DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 11 de xuño de 2007 Páx. 9.899

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 1 de xuño de 2007 pola que se regula o exame do cazador na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, ten por obxecto tratar de conciliar e garantir que o aproveitamento cinexético realizado polos cazadores non afecte a conservación das especies de fauna silvestre, patrimonio do conxunto da sociedade e, por outra banda, lograr unha mellora dos recursos cinexéticos para atender a demanda ordenada dos cazadores.

En virtude do anterior, o artigo 46 do citado texto legal establece a necesidade de acreditar unha aptitude e uns coñecementos precisos para obter a licenza de caza e, así mesmo, disponse que regulamentariamente se determinarán os requisitos, as condicións para a obtención da licenza de caza e as probas de aptitude que deberán superar os que pretendan obter por primeira vez a dita licenza.

Deste xeito, o Decreto 284/2001, do 11 de outubro, aprobou o Regulamento de caza de Galicia, o cal dedica o seu capítulo II do título V ao exame de cazador. Neste sentido, o artigo 46 establece as partes de que consta o desenvolvemento dos ditos exames, deixando que a través da correspondente orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible se regule o seu procedemento.

Polo tanto, o obxecto da presente orde é regular o procedemento, o temario, a convocatoria, os exames, a súa corrección e cualificación, así como a puntuación necesaria para superalos e acadar o certificado que permita obter a primeira licenza de caza.

Na súa virtude, e en función das atribucións conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Requisito.

Para poder presentarse ao exame do cazador será preciso ter cumprido os 16 anos.

Artigo 2º.-Probas.

1. As probas consistirán na realización de dous exercicios:

a) O primeiro exercicio, unha proba teórica que consistirá en contestar por escrito un grupo de 60 preguntas tipo test con tres respostas alternativas, das cales soamente unha é a correta, relativas ás materias concretas do contido do temario que se relaciona no anexo I da presente orde.

Este exercicio realizarase nun tempo máximo dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

O número de respostas necesarias para superar o exame será de trinta (30) preguntas acertadas, tendo en conta que por cada un dos fallos cometidos non se descontará ningunha resposta correcta.

A superación desta primeira proba é requisito indispensable para a realización do segundo exercicio.

b) O segundo exercicio, de carácter práctico, consistirá no recoñecemento de especies da fauna galega, tanto cinexéticas como protexidas, que teñan relación coa caza.

O recoñecemento deberase realizar, no prazo dunha (1) hora, sobre 20 especies diferentes, con exemplares naturalizados, imaxes gravadas, fotografías ou láminas impresas, debendo atinar nun listaxe de 30 nomes ao menos 10 para aprobar. Así mesmo, non se terán en conta os fallos cometidos para os efectos de contabilizar o número de respostas acertadas.

Artigo 3º.-Realización das probas.

As probas realizaranse os primeiros luns dos meses de febreiro, xuño, setembro e decembro, trasladándose, no caso de seren días inhábiles e, segundo o establecido no artigo 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ao primeiro día hábil seguinte.

Así mesmo, as probas realizaranse nos lugares e hora sinalados polos correspondentes servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 4º.-Inscrición.

1. Para realizar o exame será necesario inscribirse previamente mediante solicitude, segundo o modelo normalizado do anexo II da presente orde, cunha anticipación mínima de 30 días á data da realización do exame.

2. A solicitude deberase presentar no rexistro das delegacións provinciais correspondentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ou nos lugares establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendo comunicalo, así mesmo, mediante fax, ao servizo provincial correspondente de Conservación da Natureza da consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 5º.-Certificado.

A todos os que superen as probas teórica e práctica se lles expedirá un certificado que lles permitirá obter a primeira licenza de caza, unha vez realizados os trámites administrativos correspondentes.

Artigo 6º.-Tribunais.

1. En cada delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible constituirase un tribunal que será responsable de controlar e dar validez ás probas.

2. O dito tribunal estará presidido polo delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ou persoa en que delegue e, poderán formar parte como vogais:

-Unha persoa que represente a Federación Galega de Caza, designada por ela.

-Unha persoa que represente as asociacións e sociedades colaboradoras de cazadores, designada por acordo entre elas.

-Unha persoa que represente as organizacións relacionadas coa protección da natureza, designado por acordo entre elas, entre os que forman parte dos comités provinciais de caza. Os secretarios dos comités provinciais de caza realizarán as funcións de secretarios destes tribunais.

Artigo 7º.-Outras certificacións.

1. Serán válidos os certificados de aptitude ou as licenzas de caza expedidos por outras comunidades autónomas en que se mostren probas semellantes, expedidos polos organismos competentes e debidamente dilixenciados.

2. Os cazadores estranxeiros non residentes en España quedan eximidos da obtención do certificado para obter a primeira licenza de caza en Galicia, sempre que posúan unha licenza de caza que sexa válida en España.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2007.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e

Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

-Lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de caza.

-Bioloxía e ecoloxía das especies cinexéticas de Galicia.

-Identificación, por sexo e idade, das especies cinexéticas e non cinexéticas que poidan ser confundidas coas anteriores, e determinación dos exemplares que son pezas de caza.

-Modalidades de caza e normas de seguranza nas cazarías.

-Delitos e faltas relacionados coa caza no Código Penal.

-Coñecementos básicos do procedemento sancionador.

-Nocións básicas sobre sintomatoloxía das enfermidades que afectan as especies cinexéticas.

-Normativa legal que afecta os cans de caza.

-Nocións básicas sobre valoración de trofeos de caza.

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL