DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 03 de marzo de 2008 Páx. 3.569

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 24/2008, do 21 de febreiro, polo que se regulan os órganos estatísticos sectoriais e se establece o procedemento de designación.

A Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011, no punto quinto da súa disposición derradeira primeira, modifica o artigo 44 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, referido aos órganos estatísticos sectoriais, fixando as súas funcións, establecendo a necesaria coordinación entre estes e o Instituto Galego de Estatística e prevendo un desenvolvemento regulamentario para a súa regulación e designación.

Na disposición transitoria primeira da Lei 16/2006 sinálase que a designación dos órganos estatísticos sectoriais levará a cabo nun período máximo de dous anos desde a súa entrada en vigor.

A presente norma vén dar cumprimento á mencionada previsión, conxugando os principios xerais de actuación administrativa cos propios derivados da lexislación estatística concreta, especialmente o segredo estatístico.

En cumprimento do artigo 46 da Lei 9/1988, o decreto recibiu informe do Consello Galego de Estatística.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Constitúe o obxecto deste decreto a regulación dos órganos estatísticos sectoriais e do seu procedemento de designación, de conformidade co disposto no artigo 44.2º da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

2. Unicamente terán a consideración de órganos estatísticos sectoriais os que se configuren de acordo coas prescricións deste decreto.

Artigo 2º.-Designación.

1. O órgano estatístico sectorial, que poderá estar integrado por unha ou varias unidades administrativas, designarase por resolución da persoa titular do departamento en que se integre organicamente.

No suposto de tratarse dun organismo ou ente público, a resolución será ditada polo seu director ou directora.

2. Na resolución especificaranse os postos de traballo adscritos ao órgano estatístico sectorial, así como os datos correspondentes aos extremos obxecto do rexistro regulado no artigo 3º.

3. No suposto de adscribirse nunha consellería máis dun posto ao órgano estatístico sectorial, a coordinación da actuación estatística será realizada por aquel que sexa designado titular do órgano, na resolución correspondente.

4. A modificación ou supresión dos órganos estatísticos deberán seguir o mesmo procedemento que o establecido para a súa designación.

Artigo 3º.-Rexistro de órganos estatísticos.

1. Adscrito ao Instituto Galego de Estatística, créase o Rexistro de Órganos Estatísticos Sectoriais da Administración Autonómica galega. No citado rexistro constarán necesariamente:

a) A designación do órgano estatístico sectorial de que se trate.

b) A identidade do coordinador ou coordinadora, que será o titular do órgano.

c) A súa localización física.

2. A competencia para resolver sobre a inscrición e baixa no rexistro corresponde ao director ou directora do IGE, sempre de acordo co disposto nas resolucións de designación, modificación ou supresión ditadas polos órganos competentes sinalados no anterior artigo.

Artigo 4º.-Funcións.

Os órganos estatísticos sectoriais terán, no desenvolvemento das súas actividades, as seguintes funcións:

a) Elaborar e difundir as estatísticas propias do departamento e dos organismos e entes públicos correspondentes.

b) Elaborar as operacións estatísticas ou fases delas que lles encomenden o Plan galego de estatística e os seus programas estatísticos.

c) Colaborar co IGE na elaboración do anteproxecto do Plan galego de estatística e dos proxectos dos seus programas anuais.

d) Colaborar co IGE no deseño e confección dos ficheiros directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración autonómica de Galicia.

e) Analizar as necesidades estatísticas do departamento e dos organismos e entes públicos correspondentes.

f) Colaborar co IGE na elaboración dos informes necesarios para o correcto seguimento das actividades incluídas nos programas estatísticos anuais, realizando as demais actuacións que axuden á consolidación do sistema estatístico galego, baixo os principios de cooperación, colaboración, coordinación, eficacia, economía e cumprimento do Plan estatístico, así como os recollidos no artigo 5 da Lei 9/1988, informadores da actuación estatística da comunidade autónoma.

Artigo 5º.-Segredo estatístico.

1. Para os efectos establecidos na sección cuarta do capítulo III do título I da Lei 9/1988, o deber de segredo estatístico exixible aos integrantes dos órganos estatísticos sectoriais será operativo respecto dos órganos e persoas que non pertenzan a eles, a condición de que interveñan nas actividades estatísticas reguladas, incluíndose os superiores do seu titular.

2. Os datos individuais facilitados por razóns estatísticas non se poderán usar en ningún caso para finalidades fiscais ou policiais, nin para calquera outra distinta daquela para que foron solicitados.

Artigo 6º.-Recursos.

Os órganos competentes para coñecer e resolver os recursos que proceda interpor contra os actos ditados polo órgano estatístico sectorial en materia pertencente á estatística da Comunidade Autónoma de Galicia terán tamén a natureza de órganos estatísticos sectoriais para estes únicos efectos.

Artigo 7º.-Inclusión nas relacións de postos de traballo.

Os departamentos da Xunta sinalarán nas súas relacións de postos de traballo aqueles postos que teñan a consideración de órganos estatísticos, de conformidade coa Lei de estatística de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

a) CESAMENTOS PRESIDENCIA