DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 12 de agosto de 2008 Páx. 15.436

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2008, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do inmoble denominado Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás, situado no termo municipal de Sada (A Coruña).

Con data do 10 de agosto de 2007, o Concello de Sada presentou a certificación do acordo do Pleno, adoptado o 9 de agosto, polo que solicita da Consellería de Cultura e Deporte a declaración do conxunto do Pazo de Meirás como ben de interese cultural tal e como dispón a Lei 8/1995, do 30 de outubro.

O inmoble denominado Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás, está situado no lugar de Piñeiro, parroquia de Meirás, termo municipal de Sada (A Coruña). O inmoble e o seu predio constitúen un singular conxunto patrimonial dentro deste termo municipal, nunha zona privilexiada da coñecida como Terra das Mariñas, que destaca polo valor paisaxístico do lugar.

Historicamente está documentada neste lugar, nun predio orixinariamente propiedade da familia paterna de Emilia Pardo Bazán, a preexistencia dunha edificación pacega que foi incendiada no ano 1809 polos franceses; reconstruído polo avó de Emilia Pardo Bazán, pero quitándolle a pedra de armas da fachada, o pazo pasou a ser coñecido como Granxa de Meirás, empregada pola escritora para pasar moitas tempadas de verán. Ao parecer, tras o remate das Torres, o que quedaba daquela Granxa de Meirás foi convertido na actual Casa dos Caseiros. A edificación principal que hoxe se coñece como Pazo de Meirás foi construída entre os anos 1893 e 1907.

Cando comeza a súa construción, Emilia Pardo Bazán era xa unha recoñecida escritora, relacionada ademais coa intelectualidade da época a nivel europeo, polo que as Torres de Meirás son un punto de referencia na súa vida e na súa obra. O lugar convértese desde este momento nun espazo intimamente ligado á ilustre escritora, como o seu lugar de creación e retiro favorito, onde pasaba longas tempadas, onde tiña instalada a súa biblioteca particular e onde redactou parte da súa obra, como así o reflicte nas súas producións literarias e escritos persoais.

Desde este punto de vista, o interese ou valor histórico deste lugar está motivado primeiramente como soar dun antigo pazo, representativo da fidalguía galega, e ademais pola relación da nova construción das Torres con Emilia Pardo Bazán, personaxe relevante pola súa gran transcendencia, tanto literaria como social. Tras a morte de Emilia Pardo Bazán, en maio de 1921, transmítese aos seus herdeiros.

A partir do ano 1939, a propiedade pasa a mans da familia Franco. Xa daquela fora ampliada a súa extensión mediante a adquisición doutros terreos e construcións lindeiras coa orixinal. Tras este proceso, a continuidade do seu uso no tempo e a preferencia que a familia Franco mostraba polo que entón comeza a ser denominado como Pazo de Meirás afondan no interese por evocar a arquitectura pacega e con elementos decorativos de épocas anteriores, algúns deles conservados na actualidade. Durante este período súmanse ao conxunto novas propiedades e vaise completando con pezas de valor histórico-artístico de diferentes procedencias. Esta nova etapa reforza o interese xeral deste conxunto.

A construción principal, de aspecto señorial, está constituída por tres torres cadradas ameadas desiguais en altura e con fábrica de cantaría de granito nas fachadas principais. As dúas torres frontais están unidas por un corpo máis baixo que aloxa un solemne vestíbulo, e entre as outras dúas incorpórase unha capela de estilo neorrománico. O conxunto pacego, rodeado dun extenso terreo con bosques e restos de xardín, constitúeno distintas construcións anexas ao edificio principal, ao que se lle foron engadindo elementos decorativos e etnográficos, como balaustradas e pináculos, fontes, escalinatas e réplicas de varias pezas; así como cruceiros, hórreos e brasóns, algúns dos cales gozan da declaración xenérica de bens de interese cultural.

Neste sentido, é de resaltar o valor intrínseco da edificación das Torres de Meirás desde o punto de vista da súa calidade formal e das súas características de estilo. Comezadas a construír no ano 1893 representan un exemplo singular dentro da arquitectura de finais do século XIX e principios do XX, exemplifican a elección dun determinado tipo de mansión señorial, neste caso caracterizada pola inspiración historicista de tendencia medievalizante e concretamente de estilo neorrománico.

Procede sinalar que desde o punto de vista da arquitectura civil, aínda que existen outros edificios deste mesmo estilo nas veciñanzas da comarca ou no ámbito da comunidade autónoma, destaca tanto pola súa singularidade como pola significación cultural e simbólica que adquiriu co paso do tempo. Ningún dos edificios de estilo similar iguala o de Meirás en dimensións, en contexto histórico, en coherencia conceptual e en calidade formal.

Á súa relevancia histórica e arquitectónica engádeselle o valor paisaxístico do lugar. A importancia da edificación vén reafirmada polo seu privilexiado contorno, inmersa nun frondoso parque dentro dun predio pechado e delimitado por un muro de cachotaría, así como pola súa situación estratéxica determinada pola súa proximidade á costa, dominando as amplas vistas sobre unha extensa zona das Mariñas e da ría de Sada.

Á vista do exposto, de acordo co establecido no capítulo I do título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e no exercicio das competencias que teño atribuídas nos artigos 6.Un.d) do Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte e 7 do Decreto 430/1991, unha vez analizada a documentación incorporada ao expediente e vistos os informes dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural,

RESOLVO:

Primeiro.-Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do inmoble denominado Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás, situado no lugar de Piñeiro, parroquia de Meirás, termo municipal de Sada (A Coruña).

Para os efectos previstos no artigo 11 da Lei 8/1995, a delimitación do contorno afectado pola citada incoación publícase como anexo a esta resolución.

Segundo.-Notificarlles esta resolución aos interesados no procedemento e darlle audiencia ao Concello de Sada polo prazo de 15 días, ao abeiro do establecido no artigo 10 da citada Lei 8/1995.

A incoación do procedemento será obxecto de anotación preventiva no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Terceiro.-Dispoñer a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, co fin de que as persoas ou entidades interesadas poidan examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte e alegar o que consideren conveniente.

Cuarto.-Esta resolución determina respecto do ben afectado a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto pola Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens xa declarados e, en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas. A dita suspensión dependerá da resolución ou caducidade do procedemento incoado.

As obras que por forza maior, interese xeral ou urxencia tivesen que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, da autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Deporte.

Quinto.-Consonte establece o artigo 12 da Lei 8/1995, a resolución que poña fin ao procedemento terá que ditarse no prazo máximo de 20 meses contados a partir da data da súa incoación. Transcorrido este prazo, producirase a caducidade do procedemento se fose solicitado o arquivo das actuacións ou non se ditase resolución dentro dos sesenta días seguintes.

Sexto.-Esta resolución publicarase no DOG e no BOE.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2008.

Felipe Arias Vilas

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

Proposta de delimitación literal do ámbito do contorno de protección das Torres de Meirás (Sada, A Coruña).

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais ou estradas polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría que se xunta.

As parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/ parcela).

Pártese do punto A situado sobre a estrada da rede autonómica AC-183, Sada (AC-162)-Arillo (AC 173) na esquina NE da parcela 76065/11; dese punto segue cara ao sur polo linde leste das parcelas 76065/11, 12/340 e 12/327, ata o punto B na esquina SE da parcela 12/327. Desde este punto continúa cara ao oeste polo linde sur das parcelas 12/344, 12/345, 12/361, 12/362, 12/365, 12/366, 12/371, 12/370, 12/369, 12/368, 12/203 e 12/202, neste punto cruza o camiño e segue polo linde sur das parcelas 12/201, 12/453, 12/189, 12/451, 12/182, 12/181 e 12/176, linde leste da parcela 12/172 e lindes sur e oeste das parcelas 12/167, 12/168, 12/169 ata o punto C situado na esquina SE da parcela 12/165. Desde este punto segue pola estrada AC-183 en dirección a Arillo ata o punto D situado sobre esta estrada na esquina SW da parcela 70119/03. Desde este punto segue polo linde sur desta parcela e polos lindes norte das parcelas 70119/07, 70119/06 e 70119/04 ata o punto E situado na esquina NW da parcela

70119/10, onde vira cara ao sur seguindo o linde oeste desta parcela, cruza o camiño de Meirás ao Valo e segue este camiño ata o punto F que se sitúa na esquina NW da parcela 72115/31. A liña de delimitación continúa seguindo o linde oeste desta parcela ata o encontro co parcela 72115/26, de aquí continúa cara ao leste coincidindo coa linde desta parcela ata a esquina NW da parcela 72115/18, segue polo linde sur desta parcela e das parcela 72115/17, 72115/16 ata o punto G na esquina NW da parcela 6/113. Desde este punto continúa coincidindo cos lindes norte e leste da dita parcela e os lindes leste das parcelas 6/112, 6/137 e 76096/8 ata chegar á estrada AC-183 de Sada a Arillo, cruza a dita estrada e continúa cara ao leste ata o punto A de partida co que se pecha a delimitación do contorno.

Ver referencia pdf "15500D038P104.PDF"