A explotación de poliquetos no litoral de Galicia continúa aumentando ano tras ano debido á gran demanda destas especies para o seu uso como cebo na pesca deportiva, cun valor económico elevado e que constitúe para as persoas dedicadas ao marisqueo unha diversificación da súa actividade que contribúe á mellora das súas rendas.
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo o establecido no Decreto 425/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994), polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regulou a explotación deste recurso no litoral de Galicia mediante a Orde do 6 de febreiro de 1998 (DOG nº 33, do 18 de febreiro) e posteriormente coa Orde do 18 de abril de 2006 os plans de explotación específicos para poliquetos (DOG nº 80, do 26 de abril).
Á vista da citada normativa, as especies que se explotan continúan a ser actualmente:
-Hediste diversicolor: miñoca vermella.
-Diopatra neapolitana: miñoca de tubo, casulo.
-Lumbrineris impatiens: engado vermello (gavilán).
-Arenicola marina: mangón, miñoca de area.
Nesta orde establécese o réxime necesario para permitir a explotación do recurso específico de poliquetos en Galicia coas garantías dunha boa xestión do recurso.
Polo tanto, examinados os plans de explotación remitidos polas entidades asociativas do sector e tendo en conta os informes emitidos polos técnicos desta consellería, e de conformidade co disposto na normativa antes citada,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2009 que se relacionan no cadro A e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forman parte do expediente, así como conforme o indicado no artigo 3 da Orde do 18 de abril de 2006 (DOG nº 80, do 26 de abril) e as instrucións que se poidan ditar ao respecto, de seren necesarias.
2. As solicitudes de apertura deberán presentarse no modelo publicado como anexo II desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas webs webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Xuntamente coas solicitudes de apertura mensuais deberán remitirse os datos de capturas relativos ao mes inmediatamente anterior conforme o modelo que se facilitará nas delegacións territoriais, ademais da relación de mariscadoras/es que pretenden desenvolver a actividade. Igualmente, estes mesmos datos serán remitidos ao Servizo de Produción Pesqueira, de forma electrónica, ao enderezo producion.pesqueira@xunta.es.
Estes modelos tamén poderán atoparse nos enderezos webs: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Artigo 2º
1. Todas aquelas persoas que queiran dedicarse á extracción de poliquetos deberán figurar nun plan de explotación e estar en posesión dun permiso de explotación de poliquetos segundo o regulado no Decreto 425/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 2004).
2. Os armadores de embarcacións con permiso de explotación que inclúen artes de anzol e que estean utilizando poliquetos como cebo, deberán solicitarlles ás delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos autorización para a captura de poliquetos (segundo anexo III) indicando datas e zonas. Non se poderán realizar extraccións naquelas zonas en que existan plans de explotación.
3. Segundo o disposto no artigo 7 da Orde do 6 de febreiro de 1998, pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia, establécese, con carácter xeral para a explotación comercial, unha veda comprendida entre o 1 de novembro e o 15 de marzo, e poderá a Dirección Xeral de Recursos Mariños, modificar o dito prazo, se o considerase necesario, en función do estado do recurso.
4. Segundo a Orde do 23 de abril de 1999, modificada pola do 13 de xuño de 2001, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (hoxe en día Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos), pola que se regula o exercicio do mergullo profesional, a aprobación dos plans de explotación con arte ou modalidade de mergullo implica a autorización para realizar o mergullo nas zonas e período de vixencia daqueles, segundo as resolucións de apertura que sexan ditadas pola delegación territorial, sen prexuízo da correspondente aprobación para efectos de seguranza, outorgada pola Capitanía Marítima correspondente, de acordo co establecido na Orde do 14 de outubro de 1997, do Ministerio de Fomento, que establece as normas de seguranza para o exercicio de actividades subacuáticas.
Disposición adicional
Única.-Presentación da solicitude do plan para o ano 2010.
1. As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e presentaranse antes do 31 de decembro, de acordo co establecido no seguinte parágrafo. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Presentaranse no rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano ou no de calquera das delegacións territoriais e comarcais, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A solicitude virá acompañada do plan de explotación orixinal, catro copias, ficha resumo máis unha copia en soporte informático. No caso de que o plan se desenvolva no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas ou en espazos protexidos, declarados pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, engadiranse dúas copias máis para informe da Administración ambiental competente.
As solicitudes virán asinadas pola persoa representante legal da entidade. Se a solicitude é para un plan conxunto, deberá ser asinado por todos os representantes ou constar o acordo de delegación expresa de nomeamento do representante.
2. As delegacións territoriais, como órganos responsables da tramitación da solicitude, comprobarán que reúnen todos os requisitos; en caso contrario poráselles de manifesto por escrito ás persoas interesadas para que nun prazo de dez (10) días remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar o plan. Se así non o fixesen, considerarase que desistiron da súa petición. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro da delegación territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a que corresponda a tramitación, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa. A documentación presentada nun rexistro distinto poderá ser inadmitida, a menos que teña entrada naquel dentro do prazo inicial de dez (10) días conferido para a súa entrega.
3. Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas como mínimo dos aspectos sinalados no artigo 2 da Orde do 18 de abril de 2006, que serán inadmitidas, sen máis trámite.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Os plans de explotación presentados polas entidades que serviron de base para esta orde estarán dispoñibles nos servizos centrais, delegacións correspondentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, así como na sede das entidades responsables dos plans. As condicións específicas de aprobación dos plans estarán dispoñibles nos anteditos lugares e ademais nos enderezos webs webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Segunda.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento desta orde e para que, co obxecto da mellora da xestión dos recursos e na procura dunha explotación sustentable destes, adopte as medidas de xestión necesarias en función do estado dos recursos e dos informes emitidos polos técnicos.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2009.
Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos
Ver referencia pdf "04800D007P040.PDF"

