DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 22 de xullo de 2008 Páx. 13.970

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea aprobaron en setembro de 2001 a Directiva 2001/77/CE 27, relativa á promoción da electricidade xerada a partir de fontes de enerxía renovables no mercado interior da electricidade e que tivo por obxecto fomentar un aumento da contribución das fontes de enerxía renovables á xeración no mercado interior da electricidade e sentar as bases dun futuro marco comunitario para ese mercado.

Asemade, o Plan da Acción da Biomasa da Comisión das Comunidades Europeas urxía aos Estados membros a reducir a demanda de enerxía, incrementar a confianza das enerxías renovables dado o seu potencial de produción e sustentabilidade e a diversificalas.

Neste contexto nace o Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial e que derroga o Real decreto 436/2004, do 12 de marzo, e que establece un novo réxime xurídico e económico da actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Doutra banda, a comunicación da Comisión ao Consello e ao Parlamento Europeo relativa a un plan de acción da UE para os bosques estableceu dentro das súas accións claves o fomento do uso da biomasa forestal para a produción de enerxía como base para acadar obxectivos tan importantes como son a axuda a mitigar o cambio climático mediante a substitución do combustible fósil, a mellora da autosuficiencia enerxética, o incremento da seguridade da subministración ou a creación de postos de traballo nas zonas rurais.

Neste senso, a propia Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, na súa disposición adicional segunda urxe ao uso como combustible, no marco do Plan de enerxías renovables do Goberno de España, da biomasa forestal procedente de operacións de prevención de incendios e plans de xestión forestal sustentable.

Consonte esta liña de actuacións, a Consellaría do Medio Rural desenvolveu o estudo técnico sobre a potencialidade de aproveitamento da biomasa forestal residual en Galicia. Este documento de natureza técnica contén, entre outras cuestións, unha avaliación da biomasa existente e formula unha estimación dos residuos forestais á que lle xunta un cálculo da densidade enerxética e do potencial enerxético dos devanditos residuos.

Neste novo marco de fomento e produción de enerxías renovables, entre as que debe xogar un papel relevante a biomasa forestal primaria, dítase este decreto, que asume como obxectivo básico o emprego da biomasa forestal primaria desde varias perspectivas. Primeiramente, como enerxía substitutiva dos produtos fósiles, afondando na redución das emisións de CO2 e SO2 e contribuíndo á limpeza do monte e, polo tanto, servindo como ferramenta na prevención dos incendios forestais.

Neste senso cabe salientar que este obxectivo é consonte con aqueles enunciados no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, onde a actuación nos montes e nas áreas estremeiras colindantes mediante tratamentos axeitados da biomasa forestal residual é básica para levar adiante unha política preventiva contra os incendios forestais.

Doutra banda, a estas vantaxes cómpre engadirlle o fomento que o aproveitamento destes restos forestais pode significar dándolles un novo pulo aos tratamentos silvícolas de mellora que necesitan os montes galegos, reducindo os custos que as podas, rareos ou rozas implican, producindo un incremento dos volumes de madeira de alta calidade, libres de nós e de diámetro suficiente, e favorecendo a conservación dos ecosistemas forestais e as condicións fitosanitarias dos bosques en Galicia.

Baixo estes obxectivos, o decreto regula, dun xeito ordenado e sustentable, o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, detallando a documentación e requisitos que deben conter as solicitudes, os informes previos necesarios e o procedemento administrativo para a autorización e posta en marcha das instalacións.

O decreto estrutúrase en tres títulos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e catro disposicións finais.

No título I establécese o obxecto e ámbito de aplicación e danse unha serie de definicións para unha mellor aplicación e comprensión do decreto, xunto co establecemento do marco territorial de referencia para a implantación das centrais e a determinación dos obxectivos de potencia eléctrica que se pretenden acadar no período 2007-2012 a partir da instalación das centrais de biomasa fornecidas con biomasa forestal primaria.

O título II, autorizacións de centrais de biomasa, divídese en seis capítulos que regulan, respectivamente: o procedemento de selección de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa, o procedemento de autorización de centrais de biomasa, a posta en servizo das centrais de biomasa, a conexión á rede de distribución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a transmisión, modificación e peche das centrais de biomasa.

Finalmente, o título III describe de maneira xenérica as competencias para sancionar as infraccións previstas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As disposicións adicionais engaden a previsión da ordenación dos cultivos forestais para fins enerxéticos e do establecemento de medidas de control e seguimento da Administración sobre os sistemas de rastrexabilidade implantados polas produtoras de biomasa.

Considerando que existan proxectos de centrais de biomasa presentados á Administración, prevese nunha disposición transitoria a súa incorporación á primeira orde que sobre admisión a trámite de proxectos convoque a consellería competente en materia de enerxía e a súa tramitación consonte as disposicións deste decreto.

En consecuencia, e no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e mais pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, e demais normativa concordante, conforme co ditame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais, implantación territorial e potencia

máxima instalable

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto regular o réxime xurídico das centrais de produción de enerxía eléctrica a partir do aproveitamento da biomasa forestal primaria, radicadas dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, tamén é obxecto deste decreto establecer o procedemento e criterios para a selección de anteproxectos de centrais de biomasa e os requisitos e procedementos para a autorización da construción, modificación, explotación, transmisión e peche das ditas centrais de biomasa.

2. Este decreto será de aplicación a aquelas centrais de biomasa, comprendidas no grupo b.6 do artigo 2 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial e que, consonte o previsto no artigo 27.13º do Estatuto de autonomía, a súa autorización sexa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) Biomasa forestal primaria ou biomasa: a masa biolóxica procedente de residuos de aproveitamentos forestais, incluídas as cortizas, de operacións silvícolas en masas forestais e espazos verdes, de residuos de actividades agrícolas e de xardinaría ou de cultivos enerxéticos.

b) Áreas de xestión de biomasa (AXB): áreas estratéxicas definidas en función da potencialidade do recurso e da loxística da subministración, integrada por un conxunto de concellos que serven de base territorial para un Plan empresarial de aproveitamento da biomasa e para a construción e o funcionamento dunha central de biomasa.

c) Plan empresarial de aproveitamento da biomasa (PEAB): conxunto planificado de actividades destinadas á mobilización da biomasa para a súa valorización enerxética nunha determinada área xeográfica, que comprende desde os sistemas de obtención e recollida do recurso no monte para garantir a súa sustentabilidade, as formas de relación coas produtoras de biomasa e coas operadoras de biomasa, as posibles intervencións no monte, as necesidades de infraestruturas ou melloras na AXB, os sistemas ou procedementos de medición da biomasa, os sistemas de seguimento da orixe da biomasa, o procedemento para o establecemento do prezo da biomasa até a forma de entrada nos parques de biomasa, co obxecto de fornecer esta da materia prima necesaria para o seu funcionamento. Inclúe tamén os acordos necesarios para a súa obtención e a garantía da súa dispoñibilidade no tempo.

d) Central de biomasa: central de produción de enerxía eléctrica que utiliza como combustible principal do seu proceso produtivo a biomasa forestal primaria.

e) Promotoras: persoas físicas ou xurídicas, con capacidade legal, técnica e económica para seren titulares dunha central de produción de enerxía eléctrica, que promoven o proxecto para a instalación dunha central de biomasa e son titulares do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa que lle serve de fundamento.

f) Produtoras de biomasa: persoas físicas ou xurídicas, titulares ou xestores dos montes en que se produce a biomasa, ben sexan de montes de particulares, de montes veciñais en man común ou de montes públicos.

g) Operadoras de biomasa: persoas físicas ou xurídicas dedicadas ao proceso loxístico, parcial ou total, que vai desde a obtención do recurso no monte ata a súa posta nos parques de biomasa e que inclúe as fases de aproveitamento no monte, manipulación e transporte da biomasa.

h) Parques de biomasa: instalacións de almacenamento de biomasa forestal primaria que fornecen unha ou varias centrais de biomasa.

CAPÍTULO II

Implantación territorial e potencia máxima instalable

Artigo 3º.-Implantación territorial das centrais de biomasa.

A través do correspondente Plan empresarial de aproveitamento da biomasa definiranse as áreas de xestión de biomasa, cuxo aproveitamento se levará a cabo a través de centrais de biomasa, que se encadrarán no grupo b.6 do réxime especial de produción de enerxía eléctrica previsto no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

Artigo 4º.-Emprazamento das centrais de biomasa.

O lugar elixido para o emprazamento das centrais de biomasa deberá reunir as seguintes características:

a) Proximidade a un punto de interconexión coa rede de transporte ou distribución con capacidade para absorber a enerxía eléctrica producida na central de biomasa.

b) Situación en solo con cualificación urbanística compatible.

c) Dispoñibilidade da auga para o proceso produtivo

Artigo 5º.-Potencia máxima instalable.

Para garantir a adecuación da instalación de centrais de biomasa á dispoñibilidade e seguridade do recurso, enmarcado con carácter de actividade complementaria ou secundaria aos usos de sectores produtivos do monte no momento da entrada en vigor do decreto e ao obxectivo de desenvolvemento fixado no Plan Enerxético de Galicia 2007-2012, fíxase en 80 MW eléctricos a potencia máxima instalable na Comunidade Autónoma de Galicia a partir da entrada en vigor deste decreto.

Artigo 6º.-Potencia máxima das centrais de biomasa.

1. As centrais de biomasa terán unha potencia máxima de 10 MW.

2. No anteproxecto establecerase a potencia de cada central de biomasa, tendo en conta a dimensión da área de aproveitamento, a avaliación cuantificada do recurso dispoñible e o valor enerxético do combustible principal, para a determinación do que se terá en conta a súa composición homoxénea.

3. Para os efectos deste decreto, no caso de instalacións híbridas para o cómputo da potencia máxima só se terá en conta a calculada a partir do aproveitamento da biomasa forestal primaria.

TÍTULO II

Autorización de centrais de biomasa

CAPÍTULO I

Procedemento de selección de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa.

Artigo 7º.-Orde de convocatoria.

Mediante orde da consellería competente en materia de enerxía, determinarase o obxectivo de potencia máxima expresada en megawatts que se tramitará durante o período de referencia que naquela se estableza e fixarase o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

1. Dentro do prazo establecido na orde de convocatoria, os interesados na instalación dunha central de biomasa deberán presentar, ante a consellería competente en materia de enerxía, unha solicitude, segundo o modelo que se estableza na devandita orde, cos requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañada da seguinte documentación:

1.1. Anteproxecto da instalación asinado por técnica ou técnico competente e visado polo colexio oficial co seguinte contido:

a) Memoria: emprazamento da instalación, obxecto, características principais.

b) Planos de situación da instalación a escala mínima 1:5.000 e planos de trazado da liña de evacuación a escala mínima 1:25.000, reflectindo as coordenadas xeográficas ou UTM que permitirían a súa xeorreferenciación.

c) Orzamento estimado da instalación e análise de viabilidade do investimento.

1.2. Documentación acreditativa da solicitude de acceso á rede de transporte ou distribución.

1.3. Xustificación da capacidade legal, técnica e económica da promotora, a través dos medios seguintes:

a) Capacidade legal: a promotora deberá ter personalidade física ou xurídica propia, excluíndo as unións temporais de empresas.

b) Capacidade técnica mediante a acreditación de cando menos un destes requisitos:

i.-Ter exercida a actividade de produción de enerxía eléctrica durante, polo menos, os últimos tres anos.

ii.-Contar cun socio que participe no capital social cunha porcentaxe igual ou superior ao 25% e que poida acreditar a súa experiencia durante os últimos tres anos na actividade de produción de enerxía eléctrica.

iii.-Ter subscrito un contrato de asistencia técnica por un período de tres anos cunha empresa que acredite experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica.

c) Capacidade económica: a capacidade económica entenderase cumprida se a promotora presenta documentación acreditativa de posuír fondos propios que supoñan como mínimo o 20% do investimento necesario para a realización do proxecto ou proxectos. No caso de que a promotora sexa unha persoa xurídica, a capacidade económica entenderase cumprida se unha ou varias das persoas que participan no seu capital, reunindo individual ou conxuntamente a indicada porcentaxe, achegan a devandita documentación.

1.4. Certificación da cualificación urbanística do terreo en que se vaia instalar a central e adecuación á normativa urbanística municipal.

1.5. Descrición e análise previa das afeccións ambientais e medidas correctoras previstas, en particular, necesidades de auga, emisións á atmosfera e tratamento ou xestión dos residuos xerados logo da combustión da biomasa forestal na caldeira, nomeadamente das cinzas.

1.6. Plan empresarial de aproveitamento da biomasa, asinado por persoa titulada universitaria forestal competente, co seguinte contido:

a) Definición da área de xestión da biomasa, constituída por unha agrupación de concellos, consonte os parámetros empregados no estudo técnico sobre a potencialidade de aproveitamento da biomasa forestal en Galicia.

b) Estimación do recurso. Avaliación cuantificada da dispoñibilidade do recurso e composición, debe quedar acreditada:

i.-A garantía da súa subministración para un período determinado.

ii.-A compatibilidade cun modelo sustentable de explotación dos ecosistemas forestais.

iii.-A compatibilidade cos instrumentos de xestión forestal aprobados pola Administración forestal que afecten a AXB e co obxecto dos convenios e consorcios ou outro tipo de figuras contractuais, segundo a disposición adicional primeira da Lei 43/2003, de montes, asinados coa Administración forestal.

c) Loxística da subministración de materia prima á planta.

i.-Descrición do método de obtención, recollida e transporte a planta.

ii.-Relación e copia dos acordos asinados entre a persoa que solicita a autorización da central de biomasa e os representantes legais dos propietarios dos terreos, xestores de montes, rematantes ou coas industrias de transformación da madeira para a subministración de biomasa forestal primaria para unha determinada área e por unha cantidade de biomasa establecida.

iii.-Estes acordos deberán respectar as obrigas referidas á xestión da biomasa establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, así como as actuacións silvícolas definidas nos instrumentos de xestión aprobados pola Administración forestal.

d) Xustificación da compatibilidade do proxecto cos usos da industria da transformación da madeira así como con outras actividades agroforestais.

e) Influencia sobre o modelo socioeconómico da AXB. Deseño do modelo de aproveitamento. Impacto sobre a creación de emprego: cuantificación dos postos de traballo e estrutura por actividade (loxística e planta de produción), sinalando en que medida e con que accións se promoverá o emprego feminino.

f) Compatibilidade coas exixencias ambientais que afecten a AXB.

g) Cartografía xeral e de detalle con representación da propiedade, caracterización desta e dispoñibilidade do recurso.

h) Orzamento estimado da organización e do funcionamento da subministración, loxística e aproveitamento enerxético da biomasa.

i) Relación coas operadoras de biomasa. Procedementos operativos para que as operadoras de biomasa e as promotoras xustifiquen a procedencia vexetal, o sistema de medición, a orixe e o sistema de rastrexabilidade da biomasa forestal. Prezos orientativos da biomasa en planta.

j) Xustificación da compatibilidade, dende o punto de vista da materia prima dispoñible, no caso de que xa exista unha central de biomasa cuxo plan empresarial de aproveitamento da biomasa teña unha base territorial que coincida total ou parcialmente coa da nova central de biomasa que se pretende instalar.

1.7. Plan de autoprotección segundo o establecido no Real decreto 393/2007, polo que se aproba a norma básica de autoprotección, e segundo o establecido na normativa autónoma que o desenvolva.

1.8. Xustificación do cumprimento do establecido na normativa sectorial que regula os aspectos relativos á seguridade das instalacións industriais ante riscos por incendios.

2. Ademais da documentación indicada no punto anterior, poderáselles requirir ás promotoras a presentación de calquera outra documentación que concrete, aclare ou complete o contido da solicitude.

3. Expirado o prazo para a presentación de solicitudes, a consellería competente en materia de enerxía ditará resolución en que se aprobe a lista provisional de anteproxectos admitidos e excluídos, e se outorgue un prazo de dez días hábiles para que as promotoras que presentaron solicitudes que non reunisen os requisitos exixidos emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos. Se así non o fixeren, teranse por desistidos da súa petición na resolución que se dite segundo o establecido no artigo 11º.

Artigo 9º.-Informes previos.

1. A consellería competente en materia de enerxía remitiralle á consellería competente en materia de montes o Plan empresarial de aproveitamento da biomasa forestal co fin de que esta o analice e, no prazo máximo de dous meses, emita un informe de carácter vinculante sobre a viabilidade do devandito plan.

2. Á consellería competente en materia de ambiente remitiralle a consellería competente en materia de enerxía o Plan empresarial de aproveitamento da biomasa forestal para que esta, no prazo máximo de dous meses, emita informe no ámbito das súas competencias sobre o contido do devandito plan.

3. A consellería competente en materia de enerxía remitiralle á consellería competente en materia de ambiente unha separata do anteproxecto da instalación e a análise previa das afeccións ambientais e medidas correctoras previstas co fin de que esta emita informe sobre a necesidade de sometelo á avaliación de impacto ambiental ou informe que estableza o condicionado ambiental que considere oportuno para garantir a viabilidade ambiental do proxecto.

Artigo 10º.-Selección dos anteproxectos.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, se a suma das potencias das solicitudes presentadas der como resultado unha cifra igual ou inferior á potencia máxima prevista na orde de convocatoria, a persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía ditará resolución que seleccione todas as solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos. O prazo para ditar resolución será de tres meses.

2. Unha vez finalizado o prazo establecido para a presentación de solicitudes, se a suma das potencias das solicitudes presentadas dá como resultado unha cifra igual ou inferior á potencia máxima prevista na orde de convocatoria pero dous ou máis anteproxectos concorreren sobre a mesma AXB, entendendo como concorrentes aqueles cuxa base territorial coincida total ou parcialmente, a consellería competente en materia de enerxía:

2.1. Ditará resolución que seleccione todas as solicitudes non coincidentes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos. O prazo para ditar esta resolución será de tres meses.

2.2. Solicitará da consellería competente en materia de montes a formulación dunha proposta das solicitudes que se van seleccionar entre aquelas que sexan coincidentes. A consellaría competente en materia de montes estudará se os plans empresariais de aproveitamento da biomasa son compatibles:

a) Se son compatibles proporalle, no prazo de tres meses, á consellería competente en materia de enerxía, a selección das solicitudes coincidentes.

b) Se son incompatibles remitiralle, no prazo de tres meses, á consellería competente en materia de industria, unha proposta de prelación das solicitudes elaborada consonte os criterios establecidos no artigo 11º.

En ambos os casos, no prazo de 6 meses, a persoa titular da consellería competente en materia de enerxía ditará resolución, aprobe a lista de anteproxectos seleccionados.

3. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, se a suma das potencias das solicitudes presentadas supera a potencia máxima prevista na orde de convocatoria, a consellería competente en materia de enerxía solicitará da consellería competente en materia de montes a formulación dunha proposta de prelación das solicitudes presentadas. A consellería competente en materia de montes elaborará a dita proposta, consonte ós criterios establecidos no artigo 11º, no prazo de tres meses. Neste caso, no prazo máximo de seis meses, por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de enerxía, aprobarase a relación dos anteproxectos seleccionados. A mesma resolución conterá ademais unha lista priorizada de anteproxectos suplentes.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios de valoración que a consellería competente en materia de montes, aplicará aos plans empresariais de aproveitamento da biomasa para a formulación dunha proposta de prelación das solicitudes presentadas son:

a) A proximidade e centralidade respecto das áreas forestais de produción de biomasa.

b) A mellor comunicación e accesibilidade dentro da área de xestión da biomasa, valorando a mellor situación respecto das vías de comunicación.

c) O sistema de control da procedencia vexetal da biomasa proposto e a rastrexabilidade ao longo da cadea de valorización enerxética.

d) O impacto socioeconómico: creación de emprego directo e indirecto na AXB, tendo en conta as previsións da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e concordantes, respecto do favorecemento do emprego e participación das mulleres.

e) A participación no accionariado das produtoras de biomasa forestal primaria.

2. No proceso de valoración dos anteproxectos admitidos a trámite, a importancia relativa de cada un dos criterios contidos no punto anterior en ningún caso poderá supoñer máis do 30% do total.

CAPÍTULO II

Procedemento de autorización de centrais de biomasa.

Artigo 12º.-Presentación de documentación.

1. As promotoras no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución aprobatoria da selección previa, presentarán a solicitude de autorización da instalación da central de biomasa coa cal deberán achegar a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico de execución das instalacións, elaborado consonte os regulamentos técnicos na materia, subscrito pola técnica ou técnico competente e visado polo colexio oficial. De ser o caso, incluirá a documentación que acredite a posibilidade de aproveitamento compartido para usos térmicos en edificacións, instalacións e dotacións civís ou industriais próximas, destinadas á realización de actividades económicas ou á prestación de servizos comunitarios de carácter público (sanitarios, educativos, recreativos, deportivos, protección civil ou similares).

b) Acreditación do punto de conexión á rede de transporte ou distribución mediante informe de acceso emitido polo xestor da dita rede.

c) Separatas do proxecto para as administracións públicas, organismos e, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens ou servizos ao seu cargo afectadas pola instalación con bens e dereitos ao seu cargo, co fin de que establezan o condicionado técnico procedente. As separatas conterán como mínimo as características xerais da instalación, documentación cartográfica e, de ser o caso, un documento de síntese do estudo de impacto ambiental.

d) De ser o caso, estudo de impacto ambiental da área de implantación do proxecto da central de biomasa ou documento co condicionado ambiental do proxecto.

2. A documentación dirixirase á correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de enerxía, que será a unidade tramitadora. No suposto de proxectos cuxa implantación afecte a máis dunha provincia a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía, á cal se lle remitirá a documentación.

3. De non presentar a promotora a documentación indicada na alínea anterior dentro do prazo establecido para o efecto, requirirase para que o faga no prazo de dez días, advertíndoo de que, se non o fixer, ditarase resolución en que se terá por desistido da súa petición.

Artigo 13º.-Instrución.

1. Someteranse conxuntamente á información pública para todos os efectos e durante o prazo dun mes, a solicitude de autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución. Para tal fin, estará a exposición ao público na delegación provincial da consellería competente en materia de enerxía e no concello onde vaia situarse a instalación e inserirase o anuncio no Diario Oficial de Galicia, no BOP e nun dos diarios de maior circulación da provincia correspondente.

2. Durante o prazo indicado no punto anterior, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións consideren oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou a parte desta que se acorde.

3. Rematado o prazo de información pública, os concellos afectados, remitiranlle á unidade tramitadora unha certificación acreditativa da realización do trámite, facendo constar se houbo ou non alegacións e xuntando estas en caso afirmativo. A delegación provincial da consellería competente en materia de enerxía emitirá tamén a certificación acreditativa da realización da información pública que se incorporará ao expediente.

4. Das alegacións presentadas darase traslado ao peticionario para que este formule a contestación ao contido daquelas e lla comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.

5. A unidade tramitadora realizará os trámites necesarios para a obtención dos condicionados técnicos procedentes, revisará a documentación presentada pola promotora e emitirá ou solicitará informe da correspondente delegación provincial relativo á adecuación do proxecto á normativa de instalacións industriais e eléctricas, ao condicionado establecido na autorización administrativa e, de ser o caso, á parte que proceda da declaración de impacto ambiental.

6. Concluídos os trámites de información pública e de información a outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a delegación provincial, cando lle corresponda a tramitación do procedemento, remitirá o expediente completo e ordenado á dirección xeral competente en materia de enerxía para que formule proposta de resolución.

7. Nos casos en que proceda, con carácter previo á proposta de resolución do procedemento, remitirase o expediente ambiental á consellería competente en materia de ambiente co fin de que esta formule a declaración de impacto ambiental do proxecto.

8. A tramitación da declaración de impacto ambiental, de ser o caso, seguirá o procedemento previsto no Decreto 442/1992, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e a súa valoración positiva será requisito indispensable para o outorgamento da autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución.

Artigo 14º.-Resolución.

1. Á vista de todos os informes, alegacións e demais documentos que figuren no expediente, e unha vez formulada a declaración de impacto ambiental nos casos en que así proceda, a dirección xeral competente en materia de enerxía elevaralle á persoa titular da consellería o expediente completo e ordenado xunto cunha proposta de resolución motivada.

2. A persoa titular da consellería competente en materia de enerxía ditará resolución no prazo máximo de seis meses contados desde a data en que a solicitude tiver entrada no rexistro da dita consellería, concedendo ou denegando a autorización administrativa de instalación e aprobando ou non o proxecto de execución. Esto resolución publicarase integramente no Diario Oficial de Galicia e notificaraselles aos interesados e a cantos presentasen alegacións durante o trámite de información pública.

3. A falta de resolución expresa no prazo indicado, contado desde o remate do prazo establecido no artigo 12º, terá efectos desestimatorios e habilitará o solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

CAPÍTULO III

Posta en servizo das centrais de biomasa

Artigo 15º.-Prazos para a posta en servizo.

1. Na resolución de aprobación do proxecto de execución farase mención expresa ao prazo para solicitar a acta da posta en servizo definitiva da central de biomasa, que non será superior aos dezaoito meses contados a partir da aprobación do proxecto de execución.

2. O prazo indicado no punto anterior poderá ser obxecto de prórroga por causas xustificadas, a pedimento do interesado, por un prazo que non poderá superar a metade do prazo inicial. Tanto a solicitude de prórroga como a decisión deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo inicial e non poderá ser obxecto de prórroga un prazo xa vencido.

3. O incumprimento dos prazos e das prórrogas concedidas provocará a caducidade da autorización administrativa, a perda dos dereitos derivados dela e a incautación da fianza sinalada no artigo 16.

Artigo 16º.-Fianzas e avais.

1. Co fin de garantir o cumprimento das súas obrigas, o titular da autorización deberá constituír unha fianza por importe do 2% do orzamento das instalacións que se devolverá, por solicitude do interesado, unha vez que se formalice a acta de posta en servizo das instalacións. A fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda, á disposición da consellería competente en materia de enerxía, en calquera das formas legalmente establecidas.

2. Para garantir a obriga de desmantelamento, unha vez obtida a acta de posta en servizo definitiva, depositarase un aval polo importe do 1% do orzamento da instalación, que se actualizará anualmente na mesma porcentaxe en que se incremente o IPC e manterase durante toda a vida da instalación.

CAPÍTULO IV

Conexión á rede de distribución

Artigo 17º.-Conexión á rede.

1. Para obter a autorización administrativa dunha central de biomasa será requisito imprescindible presentar a acreditación do punto de interconexión da instalación, emitida pola empresa receptora da enerxía producida.

2. O titular da instalación solicitaralle á empresa receptora o punto de conexión á rede para o cal lle achegará a documentación prevista pola normativa específica de aplicación. No prazo establecido para o efecto, a empresa distribuidora notificaralle ao solicitante a aceptación da conexión no punto solicitado e indicará as condicións técnicas de conexión que considere máis adecuadas.

3. No suposto de que a empresa distribuidora comunique que concorren circunstancias que impiden a conexión da central deberá de xustificar ante a dirección xeral competente en materia de enerxía, no mesmo prazo indicado no punto anterior, os seguintes puntos:

a) Acreditación documental da imposibilidade técnica da rede eléctrica para absorber a enerxía producida pola central de biomasa, en condicións normais de operación.

b) Identificación das modificacións necesarias para emendar a imposibilidade técnica aducida.

c) Custo dos traballos precisos e programación da súa execución.

4. Con carácter xeral, os gastos das modificacións na rede da empresa adquirente da enerxía serán a cargo do titular da central de biomasa, agás naqueles supostos que non fosen exclusivamente para o seu servizo. Neste último caso, os gastos correrán a cargo de ambas as partes de mutuo acordo, tendo en conta o uso que se prevé van facer das ditas modificacións cada unha das partes.

5. No caso de discrepancia, a dirección xeral competente en materia de enerxía formulará unha proposta de acordo entre a empresa receptora e o titular do parque que conterá, de ser o caso, a imputación dos gastos das modificacións que se deben executar na rede.

CAPÍTULO V

Inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica

Artigo 18º.-Recoñecemento do réxime especial de enerxía eléctrica.

1. No caso de solicitar acollemento ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, o titular da autorización deberá presentar solicitude expresa para o efecto xunto coa seguinte documentación:

1.1. Acreditación das principais características técnicas e de funcionamento da instalación.

1.2. Avaliación cuantificada da enerxía eléctrica que vai ser transferida á rede.

1.3. Memoria resumo da entidade peticionaria co seguinte contido:

a) Nome e razón social e enderezo do peticionario.

b) Capital social e accionistas con participación superior ao cinco por cento, de ser o caso, e participación destes. Relación de empresas filiais en que o titular teña participación maioritaria.

c) As condicións de eficiencia enerxética, técnicas e de seguranza da instalación para a cal se solicita a inclusión no réxime especial.

d) Relación doutras instalacións acollidas ao réxime especial das cales sexa titular.

e) Copia do balance e conta de resultados correspondente ao último exercicio fiscal.

2. A solicitude e a documentación indicados no punto 1 poden presentarse conxuntamente ou con posterioridade á solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución. No caso de solicitude conxunta, o recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica pode outorgarse na mesma resolución pola cal se aproba o proxecto de execución da instalación.

Artigo 19º.-Inscrición no rexistro.

1. A condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica terá efectos desde a data da resolución pola cal aquela se outorga.

2. Para a aplicación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica será requisito necesario a inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Xunta de Galicia, creado por Orde do 5 de xuño de 1995.

3. De todas as inscricións, modificacións e cancelacións que se realicen no rexistro, darase conta á Administración xeral do Estado para os efectos previstos na normativa do réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

CAPÍTULO VI

Transmisión, modificación e peche das centrais de biomasa

Artigo 20º.-Transmisión de autorizacións.

1. As transmisións de titularidade das centrais de biomasa requiren autorización administrativa previa da consellería competente en materia de enerxía. Para estes efectos considérase transmisión a terceiros calquera acto ou operación xurídica que outorgue a aqueles a titularidade de accións ou participacións por máis do 50% do capital da titular da autorización administrativa ou da instalación.

2. Para tal fin, o órgano competente exixiralle ao solicitante da autorización administrativa de transmisión a acreditación do cumprimento dos requisitos de solvencia legal, técnica e económica, exixidos ao titular da autorización ou da instalación. O novo titular subrogarase expresamente en todas as obrigas e dereitos do transmitente.

3. A dirección xeral competente en materia de enerxía ditará resolución no prazo máximo de seis meses contados desde a data en que a solicitude tiver entrada no rexistro da consellería competente en materia de enerxía concedendo ou denegando a autorización administrativa de transmisión de titularidade da central de biomasa. A falta de resolución expresa no prazo indicado, contado desde a data de presentación da solicitude, terá efectos desestimatorios e habilitará ao solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

4. As autorizacións administrativas reguladas neste decreto non serán transmisibles a terceiros ata o momento en que a central de biomasa estea executado na súa totalidade e dispoña da acta de posta en servizo definitiva.

Artigo 21º.-Modificacións do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa.

1. A modificación do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa requirirá autorización da consellería competente en materia de enerxía.

2. Unha vez recibida a solicitude de modificación do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa pola consellería competente en materia de enerxía, esta remitirao ás consellerías competentes en materia de montes e en materia de ambiente para que, no prazo de tres meses, emitan informe sobre esta.

3. No prazo máximo de seis meses desde a solicitude de modificación do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa a consellería competente en materia de enerxía ditará resolución autorizando ou denegando dita modificación. Se non se produce resolución expresa no devandito prazo entenderase concedida a autorización.

Artigo 22º.-Peche de instalacións.

1. O titular dunha central de biomasa que pretenda levar a cabo o peche da instalación deberá dirixir a correspondente solicitude á consellería competente en materia de enerxía, que resolverá sobre ela no prazo máximo de seis meses.

2. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria en que se expoñan as circunstancias en que se fundamenta a solicitude de peche da instalación.

b) Proxecto técnico de peche da instalación, redactado por técnica ou técnico competente e visado polo colexio profesional.

c) Programa de desenvolvemento dos traballos e orzamento estimado.

3. Unha vez tramitado o procedemento, a unidade tramitadora, cando sexa o caso, remitirá o expediente á dirección xeral competente en materia de enerxía quen resolverá, logo da emisión de informe por parte da delegación provincial correspondente, no prazo máximo de 6 meses.

4. Unha vez realizado o peche e desmantelamento das instalacións, os servizos técnicos da delegación provincial correspondente farán as comprobacións técnicas que se consideren oportunas e, logo do informe favorable da consellería competente en materia de ambiente respecto do cumprimento do condicionado imposto na declaración de impacto ou efectos ambientais, redactarán, se procede, acta de peche.

Artigo 23º.-Obriga de desmantelamento.

1. A autorización administrativa levará implícita a obriga de desmantelamento da instalación e de restauración dos terreos que ocupe ao seu estado orixinal, no momento de cesar a actividade de produción de enerxía eléctrica.

2. A obriga de remoción de instalacións e restauración de terreos será igualmente exixible nos casos de revogación por incumprimento das condicións e requisitos establecidos na autorización administrativa ou aprobación do proxecto de execución.

TÍTULO III

Réxime sancionador

Artigo 24º.-Competencias.

As competencias para sancionar as infraccións previstas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, atribúense conforme o previsto no Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia.

Disposición transitoria

O procedemento de autorización establecido neste decreto será de aplicación a todas as solicitudes en tramitación na data da súa entrada en vigor que aínda non fosen obxecto de información pública.

Incorporaranse automaticamente á primeira convocatoria realizada para a admisión a trámite de solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa, as solicitudes xa presentadas na data de entrada en vigor deste decreto, comunicándoselles a documentación que deben achegar para completar a súa solicitude, de ser o caso.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Mediante orde a consellería competente en materia de montes desenvolverá a definición, regulación e cuantificación da superficie dedicada aos cultivos enerxéticos forestais en Galicia. En todo caso, e mentres non estea vixente a devandita Orde, as solicitudes que se presenten non poderán conter nos seus Plans empresariais de aproveitamento da biomasa, aquela procedente de cultivos enerxéticos forestais.

Segunda.-Asemade, a consellería competente en materia de montes establecerá, mediante orde, o conxunto de medidas de control e seguimento que exercerá a Administración co fin de comprobar e garantir a fiabilidade dos sistemas de rastrexabilidade implantados polas promotoras.

Terceira.-Autorízase á persoa titular da consellería competente en materia de enerxía para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE