DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 16 de marzo de 2009 Páx. 5.434

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A Constitución española define un marco competencial en que se atribúe á normativa estatal o deseño básico da Administración local, correspondéndolle ás comunidades autónomas, sen prexuízo da normativa de desenvolvemento que se poida aprobar desde o ámbito estatal, a regulación dos diferentes sectores da acción publica, de xeito que se garanta o dereito dos entes locais a intervir nos asuntos que afecten directamente ao seu círculo de intereses asegurando, en todo momento, a efectividade da autonomía local constitucionalmente salvagardada.

Neste marco, a Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e a propia Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, configuraban como funcións publicas necesarias en todas as corporacións locais as reservadas a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. Na mesma liña, a Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico do empregado público, toma como punto de partida garantir a dita prestación, e aínda que derroga os artigos que ao respecto se dedicaban a este persoal nos dous textos mencionados, permite transitoriamente a aplicación da normativa reguladora daquel mentres que non sexa aprobada pola comunidade autónoma a normativa de desenvolvemento prevista na disposición adicional 2ª do EBEP.

Cabe lembrar que a normativa específica que atinxe estes/as funcionarios/as se concentraba, ademais de na xa citada, no Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, polo que se aproba o réxime xurídico deste persoal; no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, relativo á provisión de postos reservados, coas modificacións operadas polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e posteriormente polo Real decreto 522/2005, do 13 de maio, así como, no que se refire á Administración autonómica galega, nos artigos 238 e seguintes da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, e no artigo 15 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Concretamente, o artigo 241 da Lei 5/1997 atribúe de xeito expreso á Comunidade Autónoma de Galicia as competencias de execución, dentro do marco da lexislación básica do Estado, sobre clasificación de postos, nomeamentos provisionais, comisión de servizos, acumulacións e permutas, dentro do seu ámbito territorial. Conforme a normativa estatal indicada veñen exercéndose, ademais, as competencias seguintes:

-Constitución e disolución de agrupacións de entidades locais para o sostemento en común de certos postos.

-Declaración de exencións no exercicio das funcións reservadas.

-Autorizacións para o desempeño excepcional de tesourarías.

-Determinación e valoración dos méritos autonómicos.

-Publicación das bases dos postos que se van cubrir no concurso ordinario anual, e remisión ao ministerio.

-Participación no tribunal de valoración do concurso unitario anual.

-Publicación dos postos que se van prover por libre designación e remisión ao ministerio para a súa publicación.

-Seguimento do nomeamento de funcionariado interino para estes postos.

A disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, amplía significativamente o alcance do ámbito competencial que exercerán as comunidades autónomas na xestión deste persoal:

-Aprobación da oferta de emprego público de prazas desta escala de funcionarios.

-Convocatoria das probas e selección dos novos funcionarios con habilitación estatal para a cobertura de postos.

-Integración do rexistro autonómico de datos de postos e funcionarios co rexistro estatal.

-Regulación das bases comúns do concurso ordinario e porcentaxe de puntuación para cada un dos méritos. Publicación da convocatoria e remisión ao ministerio competente.

-Regulación e aplicación do réxime disciplinario destes funcionarios.

Os cambios lexislativos que se teñen producido nesta materia, unido á crecente transcendencia dos cometidos que desempeñarán estes/as funcionarios/as nunhas entidades locais con estruturas cada vez máis complexas e cun maior número de servizos, fan aconsellable desenvolver normativamente, desde a esfera autonómica, todas estas competencias.

Así mesmo, a experiencia acumulada amosa a conveniencia de concretar diversos aspectos referentes ás competencias transferidas, facilitando que en todas as entidades locais sexan exercidas as funcións públicas necesarias reservadas aos citados funcionarios, contribuíndo con iso a unha mellora dos servizos prestados por elas.

Xa que logo, as liñas fundamentais deste decreto e os obxectivos que con el se pretenden acadar serían os seguintes:

a) Determinar os criterios que deberá seguir a comunidade autónoma á hora de establecer a clasificación dos novos postos reservados ou reclasificación dos existentes e, polo tanto, a creación e supresión conforme o correspondente acordo plenario municipal, sen prexuízo do que se poderá establecer mediante normativa básica estatal.

b) Establecer con detalle as circunstancias e o procedemento en que pode ter lugar a figura da agrupación para o sostemento destes postos así como a declaración da exención de reserva, e o suposto de desempeño excepcional da tesouraría.

c) No tocante á provisión dos postos: convocatoria e desenvolvemento do concurso ordinario, introdución de criterios de obxectividade de cara á determinación polos concellos dos méritos específicos, redefinición e avaliación dos méritos autonómicos, exercicio das funcións que corresponden en relación ao concurso unitario, así como nos supostos de provisión por libre designación e procedemento a seguir.

d) Regúlanse, máis polo miúdo, as formas de provisión non definitiva, establecéndose as prevalencias entre elas e aclarando aspectos confusos que se veñen dando na práctica.

e) Prevense as directrices relativas á selección destes funcionarios e promoción deles, contando na súa execución coa Escola Galega de Administración Pública.

f) Créase oficialmente o Rexistro autonómico de postos reservados a funcionarios de habilitación de carácter estatal onde, así mesmo, constan os datos do persoal funcionario que veñen desempeñando aqueles, de conformidade co artigo 99.4º da Lei 7/1985 e o Estatuto básico do empregado público.

g) Remisión do réxime disciplinario deste persoal mentres exerza funcións nas entidades galegas, e no marco da competencia autonómica, ao disposto por norma con rango de lei.

Por último, establécense unha serie de disposicións adicionais de cara a acadar a integración dos habilitados estatais do subgrupo A2 no subgrupo A1, recoñecendo o papel das asociacións representativas destes funcionarios, establecendo uns mínimos nos complementos retributivos, e determinando unha nova valoración do baremo do concurso unitario consonte a nova relación e distribución daqueles. Regúlase a permuta e prevense varias disposicións transitorias que permitan a adaptación da situación actual ás modificacións que deriven da aplicación deste decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de informe da Comisión Galega de Cooperación Local, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto regular o exercicio das competencias que a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas en relación cos/coas funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que presten servizos na Comunidade Autónoma galega e aos postos a eles reservados nas entidades locais galegas.

Artigo 2º.-Órgano competente.

A consellería competente en materia de réxime local exercerá as funcións relativas aos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que deriven das competencias autonómicas a que se refire este decreto, sen prexuízo da asunción daqueloutras que respecto deste persoal lle poidan atribuír normas con rango de lei.

Capítulo II

Postos de traballo reservados a funcionarios/as

con habilitación de carácter estatal

Sección primeira

Creación, supresión, clasificación e exención de postos

Artigo 3º.-Clasificación.

1. A clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega será efectuada pola consellería competente en materia de réxime local, de conformidade cos seguintes criterios:

a) Secretarías de clase primeira: teñen tal carácter as secretarías de deputacións provinciais, do concello capital da Comunidade Autónoma de Galicia, dos concellos capital de provincia ou de municipios con poboación superior a 20.000 habitantes. Estes postos están reservados a funcionarios/as pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior.

b) Secretarías de clase segunda: teñen tal carácter as secretarías de concellos cuxo municipio teña unha poboación comprendida entre 5.001 e 20.000 habitantes, así como os de poboación inferior a 5.001 cuxo orzamento sexa superior a 3.005.060,52 euros. Estes postos están reservados a funcionarios/as pertencentes á subescala de secretaría, categoría de entrada.

c) Secretarías de clase terceira: teñen tal carácter as secretarías de concellos cuxo municipio teña unha poboación inferior a 5.001 habitantes e cuxo orzamento non exceda os 3.005.060,52 euros. Estes postos están reservados a funcionarios/as pertencentes á subescala de secretaría-intervención.

d) Intervencións de clase primeira: teñen este carácter os postos de intervención en corporacións con secretarías de clase primeira. Estes postos están reservados a funcionarios/as pertencentes á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior.

e) Intervencións de clase segunda: teñen este carácter os postos de intervención en corporacións con secretaría de clase segunda e os postos de intervención en réxime de agrupación de entidades locais cuxas secretarías estean incluídas en clase segunda. Estes postos están reservados a funcionarios/as pertencentes á subescala de intervención-tesouraría, categoría de entrada.

f) Tesourarías: nas corporacións locais con secretaría de clase primeira e naquelas cuxa secretaría estea clasificada en clase segunda, que se tivesen agrupado con outras para os efectos de sostemento común do posto único de intervención, existirá un posto de traballo denominado tesouraría, reservado a funcionarios/as pertencentes á subescala de intervención-tesouraría.

Nas restantes corporacións locais con secretaría de clase segunda será a relación de postos de traballo a que determine se o mencionado posto está reservado a habilitado de carácter estatal ou pode ser desempeñado por funcionario propio local debidamente cualificado.

Nas corporacións locais con secretarías de clase terceira, a responsabilidade administrativa das funcións de contabilidade, tesouraría e recadación poderá ser atribuída a membro da corporación ou a persoal funcionario dela.

g) Postos de colaboración: son aqueles que as corporacións locais poden crear discrecionalmente para o exercicio das funcións de colaboración inmediata ás de secretaría, intervención ou tesouraría, e aos cales corresponde a substitución das persoas titulares en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou abstención legal ou regulamentaria, así como para o exercicio daquelas concretas funcións reservadas que, logo de autorización da alcaldía ou presidencia, lles sexan encomendadas polos/as funcionarios/as titulares.

Estes postos serán clasificados pola consellería competente en materia de réxime local por proposta motivada da corporación, e estarán reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal da subescala e categoría que proceda, igual ou inferior á clasificación da secretaría, agás nos municipios de gran poboación e deputacións provinciais, que serán necesariamente clasificados en primeira, coa excepción prevista para as tesourarías, e a non ser os correspondentes ao servizo de asistencia a municipios, que poderán selo noutra clase.

2. Os postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal recollidos no título X da Lei 7/1985, de bases do réxime local, serán clasificados en primeira, e por tanto, serán provistos por funcionarios/as pertencentes á categoría superior, agás os postos que teñan encomendadas as funcións de tesouraría.

Artigo 4º.-Postos en municipios de características especiais.

Nos municipios cun acusado incremento da poboación en determinadas tempadas do ano, onde se localicen actividades de especial relevancia, cunha acción urbanística superior á normal, ou nos cales concorran outras circunstancias análogas, os postos reservados poderán ser clasificados en clase superior á que lles correspondería, segundo os criterios xerais establecidos no artigo 3, por instancia da corporación interesada e de xeito suficientemente motivado. En todo caso, o orzamento do ente local deberá ser superior ao previsto no artigo 3 para a súa franxa de poboación.

Artigo 5º.-Postos en áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e consorcios.

1. Os postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal en áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e consorcios locais clasificaranse en atención ao orzamento propio de que dispoña a dita entidade local como se indica a seguir:

-Orzamento superior a 18.000.000 de euros: clase primeira.

-Orzamento superior a 6.000.000 de euros: clase segunda.

-Orzamento inferior a 6.000.000 de euros: clase terceira.

2. Os ditos postos poderán clasificarse en clase superior á do punto anterior por solicitude da entidade local supramunicipal.

Artigo 6º.-Postos en entidades de ámbito territorial inferior ao municipio con personalidade xurídica.

O desempeño de funcións reservadas ao persoal funcionario con habilitación de carácter estatal nunha entidade de ámbito territorial inferior ao municipio que goce de personalidade xurídica propia, efectuarase nos termos que estableza o decreto de constitución dela aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e demais normativa en materia de réxime local aplicable, conforme as seguintes opcións:

a) Mediante a creación dos postos de traballo reservados que fosen necesarios, en todo caso se o orzamento da entidade é igual ou superior a 1.000.000 de euros ou, de ser inferior, se así o solicita a entidade.

b) Por funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que as exerzan no municipio a que pertenza a entidade local.

c) Por persoal funcionario do municipio a que pertenza a entidade local ou por funcionarios/as da propia entidade local con capacitación e titulación suficiente.

d) Polos servizos provinciais de asistencia municipal.

Artigo 7º.-Exencións.

1. As entidades locais con poboación inferior a 500 habitantes e orzamento inferior a 120.202,42 euros poderán ser eximidas pola consellería competente en materia de réxime local, logo de informe da deputación provincial respectiva, da obriga de manter o posto de traballo de secretaría-intervención, sempre que non fose posible efectuar a agrupación prevista no artigo 11, circunstancia que deberá quedar acreditada no expediente.

As funcións atribuídas ao posto obxecto de exención serán exercidas preferentemente polo sistema de acumulación de funcións previsto no artigo 44 e, excepcionalmente, mediante proposta motivada da corporación, polos servizos de asistencia da deputación provincial correspondente.

2. Así mesmo, as mancomunidades de municipios e os consorcios locais poderán ser eximidos pola consellería competente en materia de réxime local, por proposta deles, logo de informe da deputación ou deputacións provinciais correspondentes, da obriga de manter postos propios reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, cando o volume de servizos xestionados ou recursos dispoñibles, segundo o último orzamento aprobado, sexa insuficiente manifestamente para o mantemento dos postos.

As funcións reservadas nas entidades que conten coa exención prevista no parágrafo anterior serán exercidas de xeito preferente polo sistema de acumulación previsto no artigo 44. Excepcionalmente, as ditas funcións serán desempeñadas polo persoal funcionario con habilitación de carácter estatal das entidades locais que as compoñen, ou, no seu defecto, polo servizo de asistencia da deputación provincial correspondente.

3. Co fin de garantir o exercicio das funcións reservadas, no expediente de exención elaborado pola entidade concretarase o sistema elixido.

4. A consellería competente en materia de réxime local poderá revogar a exención, no caso de modificarse as circunstancias que propiciaron aquela, ben por instancia da entidade local ou ben de oficio con audiencia daquela.

Artigo 8º.-Desempeño excepcional do posto de tesouraría.

1. Excepcionalmente, por petición fundada do pleno das corporacións locais de municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes ou orzamento inferior a 18.030.363,13 euros, cuxa secretaría estea clasificada en clase primeira, a consellería competente en materia de réxime local poderá autorizar o desempeño do posto de tesouraría por un/unha funcionario/a da corporación debidamente cualificado e que deberá estar en posesión, en todo caso, da mesma titulación que a exixida para o posto.

2. O cesamento no posto do/a dito/a funcionario/a deberá ser comunicado pola corporación á consellería competente en materia de réxime local no prazo máximo de tres días desde que se produza, para os efectos de revogar a autorización, procedéndose á provisión do posto por funcionario/a con habilitación estatal mediante os sistemas establecidos neste decreto.

3. Así mesmo, a autorización poderá ser revogada polo órgano autonómico competente, por petición da propia entidade local, ou logo de audiencia desta, no caso de que mudasen os requisitos establecidos no punto 1.

Artigo 9º.-Servizos provinciais de asistencia.

1. Cos requisitos establecidos no artigo 7º, as funcións públicas reservadas en entidades locais exentas ou naqueloutras en que tales funcións non poidan circunstancialmente atenderse, serán exercidas na forma prevista na normativa estatal ou autonómica de réxime local polos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal adscritos aos ditos servizos.

2. As deputacións provinciais incluirán nas súas relacións de postos de traballo os reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal necesarios para garantir o cumprimento de tales funcións.

3. A consellería competente en materia de réxime local efectuará a clasificación dos citados postos por proposta das deputacións provinciais. A súa provisión axustarase ao establecido neste decreto.

Artigo 10º.-Normas xerais da clasificación de postos.

1. Os procedementos de creación de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal comportan a súa clasificación conforme o previsto no artigo 3º.

2. A clasificación dos ditos postos iniciarase por instancia da entidade local interesada e deberán conter, cando menos:

a) Unha memoria xurídica e económica xustificativa da clasificación.

b) Certificación acreditativa dos recursos de que dispón a entidade local segundo o último orzamento aprobado.

c) Certificación da última cifra do padrón municipal.

d) Certificacións de secretaría dos acordos adoptados pola corporación relativos á relación de postos de traballo ou cadro de persoal correspondente, ou, de ser o caso, modificación deles, e certificación do resultado do sometemento da dita relación a información pública.

3. Nos casos en que proceda a modificación da clasificación dos postos reservados por incrementarse a poboación e/ou o orzamento da entidade local conforme o disposto nesta sección, e non ser iniciada por aquela coa documentación requirida a pesar de manterse esas novas condicións por cinco anos continuados, a consellería competente en materia de réxime local poderá instar a entidade local para tal fin. De non se atender o dito requirimento presentando toda a documentación indicada, poderá levalo a cabo de oficio con audiencia da entidade.

4. A clasificación será resolta pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, coa excepción do previsto no artigo 8º, e remitirase ao BOE para os mesmos efectos.

5. As características esenciais dos postos de traballo que se creen ao abeiro deste decreto quedarán reflectidas nas relacións de postos de traballo das entidades locais de que se trate.

6. A supresión de postos reservados seguirá o procedemento regulado neste artigo.

7. As modificacións na clasificación ou forma de provisión de postos de traballo non afectarán os destinos dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que os estivesen desempeñando con carácter definitivo, aínda que non pertenzan á subescala e categoría correspondente.

Sección segunda

Constitución e disolución de agrupacións para o sostemento de postos

Subsección primeira

Agrupacións

Artigo 11º.-Agrupacións.

1. Os concellos que por insuficiencia de recursos económicos non puideren soster os postos reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal poderán agruparse entre si para o único efecto de sostemento en común dos postos que lle correspondan de acordo coa súa clasificación.

2. A agrupación sempre deberá referirse a postos reservados á mesma subescala e categoría.

3. Unicamente procederá efectuar agrupacións de concellos cuxa secretaría estea clasificada en clase terceira para o sostemento en común deste posto, así como de clase segunda para o sostemento do posto de intervención ou tesouraría, e agrupacións para o desempeño común de postos de colaboración.

4. Se, no momento da aprobación da agrupación, todos os postos reservados nas entidades agrupadas estivesen cubertos con carácter definitivo por funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a provisión do posto ou postos resultantes efectuarase de acordo co estipulado nos estatutos da agrupación a favor daquel que teña máis puntuación no último baremo de méritos xerais. O/a funcionario/a que, como consecuencia do anterior, cesase no seu posto de traballo, percibirá da agrupación, durante un prazo máximo de tres meses, as retribucións básicas e complementarias correspondentes ao posto suprimido.

Se tan só un dos postos reservados a agrupar figurase cuberto con carácter definitivo por un funcionario con habilitación de carácter estatal e o/s outro/s con carácter temporal, quedaría como titular do posto resultante o primeiro deles, e os restantes nomeamentos serán revogados polo órgano autonómico competente.

Subsección segunda

Agrupacións voluntarias de municipios

Artigo 12º.-Constitución de agrupacións voluntarias de municipios.

O funcionamento das agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos reservados regularase polos estatutos que redactará unha comisión integrada de representantes dos municipios, designados polos seus plenos. Nos devanditos estatutos fixarase, necesariamente, a participación económica de cada concello, así como o réxime de dedicación do persoal a cada un deles.

Artigo 13º.-Procedemento para a constitución dunha agrupación voluntaria de municipios.

1. O procedemento de constitución axustarase ás seguintes regras:

a) Iniciación por acordo das corporacións locais interesadas adoptado por maioría simple, en que se realizará unha proposta sobre a clasificación do posto resultante.

b) Sometemento do expediente, en que se incluirá o proxecto de estatutos, a información pública durante o prazo dun mes mediante publicación no BOP.

No caso de que os postos que se van agrupar estean ocupados por funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, notificaráselles o acordo para que, no prazo de quince días, formulen as alegacións que xulguen convenientes.

c) Informe da deputación ou deputacións respectivas e informe da Delegación do Goberno da comunidade autónoma. Tales informes deberán ser emitidos no prazo dun mes, a partir da súa solicitude, entendéndose favorables de non recibirse no referido prazo.

d) Aprobación definitiva da agrupación e do proxecto de estatutos que a rexerán, adoptado co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das entidades que se van agrupar. No dito acordo constará a proposta dirixida á consellería competente en materia de réxime local sobre a clasificación do posto resultante da agrupación.

e) Remisión do expediente completo á consellería competente en materia de réxime local. Formarán parte deste expediente, entre outros:

e.1) As certificacións expedidas polas secretarías de cada entidade relativas aos acordos a que se refiren as letras anteriores deste artigo.

e.2) Os informes a que se refire a letra c) deste artigo ou, se é o caso, certificación acreditativa da recepción da petición dos informes e da súa non-emisión en prazo.

e.3) O proxecto de estatutos dilixenciado como aprobado definitivamente.

e.4) As certificacións expedidas polas secretarías de cada entidade relativas á poboación e aos orzamentos ordinarios.

Visto o expediente, a consellería competente en materia de réxime local elevará proposta de resolución ao Consello da Xunta de Galicia, o cal resolverá.

f) Publicación do decreto do Consello da Xunta de Galicia polo que se constitúe a agrupación voluntaria de municipios no Diario Oficial de Galicia e no boletín ou nos boletíns oficiais das respectivas provincias.

g) A constitución da agrupación seralle comunicada, pola consellería competente en materia de réxime local, á Administración xeral do Estado.

Subsección terceira

Agrupacións forzosas de municipios

Artigo 14º.-Agrupacións forzosas de municipios.

1. O Consello da Xunta de Galicia deberá acordar a agrupación daqueles municipios en que a poboación e os recursos ordinarios non superen as cifras que determine expresamente a Administración xeral do Estado, no seu defecto, as do artigo 7º deste decreto, co obxecto de soster en común un posto único de secretario.

2. Así mesmo, deberá acordar a agrupación de municipios en que as secretarías estean catalogadas como de segunda ou de terceira clase, co fin de soster en común un posto único de interventor.

Artigo 15º.-Procedemento para a constitución dunha agrupación forzosa de municipios.

1. A constitución das agrupacións forzosas de municipios axustarase ao procedemento seguinte:

a) Iniciación do expediente de oficio pola Xunta de Galicia, concedéndoselles audiencia ás corporacións locais afectadas polo prazo dun mes.

b) Informe das deputacións provinciais respectivas, que se entenderá favorable no caso de non recibirse no prazo dun mes.

c) Sometemento do expediente a información pública durante o prazo dun mes.

Se os postos que se van agrupar están ocupados por funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, notificaráselles o acordo para que, no prazo de quince días, formulen as alegacións que xulguen convenientes.

d) Resolución do expediente polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local.

e) Publicación, no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial da respectiva provincia, do decreto de constitución da agrupación, e remisión á Administración xeral do Estado.

2. No acordo polo que se aprobe a constitución da agrupación forzosa para o sostemento en común de postos reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal determinaranse as entidades que deban agruparse e as normas mínimas polas cales se deberá rexer a agrupación, que poderán ser desenvolvidas por acordo conxunto das entidades afectadas.

Artigo 16º.-Disolución de agrupacións.

1. Procederá a disolución das agrupacións de municipios para o sostemento en común de postos reservados cando se produza un cambio de circunstancias que alteren substancialmente as condicións polas cales a agrupación se constituíu.

2. A disolución de agrupacións de municipios regularase polo procedemento establecido nos artigos precedentes.

No acordo de disolución deberá constar a correspondente proposta de clasificación ou, se é o caso, de exención do posto resultante tras a disolución. Igualmente deberá fixarse, se é o caso, en cal das entidades locais queda adscrito o persoal funcionario con habilitación de carácter estatal que estea desempeñando o posto na agrupación, quen poderá exercer o seu dereito a opción no caso de que o desempeñe con carácter definitivo.

O acordo de disolución será sometido a audiencia dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal afectados.

Sección terceira

Rexistro de funcionarios/as con habilitación

de caracter estatal

Artigo 17º.-Rexistro de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

1. A consellería competente en materia de réxime local constituirá un rexistro de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal con exercicio na Comunidade Autónoma galega, no cal se anotarán os seguintes actos que afectan a vida administrativa destes funcionarios e postos a eles reservados:

A) Habilitados con carácter estatal.

A.1) Datos persoais.

a) Nome e apelidos.

b) NIF.

c) Enderezo actual.

d) Teléfonos.

e) Enderezo de correo electrónico.

f) Outros datos facilitados.

A.2) Datos profesionais.

a) Número de rexistro de persoal.

b) Cobertura actual de postos e relación dos desempeñados. Tomas de posesión e cesamento.

c) Subescalas e categorías a que pertenza. Forma de ingreso. Resolución de nomeamento e publicación. Funcionario/a en prácticas.

d) Grupo. Subgrupo.

e) Situacións administrativas.

f) Recoñecemento de servizos prestados. Grao persoal consolidado.

g) Requisito da lingua galega.

h) Titulacións, diplomas e cursos. Docencia. Publicacións.

i) Sancións disciplinarias e cancelacións.

j) Baixas temporais e permisos que teña incidencia na ocupación do posto.

k) Perda da condición de funcionario/a.

l) Prolongación da permanencia no servizo activo.

m) Xubilación.

n) Calquera outra incidencia que afecte a carreira profesional destes funcionarios/as.

B) Postos reservados.

a) Código do posto.

b) Denominación e clasificación do posto.

c) Entidade a que está adscrito.

d) Localidade. Provincia.

e) Data de creación e supresión.

f) Sistema de provisión. Subescala e categoría.

g) Requisitos para o seu desempeño segundo a relación de postos de traballo da entidade local.

h) Grupo.

i) Complemento de destino e complemento específico.

j) Situación (titularidade e ocupación actual).

k) Outros datos de interese.

2. Este rexistro non terá carácter público, sen prexuízo do acceso recoñecido a cada entidade local respecto dos seus postos reservados e aos/ás funcionarios/as respecto dos seus propios datos, así como da subministración de información e integración de datos co Ministerio de Administracións Públicas.

Artigo 18º.-Comunicación e inscrición de oficio.

1. Co obxecto de manter permanentemente actualizados os rexistros regulados nesta sección, os titulares das alcaldías ou presidencias das entidades locais galegas deberán remitir á consellería competente en materia de réxime local os actos e acordos municipais que se refiran ou afecten os ditos datos.

No seu defecto, poderá realizar a comunicación de datos o/a funcionario/a interesado/a así como a actualización dos datos persoais facilitados.

2. A utilización dos datos que consten neste rexistro estará sometida ás limitacións previstas no artigo 18.4º da Constitución e na normativa vixente ao respecto.

3. As inscricións practicadas neste rexistro integraranse coas efectuadas no rexistro homólogo estatal.

Capítulo III

Provisión de postos reservados a funcionarios/as

con habilitación de carácter estatal

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 19º.-Sistemas de provisión.

1. Os postos de traballo vacantes reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal proveranse por concurso de méritos, que será o sistema normal de provisión. Excepcionalmente, poderán proverse polo sistema de libre designación, segundo o establecido na normativa básica estatal e neste decreto.

2. Con independencia dos sistemas de provisión de carácter definitivo a que se refire o punto anterior, os postos de traballo reservados poderán cubrirse mediante nomeamentos provisionais, comisións de servizo, acumulacións, nomeamentos accidentais ou de persoal interino, de acordo co estipulado na sección 4ª deste capítulo.

3. A provisión do posto a través das modalidades previstas no punto primeiro, ou a reincorporación do/a titular, determinará automaticamente o cesamento de quen o viñese desempeñando.

Sección segunda

Provisión definitiva por concurso ordinario de méritos

Subsección primeira

Bases do concurso ordinario

Artigo 20º.-Bases da convocatoria.

1. As corporacións locais galegas con postos vacantes que xulguen necesario incluír no concurso ordinario anual, deberán aprobar en pleno as bases para a súa cobertura conforme as regras especificadas neste decreto.

2. As bases que se van aprobar conterán indicacións respecto da clase á que pertencen os postos convocados, a subescala e categoría a cal están reservados, o nivel de complemento de destino, a contía do complemento específico anual, as características especiais, e a determinación, de ser o caso, dos méritos específicos coa forma de acreditación e valoración destes. As ditas bases incluirán, así mesmo, a referencia aos méritos xerais, aos méritos de valoración autonómica e ao coñecemento da lingua galega nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio. Tamén poderán sinalar unha puntuación mínima no caso indicado no punto 2º do artigo seguinte, a composición da comisión cualificadora nos termos do artigo 31, e a previsión dunha exposición oral para os efectos de concreción dos méritos.

Artigo 21º.-Puntuación dos méritos.

1. A puntuación dos méritos no concurso ordinario terá a seguinte distribución:

-Méritos xerais: a valoración de méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora, ata un total de 19,5 puntos.

-Méritos autonómicos: relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, serán valorados segundo se establece na subsección 2ª: ata un total de 3 puntos.

-Méritos específicos: directamente relacionados coas características do posto de traballo: a corporación local poderá incluílos conforme as regras fixadas no artigo 27 ata un total de 7,5 puntos.

2. Os municipios que conten, nas súas relacións de postos de traballo, con postos reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal de categoría superior, poderán establecer unha puntuación mínima para a adxudicación das vacantes, que en ningún caso será superior ao 25% da puntuación total do dito concurso.

Subsección segunda

Méritos relacionados co coñecemento das especialidades

da organización territorial e do dereito propio de Galicia

Artigo 22º.-Determinación e valoración dos méritos autonómicos.

1. Os méritos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia serán incluídos polas corporacións locais na respectiva convocatoria.

2. Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos constitúese polos seguintes:

a) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,5 puntos.

b) Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

c) Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

d) Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

3. A forma de valoración que corresponde a cada un dos méritos expresados no punto anterior é a recollida nos artigos seguintes.

4. Os/as concursantes acreditarán os méritos que aleguen, no momento que se indique na convocatoria, mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.

Artigo 23º.-Cursos de formación e perfeccionamento.

1. Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente teñan sido homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para os efectos deste artigo.

2. Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

3. A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos/ás funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

4. As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto. Para o suposto de que a puntuación dalgún curso non estivese determinada na súa convocatoria, correspondendo o seu obxecto co indicado no punto 2º, valorarase de conformidade cos criterios establecidos pola consellería competente en materia de réxime local en coordinación coa EGAP, do xeito que se describe a seguir:

-Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

-Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

-Cursos con certificado de aproveitamento de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

-Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

5. Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Artigo 24º.-Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia segundo se indica:

a) Servizos prestados como funcionarios/as de carreira con habilitación de carácter estatal en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

a.1. Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

a.2. De distinta subescala ou/e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

b) Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionario/a de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal:

b.1. Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

b.2. Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

Artigo 25º.-Actividade docente.

1. A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública ou realizados en colaboración con esta.

2. A súa valoración será a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

Artigo 26º.-Publicacións que puntuarán.

Valoraranse as publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, a razón de 0,10 puntos por cada monografía, e 0,05 por cada artigo, sempre que aparezan en publicacións con ISBN ou ISSN.

Subsección terceira

Méritos específicos

Artigo 27º.-Méritos específicos.

1. Os méritos específicos que determinará a entidade local deberán estar relacionados directamente coas características do posto de traballo que se vai prover e as funcións que lle corresponden, de xeito que garantan por un lado a obxectividade na provisión e, por outro, a idoneidade do/a candidato/a para o seu desempeño. Estarán referidos a cursos de formación e perfeccionamento superados, valoración do traballo desenvolvido e doutras actividades relacionadas coas características e funcións do posto.

2. Os méritos específicos formarán parte integrante da relación de postos de traballo da corporación convocante, que así o deberá acreditar. De non estar incluídos nela, deberá figurar a motivación individualizada de cada un dos méritos no acordo plenario que se adopte para a aprobación das bases, que será obxecto de exposición pública durante o prazo de quince (15) días antes da súa aprobación definitiva. Unha vez determinados os ditos méritos pola entidade local, non poderán ser modificados mentres non se acredite a variación das singularidades que os xustificaron. A modificación dos méritos seguirá o mesmo procedemento que a súa aprobación.

3. As entidades locais atenderán, para a aprobación das bases, as seguintes regras:

-Servizos prestados: asignarase un máximo de 3,60 puntos por servizos prestados en entidades locais con características comúns de poboación, orzamento, actividades principais, e outras análogas ás da corporación que convoca o posto.

-Cursos de formación e perfeccionamento superados: asignarase un máximo de 3,15 puntos por cursos de duración superior a 15 horas (non máis de 1 punto por curso), que fosen realizados nos quince anos anteriores ao da data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso, e que teñan relación directa coas funcións do posto. Admítense os impartidos polo Instituto Nacional de Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública, administracións públicas, escolas públicas oficiais de funcionarios/as e universidades. Empregarase un nomenclátor xenérico do curso que se vai valorar, que versará sobre a materia de que se trate.

-A restante puntuación poderá outorgarse a publicacións con ISBN ou ISSN, docencia, titulacións académicas e/ou exercicio de actividades privadas, sempre que estes méritos garden relación directa coas funcións atribuídas ao posto.

A valoración dos méritos sen atender ás regras anteriores suporá a non-inclusión dos postos no concurso ordinario e a súa remisión ao concurso unitario inmediato.

4. Cando a Comunidade Autónoma galega considere que os baremos de méritos específicos non son conformes cos principios de obxectividade, imparcialidade, mérito e capacidade consagrados no ordenamento xurídico, poderá requirir ou impugnar o seu acordo aprobatorio nos termos do artigo 65 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e no artigo 217 da Lei 5/1997, do 22 de xullo.

Subsección cuarta

Participación no concurso ordinario e procedemento

que se vai seguir

Artigo 28º.-Participación no concurso ordinario.

1. Os/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal poderán presentarse á convocatoria do concurso ordinario dos postos de traballo que, pola súa clasificación, correspondan á subescala e categoría á cal pertenzan.

2. Ademais dos supostos previstos na normativa autonómica, non poderán participar no concurso:

a) Os/as funcionarios/as inhabilitados/as e os/as suspensos/as en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorreu o tempo sinalado nelas.

b) Os/as funcionarios/as destituídos/as nos termos que estableza a normativa e durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os/as funcionarios/as que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo por concurso en postos reservados, agás que sexa a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se atopen nos supostos de remoción ou supresión de postos.

Artigo 29º.-Publicación das convocatorias.

Os/as presidentes/as das corporacións locais con postos vacantes efectuarán a convocatoria conforme as bases que se aprobaron definitivamente antes de finais de xaneiro, e remitirana, como máximo nos dez primeiros días naturais de febreiro de cada ano á consellería competente en materia de réxime local para a publicación conxunta no Diario Oficial de Galicia de todas elas, podendo salvarse no dito trámite os erros ou omisións padecidos.

A dita publicación realizarase antes do primeiro trimestre do ano.

Artigo 30º.-Solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes para participar no concurso ordinario será de quince días naturais a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Xunto á solicitude, dirixida á corporación local respectiva, presentarase a documentación xustificativa dos requisitos requiridos e dos méritos alegados, así como declaración xurada de non estar comprendidos nas circunstancias recollidas no artigo 28.2º.

3. En igual prazo, os/as concursantes notificarán ao órgano autonómico competente polos medios previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a orde de prelación en que solicitaron os postos en entidades locais galegas no suposto de participación simultánea a dous ou máis destinos. De non ser comunicado suporá a exclusión do/da concursante no proceso.

Artigo 31º.-Comisión avaliadora.

1. A comisión de valoración será de composición exclusivamente técnica, nomeada polo titular da presidencia da corporación, estará integrada por un/unha presidente/a e un número par de vogais respectando a paridade de xénero.

A composición da comisión especificará o/a vogal que asumirá as funcións de secretario/a.

2. Como mínimo un dos vogais terá a condición de habilitado/a de carácter estatal de igual ou superior categoría á do posto convocado.

3. As entidades locais deberan comunicar a resolución aprobatoria da composición da comisión avaliadora á consellería competente en materia de réxime local xunto coas bases da convocatoria, para os efectos da súa publicación con aquelas no Diario Oficial de Galicia.

4. A constitución, celebración e adopción de acordos pola comisión requirirá da presenza dun número de membros non inferior a tres.

Artigo 32º.-Admisión, valoración de méritos e resolución do concurso.

1. Transcorrido o prazo de presentación de instancias, e por proposta da comisión, será aprobada polo presidente da corporación a lista provisional de persoas admitidas e excluídas nos dez (10) días naturais seguintes. O texto da dita resolución publicarase no BOP e no taboleiro de anuncios da corporación; neste último figurará, ademais, a lista comprensiva de todas elas, concedéndolle a quen resulte excluído o prazo de quince (15) días naturais para emendar os defectos advertidos ou formular as reclamacións a que houber lugar.

Finalizado o prazo de reclamacións e emenda de defectos, a titular da presidencia da corporación aprobará a lista definitiva resolvendo sobre aquelas conforme a motivación da comisión avaliadora. O acordo aprobatorio farase público na mesma forma indicada para a lista provisional.

2. De acordo coas previsións da convocatoria, a comisión avaliadora comprobará e valorará os méritos específicos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas neste decreto. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño.

Non se valorarán aqueles méritos que non se consideren suficientemente acreditados coa documentación presentada.

3. Para a valoración dos méritos autonómicos no concurso ordinario, as comisións avaliadoras poderán solicitar á consellería competente en materia de réxime local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

4. Coa puntuación que se deduza desta valoración, sumada aos méritos xerais e autonómicos, a comisión elevará proposta á corporación comprensiva dos/as candidatos/as coa orde da valoración final de méritos.

No suposto de que dous ou máis concursantes acadasen a mesma puntuación total, o empate dirimirase en favor do/da candidato/a que obtivese maior puntuación global por méritos específicos. De manterse o empate, resolverase en favor do que conte con maior puntuación global por méritos autonómicos. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación dos méritos xerais, seguindo a orde da enumeración deles determinada na normativa estatal.

5. A corporación resolverá de acordo coa proposta da comisión de valoración. A resolución do concurso motivarase con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos/as candidatos/as.

Artigo 33º.-Coordinación e formalización de nomeamentos.

1. A resolución do concurso, comprensiva da totalidade dos/as candidatos/as non excluídos/as, segundo a súa orde de puntuación, será remitida pola corporación á consellería competente en materia de réxime local dentro dos noventa días naturais seguintes ao da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Transcorrido o prazo a que se refire o punto anterior, o órgano autonómico competente procederá a efectuar a coordinación das resolucións que resulten coincidentes, en atención á orde de preferencia formulada polos/as interesados/as, para evitar a pluralidade simultánea de adxudicacións a favor dun/dunha mesmo/a concursante, e formalizará, no prazo dun mes, os nomeamentos procedentes, con publicación no Diario Oficial de Galicia, dando traslado da resolución ao Ministerio de Administracións Públicas para a súa publicación no BOE, e inclusión no Rexistro de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Artigo 34º.-Prazo posesorio.

1. O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres días hábiles, se se trata de postos de traballo na mesma localidade, ou dun mes, se se trata do primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse nos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión dun mes deberá computarse desde a dita publicación. Así acontecerá tamén caso de que o/a funcionario/a non detente, ata ese momento, a titularidade de ningún posto.

2. Por necesidades do servizo, mediante acordo dos/das presidentes/as das corporacións en que corresponda cesar e tomar posesión o/a concursante, poderá diferirse o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, debendo o segundo deles dar conta deste acordo ao órgano autonómico competente en materia de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Artigo 35º.-Dilixencias de cesamento e toma de posesión.

1. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos/das concursantes que accedan a un posto de traballo, de acordo co previsto neste decreto, deberán ser comunicadas ao órgano estatal e autonómico respectivo con competencias na materia dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produza.

2. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ao posto, e o/a funcionario/a pasa a depender da correspondente corporación.

3. Nos casos de cesamento e toma de posesión a que se refire este artigo, os/as funcionarios/as terán dereito á totalidade das retribucións de carácter fixo, tanto básicas como complementarias.

De producirse o final do prazo posesorio no mesmo mes en que tivo lugar o cesamento, as retribucións de periodicidade mensual do/da funcionario/a faranse efectivas pola entidade que dilixencia o dito cesamento, por mensualidade completa e de acordo coa situación e dereitos do/da funcionario/a referidos ao primeiro día hábil do mes en que se efectúa o cesamento. Se, polo contrario, o dito termo recaese en mes distinto ao do cesamento, as retribucións do primeiro mes faranse efectivas da forma indicada, e as do segundo serán aboadas pola entidade correspondente ao posto de traballo ao cal se accede, así mesmo por mensualidade completa e na contía correspondente ao posto en que se tomase posesión.

O pagamento do importe da paga extraordinaria correspondente será asumido por ambas as entidades en proporción ao número de mensualidades do período de devengo daquela que, conforme o establecido no punto anterior, correspondan a cada unha delas. A parte do importe correspondente á entidade que tramita o cesamento entenderase devengada no momento de se producir este.

Sección terceira

Provisión por libre designación

Artigo 36º.-Supostos.

1. Excepcionalmente, para os municipios de grande poboación previstos no artigo 121 da Lei 7/1985, de bases do réxime local, e concretamente na Lei 4/2004, de 28 de xuño, para os municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, así como para as deputacións provinciais, poderán cubrirse polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter estatal da subescala e categoría indicada no artigo 3, os postos a eles/elas reservados/as que se determinen nas súas relacións de postos de traballo, nos termos previstos na lexislación sobre función pública.

2. A opción polo sistema de libre designación require que este sexa o sistema de provisión do dito posto previsto na correspondente relación de postos de traballo, ou a modificación previa de tal relación polo procedemento legalmente establecido, e posterior comunicación ao órgano competente da comunidade autónoma para os efectos de clasificación.

Artigo 37º.-Procedemento.

1. As bases da convocatoria para cubrir os postos de libre designación serán aprobadas polo/a presidente/a da corporación local e deberán conter os seguintes datos:

a) Corporación.

b) Denominación e clase de posto.

c) Nivel de complemento de destino.

d) Complemento específico anual.

e) Requisitos para o seu desempeño conforme a relación de postos de traballo.

f) Referencia ao coñecemento da lingua galega conforme o Decreto 103/2008, do 8 de maio.

2. A convocatoria, que será realizada pola corporación no prazo máximo de tres meses desde que o posto de traballo resultar vacante, remitirase ao órgano autonómico competente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión ao Ministerio de Administracións Públicas.

De non efectuarse a convocatoria no prazo de tres meses, a comunidade autónoma poderá autorizar un nomeamento provisional a funcionario da mesma subescala e categoría ou, de non ser posible, de distinta categoría, polo tempo que reste ata a súa cobertura definitiva, que se deberá producir antes dos seis meses seguintes.

3. Poderán participar no procedemento de libre designación os/as funcionarios/as que pertenzan á subescala e categoría en que estea clasificado o posto, agás aqueles nos cales concorran as circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 28.

4. As solicitudes dirixiranse, nos quince (15) días naturais seguintes ao da data da súa publicación, ao órgano convocante. Concluído o prazo, o/a presidente/a da corporación procederá, de ser o caso, logo de constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo dun mes, dando conta ao Pleno da corporación e traslado ao órgano autonómico competente, para a anotación e publicación no Diario Oficial de Galicia. A dita resolución motivarase con referencia ao cumprimento, por parte do/da candidato/a elixido/a, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e da competencia para proceder ao nomeamento. A praza deberá ser adxudicada entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada no procedemento, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

5. O prazo posesorio será o mesmo que o establecido no artigo 34.

Artigo 38º.-Cesamento en postos de libre designación.

O/a funcionario/a nomeado/a para un posto de libre designación poderá ser destituído, con carácter discrecional, polo mesmo órgano que o nomeou, sempre que se lle garanta un posto de traballo da súa subescala e categoría na corporación, que deberá figurar na relación de postos de traballo de esta e cuxa remuneración non será inferior en máis de dous niveis á do posto para o cal foi designado.

O dito posto de traballo estará clasificado como reservado a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, terá atribuídas as funcións de colaboración, apoio e asistencia xurídica ou económica que lle atribúa o/a presidente/a da corporación e nel poderase permanecer ata obter outro polos procedementos de provisión definitiva ou provisional.

A motivación da resolución de cesamento referirase á competencia para adoptala.

Sección cuarta

Provisión non definitiva de postos reservados

Subsección primeira

Disposicións xerais

Artigo 39º.-Sistemas de provisión non definitivos.

1. Os postos reservados que por calquera razón non estivesen desempeñados por funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, poderán cubrirse mediante nomeamento provisional, comisión de servizos, acumulación, funcionario/a accidental ou nomeamento de funcionario/a interino/a, por esta orde de preferencia coas excepcións indicadas nos artigos seguintes.

2. A resolución dos nomeamentos de carácter non definitivo será ditada polo órgano autonómico competente no prazo máximo dun mes desde a recepción do expediente completo, agás nos supostos en que o nomeamento accidental recaia na propia entidade local. A dita resolución será notificada á entidade local e ao/á funcionario/a nomeado/a, poñendo fin á vía administrativa.

3. A cobertura do posto a través dos sistemas de provisión definitiva ou a reincorporación do/a titular, determinará automaticamente o cesamento do/a funcionario/a que o viñese desempeñando temporalmente. Así mesmo, a provisión por persoal funcionario con habilitación de carácter estatal implicará o cesamento do persoal interino ou accidental que estivese ocupando o posto.

4. Cando se trate da provisión non definitiva por funcionarios/as con habilitación de carácter estatal en postos de diferente subescala á que pertenzan, exixirase estar en posesión da titulación requirida para o acceso á subescala na cal estea clasificado o posto.

Artigo 40º.-Revogacións.

1. Os órganos competentes para efectuar os nomeamentos a que se refire esta sección sono, así mesmo, para a súa revogación, cando se dean as circunstancias requiridas, logo de tramitación do oportuno expediente administrativo. O dito órgano comunicará os nomeamentos e revogacións ao órgano estatal competente no prazo de dez días, para os efectos de anotación no rexistro a que se refire o Estatuto básico do empregado publico.

2. Se a revogación fose solicitada unicamente polo/a funcionario/a, deberá mediar un aviso previo de trinta (30) días dirixido á entidade onde estea prestando servizos, e, de ser o caso, a aquela na cal ocupa o seu posto definitivo.

3. Con carácter previo á resolución que se adopte, darase traslado da revogación ás entidades interesadas e ao/á funcionario/a afectado/a para que aleguen o que xulguen oportuno no prazo de dez (10) días.

Subsección segunda

Nomeamentos provisionais

Artigo 41º.-Concepto e normas xerais.

1. A consellería competente en materia de réxime local poderá efectuar nomeamentos provisionais en postos reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que estean vacantes ou naqueloutros que non estean desempeñados efectivamente polos/as seus/súas titulares por atoparse nalgunha das circunstancias seguintes:

a) Comisión de servizos.

b) Suspensión provisional.

c) Excedencias durante o período de reserva do posto polo/a seu/súa titular.

d) Enfermidade.

e) Outros supostos de ausencia.

2. O nomeamento provisional terá preferencia sobre outras formas de provisión non definitivas, coas excepcións sinaladas nos artigos seguintes.

Os nomeamentos provisionais recaerán preferentemente en habilitados/as da subescala e categoría á cal estea reservado o posto. Cando isto non for posible, recaerán en habilitados/as da mesma subescala e distinta categoría, e, no seu defecto, en habilitados/as de distinta subescala en posesión da titulación exixida para o acceso a aquela. Estas prevalencias rexerán con independencia de quen obtivese o informe favorable para o nomeamento no posto.

De se presentaren varias solicitudes de funcionarios/as que pertenzan á mesma subescala e categoría, será nomeado/a o/a que obtivese informe favorable da entidade. De non obter informe ningunha delas da entidade ou de facelo negativamente, ditarase resolución en favor d/ao habilitado/a con maior antigüidade na subescala, e, de haber empate, no de maior puntuación no mesmo proceso selectivo.

3. O nomeamento provisional implicará o cesamento automático da persoa que veña ocupando o posto por nomeamento accidental, interino ou en réxime de acumulación de funcións.

4. Os nomeamentos provisionais implicarán, en calquera caso, o cesamento no posto que se estivese desempeñando. O prazo posesorio será o mesmo que se establece no artigo 34.

5. O nomeamento provisional poderá ser revogado en calquera momento polo órgano autonómico competente, por proposta da corporación local interesada, con audiencia do/da funcionario/a ou por instancia de este/a, logo de informe da corporación.

Artigo 42º.-Tramitación.

1. Cando o procedemento sexa iniciado polo persoal funcionario interesado, na solicitude que dirixa á comunidade autónoma sinalará o posto de traballo ao cal opta, achegando a documentación acreditativa da súa condición de funcionario/a con habilitación de carácter estatal e as referencias profesionais oportunas. A consellería competente dará traslado da solicitude á entidade local, e concederalle un prazo de dez (10) días para formular alegacións. O órgano autonómico estimará a resolución de nomeamento respectando a orde de prelación establecida no artigo precedente, agás nos supostos seguintes:

-Non concorrer, no posto de traballo solicitado, as circunstancias que habilitan a súa provisión temporal por este sistema.

-Non contar o/a funcionario/a coa titulación exixida para o desempeño do posto.

-Estar pendente de toma de posesión por habilitado/a de carácter estatal que resulte nomeado a través dos sistemas de provisión definitiva.

-Ter iniciado a entidade un procedemento de reclasificación ou supresión do posto ata a resolución do procedemento.

2. O/A funcionario/a interesado/a, sen posto en propiedade, deberá achegar a solicitude xunto co informe favorable da entidade local para a que insta o nomeamento provisional.

3. Se o nomeamento provisional implica o cesamento do/a funcionario/a nun posto definitivo, precisará do informe favorable de ambas as entidades ao nomeamento provisional, neste caso será solicitado, pola entidade de destino á entidade de orixe, coa conformidade do/a funcionario/a.

4. De estar desempeñando un posto en nomeamento provisional, exixirase para iniciar a tramitación dun novo nomeamento a conformidade da corporación na cal estivese prestando servizos, e, de non obtela, precisará a súa previa revogación.

Subsección terceira

Outros nomeamentos non definitivos

Artigo 43º.-Comisión de servizos.

1. A consellería competente en materia de réxime local poderá conferir comisións de servizos nos supostos previstos na normativa a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal con destino definitivo na Comunidade Autónoma galega para ocuparen postos reservados en entidades locais galegas, cando non for posible efectuar un nomeamento provisional a favor de funcionario/a da mesma subescala e categoría a que está reservado o posto, imposibilidade que deberá quedar o suficientemente acreditada no expediente.

Terá preferencia a comisión de servizos a favor do funcionario/a con habilitación de carácter estatal da mesma subescala e categoría do posto; no seu defecto, da mesma subescala e distinta categoría, respecto dun nomeamento provisional en favor de habilitado/a de diferente subescala.

2. A comisión de servizos efectuarase por petición da entidade interesada e coa conformidade do funcionario e da entidade onde preste servizos e/ou destino.

3. A concesión destas comisións de servizos terá lugar polo prazo máximo dun ano, sendo prorrogable por outro ano máis.

4. Se a comisión non implica cambio de residencia do/a funcionario/a, o cesamento e a toma de posesión deberán producirse no prazo de tres días desde a notificación da autorización da comisión. Se implica cambio de residencia, o prazo será de cinco días.

Artigo 44º.-Acumulacións.

1. A consellería competente en materia de réxime local, nos supostos previstos no artigo 39.1º, poderá autorizar aos/ás funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que ocupen un posto de traballo a eles/elas reservado a desempeñar, así mesmo, nunha entidade local próxima as funcións reservadas, atendendo a criterios de obxectividade e racionalidade. Esta fórmula de provisión procederá sempre que non fose posible efectuar nomeamento provisional ou comisión de servizos, imposibilidade que debe constar acreditada no expediente.

A acumulación efectuarase por petición da propia entidade local de acordo co/coa funcionario/a interesado/a e a entidade en que estea destinada.

2. Poderanse acordar acumulacións para o desempeño das funcións reservadas nos municipios ou entidades eximidas da obriga de manter o dito posto.

3. A acumulación poderá outorgarse a funcionario/a con habilitación de carácter estatal de diferente subescala ao posto que se pretende acumular sempre que posúa a titulación exixida para o acceso a aquela.

4. Non se poderá autorizar a acumulación de máis dun posto de traballo reservado nin tampouco simultanear en réxime de acumulación o desempeño de dous postos na mesma entidade.

5. De ditarse resolución de nomeamento provisional ou comisión de servizos para a cobertura do posto desempeñado en réxime de acumulación, procederase á súa revogación nos termos establecidos neste decreto.

6. O desempeño das funcións acumuladas dará dereito á percepción dunha gratificación de ata o 30% das remuneracións correspondentes ao posto principal.

Artigo 45º.-Nomeamentos accidentais.

1. Cando non procedese ou fose posible a provisión do posto polos procedementos previstos nos artigos anteriores deste decreto, as corporacións locais poderán nomear con carácter accidental un dos/das seus/súas funcionarios/as suficientemente capacitado.

2. Nos casos en que o posto non estivese desempeñado efectivamente por funcionario/a con habilitación de carácter estatal durante un período superior a seis meses, a consellería competente en materia de réxime local, de oficio ou por instancia da corporación, autorizará o nomeamento accidental dun/dunha funcionario/a da entidade, preferentemente que estivese en posesión da titulación exixida para o acceso ao posto.

Artigo 46º.-Nomeamentos interinos.

1. Cando non fose posible a provisión dos postos de traballo vacantes nas corporacións locais reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal polos procedementos previstos nos artigos 41, 43, e 44, as corporacións locais, logo de informe do órgano autonómico competente, poderán propoñer o nomeamento como funcionario/a interino/a dunha persoa que estea en posesión da titulación exixida para o acceso á subescala e categoría a que pertence.

2. A selección do/a funcionario/a interino/a efectuarase preferentemente mediante o sistema de concurso, baseado nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e conforme as seguintes regras:

a) Aprobación das bases da convocatoria, conforme o modelo proposto polo órgano autonómico.

b) Publicación das bases no BOP e no taboleiro de anuncios da entidade por un período non inferior a quince (15) días.

3. A entidade local levará a cabo o proceso de selección e, rematado este, elevara proposta á consellería competente en materia de réxime local xunto co expediente completo, para, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos e non existindo funcionario/a con habilitación de carácter estatal interesado/a, efectuar o mencionado nomeamento.

4. O/a funcionario/a interino/a cesará no momento en que o posto que ocupa sexa solicitado por funcionario/a con habilitación de carácter estatal e outorgado nomeamento ao seu favor.

Artigo 47º.-Comisións circunstanciais.

Nos casos de ausencia, enfermidade ou abstención legal ou regulamentaria de funcionario/a con habilitación de carácter estatal, por petición da corporación interesada, a Administración ou corporación local que atenda os servizos de asistencia, de acordo co establecido no artigo 9 deste decreto, poderá comisionar un/unha funcionario/a con habilitación de carácter estatal para a realización de cometidos especiais de carácter circunstancial polo tempo imprescindible.

Capítulo IV

Selección e promoción de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal

Artigo 48º.-Convocatoria das probas selectivas.

A consellería competente en materia de réxime local realizará a convocatoria pública dos procesos selectivos de acceso ás subescalas en que se estrutura a escala de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal conforme as prazas incluídas na oferta de emprego público aprobada, figurando en disposición separada dentro daquela.

Artigo 49º.-Publicación da convocatoria.

A convocatoria das probas selectivas, xunto coas súas bases, publicaranse no Diario Oficial de Galicia. A dita convocatoria será remitida ao Ministerio de Administracións Públicas para a súa publicación no BOE.

Artigo 50º.-Titulación e programas mínimos.

Os procedementos de acceso ás subescalas en que se estrutura a escala de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal farase de acordo cos títulos académicos requiridos e programas mínimos aprobados regulamentariamente polo Ministerio de Administracións Públicas.

Artigo 51º.-Normativa de aplicación.

No non establecido con caracter básico polo Ministerio de Administracións Públicas, os procesos selectivos do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal rexeranse polas bases das convocatorias, polo previsto neste decreto, na normativa autonómica sobre selección e promoción interna do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e nas restantes normas específicas que lles resulten aplicables.

Artigo 52º.-Probas selectivas.

1. O ingreso nas subescalas en que se estrutura a escala de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal na Comunidade Autónoma de Galicia levarase a cabo mediante probas selectivas para o acceso aos cursos selectivos de formación e a superación destes na Escola Galega de Administración Pública.

2. O ingreso nas subescalas de secretaría e de intervención-tesouraría terá lugar na categoría de entrada. Este efectuarase, para a metade das prazas ofertadas, polo sistema de oposición, que deberá constar como mínimo de tres probas, dúas delas de carácter teórico, que versarán sobre o contido dos programas e terán por obxecto a demostración dos coñecementos específicos das funcións que se van desenvolver, e unha de carácter eminentemente práctico, que permita comprobar a capacidade de análise e a aplicación razoada de coñecementos teóricos, que se determinarán en todos os supostos de acordo coas funcións reservadas á subescala de que se trate.

Para o resto de prazas ofertadas, o acceso efectuarase polo sistema de concurso-oposición (promoción interna) desde a subescala de secretaría-intervención, sendo preciso ter polo menos dous anos de antigüidade nesa subescala computados a partir da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia. O dito proceso deberá constar, como mínimo, de dúas probas, unha teórica e outra práctica.

3. O ingreso na subescala de secretaría-intervención farase mediante o sistema de oposición, que deberá constar, como mínimo, de tres probas, dúas delas de carácter teórico, que versarán sobre o contido do programa e terán por obxecto a demostración dos coñecementos específicos das funcións que se van desenvolver, e unha de carácter eminentemente práctico, que permita comprobar a capacidade de análise e a aplicación razoada de coñecementos teóricos.

4. O acceso á categoría superior desde a categoría de entrada das subescalas de secretaría e intervención-tesouraría farase mediante concurso-oposición. Na fase de concurso deberanse ter en conta os méritos acreditados polos/as candidatos/as e a fase de oposición deberá contar, como mínimo, cunha proba de carácter eminentemente práctico.

A presentación ás ditas probas exixirá ter, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría de entrada, computados a partir da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 53º.-Curso selectivo e nomeamento.

1. Os/as aspirantes/as que superen as probas selectivas de acceso aos cursos serán nomeados/as funcionarios/as en prácticas pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local durante o tempo que permanezan realizando este. Durante o dito período as retribucións que lles correspondan percibiranse con cargo ao orzamento da Escola Galega de Administración Pública, a non ser que exerzan o dereito a ser retribuídos/as pola entidade en que estiveren prestando servizos.

2. O acceso aos cursos selectivos para o ingreso nas subescalas de secretaría-intervención, secretaría (categoría de entrada) e intervención-tesouraría (categoría de entrada) realizarase mediante os procedementos de selección descritos no artigo anterior. A duración dos cursos selectivos de formación non será inferior a tres meses, incluído o período de prácticas.

3. Os aspirantes que superen o curso de formación ingresarán na subescala correspondente en virtude do nomeamento efectuado pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local. Desde a data da súa publicación estarán habilitados para participar nos sistemas de provisión definitiva ou provisional convocados para a provisión de postos de traballo reservados á categoría a que pertenzan.

Disposicións adicionais

Primeira.-Alcance das modificacións.

As modificacións na clasificación ou forma de provisión de postos de traballo efectuadas ao abeiro deste decreto non afectarán os destinos de quen os viñese desempeñando con carácter definitivo.

Os supostos de desempeño actual con carácter excepcional das tesourarías que non reúnan os requisitos do artigo 8 rematarán no momento en que un funcionario con habilitación de carácter estatal e titulación suficiente obteña nomeamento para o dito posto.

Segunda.-Integración dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de secretaría-intervención.

1. Os/As funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de secretaría-intervención quedarán integrados/as no subgrupo A1 dos establecidos na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, cando cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título académico de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto o equivalente.

b) Contar cun mínimo de dous anos de antigüidade na dita subescala.

c) Superar a proba selectiva e o curso de formación que se convoque.

2. A proba selectiva será de carácter práctico e versará sobre o contido do programa que se indique, tendo por obxecto a demostración dos coñecementos específicos das funcións que se van desenvolver, e permitíndolle ao tribunal comprobar a capacidade de análise e a aplicación razoada de coñecementos teóricos.

Os/As funcionarios/as da subescala de secretaría-intervención que, pola súa vez, pertenzan ás subescalas de secretaría ou intervención-tesouraría estarán exentos de realizar esta proba, dado que superaron as correspondentes ao acceso ás ditas subescalas de subgrupo A1 no ámbito da habilitación de carácter estatal.

3. O curso de formación, convocado pola Escola Galega de Administración Pública, terá carácter selectivo e desenvolverase atendendo aos aspectos prácticos e ao desempeño das funcións da subescala de secretaría-intervención.

4. Os/As funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de secretaría-intervención que non cumpran algún dos requisitos recollidos nas letras a e b do punto 1 ou que non superen o proceso selectivo previsto na letra c do dito punto 1 quedarán como categoría a extinguir no subgrupo A2. Non obstante, conservarán os seus dereitos económicos e estarán habilitados para desempeñar postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal nas mesmas condicións que os funcionarios/as integrados na subescala de secretaría-intervención. Para estes efectos, as corporacións locais, no ámbito das súas respectivas competencias, realizarán as modificacións que resulten necesarias nas relacións de postos de traballo.

5. Os postos reservados a funcionarios/as de habilitación estatal da subescala de secretaría-intervención enténdense abertos tanto a membros do subgrupo A1 como A2, e deberán figurar así na relación de postos de traballo da entidade. En consecuencia, o nivel do complemento de destino non será superior a aquel que resulte común para ambos os grupos conforme a normativa autonómica.

Terceira.-Réxime disciplinario.

O réxime disciplinario aplicable aos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal que presten servizos no territorio da comunidade autónoma rexerase polo disposto na normativa da función pública autonómica, de acordo co previsto na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

Cuarta.-Asociacións de municipios e provincias.

As asociacións de municipios e provincias que teñan atribuída a representatividade e defensa dos intereses das entidades locais galegas ante os poderes públicos terán as facultades que lles outorga a normativa vixente en virtude da dita condición.

Quinta.-Representación colectiva de habilitados.

A Comunidade Autónoma de Galicia solicitará informe dos proxectos referidos ás normas autonómicas sobre as funcións reservadas ou sobre o réxime xurídico xeral do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, aos colexios ou asociacións máis representativos de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local do seu ámbito territorial, cos cales poderá celebrar convenios de colaboración.

Os colexios ou asociacións máis representativas do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal na comunidade autónoma poderán solicitar en calquera momento canta información precisen sobre os postos reservados e a cobertura destes, con respecto, en todo caso, á protección de datos de carácter persoal que corresponda.

Sexta.-Actualización de límites orzamentarios.

Autorízase a consellería competente en materia de réxime local para actualizar as referencias orzamentarias contidas neste decreto, dentro dos criterios básicos que, se é o caso, se establezan mediante lei estatal.

Sétima.-Complementos mínimos dos postos nas entidades locais galegas.

Tendo en conta a complexidade e responsabilidade das funcións que desempeñan os/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, os postos reservados á subescala de secretaría-intervención terán asignado como mínimo un nivel 24 de complemento de destino, mentres que o complemento dos reservados á subescala de secretaría e intervención-tesouraría será igual ou superior ao nivel 26. En todo caso, en defecto de relación de postos de traballo aprobada como tal, a contía do complemento específico dos postos reservados non poderá ser inferior a 8.000 euros nin tampouco poderá ser inferior á prevista para o resto do persoal da corporación.

Oitava.-Valoración de méritos autonómicos no concurso unitario.

Para os efectos da baremación dos tres puntos correspondentes aos méritos autonómicos dos candidatos no concurso unitario de traslados, aplicarase o disposto nos artigos 23 a 26.

Novena.-Permuta de postos reservados.

1. De conformidade coas corporacións locais afectadas e os/as funcionarios/as titulares interesados/as, a consellería competente en materia de réxime local poderá autorizar permutas entre postos situados na comunidade autónoma, sempre que concorran as seguintes circunstancias:

-Que exista identidade entre os postos que se van permutar no tocante á súa clasificación e funcións.

-Que os postos estean reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal da mesma subescala e categoría.

-Que os postos presenten idéntico sistema de provisión.

-Que os servizos prestados polos/as funcionarios/as titulares de ditos postos non difiran entre si máis de cinco anos.

2. Non se poderá autorizar permuta entre funcionarios cando a algún deles lle falten menos de dez anos para cumprir a idade de xubilación forzosa.

3. A resolución será remitida á Administración xeral do Estado.

4. No prazo de dez anos, a partir da concesión da permuta, non se poderá autorizar outra a calquera dos/das interesados/as.

Disposicións transitorias

Primeira.-Clasificación actual de postos.

Mantense a validez da clasificación actual dos postos reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, mentres non se proceda á súa modificación nos termos previstos neste decreto, e sen prexuízo do que puider dispoñer a normativa básica estatal.

Sen prexuízo do establecido neste decreto respecto á clasificación e forma de provisión de postos, e ao abeiro da Lei 4/2004, do 28 de xuño, aos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela resultaranlles tamén de aplicación as previsións contidas no título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Segunda.-Servizos provinciais de asistencia a municipios.

As deputacións provinciais deberán dar cumprimento, no prazo de dous anos desde a publicación deste decreto, ao disposto no artigo 9.2º sobre a existencia destes servizos.

Terceira.-Baremo de méritos autonómicos.

A consellería competente en materia de réxime local disporá, nun prazo de tres anos, dun baremo de méritos autonómicos dos funcionarios con habilitación de carácter estatal que exercesen na comunidade autónoma galega ou que remitisen algún mérito para a súa inscrición no rexistro a que alude o artigo 17.

O dito baremo será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia con carácter previo á publicación da convocatoria dos concursos, o que suporá a improcedencia nese momento do previsto nos artigos 22.4º e 30.2º.

Disposicións derrogatorias

Única.-Queda derrogado o Decreto 136/1997, do 5 de xuño, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Normas de aplicación.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de réxime local para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de febreiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza