DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 13 de decembro de 2006 Páx. 18.138

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 8/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

Exposición de motivos.

A informática foise constituíndo, ao longo das últimas décadas, como unha rama de importancia crecente e independente. Nace como disciplina académica, en 1969, coa creación do Instituto de Informática, baixo a dependencia do Ministerio de Educación e Ciencia, ao se considerar que para o correcto exercicio profesional era preciso a obtención previa de formación técnica e profesional.

A través do Decreto 327/1976, do 26 de febreiro, establécese a necesidade de que as ensinanzas en informática se desenvolvan a través da educación universitaria e da formación profesional. Os reais decretos 1460/1990 e 1461/1990, do 26 de outubro, estableceron, respectivamente, os títulos universitarios oficiais de enxeñaría técnica en informática de xestión e de enxeñaría técnica en informática de sistemas, e aprobaron as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á súa obtención. Posteriormente, a titulación da diplomatura en informática foi homologada á da enxeñaría técnica en informática polo Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro.

As ensinanzas que se cursan para a obtención do título oficial procuran unha formación adecuada nas bases teóricas e nas tecnoloxías propias desta enxeñaría.

A Asociación de Doutores, Licenciados e Enxeñeiros en Informática de Galicia e mais a Delegación en Galicia da Asociación de Doutores, Licenciados e Enxeñeiros en Informática presentaron unha solicitude conxunta para a creación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, co que se complementa así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais, no ámbito

territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego.

A importancia da informática en canto aplicación para o mellor desenvolvemento da calidade de vida, a súa influencia e importancia nas transaccións económicas, na sinatura electrónica ou na protección de datos contidos en ficheiros informáticos e noutras moitas aplicacións, en campos tan relevantes coma o da medicina, fan que quede xustificado o interese público que se exixe para a constitución dun colexio profesional.

Coa creación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia garantirase que o exercicio desta profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren tanto a eficacia coma a eventual responsabilidade en tal exercicio, e polo tanto queda así garantida a finalidade última que é a protección dos dereitos dos cidadáns e das cidadás.

Por todo o exposto, considérase oportuna e necesaria a creación deste colexio profesional, logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público respecto das actividades profesionais que engloba a enxeñaría técnica en informática, nas que o seu exercicio está condicionado á posesión do título oficial da diplomatura ou da enxeñaría técnica en informática, que acredita a cualificación e habilita legalmente para o seu exercicio.

A lei divídese nunha exposición de motivos; tres artigos, titulados respectivamente obxecto, ámbito territorial e ámbito persoal; unha disposición adicional; dúas disposicións transitorias, e unha disposición derradeira.

Por todo o dito o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

Artigo 1.-Obxecto.

Créase o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia como corporación de dereito público, con personalidade propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que lle son propios, e o exercicio das súas funcións desde o momento no que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2.-Ámbito territorial.

O ámbito de actuación do colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3.-Ámbito persoal.

1. Poderanse integrar no Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia todas aquelas persoas que estean en posesión do título da diplomatura ou da enxeñaría técnica en informática obtido de conformidade co disposto nos reais decretos 1460/1990 e 1461/1990, do 26 de outubro, e no Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro,

ou de título estranxeiro equivalente debidamente homologado.

2. Será requisito para exercer a profesión de enxeñaría técnica en informática no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal radique nesta Comunidade Autónoma.

Artigo 4.-Do uso do galego nas comunicacións.

O colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións externas e internas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e a regulación de normalización lingüística.

Disposición adicional

Sobre a colexación obrigatoria

Quedan exceptuadas da incorporación obrigatoria ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia aquelas persoas profesionais tituladas vinculadas coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, para o exercicio de funcións puramente administrativas e para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración.

Disposición transitoria primeira

Designación da comisión xestora e aprobación duns estatutos provisionais

A Asociación de Doutores, Licenciados e Enxeñeiros en Informática de Galicia e mais a Delegación en Galicia da Asociación de Doutores, Licenciados e Enxeñeiros en Informática designarán unha comisión xestora cunha representación equilibrada de mulleres e homes que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. Nos citados estatutos deberase regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, da que formarán parte todas as persoas profesionais que, consonte o disposto nesta lei, ou nos casos que excepcional e transitoriamente se establezan, poidan adquirir a condición de colexiadas.

A convocatoria da asemblea constituínte deberase anunciar, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

Disposición transitoria segunda

Aprobación definitiva dos estatutos

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio

Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, e elixirá os membros dos órganos colexiais de goberno.

2. Os devanditos estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellaría competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación da súa legalidade, aprobación que será competencia do Consello da Xunta de Galicia, e publicarase no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos.

Disposición derradeira

Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente