ciclos formativos de grao medio, ciclos formativos de grao superior e programas de garantía social tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 07.03.322T.480.1 por unha contía total máxima de 4.363.591,86 A para o ano 2005, 12.046.000,67 A para o ano 2006, 12.046.000,67 A para o ano 2007, 12.046.000,67 A para o ano 2008 e de 7.682.408,81 A para o ano 2009.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Disposición transitoria

Para o curso 2005-2006 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde. Para o dito curso os prazos establecidos nos puntos décimo primeiro, décimo segundo e décimo terceiro serán antes do 1 de marzo, 15 de marzo e 20 de marzo, respectivamente.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 22 de xaneiro de 2001 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2001-2002.

Segunda.-Quedan derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan a esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultada a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as normas necesarias para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria