DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 29 de outubro de 2008 Páx. 19.583

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 239/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo de nivel avanzado das ensinanzas de réxime especial de idiomas.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula nos seus artigos 59, 60, 61 e 62 as ensinanzas de idiomas de réxime especial e establece que estas se organizarán en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. En consonancia co disposto no artigo 6.2º da dita lei, o goberno fixou no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, os aspectos básicos do currículo que constitúen as respectivas ensinanzas mínimas nos niveis intermedio e avanzado, co fin de asegurar unha formación común e garantir a validez dos certificados correspondentes.

Seguindo as indicacións do Consello de Europa, no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), a aprendizaxe de idiomas e a súa certificación organízanse nunha serie de niveis comúns ordenados en graos de competencia lingüística progresivamente máis amplos, e ligados a distintos contextos sociais de uso da competencia comunicativa. O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas promove, igualmente, o coñecemento das diversas linguas e culturas.

Igualmente, a decisión 1720/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de novembro de 2006, establece un programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente ata o 2013 (PAP), e recolle entre os seus obxectivos a promoción da aprendizaxe das linguas e a diversidade lingüística, así como favorecer a aprendizaxe permanente de persoas de todas as idades.

Neste contexto, as ensinanzas especializadas de idiomas van dirixidas a aquelas persoas que desexan, ao longo da súa vida, adquirir ou perfeccionar as súas competencias nunha ou varias linguas estranxeiras, sexa con fins xerais ou específicos, así como obter para o mercado laboral unha certificación transparente do seu nivel de competencia no uso das devanditas linguas.

A publicación do Decreto 191/2007, do 20 de setembro (DOG do 9 de outubro), polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, establece o contexto e a ordenación das novas ensinanzas de idiomas de réxime especial, de implantación nas escolas oficiais de idiomas a partir do curso escolar 2007/2008.

Nel establécense os efectos dos certificados acreditativos da superación das exixencias académicas correspondentes aos diferentes niveis. Igualmente, establece o currículo do nivel básico, así como o do nivel intermedio, incorporando neste as ensinanzas mínimas fixadas polo citado Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro; regula o procedemento para que as escolas oficiais de idiomas poidan impartir cursos especializados para o perfeccionamento de competencias en idiomas tanto nos niveis básico, intermedio e avanzado como nos niveis C1 e C2, de maneira que estes centros contribúan, mediante a optimización dos seus recursos, a dar resposta ás necesidades de formación dos distintos colectivos educativos e profesionais no ámbito das linguas estranxeiras.

Esta norma recolle as ensinanzas mínimas fixadas polo citado Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, complementa o Decreto 191/2007, do 20 de setembro, e establece o currículo do nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de setembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto establece o currículo do nivel avanzado dos idiomas seguintes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, galego, español como lingua estranxeira e xaponés.

2. Este decreto é de aplicación nas escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia e nas súas seccións.

Artigo 2º.-Currículo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo o conxunto de obxectivos, competencias, contidos, principios metodolóxicos e criterios de avaliación que constitúen as ensinanzas de nivel avanzado establecidas no artigo 3 do Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

2. O currículo para o nivel será o que se inclúe no anexo I deste decreto.

3. Segundo establece o Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, o dito currículo desenvolverase mediante o proxecto educativo de centro e as correspondentes programacións didácticas en que deberán constar, polo menos, a secuencia de obxectivos, contidos e criterios de avaliación; os mínimos exixibles, os criterios de cualificación e de promoción, o enfoque metodolóxico, a atención á diversidade e a acción titorial.

No desenvolvemento do proxecto educativo de centro, así como nas programacións didácticas, teranse en conta as especificacións que se establecen na Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, especialmente no seu artigo 9.1º, así como as prescricións do artigo 24 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, como garantía dunha educación acorde co principio de igualdade.

4. O profesorado desenvolverá a súa actividade docente de acordo co establecido no proxecto educativo e na programación didáctica do idioma correspondente.

Artigo 3º.-Nivel avanzado.

1. O nivel avanzado terá como referencia as competencias propias do nivel B2, segundo se definen no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa.

2. O nivel avanzado ten a finalidade de capacitar, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, para a utilización do idioma oralmente e por escrito con fluidez, flexibilidade e eficacia, en situacións comunicativas diversas, relativas a temas coñecidos ou propios do campo de especialización do falante, que requiran comprender e producir textos de certa complexidade lingüística, en lingua estándar, nunha variedade de rexistros, e que conteñan expresións, estruturas e locucións idiomáticas variadas e frecuentes, e riqueza léxica. Este nivel de uso do idioma deberá permitir, igualmente, actuar mediando entre falantes de distintas linguas que non poidan comprenderse de forma directa, e garantir a relación fluída entre falantes e culturas.

Artigo 4º.-Principios metodolóxicos.

1. As ensinanzas de idiomas de nivel avanzado estarán orientadas cara ao desenvolvemento das destrezas lingüísticas comunicativas, polo que se deberá abordar o ensino do idioma desde unha perspectiva de uso. Para iso, deberase concibir a aula como un espazo en que se dean situacións comunicativas reais ou simuladas nas cales o estudantado participe activamente. Nestas situacións procurarase activamente a erradicación de comportamentos ou linguaxe sexista e o cuestionamento de estereotipos de xénero desigualitarios.

2. Os enfoques metodolóxicos estarán orientados á acción e crearán contextos de aprendizaxe que, por unha parte, axuden a cada estudante a atopar as súas propias estratexias de aprendizaxe e que, pola outra, fomenten a autonomía do alumnado para que poida aproveitar ao máximo todas as ocasións para mellorar a súa capacidade de comunicación tanto na aula como fóra dela.

Artigo 5º.-Certificacións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirá, por proposta das escolas oficiais de idiomas, os certificados correspondentes ao nivel avanzado do alumnado que supere as exixencias académicas establecidas para ese nivel. Os certificados correspondentes aos niveis básico e intermedio serán expedidos polas propias escolas oficiais de idiomas.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o artigo 19.5º do Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e comezará a aplicarse a partir do ano escolar 2008-2009.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de setembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Nivel avanzado

O currículo do nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial, obxecto deste decreto, ten a finalidade de dar resposta ás necesidades dunha comunicación eficaz na sociedade actual, plurilingüe e pluricultural.

O proceso de ensino e aprendizaxe de idiomas parte dun modelo de lingua entendida como vehículo de comunicación, tal e como se define no Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación (MECR) e na Lei orgánica de educación (LOE), do 3 de maio de 2006 (BOE do 4 de maio). O nivel avanzado das ensinanzas de idiomas ten como referencia o nivel de competencia B2 do MECR: os obxectivos xerais e específicos para cada unha das destrezas, a selección de contidos e os criterios xerais de avaliación son coherentes co establecido para este nivel e co enfoque orientado á acción polo que se pronuncia o MECR.

Este modelo de ensino-aprendizaxe baséase na concepción da competencia comunicativa entendida como a capacidade de uso do idioma, que abrangue tanto as competencias lingüísticas, sociolingüísticas e pragmáticas como a competencia intercultural e a competencia estratéxica.

O aprendiz de linguas ponas en uso activando as citadas competencias para levar a cabo actividades comunicativas sobre diferentes temas, en ámbitos e contextos específicos, botando man das estratexias adecuadas para este fin. O usuario ou usuaria da lingua procesa e produce textos orais e escritos, que constitúen as unidades básicas de comunicación a través de actividades de expresión, comprensión e interacción ou dunha combinación delas. Para iso o alumnado deberá adquirir, a través de experiencias de aprendizaxe, unha serie de habilidades incardinadas en actividades concibidas para facilitar esta adquisición. O persoal docente é o deseñador, presentador, impulsor e avaliador das actividades comunicativas. A súa función será a de orientar, estimular, prestar a súa experiencia e aconsellar, pero serán as alumnas e os alumnos os que deberán asumir a responsabilidade da súa aprendizaxe, colaborando cos demais membros do grupo e co persoal docente para atinxir os obxectivos propostos e

desenvolver a súa capacidade de aprendizaxe autónoma.

En definitiva, a actividade do/a aprendiz é o factor máis importante para que a aprendizaxe se produza, polo que, en último termo, o éxito ou o fracaso das aprendizaxes recaen sobre a persoa que aprende. Non obstante, a aprendizaxe dáse con maior facilidade cando o proceso de ensinanza do profesorado crea as condicións adecuadas para que esta se produza. Por iso, o/a ensinante debe propor tarefas e experiencias de aprendizaxe significativas que estimulen o interese na utilización da lingua dentro e fóra da aula e a sensibilidade cara ás culturas asociadas ao idioma. O deseño axeitado das tarefas será esencial, pois tamén deben contribuír a fomentar a confianza en si mesmos, a motivación para aprender e a capacidade para planificaren, autoavaliaren e aprenderen de xeito autónomo e independente. Estas tarefas serán deseñadas a partir dos criterios de avaliación, que indican o grao de dominio lingüístico que o estudantado debe acadar, e serán esencialmente comunicativas para lles

ofrecer a oportunidade de utilizar o idioma tal e como o farían en situacións reais de comunicación; de aí a importancia de que os materiais empregados nas devanditas tarefas sexan preferentemente auténticos, de xeito que o alumnado perciba a lingua no seu contexto real, como instrumento de comunicación.

Para levar a cabo eficazmente as tarefas correspondentes, as alumnas e alumnos deben ser orientados no uso de estratexias de planificación, execución, control e reparación, así como nunha serie de procedementos discursivos xerais e específicos para cada destreza, e deberánselles proporcionar coñecementos que lles permitan comprender e producir textos axeitados ás necesidades das situacións de comunicación en que participen ou poidan participar ao acadar o nivel avanzado.

En canto á avaliación, esta debe ser entendida como un instrumento para verificar e valorar o grao de competencia comunicativa do alumnado, como unha ferramenta que ofrece información e permite reflexionar sobre todo o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Así, este proceso é susceptible de ser permanentemente revisado, concretado e reinterpretado.

1. Definición do nivel.

O nivel avanzado deberá ter como referencia as competencias propias do nivel B2, segundo se define este nivel no MCERL do Consello de Europa.

O nivel avanzado ten a finalidade de capacitar, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, para a utilización do idioma oralmente e por escrito con fluidez, flexibilidade e eficacia, en situacións comunicativas diversas relativas a temas coñecidos ou propios do campo de especialización do falante, que requiran comprender e producir textos de certa complexidade lingüística, en lingua estándar, nunha variedade de rexistros, e que conteñan expresións, estruturas e locucións idiomáticas variadas e frecuentes, e riqueza léxica. Este nivel de uso do idioma deberá permitir, igualmente, actuar mediando entre falantes de distintas linguas que non poidan comprenderse de xeito directo, e garantir a relación fluída entre falantes e culturas.

2. Os elementos do currículo.

O currículo do nivel avanzado está organizado atribuíndolle obxectivos xerais e obxectivos específicos a cada destreza. Eles serán os referentes de todo o proceso de ensino-aprendizaxe. O seu grao de adquisición está definido e acoutado nos criterios de avaliación. Pola súa parte, os contidos responden a aquilo que se debe ensinar e aprender para lograr os obxectivos comunicativos propostos para este nivel. Carecen de entidade propia, pois unicamente deben ser considerados na medida en que son os instrumentos necesarios para acadar o grao de dominio lingüístico establecido nos criterios de avaliación e, xa que logo, os obxectivos deste nivel avanzado.

Para lograr as aprendizaxes establecidas para este nivel, realízanse actividades da lingua que impliquen procesos para producir e recibir textos relacionados con temas incardinados en ámbitos específicos, poñendo en xogo as estratexias máis axeitadas para levar a cabo as tarefas que se deban realizar. Así pois, os departamentos didácticos deberán considerar os obxectivos e os criterios de avaliación como o punto de partida e o centro das súas programacións: as tarefas, os contidos, as actividades e instrumentos de avaliación, os materiais e o enfoque metodolóxico polo que se opte deberán estar en todo caso supeditados a eles.

2.1. Obxectivos xerais.

2.1.1. Comprensión oral.

Comprender textos extensos ben organizados e lingüisticamente complexos que traten de temas tanto concretos como abstractos, incluso de carácter técnico sempre que estean dentro do propio campo de especialización, nunha variedade de lingua estándar, transmitidos mediante calquera canle, articulados a velocidade normal e mesmo nun contorno ruidoso ou con interferencias.

2.1.2. Expresión e interacción oral.

Falar e interaccionar oralmente con fluidez, precisión, eficacia e espontaneidade sobre unha ampla serie de temas relacionados cos distintos ámbitos de interacción social, marcando a relación entre as ideas, expresando e defendendo puntos de vista con claridade e proporcionando explicacións e argumentos adecuados cun alto grao de corrección e naturalidade que permita que a comunicación se realice sen esforzo.

2.1.3. Comprensión de lectura.

Ler cun alto grao de independencia textos extensos e de certa complexidade lingüística en lingua estándar, en variedade de rexistros, adaptando o estilo e a velocidade da lectura aos distintos textos e finalidades, utilizando fontes de referencia apropiadas de forma selectiva, e cun amplo vocabulario activo de lectura, aínda que teña algunha dificultade con expresións pouco frecuentes.

2.1.4. Expresión e interacción escrita.

Escribir textos de extensión variada, claros e ben estruturados, con diferentes propósitos comunicativos, sobre temas relacionados cos diferentes ámbitos da vida social, transmitindo e requirindo información con eficacia, e defendendo, cando cumpra, puntos de vista sobre temas de carácter xeral, destacando as ideas principais, establecendo relación cos puntos de vista doutras persoas, valorando e sintetizando distintas opcións procedentes de varias fontes cando corresponda.

2.2. Obxectivos específicos.

2.2.1. Avanzado 1.

2.2.1.1. Comprensión oral.

Comprender as ideas principais de textos dos ámbitos académico, público e profesional dentro da propia área de coñecemento, desenvolvidos en lingua estándar e articulados a velocidade normal, de certa complexidade lingüística e con marcadores discursivos explícitos.

Comprender as ideas principais e as específicas moi relevantes dunha gama ampla de textos audiovisuais emitidos en lingua estándar, con claridade na fala, e sen condicións externas que dificulten a comprensión.

Comprender a maior parte do que se lle di directamente en conversas e transaccións en lingua estándar e lingüisticamente complexas.

Comprender o esencial de textos orais de carácter instrutivo, mensaxes e avisos detallados, lingüisticamente complexos e emitidos en lingua estándar.

2.2.1.2. Expresión e interacción oral.

Falar en público en intervencións, preparadas previamente, sobre temas xerais ou da súa especialidade, achegando descricións e argumentos, razoando a favor ou en contra dun punto de vista concreto, e respondendo a preguntas complementarias cun grao de fluidez e espontaneidade que non retraia a intervención dos interlocutores.

Participar en conversas formais e informais, iniciando, mantendo e rematando a interacción adecuadamente, expresando e defendendo con certa precisión as súas opinións, proporcionando explicacións, argumentos e comentarios adecuados, e avaliando propostas alternativas.

Colaborar para lograr un obxectivo, esbozando un asunto ou un problema cun bo grao de fluidez e claridade, malia algúns erros esporádicos, especulando sobre causas e consecuencias e comparando as vantaxes e desvantaxes de diferentes enfoques.

Participar nunha entrevista con fluidez e naturalidade proporcionando información complementaria, con pouca axuda ou obténdoa do seu interlocutor malia algúns erros que non interfiren na comunicación.

2.2.1.3. Comprensión de lectura.

Comprender a información específica de textos instrutivos de carácter xeral e riqueza léxica, e sobre temas da propia especialidade que conteñan expresións, estruturas e locucións idiomáticas moi frecuentes no campo de especialización de que se trate, sempre que poida reler ou usar materiais que axuden a realizar unha interpretación correcta.

Ler de forma autónoma informes, textos xornalísticos, literarios e de divulgación científica relativos a temas actuais e en que os/as autores/as adoptan posturas e puntos de vista concretos.

Ler textos relativos á interacción social persoal ou profesional, captando o sentido esencial de xeito que lle permita reaccionar adecuadamente.

Utilizar estratexias variadas que faciliten a comprensión, superando as limitacións dos recursos lingüísticos propios.

2.2.1.4. Expresión e interacción escrita.

Escribir textos de diversa extensión relacionados con temas propios dos ámbitos persoal, público, educativo e profesional, salientando os aspectos importantes e expresando as propias opinións claramente e con razoable precisión.

Escribir textos breves e precisos que conteñan abreviadamente o esencial de textos propios dos ámbitos profesional, público e educativo.

Compoñer textos en que se razoe a favor ou en contra ofrecendo unha visión panorámica e á vez crítica sobre producións ou eventos dos ámbitos público e profesional.

Escribir textos que transmitan información obxectiva centrándose en comunicar algún coñecemento e mantendo a divulgación da información como intención principal do texto.

2.2.2. Avanzado 2.

2.2.2.1. Comprensión oral.

Comprender monólogos sostidos extensos emitidos en declaracións públicas, conferencias, charlas, informes e outras formas de presentación pública, académica e profesional lingüisticamente complexas.

Comprender unha gama ampla de textos audiovisuais en lingua estándar, aínda que sexan emitidos en condicións físicas que supoñan algunha dificultade para a comprensión, sendo quen de identificar os puntos de vista e as actitudes dos falantes.

Comprender con detalle o que se lle di cara a cara en conversas e transaccións lingüisticamente complexas, en lingua estándar, mesmo nun contorno ruidoso.

Comprender con detalle declaracións e mensaxes, avisos e textos instrutivos lingüisticamente complexos, en lingua estándar, mesmo con ruído de fondo.

2.2.2.2. Expresión e interacción oral.

Participar en entrevistas de xeito eficaz, con fluidez e naturalidade, tomando a iniciativa e mesmo saíndo das preguntas preparadas, dando respostas interesantes e información complementaria.

Falar en público sobre unha ampla gama de temas xerais ou relacionados coa súa especialidade, con descricións e argumentos desenvolvidos sistematicamente e cadeas argumentais razoadas, poñendo énfase nos aspectos significativos e ofrecendo detalles relevantes que sirvan de apoio á exposición, con claridade, fluidez e certa facilidade de expresión, afastándose espontaneamente, se procedese, dun texto preparado.

Participar activamente, con fluidez, naturalidade e eficacia en interaccións formais e informais sobre a maioría de temas xerais e da súa profesión defendendo liñas argumentais complexas de xeito convincente, dando suxestións e sintetizando información e argumentos procedentes de varias fontes.

Contribuír ao progreso dun traballo ou dunha negociación expoñendo con claridade, fluidez e espontaneidade unha situación dada e as súas ideas e propostas sobre ela, desenvolvendo con precisión e eficacia a súa argumentación.

2.2.2.3. Comprensión de lectura.

Comprender con suficiente detalle instrucións extensas e complexas relativas a distintos ámbitos, así como textos legais habituais da súa vida social, sempre que poida reler as partes difíciles.

Ler de forma autónoma informes, textos xornalísticos, literarios e de divulgación científica, aínda que non sexan da súa especialidade, relativos a temas actuais, e comprender información, argumentos, ideas e opinións de fontes especializadas dentro de seu campo de interese.

Ler correspondencia formal e informal relativa a todos os ámbitos da vida social captando a información esencial e os detalles necesarios para poder reaccionar adecuadamente.

Identificar con rapidez o esencial e detalles relevantes en textos de extensión variada e complexos que versen sobre unha ampla serie de temas con que se estea familiarizado, para realizar con éxito tarefas relativas aos ámbitos tanto persoal e público como en relación coas necesidades específicas de carácter profesional e educativo.

2.2.2.4. Expresión e interacción escrita.

Escribir textos nos cales se transmita información e ideas sobre temas, tanto abstractos como concretos, propios dos diferentes ámbitos, se expliquen problemas ou se argumente sobre eles apoiando os puntos de vista con detalles e exemplos adecuados, e con suficiente claridade e adecuación do rexistro.

Escribir informes sobre unha variedade de temas xerais ou relacionados coa propia especialidade nos cales se expoñan uns feitos pasados ou previstos, e se emitan consideracións sobre eles, achegando algún tipo de conclusión e recomendación.

Escribir textos que sinteticen información procedente de varias fontes relativas aos ámbitos profesional, público e educativo, axustándose a un formato e rexistro axeitados.

Tomar notas ou elaborar esquemas durante unha explicación, conferencia ou evento que permitan reconstruír a continuidade temática do texto ou suceso orixinal.

3. Contidos xerais básicos.

3.1. Competencias xerais.

Os contidos corresponden ás competencias parciais de diversos tipos que o alumnado deberá desenvolver para alcanzar os obxectivos establecidos para este nivel avanzado.

Estes contidos relaciónanse a continuación en epígrafes independentes, aínda que en situacións reais de comunicación todas as competencias parciais se activan simultaneamente. Por iso, no proceso de ensino e aprendizaxe deberán integrarse nun todo significativo a partir dos obxectivos propostos para cada destreza, de maneira que o alumnado adquira as competencias necesarias a través das actividades e tarefas comunicativas que se propoñan.

3.1.1. Contidos nocionais.

A seguinte listaxe inclúe as nocións xerais, é dicir, aquelas que un falante pode necesitar en calquera situación de comunicación. Son, pois, os conceptos básicos de que se desagregarán as subcategorías correspondentes cos seus expoñentes lingüísticos en cada idioma para os cursos Nivel Avanzado 1 e Nivel Avanzado 2.

3.1.1.1. Entidades: expresión das entidades e referencia a elas.

3.1.1.2. Nocións existenciais: existencia/non existencia, presenza/ausencia, dispoñibilidade/non dispoñibilidade, calidade xeral, acontecemento, certeza/incerteza, realidade/ficción, necesidade/continxencia/obriga, xeneralidade/especialidade.

3.1.1.3. Nocións cuantitativas: cantidade numérica, cantidade relativa, aumento, diminución, proporción, grao, medidas (medidas xerais, talle, tamaño, distancia, velocidade, peso, superficie, volume, capacidade, temperatura, presión).

3.1.1.4. Nocións espaciais: localización, posición absoluta, posición relativa, distancia, movemento, estabilidade, orientación, dirección, orde, orixe.

3.1.1.5. Nocións temporais: referencias xerais, localización no tempo (presente, pasado e futuro), aspectos de desenvolvemento (simultaneidade, anterioridade, posterioridade, puntualidade, anticipación, atraso, inicio, finalización, continuación, repetición, duración, transcurso, frecuencia, cambio, permanencia, intermitencia, singularidade).

3.1.1.6. Nocións cualitativas: formas e figuras, dimensións, consistencia, resistencia, textura, acabado, humidade, sequidade, materia, visibilidade, audibilidade, sabor, olor, cor, impresións ao tacto, idade, vellez, accesibilidade, limpeza.

3.1.1.7. Nocións avaliativas: avaliación xeral, valor, prezo, atractivo, calidade, aceptabilidade, adecuación, conformidade, corrección, precisión, claridade, interese, éxito, logro, utilidade, uso, capacidade, competencia, importancia, normalidade, facilidade.

3.1.1.8. Nocións mentais: reflexión, coñecemento, expresión verbal.

3.1.1.9. Nocións relacionais: similitude/contraste, posesión e propiedade, relacións entre accións e sucesos.

3.1.1.10. Nocións lóxicas: conxunción/disxunción, alternancia, equivalencia, oposición/concesión, inclusión/exclusión, comparación, condición, dedución, causa, intención/finalidade, consecuencia/efecto, centrar un tema.

3.1.2. Contidos sociolingüísticos e socioculturais.

O alumnado deberá adquirir un coñecemento da sociedade e da cultura das comunidades en que se fala o idioma obxecto de estudo, xa que unha falta de competencia neste sentido pode facer fracasar a comunicación. Estes contidos derivan da competencia sociolingüística e sociocultural.

A competencia sociolingüística comprende o coñecemento e as destrezas necesarias para abordar a dimensión social do uso da lingua. Refírese ás destrezas e ás condicións socioculturais relacionadas co uso da lingua: normas de cortesía; variacións lingüísticas segundo a idade, sexo, clases, profesións e grupo social; os usos rituais; refráns e modismos; dialectos e acentos da lingua meta. Pola súa parte, a competencia sociocultural baséase no coñecemento da sociedade e cultura da comunidade ou comunidades en que se fala o idioma, que vai desde aspectos propios do desenvolvemento da vida diaria ata as convencións sociais, os comportamentos rituais e a linguaxe corporal.

O alumnado do nivel avanzado deberá ser quen de expresarse adecuadamente nunha lingua sociolingüísticamente apropiada ás situacións de comunicación e adquirir a capacidade de abordar a variedade da fala, ademais dun maior control sobre rexistros e modismos.

Posto que a lingua é un fenómeno social, gran parte dos contidos que forman parte da competencia sociolingüística encádrase nos contidos correspondentes aos diferentes ámbitos ou áreas ligados á competencia sociocultural.

Os contidos que se recollen nesta epígrafe deben ser obxecto de adaptacións segundo cada lingua e cultura meta. Desenvolveranse ao longo dos cursos Avanzado 1 e Avanzado 2 de acordo cos obxectivos propios de cada un deles.

3.1.2.1. Contidos sociolingüísticos.

3.1.2.1.1. Marcadores lingüísticos de relacións sociais:

-Uso e elección do saúdo.

-Uso e elección das formas de tratamento.

-Convencións para as quendas de palabra.

-Uso e elección de interxeccións e frases interxectivas.

3.1.2.1.2. Normas de cortesía:

-Cortesía positiva (mostrar interese por unha persoa, compartir experiencias e preocupacións, expresar admiración, afecto; prometer favores e servizos, etc.).

-Cortesía negativa (evitar comportamentos ameazantes ordes, dogmas, expresións categóricas, etc.; expresar arrepentimento, desculparse; utilizar enunciados evasivos).

-Descortesía (brusquidade, franqueza, desprezo, antipatía, queixa forte e reprimenda, ira, impaciencia, afirmación de superioridade).

3.1.2.1.3. Estereotipos e modismos populares:

-Refráns de uso moi frecuente.

-Modismos habituais.

-Expresións coloquiais.

-Expresións de crenzas, actitudes e valores.

3.1.2.1.4. Rexistros:

-Neste nivel espérase que o alumnado sexa capaz de recoñecer e usar expresións propias dos rexistros neutral, solemne, formal, informal, familiar, profesional.

-Diferenzas entre a lingua escrita e oral.

3.1.2.1.5. Dialectos e acentos:

-Marcadores lingüísticos de: clase social, orixe nacional, grupo étnico, grupo profesional.

3.1.2.2. Áreas do ámbito sociocultural que se terán en conta:

3.1.2.2.1. A vida cotiá: cociña e alimentos, convencións sociais e comportamentos nos distintos establecementos; festividades, celebracións e vacacións; horarios laborais e prácticas de traballo; hábitos e afeccións; medios de comunicación.

3.1.2.2.2. Os servizos públicos: comportamentos e uso de instalacións públicas (deportivas, académicas, culturais, sanitarias, etc...) e espazos públicos (prazas, parques, rúas, etc...); mobiliario urbano; mantemento e limpeza de espazos públicos; reciclaxe; protección civil (bombeiros, persoal sanitario, etc.).

3.1.2.2.3. As condicións de vida: atención á infancia, a persoas maiores, minusválidos, inmigrantes, a persoas sen recursos económicos, a persoas maltratadas; ONGs, asociacións e institucións sen ánimo de lucro; corpos e instalacións de seguridade (loita contra a drogadicción, a delincuencia, etc.).

3.1.2.2.4. O contorno xeográfico: relación coa natureza e protección do ambiente; parques naturais e rutas; reservas de biodiversidade; urbanismo e organización xeográfica; política forestal e xestión dos recursos; zonas de costa e de interior.

As relacións persoais: relacións entre sexos; novas formas de relación familiar; relacións de poder e solidariedade; relacións a través das TIC; relacións entre xeracións, relacións con outras clases sociais, razas e comunidades; citas e encontros; saúdos entre coñecidos e descoñecidos; normas de cortesía; grao de permisividade co comportamento dos nenos nos lugares públicos.

3.1.2.2.5. Valores, crenzas e actitudes respecto a: grupos profesionais, riqueza, culturas rexionais, seguridade, política, institucións, minorías, identidade nacional, países, estados e pobos estranxeiros.

3.1.2.2.6. As convencións sociais: vestimenta, protocolos, ofrecer e recibir hospitalidade, ofrecer e pedir axuda, invitar, prestar cousas e cartos, etc.; asistir a convencións, conmemoracións e actos sociais.

3.1.2.2.7. O comportamento ritual: cerimonias e prácticas relixiosas (bautizos, vodas, velorio, etc.); comportamento en representacións e cerimonias públicas; celebracións, festividades, bailes, etc.

3.1.2.2.8. A linguaxe corporal.

3.1.2.2.9. Lingua e sociedade: interferencias lingüísticas; recoñecemento doutras linguas (linguas minoritarias, linguas que comparten o mesmo territorio); promoción e conservación doutras linguas; o plurilingüismo.

3.2. Competencias comunicativas.

3.2.1. Competencias lingüísticas.

3.2.1.1. Contidos léxico-semánticos: o repertorio léxico deste nivel tanto nas actividades lingüísticas de produción como de comprensión estará presente nos contextos a que se refiren os obxectivos especificados para o Nivel Avanzado 1 e o Nivel Avanzado 2. Este repertorio desenvolverase considerando os seguintes campos semánticos:

-Identificación persoal.

Datos persoais.

Títulos e tratamentos.

Actividade profesional e ocupación.

Documentación.

Biografía: etapas da vida.

Sentimentos e estados de ánimo.

Sensacións e percepcións físicas.

Valores persoais.

Gustos e centros de interese.

-Vivenda e fogar.

Construción.

Compra e aluguer.

Mudanza e instalación.

Tipos de residencia.

Equipamento, decoración e mantemento.

Contorno sociocultural, físico e económico.

-Viaxes.

Motivacións e obxectivos.

Experiencias persoais.

Problemas e incidencias.

A condución: normas de circulación, mantemento e reparación de vehículos, seguros.

Modas e tendencias turísticas.

-Relacións humanas e sociais.

A familia.

Celebracións e actos familiares, sociais e relixiosos.

Actitudes e formas de comportarse.

Asociacións.

-Saúde e coidados físicos.

Protección social.

Medicina tradicional e alternativa.

Estética.

-Traballo.

Profesións e cargos.

Lugares, ferramentas e roupa de traballo.

Tarefas que se desenvolven no traballo.

Desemprego e busca de traballo.

Condicións laborais.

Dereitos e obrigas laborais.

Conflitos no traballo.

Organizacións e asociacións laborais.

Seguridade e riscos laborais.

-Educación.

Sistema educativo.

Innovacións.

Problemas e conflitos.

-Actividades económicas.

Finanzas e bolsa.

Impostos e renda.

Comercio.

Entidades e empresas.

Industria e enerxía.

-Alimentación.

Dieta e nutrición.

Gastronomía.

-Información e medios de comunicación.

Prensa escrita.

Televisión e radio.

Internet.

-Clima e ambiente.

Paisaxe urbana e rural.

Clima.

Natureza.

Desastres naturais.

Ecoloxía e problemas ambientais.

-Ciencia e tecnoloxía.

Avances científicos e tecnolóxicos.

Cuestións éticas e filosóficas.

Tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

-Política e sociedade.

Institucións.

Formas de goberno, sistemas políticos e de goberno.

Conflitos e movementos sociais.

Xustiza.

Modas e tendencias sociais.

-Actividades artísticas.

Música e danza.

Arquitectura, pintura e escultura.

Literatura.

Fotografía.

Cine e teatro.

Novas manifestacións artísticas.

Artesanía.

3.2.1.2. Contidos gramaticais (ver anexo B).

3.2.1.3. Contidos ortográficos (ver anexo B).

3.2.1.4. Contidos fonéticos (ver anexo B).

3.2.2. Competencia sociolingüística.

Un enfoque centrado no uso do idioma supón necesariamente a súa dimensión social. O alumnado deberá adquirir as competencias sociolingüísticas que lle permitan comunicarse con efectividade ao nivel especificado.

3.2.2.1. Contidos sociolingüísticos: marcadores lingüísticos de relacións sociais, normas de cortesía, estereotipos e modismos populares, rexistros, dialectos e acentos.

3.2.3. Competencias pragmáticas.

As competencias pragmáticas refírense ao coñecemento dos principios segundo os cales as mensaxes se utilizan para realizar funcións comunicativas («competencia funcional»), se organizan, se estruturan e se ordenan («competencia discursiva»), e se secuencian segundo esquemas de interacción e de transacción («competencia organizativa»).

3.2.3.1. Contidos funcionais.

Os contidos funcionais que se presentan responden aos obxectivos dos cursos Nivel Avanzado 1 e Nivel Avanzado 2 e formúlanse en termos de expresión, pero considérase que inclúen tamén a comprensión e a interacción respectivas.

3.2.3.1.1. Funcións ou actos de fala asertivos, relacionados coa expresión do coñecemento, a opinión, a crenza e a conxectura: afirmar; anunciar; apostilar; asentir; atribuír; clasificar; confirmar a veracidade dun feito; conxecturar; corroborar; describir; desmentir; disentir; expresar acordo e desacordo; expresar descoñecemento; expresar dúbida; expresar escepticismo; expresar unha opinión; formular hipóteses; identificar e identificarse; informar; obxectar; predicir; rebater; lembrarlle algo a alguén; rectificar; replicar; supoñer.

3.2.3.1.2. Funcións ou actos de fala compromisivos, relacionados coa expresión de ofrecemento, intención, vontade e decisión: acceder; admitir; consentir; expresar a intención ou vontade de facer algo; invitar; xurar; negarse a facer algo; ofrecer algo; ofrecer axuda; ofrecerse a facer algo; prometer; retractarse.

3.2.3.1.3. Funcións ou actos de fala directivos, que teñen como finalidade que o/a destinatario/a faga ou non faga algo, tanto se isto é á súa vez un acto verbal como unha acción doutra índole: aconsellar; advertir; alertar; ameazar; animar; autorizar; dar instrucións; dar permiso; demandar; denegar; desanimar; desestimar; dispensar ou eximir a alguén de facer algo; disuadir; exixir; intimidar; ordenar; pedir algo (axuda, confirmación, consello, información, instrucións, opinión, permiso, que alguén faga algo); negarlle permiso a alguén; persuadir; previr a alguén en contra de algo ou de alguén; prohibir; propoñer; reclamar; recomendar; lembrarlle algo a alguén; restrinxir; solicitar; suxerir; suplicar.

3.2.3.1.4. Funcións ou actos de fala fáticos e solidarios, que se realizan para establecer ou manter o contacto social e expresar actitudes respecto dos demais: aceptar e declinar unha invitación; agradecer; atraer a atención; compadecerse; dar a benvida; despedirse; expresar condolencia; felicitar; facer cumprimentos; insultar; interesarse por alguén ou por algo; invitar; pedir desculpas; presentarse e presentar alguén; rexeitar; saudar.

3.2.3.1.5. Funcións ou actos de fala expresivos, con que se expresan determinadas situacións: acusar; expresar admiración, ledicia ou felicidade, aprecio ou simpatía, aprobación e desaprobación, confianza e desconfianza, decepción, desinterese e interese, desprezo, desgusto, dor, dúbida, escepticismo, esperanza e desesperanza, estima, insatisfacción, preferencia, resignación, satisfacción, sorpresa, temor, tristeza; defender; exculpar; lamentar; reprochar.

3.2.3.2. Contidos discursivos.

Nestes niveis máis altos de dominio, a competencia discursiva debe permitir ordenar oracións en secuencias para producir fragmentos coherentes de lingua, comprendendo o coñecemento da ordenación de oracións e a capacidade de controlar esa ordenación en función da tipoloxía a que pertenza o texto e de xeito que se perciba este como unha unidade de sentido. O alumnado deberá adquirir, daquela, os contidos discursivos que lle permitan producir e comprender textos adecuados con respecto ao contexto en que se producen, coherentes no seu desenvolvemento temático e cunha cohesión interna que facilite a súa comprensión.

O alumnado deberá adquirir, xa que logo, as competencias discursivas que lle permitan producir e comprender textos atendendo á súa coherencia e á súa cohesión.

Os contidos discursivos estarán baseados nos seguintes aspectos da competencia do discurso:

-A flexibilidade ante as circunstancias, adecuando o texto ao contexto comunicativo: adaptando o que se di e os medios de expresalo á situación e ao receptor, e adoptando un nivel de formalidade axeitado á situación de comunicación.

-O desenvolvemento adecuado da quenda de palabra (tomando, mantendo e cedendo a quenda de palabra amosando un uso eficaz dela).

-O desenvolvemento de descricións, narracións e argumentacións claras ampliando e apoiando os seus puntos de vista sobre os aspectos principais con detalles e exemplos adecuados.

-A coherencia e a cohesión.

3.2.3.2.1. Coherencia textual: adecuación do texto ao contexto comunicativo.

3.2.3.2.1.1. Tipo e formato de texto.

O termo «texto» está empregado neste currículo en sentido amplo e coas características que lle outorga o MECR: «O texto é calquera secuencia de discurso (falado ou escrito) relacionada cun ámbito específico e que durante a realización dunha tarefa constitúe o eixe dunha actividade de lingua, ben como apoio ou meta, ben como produto ou como proceso». Este punto inclúe un repertorio único de textos orais e escritos. A complexidade de cada un deles deberá ser adaptada aos obxectivos propios do nivel.

3.2.3.2.1.1.1. Textos orais.

Adiviñas.

Anuncios publicitarios na radio e na televisión e informacións por megafonía.

Cancións.

Conferencias, relatorios, presentacións e declaracións públicas.

Conversas cara a cara e en grupo: formais e informais, transaccionais.

Conversas telefónicas: formais e informais; transaccionais.

Debates e discusións públicas.

Discursos e conferencias.

Discusións formais.

Enquisas e cuestionarios.

Entrevistas laborais, académicas, médicas, xornalísticas.

Instrucións.

Instrucións e indicacións detalladas.

Mensaxes en contestadores automáticos.

Representacións teatrais.

Reunións de traballo.

Textos audiovisuais: películas, programas de TV ou de radio, noticias, informativos, documentais, material gravado.

Textos humorísticos: chistes, etc.

3.2.3.2.1.1.2. Textos escritos.

Actas.

Adiviñas.

Anuncios publicitarios (en valados e paneis, na prensa escrita, internet, etc.) e anuncios por palabras.

Biografías.

Catálogos.

Bandas deseñadas e tiras cómicas.

Composicións escritas.

Convocatorias.

Correspondencia persoal e formal (cartas comerciais, reclamacións, pedidos, faxes, mensaxes electrónicas, invitacións, felicitacións, condolencias, agradecemento, escusa, etc.).

Currículo.

Dicionarios e tesaurus. Dicionarios monolingües.

Documentos comerciais (acordos, contratos, facturas, albarás, cartas comerciais, extractos bancarios).

Documentos oficiais ou legais (formularios, impresos, instancias, avisos, denuncia, solicitude, reclamación, recurso, citación...).

Enquisas e cuestionarios.

Guías de viaxe.

Guións.

Informes.

Libros de texto.

Manuais de instrucións e prospectos.

Memorias e informes.

Mensaxes en foros virtuais, blogs, etc.

Receitas de cociña.

Recensións en xornais e revistas.

Regulamentos e instrucións públicas.

Resumos e sínteses. Apuntamentos.

Textos humorísticos: chistes, etc.

Textos literarios (contos, relatos breves, novelas, poemas, obras teatrais).

Textos xornalísticos (noticias, reportaxes, crónicas, cartas ao director, artigos de opinión, editoriais, necrolóxicas, recensións, entrevistas).

Traballos escolares e académicos.

3.2.3.2.1.2. Variedade de lingua estándar.

3.2.3.2.1.3. Rexistro formal e informal.

3.2.3.2.1.4. Tema: presentación dun tema unitario; inexistencia de reiteracións e digresións que se afasten do tema. Enfoque e contido: selección léxica; selección de estruturas sintácticas; selección adecuada de información; información suficiente; selección de contido relevante; presentación de enunciados claros e que non se contradigan; presentación de enunciados aceptables segundo o coñecemento que temos do mundo.

3.2.3.2.1.5. Contexto espazo-temporal: referencia espacial. Referencia temporal.

3.2.3.2.1.6. Desenvolvemento temático: organización lóxica das ideas. Introdución de subtemas (ordenación adecuada e xerarquización das ideas principais e secundarias). Expansión temática: exemplificación. Reforzo. Contraste.

3.2.3.2.1.7. Mantemento e seguimento do discurso oral: toma, mantemento e cesión da quenda de palabra. Apoio, demostración de entendemento, petición de aclaración, etc.

3.2.3.2.1.8. Cambio temático: digresión. Recuperación de tema.

3.2.3.2.2. Cohesión textual: organización interna do texto. Inicio, desenvolvemento e conclusión da unidade textual.

3.2.3.2.2.1. Repeticións de tipo léxico e semántico (uso de sinónimos, antónimos, hiperónimos, hipónimos).

3.2.3.2.2.2. Correferencias (posesivos, demostrativos, concordancia de tempos verbais…) e elipses.

3.2.3.2.2.3. Marcadores discursivos: de adición, que suman unhas ideas a outras; oposición e restrición, que introducen relacións de contraste ou contradición; causalidade e consecuencia, que establecen relacións de causa e efecto; reformulación ou aclaración, que enuncian novamente o contido; de relación espacial e temporal; de ordenación do discurso, que sinalan as partes do discurso (presentación, continuación, cambio de tema, digresión, enumeración, peche).

3.2.3.2.2.4. Marcadores de función pragmática: vocativos e apelacións que fan referencia ao destinatario, comentarios oracionais, que informan da actitude do falante.

3.2.3.2.2.5. Signos de puntuación.

3.2.3.2.2.6. Recursos da entoación e das pausas para marcar as unidades discursivas e as relacións de sentido (correspondencia entre unidades melódicas e signos de puntuación, identificación e produción dos patróns melódicos propios dos actos de fala, alongamentos fónicos e pronuncia enfática).

3.3. Competencia estratéxica.

A competencia estratéxica pon en marcha os procesos cognitivos que posibilitan o desenvolvemento da capacidade de aprender autonomamente e da capacidade de uso eficaz da lingua dela resultante, que leva consigo a superación das dificultades que poidan xurdir ao longo da comunicación. Cómpre axudar o alumnado a comprender a importancia de establecer esta competencia como base para o desenvolvemento da competencia comunicativa e para dirixir a propia aprendizaxe de forma consciente e autónoma.

Forman parte da competencia estratéxica as diferentes estratexias de aprendizaxe e de comunicación.

3.3.1. Estratexias de aprendizaxe.

3.3.1.1. Estratexias metacognitivas.

Son aquelas que permiten autorregular a propia aprendizaxe, é dicir, planificar, controlar e avaliar o propio proceso de aprendizaxe de xeito que, ao identificar posibles fallos na maneira de aprender, se poida modificar esta. Así, as estratexias metacognitivas permiten identificar o que se sabe, explicar como se aprendeu e dirixir a aprendizaxe para seguir aprendendo.

-Planificar a propia aprendizaxe: identificando necesidades tanto a curto como a longo prazo; establecendo os propios obxectivos con claridade e de forma realista e facéndoos constar sistematicamente (nun diario de aprendizaxe, no PEL, etc.); organizando axeitadamente o tempo persoal para as diferentes actividades de aprendizaxe da lingua; facendo unha estimación das propias capacidades e utilizando as técnicas que mellor se correspondan co propio estilo de aprendizaxe.

-Organizar o material de aprendizaxe: tendo os instrumentos de apoio necesarios (manuais, dicionarios, apuntamentos, etc.); elaborando un caderno de aprendizaxe con distintas seccións: vocabulario, erros máis frecuentes, modismos, etc.

-Autoavaliar o propio proceso de aprendizaxe mediante a identificación das deficiencias e dos logros na realización das tarefas de aprendizaxe.

-Utilizar recursos de aprendizaxe ao alcance: aproveitando a presenza de falantes nativos como modelos de novas estruturas ou expresións; buscando en internet máis información sobre un tema; ao traballar nun proxecto sobre un tema, facéndoo con quen pode ser de axuda no que respecta aos contidos ou á lingua; preguntando ao profesorado; traballando en e-tandem.

3.3.1.2. Estratexias cognitivas.

Estas estratexias operan directamente sobre a nova información, manipulando e transformando a lingua obxecto de aprendizaxe. Son modalidades de traballo intelectual que permiten adquirir, codificar e recuperar a información. Son moi variadas e van desde o uso de técnicas de agrupamento de ideas ou conceptos á repetición para practicar a nova lingua ou asociar a información nova cos coñecementos previos. Son tamén estratexias cognitivas o resumo, as inferencias, a tradución e a toma de notas. Estas últimas forman parte explícita dos obxectivos e dos criterios de avaliación establecidos para este nivel avanzado.

-Referidas á práctica da lingua: repetir; recoñecer e usar modelos de lingua, etc.

-Referidas á recepción e produción de lingua: buscar rapidamente as ideas; utilizar recursos como dicionarios; relacionar a información nova cos coñecementos previos.

-Referidas á análise e razoamento: deducir; establecer relacións entre as linguas coñecidas; elaborar hipóteses de significado.

-Referidas á creación da estrutura necesaria para comprender e producir lingua: tomar notas; resumir.

-Referidas á memorización: agrupar palabras, utilizar imaxes para lembrar; representar sons, etc.

3.3.2. Estratexias de comunicación.

Permiten mobilizar e equilibrar os propios recursos, poñer en funcionamento destrezas e procedementos co fin de satisfacer eficazmente as demandas de comunicación xeradas pola situación de comunicación. A súa finalidade consiste en permitir establecer e manter a comunicación cos medios lingüísticos de que se dispón.

3.3.2.1. Planificación.

Activar ou procurarse coñecementos previos sobre a lingua, a situación, os contidos e as persoas: tomar notas sobre os intereses e os coñecementos previos dos destinatarios. Elaborar unha relación de vocabulario e estruturas. Reunir os propios coñecementos e pensamentos. Informarse de se hai axudas visuais: diagramas, imaxes, modelos.

Tomar consciencia do propio interese e do interese do interlocutor: tomar consciencia de que e canto se quere comprender: (só o contido principal, informacións específicas ou informacións polo miúdo); do que se quere dicir ou escribir, e de con canto detalle; do que o/a interlocutor/a xa podería saber ou do que podería non saber; do que lle podería interesar ou non interesar ao interlocutor e do que podería ser coñecido por todos.

Dispor informacións e recursos de apoio, e dotar os contidos dunha estrutura previa: ordenar os contidos. Preparar listas de vocabulario propias relacionadas cun tema específico (especialidade) ou dicionarios especializados. Revisar e completar notas. Marcar palabras clave e estruturas gramaticais relacionadas cun tema nunha mostra textual.

Adaptar a tarefa ás competencias lingüísticas e persoais, e mais á situación: planificar como se poden expresar os contidos principais cos medios lingüísticos dispoñibles. Aumentar a dificultade dunha tarefa cando existen suficientes informacións e recursos á disposición.

Activar esquemas textuais/elaborar un borrador de estrutura textual: lembrar posibles tipos de textos. Seleccionar fórmulas lingüísticas (por exemplo, a cabeceira nunha carta).

Repetición e práctica: practicar e experimentar con novas expresións e combinacións de expresións e solicitar unha información sobre a súa idoneidade.

Recoñecer as posibles dificultades de comprensión: pensar que factores de distorsión se poderían dar. Informarse sobre a velocidade que cabería esperar dun narrador e sobre a densidade informativa que cabería esperar dun texto. Pensar na propia lingua que vocabulario podería ser importante.

3.3.2.2. Execución, control, reparación.

Construír a partir do coñecemento existente: utilizar regras lingüísticas, expresións e xiros coñecidos. Procurar palabras e xiros coñecidos. Desenvolver un tema cando este é coñecido polo interlocutor. Comparar cos propios coñecementos e coas propias experiencias.

Utilizar os recursos de apoio dispoñibles: consultar a ortografía correcta nun dicionario. Consultar regras de gramática. Utilizar modelos.

Estruturar contidos/textos: organizar cronoloxicamente elementos. Ilustrar enunciados complexos con exemplos. Marcar parágrafos. Parafrasear ou resumir puntos importantes de determinados parágrafos ou fragmentos de textos. Ter en conta signos de puntuación e outros signos de división e cohesión textual. Utilizar signos de puntuación e outros signos de división e cohesión textual.

Estruturar conversas: dirixirse a alguén. Facer uso da palabra mediante avisos oportunos. Manterse no uso da palabra mediante o recheo de pausas ou a utilización de recursos explícitos. Evitar redundancias. Formular enunciados como preguntas e viceversa. Acabar a conversa.

Cooperación: aterse ás convencións en materia de cortesía. Ceder a palabra. Relacionar o expresado por un mesmo co expresado por outro. Remitirse ao expresado por outros. Focalizar o tema. Manter o contacto visual. Sinalar que se comprendeu. Introducir outros nunha conversa.

Compensación e evitación: parafrasear palabras descoñecidas con palabras coñecidas máis sinxelas. Utilizar un concepto xenérico ou unha palabra semanticamente emparentada. Botar man de palabras baleiras, como por exemplo «cousa». Explicar un concepto. Utilizar a linguaxe corporal. Evitar palabras difíciles.

Identificar/deducir indicacións: comprobar indicacións no contexto. Prestar atención aos puntos centrais. Deducir palabras descoñecidas das regras de composición e do contexto. Prestar atención aos elementos non verbais.

Sacar conclusións e facer predicións: facer hipóteses utilizando imaxes, gráficos e fotografías. Establecer hipóteses sobre o contido utilizando informacións paratextuais e paralingüísticas. Deducir e anticipar posicións, intencións e estados de ánimo en relación co que segue no texto, utilizando o contexto e signos gramaticais e léxicos. Sacar conclusións sobre a actitude do falante e sobre o contido baseándose na entoación e na velocidade. Deducir intencións baseándose no volume da voz do falante. Anticipar o que segue (palabra, frase, resposta,...). Adiviñar o que non se comprende e o que non se coñece utilizando os propios coñecementos e experiencias.

Asegurar a comprensión: repetir o comprendido. Preguntar se se di do xeito que un pensa. Prestar atención ás reaccións mímicas e xestuais do interlocutor. Ter en conta as reaccións lingüísticas do interlocutor. Informarse sobre se o comprenderon. Remitirse a outras partes do texto (por exemplo, ler unha vez máis o parágrafo anterior).

Pedir aclaración/aclarar: solicitar repetición ou maior precisión. Pedir que expliquen unha palabra clave. Dicir que non se entendeu algo. Preguntar.

Solicitar axuda: pedir confirmación sobre se unha forma utilizada é correcta. Pedirlle unha explicación a alguén. Pedirlle a alguén unha tradución.

Controlar: prestar atención ás reaccións mímicas e xestuais do interlocutor. Ter en conta as reaccións lingüísticas do interlocutor. Verificar as propias hipóteses. Observar a actitude do interlocutor. Volver a ler ou escoitar un texto tendo en conta determinados aspectos.

Experimentar: utilizar unha palabra ou estrutura nova. Utilizar outra canle, por exemplo escribir un correo electrónico en lugar de facer unha chamada telefónica.

Reparar: comezar de novo a frase. Formular outra vez a frase con locucións como «en realidade quería dicir...». Repetir unha palabra correctamente. Pedir desculpas. Aclarar malentendidos.

4. Criterios de avaliación por destrezas.

4.1. Acceso de Avanzado 1 a Avanzado 2.

Para poder acceder ao Nivel Avanzado 2 as alumnas e os alumnos demostrarán, nas condicións que determine a Administración, que posúen o grao de competencia comunicativa que se describe a seguir:

4.1.1. Comprensión oral.

Comprender a información principal de monólogos sostidos en conferencias, charlas, discursos e noutras formas de presentación pública, académica e profesional referidas a temas coñecidos, desenvolvidos mediante marcadores discursivos explícitos, articulados en lingua estándar, aínda que se deban inferir significados pola presenza dalgunhas expresións idiomáticas pouco habituais.

Con este criterio avalíase a capacidade do alumnado de comprender globalmente exposicións públicas sobre temas que lle son familiares ou directamente relacionados coa súa formación académica ou coa súa actividade profesional. Valorarase un razoable nivel de comprensión do esencial do contido destes textos, así como a familiaridade coa estrutura deste tipo de evento comunicativo (introdución, mantemento do tema, exemplificación, etc. Considerarase que se poden ter dificultades para comprender todas as ideas principais de textos sobre temas especialmente complexos ou cando a organización do discurso non sexa relativamente previsible (por exemplo, se a presentación non ten un acompañamento visual que facilite a tarefa).

Comprender cun grao razoable de precisión e eficacia diferentes tipos de textos en lingua estándar sobre temas de actualidade emitidos pola radio ou a televisión, en películas, representacións teatrais e outros textos audiovisuais, sempre que conteñan elementos redundantes que faciliten a comprensión, estean producidos a un ritmo normal, en boas condicións acústicas, e poidan ser escoitados máis dunha vez.

Con este criterio avalíase a capacidade do alumnado para comprender cunha certa eficacia as liñas argumentais complexas de textos audiovisuais de diferentes tipos e sobre diferentes temas, con desenvolvemento do contido de carácter previsible, adaptando as súas estratexias de comprensión ás características e condicións de recepción dos ditos textos: posibilidade de ter acceso a unha repetición ou de contar co apoio da imaxe, coñecemento previo da organización discursiva dos diferentes textos e xéneros audiovisuais (reportaxes, debates, telexornais…), recensión detallada previa dunha película ou obra teatral, etc. Terase en conta, así mesmo, que as condicións acústicas (ruído de fondo, calidade da gravación, etc.) e a utilización dun rexistro de lingua afastado do estándar poden afectar significativamente o grao de comprensión.

Comprender con eficacia o seu interlocutor en distintas situacións de comunicación en que se fale a un ritmo normal en lingua estándar, cunha pronuncia clara e sobre temas dos ámbitos persoal, público, profesional e académico, aínda que lle custe algún esforzo ou teña que axudarse de preguntas para asegurar a comprensión.

Con este criterio trátase de verificar a capacidade de comprender o que se lle di en conversas ou transaccións complexas (por exemplo, unha reclamación) seguindo a argumentación e comprendendo detalles relevantes en discusións ou debates de certa complexidade lingüística. Tamén se valorará que recoñeza o que os indicios non verbais (xestos, pausas, etc.) así como o ton de voz do interlocutor achegan á mensaxe e á súa comprensión.

Identificar con certa precisión informacións de carácter práctico e aplicación inmediata (avisos, mensaxes, instrucións, etc.) en situacións referidas a temas que resulten familiares nos ámbitos persoal, público, profesional e académico.

Con este criterio trátase de verificar a capacidade de comprender textos como notificacións, anuncios, advertencias, aclaracións, prevencións, consellos e orientacións producidos en diferentes situacións de comunicación e mediante diferentes canles (por exemplo, mensaxes nun contestador, recados transmitidos de viva voz, informacións por megafonía, etc.). Avaliarase tamén a capacidade de comprender instrucións con suficiente detalle como para poder realizar as tarefas necesarias (titoriais audiovisuais en internet, explicacións de viva voz sobre o funcionamento dun aparello, etc.), aínda que se poida necesitar algunha repetición ou aclaración.

Utilizar estratexias para a comprensión das mensaxes orais.

Trátase de verificar con este criterio que o alumnado é quen de inferir significados considerando o contexto verbal e non verbal, os coñecementos previos sobre a situación de comunicación; os coñecementos referenciais sobre o tema, así como de identificar palabras clave, secuencias de sons posibles no idioma de que se trate e a actitude e intención do falante.

4.1.2. Expresión e interacción oral.

Realizar presentacións e declaracións, preparadas previamente, sobre temas xerais ou da súa especialidade, facendo descricións e expoñendo argumentos con claridade, razoando a favor ou refutando un punto de vista concreto, amosando as vantaxes e inconvenientes de varias opcións e achegando información a preguntas complementarias cun grao de fluidez e espontaneidade que non supoña tensión para os seus interlocutores.

Con este criterio preténdese comprobar a capacidade de producir textos descritivos, narrativos e argumentativos, informando, expresando opinións, formulando hipóteses, etc. con precisión léxica, un bo grao de corrección gramatical e cunha pronuncia clara, aínda que con algunha incorrección que non obstaculice a comunicación. Valorarase a capacidade de planificar o que vai dicir ou preguntar, adaptando o discurso ao seu destinatario. Verificarase que se utiliza unha serie de mecanismos de cohesión que permitan crear un discurso claro e coherente, aínda que poida dubidar ou facer unha pausa mentres busca as estruturas e as expresións que precisa. Estas indecisións na fala produciranse, non obstante, dun xeito natural, que non impedirá ao interlocutor solicitar aclaracións ou puntualizacións á súa intervención.

Participar activamente en conversas formais e informais, explicando ou argumentando con claridade os seus puntos de vista, realizando comentarios adecuados sobre os puntos de vista doutras persoas, decantándose razoadamente por unha vía de entre varias propostas e destacando, se cumprise, a importancia persoal de certos feitos e experiencias.

Con este criterio preténdese verificar a capacidade de intervir en conversas con distintos propósitos comunicativos como formular hipóteses, obxectar, rectificar, etc., cunha precisión léxica e gramatical relativamente alta, malia que poida haber algunha confusión ou incorrección que non obstaculice a comunicación malia algúns erros esporádicos e cunha boa fluidez e certa espontaneidade.

Trátase de comprobar a capacidade de se axustar a cambios de tema e de variar a formulación do que quere dicir nesas conversas. Así mesmo, comprobarase a capacidade de iniciar o discurso, tomar a palabra e rematar cando debe aínda que non sexa sempre con elegancia, e de utilizar estratexias para gañar tempo e manter a quenda de palabra mentres pensa o que vai dicir.

Presentar brevemente e con claridade un tema, caso ou acontecemento, especulando sobre as causas e consecuencias e comparando as vantaxes e desvantaxes de diferentes enfoques, así como explicar un problema e indicar que se está disposto a facer concesións ou solicitalas sen molestar involuntariamente aos seus interlocutores.

Con este criterio preténdese verificar a capacidade de negociar conflitos, procurar solucións e colaborar nun traballo para acadar un obxectivo -como organizar un acontecemento, discutir sobre un documento, reparar algo, realizar unha reclamación, etc.- reaccionando adecuadamente e considerando as achegas dos interlocutores, de xeito que contribúa ao desenvolvemento da discusión. Valorarase a capacidade de lograr propósitos comunicativos como acceder, admitir, ofrecerse ou invitar a facer algo, etc. Comprobarase que se emprega con certa fluidez e facilidade de expresión o repertorio lingüístico apropiado, cunha precisión e corrección boas polo xeral malia que poida haber algunha confusión ou incorrección que non obstaculice a comunicación. Verificarase a capacidade de usar paráfrases e circunloquios para disimular carencias de estruturas e vocabulario, así como de corrixir descoidos ou erros se se decata deles ou se da lugar a malentendidos.

Participar en entrevistas estruturadas, como entrevistador ou como entrevistado, sexa preparando e formulando adecuadamente as preguntas para obter a información, sexa mostrando un interese amable polo tema da entrevista e polo entrevistador, respondendo en forma completa ás preguntas, solicitando aclaracións, se é o caso, e pechando positivamente a entrevista.

Con este criterio preténdese verificar a capacidade de participar nunha entrevista como entrevistador ou como entrevistado, realizando funcións comunicativas como presentarse, afirmar, expresar acordo, desacordo, descoñecemento, dúbida, interese, preferencia, etc. Verificarase que se emprega o repertorio lingüístico apropiado, cunha precisión, corrección e pronuncia boas polo xeral malia que poida haber algunha confusión ou incorrección que non obstaculice a comunicación, e con certa fluidez e facilidade de expresión, aínda que se teña que obter algunha pequena axuda do interlocutor.

Expresarse apropiadamente nun rexistro formal e informal adecuado ás diversas situacións de comunicación, seguindo as regras prosódicas -acento, ritmo e entoación- propias do idioma de que se trate, con razoable fluidez, cunha pronuncia clara, con bastante control gramatical e precisión léxica, utilizando estratexias de cooperación na interacción e sen erros importantes de formulación.

Con este criterio preténdese verificar en todas as actividades de expresión e interacción oral a capacidade de falar e interaccionar con claridade e cun ritmo bastante regular, aínda que se poida dubidar facendo algunhas pausas. Valorarase o ton e as inflexións da voz adecuados, e a elección igualmente adecuada do tema e dos termos que o expresan, aínda que certas deficiencias léxicas poidan provocar vacilación e circunloquios. Valorarase o uso de recursos paralingüísticos e todas as demais circunstancias físicas e as actitudes que acompañan a enunciación adecuada das ideas e a reacción ante as ideas dos outros. Terase en conta que se poidan cometer erros gramaticais ou léxicos non significativos nin sistemáticos e que non produzan malentendidos. Valorarase a xestión adecuada da quenda de palabra.

4.1.3. Comprensión de lectura.

Seguir instrucións de certa complexidade e extensión tanto do ámbito público como propio da especialidade, que conteñan conectores textuais de tempo, orde e explicación, e expresións da suxestión, do mandato ou da advertencia, e utilicen un léxico amplo, variado e preciso, aínda que sexa necesario reler e apoiarse para a comprensión en soportes visuais como debuxos, bosquexos e outros.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade de seguir todas as fases en instrucións de certa complexidade relativas a aparellos, programas de software, prospectos e outros textos de carácter instrutivo que pretendan ensinar, aconsellar ou ordenar a realización de accións ou actividades varias. Terase en conta o dominio de vocabulario técnico e o específico da súa especialidade.

Localizar información global e detallada, e distinguir entre feitos, opinións e recomendacións en textos propios de xornais, revistas, guías, páxinas web, novelas, etc. nunha lingua estándar ou nunha variedade de lingua próxima á estándar.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumno para recoñecer globalmente e con detalle a liña argumental no tratamento do asunto presentado e de distinguir entre información, opinión e persuasión, así como comprender en textos literarios as relacións entre os personaxes e os motivos que os impulsan a actuar.

Valorarase igualmente a capacidade de comprender o texto a pesar da distancia sociocultural.

Comprender información esencial de cartas persoais, acordos, contratos, comunicados ou correspondencia institucional e comercial, correos electrónicos, etc. en que aparezan queixas, reclamacións, peticións, concesións, que versen sobre temas xerais e da súa especialidade, e saber reaccionar adecuadamente distinguindo o rexistro máis formal do estándar.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade de identificar o formato do texto (solicitudes, reclamacións, citacións, etc...) a partir dos marcadores lingüísticos propios de cada tipoloxía textual e de recoñecer a información esencial a través de vocabulario, expresións, estruturas e locucións idiomáticas variadas e frecuentes que comuniquen requirimentos, ofrecementos, prazos, procedementos, dereitos, deberes e obrigas, acordos, reaccións, xustificacións, circunstancias de lugar e tempo, etc.

Utilizar diferentes estratexias de lectura como a identificación do contido dun texto escrito coa axuda de elementos textuais e paratextuais (tipografía, deseño gráfico, imaxes...), o uso do contexto, de dicionarios ou a aplicación de regras de formación de palabras para inferir significados e pór comparación de palabras ou frases similares nas linguas que se coñecen.

Con este criterio preténdese comprobar en todas as actividades de lectura a capacidade do alumnado de activar os coñecementos do mundo que posúa para poder anticipar o contido antes e durante a lectura, identificar o tema dun texto coa axuda de elementos textuais e non textuais, activando coñecementos previos sobre un tema adecuados a ese contexto, e recoñecendo as convencións, formas e usos lingüísticos que lle son propios. Valorarase a capacidade de usar as claves identificadas no contexto lingüístico e non lingüístico así como a elaboración, a comprobación e a revisión das hipóteses establecidas e a capacidade de dedución da importancia da mensaxe e das súas partes constituíntes.

Comprobarase especialmente o uso de estratexias de comprensión lectora adecuadas á finalidade da lectura: intensiva, para informarse minuciosamente; selectiva, en busca dunha información específica; extensiva, lectura rápida dun texto longo; e oceánica, para facerse unha idea global do texto. Tamén se valorará a motivación do alumno e a súa capacidade para seleccionar as lecturas en función das súas necesidades e intereses.

4.1.4. Expresión e interacción escrita.

Escribir textos (notas, cartas, reclamacións) en que se solicite e transmita información, se transmitan emocións, se expliquen problemas, se manifesten puntos de vista ou se comuniquen noticias, salientando os aspectos relevantes ou a importancia persoal de feitos e experiencias, con suficiente claridade e adecuando o rexistro á situación de comunicación.

Trátase con este criterio de verificar a capacidade de escribir con claridade textos en que se transmite información xeral e detallada, ou emocións, se expoñen ideas e problemas e se formulan preguntas sobre estes, ou se solicita ou agradece un servizo. Trátase de comprobar igualmente a capacidade de pór de relevo aqueles puntos esenciais para a mellor comprensión ou valoración do expresado. Valorarase un grao relativamente alto de control gramatical, sen erros que produzan malentendidos, e con certa riqueza léxica que amose que se dispón dun amplo vocabulario sobre asuntos relativos á propia especialidade e a temas máis xerais, e que se pode variar a formulación para evitar a frecuente repetición, aínda que as deficiencias léxicas provoquen circunloquios. Valorarase a precisión léxica na medida en que algunha confusión ou incorrección ao seleccionar palabras non obstaculice a comunicación; e, considerarase, así mesmo, a coherencia, a cohesión e a adecuación do rexistro á situación

de comunicación.

Resumir información de diversas fontes, tanto factuais como de ficción, que conteñan unha trama argumental ou secuencia de acontecementos.

Mediante este criterio preténdese avaliar a capacidade de reescribir un texto incluíndo os elementos importantes e obviando as ideas secundarias e redundantes, con vocabulario, frases ou oracións distintas das do devandito texto pero equivalentes en significado, resultando unha versión do texto orixinal organizada, coherente e breve.

Trátase de verificar a capacidade de identificar as ideas principais de cada parágrafo, e de integrar no resumo toda a información, sendo quen de agrupar baixo un único termo xenérico unidades de información, termos ou accións.

Escribir recensións de libros, películas, exposicións e outros eventos dando unha idea xeral deles e reflectindo a interpretación persoal e a valoración crítica.

Trátase de verificar a capacidade de describir con fidelidade un tema, texto, suceso ou evento dando unha idea xeral que permita recoñecelo con claridade, explicando as súas distintas partes ou circunstancias e ofrecendo unha opinión persoal argumentada sobre o seu valor.

Escribir textos informativos en que se dea a coñecer a realidade e como ocorreron os feitos, describindo persoas, estados físicos ou anímicos, procesos, cambios ou sistemas ou narrando acontecementos seguindo a estrutura organizativa propia deste tipo de textos e con independencia da propia maneira de pensar ou de sentir.

Trátase con este criterio de valorar a capacidade de compoñer textos ou anuncios informativos (noticias, reportaxes, artigos de enciclopedia, biografías, monografías científicas, convocatorias, anuncios, avisos publicitarios, informes, etc.) seguindo a estrutura organizativa de introdución breve -desenvolvemento razoablemente longo- e conclusión breve, propia deste tipo de textos, nos cales se faga un uso denotativo da linguaxe, evitando as expresións afectivas, emotivas e estéticas, de modo que o texto sexa claro para todo lector.

Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para compoñer e revisar de xeito autónomo os propios textos.

Trátase con este criterio de avaliar en todas as producións do alumnado unha razoable corrección en que se manifeste un grao suficiente de aprehensión do funcionamento dos mecanismos de cohesión (as familias léxicas, as referencias internas de tipo léxico, os nexos e conectores), da gramaticalidade, da coherencia e da adecuación, utilizando as convencións básicas propias de cada xénero, o léxico apropiado ao contexto e as estratexias de progresión do tema, de maneira que os textos producidos sexan facilmente comprensibles para o/a lector/a. Valorarase que a mensaxe conteña toda a información necesaria e que reflicta con precisión as necesidades ou intencións do emisor.

Tamén se valorará o dominio das normas de presentación dos textos escritos: normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

4.2. Avanzado 2.

Ao final do Nivel Avanzado 2, as alumnas e os alumnos deberán demostrar, nas condicións que determine a Administración, que posúen o grao de competencia comunicativa que se describe a seguir:

4.2.1. Comprensión oral.

Comprender discursos e conferencias extensos, así como outras presentacións propias dos ámbitos público, profesional e académico, seguindo incluso liñas argumentais complexas, sempre que o tema sexa relativamente coñecido, a organización do discurso inclúa marcadores discursivos explícitos e a súa secuencia estea claramente estruturada por parte do falante.

Mediante este criterio preténdese avaliar a comprensión eficaz dun abano de exposicións públicas cun certo nivel de complexidade, tanto na estrutura como no contido, referidas a temas en que se ten algún coñecemento previo ou directamente relacionados coa experiencia xeral académica ou coa actividade profesional. Porén, pode resultarlle difícil en ocasións acadar un bo nivel de comprensión se o discurso non está ben organizado e carece dun fío condutor.

Comprender unha variedade ampla de textos audiovisuais: programas de radio ou de televisión, representacións teatrais e outros textos audiovisuais en lingua estándar, gravados ou retransmitidos por medios técnicos (radio, televisión, internet, etc.), así como a maioría das películas; e identificar as opinións e as actitudes expresadas explicitamente polos falantes xunto co contido informativo ou factual do texto.

Trátase de verificar, con este criterio, a capacidade de comprender textos extensos en lingua estándar transmitidos por diferentes canles. Por exemplo, noticias en directo da radio e da televisión, programas sobre temas da actualidade (concursos, debates, roldas de prensa...), películas, representacións teatrais e outros textos audiovisuais. Valorarase o recoñecemento das opinións e actitudes dos diferentes locutores, e non soamente a capacidade de captar o sentido puramente informativo e factual do texto. Terase en conta que condicións acústicas moi deficientes, unha deficiente organización discursiva ou o uso de estruturas pouco claras e de expresións idiomáticas, coloquiais, dialectais, etc., poden dificultar nalgunha medida a comprensión.

Seguir sen dificultade os pormenores do que se lle di directamente no contexto dunha interacción con falantes que empregan a lingua estándar, aínda que no ambiente haxa ruído de fondo.

Con este criterio trátase de verificar a capacidade de comprender o que se lle di en conversacións e transaccións en lingua estándar a velocidade normal, seguindo a argumentación sen problemas e comprendendo con precisión todos os detalles tanto en interaccións ben organizadas como en conversas sen unha estrutura previsible (cambios frecuentes de tema, interrupcións, solapamentos das quendas de palabra para engadir información ou para presentar outros puntos de vista, fases en que pode haber máis dun tema en paralelo, etc.).

Comprender con precisión textos que conteñan informacións de carácter práctico e aplicación inmediata (avisos, mensaxes, instrucións, etc.) en situacións diversas referidas aos ámbitos persoal, público, profesional e académico, mesmo con restricións debidas a condicións externas (ruídos, interferencias ou distorsións leves).

Con este criterio trátase de avaliar a capacidade de comprender textos producidos en diferentes situacións de comunicación que conteñan informacións precisas (por exemplo, a axenda dun día de traballo, avisos extensos transmitidos por medios técnicos, etc.), así como indicacións complexas (a distribución de tarefas nun equipo de traballo, o funcionamento dun equipamento novo, etc.) con suficiente detalle como para poder realizar con eficacia as tarefas necesarias, aínda que as condicións acústicas non sexan moi boas ou que non poida solicitar que lle repitan a información.

4.2.2. Expresión e interacción oral.

Realizar presentacións e declaracións claras e detalladas, sobre unha ampla gama de temas xerais ou relacionados coa súa especialidade, achegando descricións e argumentos con claridade, precisión e axustando as conclusións ás cadeas argumentais, salientando adecuadamente os aspectos máis significativos e ofrecendo detalles relevantes que sosteñan a intervención, con notable fluidez e certa facilidade de expresión e sendo capaz de desviarse con naturalidade do texto preparado.

Con este criterio preténdese verificar a capacidade de producir textos descritivos, narrativos e argumentativos, informando, expresando opinións, formulando hipóteses, etc., cun léxico amplo e bo control gramatical, aínda que presente erros esporádicos, cunha pronuncia clara e natural. Trátase de valorar igualmente se se empregan con eficacia conectores variados para establecer as relacións entre as ideas e se se mostra unha fluidez e unha facilidade de expresión notables. Valorarase a capacidade de apartarse dun guión preparado para achegar nova información ou seguir outra liña de argumentación proposta ou iniciada por un interlocutor.

Participar activamente en conversas, discusións e debates extensos, sobre a maioría de temas xerais e da súa profesión, para intercambiar información complexa e consellos, expresar as súas ideas e opinións, presentando liñas argumentais con eficacia, especulando sobre causas e consecuencias e recapitulando o dito polos diferentes interlocutores.

Con este criterio preténdese verificar a capacidade de intervir adecuadamente en conversas e debates con propósitos comunicativos como rebater, replicar, retractarse, etc., con precisión léxica e boa corrección gramatical e cunha fluidez e espontaneidade que permite a interacción sen supoñer tensións con falantes nativos. Trátase de comprobar que nesas conversas o alumnado é capaz de formular adecuadamente o tema, establecer un enfoque e axustarse aos cambios de tema, se é o caso, e de reformular o que quere dicir, así como facer hipóteses e responder a elas, propor e avaliar solucións e resumir o dito. Así mesmo, comprobarase a capacidade de iniciar, manter e rematar o discurso adecuadamente facendo uso eficaz da súa quenda de palabra.

Expoñer unha situación, explicar as súas ideas e propostas, convidando, se é o caso, as outras persoas a participar, e negociar desenvolvendo a súa argumentación mediante unha linguaxe persuasiva e establecendo con claridade os límites de calquera concesión que estea disposto a facer.

Con este criterio preténdese verificar -nunha situación comunicativa de colaboración na realización dunha tarefa ou negociación, ou na solución de conflitos, como unha reclamación ou unha petición de responsabilidades- a capacidade de negociar, procurar solucións e colaborar nun traballo para acadar un obxectivo, como organizar un acontecemento, discutir sobre un documento, reparar un aparato, etc., reaccionando adecuadamente e considerando as achegas dos demais de xeito que se contribúa ao logro do obxectivo previsto. Valorarase a eficacia no logro de propósitos comunicativos como persuadir, consentir, corroborar, retractarse, expresar a intención de facer algo, etc. Valorarase a naturalidade facendo comentarios, confirmando a súa comprensión ou invitando os demais a participar. Comprobarase que se emprega o repertorio lingüístico apropiado, cun alto grao de precisión e corrección, malia algún erro esporádico, e que se amosa unha fluidez e facilidade de expresión notables, mesmo en

intervencións relativamente longas e complexas.

Participar en entrevistas, como entrevistador ou como entrevistado, sexa preparando e formulando adecuadamente as preguntas para obter a información máis oportuna e seguir un guión flexible que, partindo dun esquema base, permita conseguir fluidez, e orientando a conversación de acordo co tipo de entrevistado, sexa mostrando un interese amable polo tema da entrevista e polo entrevistador, respondendo en forma completa ás preguntas, tomando a iniciativa, dando respostas relevantes e pechando positivamente a interacción.

Con este criterio preténdese comprobar a capacidade tanto de dirixir unha entrevista preparada previamente e improvisar preguntas sobre puntos importantes que xurdan á marxe do guión e xeradas pola interacción persoal, como de participar en entrevistas como entrevistado. Valorarase a realización de funcións comunicativas como presentar a alguén, confirmar, desmentir, expresar acordo, desacordo, descoñecemento, escepticismo, sorpresa, dar e pedir opinións, etc. Verificarase que se utilizan recursos paralingüísticos adecuados -xestos, expresións faciais, posturas, contacto visual- e que se emprega o repertorio lingüístico apropiado, cun alto grao de precisión e corrección, malia algún erro non sistemático, e que se amosa unha fluidez e facilidade de expresión notables -mesmo en intervencións relativamente longas e complexas-, e unha pronuncia clara e natural.

Expresarse apropiadamente nun rexistro formal e informal adecuado ás diversas situacións de comunicación, respectando as regras prosódicas -acento, ritmo e entoación- propias do idioma de que se trate, con fluidez, cunha pronuncia clara e natural, cun bo control gramatical e precisión léxica, utilizando estratexias de cooperación na interacción e sen erros importantes de formulación.

Con este criterio preténdese verificar en todas as actividades de expresión e interacción oral a capacidade de falar e interaccionar con claridade e certa facilidade utilizando o ton e as inflexións da voz e ritmo adecuados, facendo a elección adecuada do tema e dos termos que o expresan, aínda que certas deficiencias léxicas poidan provocar vacilación e circunloquios. Valorarase o uso de recursos paralingüísticos e todas as demais circunstancias físicas e as actitudes que acompañan a enunciación adecuada das ideas e a reacción ante as ideas dos outros. Terase en conta que se poidan cometer erros gramaticais ou léxicos non significativos nin sistemáticos e que non produzan malentendidos. Valorarase a xestión adecuada da quenda de palabra e a utilización natural de locucións e frases feitas que permitan gañar tempo e manter a quenda mentres se elabora o que se pretende dicir.

4.2.3. Comprensión de lectura.

Identificar e comprender detalles específicos de textos que conteñan instrucións longas e complexas relativas ao ámbito persoal, público, educativo e profesional, nas cales se consideren condicións, advertencias, consecuencias e situacións hipotéticas, aínda que precise reler varias veces as pasaxes máis complexas.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade de seguir as fases detalladas nas instrucións ou en textos legais habituais, como un contrato de aluguer, no cal se comprobará a capacidade de identificar e comprender detalles técnicos relevantes e as principais consecuencias. Valorarase igualmente a capacidade de comprender normativas ou regulamentos extensos, manuais, libros de estilo, etc., e terase en conta o dominio de vocabulario técnico e específico.

Identificar información global e detallada en xornais, revistas, guías, páxinas web, prospectos, novelas, bandas deseñadas, blogs, etc. nos cales se adopten posturas ou puntos de vista concretos ante acontecementos ou problemas, se especule sobre causas e efectos, se avalíen propostas alternativas e vantaxes e desvantaxes de varias opcións ou teorías.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade de distinguir entre feitos, opinións, argumentos, sucesos, etc., así como de interpretar o que le, identificando con precisión os argumentos dos distintos puntos de vista e comprendendo os matices de sentido e de opinión ante puntos de vista e posturas concretas.

Valorarase igualmente a capacidade de comprender o texto malia a distancia sociocultural.

Comprender información esencial e detalles relevantes en cartas, faxes, correos electrónicos, outras formas de interacción escrita en que aparezan queixas, reclamacións, peticións, concesións, negociacións, citacións, etc. e que versen sobre temas da vida social, persoal e da propia especialidade e saber reaccionar adecuadamente.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade de identificar a intención do texto (solicitar, reclamar, citar, etc...) e de comprender vocabulario, expresións e estruturas que comuniquen requirimentos, ofrecementos, prazos, procedementos, dereitos, deberes e obrigas, acordos, reaccións, xustificacións, circunstancias de lugar e tempo, etc. sendo quen de reaccionar, en consonancia co propósito comunicativo, á vista da información esencial e dos detalles relevantes do texto de que se trate.

Localizar rápida e facilmente o significado esencial tanto en noticias breves como en artigos, informes, etc. extensos e complexos sobre temas concretos e abstractos e deducir a información máis relevante para levar a cabo as intencións comunicativas dunha tarefa que se lle solicite nos ámbitos persoal, público, profesional e educativo.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumnado de identificar e seleccionar información concreta e abstracta en textos complexos de diversa extensión, relativos a temas propios dos diferentes ámbitos sociais, coa finalidade de considerar a importancia dos textos para realizar adecuadamente unha tarefa comunicativa como preparar unha conferencia, redactar un artigo ou un informe, elaborar protocolos, plans de actuación, actas, memorias, etc. ou para aumentar a cultura persoal.

Valorarase o control gramatical e un amplo vocabulario activo de lectura, así como o dominio de aspectos relativos ao uso da lingua como a propiedade e a precisión.

4.2.4. Expresión e interacción escrita.

Escribir textos expositivos, explicativos e argumentativos en que se desenvolvan argumentos, se comenten puntos de vista propios ou doutras persoas; ou se solicite ou transmita información salientando os aspectos que se consideran importantes e achegando detalles e exemplos adecuados e expresándose con concisión, precisión e adecuación.

Trátase con este criterio de avaliar a capacidade de redactar textos como reclamacións, curricula vitae, solicitudes e instancias, cartas ao director, artigos de opinión, etc. sobre temas xerais, usando o rexistro adecuado e unha organización clara do contido e con exactitude no uso do vocabulario. Valorarase a progresión temática adecuada e o uso de estruturas, conectores e locucións que permiten diferenciar información e opinión, empregando para iso oracións complexas e manifestando un grao relativamente alto de control gramatical. Valorarase o emprego de circunloquios e paráfrases para compensar carencias de vocabulario e dificultades no uso de certas estruturas. Terase en conta que non comete erros que produzan malentendidos.

Escribir cartas comunicando con eficacia información, noticias, ideas e puntos de vista sobre temas tanto abstractos como concretos e establecendo unha relación con puntos de vista doutras persoas; ou solicitando ou transmitindo información relacionada con servizos ou outros ámbitos das relacións sociais, adaptando a súa expresión e os medios de expresalo á situación de comunicación.

Trátase de verificar a capacidade de escribir cartas propias dos ámbitos persoal, público e profesional cunha gran variedade de propósitos comunicativos, expresándose con claridade e sen manifestar ostensiblemente que se teña que limitar o que se quere dicir: manifestando un bo control gramatical, aínda que nalgunha ocasión poida ter descoidos esporádicos, erros non sistemáticos e pequenos e escasos fallos na estrutura da frase. Valorarase que se dispoña dun amplo vocabulario sobre asuntos relativos a temas xerais e se varíe a formulación para evitar a frecuente repetición. A precisión léxica deberá ser alta e sen confusións ou incorreccións que obstaculicen a comunicación, aínda que algunhas deficiencias léxicas provoquen circunloquios.

Redactar un informe claro e detallado sobre temas xerais ou relacionados coa súa especialidade expoñendo información e avaliándoa mediante argumentos a favor ou en contra, salientando os aspectos significativos, explicitando as vantaxes e inconvenientes de diferentes opcións e formulando propostas ou conclusións cunha linguaxe clara e persuasiva en que os problemas de intelixibilidade son pouco frecuentes.

Trátase de verificar a capacidade de escribir informes describindo detalladamente unha situación ou un feito, avaliando a información manexada previamente e achegando posibles solucións ou explicacións. Valorarase o uso do rexistro axeitado, a organización da información adecuada ás características deste tipo de textos e o uso apropiado das estruturas lingüísticas. O resultado deberá ser un texto coherente e cohesivo, no cal só ocasionalmente se cometen erros ao utilizar estruturas complexas de certa dificultade, e cuxas principais características serán a claridade e intelixibilidade e unha presentación propia deste tipo de texto (como, por exemplo, portada, índice -se é o caso- introdución, feitos, consideracións e conclusións).

Redactar textos que sinteticen outros textos destacando os aspectos máis importantes, organizando a información de forma xerárquica, salientando palabras clave e diferenciando entre ideas principais e secundarias, así como resumir fragmentos de noticias, entrevistas ou documentais que conteñan opinións, argumentos e análises.

Trátase de verificar a capacidade de producir textos como actas, convocatorias, regulamentos sinxelos e resumos que sinteticen información manexada ou recibida previamente, utilizando un rexistro neutro ou formal adecuado ao contexto do ámbito social. Valorarase que o texto producido sexa breve, e a precisión lingüística e organización da información adecuada a este tipo de textos.

Tomar notas con palabras clave, abreviaturas, esquemas, mapas semánticos, etc. que reflictan os aspectos máis importantes e as palabras clave daquilo do que se tomaron apuntamentos (unha declaración ou exposición de calquera ámbito social, ou durante o visionamento dun documento ou acontecemento).

Trátase con este criterio de verificar a capacidade de identificar o motivo central das ideas principais que constitúen o contido dun texto emitido por calquera canle ou dun acontecemento. A información anotada deberá estar organizada de tal maneira que o texto ou acontecemento orixinal podería ser reconstruído conservando, como mínimo, a información relevante. Valorarase que as notas conteñan toda a información necesaria e que reflictan con concisión, precisión e o léxico adecuado aquilo do cal se tomaron notas.

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Alemán

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Árabe

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Chinés

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Español para estranxeiros

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Francés

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Galego

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Inglés

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

R

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

«

«

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

R

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Portugués

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Ruso

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"

Xaponés

Ver referencia pdf "21000D001P007.PDF"