DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 18 de setembro de 2006 Páx. 14.121

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 154/2006, do 7 de setembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional (BOE do 20 de xuño), no seu artigo 11 prevé a creación de centros integrados de formación profesional e no seu artigo 10.1º establece que este tipo de centros impartirán as ofertas formativas relativas aos títulos e certificados de profesionalidade referidas ao catálogo nacional das cualificacións profesionais. Ademais, no artigo 11.4º establece que as administracións, no ámbito das súas competencias, poderán crear e autorizar os devanditos centros integrados de formación profesional coas condicións e requisitos que se establezan.

O Decreto 325/2003, do 18 de xullo (DOG do 4 de agosto), regula a autorización con carácter experimental dos centros integrados de formación profesional, sobre a base de solicitude voluntaria dos centros logo de convocatoria das administracións correspondentes. A publicación do Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro (BOE do 30 de decembro), polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, fai necesaria a modificación parcial do devandito decreto para a súa progresiva adaptación ao novo marco normativo.

A rede de centros integrados de formación profesional de Galicia obedece á necesidade de abranguer a formación regrada, ocupacional e continua na maioría das familias profesionais, á localización dos centros en relación directa co tecido produtivo, ao aproveitamento da experiencia dos centros pilotos que adiantaron esta tipoloxía de centros e a necesaria reordenación do profesorado e alumnado destas ensinanzas.

Por todo isto, por iniciativa conxunta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e do conselleiro de Traballo, logo do informe favorable do Consello Galego de Formación Profesional, de acordo cos ditames do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O artigo 2 do Decreto 325/2003, do 18 de xullo (DOG do 4 de agosto), queda redactado nos seguintes termos:

«-Definición de centros integrados de formación profesional.

1. Terán consideración de centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia aqueles centros que impartan todas as ofertas formativas referidas ao catálogo nacional das cualificacións profesionais que conduzan a títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade, en consonancia co disposto nos artigos 11.4º e 10.1º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

2. Os centros integrados de formación profesional incluirán nas súas accións formativas as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e as de formación permanente dirixidas á poboación traballadora ocupada.

3. Ademais das ofertas formativas propias das familias ou áreas profesionais que teñan autorizadas, os centros integrados incorporarán o servizo de información e orientación laboral, así como, de ser o caso, o de avaliación das competencias adquiridas a través doutras aprendizaxes non formais e da experiencia laboral, no marco do sistema nacional de cualificacións e da formación profesional.

4. Mentres non se desenvolva o referido catálogo nacional das cualificacións profesionais, a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional terá como base os ciclos formativos e certificados de profesionalidade vixentes, sen prexuízo de poder ofertar, con carácter experimental, outras actividades relacionadas coas cualificacións de marcado carácter estratéxico para a economía galega».

Artigo 2º

O punto 1º do artigo 5 do Decreto 325/2003, do 18 de xullo (DOG do 4 de agosto), que regula a autorización con carácter experimental dos centros integrados de formación profesional, queda redactado do seguinte xeito:

«1. Ser autorizado polo Goberno da Xunta de Galicia mediante decreto, por proposta conxunta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Traballo, co informe previo do Consello Galego de Formación Profesional, que terá en conta os criterios establecidos polas consellerías competentes en materia de educación e traballo. Utilizando o mesmo procedemento o Goberno da Xunta de Galicia poderá transformar os actuais institutos de educación secundaria e centros de formación ocupacional en centros integrados de formación profesional».

Disposicións adicionais

Primeira.-Os centros integrados que se creen por transformación de institutos de educación secundaria, nos cinco anos seguintes á entrada en vigor do Real decreto 1558/2005, do 23 de novembro, poderán impartir as ensinanzas do bacharelato, tanto na modalidade ordinaria coma na de adultos, sempre que o alumnado destas ensinanzas non represente máis dun terzo do alumnado total do centro.

Segunda.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá a extinción gradual das ensinanzas que deixan de impartirse nos institutos de educación secundaria que se transforman en centros integrados de formación profesional.

Terceira.-Nos institutos de educación secundaria que no anexo a este decreto se prevé que no curso académico 2006-2007 e 2007-2008 se transformen en centros integrados de formación profesional, non se impartirán, no próximo curso académico 2006-2007, as ensinanzas de primeiro de educación secundaria obrigatoria. Nos seguintes anos iranse deixando de impartir gradualmente os restantes cursos de educación secundaria e, se é o caso, bacharelato e programas de garantía social, ata a súa extinción.

Cuarta.-A nova rede experimental de centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia queda configurada polos centros que se relacionan no anexo ao presente decreto, e entrará en funcionamento no curso académico que nel se especifica.

Disposición transitoria

Os centros integrados de formación profesional que se crean por desdobramento dun instituto de educación secundaria poderán compartir temporalmente os espazos comúns.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o artigo 2º, centros integrados de formación profesional; o artigo 5.1º, requisitos específicos dos centro integrados; a disposición adicional e o anexo do Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, e as demais normas de igual ou inferior rango no que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilítase a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a persoa titular da Consellería de Traballo para proceder ao desenvolvemento deste decreto nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Curso académico 2006-2007

CódigoDenominación do centroConsellería titularEnderezoCPConcelloProvinciaPor transformación do

15022607CIFP Ánxel CasalEducación e O.U.Estrada de circunvalación15002A CoruñaA CoruñaIES Ánxel Casal

15016000CIFP CompostelaEducación e O.U.Lamas de Abade, s/n15702Santiago de CompostelaA CoruñaIES Compostela

15015767CIFP Monte de ConxoEducación e O.U.R/ Rosalía de Castro, 13315706Santiago de CompostelaA CoruñaIES Monte de Conxo

15006778CIFP Rodolfo Ucha PiñeiroEducación e O.U.Avda. de Castelao, 6415406FerrolA CoruñaIES Rodolfo Ucha Piñeiro

32015050CIFP A FarixaEducación e O.U.R/ Finca Farixa, s/n32005OurenseOurenseIES A Farixa

36007552CIFP A GranxaEducación e O.U.R/ Areas, s/n36860PonteareasPontevedraIES A Granxa

36020064CIFP Carlos OrozaEducación e O.U.Montecelo s/n36161PontevedraPontevedraIES Carlos Oroza

36014568CIFP Valentín Paz AndradeEducación e O.U.Avda. de Madrid 16036214VigoPontevedraIES Valentín Paz Andrade

15032391CIFP SantiagoTraballoEstrada de Santiago de Compostela-Figueiras15898Santiago de CompostelaA CoruñaCentro Nacional de FPO de Santiago

32020744CIFP Santa María de EuropaTraballoPraza da Lexión, 1632002OurenseOurenseCentro de FPO Santa María de Europa

36024525CIFP de CoiaTraballoR/ Baiona 2836209VigoPontevedraCentro de FPO de Coia

CódigoDenominación do centroConsellería titularEnderezoCPConcelloProvinciaPor transformación do

15032583CIFP FeneEducación e O.U.O Pazo15528FeneA CoruñaIES de Fene

27020793CIFP Porta da AugaEducación e O.U.Avda. de Luarca, s/n27700RibadeoLugoIES Porta da Auga

Curso académico 2007-2008

CódigoDenominación do centroConsellería titularEnderezoCPConcelloProvinciaPor transformación do

15024513CIFP SomesoEducación e O.U.R/ Someso, 615008A CoruñaA CoruñaIES Someso