DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 26 de xuño de 2007 Páx. 11.096

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

EDICTO do 24 de maio de 2007, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se lle dá publicidade á resolución deste xurado, pola que se resolve o expediente 397 que afecta o monte Grande, comunidades de Torres e Vilamateo, parroquias de Torres e Vilamateo (concello de Vilarmaior).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 9 de maio de 2007, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Olga Mª García Agra, delegada provincial da Consellería do Medio Rural.

Vogais:

-José Joaquín Martel Muñoz-Cobos, representante do Servizo de Montes e Industrias Forestais.

-Augusto José Pérez-Cepeda Vila, representante do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de A Coruña.

-Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

-José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades propietarias de montes clasificados da provincia.

Vogais representantes da comunidade de Torres e Vilamateo, das parroquias de Torres e Vilamateo do concello de Vilarmaior:

-Jesús Vázquez García.

-Pedro Cortizas Vales.

Secretaria: J. Amalia Lorenzo Penela, xefa do Servizo Xurídico-Administrativo da delegación provincial da Consellería do Medio Rural.

Na cidade da Coruña sendo o día 9 de maio do 2007, coa asistencia das persoas citadas anteriormente, reúnese no 3º andar do edificio administrativo Monelos o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña co obxecto estudar e resolver o seguinte expediente:

Expediente 397.

Monte: Monte Grande.

Comunidades: Torres e Vilamateo.

Parroquias : Torres e Vilamateo.

Concello: Vilarmaior.

Superficie: 109 ha.

Parcela I: 106,57 ha.

Parcela II: 2,43 ha.

Lindeiros:

Cadra totalmente co expediente de deslindamento do Monte Grande:

Parcela I:

Norte: atópase delimitado por unha liña que vai desde os chantos 1, 2, 3.... e seguintes ata chegar ao 84, que a separa de propiedades particulares.

Leste: liña que discorre desde o chanto 84 e sucesivos ata chegar ao 107 do deslindamento e que separa o monte do termo municipal de Monfero e propiedades particulares.

Sur: liña que partindo do chanto 107 pasa polos seguintes do deslindamento ata chegar ao 170, a que tamén separa ao monte doutras propiedades particulares.

Oeste: liña que partindo do chanto 170 pasa polos seguintes do mesmo deslindamento ata o piquete número 1 e que a separa doutras propiedades particulares e do camiño veciñal da Feira do Tres a Casal.

Parcela II:

Norte: liña que partindo do chanto 256 pasa polos seguintes do deslindamento ata chegar ao 265 e que separa o monte de diversas propiedades particulares e do río Aguarroibas.

Leste: liña que partindo do chanto 265 e pasando polos seguintes do deslindamento chega ata o chanto 268 separando o monte de propiedades particulares.

Sur: liña que une os chantos 268 co 252 e que separa o monte do camiño veciñal da Feira do Tres a Casal.

Oeste: liña que partindo do chanto 252 chega ata o 256 e que separa o monte de propiedades particulares.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Jesús Vázquez García, en calidade de presidente da xunta promotora, con data 23-12-2005 solicita a clasificación como veciñal en man común o monte denominado Monte Grande, a favor dos veciños das parroquias de Torres e Vilamateo do concello de Vilarmaior. Adxunta memoria técnica datada en decembro de 2005 na cal se fai unha reseña histórica sobre unha anterior solicitude de clasificación do monte como veciñal no ano 1980 (expte. número 207), que, pese a telo informe favorable do enxeñeiro xefe provincial do Icona á súa clasificación, non foi concluído. No informe faise constar, ademais, que o monte foi obxecto de deslindamento no ano 1970, e que os seus lindeiros coinciden na actualidade co mesmo; a existencia dun consorcio coa Xunta para a explotación madeireira, e dun campo de fútbol que ocupa case a totalidade da menor das dúas parcelas que conforman o monte. Tamén presenta relación de veciños comuneiros da parroquia de Torres e Vilamateo.

Segundo.-Á vista de tal solicitude e da documentación achegada, así como do informe favorable ao inicio do xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, o xurado na súa reunión do 2 de febreiro de 2006, acordou iniciar o oportuno expediente nomeando como instrutor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma quen aceptou expresamente o cargo.

Terceiro.-Con data 12 de xullo do 2006, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes emite informe no cal se fai constar que non constan que tradicionalmente veñen realizando os membros da xunta promotora e posibles comuneiros algún tipo de aproveitamento, consuetudinariamente, en réxime de comunidade sen asignación de cotas. Aínda que este informe se apoia pola súa vez -como nel mesmo se indica- no presentado polo técnico do distrito ambiental número II o cal especifica que, en canto aos actos de disposición, nos últimos doce anos -tempo en que o dito monte estivo xestionado por axentes forestais- non se realizaron actos de disposición ningunha por parte dos veciños do monte. Así mesmo, continúa indicando o informe referenciado de xullo de 2006, o monte está consorciado co Concello de Vilarmaior co número C-3134 e que -segundo as bases do devandito consorcio- a súa titularidade pertence a ese concello, incluíndose no seu inventario de bens rústicos.

Por último, salienta a existencia dun campo de fútbol no monte de referencia -xa alegados polos promotores- que de se sacar este do perímetro do monte veciñal sería preciso a descrición dos seus límites e que estes veñan reflectidos tanto en información xeorreferenciada como no plano de levantamento topográfico.

Cuarto.-Procedeuse á correspondente tramitación e librouse mandamento ao Rexistro da Propiedade de Pontedeume (2-8-2006) para que, en cumprimento do disposto no artigo 21 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, expida certificación de asentos que poidan afectar o terreo en cuestión, emitindo informe o 21 de agosto do 2006 que o predio non consta inscrito no Rexistro da Propiedade, polo menos nos termos como se describe na petición.

Quinto.-Así mesmo, e dando cumprimento ao disposto no artigo 23.2º do mentado regulamento, realizáronse o 15 de setembro do 2006 as comunicacións pertinentes do inicio do expediente de clasificación aos promotores; ao alcalde do Concello de Vilarmaior; ao xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais para os efectos de aproveitamentos; ao rexistrador da propiedade, a fin de que realice as correspondentes anotacións preventivas; e publicáronse edictos no Diario Oficial de Galicia (número 198, do 13-10-2006) e taboleiro de anuncios do concello, onde estivo exposto segundo certificación do secretario un mes: desde o 29 de setembro de 2006.

Sexto.-No prazo concedido para a práctica de alegacións, soamente se presentou o Concello de Vilarmaior quen fai constar por escrito do 10 de novembro de 2006, entre outras, que o Monte Grande pertence ao concello de Vilarmaior segundo o plan de xestión elaborado pola Consellería de Medio Ambiente o 31 de outubro de 2003; que foi totalmente deslindado no ano 1970 e que con data 3 de marzo de 1964 se asinou un consorcio co número C-3134 entre a Consellería de Medio Ambiente e o concello. Así mesmo, que os aproveitamentos madeirables os realiza a Consellería do Medio Rural correspondendo o 40% ao concello segundo o consorcio vixente. Puntualiza, ademais, que o monte está situada nas parroquias de Torres e Vilamateo e a solicitude para o declarar como veciñal soamente ven asinada por tres veciños da parroquia de Torres. Por último, fai constar que o aproveitamento cinexético do monte está cedido ao coto de caza número 10.015 e que os veciños non veñen aproveitando consuetudinariamente o

monte.

Sétimo.-Jesús Vázquez García con data 4-12-2006, na súa condición de presidente da xunta promotora para a clasificación do Monte Grande, solicita que sexa integrada ao expediente unha copia cotexada polo Concello de Vilarmaior dun documento histórico do século XVIII no cal -segundo alega- nun interrogatorio catastral se fai referencia ao común en relación á Freguesía de Torres e Torre se na cal se describe, no capítulo terceiro, o termo desta freguesía.

Oitavo.-Con data do 23 de febreiro do 2007, e de acordo co disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, estableceuse un trámite de audiencia previa á proposta de resolución a cal foi comunicada tanto aos promotores do expediente como ao Concello de Vilarmaior a fin de que, no prazo de 10 días hábiles, realicen cantas alegacións consideren convenientes na defensa dos dereitos que crean que os asisten e presenten a documentación e xustificacións que coiden pertinentes, comunicándolles, ademais, a oportunidade da vista do expediente.

No seu escrito de contestación o Concello de Vilarmaior alegou o 16 de marzo de 2007 os mesmos argumentos que os esgrimidos durante a tramitación do expediente para opoñerse á clasificación do Monte Grande como veciñal en man común.

Por ende, os promotores do expediente presenten os días 19 e 23 de abril de 2007, na defensa da súa pretensión, a seguinte documentación para que sexa anexada á solicitude:

-Acta notarial datada o 18 de abril do 2007, na cal veciños das parroquias de Torres e Vilamateo do concello de Vilarmaior manifestan que veñen utilizando o monte comunal denominado Monte Grande, pertencente ás expresadas parroquias, con destino agrícola e gandeiro, sen ningún réxime de asinación de cotas.

-Copias de escrituras notariais dos anos 1970, 1973 e 1977 de particulares veciños da parroquia nas cales se indica que os seus predios, sitas na parroquia de Torres do concello de Vilarmaior, lindan nalgunha das súas estremas con montes comúns ou monte común ou monte comunal.

Noveno.-Segundo os antecedentes de que se dispón, comprobouse que efectivamente no anterior expediente de clasificación deste monte como veciñal en man común iniciado no ano 1980 (expte. número 207) non soamente existía un informe favorable a ela por parte do enxeñeiro xefe provincial do Icona (17-2-1983: non se encontra inconveniente ningún en acceder ao solicitado), se non que existen escritos do propio Concello de Vilarmaior apoiando esta solicitude dos veciños, o que non faría se considerase o monte como propio. Así, consta no expediente un acordo do pleno do concello de abril de 1982 -xa vixente o consorcio- no cal, por unanimidade, e ante o escrito recibido do xurado comunicando o arquivo do expediente por non presentar unha documentación sobre os lindeiros do monte, se suplica ao xurado a reapertura do expediente de clasificación do Monte Grande en favor dos veciños de Torres e Vilamateo xa que a falta de contestación ao requirimento foi por un erro involuntario que se vai

prontamente a emendar.

Por outra banda, xa nas bases do consorcio asinado o 7 de setembro de 1963 entre o Patrimonio Forestal e o concello de Vilarmaior se establece, na número 12, que o Concello se compromete a entregar no seu día aos veciños que poidan resultar propietarios do monte obxecto deste consorcio, os beneficios correspondentes ás participacións que lles pertenzan no voo arbóreo que se cree, en proporción ás súas respectivas cotas na totalidade do monte. Tamén fai constar a referencia ao monte como comunal ou máis coñecido como Monte Grande ou Fervenzas. Por outra banda, no informe do deslindamento do monte de referencia do ano 1971 faise constar expresamente a existencia de servidumes de paso, pastoreo e esquilmo.

Décimo.-Na xuntanza do Xurado Provincial do 9 de maio de 2007 os veciños promotores ratifícanse na súa pretensión e a preguntas do instrutor sobre a titularidade do campo de fútbol sito na parcela II do monte que se vai clasificar, informan que é propiedade tamén dos veciños os cales solicitaron e recibiron para a súa construción unha subvención da Deputación Provincial da Coruña no ano 1992; ademais, o mantemento do mesmo corre a cargo tamén dos veciños , posuíndo documentación que o acredita.

Décimo primeiro.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia; Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdición e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da precitada lei e artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños das parroquias de Torres e Vilamateo, do concello de Vilarmaior son parte lexítima para solicitar a iniciación do presente expediente de clasificación.

Terceiro.-Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do seu regulamento).

Cuarto.-Consta no expediente abundante documentación que fai referencia á condición de monte comunal ou común do Monte Grande da parroquia de Torres e Vilamateo:

-Escrituras notariais datadas de hai máis de 30 anos, cando determinan os lindeiros doutros predios limítrofes de particulares en que se fai referencia a monte común ou monte comunal;

-Propio consorcio do Concello de Vilarmaior do 7 de setembro de 1963, na súa base número 12 -incluída ad hoc- establece o compromiso do concello de entregar no seu día aos veciños que poidan resultar propietarios do monte obxecto do consorcio os beneficios en proporción ás respectivas cotas na totalidade do monte;

-Unha certificación do secretario do Concello de Vilarmaior do 20 de decembro de 1963, e respecto ao consorcio de 1963, en que se indica en relación coa distribución dos beneficios que se obtivesen do voo arbóreo do Monte Grande e Fervenzas, que un vinte por cento da participación establecida en beneficios a favor do concello para os veciños dos lugares que veñen sendo os beneficiarios nos aproveitamentos do monte e outro vinte por cento para o concello... , o que parece indicar un claro recoñecemento dun dereito a favor dos veciños que estaban aproveitando o monte naquel momento anterior ao consorcio asinado.

-O citado antecedente de expediente de clasificación do monte no ano 1980 que, aínda que non concluso, a documentación que figura nel é favorable á súa clasificación: informe do Icona e apoio do Concello de Vilarmaior.

-As servidumes de pasto, esquilmo e pastoreo que se recoñecen como existentes no ano 1970 segundo informa o enxeñeiro do Icona, ano en que se levou a cabo o deslindamento do monte;

-En canto á alegación do Concello de Vilarmaior de que o aproveitamento cinexético do monte está cedido ao coto de caza número 10.015, segundo información facilitada pola Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, non consta a cesión de dereitos cinexéticos do monte público denominado Monte Grande, xa que non incorporaron os citados terreos dentro das súas estremes.

Quinto.-O anteriormente citado fai indicar a condición de veciñal do Monte Grande desde tempos antigos, aínda que na actualidade recente non consta a existencia de actos de aproveitamento dos veciños como consecuencia da xestión do monte por parte da Administración local en virtude de consorcio, o cal, segundo xurisprudencia recente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non é obstáculo para a súa clasificación se queda probado (STS 24-4-2000) que o uso forestal por parte do concello se outorgou en circunstancias tales que evidencian a ausencia de posesión do aproveitamento como monte veciñal polos veciños no momento en que se produciu o consorcio, circunstancia que non se dá no Monte Grande como queda probado na abundante documentación indicada no parágrafo anterior.

Sexto.-Das actuacións que figuran no expediente e, en particular, do relatado anteriormente, dedúcese que o Monte Grande cumpre coas exixencias legais establecidas para ser clasificado como monte veciñal en man común ao terse acreditado a súa titularidade veciñal e o seu aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños da parroquia de Torres e Vilamateo do concello de Vilarmaior.

En consecuencia, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, de acordo coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, por proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes,

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común o denominado Monte Grande en favor das comunidades de Torres e Vilamateo, das parroquias de Torres e Vilamateo do concello de Vilamaior, cos lindeiros, superficie e características seguintes:

Expediente número 397.

Monte: Monte Grande.

Comunidades: Torres e Vilamateo.

Parroquia:Torres e Vilamateo.

Concello: Vilarmaior.

Superficie: 109 ha.

Parcela I: 106,57 ha.

Parcela II: 2,43 ha.

Lindeiros:

Cadra totalmente co expediente de deslindamento do Monte Grande.

Parcela I:

Norte: atópase delimitado por unha liña que vai desde os chantos 1, 2, 3.... e seguintes ata chegar ao 84, que a separa de propiedades particulares.

Leste: liña que discorre desde o chanto 84 e sucesivos ata chegar ao 107 do deslindamento e que separa o monte do termo municipal de Monfero e propiedades particulares.

Sur: liña que partindo do chanto 107 pasa polos seguintes do deslindamento ata chegar ao 170, a que tamén separa ao monte doutras propiedades particulares.

Oeste: liña que partindo do chanto 170 pasa polos seguintes do mesmo deslindamento ata o piquete número 1 e que a separa doutras propiedades particulares e do camiño veciñal da Feira do Tres a Casal

Parcela II:

Norte: liña que partindo do chanto 256 pasa polos seguintes do deslindamento ata chegar ao 265 e que separa o monte de diversas propiedades particulares e do río Aguarroibas.

Leste: liña que partindo do chanto 265 e pasando polos seguintes do deslindamento chega ata o chanto 268 separando o monte de propiedades particulares.

Sur: liña que une os chantos 268 co 252 e que separa o monte do camiño veciñal da Feira do Tres a Casal.

Oeste: liña que partindo do chanto 252 chega ata o 256 e que separa o monte de propiedades particulares.

Así mesmo, acórdase excluír o declarado do inventario de bens do concello e do Catálogo de Montes de Utilidade Pública, se neles estiver inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural da Coruña.

Notifíqueselle a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 24 de maio de 2007.

Olga Mª García Agra

Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña