DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Luns, 23 de maio de 2005 Páx. 8.706

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle no seu artigo 27.30º a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia para ditar normas adicionais de protección do ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23º da Constitución.

Ao amparo da súa potestade lexislativa na dita materia, establecese mediante a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos de Galicia e da flora e fauna silvestres autóctonas e máis dos seus hábitats, e supón o instrumento legal máis actual da normativa autonómica en materia ambiental. Segundo se manifesta no seu artigo 1, ten como obxecto establecer normas encamiñadas á protección, restauración e mellora dos recursos naturais e á axeitada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define con carácter xeral no seu título I «Dos espazos naturais», os espazos naturais que deben considerarse merecedores dunha protección especial, establecendo as súas categorías e regulando o seu procedemento de declaración. Esta lei prevé, en atención aos recursos naturais ou biolóxicos e aos valores que conteñan, oito categorías de espazos naturais protexidos, entre eles os espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural e consolida a competencia da Consellería de Medio Ambiente para propoñer as normas de protección dos espazos naturais que hai que protexer, xunto coas entidades locais e mesmo cos cidadáns particulares. Por isto para as categorías de espazo natural de interese local ou espazo privado de interese natural, o procedemento iniciarase por instancia de parte, correspondéndolle á Consellería de Medio Ambiente a tramitación do procedemento de declaración.

O obxectivo deste decreto é regular o procedemento de declaración das categorías de espazo natural de interese local e de espazo privado de interese natural, fixando os criterios que se seguirán para a súa formación e xestión, establecendo a documentación mínima que debe conter cada expediente.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xun

ta de Galicia, na súa reunión do día seis de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento e execución da lexislación autonómica aplicable ás categorías de espazo natural protexido previstas nas alíneas h) e i) do artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que se denominan: espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural.

Artigo 2º.-Concepto.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define as categorías de espazos naturais protexidos, en función dos bens e valores que hai que protexer, establecendo:

-Espazos naturais de interese local (ENIL).

Por petición dos concellos e logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

-Espazos privados de interese natural (EPIN).

As institucións e propietarios particulares dos terreos nos cales existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres, dos que se considere de interese a súa protección, poderanlle propoñer á Consellería de Medio Ambiente, mediante a presentación dunha memoria suficientemente motivada, a súa declaración como espazo privado de interese natural.

Artigo 3º.-Procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 22 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, para as categorías de espazo natural de interese local ou espazo privado de interese natural, o procedemento será iniciado por instancia de parte.

2. A iniciativa para a declaración destas dúas categorías de espazos naturais protexidos procederá:

-No caso de espazo natural de interese local, do concello onde se encontre o espazo natural que se pretende protexer.

-No caso de espazo privado de interese natural, procederá das institucións ou propietarios particulares dos terreos onde se encontren formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres dos que se considere interesante a súa protección, debendo acreditar a dispoñibilidade sobre os terreos.

3. As propostas de declaración de espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural (anexo I ou II), deberán ir acompañadas dunha memoria suficientemente motivada que terá os seguintes contidos mínimos:

* Nome do espazo.

* Promotor.

* Acordo do concello, no caso do ENIL.

* Acreditación da titularidade do terreo, no caso do EPIN.

* Compromiso formal de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que motivan a declaración, así como de elaborar o correspondente plan de conservación e de uso público destes espazos. No caso dos espazos de interese local este compromiso deberá recollerse no acordo do concello.

* Plano de localización a escala 1:25.000 e plano de delimitación do perímetro a escala 1:5.000 ou superior, que irá acompañado dun levantamento topográfico, de precisión submétrica, que proporcione as coordenadas UTM de todos os vértices da poligonal que represente o perímetro do espazo así como dos encravados que poidan existir no seu interior. Así mesmo, describiranse en letra os límites do territorio que conforma o espazo en cuestión.

* Valores naturais do espazo que xustifican a proposta e estado de conservación.

* Accesos e posibles gravames existentes sobre o espazo natural.

* Descrición socieconómica do contorno.

* Normativa urbanística aplicable ao solo onde se localiza o espazo natural.

* Usos e aproveitamentos dos recursos naturais do espazo natural que se vai protexer así como usos do solo das áreas contiguas.

* Actividades que se prevé que se poidan desenvolver.

* Necesidades orzamentarias para a xestión e fontes de financiamento previstas.

* Outros datos que o promotor considere de interese.

4. As propostas de declaración poderanse presentar en calquera das dependencias recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Estas propostas dirixiranse á correspondente delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente que solicitará do servizo provincial de Conservación da Natureza o preceptivo informe.

O delegado provincial remitirá o expediente, xunto co informe, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que, no caso de tratarse da proposta de declaración da categoría de espazos naturais de interese local, deberá enviar un exemplar da memoria á Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda para que no prazo dun mes a partir da súa recepción emita informe. Nos espazos que afecten o dominio marítimo terrestre solicitarase informe á consellería competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura por se o réxime de usos e actividades proposto afecta a espazos marisqueiros ou actividades de acuicultura.

5. A Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo de que se poidan solicitar novos informes a outros organismos públicos, resolverá motivadamente de conformidade cos artigos 23.1º e 24.3º da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

6. De conformidade co disposto no artigo 42.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver será de tres meses e contarase desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Así mesmo, e conforme o establecido no artigo 43.2º da mesma lei, as solicitudes no caso do vencemento do prazo máximo de tres meses sen que fose notificada resolución expresa entenderanse estimadas por silencio administrativo.

Artigo 4º.-Declaración.

1. De conformidade co artigo 24.3º da Lei 9/2001, a declaración de espazo privado de interese natural ou de espazo natural de interese local efectuarase mediante orde da Consellería de Medio Ambiente.

2. Co obxecto de asegurar a salvagarda dos valores naturais dun espazo, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar provisionalmente protexidos os espazos naturais de interese local ou de interese privado por un prazo non superior a dous anos. Durante este prazo, e como requisito imprescindible para que se produza a declaración definitiva, o promotor deberá presentar o plan de conservación do espazo á Consellería de Medio Ambiente quen disporá de tres meses para resolver sobre a aprobación do dito plan. A non aprobación do plan de conservación ou o incumprimento dos prazos anteriores suporá a perda da condición de espazo provisionalmente protexido, por entender desistido na súa pretensión o promotor.

3. A declaración definitiva supón o compromiso formal do promotor da iniciativa de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que motivaron a declaración, así como de aplicar o correspondente instrumento de planificación.

Artigo 5º.-Efectos da declaración.

De conformidade co disposto na Lei 9/2001, a declaración como espazos naturais de interese local ou espazos privados de interese natural non implicará a asignación de recursos da comunidade autónoma, aínda que poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión. Así mesmo, estos espazos non se considerarán incluídos na Rede galega de espazos naturais protexidos.

Artigo 6º.-Instrumento de planificación.

1. De conformidade co artigo 31.3º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, nas categorías de espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural será necesario polo menos, a aprobación de plans de conservación nun prazo non superior aos dous anos desde a declaración do espazo natural como protexido.

2. Segundo o artigo 23.4º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, os instrumentos de planificación destas categorías de espazos naturais protexidos, serán sometidos a información pública.

3. Estes plans de conservación establecerán o réxime de uso e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a aprobación destes plans terá lugar nun prazo non superior aos dous anos desde a declaración do espazo natural como protexido.

4. Os planos de conservación incluirán como mínimo os seguintes contidos:

1) A delimitación do seu ámbito de protección, que poderá ser descontinuo cando resulte necesario.

2) A identificación dos valores que hai que protexer e dos posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais.

3) As normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais, destinadas a protexer e conservar ou mellorar os valores ambientais.

4) As normas relativas ao uso público, así como ás actividades científicas ou educativas.

5. Os planos de conservación serán vinculantes, tanto para as administracións públicas como para os particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará aparellada a revisión dos planos territoriais ou sectoriais incompatibles con eles.

Artigo 7º.-Xestión.

1. De conformidade co establecido no artigo 41.3º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, a xestión dos espazos de interese local corresponderalles aos concellos onde estean asentados, e a xestión das áreas privadas

de interese natural corresponderalles ás entidades ou particulares que promovesen a declaración.

2. En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente velará porque se cumpran as finalidades recollidas na declaración de cada espazo.

3. Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos no ámbito destes espazos realizaranse de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 8º.-Perda da condición de espazo natural de interese local (ENIL) ou de espazo privado de interese natural (EPIN).

1. Conforme o establecido na disposición adicional sétima da Lei 9/2001, do 21 de agosto, a descualificación de espazo natural de interese local ou espazo privado de interese natural requirirá unha orde da Consellería de Medio Ambiente, e só poderá realizarse se desaparecesen as causas que motivaron a protección.

2. A Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá iniciar expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo, ou se detecten desviacións importantes, respecto ao plan de conservación aprobado.

Disposicións adicionais

Primeira.-De conformidade co establecido no artigo 9.2º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, no ámbito territorial dun espazo natural poderán coexistir distintas categorías de espazos naturais protexidos.

Segunda.-Con carácter xeral e sen prexuízo do tipo de fórmula de xestión empregada no territorio dos espazos naturais protexidos regulados por este decreto, permítense todos os usos e actuacións que tradicionalmente se viñeron efectuando nese espazo e que deron lugar ao seu estado actual que motiva a súa declaración como espazo natural.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA