DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 21 de xaneiro de 2009 Páx. 1.481

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de xaneiro de 2009 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos cos centros docentes privados a partir do curso académico 2009-2010.

Ao finalizar o curso 2008-2009 quedarán extinguidos os concertos educativos subscritos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cos centros docentes privados ao abeiro das ordes do 10 de xaneiro de 2005 (DOG do 14 de xaneiro) que ditou as normas para a aplicación, a partir do curso académico 2005-2006, do réxime de concertos educativos. Estes concertos educativos foron previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o regulamento de normas básicas sobre concertos educativos e do 12 de xaneiro de 2007 (DOG do 17 de xaneiro) que regulou o réxime de concertos educativos, a partir do curso académico 2007-2008, para as ensinanzas de educación infantil en centros docentes privados.

Tendo en conta o establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), faise necesario aprobar novas normas polas que se rexerá a renovación ou subscrición dos concertos educativos a partir do curso 2009-2010, así como as modificacións que nestes se poidan producir nos próximos catro anos. De conformidade co artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia corresponde á Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. De acordo co disposto no artigo 27 da Constitución, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria e prazo de solicitude.

Para a renovación, modificación ou subscrición do concerto educativo no 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial e programas de cualificación profesional inicial, así como para a renovación ou modificación do concerto educativo nos ciclos formativos de grao medio, ciclos formativos de grao superior, de acordo coa Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE), coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e co Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, os seguintes centros docentes privados presentarán solicitude dirixida á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no mes de xaneiro anterior ao inicio do ano académico para o que se solicita o concerto educativo:

a) Os centros docentes privados que desexen renovar ou modificar o seu concerto educativo.

b) Os centros docentes privados que desexen acollerse por primeira vez ao réxime de concertos educativos e que leven máis de cinco anos funcionando desde a data da súa autorización definitiva, así como aqueles que, no momento de solicitar a súa autorización definitiva, manifestasen a súa vontade de acollerse ao réxime de concertos.

Só se poderán concertar unidades que conten con autorización definitiva para o seu funcionamento. Non obstante, poderá solicitarse concerto para unidades que, durante o mes de xaneiro, se atopen en trámite de autorización. Neste suposto a concesión do concerto educativo para as ditas unidades estará condicionada á efectiva obtención da autorización antes do inicio do curso académico.

Artigo 2º.-Solicitudes.

Lugar de presentación:

As solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos a esta orde, nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no ámbito territorial en que se atopen localizados os respectivos centros, ou en calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réximen xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As ditas solicitudes deberán ser subscritas pola persoa titular do centro docente. No suposto de que a titularidade corresponda a unha persoa xurídica, a solicitude deberá ser asinada por quen teña a súa representación.

Modelos de solicitude:

Poderase presentar solicitude para:

a) Subscribir por primeira vez ou renovar o concerto educativo para as ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial (anexo I e/ou anexo II).

b) Renovar ou subscribir concerto educativo de unidades de programas de cualificación profesional inicial modalidade A (anexo III).

c) Renovar o concerto educativo de unidades de ciclos formativos de grao medio e de ciclos formativos de grao superior (anexo III).

d) Modificar o concerto educativo (anexo IV).

Documentación complementaria:

1. Memoria explicativa en que se farán constar, cando menos, os seguintes puntos:

a) Nivel educativo para o que solicita o concerto, con expresión do número de unidades autorizadas e en funcionamento actualmente. Se se trata de unidades de formación profesional especificaranse os ciclos formativos e/ou os programas de cualificación profesional inicial. Se se trata dun centro que imparte educación secundaria ao cal estea adscrito algún centro de educación primaria ou dun centro de educación primaria ao cal estea adscrito algún centro de educación infantil, farase constar tal circunstancia.

b) Alumnado matriculado no momento da solicitude, indicando a súa distribución por curso e unidade, así como a proporción en cada unidade de alumnado de cada sexo. No caso de centros que soliciten o concerto por primeira vez, poderá solicitarse unha relación dos domicilios do alumnado dese centro. No caso de ensinanzas de formación profesional indicarase a distribución do alumnado nas distintas unidades dos ciclos formativos e/ou dos programas de cualificación profesional inicial.

c) Condicións socioeconómicas da poboación escolar atendida polo centro (só para centros que solicitan por primeira vez).

d) Experiencias pedagóxicas que se realicen no centro e interese delas para a calidade do ensino e para o sistema educativo (só centros que solicitan por primeira vez).

e) Os centros que desexen acollerse por primeira vez ao réxime de concertos deberán presentar, ademais, a documentación xustificativa de reuniren os requisitos previstos na alínea b) do artigo primeiro desta orde.

f) No caso de cooperativas, presentarase declaración xurada, asinada polo seu presidente, de que os estatutos correspondentes non conteñan cláusulas que impidan o cumprimento das obrigas propias dos centros acollidos ao réxime de concertos educativos. Se os estatutos sufrisen modificación desde a última sinatura do concerto engadirase á citada declaración unha copia deles.

g) Breve exposición dos motivos polos que realiza a súa solicitude.

2. Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e da comunidade autónoma, así como unha declaración xurada ou promesa do solicitante de non concorrer no resto das prohibicións para contratar co sector público descritas no artigo 49 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez recibidas as solicitudes, verificarán que os titulares dos centros achegan a documentación exixida; solicitarán informe á Inspección educativa e someterán as solicitudes presentadas ás comisións provinciais de valoración de concertos educativos, que terán a composición e actuación que se establece no artigo quinto desta orde.

O informe da Inspección educativa, referido ao curso académico en que se presenta a solicitude, constará dos seguintes aspectos:

a) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade nos centros de titularidade pública da localidade ou, de ser o caso, da zona de escolarización do centro solicitante de concerto, co fin de determinar se o centro cobre as necesidades de escolarización tal como se prevé no artigo 116 da LOE. Cando o informe se refira ás solicitudes de concertos para ensinanzas de formación profesional, a citada avaliación non necesariamente se limitará á localidade ou á zona de escolarización, senón que segundo o caso, poderá relacionarse cun ámbito xeográfico maior.

b) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade no centro solicitante do concerto.

c) Valoración das experiencias pedagóxicas realizadas no centro, se as houber (só para centros que solicitan por primeira vez).

d) Características socioeconómicas da zona educativa do centro que solicita o concerto (só para centros que solicitan por primeira vez).

e) No caso das solicitudes relacionadas con concertos educativos en ensinanzas de formación profesional, o informe da Inspección educativa incluirá unha análise das necesidades de escolarización realmente satisfeitas polo centro nos últimos catro anos. Para este informe a Inspección educativa poderá contar co asesoramento dun técnico da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Artigo 3º.-Duración.

Os concertos que se subscriban ao abeiro desta orde terán unha duración de catro (4) anos, sen prexuízo do regulamentado para os centros en proceso de cesamento progresivo de ensinanzas e para os que deban modificar o concerto por aplicación do calendario de implantación do novo sistema educativo.

Se se denegase a renovación dun concerto educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria podería acordar co titular do centro a renovación do concerto por un só ano.

Artigo 4º.-Obrigas.

1. O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes aos niveis ou graos de ensino obxecto do concerto e a ter unha relación media de alumnado/unidade escolar non inferior á que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tendo en conta a existente para os centros públicos da bisbarra, concello, ou, se é o caso, distrito en que estea situado o centro. Así mesmo, independentemente do número de unidades autorizadas, os centros privados concertados unicamente poderán poñer en funcionamento, no 2º ciclo de educación infantil e en niveis de ensino obrigatorio, o número de unidades concertadas. Todo iso sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

2. Igualmente, o titular do centro queda obrigado ao cumprimento do establecido na normativa vixente sobre escolarización do alumnado, especialmente no relativo á non-discriminación polas razóns que se recollen no artigo 84.3º da LOE, así como no artigo 2.4º do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, da Comunidade Autónoma galega, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no artigo 2.3º da Orde do 17 de marzo de 2007 pola que se regula o procedemento para a admisión do alumnado no segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos, e no punto 3º do artigo 8 da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de

graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

3. Os titulares dos centros acollidos ao réxime de concertos educativos deberán facer constar na súa denominación, na súa documentación e en toda información ou publicidade que realicen a súa condición de centro concertado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5º.-Comisións provinciais de valoración de concertos educativos.

As comisións provinciais de concertos educativos terán a seguinte composición:

Presidente: o titular da delegación provincial de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-Tres funcionarios/as da delegación provincial correspondente designados polo delegado provincial. Un deles actuará como secretario/a con voz e sen voto.

-Un representante dos concellos en que teña maior incidencia o ensino concertado, designados pola Fegamp.

-Dous profesores/as do ensino privado concertado designados polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

-Dous pais/nais de alumnos/as designados polas federacións de pais e nais de alumnos máis representativas no ensino privado concertado.

-Dous representantes de centros docentes privados concertados designados polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito provincial.

-Un técnico nomeado pola Dirección Xeral de Formación Profesional no caso das solicitudes de concerto educativo en formación profesional.

As comisións provinciais de concertos educativos, logo da convocatoria do seu presidente, reuniranse co fin de examinar e avaliar a documentación presentada e de formular as correspondentes propostas nos termos previstos no artigo 23 do Real decreto 2377/1985.

Os delegados provinciais remitirán á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa as solicitudes dos centros, acompañadas do informe da Inspección educativa e as propostas das comisións provinciais de concertos educativos, que deberán ser motivadas.

Artigo 6º.-Criterios para a concesión do concerto educativo.

En virtude do disposto no artigo 116 da LOE poderán renovar ou subscribir o concerto educativo aqueles centros privados que satisfagan necesidades de escolarización. Entre os centros que cumpran este requisito, terán preferencia para se acoller ao réxime de concertos aqueles que atendan poboacións escolares de condicións económicas desfavorables ou os que realicen experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo. En todo caso serán obxecto de atención preferente e prioritaria os centros que, cumprindo os criterios anteriormente sinalados, estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa, así como os que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas, sen prexuízo do disposto nos convenios internacionais subscritos por España e en virtude da disposición adicional vixésimo quinta da LOE.

Para a renovación ou modificación de concertos de formación profesional, terase en conta a oferta pública de prazas no ciclo formativo correspondente. Ademais, teranse en conta as necesidades de escolarización satisfeitas polo centro nos últimos catro anos.

Artigo 7º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, á vista das propostas elaboradas polas ditas comisións e das dispoñibilidades orzamentarias procederá a dar trámite de audiencia aos solicitantes cos que non se é coincidente coa súa solicitude para que, no prazo de dez (10) días, poidan alegar o que consideren procedente no seu dereito.

Unha vez valoradas as alegacións presentadas, o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa formularalle ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proposta definitiva de resolución.

A resolución de concesión do concerto educativo ditada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e na cal se fará constar o número de unidades, con indicación do nivel educativo, que son obxecto de concerto educativo producirase no prazo máximo de seis meses a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No caso dos concertos para as ensinanzas de formación profesional, o seu número total de unidades non poderá ser superior ao que o centro tivese concertadas das ditas ensinanzas á entrada en vigor da LOE.

No suposto de que non recaese resolución expresa, dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo, conforme o disposto no artigo 43.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, notificaráselles aos interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Contra a resolución denegatoria o interesado poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ou recorrer na vía contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Formalización do concerto.

Os concertos educativos formalizaranse en documento administrativo en que se farán constar os dereitos e obrigas recíprocos, así como as características concretas do centro e demais requisitos derivados da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e dos regulamentos de aplicación destas.

Artigo 9º.-Modificación dos concertos a partir do curso 2010-2011.

a) Por instancia de parte.

1. Procederá a modificación do concerto por instancia de parte nos casos previstos no artigo 46 do Real decreto 2377/1985.

2. As solicitudes de modificación, a partir do curso 2010-2011, presentaranse, conforme o modelo que se xunta como anexo IV, nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do ámbito territorial en que se encontren localizados os respectivos centros.

3. Os centros presentarán a solicitude acompañada dunha certificación actualizada do alumnado matriculado. A Inspección educativa emitirá informe sobre este aspecto e a comisión provincial realizará a proposta que considere sobre a modificación solicitada.

4. As modificacións por instancia do centro estarán sometidas ás normas e prazos contidos nesta orde.

b) De oficio

1. A Administración, de acordo co previsto no artigo 46 do regulamento, poderá, de oficio, modificar o número de unidades concertadas dun determinado centro.

Procederá reducir o número de unidades concertadas dun centro no caso de que a proporción de alumnado/unidade escolar permita concentrar grupos que tivesen pouco alumnado ou cando a relación media por unidade escolar sexa inferior ao determinado pola Administración educativa para cada tipo de ensinanzas.

2. O titular do centro, en caso de inexistencia de alumnado ou dun número notoriamente baixo nalgunha unidade concertada, está obrigado a comunicarllo, no prazo de 15 días naturais contados a partir da data de finalización da matrícula, á Administración educativa co fin de que esta considere a posibilidade de eliminar ou reducir unidades concertadas de forma inmediata.

3. Para proceder de oficio á redución de unidades, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, logo do informe da Inspección educativa, dará vista do expediente ao centro comunicándolle as alteracións que considera necesarias para o curso seguinte e co fin de que, no prazo de 10 días, faga as alegacións que considere oportunas.

Avaliadas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria que resolverá definitivamente. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderá ser obxecto do recurso potestativo de reposición, ou ben impugnado directamente ante a xurisdición do contencioso-administrativo.

4. A redución do número de unidades concertadas dará lugar á modificación do correspondente concerto educativo subscrito polo centro afectado.

5. A subscrición das modificacións efectuarase mediante addenda ao documento de formalización do concerto educativo.

6. A modificación estará vixente mentres non se extinga ou modifique novamente o concerto educativo. Neste caso será preciso realizar nova solicitude no período establecido para iso.

Artigo 10º.-Partidas orzamentarias.

Os concertos educativos con centros que impartan educación infantil tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422A.482.0, por unha contía total máxima de 13.989.174,97 € para o período setembro-decembro do ano 2009, 40.345.451,40 € para o ano 2010, 40.345.451,40 € para o ano 2011, 40.345.451,40 € para o ano 2012 e de 26.055.116,47 € para o período xaneiro-agosto do ano 2013.

Os concertos educativos con centros que impartan educación primaria e/ou educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422A.482.1, por unha contía total máxima de 66.299.618,70 € para o período setembro-decembro do ano 2009, 190.716.969,79 € para o ano 2010, 190.716.969,79 € para o ano 2011, 190.716.969,79 € para o ano 2012 e de 123.048.965,85 € para o período xaneiro-agosto do ano 2013.

Os concertos educativos con centros que impartan educación especial tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422D.482.0, por unha contía total máxima de 4.110.763,30 € para o período setembro-decembro do ano 2009, 11.749.561,33 € para o ano 2010, 11.749.561,33 € para o ano 2011, 11.749.561,33 € para o ano 2012 e de 7.578.251,87 € para o período xaneiro-agosto de ano 2013.

Os concertos educativos con centros que impartan ciclos formativos de grao medio, ciclos formativos de grao superior e/ou programas de cualificación profesional inicial tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422M.482.1, por unha contía total máxima de 4.324.554,97 € para o período setembro-decembro do ano 2009, 12.149.901,53 € para o ano 2010, 12.149.901,53 € para o ano 2011, 12.149.901,53 € para o ano 2012 e 7.747.403,17 € para o período xaneiro-agosto do ano 2013.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Os posibles incrementos de unidades concertadas quedarán condicionados á existencia de autorización, á comprobación de que as novas unidades satisfagan necesidades de escolarización e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición transitoria

Para o ano académico 2009-2010, as solicitudes ás que se refire o artigo I presentaranse no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogadas as seguintes ordes:

-Orde do 10 de xaneiro de 2005 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2005-2006.

-Orde do 12 de xaneiro de 2007 (DOG do 17 de xaneiro) pola que se regula o réxime de concertos educativos, a partir do curso académico 2007-2008, para as ensinanzas de educación infantil en centros docentes privados.

Segunda.-Quedan derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan a esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultada a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e contra ela pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "01400D004P037.PDF"