DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2007 Páx. 13.193

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 148/2007, do 19 de xullo, polo que se determina a creación, composición e funcionamento do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

O artigo 148.9º da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección de medio. A Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do noso Estatuto de autonomía, asumiu a competencia para ditar normas adicionais sobre protección de medio e da paisaxe.

Neste sentido, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, consolidou a competencia e tutela da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia na protección dos espazos naturais. No exercicio desta competencia, a Administración autonómica procedeu á declaración, ata o momento, de seis parques naturais en Galicia cunha extensión de 39.887 hectáreas, que constitúen áreas naturais pouco transformadas pola explotación ou pola ocupación humana que, en razón á beleza das súas paisaxes, á representatividade dos seus ecosistemas ou á singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos polos que a súa conservación merece unha atención prioritaria. A Rede de Parques Naturais de Galicia estará integrada polos espazos naturais que sexan declarados parques naturais e que ata o día de hoxe son: o Monte Aloia, o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de

Carregal e Vixán, a Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadoiro, Serra da Enciña da Lastra e As Fragas do Eume.

A configuración dunha Rede de Parques Naturais de Galicia persegue acadar un estado de conservación favorable dos elementos que compoñen a biodiversidade que conteñen, así como o axeitado desenvolvemento sostible dentro das singularidades e particularidades de cada un deles.

Estes espazos naturais chegan a nós grazas ao manexo responsable que as mulleres e homes habitantes destes territorios fixeron deles, e que deben ser recoñecidos como un exemplo a seguir de sostibilidade e harmonía coa natureza ao longo dos séculos. Cada parque natural ten características propias e singularidades que se manifestan de xeito especifico. Así, o Parque Natural da Enciña da Lastra presenta singularidade dos hábitats mediterráneos no contexto galego, así como as covas en terreos da calcaria de Aquitania únicos en Galicia; o parque natural da Baixa Limia-Xurés correspóndese coas paisaxes de pedra modelada en gran medida polo xeo vello dos antigos glaciares que construíron morfoloxías excepcionais; o parque natural das Fragas do Eume eríxise como a mellor representación dos bosques atlánticos termófilos de Europa; o Invernadoiro, en pleno macizo central ourensán, configúrase nun magnífico referente para a conservación da paisaxe, formado por excepcionais montañas cubertas de

matos secos moi ben conservados, ocupados por unha variada fauna na que destacan os grandes ungulados silvestres; o parque natural de Corrubedo representa a testemuña litoral na comuñón da terra, o vento e o mar; e por último o parque natural do Monte Aloia, o decano dos parques galegos, un lugar para o lecer e o uso público feito con traballo e ilusión nas inmediacións da cidade de Tui.

Os artigos 42 e 43 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, crean as xuntas consultivas dos parques naturais como órganos colexiados consultivos, adscritos á consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para canalizar a participación dos intereses sociais e económicos afectados e desenvólvenas por medio dos decretos 30/2004 , do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoa de Carregal e Vixán; 31/2004, do 22 de xaneiro polo que se crea a Xunta Consultiva do parque natural do Monte Aloia; 32/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do parque natural das Fragas do Eume. Tamén se desenvolveron as xuntas consultivas por medio da creación dos decretos dos parques naturais, en concreto, o Decreto 29/1992, do 11 de febreiro, polo se declara o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, o Decreto 157/2002, do 4 abril, polo que se declara o parque natural da Serra da Enciña da

Lastra e o Decreto 540/2005, do 13 de outubro, polo que se crea a Xunta Consultiva do parque natural do Invernadoiro. As xuntas consultivas dos parques naturais configúranse, de conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, como órganos colexiados de carácter asesor adscritos á consellería competente en materia de medio e que exercen singularmente, respecto a cada un dos parques naturais, as funcións de colaboración na xestión do parque natural e a canalización da participación dos propietarios e os intereses sociais e económicos afectados polo concreto parque natural. Sen prexuízo do anterior, o artigo 41 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, ao falar dunha Rede galega de espazos naturais protexidos, exíxelle implicitamente á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que leve a cabo a coordinación da xestión individual dos espazos naturais e que impulse e promova políticas públicas de conservación e desenvolvemento sostible de xeral aplicación a

todos os espazos naturais, respectando en todo momento as competencias atribuídas ás xuntas consultivas dos parques naturais pola Lei 9/2001, do 21 de agosto.

É relevante sinalar tamén a necesidade de realizar esforzos en materia de transversalidade, no sentido de desenvolver políticas públicas sectoriais integradas que se apliquen nos territorios de xeito intensivo e que actúen de maneira coordinada coa finalidade de mellorar o conxunto de obxectivos necesarios para un desenvolvemento sostible destas áreas.

O artigo 11 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, atribúelle competencia a cada Administración pública, no seu propio eido competencial, para a creación dos órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa xestión. A Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, apreciou a necesidade de creación dun órgano colexiado que coordine, informe e asesore as xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia no exercicio das súas competencias ao tempo que posibilite a participación pública e a colaboración activa dos sectores implicados na implantación e promoción de políticas públicas de conservación e desenvolvemento sostible de xeral aplicación a todos os parques naturais. Co fin de acadar a consecución destes obxectivos e no exercicio da potestade atribuída polo artigo 11 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, este decreto prevé a creación do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

O réxime xurídico do Consello da Rede de Parques Naturais axustarase en todo caso ao disposto no capítulo II, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para órganos consultivos, sen prexuízo do cal e en virtude do disposto no artigo 22.2º da citada lei, este decreto establece e completa a organización, composición, funcionamento e funcións do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia, integrándose este órgano na Administración da Xunta de Galicia, aínda que sen participar na súa estrutura xerárquica.

Este decreto ten por obxecto, polo tanto, a creación do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia, que exercerá as funcións de información e asesoramento das xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia no exercicio das súas competencias, coordinación da xestión individual dos espazos naturais e promoción de políticas públicas de conservación e desenvolvemento sostible de xeral aplicación a todos os parques naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de xullo do dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Este decreto ten por obxecto a creación do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia e o establecemento do seu réxime xurídico, de conformidade co establecido no capítulo II, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia créase coa finalidade de asesorar a Administración e servir de canle de participación dos diferentes sectores implicados na súa xestión.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

1. O Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia é un organo colexiado, de carácter consultivo na xestión dos parques naturais, no que participarán representantes das distintas administracións públicas e de organizacións sociais.

2. O Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia estará adscrito á consellería competente en materia de conservación da natureza, aínda que sen participar da súa estrutura xerárquica.

Artigo 3º.-Funcións.

O Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia terá as seguintes funcións:

1. Coordinar, asesorar e informar as xuntas consultivas dos parques naturais.

2. Colaborar na xestión dos parques naturais a través da súa función asesora e consultiva.

3. Informar o Plan director dos parques naturais de Galicia e as súas revisións, onde se establecerán as directrices e os obxectivos estratéxicos comúns para a xestión e conservación da rede.

4. Prestar asesoramento técnico nas accións de planificación e desenvolvemento sostible que se executen dentro dos parques naturais, sen prexuízo das competencias atribuídas pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, ás xuntas consultivas dos parques naturais.

5. Impulsar o diálogo creando un marco institucional entre o goberno autonómico e os concellos e de colaboración coas universidades e asociacións conservacionistas, buscando políticas de encontro en materia de medio e desenvolvemento sostible para os nosos parques naturais.

6. Achegar suxestións e recomendacións, propoñendo medidas que poidan mellorar as condicións socioeconómicas da poboación local, compatibles coa acción de conservación da natureza e aumentar a calidade e o nivel de vida dos habitantes dos parques naturais galegos, promovendo sinerxías de colaboración a través de convenios e protocolos entre os distintos órganos da Administración pública galega e dos concellos.

7. Impulsar a integración das accións de desenvolvemento sostible nas políticas municipais, procurando a participación dos axentes locais e dos concellos nas políticas do medio que se desenvolverán nos parques naturais de Galicia.

8. Promover políticas de protección e xestión das paisaxes dos parques naturais integrando os seus obxectivos na ordenación territorial, nos planeamentos municipais e nos instrumentos de conservación e protección do patrimonio cultural.

9. Colaborar na promoción exterior dos valores dos parques naturais, fomentando programas de formación, difusión, divulgación, concienciación e educación ambiental.

10. Propor medidas e accións para acadar o cumprimento dos obxectivos establecidos nos plans de ordenación dos recursos naturais, dos plans de uso e xestión e dos plans de desenvolvemento sostible dos parques naturais.

11. Fomentar a coordinación e colaboración coas comunidades autónomas limítrofes e Portugal con presenza de parques naturais e nacionais que lindan con Galicia.

12. Promover, mediante as accións oportunas, os estudos encamiñados a avaliar a evolución dos recursos naturais nos espazos integrados na rede.

13. Aprobar e desenvolver o seu regulamento de réxime interno.

14. Aqueloutras consideracións que lle sexan atribuídas por outras disposicións específicas.

Capítulo II

Composición do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia

Artigo 4º.-Composición.

1. O Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia estará constituído polos seguintes membros: presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e os vogais que se indican neste decreto.

2. A composición do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia axustarase ao disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, co fin de garantir a presenza equilibrada de mulleres e homes neste órgano, o que se terá en conta especialmente na designación das vogalías que non se ocupen en función do cargo posuído nas administracións públicas representadas, así como na composición da comisión permanente, regulada no artigo 10º.6 desta norma.

Artigo 5º.-Presidencia.

1. Ocupará a presidencia do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia a persoa titular da consellería competente en materia do medio, que ademais da presidencia do Pleno exercerá as seguintes funcións:

1.1. Ter a representación do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

1.2. Visar as actas e as certificacións.

1.3. Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias fixando os asuntos que comporán a orde do día.

1.4. Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento destas, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do presidente ou de quen legalmente o substitúa será cualificado e dirimente para o suposto de empate.

1.5. Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do órgano.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal o presidente/a será substituído polo vicepresidente/a.

Artigo 6º.-Vicepresidencia.

1. Será vicepresidente/a a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de conservación da natureza.

2. Correspóndenlle ao vicepresidente/a as seguintes funcións:

2.1. Substituír o presidente/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, exercendo as funcións que lle estean atribuídas.

2.2. Todas aquelas funcións que lle delegue o presidente/a.

Artigo 7º.-Secretaría.

1. Corresponderá a secretaría deste consello á persoa titular da subdirección xeral con competencia en materia de conservación de espazos naturais e biodiversidade, con voz pero sen voto.

2. Son funcións da secretaría:

2.1. Efectuar a convocatoria das sesións por orde do seu presidente/a, así como proceder á citación dos membros do plenario.

2.2. Recibir calquera comunicación ou notificación dos membros do Pleno das que deba ter coñecemento.

2.3. Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

2.4. Expedir certificacións das consultas, informes ou acordos adoptados.

2.5. Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

3. Auxiliará o secretario/a un/unha funcionario/a do Servizo Técnico Xurídico da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, designado polo seu titular quen asistirá ás sesións sen voto.

Artigo 8º.-Vogalías.

Son vogais do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia:

1. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de planificación económica e fondos comunitarios.

2. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de turismo.

3. A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

4. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de urbanismo.

5. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de fomento e calidade da vivenda.

6. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de promoción de emprego.

7. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de montes e industrias forestais.

8. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de formación profesional e ensinanzas especiais.

9. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio cultural.

10. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de recursos mariños.

11. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de desenvolvemento sostible.

12. Os alcaldes/alcaldesas-presidentes/as de cada un dos concellos que teñan declarada parte da súa superficie como parque natural.

13. Os alcaldes/alcaldesas pedáneos das entidades locais menores existentes nos termos municipais que abranguen estes espazos.

14. As persoas que teñan as presidencias das xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia.

15. Dous/dúas representantes elixidos/as entre as asociacións cuxos fins concorden cos principios inspiradores da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestre.

16. Unha persoa de recoñecido prestixio en materia do medio e desenvolvemento sostible nomeada polo conselleiro.

17. Un/unha representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

18. Un/unha representante de cada unha das tres universidades de Galicia.

Artigo 9º.-Nomeamento e mandato.

1. Os membros do Consello da Rede de Parques Naturais, tanto os titulares coma os suplentes, serán nomeados polo/a titular da consellaría competente en materia de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por proposta das organizacións e institucións que se mencionan no artigo precedente.

2. Os membros suplentes substituirán os titulares nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa lexítima que poida ser debidamente xustificada.

3. O nomeamento dos membros será por un tempo máximo de 5 anos, contados a partir da data da súa publicación, e será renovable. No suposto de que o membro titular perdese a súa representatividade ocupará o seu lugar o vogal suplente.

4. Os membros do Consello da Rede de parques naturais de Galicia cesarán por renuncia expresa, pola expiración do prazo do seu mandato sen que se produza a súa renovación e pola declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

Capítulo III

Funcionamento

Artigo 10º.-Réxime de funcionamento.

1. O consello reunirase con carácter ordinario como mínimo dúas veces ao ano, para o que será debidamente convocado polo presidente/a.

Tamén poderá ser convocado con carácter extraordinario, por iniciativa propia do seu presidente/a ou por proposta da metade dos seus membros.

2. O consello actuará en pleno ou en comisión permanente.

3. O Pleno do consello estará constituído por todos os membros deste, e poderá formar no seu seo grupos de traballo de carácter non permanente para temas específicos.

4. Ás sesións do Pleno e ás dos grupos de traballo poderán asistir expertos/as ou persoas invitadas. A súa asistencia, cando se produza, será con voz pero sen voto.

5. O consello elaborará anualmente unha memoria acerca das súas actividades. Esta memoria será obxecto de publicación e difusión pola consellería competente en materia de conservación.

6. A comisión permanente estará constituída por un presidente/a, cargo que recaerá na persoa titular da consellería competente en materia de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

7. O vicepresidente/a será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

Ambos os/as dous/dúas actuarán en nome e representación da Xunta de Galicia.

Formarán, de igual xeito, parte da comisión seis vogais designados polo Pleno, cada un deles de entre os grupos representados nel. Trátase dun órgano normal de funcionamento do consello que exerce as funcións que este lle encomende. Reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses.

Entre as súas funcións estarán as que a continuación se relacionan:

-A tramitación ordinaria dos asuntos do consello cando non estea reunido o Pleno.

-A preparación das sesións do Pleno.

-A elaboración, para a súa ulterior aprobación polo Pleno, da memoria anual de actividades do consello.

-Calquera outra que lle sexa encomendada polas leis, regulamentos ou polo Pleno do consello.

-Coordinar o labor das comisións de traballo no caso de que se creen.

-Resolver e decidir en situacións extraordinarias e de urxencia.

-Informar e documentar todos os asuntos que deban ser sometidos á consideración do Pleno e executar os acordos deste.

-Velar polo adecuado cumprimento dos mandatos adoptados no Pleno.

Artigo 11º.-Réxime xurídico.

1. O Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia rexerase, ademais de polo disposto neste decreto, polo seu regulamento interno, que será aprobado pola maioría do seu Pleno.

2. No non previsto neste decreto nin nas normas internas de funcionamento do consello, estarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de declararse algún novo parque natural, este quedará integrado no Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

Segunda.-No suposto de que se proceda ao incremento da superficie dalgún parque natural coa inclusión de novos concellos, os seus alcaldes quedarán incluídos dentro do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO

Relación dos concellos que integran cada un dos parques naturais de Galicia

-Parque natural do Monte Aloia.

Concello de Tui e a Entidade Local de Pazos de Reis (Pontevedra).

-Parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Concello de Ribeira (A Coruña).

-Parque natural da Baixa-Limia-Serra do Xurés.

Concellos de Entrimo, Lobios, Muíños (Ourense).

-Parque natural do Invernadoiro.

Concello de Vilariño de Conso (Ourense).

-Parque natural da Serra da Enciña da Lastra.

Concello de Rubiá (Ourense).

-Parque natural das Fragas do Eume.

Concello da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Monfero e Pontedeume (A Coruña).