DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 20 de xaneiro de 2009 Páx. 1.356

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia.

O lobo forma parte destacada do patrimonio natural e cultural de Galicia, pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante co ser humano asociada aos danos que causa ao gando. Ao respecto, débese ter en conta que, a pesar de tratarse dunha das especies listadas no Regulamento de caza e de non estar incluída actualmente no Catálogo galego de especies ameazadas, trátase dun gran predador que dá lugar a unha problemática social que pode derivar en problemas de conservación para a especie, polo que esta debe de ser obxecto dunha atención especial.

A poboación de lobos de Galicia pertence á poboación de lobo ibérico situada ao norte do río Douro, polo que está incluída no anexo VI (especies animais e vexetais de interese comunitario cuxa recollida na natureza e explotación poden ser obxecto de medidas de xestión) da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

O Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, inclúe no seu anexo IV o lobo entre as especies cazables no territorio da nosa comunidade autónoma. Non obstante o anterior, desde hai varios anos a orde anual que fixa os períodos hábiles de caza só autoriza a caza do lobo despois de constatar fidedignamente a existencia de danos e con plenas garantías de conservación da poboación desta especie.

Na actualidade, a xestión dos danos ocasionados polos lobos á gandaría ten a súa base legal na mencionada orde anual pola que se determinan as épocas hábiles de caza, que regula a caza por danos producidos polas especies cinexéticas e nas ordes anuais en que se establecen axudas económicas para previr e paliar os danos producidos polo lobo.

O modelo de xestión actual desta especie, se ben que soluciona certos problemas, non acaba de satisfacer todos os sectores implicados. Así, entre as principais carencias que se observan na actualidade está a necesidade de axustar os controis do lobo a unha planificación que garanta a conservación desta especie; a necesidade de aclarar o concepto de danos recorrentes que será determinante para a autorización destes controis; o fomento e posta en valor do interese turístico e económico que pode presentar esta especie contribuíndo ao aumento da tolerancia do mundo rural respecto do lobo; a implantación e o fomento de métodos de prevención así como a concesión de axudas para paliar os danos producidos polo lobo; a recuperación e valorización do patrimonio cultural asociado ao lobo; o aumento do grao de tolerancia e de coñecemento da realidade do lobo por parte da poboación, principalmente a que convive máis preto desta especie, a través da divulgación social e da educación ambiental; o

fomento da investigación e do estudo sobre esta especie, en especial, sobre a súa distribución e parámetros poboacionais, a relación predador-presa, a predación sobre o gando e o seu hábitat.

O Plan de xestión do lobo en Galicia que se aproba con este decreto pretende poñer fin ás carencias anteriormente sinaladas, dando cumprimento, ademais, ás recomendacións do Comité Permanente do Consello de Berna respecto á necesidade de xestionar a especie de acordo cun plan de manexo e á Estratexia para a conservación e xestión do lobo en España, aprobada en Conferencia sectorial o 29 de xaneiro de 2005.

O artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva para ditar normas adicionais sobre a protección do ambiente. No exercicio desta competencia o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que ten por obxecto, consonte o sinalado no seu artigo 1, establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e da fauna silvestres, ademais da xea da Comunidade Autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como a súa preservación para xeracións futuras. O Plan de xestión do lobo en Galicia encádrase neste marco normativo e constitúe un instrumento fundamental para garantir a protección e a conservación desta especie no noso territorio.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación do Plan de xestión do lobo en Galicia.

Apróbase o Plan de xestión do lobo en Galicia que vén recollido no Anexo.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación do Plan de xestión do lobo en Galicia esténdese a todo o territorio da nosa comunidade autónoma.

Artigo 3º.-Vixencia do plan.

O Plan de xestión do lobo en Galicia terá unha vixencia indefinida ata a consecución dos obxectivos fixados nel.

Artigo 4º.-Modificación do plan.

As modificacións do Plan de xestión do lobo en Galicia levaranse a cabo mediante decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO

Plan de xestión do lobo en Galicia

Capítulo I

Diagnóstico

Punto 1.-Distribución e poboación.

Segundo os estudos realizados entre os anos 1999 e 2003 a presenza do lobo en Galicia é ampla, ocupa a maior parte do noso territorio e está presente mesmo en zonas moi humanizadas. Aínda que o lobo parece faltar nalgunhas zonas do litoral galego, como serían o extremo suroeste, na costa centro-norte da provincia da Coruña e na parte oriental da costa lucense, non se identifican fenómenos de fragmentación das poboacións, e constátase a existencia dunha poboación de lobos continua ao longo da súa área de distribución. Ademais disto, a poboación de lobos galega non está illada do resto das poboacións ibéricas da especie, xa que presenta continuidade cos lobos de Asturias, Castela e León e Portugal.

Segundo estes estudos constatouse a presenza segura de 60 mandas de lobos no noso territorio, estimándose como probable a existencia de 8 mandas máis, o cal suporía a existencia dun número de exemplares desta especie no noso territorio que se situaría entre 420 e 625 lobos en Galicia. Isto supón que a densidade desta especie no noso territorio se atoparía entre 1,68 a 2,49 individuos por cada cen quilómetros cadrados, con densidades importantes ao longo de toda a dorsal galega, no norte de Pontevedra e no sur de Ourense. Porén, estes datos deben ser tomados con cautela debido á complexidade que supón calcular o tamaño real da poboación de lobos en Galicia e polo feito de que estes datos foron recollidos inmediatamente despois da época de reprodución do lobo, coincidindo polo tanto co período en que a poboación desta especie se atopa no seu nivel máis alto.

Punto 2.-Causas de mortalidade.

Entre as causas de mortalidade desta especie, os estudos realizados revelan que unha alta porcentaxe das mortes dos lobos, ao redor do 20% durante o período 1999-2003, veñen producidas por accións ilegais do ser humano, aínda que probablemente esta porcentaxe sexa maior debido á dificultade que existe para detectar os exemplares mortos a causa deste tipo de mortalidade. Desta porcentaxe, os lobos mortos por envelenamento representan un 6%, porcentaxe que pode ser moito maior por esta circunstancia.

Respecto a outras causas de mortalidade que teñen unha orixe antrópica, hai que salientar as mortes producidas por atropelo, as cales supoñen o 64% das mortes desta especie. Pola contra, as mortes de lobos producidas pola realización de batidas debidamente autorizadas son moi pouco significativas, acadando un total de tres lobos mortos por esta causa no período 2004-2007.

Punto 3.-Conflitividade.

Os danos ao gando ocasionados polo lobo reflíctense en toda a súa área de distribución. A media anual de reses afectadas na actualidade acada unha media de 159 vacas/ano, 1.112 ovellas/ano, 113 cabras/ano e 26 cabalos/ano no período 2006-07. A distribución temporal dos danos mostra que no mes de decembro e na primavera é cando máis expedientes de vacún se solicitan, mentres que para o gando ovino solicítanse unha maior cantidade de expedientes en agosto, setembro e outubro. É conveniente recalcar que estes datos dependen do número de solicitudes presentadas, polo que esta información debe entenderse máis como un indicador da alarma social que dos danos que realmente ocasionan os lobos.

Capítulo II

Finalidade e obxectivos

Punto 4.-Finalidade.

A finalidade do Plan de xestión do lobo en Galicia é garantir a viabilidade desta especie no noso territorio, mantendo unha poboación estable do lobo en Galicia e ao mesmo tempo compatibilizar a súa existencia coa da gandaría extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos causados por esta especie, así como poñer en valor a existencia do lobo e convertela nun elemento que fomente o desenvolvemento rural e turístico das zonas onde se está presente esta especie.

Punto 5.-Obxectivos.

O Plan de xestión do Lobo en Galicia persegue os seguintes obxectivos:

a) Establecer as medidas e actuacións que permitan manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúan á conservación da poboación ibérica.

b) Manter unha poboación estable e continua de lobos, similar á actual, independentemente das flutuacións naturais que se poden producir a curto prazo, e desenvolver os mecanismos para o seu seguimento e estudo.

c) Minimizar a conflitividade xerada polos danos que ocasionan os lobos sobre o gando, mediante incentivos económicos e asesoramento técnico axeitado para a aplicación de métodos de prevención de danos.

d) Establecer propostas e fomentar actuacións nas cales se recoñeza o lobo como un recurso económico que pode mellorar as condicións socioeconómicas das poboacións locais, tales como actividades turísticas e a recuperación do patrimonio cultural.

e) Desenvolver programas e actuacións co obxecto de aumentar o coñecemento e a tolerancia dos distintos sectores da sociedade cara ao lobo.

f) Establecer un sistema de participación social en que todos os sectores relacionados directamente coa xestión do lobo asuman a súa corresponsabilidade na xestión e conservación da especie.

Capítulo III

Zonificaición

Punto 6.-Obxectivo da zonificación.

A zonificación establecida neste plan faise co obxectivo de acadar unha máis axeitada xestión e conservación do lobo atendendo ás distintas características e peculiaridades que presenta o territorio de Galicia.

Punto 7.-Criterios de zonificación.

1. Para a zonificación do ámbito de aplicación do Plan de xestión do lobo atendeuse á división territorial de Galicia por municipios, aos aspectos biolóxicos máis salientables do lobo, así como aos aspectos sociais, en especial a conflitividade co home que xera esta especie.

2. Os criterios empregados para a zonificación do ámbito de aplicación do Plan de xestión do lobo son os seguintes:

-Criterio 1. Densidade de lobos. Utilizando os datos poboacionais e a información relativa aos seguimentos que se realizaron entre 1999 e 2003, establécense tres categorías:

Densidade baixa: (entre 0 e 1,27 lobos/100 km2).

Densidade media: (entre 1,27 e 2,29 lobos/100 km2).

Densidade alta: (a partir de 2,29 lobos/100 km2).

-Criterio 2. Gandaría. Establécense dúas categorías para cada un dos seguintes tipos de gando:

Gando equino: presente e abundante.

Gando ovino-cabrún: menos de 30 reses/100 hectáreas e 30 ou máis reses/100 hectáreas.

Gando vacún en explotacións de carne e mixtas: menos de 17,5 reses/100 hectáreas e 17,5 ou máis reses/100 hectáreas.

-Criterio 3. Danos á gandaría. Considérase o número de ataques á gandaría confirmados pola consellería competente en materia de ambiente, entre os avisos de ataques recibidos nos anos 2006 e 2007, e establécense dúas categorías: concellos con máis de 5 ataques confirmados/100 km2 e concellos con 5 ou menos ataques confirmados/100 km2.

-Criterio 4. Coherencia das unidades de xestión. Unha vez realizada a asignación dos concellos a zonas de acordo cos criterios anteriores, aquelas zonas dunha superficie inferior aos 150 quilómetros cadrados que representan un fraccionamento das áreas de xestión, foron reasignadas de acordo coa zonificación do ámbito xeográfico co obxectivo de crear unhas unidades de xestión homoxéneas e máis coherentes co ámbito vital da especie.

Punto 8.-Zonas de xestión.

1. Atendendo aos criterios de zonificación definidos e asumindo que a probabilidade de danos é maior nas zonas de alta densidade de lobos onde hai máis abundancia de gando, establécense tres zonas de xestión, denominadas zona 1, zona 2 e zona 3.

a) Zona 1.

É a zona prioritaria á hora de aplicar e fomentar as medidas de prevención dos danos producidos polo lobo. A Administración poderá realizar nesta zona unha planificación para controlar a poboación de lobo, logo dunha avaliación técnica dos danos sobre a gandaría, da adopción de medidas preventivas, do grao de conflitividade social e do estado poboacional do lobo, que deberá ser obxecto de seguimento. Poderanse realizar ademais controis puntuais non previstos na planificación por solicitude das persoas afectadas polos ataques do lobo, no caso de danos recorrentes e tendo en conta os criterios establecidos para tal fin.

b) Zona 2.

Nesta zona as persoas interesadas poderán solicitar, no caso de danos recorrentes ao gando, a realización de xeito puntual de controis poboacionais, que deberán ser debidamente autorizados logo dunha avaliación técnica dos danos sobre a gandaría, da posibilidade de mitigalos con medidas preventivas, do grao de conflitividade social e do estado poboacional do lobo.

c) Zona 3.

Non se autorizarán controis salvo casos excepcionais que terán que estar especialmente xustificados.

2. As características que presentan os distintos tipos de zonas aparecen recollidos na seguinte táboa:

Ver referencia pdf "01300D002P040.PDF"

3. De acordo coa información da que se dispón actualmente sobre o lobo, e en aplicación dos criterios de zonificación sinalados no punto 7 deste plan, establécese como zonificación inicial a que aparece recollida no seguinte mapa:

Ver referencia pdf "01300D002P040.PDF"

Punto 9.-Revisión da zonificación.

1. A zonificación establecida neste plan revisarase, con carácter xeral, cada cino anos. Sen prexuízo do anterior, a primeira revisión da zonificación realizarase aos tres anos da entrada en vigor do plan.

2. Desenvolverase un sistema de información xeográfica para a zonificación da área de distribución do lobo en Galicia, integrando no devandito sistema as seguintes variables, na medida que estean dispoñibles: alimentación, dispoñibilidade de alimento, hábitat, mortalidade, densidade de lobos, carga gandeira, danos á gandaría e actitudes sociais, entre outras.

Capítulo IV

Medidas de control

Punto 10.-Directrices para o control do lobo.

1. Co fin de previr e paliar os danos á gandaría, a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar controis do lobo de acordo cos criterios que figuran no punto 8 deste plan.

2. Para a realización dos controis do lobo poderase contar coa colaboración das sociedades de caza, autorizándose a súa caza como medida de xestión da especie. En todo caso, será preceptiva a supervisión por parte dos axentes da consellería competente en materia de ambiente.

Na zona 3 os controis terán carácter excepcional e só poderán ser realizados polos axentes da consellería competente en materia de ambiente .

3. Evitarase, salvo casos excepcionais debidamente xustificados, a realización de controis durante a época de reprodución desta especie (de marzo a xullo).

4. A realización dos controis estará supeditada, en todo caso, á necesidade de garantir o mantemento da poboación de lobos en niveis similares aos actuais.

5. Con carácter excepcional, e no caso de que fosen atacadas polo lobo un número importante de reses, a dirección xeral con competencias en materia de conservación da natureza poderá autorizar a realización de controis fóra dos supostos sinalados no número 2 deste punto.

Capítulo V

Actuacións

Sección primeira

Planificación de actuacións

Punto 11.-Planificación de actuacións.

Co fin de acadar os obxectivos previstos no Plan de xestión do lobo en Galicia, levaranse a cabo as actuacións previstas neste capítulo dentro dos dez anos posteriores á aprobación do dito plan.

Sección segunda

Aspectos biolóxicos e investigación

Punto 12.-Aspectos poboacionais e biolóxicos.

1. Realizaranse programas de seguimento periódicos da poboación do lobo en Galicia. A súa finalidade será obter información da distribución, aspectos poboacionais e, na medida do posible, taxas de natalidade e mortalidade e tamaño de grupo. O seguimento realizarase entre o mes de abril e outubro, prestarase especial atención á tendencia poboacional e á evolución da conectividade das zonas onde a poboación corre risco de verse fragmentada (como é o caso da Costa da Morte), así como o estado poboacional nas zonas onde se apliquen plans de control da especie.

Fomentarase a participación dos axentes de Ambiente nestes programas.

2. A dirección xeral competente en materia de conservación da natureza elaborará protocolos de recollida de información sobre o lobo, que se incorporarán a unha base de datos centralizada, ligada a un sistema de información xeográfica. Abordarase a información de avistamentos, danos, resultados dos controis, mortalidade e as súas causas, estado de saúde dos exemplares, etc. Nos protocolos incluirase a inspección e toma de mostras dos exemplares mortos para realizar análises xenéticas, parasitolóxicas e patolóxicas. Anualmente elaborarase un informe coa información acumulada.

Punto 13.-Estudos de alimentación e das relacións predador-presa.

1. Co fin de incrementar o coñecemento sobre as pautas de alimentación do lobo, realizarase un estudo sobre os hábitos alimenticios do lobo en Galicia, seleccionando as zonas de estudo en función das seguintes variables: danos á gandaría, carga gandeira, dispoñibilidade de especies silvestres e nivel de humanización, entre outras. O obxectivo do devandito estudo será coñecer os hábitos alimenticios dos lobos e as súas preferencias tróficas en función da dispoñibilidade de alimento en diferentes zonas, incluíndo a accesibilidade sobre o gando. Toda esa información debe repercutir no tipo de medidas que se van aplicar e na identificación de zonas de xestión.

2. Incrementarase o coñecemento da predación do lobo sobre o gando, para o cal se elaborará un estudo da relación lobo-cabalo na cal se abordarán cuestións como a produtividade, o estado de saúde, taxa de mortalidade, taxa de depredación, características dos animais depredados e estrutura social das mandas de cabalos nas distintas zonas. Os seus resultados poderán servir de base para a xestión do lobo e dos cabalos en zonas onde coinciden. O devandito traballo poderá ser completado cun estudo da predación dos lobos sobre o gando en réxime semiestabulado (vacún, ovino...).

3. Incrementarase o coñecemento das relacións predador-presa, para o cal, e na medida do posible, se realizarán estudos baseados en técnicas de seguimento mediante gps-gsm das relacións do lobo coas súas principais presas, tanto silvestres como domésticas, que permitan coñecer se hai zonas onde os lobos mostran algún tipo de selección positiva cara a unha determinada presa. Esta información servirá de base para a adopción de medidas de xestión e de métodos de prevención de danos.

Punto 14.-Calidade do hábitat para a especie.

1. Realizarase un seguimento das poboacións de ungulados silvestres, para o cal a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza elaborará e manterá actualizada unha base de datos con información correspondente ás capturas de especies de caza maior e información poboacional achegada nos plans de ordenación cinexética, que permita coñecer as tendencias poboacionais dos ungulados silvestres en Galicia. A devandita información complementarase cunha cartografía da potencialidade do hábitat para ungulados silvestres autóctonos. A análise da devandita información poderá servir de base para a adopción de medidas de xestión do lobo.

2. Coa finalidade de coñecer o efecto da diminución de preas e da clausura de vertedoiros, realizarase un seguimento periódico, cada dous ou tres anos, da situación do lobo (presenza, reprodución e alimentación) en dúas zonas seleccionadas por seren zonas onde tradicionalmente as preas e os vertedoiros supuxeron unha importante fonte de alimento. O calendario destes seguimentos coincidirá, cando sexa posible, cos seguimentos poboacionais previstos.

3. Identificaranse as zonas que soportan a maior cantidade de focos de incendios. Cruzaranse a información de superficies queimadas das bases de datos de incendios cos datos de situación das zonas de cría dos lobos para identificar zonas especialmente sensibles para a conservación do lobo. Sobre estas zonas proporase intensificar a vixilancia para evitar incendios.

Punto 15.-Metodoloxía.

Establecerase unha metodoloxía común que será de observancia e aplicación para os estudos e investigacións que se realicen en Galicia sobre o lobo co fin de evitar caer en erros asociados producidos pola utilización de distinta metodoloxía.

Punto 16.-Fomento de estudos e investigacións.

As liñas de axudas da Xunta de Galicia para financiar estudos e proxectos de investigación fomentarán os que teñan por obxecto a xestión e a conservación do lobo en Galicia. O financiamento destes estudos e investigacións terá carácter prioritario dentro dos estudos e investigacións relativos aos recursos naturais e á biodiversidade.

Sección terceira

Factores que afectan a conservación da especie

Punto 17.-Mortalidade por causas non naturais.

1. A dirección xeral con competencia en conservación da natureza elaborará e manterá actualizada unha base de datos, así como protocolos de actuación para os casos de envelenamento dos lobos e outras prácticas de control ilegais, facendo especial fincapé respecto das substancias detectadas nos lobos envelenados.

2. Implantaranse os mecanismos necesarios para previr, detectar e combater os casos de envelenamento e outras prácticas de control ilegais. Neste sentido, incrementarase a vixilancia fronte ao furtivismo e mellorarase a formación dos axentes da Xunta de Galicia sobre aspectos xerais do lobo en Galicia, dotándoos dos medios materiais necesarios para loitar contra estas prácticas. Para iso deseñarase un programa de actuación que establecerá un marco de traballo coordinado entre os distintos servizos da Xunta e os corpos de seguridade, que entre as súas principais liñas de actuación conteña, polo menos, a de mellorar a coordinación e frecuencia de inspeccións por parte das/dos axentes da autoridade e das/dos técnicos dos servizos correspondentes, dos establecementos de venda de produtos fitosanitarios co fin de velar polo estrito cumprimento da regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de biocidas.

Punto 18.-Efecto barreira das infraestruturas.

1. Estudarase e analizarase o efecto barreira das infraestruturas, especialmente as infraestruturas lineais existentes entre A Coruña e Pontevedra, abordándose a identificación de corredores ecolóxicos e a conexión entre os lobos do norte de Pontevedra e a costa occidental da Coruña.

2. A dirección xeral con competencia en conservación da natureza realizará un seguimento do uso dos pasos de fauna, establecendo as zonas por onde as especies silvestres, con especial atención ao lobo, acceden a vías de elevado tránsito viario. Este estudo permitirá establecer medidas correctoras tendentes a minimizar os atropelos de lobos e o efecto barreira.

3. A dirección xeral con competencia en conservación da natureza velará por que se realice a instalación e a comprobación da efectividade de pasos de fauna e a adopción de medidas correctoras en futuras infraestruturas viarias de elevado tránsito que se leven a cabo nun futuro para garantir a continuidade da poboación de lobo.

4. Promoverase a adopción de medidas correctoras nos puntos negros das estradas. Identificaranse os puntos negros con altas frecuencias de atropelos e estudaranse as características desas zonas, para propoñer a aplicación de medidas correctoras e avaliar o seu efecto na conservación do lobo.

5. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza fomentará que nas avaliacións de impacto ambiental de proxectos de implantación eólica se inclúan datos sólidos sobre a presenza de lobos nas áreas de influencia e se realice unha avaliación e seguimento das afeccións da instalación eólica sobre a poboación de lobos; estrutura social, zonas de cría, uso do espazo, etc. Ademais, realizarase un estudo de cuestións como a estrutura social das mandas, produtividade, mortalidade, uso do espazo e selección de zonas de cría en zonas con e sen parques eólicos, entre outras, que permitirán avaliar o impacto dos parques eólicos nos lobos.

Punto 19.-Cans incontrolados e asilvestrados.

1. Previrase a presenza de cans incontrolados, promovendo por parte da consellería competente na materia a realización de convenios cos concellos para o establecemento dunha rede eficaz de centros de recollida de animais abandonados que dea cobertura a todo o territorio da comunidade autónoma. Tamén se promoverá a implantación de equipos municipais para a recollida de cans incontrolados e se incrementarán os controis de implantación do microchip en cans, por parte das/dos axentes de Medio Ambiente.

2. Crearanse unha serie de equipos especializados de axentes de Medio Ambiente encargados de realizar traballos destinados ao control de cánidos (cans asilvestrados e lobos). Estes equipos, tras realizar un curso formativo, serán autorizados polo director/a xeral competente en materia de conservación da natureza para realizar o control de cans asilvestrados, que se poderá exercer durante todo o ano. Nas zonas en que estea presente o lobo e nas cales se constate a existencia de cans asilvestrados adoptaranse medidas urxentes de control.

3. Realizarase un seguimento das zonas onde se teña sospeitas ou haxa indicios de posible coexistencia de lobos e cans asilvestrados. Nestas zonas procederase a capturar exemplares para realizar análises xenéticas, cando haxa indicios de hibridación.

Sección cuarta

Prevención e compensación dos danos á gandaría

Punto 20.-Prevención de danos ao gando.

1. A dirección xeral competente en materia de conservación da natureza e a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, en colaboración, fomentarán a adopción por parte das/os gandeiras/os de medidas preventivas para evitar os ataques dos lobos nas explotacións gandeiras. Para estes efectos, estableceranse axudas destinadas a fomentar o uso de mastíns, a colocación de valados electrificados, liñas de bandeiras e o reforzamento das instalacións (currais, naves, etc.). Dentro desta liña, os cabalos de pura raza galega que estean identificados e rexistrados recibirán un tratamento diferenciado respecto do resto do equino, e poderase tamén outorgar un tratamento diferenciado a outras razas autóctonas galegas.

2. Fomentarase a investigación e valoración da eficacia de distintos métodos de prevención de danos para o gando en réxime non extensivo. Dependendo da súa oportunidade, promoverase a investigación e posta en marcha de proxectos piloto de aplicación de métodos de prevención de danos para o gando que permanece en pequenas parcelas cercadas, en especial a utilización de cans mastíns para vixiar os rabaños, o emprego de valados electrificados e das liñas de bandeiras (muros baixos ou fladry).

3. Realizarase un seguimento e valorarase a eficacia dos distintos métodos de prevención para o gando extensivo, principalmente vacún e equino, e, na medida do posible, estudaranse as características eco-etolóxicas das razas de gando (vacún e equino) en réxime extensivo, como as condutas defensivas ante a predación dos lobos (cohesión dos grupos para defender as crías, tamaño óptimo e composición dos rabaños para repeler os ataques, razas autóctonas versus foráneas).

4. Fomentarase a divulgación aos gandeiros sobre os distintos métodos de prevención de danos, para o que se realizará unha campaña informativa ao respecto que incluirá a elaboración e distribución dun folleto explicativo.

5. A consellería competente en materia de ambiente estudará en cada zona o nivel medio de recorrencia dos danos para obter unha referencia dos valores habituais, os cales servirán de referencia para ponderar a adopción das medidas de control do lobo previstas, así como para a revisión da zonificación establecida neste plan.

Punto 21.-Compensación por danos á gandaría.

1. Fomentaranse aqueles traballos e actuacións encamiñados a achegar información que permita mellorar a tramitación das solicitudes e o traballo de valoración das comisións provinciais do programa de axudas aos gandeiros polos danos ocasionados polos lobos, entre as que se prevé un protocolo de recollida de información dos danos referido no punto 12.2.

2. Os axentes de Medio Ambiente encargados de inspeccionar sobre o terreo os danos recibirán formación específica centrada en aspectos básicos da bioloxía dos lobos, situación do lobo en Galicia, problemática de danos ocasionados por lobos e por cans, identificación de indicios e técnicas de mostraxe.

3. Estableceranse uns criterios homoxéneos e obxectivos que serán aplicables a todos os casos de avisos de danos producidos polo ataque do lobo co fin de aclarar se mataron as reses ou estas foron consumidas unha vez mortas, os causantes dos danos e se hai ou non intento de fraude.

4. Anualmente elaborarase un informe, ao cal se dará difusión pública, sobre o total de danos producidos, número e tipo de reses afectadas (tipo de gando e idade), distribución espacial e temporal destes danos e contía económica. Nel teranse en conta as solicitudes presentadas e as aprobadas, e incluiranse tamén os danos ocasionados por cans e os de autoría indeterminada.

Punto 22.-Avaliación e seguimento do sistema de axudas.

1. Realizarase un seguimento técnico do sistema de axudas que actualmente se está a desenvolver, que incluirá a detección e a análise dos problemas que se vaian orixinando, a avaliación da súa cobertura e o mantemento da calidade no sistema de verificación de danos.

2. Establecerase unha gradación do volume dos danos producidos polo lobo que se poden soportar así como directrices de xestión referidas ás distintas zonas que establece o Plan de xestión do lobo, de conformidade cos datos dispoñibles referidos aos ataques do lobo, densidades de lobo, carga gandeira, gandeiras/os afectadas/os e valor natural dos ecosistemas.

3. As axudas para paliar os danos producidos polo lobo reduciranse ou denegaranse para aqueles posibles beneficiarios que non se corresponsabilicen na adopción das medidas preventivas que se fixen nas correspondentes ordes de axudas para evitar estes danos.

4. Promoverase a identificación e o censo do gando equino, o que servirá de base para realizar unha análise da evolución deste gando no territorio ao longo do tempo.

Sección quinta

Información, educación ambiental e sensibilización

Punto 23.-Información, educación ambiental e sensibilización.

1. Realizarase un plan de comunicación, educación, concienciación e participación completo (plan CECOP), dirixido ao cumprimento dos obxectivos previstos no Plan de xestión do lobo en Galicia. A Xunta de Galicia desenvolverá e impulsará campañas especificamente deseñadas para cada un dos sectores sociais implicados na conservación e xestión do lobo e dirixiranse, cando menos, aos seguintes colectivos:

-Habitantes do medio rural, en xeral.

-Gandeiros.

-Cazadores.

-Sociedade urbana, en xeral.

-Comunidade escolar.

2. Publicarase unha versión resumida do Plan de xestión do lobo en Galicia dirixido á poboación en xeral. Ademais, publicaranse versións resumidas do plan dirixidas especificamente aos distintos sectores sociais implicados e, en todo caso, aos sectores que especificamente se sinalan no número 1.

3. Faranse públicos os resultados obtidos nos estudos que se realicen en Galicia sobre o lobo.

4. Publicarase un folleto informativo sobre a realidade do lobo, que irá dirixido principalmente ás persoas que estean máis en contacto con esta especie.

5. Producirase un CD-ROM sobre o lobo dirixido ás nenas e aos nenos en idade escolar, que se distribuirá por todos os centros de ensino do noso país.

6. Fomentarase a realización de xornadas, seminarios e congresos sobre o lobo.

7. Crearase na páxina web da consellería competente en materia de ambiente un enlace directo para acceder á información sobre o Plan de xestión do lobo en Galicia, as axudas para paliar os danos causados polo lobo, así como para a adopción de medidas preventivas, os mecanismos e medidas que se poden implantar para a prevención de danos, problemas que afectan directamente a conservación do lobo, situación actual desta especie en Galicia e os estudos realizados nesta materia.

8. Divulgaranse, a través dos medios de comunicación, as actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia en materia de xestión e conservación do lobo.

9. Promoveranse campañas de educación ambiental dirixidas ao coñecemento e ao respecto do lobo. Estas campañas levaranas a cabo, coordinadamente, as consellerías competentes en materia de ambiente e de educación e ordenación universitaria, e contarán co asesoramento e participación de profesionais expertos nos campos da bioloxía, ecoloxía e a socioloxía.

Punto 24.-Foro galego sobre o lobo.

Crearase un foro galego sobre o lobo no cal estean representados todos os sectores relacionados co lobo en Galicia, onde terá lugar o intercambio de experiencias e a participación de todos os sectores sociais implicados.

Punto 25.-Estudo sobre o comportamento e a resposta da sociedade respecto ao lobo.

1. Realizarase un estudo sobre o comportamento e a resposta da sociedade respecto ao lobo, que será empregado para avaliar a efectividade do Plan de xestión en canto á redución da conflitividade social e aumento da tolerancia do lobo, e que servirá de base para deseñar futuras actuacións en función dos cambios de actitude que se producisen. Os resultados deste estudo poderán ser empregados tamén como criterios de zonificación.

2. Ese estudo incluirá un mapa de actitudes cara ao lobo, e clasificaranse estas atendendo aos sectores da poboación e ás áreas do territorio galego onde se produzan.

3. A realización deste estudo terá lugar dentro dos tres primeiros anos de vixencia do Plan de xestión do lobo e será revisable cada dez (10) anos ou cando se aprecie un cambio radical dos comportamentos e das actitudes sociais respecto ao lobo.

Sección sexta

Posta en valor do lobo e aproveitamento turístico

Punto 26.- Posta en valor do lobo como parte do noso patrimonio natural e cultural.

1. Co fin de modificar a percepción que desta especie ten unha parte da sociedade, porase en valor a figura do lobo como parte importante do noso patrimonio natural e cultural. Para tal efecto, levaranse a cabo as actuacións que sexan necesarias e que vaian encamiñadas á recuperación, compilación e conservación do patrimonio cultural asociado ao lobo, e a consellería competente na materia realizará un inventario dos monumentos, edificios e obras de arte nos cales estea presente dalgunha maneira o lobo.

2. Realizarase unha compilación dos contos, historias e lendas sobre o lobo que serán obxecto de publicación e á cal se lle dará a máxima difusión posible.

3. Elaborarase un inventario-catálogo das estruturas cinexéticas tradicionais para lobos (foxos) existentes en Galicia, que incluirá proxectos ou propostas de actuación para a conservación ou recuperación destas estruturas cinexéticas, sempre e cando isto sexa posible.

Punto 27.-Aproveitamento turístico asociado ao lobo.

1. Promoverase o aproveitamento racional do lobo como recurso turístico de Galicia, para o cal se identificarán e se designarán as zonas onde sexa factible o aproveitamento turístico do lobo e/ou do seu patrimonio cultural asociado, poñendo en valor a presenza desta especie na zona, así como as construcións e tradicións ligadas ao lobo e os elementos tradicionais de protección do gando.

2. Estableceranse e sinalizaranse rutas e percorridos para a visita das estruturas cinexéticas tradicionais do lobo. Esta actuación estará enmarcada nos programas e actuacións que leve a cabo a consellería competente en materia de turismo e desenvolverase de xeito que a comunidade rural participe dos beneficios económicos que poida xerar esta actividade.

3. Unha vez identificadas e delimitadas as zonas de aproveitamento turístico do lobo, levarase a cabo unha campaña de información sobre o potencial turístico do lobo nesas zonas dirixida aos promotores turísticos e na cal colaborarán as consellerías competentes en materia de turismo e ambiente. En todo caso, a realización de calquera actividade turística ligada á especie requirirá a autorización expresa da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

4. Crearase un centro de interpretación do lobo. A súa función será contribuír á conservación do lobo mediante a divulgación social e a educación ambiental, asociándose a actividades turísticas.

Capítulo VI

Coordinación e participación dos sectores implicados

Punto 28.-Participación dos sectores implicados.

Fomentarase e perseguirase a participación de todos os sectores sociais implicados na xestión e conservación do lobo, especialmente a dos sectores e colectivos sinalados especificamente no punto 23 deste plan.

Punto 29.-Coordinación con outros órganos da Xunta de Galicia.

1. Co fin de coordinar a aplicación do Plan de xestión do lobo en Galicia con outros plans sectoriais e con outras actuacións que leve a cabo a Xunta de Galicia realizaranse, con carácter anual, reunións entre os distintos órganos da Xunta de Galicia.

2. Constituirase un comité de asesoramento para a xestión e conservación do lobo, que estará integrado por científicos e profesionais de recoñecida competencia nesta materia.

Punto 30.-Coordinación cos órganos de territorios limítrofes.

1. Co fin de facilitar o intercambio de información sobre esta especie, así como a adecuación e a coordinación das actuacións desenvolvidas nos distintos territorios, potenciarase a participación dentro dos mecanismos de coordinación cos órganos competentes en materia de xestión e conservación do lobo de Asturias, Castela e León e Portugal.

2. Analizarase, conxuntamente e de xeito especial, a conveniencia ou non do establecemento de zonas tampón do lobo entre os territorios de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal, coa finalidade de adecuar o tipo de xestión ás características destas zonas.

Capítulo VII

Seguimento

Punto 31.-Seguimento do plan.

1. O seguimento do Plan de xestión do lobo en Galicia realizarase no marco do Observatorio Galego da Biodiversidade.

Sen prexuízo do anterior, correspóndelle á consellería competente en materia de ambiente vixiar e garantir o cumprimento deste plan.

2. Co fin de avaliar as actuacións desenvolvidas e o grao de cumprimento dos obxectivos previstos no Plan de xestión do lobo en Galicia, a dirección xeral con competencias en materia de conservación da natureza emitirá, con carácter anual, un informe ao respecto.

Capítulo VIII

Calendario de actuacións

Punto 32.-Calendario de actuacións.

1. A aplicación das medidas e a realización das actuacións recollidas neste plan axustarase, na medida do posible, ao calendario recollido neste punto. Este calendario de actuacións establece unha previsión ou folla de ruta a seguir pola Xunta de Galicia, que en ningún caso terá carácter vinculante.

2. A primeira revisión do plan realizarase, na medida do posible, xunto coa da Estratexia nacional para a conservación e a xestión do lobo en España.

Ver referencia pdf "01300D002P040.PDF"