DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 04 de agosto de 2006 Páx. 12.314

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 127/2006, do 27 de xullo, polo que se crea o Consello Galego da Inmigración.

A Secretaría Xeral de Emigración, centro directivo, que segundo o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que, segundo o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia, lle corresponden as competencias en materia de política inmigratoria.

As sociedades actuais non son compartimentos estancos senón máis ben sociedades dinámicas caracterizadas pola súa heteroxeneidade, complexidade e os profundos cambios que experimentan debido á chegada de poboación de orixe diversa. A sociedade galega non é allea a estes cambios e desde hai varios anos, as cidades e vilas da nosa comunidade rexistran a chegada de novos veciños e veciñas procedentes doutros países, portadores de linguas e tradicións culturais diversas que configuran unha nova sociedade plural e complexa.

A Secretaría Xeral de Emigración, partindo da configuración desta nova realidade social, ten como obxectivo fundamental das súas políticas migratorias conseguir a plena integración das persoas inmigrantes na sociedade galega. O respecto polos dereitos das persoas inmigrantes supón partir de que estes tamén son protagonistas das nosas políticas públicas. A nosa mirada sobre a inmigración debe atender e ser consciente da complexidade do fenómeno, e partir do coñecemento, análise e estudo da realidade migratoria, para poder definir as nosas políticas coa visión máis axeitada.

A integración das persoas inmigrantes na nosa comunidade non debe ser contemplada como unha cuestión periférica ou sectorial xa que é clave na consecución dunha cidadanía plural e inclusiva. Por iso a chegada e permanencia de persoas estranxeiras a Galicia e a diversidade cultural deben ir acompañados de actuacións públicas que faciliten a súa integración na nova realidade social.

A diversidade cultural tamén ten efectos transformadores na sociedade receptora. O recoñecemento da interculturalidade como un elemento estrutural e ao mesmo tempo transformador da sociedade galega, implica a xeración de actitudes e comportamentos baseados na empatía, no respecto e na comprensión mutua. Así pois, a integración, considerada como proceso bidireccional de adaptación entre dúas partes, sociedade de acollida e poboación inmigrante,

precisa de actuacións dirixidas á sociedade no seu conxunto orientadas a potenciar a cohesión social, a partir de políticas públicas baseadas na igualdade de dereitos, deberes e oportunidades.

A xestión da integración das persoas inmigrantes require do deseño e planificación de políticas integrais de cara a prestar servizos de calidade e de cara a dar respostas eficaces, para isto é preciso a máxima coordinación entre as diferentes administracións públicas con responsabilidade no ámbito da acollida e integración, os axentes sociais e as entidades implicadas na materia. Só actuando desde unha óptica transversal e contando coa participación de todos os axentes implicados, é posible racionalizar a distribución dos recursos, evitar as duplicidades e unificar os criterios para a posta en marcha de programas e medidas concretas.

O compromiso e determinación do Goberno galego, no impulso dunha política activa de integración da inmigración en toda a súa riqueza e complexidade, deriva na necesidade de formular, executar e avaliar as políticas migratorias, de forma conxunta e coordinada. Isto fai necesario contar cun órgano operativo que formule propostas e recomendacións. Ata o de agora, na nosa comunidade autónoma o órgano encargado de analizar e solicitar información respecto deste fenómeno era o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia. Este observatorio no que están representados os distintos departamentos da Administración pública, así como os colectivos sociais e universitarios, é pois un órgano cuxa principal finalidade é a análise e estudo destes fenómenos pero non dá resposta ás políticas necesarias ante un fenómeno tan complexo como o da inmigración, por iso é fundamental dar un paso adiante, que se materializa coa creación do Consello Galego da Inmigración.

Así, a través deste decreto, créase e regúlase o Consello Galego da Inmigración, integrado na Secretaría Xeral de Emigración, como órgano colexiado de carácter consultivo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello Galego da Inmigración ten como obxectivos fundamentais servir de canle de participación e diálogo, recoller as aspiracións e demandas da poboación inmigrante e dos diferentes actores sociais das que se derivarán propostas tendentes a promover a súa integración, informar e asesorar na planificación das actuacións á Administración autonómica galega en materia de inmigración, así como facer avaliacións sobre as actuacións emprendidas.

Este órgano nace para ser un instrumento operativo e eficaz, sendo un dos seus principios reitores o de lograr a convivencia harmónica no seo da sociedade galega, propoñendo medidas que permitan desenvolver instrumentos, actitudes e alternativas que deriven na convivencia intercultural dentro dunha sociedade diversa e activa

A nivel constitucional recoñécese a potestade das comunidades autónomas para organizar as súas institucións de autogoberno (artigo 148.1º.1) dentro das que se inclúe a súa propia Administración. No Esta

tuto de autonomía de Galicia establécese a competencia exclusiva da comunidade autónoma para organizar as súas institucións de autogoberno (artigo 27.1º). Igualmente, segundo o artigo 39º correspóndelle á comunidade autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado e segundo o artigo 41º a comunidade autónoma exercerá as súas funcións administrativas por órganos e entes dependentes da Xunta de Galicia.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xeraís

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a creación e regulación do Consello Galego da Inmigración que terá como finalidade contribuír a desenvolver unha política activa e integral de inmigración, coordinada e eficaz, baseada na integración social das persoas inmigrantes, a través da consulta e participación de todos os axentes implicados.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

O Consello Galego da Inmigración é un órgano colexiado de consulta, asesoramento e colaboración integrado na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Secretaria Xeral de Emigración.

Artigo 3º.-Funcións.

1. O Consello Galego da Inmigración terá as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas e recomendacións tendentes a promover a integración das persoas inmigrantes na sociedade galega.

b) Promover a formulación das políticas transversais en materia de inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Emitir informes sobre calquera cuestión que poida afectar a integración social das persoas inmigrantes, cando por estimalo conveniente lle sexan requiridos por instancia da Secretaría Xeral de Emigración.

d) Emitir informe preceptivo previo á aprobación do Plan Galego da Inmigración logo da remisión do correspondente texto por parte da Secretaría Xeral de Emigración.

e) Recabar e canalizar as propostas das organizacións sociais con actividade no ámbito inmigratorio de cara a facilitar a convivencia e a cohesión entre a poboación inmigrante e a sociedade de acollida.

f) Solicitar e recibir información sobre os programas e actividades que en materia de integración social das persoas inmigrantes desenvolven as diferentes administracións.

g) Elaborar unha memoria anual sobre a actuación do consello, os traballos e actividades desenvolvidas.

h) Calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coa integración dos e das inmigrantes na sociedade galega.

2. As propostas, acordos ou recomendacións do consello serán canalizadas polo presidente do consello a través da Secretaría Xeral de Emigración.

Capítulo II

Composición

Artigo 4º.-Membros.

O Consello Galego da Inmigración estará constituído polos seguintes membros: presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e 34 vogais, distribuídos/as da seguinte forma:

1. Dezaseis en representación das administracións públicas.

2. Dezaoito en representación das asociacións de inmigrantes, organizacións sociais sen fins de lucro implicadas no eido dos movementos migratorios, universidades, organizacións sindicais, organizacións profesionais agrarias, e organizacións empresariais, con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Presidencia.

1. A presidencia do Consello Galego da Inmigración corresponderalle ao presidente da Xunta de Galicia.

2. O presidente/a do Consello Galego da Inmigración terá as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación do consello, actuando como o seu voceiro.

b) Exercer a dirección do consello, adoptando as medidas necesarias para o seu bo funcionamento.

c) Realizar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, presidilas e moderar o desenvolvemento dos debates.

d) Fixar a orde do día das reunións, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos/as vogais do consello, formuladas coa suficiente antelación para permitir efectuar a convocatoria en prazo.

e) Dirimir a votación en caso de empate.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do consello.

g) Asegurar o cumprimento das leis.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do consello.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal será substituído/a polo vicepresidente/a.

Artigo 6.-Vicepresidencia.

1. A Vicepresidencia do Consello Galego da Inmigración será desempeñada polo titular da Secretaría Xeral de Emigración.

2. Correspóndenlle ao vicepresidente/a do consello as seguintes atribucións:

a) Substituír o presidente/a nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, exercendo as funcións que lle estean atribuídas.

b) Todas aquelas funcións que lle sexan delegadas polo presidente/a.

3. As funcións do vicepresidente/a non serán delegables. No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal do presidente/a e do vicepresidente/a, ocupará a presidencia do consello a persoa que designe o presidente do consello, de entre o resto de vogais do consello.

Artigo 7.-Secretaría.

1. A Secretaría do Consello Galego da Inmigración será desempeñada polo titular da subdirección competente en materia de planificación das políticas de inmigración da Secretaría Xeral de Emigración.

2. Correspóndelle á secretaría do consello:

a) Asistir ás reunións do pleno e da comisión permanente con voz pero sen voto.

b) Efectuar as convocatorias das reunións do consello por orde do presidente.

c) Recibir as comunicacións que os vogais do consello presenten a este para a súa toma en consideración, así como cantas notificacións, xustificantes de recepción, escusas de asistencia, peticións de datos, rectificacións ou calquera outro escrito que se remita ao consello.

d) Facilitarlles aos demais membros do consello, a información e asistencia técnica necesarias para o exercicio das funcións que teñan encomendadas.

e) Redactar e autorizar as actas das sesións do consello.

f) Expedir certificacións.

g) Calquera outra función inherente á súa condición de secretario.

Artigo 8º.-Vogais.

O Consello Galego da Inmigración está integrado polos/as seguintes vogais:

1. As administracións públicas estarán representadas no Consello Galego da Inmigración por quince membros, distribuídos da seguinte forma:

a) Once representantes da Administración autonómica con rango de director/a xeral ou secretario/a xeral por cada un dos seguintes departamentos da Xunta de Galicia, propostos polo titular do correspondente departamento:

-Dous da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

-Un da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

-Un da Consellería de Economía e Facenda.

-Un da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un da Consellería de Cultura e Deporte.

-Un da Consellería de Sanidade.

-Un da Consellería Traballo.

-Un da Consellería de Vivenda e Solo.

-Un da Secretaria Xeral de Relacións Exteriores.

-Un da Secretaria Xeral de Análise e Proxección.

b) Tres representantes da Administración local propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

c) Dous representantes da Administración xeral do Estado, propostos/as pola Delegación do Goberno en Galicia.

2. As organizacións sociais estarán representadas por dezaoito vogais, distribuídos da seguinte forma:

a) Tres representantes das organizacións sindicais de maior representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta destas.

b) Un/unha representante das organizacións profesionais agrarias, por proposta destas.

c) Dous/dúas representantes da organización empresarial máis representativa de Galicia, por proposta desta.

d) Seis representantes das asociacións de inmigrantes que actúen no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Tres representantes das organizacións sen fins de lucro que traballen en favor da integración dos inmigrantes en Galicia.

f) Tres representantes do ámbito universitario, propostos un por cada unha das tres universidades galegas.

Artigo 9º.-Designación dos/as vogais en representación das asociacións de inmigrantes e organizacións sen fins de lucro que traballen en favor da integración dos/as inmigrantes.

1. Os/as nove vogais representantes no consello das asociacións de inmigrantes e das organizacións sen fins de lucro que traballan en favor da integración dos/as inmigrantes, serán elixidos respectivamente polas propias asociacións e organizacións mediante un proceso de votación entre elas.

2. Para tal fin a Secretaría Xeral de Emigración, a través de convocatoria pública, regulará o dereito de acceso das asociacións e organizacións ao proceso de votación, a forma de asignación de vogais segundo o número de votos obtidos, así como o criterio para resolver os posibles supostos de empate.

No caso das asociacións de inmigrantes o procedemento de asignación de vogais garantirá a representatividade das distintas áreas xeográficas de procedencia da inmigración.

3. As relacións de asociacións e de organizacións admitidas ao proceso de votación, así como o resultado das votacións serán obxecto de publicación nos termos previstos na devandita convocatoria.

Artigo 10º.-Funcións dos vogais.

1. Correspóndelles aos/ás vogais do Consello Galego da Inmigración:

a) Participar nos debates e efectuar propostas relacionadas cos fins e funcións do consello.

b) Participar nas comisións de traballo que se constitúan de acordo coas normas do seu funcionamento.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular votos particulares, así como expresar o senso do voto e os motivos que o xustifican. Non poderán absterse das votacións os representantes das cdministracións públicas.

d) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións. Deberán formular por escrito a correspondente petición dirixida ao secretario/a do consello, que para a súa remisión deberá ser autorizado polo presidente.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes a súa condición de vogais.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións deberán recibir coa antelación suficiente a convocatoria das reunións, con inclusión da orde do día.

Artigo 11º.-Suplencia e duración do mandato dos vogais.

1. Ademais das persoas nomeadas como vogais titulares en representación de todas as institucións e organizacións participantes no consello, designaranse as persoas suplentes que exercerán a súas funcións en ausencia daquelas.

2. A duración do mandato dos/as vogais que non sexan representantes das administracións públicas será de tres anos. Cada tres anos desde a constitución do consello, procederase a nomear novos vogais de acordo co establecido neste decreto. Transcorrido este período o mandato destes vogais quedará prorrogado ata a designación efectiva dos novos representantes.

3. As/os vogais que non sexan representantes das administración públicas perderán a condición de tales:

a) Por disolución da entidade a que representen.

b) Por renuncia da entidade, que deberá ser comunicada á secretaría do consello.

c) Cando deixen de concorrer na entidade que representan os requisitos que deron lugar á súa designación.

d) Por renuncia do vogal que deberá ser comunicada á secretaría do consello.

e) Por calquera outra causa xustificada que lle impida exercer as funcións que teña asignadas, incluída a revogación do mandato concedido pola organización ou asociación poderdante, que deberá ser comunicada por esta á secretaría do consello.

4. No caso de que algún destes perda a súa condición de vogal por calquera das causas a), b) e c) do punto anterior, procederase a nomear un novo vogal de acordo co procedemento establecido neste decreto.

Cando se trate dun vogal representante dunha asociación de inmigrantes ou organización sen fins de lucro a vacante será ocupada polo representante da seguinte asociación ou organización que obtivese o maior número de votos no proceso de elección previsto no artigo 9º.

5. Cando a condición de vogal se perda por algunha das causas d) ou e) do punto 3, procederase a designar un novo vogal mediante proposta da entidade representada. Nestes casos, ata que non se designe un novo vogal, pasará a exercer as súas funcións o vogal suplente.

6. Nos supostos dos dous puntos anteriores o mandato dos novos vogais estenderase polo tempo restante ata o cumprimento do período de tres anos que correspondería cumprir aos vogais substituídos.

7. O mandato dos/as vogais representantes das administracións públicas durará ata que deixen de desempeñar o cargo que habilitou o seu nomeamento.

Capítulo III

Funcionamento do consello

Artigo 12º.-Pleno e comisións.

1. O Consello Galego da Inmigración funcionará en pleno, comisión permanente e comisións de traballo que se constitúan.

2. O consello poderá establecer as súas propias normas de funcionamento. En todo o non previsto neste decreto aplicarase supletoriamente o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-O pleno.

1. O pleno estará integrado polo presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e a totalidade dos/as vogais que figuran no artigo 8deste decreto.

2. O consello celebrará, polo menos, dúas sesións ordinarias ao ano, cuxa convocatoria será acordada polo presidente/a. Este/a, así mesmo, poderá convocar sesións extraordinarias cando o estime xustificado ou cando o solicite a maioría de vogais do consello.

3. As convocatorias ordinarias do consello efectuaranse coa debida antelación e, polo menos, quince días naturais antes da data de reunión. Para as extraordinarias poderá reducirse este prazo, que en ningún caso será inferior a oito días naturais antes da data de reunión.

4. Para a válida constitución do pleno, en primeira convocatoria, requirirase a presenza do/a presidente/a, ou, se é o caso, de quen o substitúa, o secretario/a e da metade, polo menos, da totalidade dos seus membros con dereito a voto. En segunda convocatoria será suficiente coa asistencia da cuarta parte da totalidade dos seus membros con dereito a voto, sempre coa presenza do/da presidente/a, ou a persoa que o substitúa, e do/a secretario/a.

5. Os acordos do pleno tomaranse por maioría simple, sendo dirimente o voto do/a presidente/a en caso de empate.

Artigo 14º.-Comisión permanente.

1. A Comisión Permanente do Consello Galego da Inmigración estará formada polo presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e por cinco vogais que elixa o pleno.

2. As súas funcións serán :

a) Coordinación e seguimento das comisións de traballo.

b) As funcións que lle asigne o pleno do consello.

c) Exercer as función do pleno no caso de urxencia debidamente motivada e así apreciada polo presidente.

3. Dos acordos adoptados pola comisión permanente darase conta ao pleno do consello na primeira reunión que se celebre.

Artigo 15º.-Comisións de traballo.

1. O Consello Galego da Inmigración poderá crear comisións de traballo para o mellor desenvolvemento das súas competencias.

2. As comisións de traballo estarán compostas por un presidente/a que será un/unha dos/das vogais da comisión permanente e por un mínimo de tres vogais do pleno. A elección do/a presidente/a e dos/das vogais das comisións de traballo será realizada polo pleno do consello. Cada comisión de traballo designará entre os seus membros a persoa que fará as funcións de secretario.

3. Serán funcións das comisións de traballo todas aquelas que lle sexan asignadas polo pleno do consello.

4. As comisións de traballo elaborarán informes ou propostas que para a súa aprobación deberán ser sometidas ao consello.

5. Nas comisións de traballo poderanse integrar con voz pero sen voto expertos/as ou técnicos/as seleccionados/as en función da materia coa finalidade de obter asesoramento, nomeados polo presidente.

6. As comisións de traballo poderán ter carácter temporal ou permanente. en todo caso a comisión de traballo regulada no artigo seguinte terá carácter permanente.

Artigo 16º.-Comisión de traballo contra o racismo e a xenofobia.

1. No seo do Consello Galego da Inmigración crearase unha comisión de traballo específica contra o racismo e a xenofobia con funcións de observación, estudo e análise dos fenómenos sociais asociados aos movementos migratorios e con capacidade de elaborar propostas de actuación en materia de loita contra o racismo e a xenofobia.

2. A comisión contra o racismo e a xenofobia elaborará un informe con carácter anual.

Artigo 17º.-Gratuidade das funcións e compensacións económicas por asistencia ás reunións.

O exercicio das súas funcións por parte dos membros do consello non implicará percepción de remuneración ningunha en concepto de asistencia, sen prexuízo dos gastos de desprazamento e as axudas de custo que se aboarán aos vogais relacionados no artigo 8.2º, segundo o establecido para o grupo 1º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia ou normativa que o substitúa.

Disposición transitoria

O Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a xenofobia seguirá funcionando ata a constitución do Consello Galego da Inmigración.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 436/2003, do 11 de decembro, polo que se regula a Comisión Interdepartamental de Apoio á Inmigración.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto na disposición transitoria queda derrogado o Decreto 78/2004, do 2 de abril, polo que se crea o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No prazo máximo de seis meses, desde a entrada en vigor deste decreto, deberá constituírse o Consello Galego da Inmigración.

Segunda.-Facúltase ao secretario xeral de Emigración para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza