DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.949

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 8 de setembro de 2008 pola que se establece a denominación da biblioteca pública de Santiago de Compostela.

As bibliotecas públicas, institucións esenciais na vida comunitaria dos barrios, vilas e concellos, representan unha das máis vitais e ricas alternativas de cultura e ocio que unha institución lle pode ofrecer á sociedade a que serve. Unha biblioteca nace do amor dunha comunidade pola cultura, expresado na demanda de oportunidades e libre acceso a esta, así como no compromiso dos xestores públicos de crear espazos e servizos de lectura, coñecemento e comunicación.

Xa que logo, a biblioteca pública debe afirmarse na comunidade da que agroma, procurando a maior identificación posible coa tradición, historia e valores que a definen e que lle dan o ser.

Parece, pois, un acto coherente e de xustiza, asociar un centro como a biblioteca pública de Santiago de Compostela a un nome tan ligado á cultura galega, á cidade compostelá e ao libro como Ánxel Casal Gosenxe, editor, difusor da cultura galega e da súa vinculación coas outras do seu contorno, alcalde da cidade nos días do levantamento militar que deu lugar á Guerra Civil. El representa para todos nós a figura honesta, íntegra e xenerosa, atenta ás inquedanzas da comunidade a que serve, amante das súas creacións, entregado á misión de difundir a cultura galega, relacionándoa coas outras do mundo.

Emigrante cando novo, no regreso afírmase como promotor e activista das Irmandades da Fala, do Conservatorio de Arte Galega da Asociación de Escritores de Galicia ou das primeiras escolas de ensino en galego. Casado con María Miramontes, apoio permanente no seu traballo de editor e difusor da cultura, asóciase con Carré Alvarellos no proxecto da editorial Lar, participa en diversas iniciativas culturais e bibliográficas, funda a editorial Nós, na cal publicarán as súas obras os máis importantes escritores galegos da época e que editará as revistas Nós e A Nosa Terra. Elixido vicepresidente do comité executivo para o Estatuto de Galicia e alcalde de Santiago de Compostela desde febreiro de 1936, será asasinado en Cacheiras, Teo, aos poucos días do golpe militar.

Ánxel Casal entregou a súa vida pola causa dun mundo máis xusto e para que Galicia e Santiago de Compostela contasen algún día coa liberdade e o benestar social e cultural que soñaba para o seu pobo, e para que todos os galegos puidesen gozar de institucións como esta biblioteca que acaba de abrir as súas portas na cidade por el elixida para vivir.

Ánxel Casal é, pois, unha figura asociada como poucas ao libro, ao servizo público e ao país, el representa o compromiso con conceptos en que se asenta a biblioteca pública como institución cultural.

Ningunha honra poderá igualar a súa capacidade de amor, sacrificio e entrega a Galicia, pero de bos e xenerosos é lembralo cunha homenaxe tan sinxela e ao tempo tan simbólica, como a de asociar o seu nome ao da nova biblioteca pública de Santiago de Compostela.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-A biblioteca pública de Santiago de Compostela, situada na rúa Xoán XXIII, denominarase Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2008.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte