DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2008 Páx. 22.178

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

O sistema de recoñecemento da gratuidade da xustiza para aquelas persoas que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, que arraiga no artigo 119 da Constitución española, experimentou unha fonda reforma coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, que tamén determinou un cambio significativo no funcionamento dos servizos colexiais de avogados e procuradores encargados da súa prestación.

Galicia, como consecuencia das competencias transferidas en virtude do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro (funcións e servizos en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza), e asumidas polo decreto da Xunta de Galicia 394/1994, do 29 de decembro, realizou o desenvolvemento normativo da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, a través do Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Transcorridos dez anos desde a entrada en vigor do Decreto 146/1997, resultaba necesario reformalo para a súa adaptación, por unha banda, ás necesidades que derivan do novo contexto social e tecnolóxico propio da era da información e, por outra, para incorporar as novidades lexislativas introducidas nos últimos anos, entre as que debemos destacar pola súa especial transcendencia a Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como a Lei galega 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Para afrontar esta necesidade de reforma optouse por elaborar un novo texto, solución aconsellada por razóns de técnica lexislativa e que evita a dispersión normativa, que derroga o anterior e ao cal se incorporan, ademais das mencionadas modificacións en materia de asistencia xurídica á muller vítima de violencia de xénero, as derivadas da Lei 38/2002, de reforma parcial da Lei de axuizamento criminal, sobre asistencia letrada ao detido, ao imputado e ao denunciado por delito e designación de avogado e procurador no procedemento de axuizamento rápido de delitos; as derivadas no ámbito da asistencia letrada aos menores da Lei orgánica 5/2000, reguladora da responsabilidade penal dos menores; as que resultan da Lei 1/2000, de axuizamento civil, en relación coa asistencia pericial gratuíta; da Lei 23/2003, de garantías na venda de bens de consumo, no relativo á asistencia xurídica gratuíta en xuízos rápidos civís; da Lei 19/2003, de reforma da Lei orgánica do poder xudicial, tamén

respecto dos xuízos rápidos civís; da Lei 7/2003, da sociedade limitada Nova Empresa; da Lei 53/2002, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, en relación co ámbito territorial e a composición das comisións de asistencia xurídica gratuíta; e da Lei 16/2005, pola que se modifica a Lei de asistencia xurídica gratuíta para regular as especialidades dos litixios transfronteirizos en materia civil e mercantil na Unión Europea; así como dos reais decretos 996/2003 e 1455/2005, que, respectivamente, aproban e modifican o regulamento estatal na materia, canto ás súas normas de aplicación en todo o territorio nacional. Isto lévase a cabo sen prexuízo da consideración axeitada doutras normas legais que afectaron o recoñecemento do dereito a prol de persoas con discapacidade e familias numerosas.

Como trazos máis destacados da nova regulación resulta imprescindible mencionar a incorporación de quendas específicas para a asistencia xurídica de mulleres maltratadas, menores e outros colectivos que requiren unha atención especializada; a introdución da libre elección de avogado e procurador no ámbito do dereito de familia, contencioso-administrativo e laboral; e, por último, a aposta decidida polas tecnoloxías da información e da comunicación para avanzar cara á implantación da e-Administración neste ámbito.

Alén disto, a estrutura administrativa de xestión precisaba unha reorganización que a fixese apta para atender en boas condicións o importante crecemento que a demanda do sistema experimentou na última década. Por iso, o regulamento opta por aumentar o número de comisións de asistencia xurídica gratuíta, que pasan das catro actuais a sete; decisión que permite distribuír a carga de traballo de forma máis equilibrada, outórgalle maior operatividade a cada comisión e, en definitiva, mellora a capacidade de resposta do sistema. Á vez, esta decisión, consonte a redacción vixente do parágrafo segundo do artigo 9 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, ao constituír unha Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta en cada unha das sete cidades galegas, incorpora elementos de equilibrio territorial, recoñecendo a singular distribución demográfica galega e a proxección destas cidades sobre as súas respectivas zonas de influencia.

Así mesmo, o capítulo IV, presidido polas ideas de facilitarlles á cidadanía e aos profesionais a presentación de solicitudes e a realización de trámites, de optimizar a xestión burocrática do sistema e de acentuar o principio de investigación de oficio, regula de xeito máis detallado o procedemento de recoñecemento do dereito e os demais de competencia das comisións de asistencia xurídica gratuíta, incorpora a experiencia achegada por unha década de xestión administrativa e introduce normas de inclusión imperativa froito das novidades lexislativas antes mencionadas.

É importante tamén destacar as modificacións introducidas no capítulo V do regulamento, que están destinadas a potenciar as facultades dos colexios profesionais na organización dos servizos de orientación xurídica, na formación dos profesionais incorporados ás quendas e na introdución de técnicas e instrumentos de xestión de calidade.

Por último, o capítulo VI acurta os prazos para o pagamento aos colexios profesionais da compensación económica pola actuación dos profesionais que interviñeron na asistencia, a defensa e a representación gratuítas. E o capítulo VIII acolle solucións para regular de forma máis fluída a cooperación coa Administración de xustiza na designación de persoal facultativo e técnico para a realización de probas periciais, así como os trámites para a designación e o pagamento aos profesionais privados que realizan peritaxes ou traballos de tradución e interpretación de linguas estranxeiras.

O regulamento dítase en virtude do disposto no artigo 20.1 º do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, conforme os decretos de transferencia en materia de provisión de medios á Administración de xustiza antes mencionados, e de acordo co ámbito normativo recoñecido ás comunidades autónomas que asumiron o exercicio efectivo das devanditas competencias na disposición adicional primeira da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta.

Sobre este decreto emitiron os seus preceptivos informes o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Consello da Avogacía Galega, o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais e os colexios de avogados e procuradores de Galicia, así como as consellerías, autoridades e instancias implicadas na consecución dos obxectivos perseguidos nel.

Consonte isto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta.

Queda aprobado o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, co texto que figura como anexo a este decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorización de cesión de datos de natureza tributaria ás comisións de asistencia xurídica gratuíta.

A presentación da solicitude de asistencia xurídica gratuíta suporá a autorización da persoa solicitante para que a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta obteña de forma directa da Administración tributaria os datos correspondentes á súa declaración anual, para os efectos do imposto da renda das persoas físicas, ou, de ser o caso, a acreditación de que non está obrigada a presentar a devandita declaración, así como a súa declaración para os efectos do imposto do patrimonio. Alén disto, a solicitude tamén suporá a autorización para que a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta obteña directamente do Catastro da Propiedade Inmobiliaria unha relación de inmobles ao seu nome e da Tesouraría da Seguridade Social un informe da vida laboral. Nestes casos, a persoa solicitante non deberá achegar a correspondente certificación.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá achegar as mencionadas certificacións.

Segunda.-Valoración individual dos medios económicos das mulleres vítimas de violencia de xénero.

En atención á protección das mulleres vítimas de violencia de xénero, de conformidade co disposto polo artigo 29.2º da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, os medios económicos das mulleres que acrediten, por calquera dos medios previstos no artigo 5 desta lei, atoparse en situación de violencia de xénero serán valorados individualmente, cos límites establecidos na lexislación aplicable.

Terceira.-Colaboración na designación xudicial de peritos.

A Administración autonómica aplicará o previsto no artigo 51º deste regulamento en relación coa designación xudicial de peritos de oficio ou por instancia do Ministerio Fiscal durante a tramitación de causas penais, ou a pedimento do Ministerio Público en beneficio de menores abandonados ou persoas incapaces ou desvalidas en todo tipo de procesos.

Así mesmo, aplicará o previsto nos puntos 3, 4 e 5 do artigo 52 deste regulamento para o pagamento dos gastos ocasionados polas devanditas probas periciais.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tramitación de solicitudes anteriores.

As solicitudes de xustiza gratuíta presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento rexeranse pola normativa vixente no momento de efectuar a solicitude.

Segunda.-Módulos económicos das compensacións devengadas anteriormente.

As compensacións económicas devengadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto realizaranse conforme os módulos e bases económicas contidos no Decreto 146/1997, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas ordes da consellería que desenvolveron o previsto no artigo 39 deste.

Terceira.-Constitución das comisións de asistencia xurídica gratuíta de Santiago de Compostela e Vigo.

1. Na data de entrada en vigor deste decreto quedarán constituídas as comisións de asistencia xurídica gratuíta de Santiago de Compostela e Vigo e, asemade, suprimidas as delegacións das comisións provinciais nas ditas cidades.

2. As novas comisións quedarán integradas polos presidentes e membros que formaban as delegacións que se suprimen, os cales continuarán actuando mentres os órganos competentes non designen novos membros.

3. Mentres non se aprobe e entre en vigor a orde prevista no artigo 3º.2 deste regulamento, o ámbito territorial das comisións de asistencia xurídica gratuíta de Santiago de Compostela e Vigo coincidirá co definido para as respectivas delegacións no Decreto 52/1997, do 26 de febreiro, polo que se crean as delegacións de comisións provinciais de asistencia xurídica gratuíta en Santiago de Compostela e Vigo. Con esta modificación, ata a aprobación da devandita orde, continuará vixente o ámbito territorial previsto para as restantes comisións no artigo 2 do regulamento aprobado polo Decreto 146/1997, do 22 de maio.

Cuarta.-Constitución da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol.

1. A Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol entrará en funcionamento na data que se estableza por medio dunha orde da consellería competente en materia de xustiza, a cal determinará o seu ámbito territorial.

2. A orde de posta en marcha da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol especificará qué unidade realizará as funcións de soporte administrativo da comisión.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado, agás o previsto na disposición transitoria terceira anterior, o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da comunidade autónoma de Galicia, e o Decreto 52/1997, do 26 de febreiro, polo que se crean as delegacións das comisións provinciais de asistencia xurídica gratuíta en Santiago de Compostela e Vigo, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

1. Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta.

2. Esta consellería deberá aprobar a orde pola que se establece o modelo normalizado de solicitude de recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta antes da entrada en vigor deste decreto. No prazo máximo de seis meses, desde a súa entrada en vigor, deberán aprobarse as demais ordes mencionadas expresamente no regulamento anexo.

Segunda.-Os colexios de avogados e procuradores adaptarán os seus instrumentos normativos en materia de asistencia xurídica gratuíta a este regulamento no prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza.

ANEXO

Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este regulamento ten por obxecto establecer as normas de desenvolvemento do procedemento para recoñecer o dereito de asistencia xurídica gratuíta ao que se refire o artigo 119 da Constitución, así como regular as relacións entre a Administración autonómica e as institucións colexiais competentes para a xestión do servizo de asistencia letrada, defensa e representación gratuítas e os aspectos administrativos sobre as prestacións comprendidas neste dereito, particularmente o recoñecemento, o pagamento e o control das compensacións económicas pola actuación profesional de avogados e procuradores a prol de quen teña recoñecido o dito dereito.

2. Realizarase de conformidade coas previsións deste regulamento, no que resulte compatible co disposto no capítulo VIII da Lei de asistencia xurídica gratuíta, a intervención dos colexios de avogados e procuradores e as comisións de asistencia xurídica gratuíta na tramitación das solicitudes de asistencia xurídica gratuíta en litixios transfronteirizos civís e mercantís na Unión Europea.

3. O recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta comportará para os seus titulares as prestacións previstas no artigo 6 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta.

Serán aplicables as prestacións do artigo 50 da dita lei cando se estimen as solicitudes provenientes doutro Estado membro da Unión Europea para os litixios transfronteirizos previstos no punto anterior.

4. Este regulamento será aplicable para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta perante os xulgados e tribunais galegos e no caso das mulleres suxeitas á violencia de xénero respecto dos procedementos administrativos que se susciten ante a Administración autonómica e ante as administracións locais, corporativas e institucionais con sede en Galicia. Para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta no ámbito dos procedementos administrativos en materia de estranxeiría que se susciten ante os órganos da Administración xeral do Estado será aplicable o regulamento estatal sobre a materia.

Capítulo II

Organización e funcionamento das comisións de asistencia xurídica gratuíta

Artigo 2º.-Comisións de asistencia xurídica gratuíta.

1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta son órganos colexiados mixtos en que participan, xunto con representantes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, membros do Ministerio Fiscal e representantes dos colexios profesionais de avogados e procuradores, para o exercicio das competencias e funcións previstas na Lei de asistencia xurídica gratuíta e neste regulamento.

2. As comisións de asistencia xurídica gratuíta están integradas na Administración autonómica de Galicia. Estarán adscritas á consellería competente en materia de xustiza.

Artigo 3º.-Ámbito territorial das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

1. Constitúese cadansúa Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

2. O ámbito territorial das comisións de asistencia xurídica gratuíta será determinado por unha orde da consellería competente en materia de xustiza.

3. Cando o volume de asuntos que soporta unha comisión o xustifique, mediante unha orde da consellería competente poderá acordarse a creación de delegacións das comisións de asistencia xurídica gratuíta. Nestas delegacións estarán representadas as mesmas institucións que integran a comisión e, consonte as directrices de actuación e os criterios xerais que acorde a comisión, corresponderalles recoñecer o dereito á asistencia xurídica gratuíta dentro do ámbito funcional ou territorial que determine a súa orde de creación.

Artigo 4º.-Funcións.

1. Son funcións das comisións de asistencia xurídica gratuíta:

a) Recoñecer ou denegar o dereito á asistencia xurídica gratuíta, confirmando ou modificando, de ser o caso, as decisións previamente adoptadas polos colexios profesionais.

b) Revisar de oficio as súas resolucións estimatorias cando concorran as circunstancias previstas no artigo 19 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, para a revogación do dereito.

c) Revogar as súas resolucións firmes denegatorias do dereito de conformidade co previsto no artigo 105 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Acordar o acceso ás bases de datos das administracións públicas, nas condicións previstas no artigo 18º, e efectuar as comprobacións e solicitar a información de calquera tipo de administración, institución ou entidade que, ao longo da tramitación das solicitudes de asistencia xurídica gratuíta, se crea precisa.

e) Recibir e trasladar ao órgano xudicial correspondente o escrito de impugnación das resolucións definitivas adoptadas pola comisión.

f) Tramitar as comunicacións relativas á insostibilidade da pretensión presentadas polos avogados.

g) Comunicarlles aos colexios profesionais as queixas ou denuncias formuladas como consecuencia das actuacións relacionadas cos servizos de asistencia xurídica gratuíta, naqueles casos en que tales iniciativas non se propuxesen directamente perante os colexios.

h) Calquera outra que lles atribúa a normativa sobre asistencia xurídica gratuíta.

2. No exercicio das anteriores funcións, as comisións de asistencia xurídica gratuíta funcionarán con criterios de obxectividade, imparcialidade, transparencia, eficiencia, sumariedade e celeridade, de maneira que os cidadáns obteñan un servizo áxil e de calidade.

3. As comisións de asistencia xurídica gratuíta informarán a consellería competente en materia de xustiza sobre o funcionamento da comisión, facilitando os datos e as estatísticas que lles sexan requiridos, e proporanlle as actuacións que consideren necesarias para o correcto funcionamento do servizo de asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 5º.-Composición e designación de membros das comisións.

1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta estarán integradas, cada unha delas, polos seguintes membros:

a) Unha persoa pertencente ao Ministerio Fiscal, que designe o/a fiscal/a xefe da fiscalía provincial ou, de ser o caso, da fiscalía de área.

b) O/a decano/a do colexio de avogados do ámbito territorial correspondente, ou o/a avogado/a que designe; no caso de que haxa máis dun colexio de avogados no devandito ámbito, o/a decano/a, ou o/a avogado/a, que se designe de común acordo entre as decanas e os decanos dos colexios respectivos; de non o haber, o/a avogado/a que designe o Consello da Avogacía Galega.

c) O/a decano/a do colexio de procuradores dos tribunais do ámbito territorial correspondente, ou o/a procurador/a que designe; no caso de que haxa máis dun colexio de procuradores dos tribunais no devandito ámbito, o/a decano/a, ou o/a procurador/a, que se designe de común acordo entre as decanas e os decanos dos colexios respectivos; de non o haber, o/a procurador/a que designe o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

d) Dúas funcionarias ou funcionarios da Xunta de Galicia: un deberá pertencer á consellería competente en materia de xustiza, a corpos ou escalas do grupo A e ter a licenciatura en dereito, e designarao a Dirección Xeral de Xustiza; o outro será un/unha letrado/a da Xunta de Galicia, e designarao a dirección xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

2. Tras comunicar as designacións a que se refire o punto anterior, a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza, mediante unha orde, nomeará entre as persoas integrantes da comisión o/a seu/súa presidente/a e a persoa que o substitúa.

3. As funcións de secretario/a da comisión corresponderanlle á funcionaria ou ao funcionario que designe a consellería competente en materia de xustiza.

4. Co fin de garantir a continuidade dos traballos e o bo funcionamento das comisións, nomearase unha persoa suplente por cada un dos membros titulares, que será designada do mesmo xeito ca estes. Os membros titulares e suplentes serán os únicos habilitados para participar nas comisións, podendo actuar indistintamente.

5. Os cambios que se produzan nos nomeamentos de membros titulares ou suplentes deberán comunicárselle, no caso de ser posible, polo menos cun mes de antelación ao momento en que se vaian producir, á consellería competente en materia de xustiza, que os porá en coñecemento de quen presida a comisión respectiva.

Artigo 6º.-Normas de funcionamento.

1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta axustaranse no seu funcionamento ás normas establecidas na Lei de asistencia xurídica gratuíta e neste regulamento. De non as haber, será aplicable o establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O réxime de convocatorias e sesións será o previsto no artigo 26 da Lei 30/1992, pero as comisións de asistencia xurídica gratuíta poderán establecer un calendario de reunións e as súas conseguintes ordes do día que lles será notificado aos membros que non asistisen á dita xuntanza con antelación suficiente á primeira das reunións previstas. Neste suposto, non será preciso efectuar a convocatoria das sesións da comisión nin realizar as citacións aos seus membros.

3. As comisións de asistencia xurídica gratuíta reuniranse polo menos cunha periodicidade de quince días.

4. Para a válida constitución do órgano, para os efectos de realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza de cando menos tres membros da comisión, incluíndo entre estes o/a presidente/a e secretario/a ou persoa que o substitúa.

Artigo 7º.-Indemnización por asistencias.

1. A concorrencia ás reunións das comisións de asistencia xurídica gratuíta, debidamente xustificadas polo secretario, dará orixe á indemnización que corresponda, conforme o previsto no acordo da Xunta de Galicia do trinta de maio de mil novecentos noventa e un, en relación co artigo 25 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnización por razón de servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa.

2. As indemnizacións serán satisfeitas pola consellería competente en materia de xustiza da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Do soporte administrativo das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

1. A consellería competente en materia de xustiza prestaralles o soporte organizativo, administrativo e o material preciso para o adecuado funcionamento das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

2. As funcións de soporte administrativo das comisións de asistencia xurídica gratuíta realizaranas os servizos e as unidades que determine a consellería competente en materia de xustiza. Nas funcións de soporte administrativo as devanditas unidades e servizos estarán vinculados pola normativa sobre rexistro, procedemento, estatística, avaliación, inspección e calidade vixente para a Administración autonómica.

3. As tarefas administrativas necesarias para solicitar os certificados telemáticos ou executar o acceso a bases de datos doutras administracións, segundo o previsto no artigo 18º deste regulamento, levaranas a cabo os funcionarios das unidades de soporte administrativo que designe a dirección xeral competente en materia de xustiza.

4. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de xustiza a dirección funcional e a coordinación dos servizos e das unidades administrativas respecto das funcións de soporte administrativo das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 9º.-Do sistema informático e da oficina virtual de asistencia xurídica gratuíta.

1. A xestión administrativa dos procedementos levarase a cabo a través das aplicacións informáticas implantadas ou homologadas pola consellería competente en materia de xustiza, que integrarán o sistema informático de asistencia xurídica gratuíta.

2. As aplicacións informáticas de xustiza gratuíta estarán interconectadas a través dunha vía telemática nun contorno seguro, que garanta a unicidade dos datos entre a xestión que realicen os colexios de avogados e procuradores e a que desenvolvan as comisións de asistencia xurídica gratuíta e a dirección xeral competente en materia de xustiza. Para tal efecto, a través dunha orde da consellería competente, regularanse o contido, o formato e as condicións de envío dos arquivos que deben ser incorporados ao sistema informático de asistencia xurídica gratuíta, xestionado pola Dirección Xeral de Xustiza.

3. Os colexios de avogados gravarán no sistema, a través da devandita vía telemática, a información seguinte:

a) O rexistro de solicitudes no momento da súa presentación segundo o establecido no artigo 15º deste regulamento.

b) As peticións razoadas e as comunicacións indicadas no artigo 22º.

c) O arquivo previsto no artigo 16º.

d) As designacións provisionais indicadas no artigo 17º.

e) As designacións definitivas atendendo ao requirimento da comisión previsto no artigo 19.2º.

f) O rexistro de expedientes de insostibilidade da pretensión do artigo 24º.

g) A presentación da documentación acreditativa do devengo da compensación económica conforme ao artigo 41º.

h) A comunicación da finalización dos procedementos con especificación dos pronunciamentos sobre custas, indemnizacións ou beneficios obtidos do artigo 42º.

i) O reintegro de compensacións do artigo 43º.

j) As certificacións do artigo 44º.

k) As xustificacións dos artigos 47º e 48º.

l) As renuncias previstas no parágrafo segundo do artigo 33º.

m) As renuncias e abstencións indicadas no artigo 34º.4 e, de ser o caso, a designación dun novo profesional.

n) A introdución e a actualización das listaxes previstas no punto primeiro do artigo seguinte.

4. Os colexios de procuradores gravarán no sistema:

a) As designacións provisionais previstas no artigo 17º.

b) A presentación da documentación acreditativa do devengo da compensación económica conforme o artigo 41º.

c) A comunicación da finalización dos procedementos con especificación dos pronunciamentos sobre custas, indemnizacións ou beneficios obtidos do artigo 42º.

d) O reintegro de compensacións do artigo 43º.

e) As certificacións do artigo 44º.

f) As xustificacións dos artigos 47º e 48º deste regulamento.

g) A introdución e a actualización das listaxes previstas no punto primeiro do artigo seguinte.

5. O sistema informático de asistencia xurídica gratuíta disporá dunha oficina virtual a través da cal os solicitantes e os avogados e procuradores da quenda poderán consultar o estado de tramitación dos seus expedientes e, de ser o caso, aqueles que dispoñan de sinatura dixital poderán realizar a tramitación de solicitudes.

Artigo 10º.-Información sobre os servizos de asistencia xurídica gratuíta.

1. A través do sistema informático de asistencia xurídica gratuíta as comisións disporán das listaxes de colexiados en exercicio adscritos aos servizos de xustiza gratuíta, de ser o caso, coas de especializacións por ordes xurisdicionais ou diversas ramas xurídicas que o colexio aprobase. Estas listas, que serán permanentemente actualizadas polos colexios de avogados e procuradores do respectivo ámbito territorial, especificarán o nome e os apelidos, o número de colexiado, o domicilio profesional, o teléfono e, se o tiver, o enderezo de correo electrónico.

2. Os servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados manterán permanentemente informadas as comisións de asistencia xurídica sobre a súa organización e normas de funcionamento, sede e horarios de atención ao cidadán, comunicándolles por escrito e sen demora calquera cambio.

3. A información a que se refiren os puntos anteriores estará á disposición de calquera persoa interesada nas sedes das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

Capítulo III

Consello Asesor de Asistencia Xurídica Gratuíta

Artigo 11º.-Finalidades.

Créase o Consello Asesor de Asistencia Xurídica Gratuíta de Galicia coas seguintes finalidades:

a) Realizar un seguimento da efectividade e do cumprimento do que se dispón neste regulamento, mediante a elaboración de informes ou estudos sobre o desenvolvemento da actividade prestacional da asistencia xurídica gratuíta.

b) Proporlle á consellería competente en materia de xustiza modificacións de carácter normativo ou de funcionamento do sistema de recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

c) Estudar e elevarlles aos órganos competentes cantas propostas considere oportunas para mellorar a prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 12º.-Composición.

1. O Consello Asesor de Asistencia Xurídica Gratuíta de Galicia estará integrado polos membros seguintes:

a) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza da Administración da comunidade autónoma de Galicia, que o presidirá.

b) O/a fiscal/a superior da comunidade autónoma, ou fiscal en que delegue.

c) O/a secretario/a de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou o/a secretario/a xudicial en que delegue.

d) Tres representantes, que designará o Consello da Avogacía Galega.

e) Dous representantes, que designará o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

f) A persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, ou letrado ou letrada da Xunta de Galicia en que delegue.

g) Unha funcionaria ou un funcionario do grupo A pertencente á consellería competente en materia de xustiza, que designará a dirección xeral correspondente en función da materia e actuará como secretario/a do consello.

2. Nomearase unha persoa suplente por cada un dos membros do consello, que se designará do mesmo xeito ca os titulares.

3. Na designación das persoas integrantes destes órganos procurarase que se obteña unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na comunidade autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

4. O Consello poderá convocar ás súas reunións, cando o considere preciso, persoal técnico ou cualificado para o estudo daquelas cuestións que se determinen mediante acordo.

Artigo 13º.-Funcionamento.

1. O consello reunirase sempre que a presidencia o convoque e, como mínimo, unha vez ao ano. O seu funcionamento axustarase ás disposicións que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os órganos colexiados.

2. Para o cumprimento das súas finalidades, o consello poderá solicitar os datos e informes que considere convenientes de calquera dos colexios de avogados e de procuradores de Galicia.

3. A concorrencia ás reunións do Consello Asesor de Asistencia Xurídica Gratuíta, debidamente xustificadas polo secretario, dará orixe á indemnización que corresponda segundo o previsto no artigo 9º deste regulamento para as asistencias ás comisións de asistencia xurídica gratuíta.

Capítulo IV

Do recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta

Artigo 14º.-Deber de instar o procedemento de recoñecemento do dereito.

1. Os que desexen gozar das prestacións comprendidas no dereito á asistencia xurídica gratuíta deberán instar o procedemento para o recoñecemento do dereito segundo o previsto neste regulamento.

2. A falta de iniciación do procedemento para o recoñecemento do dereito non será obstáculo para a prestación inmediata da asistencia xurídica por avogados e procuradores de oficio aos imputados por delito, ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos estranxeiros nos supostos previstos no artigo 29º deste regulamento.

3. O requirimento xudicial de designación provisional de avogado ou procurador realizado, conforme a lexislación procesual ou segundo o artigo 21 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, para asegurar a defensa ou representación das partes nun proceso non constitúe iniciación do procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Nestes supostos, particularmente cando se trate de requirimentos no ámbito do procedemento para o axuizamento rápido de delitos, tanto respecto das vítimas coma dos imputados, ou de requirimentos de designación para a defensa e representación de partes en xuízos rápidos civís, os colexios de avogados e procuradores procederán con urxencia á designación de avogado e procurador de oficio.

4. En todo caso, a designación inmediata de avogados e procuradores de oficio non exime o interesado da obriga de presentar a solicitude para o recoñecemento do dereito e, se non o fixese, deberá pagar os honorarios e dereitos xerados polos profesionais de oficio.

5. Os colexios de avogados e os colexios de procuradores informarán o interesado sobre a obriga de satisfacer os honorarios e dereitos económicos ocasionados polos servizos efectivamente prestados polos profesionais designados, se non solicita ou non obtén a asistencia xurídica gratuíta.

Sección I

Procedemento para o recoñecemento do dereito.

Artigo 15º.-Iniciación: solicitude, documentación e presentación.

1. A solicitude inicial realizarase mediante o modelo normalizado de escrito que se aprobe por medio dunha orde da consellería competente en materia de xustiza, que se cubrirá na súa integridade e será asinado polo peticionario. Na redacción do modelo normalizado, a consellería terá en conta o previsto na disposición adicional primeira do decreto polo que se aproba este regulamento. Os impresos de solicitude facilitaranse nas oficinas xudiciais, nos servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados e na propia sede das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

2. Os colexios de avogados e procuradores adoptarán as medidas precisas para que os profesionais intervenientes nos servizos de asistencia xurídica gratuíta lles faciliten os impresos aos interesados e consigan que estes os cubran adecuadamente, auxiliándoos para iso se fose necesario.

3. A solicitude inicial acompañarase da documentación acreditativa dos datos nela recollidos, agás o disposto na disposición adicional primeira do decreto polo que se aproba este regulamento.

Se nos convenios que, de ser o caso, subscriban as institucións colexiais da avogacía coas administracións titulares dos datos está prevista esta posibilidade, o solicitante, cando desexe axilizar a designación de avogado e procurador, poderá optar por asinar un consentimento expreso para que sexa o colexio de avogados o que solicite directamente os certificados telemáticos que deben acompañar a solicitude. Nestes casos, os colexios solicitarán directamente os devanditos datos e achegaranos ao expediente de recoñecemento.

4. As solicitudes presentaranse nas dependencias habilitadas polo colexio de avogados correspondente ao lugar en que se encontre o órgano xudicial que coñeza ou teña que coñecer do proceso principal para o cal se solicita a asistencia xurídica gratuíta, ou perante o xulgado correspondente ao domicilio do solicitante.

Se se presentou a solicitude ante o órgano xudicial, este remitiralle a petición ao colexio de avogados territorialmente competente, sen prexuízo do disposto nos artigos 16 e 21 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 16º.-Trámites dos colexios de avogados.

1. Os colexios de avogados darán preferencia e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta no ámbito do procedemento para o axuizamento rápido, respecto tanto das vítimas coma dos imputados. O mesmo tratamento lles darán ás solicitudes das partes en xuízos rápidos civís.

2. Presentada a solicitude ante o colexio de avogados, este, si se iniciou xa o proceso, notificaralle de xeito inmediato, polo medio máis idóneo, a súa recepción ao xulgado ou ao tribunal que estivese a coñecer do proceso, para os efectos do disposto no artigo 16, parágrafo segundo, da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

3. Cando o colexio de avogados que recibe a solicitude considere que é incompetente para a súa tramitación, acordará, de maneira razoada, remitirlla ao colexio que considere competente. Se este rexeitase tamén a solicitude, enviaralla ao Consello da Avogacía Galega para que decida cal é o colexio competente. Se o envío fose a un colexio doutra comunidade autónoma, a cuestión suscitarase ante o Consello Xeral da Avogacía Española. As declaracións de incompetencia e a resolución da cuestión seranlle notificadas á persoa solicitante.

4. Os colexios de avogados examinarán a documentación presentada e, se apreciasen que é insuficiente ou que na solicitude existen deficiencias, comunicaranllo ao interesado, fixando con precisión os defectos ou carencias advertidas e as consecuencias da falta de emenda, e requirirano para a emenda dos defectos advertidos no prazo de dez días hábiles.

5. Tras transcorrer o prazo sen que se achegase a documentación requirida ou sen que se emendasen as deficiencias observadas, o colexio de avogados arquivará a petición. O devandito arquivo notificaráselle ao órgano xudicial que estivese a coñecer do proceso.

Artigo 17º.-Designacións provisionais e remisión á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta.

1. Logo de analizar a solicitude e os documentos xustificativos, o colexio de avogados, se o considera procedente, efectuará a designación provisional de avogado e comunicaralla inmediatamente ao colexio de procuradores no caso de ser preceptiva a intervención de procurador, para que no prazo máximo de tres días designe un procurador que asuma a representación. O colexio de procuradores comunicaralle inmediatamente ao de avogados a designación efectuada.

No ámbito do artigo 31º.3, a designación realizarase a prol do profesional elixido polo solicitante que exercese este dereito.

As devanditas designacións provisionais serán comunicadas polos colexios respectivos aos profesionais cuxa intervención corresponda e, se o proceso xa comezase, tamén ao órgano xudicial.

2. O colexio de avogados non efectuará a designación provisional de letrado cando:

a) Considere que o peticionario non cumpre os requisitos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

b) Considere que a solicitude podería estar comprendida no ámbito do artigo 5 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

c) Constate que a solicitude de recoñecemento é reprodución doutra que xa foi tramitada ante a comisión polo mesmo asunto xudicial.

d) Observe que a solicitude foi presentada polo demandante despois de presentada a demanda ou polo demandado unha vez que formulou a súa contestación, excepto nos casos de insuficiencia económica sobrevida.

e) Cualifique como manifestamente insostible ou carente de fundamento a pretensión que motiva a solicitude de asistencia xurídica gratuíta.

f) Resulte imprescindible a intervención da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta para solicitar a información patrimonial a través de certificados telemáticos ou mediante o acceso a bases de datos doutras administracións públicas.

3. Correspóndelle ao colexio de avogados notificarlle ao solicitante as designacións provisionais realizadas ou a súa denegación. A notificación das designacións provisionais conterá a información relativa á obriga de aboar os honorarios e dereitos económicos ocasionados polos servizos efectivamente prestados polos profesionais designados con carácter provisional, no caso de non obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta ou de proceder o reintegro económico nos termos previstos no artigo 36 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

4. A designación provisional de avogado e, se é o caso, procurador ou a súa denegación, a notificación ao interesado e a remisión á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta deberá realizarse nos prazos previstos na lei, contados a partir da recepción da solicitude polo colexio de avogados ou da emenda dos defectos observados.

5. Os colexios de avogados e procuradores establecerán as medidas precisas para garantirlles ás vítimas a designación provisional de avogado e, se é preceptiva a súa intervención, de procurador, con antelación suficiente ás comparecencias ou ás vistas de xuízos rápidos en que deban intervir. Esta previsión será tamén aplicable respecto das solicitudes presentadas polas partes en xuízos rápidos civís.

Artigo 18º.-Instrución do procedemento.

1. Logo de recibir o expediente, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, cando o estime necesario para resolver, efectuará as comprobacións e obterá ou solicitará a información que considere precisa para valorar a situación económica da persoa solicitante ou da unidade familiar e comprobar os demais requisitos necesarios para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Para tal efecto, poderá acceder ás bases de datos das administracións tributarias, do Catastro ou da Seguridade Social, ou solicitar certificados telemáticos, de conformidade co previsto na disposición adicional primeira deste decreto. As solicitudes de certificados telemáticos ou o acceso ás bases de datos realizaranse de conformidade co previsto nos convenios de colaboración e protocolos establecidos coas administracións públicas cedentes dos datos e respectando o disposto na normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal.

2. A falta do previsto no punto anterior ou como actividade complementaria, a comisión, por medio do seu secretario, poderá solicitar por escrito a dita información de órganos da Administración autonómica, central, local, institucional ou corporativa, así como de asociacións, empresas ou particulares.

Así mesmo, poderá acordar o requirimento á persoa interesada para que no prazo de dez días achegue datos e documentos imprescindibles para valorar a solicitude, indicándolle claramente cales son os datos ou instrumentos que debe presentar; do mesmo xeito, advertiraa cando a desatención do requirimento pode determinar a denegación do recoñecemento por falta de acreditación das condicións económicas que o orixinan.

3. Nos procesos xa iniciados, a comisión procurará oír a parte ou as partes contrarias no preito ou contra as cales se pretende exercitar a acción.

4. O prazo máximo para a resolución expresa do procedemento e a súa notificación é de trinta días hábiles desde a recepción do expediente.

Consonte o previsto no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o transcurso deste prazo poderá suspenderse, cando se requira o interesado para que achegue documentación, polo tempo que medie entre o requirimento e o seu efectivo cumprimento polo destinatario ou, de non cumprilo, polo transcurso do prazo concedido.

Cando se lles soliciten informes a órganos da Administración autonómica, central, local ou institucional, suspenderase o transcurso do prazo polo tempo que medie entre a petición e a recepción do informe, sen que en ningún caso a suspensión poida exceder tres meses.

5. As comisións de asistencia xurídica gratuíta darán preferencia absoluta e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta, tanto das vítimas coma dos imputados, no ámbito do procedemento para o axuizamento rápido de delitos, así como as incoadas polas partes en xuízos rápidos civís.

Artigo 19º.-Resolución: contido e efectos.

1. Unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, a comisión ditará unha resolución en que recoñecerá ou denegará o dereito á asistencia xurídica gratuíta.

No caso de que a resolución estimatoria consista no recoñecemento excepcional do dereito de asistencia xurídica gratuíta previsto polo artigo 5 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, a comisión determinará cales das prestacións que integran o dereito lle son aplicables á persoa solicitante.

Así mesmo, para os efectos previstos polo número 10 do artigo 6 da citada lei, cando o solicitante a quen se lle recoñeza o dereito acredite ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), previsto no artigo 2 do Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, farase mención expresa desta circunstancia na resolución.

2. A resolución estimatoria do dereito implicará a confirmación das designacións de avogado e, de ser o caso, de procurador, efectuadas provisionalmente polos colexios profesionais.

No suposto de que as devanditas designacións aínda non se producisen, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta requirirá inmediatamente dos colexios o nomeamento dos profesionais que defendan e, de ser o caso, representen o titular do dereito. No ámbito do artigo 31º.3 a designación realizarase a prol do profesional elixido polo solicitante que exercese este dereito, agás no suposto de esgotamento da cota máxima semestral deste.

3. A resolución desestimatoria, unha vez que sexa firme, implicará que as eventuais designacións de oficio realizadas previamente queden sen efecto e que, polo tanto, o solicitante deba designar avogado e procurador de libre elección. En tales casos, aquel deberá aboar os honorarios e dereitos económicos ocasionados polos servizos efectivamente prestados polos profesionais designados de oficio.

En tal caso, os profesionais intervenientes poderán reclamar xudicialmente os seus honorarios. Se percibisen compensación económica con cargo a fondos públicos, será aplicable o previsto no artigo 43º deste regulamento.

4. A resolución da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta notificaráselles no prazo común de tres días ao solicitante, ao avogado e, de ser o caso, ao procurador designado provisionalmente e aos demais interesados comparecidos no expediente. Así mesmo, a resolución seralle comunicada ao colexio de avogados e, de ser o caso, ao colexio de procuradores.

5. Se o proceso aínda non se iniciase, a resolución estimatoria deberá xuntarse co escrito con que se inicien as actuacións, para os efectos de que a parte ou as partes contrarias poidan facer uso do dereito previsto no artigo 20 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, circunstancia de que advertirán tanto a notificación ao solicitante coma a notificación ao avogado e ao procurador designados provisionalmente.

Noutro caso, a resolución tanto estimatoria como desestimatoria comunicaráselle ao órgano xudicial que estea a coñecer do proceso, para a súa incorporación ás actuacións para todos os efectos legais, non só económicos no propio proceso senón tamén para o coñecemento polo resto de intervenientes, cos fins da súa eventual impugnación.

Artigo 20º.-Ausencia de resolución expresa.

1 Transcorrido o prazo de quince días desde a presentación da solicitude sen que o colexio de avogados ditase ningunha resolución, o solicitante poderá reiterar a súa solicitude ante a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, que, para os efectos previstos nos dous artigos anteriores, lle reclamará o expediente ao colexio de avogados e ordenará a designación provisional de avogado e, se fose preceptivo, de procurador.

2. Unha vez transcorra o prazo establecido no artigo 18º.4 deste regulamento sen que a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta resolvese expresamente a solicitude, quedarán ratificadas as decisións previamente adoptadas polos colexios de avogados e de procuradores, cos efectos que en cada caso correspondan.

Se os colexios tampouco adoptasen decisión ningunha conforme o previsto no artigo 17º, o silencio da comisión será positivo. Neste caso, a pedimento da persoa interesada, o órgano xudicial que coñeza do proceso, ou, se a solicitude se realizou antes da iniciación daquel, o xuíz decano competente declarará o dereito na súa integridade e requirirá dos colexios profesionais a designación de avogado e, se fose preceptivo, de procurador.

Artigo 21º.-Impugnación xurisdicional.

1. As resolucións das comisións de asistencia xurídica gratuíta que recoñezan ou deneguen o dereito solicitado, así como as que revoguen o dereito previamente recoñecido, poderán ser impugnadas nos termos previstos polo artigo 20 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro.

2. Co obxecto de posibilitar eventuais impugnacións contra a estimación ou desestimación presunta da solicitude, será aplicable o establecido no artigo 43.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os letrados da Xunta de Galicia, nos cinco días seguintes á súa notificación, remitiranlles ás comisións de asistencia xurídica gratuíta os autos xudiciais polos que se resolven definitivamente as impugnacións das súas resolucións e acordos.

Artigo 22.º-Excepción á achega de documentos.

1. Na orde xurisdicional penal, cando o imputado ou imputada se atope presumiblemente dentro do ámbito subxectivo de aplicación do artigo 2 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, non será necesaria a documentación a que se refire o artigo anterior, sen prexuízo da obriga da persoa interesada de asinar a solicitude correspondente, en que expresamente debe constar a autorización á Administración para consultar os datos económicos e fiscais da persoa solicitante. O avogado ou avogada designados provisionalmente, logo do requirimento xudicial, poderán iniciar o correspondente procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta e deben facer constar expresamente esta circunstancia no modelo que, para ese efecto, presenten.

2. O disposto no punto anterior será de aplicación nos supostos de asistencia letrada á persoa detida ou presa e nos procedementos administrativos ou xudiciais sobre denegación de entrada, devolución, retorno ou expulsión do territorio español das persoas estranxeiras que se atopen en España, así como nos procedementos de asilo.

Artigo 23º.-Tramitación das solicitudes exceptuadas da achega de documentos.

1. Cando se trate dunha das solicitudes previstas no artigo anterior, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta iniciará o procedemento tan axiña como a reciba, e obterá a información que considere necesaria para valorar a situación económica do solicitante ou da unidade familiar e comprobar os demais requisitos precisos para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Para tal efecto, consonte o previsto no artigo 11.2º da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, en relación co artigo 17 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, e o artigo 95 d) da Lei 58/2003, xeral tributaria, coa finalidade de evitar a fraude no recoñecemento do dereito, a comisión poderá acceder ás bases de datos das administracións tributarias, do Catastro ou da Seguridade Social, ou solicitar certificados telemáticos. As solicitudes de certificados telemáticos ou o acceso ás bases de datos realizaranse de conformidade co previsto nos convenios de colaboración e protocolos establecidos coas administracións cedentes dos datos.

2. Cando lle conste a información á comisión, por ter sido incorporada a outro expediente de asistencia xurídica gratuíta, non será preciso realizar o dito acceso ou solicitar os certificados telemáticos, agás que a dita información anterior determinase a desestimación da respectiva solicitude ou transcorrese máis dun ano desde a súa emisión.

3. Tampouco será necesario realizar a investigación patrimonial, prevista no punto 1 deste artigo, cando da solicitude resulten datos que fagan presumir a insolvencia notoria das persoas asistidas, defendidas ou representadas polos profesionais de oficio.

4. As comisións de asistencia xurídica gratuíta poderán devolverlles aos colexios de avogados e procuradores as solicitudes que non cumpran as previsións do artigo anterior.

5. No demais, a comisión realizará a tramitación deste expediente consonte o previsto nos artigos 15º ao 21º anteriores, pero a falta de achega da documentación en cumprimento do requirimento previsto no artigo 18º.2 non poderá determinar por si soa a denegación do recoñecemento.

Sección II

Procedemento de insostibilidade da pretensión.

Artigo 24º.-Insostibilidade da pretensión.

1. Cando o avogado designado para un proceso considere insostible a pretensión que pretende facerse valer, deberá comunicarllo á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta dentro dos quince días seguintes á súa designación, mediante a presentación dun informe debidamente motivado en que expoña os argumentos xurídicos nos cales fundamenta a súa decisión. A seguir tramitarase conforme o previsto nos artigos 32 ao 35 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

2. As comisións de asistencia xurídica gratuíta levarán un rexistro especial en que constarán os expedientes tramitados con motivo das insostibilidades das pretensións producidas.

3. As resolucións desestimatorias das comisións por insostibilidade da pretensión seranlles comunicadas ao solicitante, aos profesionais de oficio, aos colexios de avogados e aos colexios de procuradores.

Sección III

Revisión dos actos das comisións de asistencia xurídica gratuíta

Artigo 25º.-Revisión de oficio para a revogación do dereito.

1. Cando se dean as circunstancias previstas no primeiro parágrafo do artigo 19 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, a comisión declarará a nulidade ou anulabilidade da resolución que recoñeceu o dereito, nos termos establecidos nos artigos 102 e 103 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A revogación do dereito comportará a obriga do pagamento por parte do beneficiario dos honorarios e dereitos económicos xerados polos profesionais designados de oficio.

3. Revogado o dereito, se os profesionais intervenientes percibisen compensación económica con cargo a fondos públicos, será aplicable o previsto no artigo 43º deste regulamento.

4. Respecto da cantidade equivalente ao custo do resto das prestacións obtidas en razón do recoñecemento do dereito revogado, a Administración autonómica poderá exixir o devandito reembolso mediante o procedemento administrativo de constrinximento previsto no Regulamento xeral de recadación.

5. As facultades previstas neste artigo non poderán ser exercidas cando, por prescrición de accións, polo tempo transcorrido ou por outras circunstancias, o seu exercicio resulte contrario á equidade, á boa fe, ao dereito dos particulares ou ás leis.

Artigo 26º.-Revogación de resolucións denegatorias do dereito e rectificación de erros materiais.

1. As comisións de asistencia xurídica gratuíta son competentes para revogar as resolucións denegatorias do recoñecemento do dereito, conforme o previsto no artigo 105.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As comisións de asistencia xurídica gratuíta poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou a pedimento dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

Capítulo V

Organización dos servizos de asistencia xurídica gratuíta

Artigo 27º.-Xestión dos servizos.

1. As xuntas de goberno dos colexios de avogados e dos colexios de procuradores regularán e organizarán os servizos de asistencia letrada e defensa e representación gratuítas atendendo a criterios de eficacia, funcionalidade, axilidade, accesibilidade, calidade e transparencia. Esta organización garantirá, en todo caso, a continuidade e a axeitada atención do servizo.

2. O Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, logo do informe da consellería competente en materia de xustiza, aprobarán as directrices xerais sobre organización e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta para asegurar o eficaz cumprimento do previsto neste regulamento. Tales directrices serán de obrigado cumprimento para todos os colexios.

3. Os colexios velarán polo correcto desenvolvemento da súa función por parte dos profesionais designados e adoptarán cantas medidas sexan necesarias para garantir a efectividade e o pleno respecto dos dereitos dos cidadáns a ser asesorados, defendidos e representados gratuitamente por profesionais suficientemente cualificados e a recibir unha prestación profesional de calidade. Con esta finalidade desenvolverán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Aprobar os protocolos de actuación do Servizo de Orientación Xurídica e sobre a relación entre os profesionais e os usuarios do servizo de asistencia letrada e defensa e representación gratuítas.

Os protocolos, que terán carácter dinámico, aplicarán, de ser o caso, as directrices xerais previstas no punto 2 deste artigo e incluirán as medidas concretas necesarias para verificar o control de calidade do traballo.

b) Organizar, dirixir e inspeccionar o funcionamento do Servizo de Orientación Xurídica, asegurando a coordinación coas comisións de asistencia xurídica gratuíta e a consellería competente en materia de xustiza.

c) Aprobar a implantación de instrumentos de avaliación e sistemas de xestión de calidade.

d) Supervisar e controlar o funcionamento das quendas de garda e das quendas e listaxes previstas no artigo 31º deste regulamento.

e) Emitir os informes sobre a prestación polos avogados e procuradores da función de asistencia xurídica gratuíta que lles sexan solicitados con motivo da presentación de queixas e reclamacións.

4. Para o adecuado desenvolvemento das funcións previstas no punto anterior, no seo dos colexios poderán constituírse grupos ou comisións, que estarán integradas por profesionais que actúen no servizo de orientación xurídica ou pertenzan á quenda de oficio.

Artigo 28º.-Servizos de orientación xurídica.

1. Os colexios de avogados contarán cun servizo de asesoramento aos peticionarios de asistencia xurídica gratuíta, coa finalidade de orientar e canalizar as súas pretensións. O devandito asesoramento terá, en todo caso, carácter gratuíto para os solicitantes.

2. Ademais, os servizos de orientación xurídica realizarán as funcións seguintes:

a) Informar os interesados sobre os requisitos necesarios para obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

b) Subministrarlles aos peticionarios os impresos de solicitude do dereito á asistencia xurídica gratuíta e axudarlles a cubrilos.

c) Requirir os interesados para que acheguen a documentación preceptiva que debe acompañar o formulario normalizado, e para a emenda de deficiencias ou omisións.

d) Analizar a pretensión principal contida na solicitude por se resultase manifestamente insostible ou carente de fundamento.

e) Tramitar os expedientes de conformidade co previsto no capítulo IV deste regulamento e coordinar cos colexios de procuradores as designacións destes profesionais nos casos necesarios.

f) Utilizar a aplicación informática de xestión de xustiza gratuíta e realizar as operacións previstas para os colexios de avogados no artigo 9º deste regulamento.

g) Tramitar as renuncias ao cobramento de honorarios dos profesionais libremente elixidos nos supostos previstos na Lei de asistencia xurídica gratuíta.

h) Notificarlle o nomeamento provisional de avogado e procurador ao solicitante.

3. Os servizos de orientación xurídica garantirán unha información e atención xurídica especializada en materia de violencia de xénero. As persoas profesionais que presten estes servizos terán que efectuar cursos de formación específica en materia de violencia contra as mulleres como requisito para a súa adscrición a eses servizos.

4. Os servizos de orientación xurídica desempeñarán, ademais, as funcións de asesoramento e asistencia na presentación da solicitude de asistencia xurídica gratuíta, previstas no artigo 52 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, respecto dos litixios transfronteirizos. No cumprimento destas funcións, agás que considerasen que a petición carece de modo manifesto de fundamento ou non entra dentro do ámbito de aplicación do mencionado artigo, requirirán das delegacións provinciais da consellería competente en materia de xustiza, cando sexa preciso realizala, a tradución a outra lingua da Unión Europea da solicitude e da documentación acreditativa necesaria. O custo desta tradución será asumido pola Administración.

5. Os colexios de avogados poderán organizar e xestionar un servizo de orientación xurídica máis amplo, que asumirá as funcións que lle asigne a Xunta de Goberno.

6. Os colexios de avogados adoptarán as medidas necesarias para facilitar o acceso da cidadanía aos mencionados servizos e difundir, axeitadamente, a localización das súas dependencias e funcións. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para que se cumpra o previsto no artigo 10º.2 deste regulamento.

Artigo 29º.-Réxime de gardas do servizo de asistencia xurídica gratuíta.

1. Para a prestación do servizo de asistencia letrada ao detido, ao denunciado ou á persoa a que se lle atribúan no atestado policial os feitos que puidesen ser constitutivos de delito, así como para a defensa en xuízos rápidos na orde penal, todos os colexios de avogados constituirán unha quenda de garda permanente, de presenza física ou localizable dos letrados, e á disposición do devandito servizo durante as 24 horas do día.

2. Para a prestación do servizo de asistencia letrada ás mulleres vítimas de delitos de violencia de xénero, constituirase outra quenda de garda permanente durante as 24 horas do día, atendido por letrados especializados. Non poderán coincidir no tempo os letrados de garda nesta quenda cos da prevista na alínea anterior.

3. Os colexios de avogados con sede nunha cidade con Xulgado de Menores constituirán, ademais, quendas específicas e especializadas de atención permanente para a prestación do servizo de asistencia letrada aos menores. Así mesmo, por unha orde da consellería, logo de audiencia dos colexios afectados, poderá preverse a constitución de quendas especializadas de dispoñibilidade para a asistencia letrada a estranxeiros cando o número de actuacións urxentes o xustifique.

4. Os colexios de procuradores constituirán un servizo que lles permita coñecer aos órganos xurisdicionais e ás partes que o soliciten o procurador designado con antelación suficiente á realización das vistas ou comparecencias nos xuízos rápidos na orde penal en que deban intervir.

5. Os colexios de avogados e procuradores comunicaranlle á consellería a organización das quendas de garda, con especificación do número de letrados e procuradores inscritos en cada quenda e o número de integrantes do servizo de garda. Esta comunicación producirase con periodicidade anual e con carácter previo a que se produza unha modificación da organización. A ampliación do número de integrantes do servizo de garda, cando poida implicar un aumento de custos, requirirá a aceptación da consellería.

6. Para a prestación profesional prevista nos puntos anteriores non será necesario que a persoa asistida, defendida ou representada acredite previamente carecer de recursos económicos, pero, se as ditas persoas asistidas non solicitan o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta ou non se lles concede, terán a obriga de pagar os honorarios ocasionados pola asistencia letrada e demais actuacións profesionais que realizase o avogado interveniente.

Artigo 30º.-Formación e especialización.

1. A consellería competente en materia de xustiza, logo do informe do Consello da Avogacía Galega e do Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, poderá complementar os requisitos xerais mínimos de formación e especialización para a prestación dos servizos de asistencia xurídica gratuíta que puidese establecer o Ministerio de Xustiza.

2. Os requisitos complementarios de formación a que alude a alínea anterior garantirán que a asistencia xurídica e defensa en xuízo de mulleres vítimas de violencia de xénero e de menores a leven a cabo avogados especializados. Así mesmo, será aplicable a necesidade de formación especializada para a asistencia xurídica en asuntos de estranxeiría e asilo dos profesionais inscritos nas quendas xestionadas polos colexios de avogados a que se refire o artigo 29º.3 deste regulamento.

3. Os colexios profesionais de avogados e procuradores, directamente ou a través das escolas de práctica xurídica, realizarán dentro da súa programación anual cursos dirixidos á formación dos seus colexiados para o acceso aos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Así mesmo, realizarán cursos de formación continua para os integrantes das quendas, que poderán establecerse como obrigatorios nos casos en que resulte preciso. A consellería competente en materia de xustiza fomentará estas actividades de formación a través dos oportunos convenios.

4. Correspóndelles ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais coordinar e, de ser o caso, homologar a actividade formativa prevista no punto anterior. Así mesmo, estas institucións poderán regular, no seu respectivo ámbito e con carácter xeral para toda a comunidade autónoma, o acceso aos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Estas normas, que poderán exixir unha experiencia profesional previa para acceder a eses servizos, deberán axustarse aos requisitos de formación e especialización que puidesen establecer o Ministerio de Xustiza e a consellería competente en materia de xustiza e terán que comunicárselle á devandita consellería.

Artigo 31º.-Organización en quendas e libre elección de avogado e procurador.

1. A designación de avogados e procuradores de asistencia xurídica gratuíta realizarase a favor das persoas inscritas nas listaxes de asistencia xurídica gratuíta xestionadas polos colexios profesionais respectivos. As listas organizaranse por ordes xurisdicionais e, alén disto, confeccionaranse listaxes separadas para as materias previstas no punto 2 do artigo anterior.

2. A inscrición e permanencia dos avogados e procuradores nas listaxes de asistencia xurídica gratuíta será voluntaria e requirirá a acreditación da formación, da especialización e, de ser o caso, da experiencia precisas. Os profesionais poderán estar inscritos simultaneamente en varias listas sempre que cumpran os requisitos necesarios para o acceso a cada unha delas. Os colexios de avogados, de oficio e logo de audiencia dos interesados, poderán dar de baixa nas listaxes as persoas inscritas que non participasen nas actividades de formación continua obrigatorias. Excepcionalmente, o colexio profesional poderá acordar a inclusión obrigatoria nas listas de asistencia xurídica gratuíta cando o número de profesionais inscritos voluntariamente non fose suficiente para garantir o adecuado funcionamento do servizo.

3. A designación provisional e definitiva de avogado en procesos de familia, procesos laborais e recursos contencioso-administrativos realizarase a favor do elixido polo solicitante entre os incluídos na listaxe correspondente que non esgotasen a súa cota máxima semestral. Igualmente, a designación provisional e definitiva de procurador en procesos de familia e recursos contencioso-administrativos en que a intervención destes resulte preceptiva, realizarase a favor do elixido polo solicitante entre os incluídos na lista correspondente que non esgotasen a súa cota máxima semestral. Procederase á designación por quenda, de conformidade co previsto na alínea seguinte, cando o solicitante non manifeste expresamente o seu desexo de elixir un profesional. As cotas máximas semestrais serán definidas polos colexios profesionais dentro dos límites que se establezan mediante unha resolución da dirección xeral competente en materia de xustiza, logo da negociación cos colexios de avogados e

procuradores.

4. Os colexios de avogados e procuradores establecerán sistemas de distribución equitativa das quendas para a designación dos profesionais de oficio. Os ditos sistemas serán públicos para todos os avogados e procuradores e poderán ser consultados polos solicitantes de asistencia xurídica gratuíta. A distribución por quendas non será aplicable nos casos de libre elección previstos no punto anterior.

Artigo 32º.-Unidade de actuación letrada.

1. A asistencia letrada ás vítimas nos procedementos penais de violencia de xénero prestaraa o mesmo avogado desde que se requira esta asistencia e ata a finalización do procedemento, abranguendo ademais todos os procesos penais, civís, contencioso-administrativos e sociais, así como procedementos administrativos, que teñan causa directa ou indirecta na violencia padecida. Sen que sexa necesario tramitar máis ca un expediente de asistencia xurídica gratuíta ata que transcorra un ano desde a solicitude inicial. Este mesmo dereito asistirá tamén os habentes causa no caso de falecemento da vítima.

2. A asistencia letrada nos procedementos de axuizamento rápido de delitos a que se refire a Lei 38/2002 prestaraa un único avogado desde a detención, se a houbese, ou desde a primeira comparecencia, e entenderanse con el todas as fases do procedemento.

3. Os colexios de avogados instrumentarán as medidas necesarias para garantir o principio de unidade de actuación no resto de procedementos penais, desde a asistencia inicial en dependencias policiais ou xudiciais ata a finalización da instancia, incluído o xuízo oral e, de ser o caso, a execución da sentenza.

Artigo 33º.-Renuncias á defensa ou representación gratuítas.

1. O recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta comportará, agás os supostos excepcionais previstos nos artigos 5 e 28 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, a asignación da defensa e da representación a un avogado e a un procurador da quenda de oficio, non sendo admisible a pretensión de litigar por medio dun avogado libremente elixido e dun procurador de oficio, ou viceversa, agás se os profesionais de libre elección renuncian por escrito, ante o cliente e o colexio onde estean inscritos, a percibir os seus honorarios ou dereitos.

2. No momento de efectuar a solicitude do dereito á asistencia xurídica gratuíta ou unha vez recoñecido este, os interesados poderán renunciar expresamente á designación de avogado e de procurador de oficio, nomeando libremente profesionais da súa confianza. Esta renuncia debe afectar, simultaneamente, o avogado e o procurador.

Artigo 34º.-Obrigas profesionais.

1. Os profesionais inscritos nos servizos de asistencia xurídica gratuíta desenvolverán a súa actividade con liberdade e independencia de criterio, con suxeición ás normas deontolóxicas e ás regras e directrices que disciplinan o funcionamento dos servizos colexiais de xustiza gratuíta.

2. Os avogados e procuradores designados de oficio desenvolverán de xeito real e efectivo as actuacións encomendadas, de modo que a cidadanía reciba unha prestación de calidade. Así mesmo, en función das súas respectivas atribucións, proporcionaranlles aos seus defendidos ou representados información precisa e detallada sobre o estado do procedemento e das resolucións que se diten.

Para garantir a accesibilidade aos seus servizos, desde a primeira actuación facilitaranlles aos seus defendidos ou representados o enderezo do seu despacho, teléfono e horario de atención profesional.

3. A actuación dos avogados e procuradores continuará ata a finalización do procedemento na instancia xudicial de que se trate e, de ser o caso, a execución das sentenzas, se as actuacións procesuais nesta se producisen dentro dos dous anos seguintes á resolución xudicial ditada na instancia.

4. Só na orde penal os avogados designados poderán escusarse da defensa, nos termos previstos nos parágrafos 2º e 3º do artigo 31 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, sen prexuízo dos supostos de abstención previstos nas normas deontolóxicas. Cando se trate de atención ás vítimas de violencia de xénero, a aceptación da escusa na orde penal implicará o cesamento nos demais procedementos e a designación dun novo letrado.

5. Os avogados que interveñan nas quendas do artigo 29º deberán informar a persoa asistida sobre o seu dereito a solicitar a asistencia xurídica gratuíta, así como da súa obriga de pagar os honorarios xerados polos servizos efectivamente prestados, se non solicita o recoñecemento da asistencia xurídica gratuíta ou non se lle concede ou, concedéndoselle, procede logo o reintegro económico conforme o previsto no artigo 36 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

A mesma obriga de información terán os avogados de oficio designados provisionalmente polos colexios de avogados, ou os que sexan consecuencia do requirimento xudicial previsto no artigo 21 da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 35º.-Supervisión, fomento da calidade e coordinación.

1. A consellería competente en materia de xustiza velará polo bo funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta xestionados polos colexios profesionais.

2. A través de convenios de colaboración cos consellos galegos ou cos colexios profesionais, a consellería fomentará a introdución de protocolos de actuación como instrumentos eficaces para a mellora e obxectivización da boa práctica profesional, a elaboración de cartas de servizos e a incorporación de plans de mellora ou outros elementos de xestión de calidade, así como a adopción polos colexios de sistemas de avaliación do servizo de asistencia xurídica gratuíta que reciben os cidadáns. Estes convenios poderán prever a participación de expertos externos para a implantación dos plans e instrumentos de calidade e para a auditoría do sistema.

3. Os colexios de avogados e de procuradores dun mesmo ámbito territorial actuarán de xeito coordinado para efectuar as designacións de avogado e de procurador que procedan en cada caso e adoptarán as medidas necesarias para asegurar a efectiva e mutua comunicación das renuncias dos profesionais á percepción de honorarios e dereitos e das dos interesados ás designacións de oficio.

4. A coordinación efectuarase a través do sistema informático de asistencia xurídica gratuíta, de conformidade co previsto no artigo 9º deste regulamento.

Artigo 36º.-Queixas e denuncias.

1. O cidadán ten dereito a denunciar ante os colexios de avogados ou de procuradores as condutas contrarias á deontoloxía profesional e ás regras e directrices que disciplinan o funcionamento dos servizos colexiais de xustiza gratuíta. Tamén ten dereito a coñecer, a través dunha resolución suficientemente motivada, o resultado da denuncia.

2. As comisións de asistencia xurídica gratuíta trasladarán aos colexios de avogados e de procuradores correspondentes as queixas ou denuncias formuladas como consecuencia das actuacións dos profesionais de oficio ou das actividades desenvolvidas polos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta, sen prexuízo daqueloutras actuacións xudiciais que sexan procedentes.

3. Os colexios de avogados e de procuradores notificarán a recepción das reclamacións recibidas e comunicaranlle á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, ademais de ao cidadán ou aos cidadáns afectados, o acordo adoptado en relación coa denuncia ou queixa e, de ser o caso, a incoación de dilixencias informativas ou expediente disciplinario, así como a resolución definitiva que se dite.

4. A Dirección Xeral de Xustiza comunicará ante os colexios as infraccións que concirnan á aplicación da subvención ou ao cobramento de honorarios polos profesionais asignados ás quendas de asistencia xurídica gratuíta e, de ser o caso, denunciará os posibles incumprimentos das disposicións deste regulamento. O acordo adoptado en relación coas denuncias ou queixas formuladas pola Dirección Xeral de Xustiza e, de ser o caso, a incoación de dilixencias informativas ou expediente disciplinario, así como a resolución definitiva que se dite, serán notificados á Dirección Xeral de Xustiza.

Artigo 37º.-Responsabilidade patrimonial.

1. Os danos producidos polo funcionamento dos servizos colexiados de asistencia xurídica gratuíta serán resarcidos consonte as regras e os principios xerais de responsabilidade patrimonial contidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A anulación ou modificación das decisións adoptadas polos colexios profesionais respecto das designacións provisionais de avogado e procurador que sexan acordadas polas comisións de asistencia xurídica gratuíta no momento de ditar resolución ou polos órganos xudiciais que resolvan as impugnacións previstas no artigo 20 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, non supón de seu título de imputación de responsabilidade aos colexios profesionais.

3. A tramitación das reclamacións de indemnización axustarase ao previsto polo Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos das administracións públicas en materia de responsabilidade patrimonial, no que sexa aplicable e, en todo caso, coas seguintes precisións:

a) O procedemento de reclamación de indemnización iniciarase mediante solicitude do interesado, que se dirixirá ao colexio profesional correspondente e se presentará perante este.

b) A resolución final, en que se acorde ou desestime a indemnización reclamada, será adoptada pola Xunta de Goberno do colexio respectivo, logo de informe do Consello Consultivo de Galicia.

c) Contra a resolución da Xunta de Goberno poderá interporse, de ser o caso, recurso de alzada ante o Consello da Avogacía Galega ou o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, cuxa resolución porá fin á vía administrativa.

Capítulo VI

Compensación económica e supervisión dos servizos de asistencia xurídica gratuíta

Artigo 38º.-Compensación económica.

1. A consellería competente en materia de xustiza, con cargo ás súas dotacións orzamentarias, compensará economicamente as actuacións profesionais correspondentes á asistencia letrada ao detido e a defensa e representación gratuítas.

2. A devandita achega económica realizarase a través dos colexios de avogados e dos colexios de procuradores.

3. Os libramentos para compensar economicamente as actuacións profesionais en asistencia letrada ao detido e a defensa e representación gratuítas efectuaranse trimestralmente.

Artigo 39º.-Retribución por baremo.

De acordo co importe global das dotacións orzamentarias e tendo en conta a tipoloxía das actuacións e procesos en que interveñan os profesionais designados de oficio, a consellería competente en materia de xustiza establecerá anualmente, logo de consulta aos colexios de avogados e aos colexios de procuradores e á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, os módulos e bases de compensación, con cargo a fondos públicos, pola prestación dos servizos de asistencia letrada e de defensa e representación gratuítas.

Artigo 40º.-Actuacións profesionais compensables economicamente.

1. Para os efectos deste regulamento, enténdese por actuación de quenda de oficio a defensa e representación, en calquera das ordes e instancias xurisdicionais, das persoas físicas e xurídicas que teñan dereito á asistencia xurídica gratuíta, nos termos e co alcance previsto na Lei de asistencia xurídica gratuíta.

2. O asesoramento e a orientación gratuítos previos ao proceso que teñan por obxecto evitar o conflito procesual consideraranse comprendidos, para os efectos de compensación económica, no punto anterior, igual ca o informe sobre a insostibilidade da pretensión previsto nos artigos 32 e 35 da Lei estatal de asistencia xurídica gratuíta.

3. Enténdese por asistencia letrada ao detido ou preso a preceptivamente prestada a quen non designase avogado para calquera dilixencia policial que non sexa consecuencia dun procedemento penal en curso, para a súa primeira declaración ante un órgano xudicial, ou cando esta se leve a cabo mediante auxilio xudicial e o detido ou preso non designase letrado no lugar en que se preste. Así mesmo, tamén se inclúe neste punto a primeira asistencia letrada ás vítimas de violencia de xénero ou doméstica durante a súa estadía nas dependencias policiais con motivo de presentación dunha denuncia ou ante o xulgado de garda.

4. As actuacións dun procedemento penal posteriores á primeira declaración do detido ou preso consideraranse incluídas na defensa pola quenda de oficio, para os efectos do devengo da compensación económica, se reúnen as condicións estipuladas no primeiro punto deste artigo.

Artigo 41º.-Devengo da compensación económica polos profesionais.

1. Os avogados e procuradores designados de oficio, agás nos casos de improcedencia previstos no artigo 43º deste regulamento, devengarán a compensación económica correspondente á súa actuación na quenda de oficio no momento que se determinará na orde prevista no artigo 39º para cada clase de actuación ou procedemento.

2. Cando se trate de asistencia letrada ao detido, a compensación económica devengarase unha vez finalizada a intervención profesional, ben mediante a participación nunha quenda de garda ou ben mediante a realización da asistencia individualizada naqueles colexios en que, excepcionalmente, non estea implantado o sistema de gardas. Neste último caso, a retribución diaria de cada letrado por asistencias, sexa cal sexa o número das realizadas, non poderá exceder da cantidade resultante da suma de cinco asistencias.

Así mesmo, cando a asistencia letrada se teña que prestar a máis dun detido polos mesmos feitos, computarase como unha soa asistencia para os efectos da súa percepción, sempre que non exista conflito de intereses.

3. A documentación acreditativa da actuación profesional realizada por avogados e procuradores, no ámbito do previsto nos dous números anteriores, deberá en todo caso ser presentada no respectivo colexio dentro dos tres meses seguintes á respectiva intervención.

Os colexios deberán verificar a efectiva prestación dos servizos por parte dos profesionais mediante o control das xustificacións documentais, que conservarán á disposición da Dirección Xeral de Xustiza durante o prazo previsto no artigo 48º.3 deste regulamento.

4. Naqueles supostos en que se designe outro profesional nun procedemento no cal xa estea xerada a compensación económica correspondente a favor do primeiro designado, corresponderalle ao respectivo colexio realizar cantas actuacións considere oportunas para redistribuír entrambos o importe de tal compensación.

Artigo 42º.-Comunicación da finalización dos procedementos e dos pronunciamentos sobre custas.

1. Os avogados e procuradores terán que comunicarlle ao seu colexio profesional a finalización do asunto para o cal fosen designados e especificarán os pronunciamentos en custas que se producisen e as posibles indemnizacións ou beneficios obtidos polo cliente que teña recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta.

2. Os colexios de avogados e de procuradores velarán polo cumprimento do previsto na alínea anterior.

Artigo 43º.-Improcedencia da compensación económica e reintegros.

1. Os profesionais designados de oficio non poderán percibir compensación económica con cargo a fondos públicos polos servizos efectivamente prestados cando o beneficiario destes non solicitase ou obtivese a asistencia xurídica gratuíta ou proceda o reintegro económico previsto no artigo 36 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, sen prexuízo do disposto no artigo 22º deste regulamento.

2. Si se percibiu a dita compensación económica, os profesionais designados de oficio deberán reintegrarlles aos colexios o percibido deles polo devandito concepto.

3. Os colexios de avogados e de procuradores velarán polo cumprimento do previsto nos puntos anteriores.

Artigo 44º.-Procedemento de aplicación da compensación económica.

1. Dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre, os colexios de avogados e os colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia remitiranlle á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período, especificando o número total de quendas de garda ou asistencias letradas levadas a cabo, o número total de asuntos de defensa ou representación gratuíta desagregado por tipo de procedemento e o custo económico total asociado a estes en función dos módulos e das bases de compensación económica previstas no artigo 39º deste regulamento.

As certificacións deberán ser expedidas polo secretario co visto e prace do decano de cada colexio.

2. As devanditas certificacións deixarán constancia, así mesmo, dos reintegros que, de ser o caso, proceda efectuar de fondos públicos previamente percibidos, correspondentes a intervencións de avogados e procuradores designados en expedientes de xustiza gratuíta en tres tipos de supostos:

a) Cando se revogase o dereito de asistencia xurídica gratuíta.

b) Cando os profesionais designados obtivesen o aboamento dos seus honorarios en execución do pronunciamento sobre custas a favor do seu cliente, ditado na sentenza que poña fin ao proceso.

c) Cando os profesionais designados perciban os seus honorarios conforme o previsto polo artigo 27, segundo parágrafo, da Lei 1/1996.

3. En función destas certificacións, a consellería competente en materia de xustiza efectuará, a seguir, os libramentos trimestrais que correspondan, sen prexuízo das posteriores regularizacións que procedan, unha vez realizada na súa totalidade a xustificación anual regulada no capítulo seguinte.

4. Os colexios profesionais, como entidades colaboradoras para a distribución das compensacións económicas, están suxeitos ás regras e obrigas establecidas no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 45º.-Gastos de funcionamento e infraestrutura.

1. A consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deben percibir os colexios para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos de asistencia letrada ao detido, defensa e representación gratuítas e das unidades encargadas da orientación e asesoramento dos peticionarios do dereito de asistencia xurídica gratuíta, transferíndolle o importe ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais. As devanditas cantidades serán unha porcentaxe do xerado o ano anterior en concepto de asistencia xurídica gratuíta.

2. O Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais distribuirán estes fondos entre os colexios, de acordo coas necesidades destes e tendo en conta as características de cada un deles, o volume de asuntos, a configuración territorial da súa demarcación, de ser o caso, a distancia con respecto aos centros de detención, os medios de comunicación dispoñibles, a configuración urbana e calquera outro factor que puidese afectar a máis eficaz e inmediata prestación dos servizos.

Artigo 46º.-Contas separadas.

1. O Consello da Avogacía Galega deberá ingresar, en conta separada, baixo o título «Gastos de organización, administración e xestión colexios dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas», as cantidades libradas para atender as finalidades referidas neste regulamento.

2. Os colexios de avogados deberán ingresar, en conta separada, baixo o título «Colexio de Avogados de...» e «Achega da Xunta de Galicia para compensar economicamente os avogados en quenda de oficio e asistencia letrada ao detido», as cantidades libradas para atender as finalidades referidas neste regulamento.

Idéntica obriga corresponderalles aos colexios de procuradores e serán neste caso os títulos das contas «Colexio de Procuradores de...» e «Achega da Xunta de Galicia para compensar economicamente os procuradores en quenda de oficio».

3. Os xuros xerados, de ser o caso, polas referidas contas aplicaranse aos gastos de funcionamento dos servizos.

Capítulo VII

Xustificación trimestral da aplicación da compensación económica

Artigo 47º.-Xustificación trimestral da aplicación da compensación económica.

1. Dentro do mes natural seguinte á recepción por cada colexio de avogados e de procuradores dos libramentos trimestrais efectuados pola consellería competente en materia de xustiza, cada colexio profesional deberá xustificar, ante a Dirección Xeral de Xustiza, a aplicación da compensación económica percibida durante o trimestre inmediatamente anterior. Se incumprisen a referida obriga, poderanse suspender os sucesivos pagamentos ata que se renda a conta.

2. As diferenzas que poden resultar dos libramentos á conta regularizaranse unha vez cumprido o trámite de xustificación previsto no parágrafo anterior.

Artigo 48º.-Contido da xustificación trimestral.

1. A xustificación trimestral da aplicación dos fondos percibidos a que se refire o artigo anterior comprenderá a presentación perante a Dirección Xeral de Xustiza dos documentos seguintes:

a) Relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas ao detido efectuadas por cada letrado, con indicación dos datos seguintes: día de actuación, número de atestado ou telefonema, centro de detención, nome dos detidos, tipo de delito, importe bruto pagado, retención do IRPF e importe neto liquidado ao letrado.

b) Relación detallada dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada letrado, con indicación do número do expediente dado pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, nome do beneficiario, tipo e número de procedemento, órgano xudicial, importe bruto pagado, retención do IRPF e importe neto liquidado ao letrado.

c) Relación por letrados das cantidades devoltas en caso de percepcións indebidas de compensacións, con indicación dos datos seguintes: número de expediente dado pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, nome do beneficiario, tipo e número de procedemento, órgano xudicial, importe devolto, trimestre en que se liquidou a compensación e motivo da devolución.

d) Copia do documento de ingreso en Facenda das retencións do IRPF aplicadas.

e) Relación separada das renuncias dos profesionais á percepción de honorarios e dereitos.

f) Relación das renuncias dos interesados ás designacións efectuadas.

2. Os colexios de procuradores dos tribunais de Galicia deberán presentar as xustificacións das actuacións profesionais de representación gratuíta nos termos dos anteriores puntos que lles sexan aplicables.

3. Os colexios de avogados e de procuradores dos tribunais deberán conservar a documentación a que se refire o artigo 47º e o número 1 deste artigo por un período de cinco anos. A Dirección Xeral de Xustiza poderá, en calquera momento, solicitar dos colexios a achega destes documentos.

Artigo 49º.-Memoria-informe.

1. Os colexios de avogados e os colexios de procuradores remitiranlle á consellería competente en materia de xustiza, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha memoria-informe sobre o funcionamento dos servizos de orientación xurídica, asistencia letrada e asistencia xurídica gratuíta durante o ano anterior, en que deberán indicarse datos relativos ao aumento e diminución de solicitudes de asistencia xurídica gratuíta, concesións, disfuncións apreciadas, aplicación dos requisitos de formación e especialización precisos para prestar os servizos de asistencia xurídica gratuíta, etcétera.

2. Esta memoria-informe deberá conter unha relación detallada, xustificada documentalmente, das cantidades destinadas por cada colexio para atender os gastos de organización, infraestrutura e funcionamento dos servizos de asesoramento previo, asistencia letrada e quenda de oficio, con indicación dos criterios seguidos para isto.

Capítulo VIII

Asistencia pericial gratuíta e outras prestacións

Artigo 50º.-Contido da prestación.

1. O recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta eximirá os seus titulares da obriga de aboar os gastos derivados das actuacións periciais practicadas ao longo do proceso para o cal se solicitou o devandito dereito, agás nos casos en que, conforme o artigo 36 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, procede o reintegro económico.

2. A asistencia pericial gratuíta levarana a cabo o Instituto de Medicina Legal de Galicia e o persoal técnico, os institutos ou as entidades que, a través de relación laboral, convenio ou contrato administrativo, a Xunta de Galicia adscriba funcionalmente á asistencia pericial á Administración de xustiza.

3. Se as persoas e entidades mencionadas na alínea anterior non tivesen a titulación académica ou a especialidade que a proba pericial precise, os tribunais e fiscalías poderán, a través da Dirección Xeral de Xustiza, requirir a designación de persoal facultativo ou técnico adscrito ás consellerías, aos organismos autónomos e ás entidades dependentes da Xunta de Galicia para os efectos do seu nomeamento como perito mediante resolución xudicial, sen prexuízo da posibilidade de requirir a devandita colaboración da Administración estatal, local ou institucional.

4. En último termo, cando os tribunais e fiscalías teñan coñecemento de que entre o persoal dependente das administracións públicas non existen técnicos coa titulación axeitada para a realización da proba pericial acordada, poderán, mediante resolución motivada, designar profesionais privados.

Artigo 51º.-Procedemento para a designación de funcionarios e persoal laboral da Administración autonómica.

1. A dirección xeral con competencia en materia de xustiza publicará e actualizará de xeito permanente a relación de persoal técnico, institutos e entidades adscritos funcionalmente para a asistencia pericial á Administración de xustiza.

2. A dirección xeral con competencia en materia de xustiza tramitará os requirimentos de colaboración previstos no punto 3 do artigo anterior, que lle trasladará á consellería, ao organismo autónomo ou á entidade dependente da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que conte con persoal que reúna os coñecementos que a pericia precise. A unidade que reciba o traslado deberá contestarlles, no máis breve prazo posible, á dirección xeral competente por razón da materia e ao órgano xudicial ou fiscal requirente, facilitando a identificación do funcionario ou persoal estatutario ou laboral designado, ou denegando a súa designación cando non fose posible asumir a colaboración cos medios ordinarios de que dispón. Neste último caso, a dirección xeral competente comunicarallo ao órgano requirente para os efectos do punto 4 do artigo anterior; o mesmo fará cando non reciba a contestación.

3. Desde o momento en que, en virtude dunha resolución xudicial, os tribunais os nomean como peritos, a actuación no proceso dos funcionarios e do persoal laboral rexerase polas leis de axuizamento correspondentes, sen prexuízo de que as autoridades xudiciais soliciten dos superiores orgánicos deste persoal a aprobación de comisións de servizo para asistir aos actos procesuais que se sinalen e, de ser o caso, das prolongacións de xornada precisas para garantir a realización do informe pericial en tempo.

O persoal dependente da Administración pública non terá dereito a percibir honorarios pola súa actuación como perito xudicial, sen prexuízo do dereito a percibir as indemnizacións de servizo que procedan, así como do dereito á percepción de gratificacións extraordinarias cando a colaboración xudicial implique prolongación da súa xornada laboral.

4. A través de convenios e acordos entre a consellería competente en materia de xustiza e as consellerías, os organismos e as entidades competentes para a designación de persoal facultativo ou técnico, poderá protocolizarse a tramitación dos requirimentos de colaboración previstos no punto 3 deste artigo, así como o pagamento das indemnizacións de servizo e gratificacións extraordinarias.

Artigo 52º.-Peritos privados.

1. Antes de designar técnicos privados para practicar unha proba pericial proposta por unha parte que teña recoñecido o dereito á asistencia pericial gratuíta, o órgano xudicial deberá proceder ao seu nomeamento entre o persoal previsto no punto 2 do artigo 50º deste regulamento ou, de non os haber, terá que remitir o requirimento de colaboración previsto no punto 3 do devandito artigo.

2. Para a acreditación da inexistencia de persoal técnico dependente das administracións públicas, segundo o previsto no artigo 6.6º da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, abondará a comunicación que en tal sentido a dirección xeral competente en materia de xustiza lle dirixa ao órgano xudicial requirente.

3. Unha vez cumprido o previsto nos puntos anteriores, a designación de técnicos privados como peritos xudiciais por instancia das partes con dereito á asistencia pericial gratuíta efectuarase de acordo co que se establece nas leis procesuais, e correrá a cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de xustiza, o aboamento dos honorarios conforme as condicións económicas que se estipulen entre a Administración e o perito.

Para tales efectos, antes da realización da proba pericial, o técnico privado remitiralle á dirección xeral competente en materia de xustiza, para a súa aprobación, unha previsión do seu custo económico, que incluirá necesariamente os aspectos seguintes:

a) Tempo previsto para a realización da peritaxe e valoración do custo por hora.

b) Gastos precisos para a súa realización.

Para os efectos da aprobación da previsión de custo, a dirección xeral competente en materia de xustiza valorará o tempo empregado na elaboración da peritaxe, en función dos antecedentes correspondentes a supostos similares, e o custo por hora do devandito técnico, en función da retribución media que lle outorga a Administración a un membro dun corpo en que se exixa titulación similar para a realización da peritaxe.

A previsión do custo quedará automaticamente aprobada se, no prazo dun mes desde a súa remisión, a dirección xeral competente pro razón da materia non formula ningún reparo á súa cuantificación.

4. O previsto nos puntos anteriores será tamén aplicable ás probas periciais acordadas de oficio en procesos en que interveñan partes que teñen recoñecido o dereito á asistencia pericial gratuíta. Nestes casos á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle só o pagamento da parte dos honorarios do perito que corresponda ás devanditas partes.

5. Mediante unha orde da consellería competente en materia de xustiza, determinaranse, respecto das actuacións periciais máis frecuentes, os módulos económicos tipo, así como a forma de pagamento dos gastos e honorarios ocasionados pola actuación de profesionais privados en probas periciais a que se refire este artigo. Non será necesaria a aprobación da previsión de custo cando a minuta de honorarios que o perito lle presente á Administración se axuste aos módulos económicos tipo.