DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 11 de maio de 2005 Páx. 7.902

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 104/2005, do 6 de maio, de garantía de tempos máximos de espera na atención sanitaria.

O sistema sanitario galego ten como un dos seus principios básicos a promoción da equidade e o equilibrio territorial no acceso aos servizos e prestacións sanitarios, establecidos no artigo 6 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

Desde a asunción das transferencias do Insalud, no ano 1990, o sistema sanitario galego experimentou un importante desenvolvemento, de tal xeito que hoxe dispón dos medios humanos, materiais e tecnolóxicos para realizar unha asistencia de alta calidade. Porén, a mellora do nivel de vida en Galicia leva consigo o aumento parello da demanda sanitaria, polo que é necesario esta

blecer mecanismos para que os tempos de demora nas prestacións sexan axeitados tanto aos requirimentos asistenciais coma á demanda da poboación.

As listas de espera permiten regular os incrementos puntuais da demanda de servizos sanitarios que superen temporalmente a capacidade do sistema. Unha xestión axeitada da lista de espera constitúe un mecanismo fundamental para a aplicación do principio de equidade, posibilitando, para a mesma patoloxía e gravidade, que se atenda a o paciente que permanecese maior tempo en espera, e que a demora na prestación de servizos sanitarios sexa axeitada desde o punto de vista asistencial.

O rexistro de lista de espera do Sergas xa ven funcionando desde 1995 coas definicións recomendadas polo comité de expertos dependente do Consello Inter

territorial da Saúde, e que se concretaron no Real decreto 605/2003, do 23 de maio, que establece as medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde.

A Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, regula as garantías de seguridade, calidade, accesibilidade, mobilidade e tempo no acceso ás prestacións sanitarias.

Tamén a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establece no seu artigo 133, letra u) que os usuarios do sistema sanitario público teñen dereito a que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos, que serán establecidos regulamentariamente. A extensión deste dereito realizarase de xeito progresivo, atendendo á gravidade, penosidade e impacto das patoloxías na calidade de vida das persoas enfermas, as dispoñibilidades financeiras da Administración sanitaria autonómica e a capacidade resolutiva dos centros, servizos e establecementos sanitarios do sistema sanitario de Galicia e, en todo caso, as intervencións cirúrxicas que se lles deban realizar aos titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria financiadas publicamente deberán executarse nun prazo máximo de 180 días naturais desde a inscrición do doente no rexistro da lista de espera, sen prexuízo de que

poidan establecerse prazos de resposta inferiores para determinadas intervencións.

Malia que a regulación das listas de espera, contida nas ordes da Consellería de Sanidade do 19 de maio de 2003 e do 13 de xullo de 2004, cumpre cos criterios fixados polo Real decreto 605/2003, do 23 de maio, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, ao establecer que determinadas prestacións sanitarias sexan dispensadas en prazos determinados regulamentariamente, contén unha garantía que só se poderá facer efectiva cando se recoñeza que o interesado poida acudir a un centro sanitario acreditado para que se lle preste asistencia nun prazo establecido, dereito que debe conciliarse coas dispoñibilidades asistenciais, orzamentarias e operativas da Administración sanitaria na nosa comunidade autónoma.

Por tal motivo, este decreto pondera estes elementos e establece un procedemento nas intervencións cirúrxicas no que, para os efectos de garantir que a atención sanitaria teña lugar nun prazo de 180 días, transcorridos 140 días desde a data de inclusión no rexistro de tempos de garantía o usuario pode optar por continuar na lista de espera do centro ou requirir a atención sanitaria en calquera outro que dispoña de acreditación na Comunidade Autónoma de Galicia. Para os restantes procedementos a opción que se lle outorga ao usuario ten lugar transcorrido o prazo que se sinale por orde da Consellería de Sanidade e que fixarase de acordo cos criterios marco que estableza o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade, de conformidade co ditame nº 287/2005 do Consello Consultivo de Galicia e logo de

deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto establecer as medidas que garantan os tempos máximos de espera para a realización de servizos de atención sanitaria non urxentes no Servizo Galego de Saúde.

2. Para iso, o Servizo Galego de Saúde coordinará os recursos dos centros da rede sanitaria de utilización pública, establecerá programas de actividade extraordinaria e facilitará a utilización complementaria dos centros concertados, coa finalidade de que as atencións sanitarias programadas se realicen en tempos axeitados desde o punto de vista clínico e social.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

Ao sistema de garantías previsto neste decreto, ademais, aplicaránselle os criterios e normas de funcionamento previstos no Real decreto 605/2003, do 23 de maio, que establece as medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde, e as normas reguladoras dos sistemas de información do Sergas, contidas nas ordes da Consellería de Sanidade do 19 de maio de 2003 e do 13 de xullo de 2004.

Artigo 3º.-Rexistro de tempos de garantía para a atención sanitaria non urxente.

1. Créase o rexistro de tempos de garantía para a atención sanitaria non urxente, adscrito á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, que se adecuará ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as súas normas de desenvolvemento.

2. O rexistro estará integrado co sistema de xestión de listas de espera de cada centro hospitalario. Para tal efecto, os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, os adscritos ou vinculados á Consellería de Sanidade e os centros concertados sectorizados, incorporarán e manterán actualizados os datos de todos os pacientes aos que se lles indique un dos servizos garantidos de atención sanitaria non urxente.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarios das garantías establecidas neste decreto as persoas que residen na comunidade autónoma e que dispoñan de tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. Serán tamén beneficiarios os galegos de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, estean amparados por convenios, e transeúntes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co que estableza a lexislación estatal e convenios nacionais ou internacionais que resulten de aplicación.

3. Para facer efectivas as garantías previstas neste decreto os beneficiarios deberán estar inscritos no rexistro de tempos de garantía para a atención sanitaria non urxente.

Artigo 5º.-Tempos garantidos.

1. O tempo máximo de espera estrutural nas intervencións cirúrxicas será de 180 días naturais.

2. Mediante orde da Consellería de Sanidade, de acordo cos criterios marco do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, definiranse os tempos máximos de acceso á carteira de servizos incluíndo os tempos máximos de espera estrutural dos servizos sanitarios de consultas, probas diagnósticas e outras modalidades asistenciais. A fixación dos tempos de garantía farase de xeito progresivo, atendendo á gravidade, penosidade e impacto das patoloxías na calidade de vida das persoas enfermas, ás dispoñibilidades financeiras da Administración sanitaria autonómica e á capacidade resolutiva dos centros, servizos e establecementos sanitarios do sistema sanitario de Galicia.

Artigo 6º.-Cómputo do prazo máximo de espera.

1. Os prazos máximos en espera estrutural para a atención programada no Servizo Galego de Saúde computaranse a partir da data de inclusión no Rexistro de Tempos de Garantía para a Atención Sanitaria Non Urxente, que será aquela na que teña lugar a prescrición do facultativo e a aceptación do paciente.

Para estes efectos a espera estrutural inclúe os pacientes que, nun momento dado, estean en situación clínica de ser atendidos, pero a súa espera e atribuíble á organización e aos recursos dispoñibles.

2. Non se computarán no tempo de garantía previsto neste decreto as situacións transitorias de espera de pacientes non programables que, de acordo coa normativa vixente, teñan lugar por motivos clínicos aceptados polo paciente o pola propia vontade deste. Estas situacións quedarán debidamente documentadas na historia clínica do paciente e nos correspondentes sistemas de información.

Entenderase por espera non estrutural aquela que non se pode atribuír á organización nin aos recursos dispoñibles.

Artigo 7º.-Sistema de garantías.

1. A atención sanitaria para unha mesma patoloxía e gravidade prestarase prioritariamente aos pacientes que leven máis tempo de espera, de acordo cos criterios previstos no Real decreto 605/2003, do 23 de maio.

2. Transcorrido, en espera estrutural, o prazo máximo ou 140 días nas intervencións cirúrxicas, o usuario poderá optar por continuar na lista de espera do centro ou requirir a atención sanitaria en calquera outro centro sanitario que dispoña da correspondente acreditación da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que o usuario opte por requirir atención sanitaria nun centro acreditado, terá que comunicar a súa preferencia á dirección da área sanitaria que corresponda. O Servizo Galego de Saúde deberá, no prazo de 30 días e segundo a disposición dos seus recursos, autorizar a atención no centro proposto ou derivar á persoa a un centro da Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública para a realización da atención sanitaria nun prazo que haberá de ser como máximo igual ao do centro escollido.

4. O Servizo Galego de Saúde establecerá os instrumentos e mecanismos necesarios para levar a efecto o disposto neste artigo.

Artigo 8º.-Aboamento dos custos.

Se, de conformidade co disposto no artigo anterior, a atención sanitaria ao paciente se realiza nun centro acreditado, o Servizo Galego de Saúde asumirá o pagamento dos custos derivados da mesma tendo en conta que:

a) Non procederá o aboamento do custo ao centro acreditado cando a atención sanitaria sexa realizada por persoal médico pertencente ao Servizo Galego de Saúde que desenvolva o seu labor público en centros da área sanitaria onde se realizou a indicación.

b) Cando a atención sanitaria autorizada se realice nunha localidade distinta á do centro que realizou a prescrición, os usuarios serán indemnizados polos custos de desprazamento, de conformidade co establecido na normativa vixente.

Artigo 9º.-Información xeral das listas de espera.

Para os efectos de exercer os dereitos recoñecidos neste decreto o Servizo Galego de Saúde facilitaralle ao usuario que o solicite información xeral sobre o tempo de inclusión no Rexistro de Tempos de Garantía para a Atención Sanitaria Non Urxente no Servizo Galego de Saúde, e o prazo estimado para a súa atención.

Artigo 10º.-Procedemento.

1. Esgotado en espera estrutural, o prazo máximo ou 140 días nas intervencións cirúrxicas, desde a inclusión no Rexistro de Tempos de Garantía para a Atención Sanitaria Non Urxente, o Servizo Galego de Saúde facilitará ao usuario que o solicite segundo o modelo que figura no anexo I, a seguinte documentación:

a) Relación dos centros acreditados.

b) Certificación de ter esgotado o prazo máximo de espera estrutural, que terá validez por un ano, a partir da data da súa expedición, de acordo co modelo que figura no anexo II deste decreto.

c) Informe médico no que conste a atención sanitaria que orixinou a inclusión no rexistro.

d) Documento para manifestar, se é o caso, a preferencia á que se refire o artigo 7.3º desde decreto e que figura no seu anexo III.

2. Obtida a documentación indicada, e dentro do prazo de vixencia da certificación, o usuario poderá solicitarlle á dirección da área sanitaria correspondente a dispensación da atención sanitaria no centro acreditado da súa preferencia, mediante presentación do documento indicado no punto 1 d) deste artigo.

3. Manifestada a preferencia, a dirección da área sanitaria correspondente procederá de conformidade co previsto no artigo 7.3º deste decreto, autorizando a atención nun centro acreditado ou derivando ao usuario a un centro da rede galega de atención sanitaria de utilización pública, de acordo co previsto no anexo IV deste decreto.

A ausencia de resposta expresa ao usuario no prazo de 30 días significará a autorización da atención no centro elixido.

Artigo 11º.-Supostos excluídos.

Quedan exceptuados do procedemento de garantía previsto neste decreto os supostos seguintes:

a) A extracción e transplante de órganos e tecidos, que dependen da súa dispoñibilidade.

b) As asistencias sanitarias diferentes da programada no Rexistro de Tempos de Garantía para a Atención Sanitaria Non Urxente, agás os procedementos cirúrxicos que se considere necesario realizar durante a intervención e que non coincidan cos inicialmente programados, cando resulten de incidencias diagnósticas aparecidas no curso da intervención.

c) Os supostos nos que o paciente, agás que acredite a existencia dunha causa xustificada, unha vez requirido para a realización da asistencia, non se presentase á citación, se negara ou a pospoña, e tamén aqueles nos que rexeite a oferta de asistencia noutro centro sanitario da Rede Galega Sanitaria de Utilización Pública.

d) Os casos de baixa do rexistro de tempos de garantía, de acordo co previsto na normativa aplicable.

Artigo 12º.-Suspensión temporal das garantías.

As garantías recollidas neste decreto poderán quedar sen efecto provisionalmente, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, no caso de que por circunstancias excepcionais en supostos de urxente e extraordinaria necesidade se vexa alterado o normal funcionamento dos centros asistenciais.

Disposición adicional

Os pacientes incluídos á entrada en vigor deste decreto nas listas de espera dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, dos adscritos ou vinculados á Consellería de Sanidade ou dos concertados sectorizados, incorporaranse de oficio ao Rexistro de Tempos de Garantía para a Atención Sanitaria Non Urxente.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se creen as direccións das áreas de saúde, as comunicacións a que se refiren os artigos 7, 9 e 10 deste decreto presentaranse nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde.

Segunda.-O Servizo Galego de Saúde disporá dun prazo de tres meses, a partir da entrada en vigor deste decreto, para proceder á integración das listas de espera dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, adscritos ou vinculados á Consellería de Sanidade e centros concertados sectorizados e poñer en marcha o procedemento de xestión previsto neste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao regulado neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos 30 días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade