DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 19 de xuño de 2008 Páx. 11.968

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de maio de 2008 pola que se regula a avaliación das ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 3º, integra as ensinanzas deportivas dentro do sistema educativo como ensinanzas de réxime especial. Así mesmo, no capítulo VIII do título I, fixa os principios xerais que rexerán estas ensinanzas e atribúe ás administracións educativas o establecemento do currículo das distintas ensinanzas do que formarán parte os aspectos básicos fixados polo Goberno.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, na súa disposición transitoria segunda, punto 1, determina que ata que non se creen os novos títulos e ensinanzas nas modalidades e especialidades de atletismo, baloncesto, balonmán, deportes de escalada, deportes de inverno e fútbol, que foron establecidas ao amparo do disposto no Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, se impartirán conforme o previsto nos reais decretos que crearon os respectivos títulos e ensinanzas mínimas, agás nos aspectos que nela se determinan. Igualmente, na súa disposición transitoria terceira, punto 2, indícanse as normas que seguirán vixentes en canto non se publiquen outras que as substitúan e non se opoñan ao previsto neste real decreto.

Entre as normas declaradas vixentes na antedita disposición transitoria terceira, inclúese a orde ECD/454/2002, do 22 de febreiro, de aplicación en todo o territorio español, pola que se establecen os elementos básicos dos informes de avaliación das ensinanzas conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos reguladas polo Real decreto 1913/1997, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que cómpren para garantir a mobilidade do alumnado. A disposición derradeira segunda desta orde faculta as comunidades autónomas, no marco das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a correcta aplicación do disposto nela.

Na súa virtude,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto concretar diversos aspectos do proceso de avaliación regulados pola Orde ECD/454/2002, do 22 de febreiro, e determinar os modelos das actas de avaliación dos expedientes académicos persoais e dos informes de avaliación individualizados.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación nos centros docentes públicos e privados de Galicia que impartan ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior.

Artigo 3º.-Carácter da avaliación.

1. A avaliación da aprendizaxe será continua, diferenciada para cada un dos módulos de cada grao, e terá carácter integrador.

2. Para a avaliación do alumnado consideraranse, en cada módulo, os obxectivos formativos e os criterios de avaliación establecidos no currículo, así como a madureza académica alcanzada.

3. Os resultados da avaliación expresaranse nos termos de cualificacións conforme os seguintes criterios:

a) Cada un dos módulos formativos dos bloques común, específico e complementario, así como o proxecto final, serán cualificados seguindo a escala numérica de un a dez puntos, sen decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco puntos e negativas as restantes.

b) A formación en centros de traballo será cualificada no seu conxunto en termos de apto/non apto.

4. A aplicación do proceso de avaliación continua ao alumnado requirirá a asistencia regular ás clases e actividades programadas para os distintos módulos que constitúen o currículo. Para estes efectos, o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua dun determinado módulo será dun 10% da súa duración total, con independencia de que estas faltas sexan ou non xustificadas.

O profesorado poderá non permitir a realización de determinadas actividades prácticas a aqueles alumnos/as que teñan perdido o dereito á avaliación continua, sempre que poidan implicar algún tipo de riscos para si mesmos, o resto do grupo ou as instalacións.

Artigo 4º.-Desenvolvemento do proceso de avaliación.

1. A avaliación será realizada polo equipo de avaliación, que é o conxunto de profesores e profesoras que interveñen co mesmo grupo de alumnos e alumnas, coordinados polo profesor titor ou profesora titora. As decisións adoptadas polo equipo de avaliación, resultantes do proceso de avaliación, realizaranse na forma que determinen os respectivos proxectos curriculares das distintas modalidades ou especialidades.

2. As sesións de avaliación e cualificación son as reunións que deberá celebrar o equipo de avaliación para valorar tanto a aprendizaxe do alumnado, en relación co desenvolvemento e adquisición dos obxectivos do currículo, como a súa propia práctica docente.

3. As sesións de avaliación e cualificación contarán como instrumento básico coas informacións que sobre cada alumno ou alumna e sobre o grupo acheguen os profesores e profesoras que imparten cada módulo.

4. Sen prexuízo das prescritivas sesións de avaliación ordinaria e extraordinaria, para cada grupo de alumnos e alumnas realizaranse as sesións de avaliación e cualificación que establezan os respectivos proxectos curriculares en función da carga horaria dos módulos que compoñen as distintas modalidades ou especialidades deportivas.

5. O profesor titor ou profesora titora de cada grupo de alumnos e alumnas levantará acta do desenvolvemento das sesións de avaliación, en que se farán constar os acordos alcanzados e as decisións adoptadas. A valoración dos resultados derivados destes acordos e decisións constituirá o punto de partida da seguinte sesión de avaliación.

6. Os profesores titores ou profesoras titoras elaborarán, a partir dos datos recollidos nas sesións de avaliación, un informe síntese que será transmitido ao alumnado a través do boletín informativo, que incluirá as cualificacións obtidas.

7. Ao termo do período lectivo con horario regular de clases de cada curso académico celebrarase unha sesión de avaliación ordinaria e formularase a cualificación final dos módulos impartidos no centro educativo do correspondente curso.

8. Para o alumnado que non superase algún módulo dos considerados no punto anterior, na sesión de avaliación ordinaria, celebrarase unha sesión extraordinaria de avaliación e cualificación no mesmo curso académico. Previamente, facilitarase ao alumnado a información precisa das actividades de recuperación dos módulos pendentes e das datas en que se deberá celebrar a devandita sesión.

9. O acceso ao módulo do bloque de formación práctica en centros de traballo producirase cando o alumno ou alumna teña a avaliación positiva nos bloques común, específico e complementario de cada nivel ou grao.

Artigo 5º.-Bloque de formación práctica.

1. O módulo de formación práctica é un bloque educativo que se desenvolve en institucións deportivas de titularidade pública ou entidades privadas en situacións reais de traballo. Este módulo ten carácter obrigatorio en todos os ciclos formativos e desenvolverase procurando aplicar as competencias profesionais e deportivas adquiridas nos centros educativos e naquelas actividades do centro de traballo.

2. A avaliación e cualificación da formación en centros de traballo realizaraa o profesorado do equipo de avaliación que efectuase o seguimento das actividades do alumnado nas institucións deportivas, para o que considerará os informes elaborados polo responsable designado pola institución.

3. O instrumento de seguimento e avaliación do módulo de BFP será a carpeta de seguimento e avaliación do BFP. É obrigatoria na xestión da formación en centros de traballo, ten carácter individual e deberá cubrirse ao longo do desenvolvemento do BFP. Incluirá a seguinte documentación:

a) Memoria das prácticas en que se incluirá a descrición da estrutura e funcionamento do centro, das instalacións e dos espazos das prácticas e do grupo/s cos que realizase o período de prácticas.

b) Follas semanais para o seguimento das actividades e das tarefas que desenvolva no centro de traballo agrupadas por fases.

c) Informe de autoavaliación das prácticas.

d) Informe de avaliación do/a profesor/a titor/a responsable do seguimento das prácticas.

4. Unha vez rematado o período previsto para o desenvolvemento do BFP, a secretaría do centro formalizará a dilixencia de pechamento para validar a documentación de que consta a carpeta de seguimento e avaliación do BFP do alumno ou da alumna, a quen posteriormente lla entregará.

5. O titor ou titora do centro educativo xunto co titor ou titora do centro de traballo establecerán o calendario de visitas; en concreto, un mínimo de dúas visitas de seguimento, ademais das previas para a xestión, para observar directamente as actividades que o alumnado realice nel e rexistrar o seu propio seguimento.

6. Reservarase unha xornada cada quincena para a recepción do alumnado no centro educativo por parte do profesor-titor ou profesora-titora, en que se realizarán actividades de seguimento, asesoramento e apoio.

7. Correspóndelle ao Servizo de Inspección Educativa o seguimento e avaliación dos plans individualizados do BFP coa folla semanal de seguimento, así como a análise dos resultados obtidos no desenvolvemento do BFP en cada un dos ciclos formativos de cada centro educativo.

8. O módulo de BFP realizarase nun só período e de xeito ininterrompido, unha vez superada a formación cursada no centro educativo, entre os días 1 de setembro e 30 de xuño. O número de horas de estadía do alumnado no centro de traballo será o indicado na normativa que establece os currículos correspondentes.

9. O desenvolvemento das estadías do alumnado no centro de traballo seguirá o horario laboral da entidade colaboradora, salvo que no plan individualizado do BFP se estableza outro horario, que en ningún caso poderá ser superior ás oito horas diarias e ás corenta semanais.

10. A realización do BFP nas fins de semana ou durante os meses de xullo e agosto, motivada pola especificidade do propio ciclo formativo, deberá ser autorizada expresamente pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, logo dun informe do Servizo da Inspección Educativa. Os centros remitirán á delegación provincial correspondente, cunha antelación mínima de dous meses con respecto á realización do BFP, xunto co plan individualizado do BFP, unha solicitude, en que se inclúa a xustificación da actividade que requirirá o horario solicitado e o calendario. En ningún caso poderá iniciarse o BFP, fóra do período establecido con carácter xeral, sen contar coa autorización expresa da citada dirección xeral.

11. Dentro dos vinte días seguintes á realización da sesión de avaliación final dos módulos no centro educativo e previa ao BFP ou, de ser o caso, dez días antes do inicio do BFP, os centros educativos enviarán unha copia dos convenios específicos de colaboración coas empresas aos servizos de inspección educativa das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para que desde aí se trasladen á Inspección de traballo. As modificacións e as baixas que se produzan nos convenios de colaboración tamén se comunicarán aos servizos de inspección educativa, a onde se enviará copia do novo convenio no caso de modificacións.

12. A compensación dos gastos ocasionados ao profesorado encargado do seguimento da formación en centros de traballo realizarase ao abeiro do establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 6º.-Proxecto final.

1. Presentación da proposta e a súa valoración.

a) Unha vez superada a totalidade dos módulos do ciclo formativo e a fase de formación práctica de grao superior da modalidade ou especialidade correspondente, o alumnado presentará, no prazo de dez días naturais contados desde a publicación das cualificacións dos módulos e da fase de formación, unha proposta sobre o contido do proxecto que se propón realizar e solicitará a designación dun titor ou titora, de entre o profesorado do ciclo de formación deportiva.

b) A dirección do centro designará unha comisión de dous profesores ou profesoras, entre os que se atopará o titor ou titora do proxecto, para valorar a proposta de proxecto final a que fai referencia a alínea anterior.

c) Para a aceptación da proposta de proxecto, a comisión terá en conta o seguinte:

1º A súa adecuación a algún dos contidos abordados na súa formación.

2º A posibilidade de realización efectiva do proxecto, nos prazos existentes.

d) A comisión fará constar nunha acta se a proposta de proxecto foi aceptada ou denegada.

e) O alumnado cuxa proposta de proxecto non fose aceptada pola comisión disporá dun segundo prazo, que determinará o centro, para introducir as modificacións oportunas ou proceder á presentación dunha nova proposta.

2. Elaboración do proxecto.

a) Unha vez aceptada pola comisión a proposta do proxecto e designado o seu titor ou titora, o alumnado realizará a súa inscrición na secretaría do centro onde cursa os seus estudos.

b) A realización do proxecto final non requirirá a escolarización do alumnado. Non obstante, e co fin de facilitarlle este traballo, o/a titor/a proporcionará a orientación e a bibliografía adecuada, así como os medios necesarios para completar o proxecto.

c) O prazo para realizar e presentar o proxecto será establecido polo centro e non poderá ser inferior a un mes, contado a partir da aceptación da proposta a que fai referencia a sublínea a) do punto 1 anterior.

3. Avaliación do proxecto final.

a) Para a avaliación dos proxectos finais por curso constituirase no centro un tribunal, que estará integrado polos seguintes membros:

1º Presidente/a: o director ou directora do centro ou profesor ou profesora en quen delegue.

2º Dous vogais, designados polo director ou directora do centro. Un deles será o titor ou titora do proxecto que se valora e actuará como secretario ou secretaria.

b) As actas que se levanten da avaliación de proxecto final deberán ir asinadas por todos os membros do tribunal e custodiaranse na secretaría do centro.

Artigo 7º.-Información e comunicación da programación aos alumnos e alumnas.

Co fin de garantir o dereito do alumnado a unha valoración do seu rendemento plenamente obxectiva, os centros darán a coñecer ao comezo de cada curso os obxectivos formativos, contidos e criterios de avaliación establecidos nas programacións dos diferentes módulos, do período de formación práctica e, se é o caso, do proxecto final.

Artigo 8º.-Procedemento para a revisión das cualificacións.

1. O alumnado poderá solicitar cantas aclaracións considere necesarias acerca das valoracións que se realicen sobre o seu proceso de aprendizaxe, así como sobre as cualificacións ou decisións que se adopten como resultado do devandito proceso; o equipo de avaliación deberá garantir o exercicio de este dereito.

2. No suposto de que, tras as oportunas aclaracións, exista desacordo coa cualificación final obtida nunha materia ou módulo polo alumnado, este poderá solicitar por escrito a revisión da devandita cualificación, no prazo de dous días hábiles a partir daquel en que se produciu a súa comunicación.

3. A solicitude de revisión, que conterá cantas alegacións xustifiquen a desconformidade coa cualificación final, será tramitada a través do xefe ou xefa de estudos, quen a trasladará ao equipo de avaliación.

4. No proceso de revisión da cualificación final obtida nunha materia ou módulo, o equipo de avaliación contrastará as actuacións seguidas no proceso de avaliación do alumnado co establecido na programación didáctica contida no proxecto curricular.

5. O equipo de avaliación procederá ao estudo das solicitudes de revisión e elaborará os correspondentes informes que recollan a descrición dos feitos e actuacións previas que tivesen lugar, a análise realizada conforme o establecido no punto anterior e a decisión adoptada de modificación ou ratificación da cualificación final obxecto de revisión, que se acordará no prazo máximo de cinco días hábiles desde que se solicita a revisión da cualificación.

6. O equipo de avaliación trasladará a súa decisión á xefatura de estudos, quen lle comunicará por escrito ao alumno ou alumna a decisión razoada de ratificación ou modificación da cualificación revisada, e informará dela ao profesor titor ou profesora titora facéndolle entrega dunha copia do escrito cursado.

7. Se tras o proceso de revisión procedese a modificación dalgunha cualificación final, o secretario ou secretaria do centro engadirá nas actas e, se é o caso, no expediente académico e no libro de cualificacións do alumno ou alumna, a oportuna dilixencia que será visada pola dirección do centro.

Artigo 9º.-Reclamación das cualificacións finais ante a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1. De acordo co establecido no artigo 13.4º do Real decreto 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia dos centros, os alumnos/as ou os seus pais/nais ou titores/as poderán reclamar ante a dirección do centro contra as decisións e cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais. As reclamacións deberán basearse nos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo como resultado do proceso de aprendizaxe do alumno/a non foi adecuada aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados conforme o sinalado na programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos non foi correcta.

2. O procedemento e os prazos para a presentación e tramitación das reclamacións será o seguinte:

a) A reclamación presentarase por escrito perante a dirección do centro, no prazo máximo de dous días lectivos a partir daquel en que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director ou directora do centro trasladaralle a reclamación ao equipo docente do ciclo de formación deportiva correspondente para que emita o oportuno informe sobre os aspectos sinalados no punto anterior, no cal deberá formularse proposta de ratificación ou rectificación na cualificación outorgada. Unha vez recibido o devandito informe, o director do centro emitirá resolución ao respecto. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días lectivos, incluída a comunicación ao alumnado, contados a partir do seguinte ao da presentación da reclamación.

c) Contra a resolución do director do centro, o solicitante poderá presentar recurso de alzada perante o delegado ou delegada provincial, no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. A resolución esgotará a vía administrativa.

Artigo 10º.-Convocatorias e proxecto final.

1. Para superar cada módulo dos bloques común, específico e complementario, da formación práctica (formación en centros de traballo) ou do proxecto final, o alumnado disporá dun máximo de catro convocatorias. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá autorizar, de forma excepcional, outras dúas convocatorias cando concorran circunstancias especiais que así o aconsellen.

2. No caso de esgotar as convocatorias a que se refire o punto anterior a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, logo da solicitude do interesado ou interesada, poderá autorizar unha convocatoria para superar o módulo pendente, que se realizará ante un tribunal designado pola persoa titular da delegación provincial correspondente. A solicitude formularase a través do centro no que estea matriculado. A dirección do centro tramitaraa xunto coa información que considere pertinente á inspección educativa, que a elevará á persoa titular da delegación provincial, para a súa tramitación xunto co seu preceptivo informe.

Artigo 11º.-Anulación de matrícula e convocatoria.

1. A anulación de matrícula, que implicará sempre a imposibilidade de utilizar ambas convocatorias, tanto a ordinaria como a extraordinaria, poderá obterse a petición do alumnado ou de oficio como consecuencia do abandono inxustificado dos estudos.

2. A anulación por petición do alumnado formularase polo menos un mes antes de rematar o período lectivo e será resolta polo director ou directora do centro no prazo máximo de dez días hábiles. A autorización á renuncia incorporarase, mediante a oportuna dilixencia, aos documentos do proceso de avaliación.

3. A anulación de matrícula producirase de oficio, con audiencia do interesado ou interesada, cando as faltas de asistencia superen as que se determinan no artigo 3º.4 desta orde.

4. A anulación da matrícula suporá a perda da condición de alumno ou alumna do centro, polo que para un futuro ingreso nese mesmo centro o alumnado deberá realizar novas probas de acceso.

5. O alumnado terá a posibilidade de renunciar a algunha das convocatorias e á conseguinte cualificación de un ou varios dos módulos que integran o currículo correspondente sempre que concorra algunha das circunstancias seguintes: enfermidade de carácter físico ou psíquico, incorporación a un posto de traballo ou obrigas de tipo familiar ou persoal que impidan a normal dedicación ao estudo ou presentación ás probas.

6. A solicitude de anulación de convocatoria e cualificación dalgún módulo formularase, polo menos, quince días antes da avaliación final ordinaria ou extraordinaria. O director ou directora do centro resolverá, no prazo máximo de dez días hábiles, a autorización de renuncia sempre que se xustifiquen as circunstancias sinaladas.

7. A autorización da renuncia á convocatoria incorporarase, mediante a oportuna dilixencia, aos documentos do proceso de avaliación e non implicará a perda da condición de alumno ou alumna.

Artigo 12º.-Documentos de avaliación.

1. De acordo co establecido na disposición segunda da Orde ECD/454/2002, do 22 de febreiro, os documentos de avaliación das ensinanzas de grao medio e grao superior dos títulos de técnicos deportivos son:

a) O expediente académico persoal, segundo o modelo recollido como anexo I desta orde.

b) As actas de avaliación final, segundo os modelos recollidos no anexo II desta orde.

c) A certificación académica oficial, que figura como anexo III desta orde.

d) O informe de avaliación individualizado, que se axustará ao modelo que figura como anexo IV desta orde.

2. O arquivo e custodia destes documentos de avaliación corresponde aos centros educativos.

Artigo 13º.-Solicitude de títulos polo alumnado de centros privados autorizados.

O alumnado de centros privados autorizados deberá solicitar o título de grao medio e grao superior no centro público a que estea adscrito o centro en que rematan os estudos, mediante o pagamento da taxa correspondente. Para estes efectos, os centros privados deberán remitir ao final de cada curso académico copias orixinais das actas finais do grao medio e do grao superior.

Artigo 14º.-Validacións.

1. Para efectos de validacións aplicarase o disposto na Orde ECI/3830/2005, do 18 de novembro, pola que se modifica a Orde ECI/3224/2004, do 21 de setembro, pola que se establecen validacións para os efectos académicos entre determinadas ensinanzas conducentes á obtención de titulacións oficiais no ámbito da actividade física e o deporte coas correspondentes do bloque común de técnicos deportivos, establecidos polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e a Orde ECI 3341/2004, do 8 de outubro, que completa esta.

2. O alumnado terá que presentar a documentación correspondente no centro onde desexe cursar as ensinanzas. A súa matriculación terá carácter provisional mentres non se resolvan as eventuais validacións, cuxa concesión implica facer efectiva a matrícula.

3. As solicitudes doutras validacións non establecidas na mencionada orde terán que ser tramitadas ante o Consello Superior de Deportes.

Artigo 15º.-Xestión administrativa do bloque de formación práctica no centro de traballo.

Para a xestión administrativa polos centros das prácticas formativas establecidas no módulo do bloque de formación práctica utilizarase a documentación prevista para a formación en centros de traballo (FCT), correspondente aos ciclos de formación profesional, que estará dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, para todos os centros educativos.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ou contradigan o disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento desta orde.

Autorízase á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especias para adoptar cantos actos resulten necesarios para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11800D001P008.PDF"