DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 23 de xuño de 2009 Páx. 10.773

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 6, define o currículo como o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación. Así mesmo, establece que lle corresponde ao goberno fixar os aspectos básicos do currículo que constitúen as ensinanzas mínimas para todo o Estado, sendo competencia das diferentes administracións educativas determinar o currículo para os seus respectivos ámbitos territoriais. En virtude destas competencias, correspóndelle á Administración educativa galega establecer o currículo do primeiro e do segundo ciclo de educación infantil. Deste último forman parte as ensinanzas mínimas fixadas no Real decreto 1630/2006, do 29 de decembro.

Neste decreto establécense para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os principios xerais, fins e obxectivos referidos ao conxunto da etapa.

Ao establecer o currículo de educación infantil preténdese garantirlle unha educación común ao conxunto da poboación e asegurar unha educación non discriminatoria que considere as posibilidades de desenvolvemento do alumnado, sexan as que foren as súas condicións persoais e sociais -capacidade, sexo, raza, lingua, orixe sociocultural, crenzas e ideoloxía-, mediante o exercicio de actuacións positivas ante a diversidade do alumnado.

O currículo desta etapa oriéntase a lograr un desenvolvemento integral e harmónico da persoa nos distintos planos -físico, motor, emocional, afectivo, social e cognitivo- e a procurar as aprendizaxes que contribúen e fan posible o devandito desenvolvemento.

As aprendizaxes da etapa preséntanse en tres áreas diferenciadas das cales se describen os obxectivos xerais, contidos e criterios de avaliación; porén, boa parte dos contidos dunha área adquiren sentido desde a perspectiva das outras dúas, coas cales está en estreita relación, dado o carácter globalizador da etapa.

A organización en bloques establecida neste decreto ten como finalidade a presentación dos contidos de forma coherente. Posibilítalle ao equipo docente a planificación e o deseño dun esquema de interrelación e de transacción entre os bloques propostos que reflicta a globalidade da acción das aprendizaxes das nenas e dos nenos.

A avaliación terá como fin a identificación das aprendizaxes consolidadas polo alumnado, así como a valoración do desenvolvemento alcanzado. Ten, polo tanto, un carácter netamente formativo. Nesta formulación, os criterios de avaliación concíbense como unha referencia para orientar a acción educativa.

Os centros educativos xogan tamén un activo papel na determinación do currículo, xa que lles corresponde desenvolver e completar os currículos que se establecen.

Aínda que a educación infantil constitúe unha etapa educativa cos seus propios obxectivos, en que se debe coidar a transición entre os ciclos, non se pode esquecer que se trata dunha etapa que ten a súa continuidade na educación primaria. Isto exixe a coordinación entre ambas as etapas. Coordinación que en ningún caso se entenderá como supeditación dunha etapa a outra, senón como un instrumento que asegure a coherencia dos procesos educativos iniciados.

Nesta etapa, máis que en calquera outra, desenvolvemento e aprendizaxe son procesos dinámicos que teñen lugar como consecuencia da interacción co contorno. Cada nena e cada neno ten o seu ritmo e o seu estilo de maduración, desenvolvemento e aprendizaxe; por iso, a súa afectividade, as súas características persoais, as súas necesidades, intereses e estilo cognitivo deberán ser tamén elementos que condicionen a práctica educativa nesta etapa. Un currículo aberto servirá como instrumento fundamental para dar unha resposta adecuada ao tratamento da diversidade.

No proceso educativo desta etapa adquire unha relevancia especial a participación e colaboración coas familias. Na nosa sociedade a transformación histórica do medio familiar e social leva a que a escola comparta coa familia o papel de proporcionarlles aos nenos e ás nenas experiencias que faciliten as súas primeiras aprendizaxes. En todo caso, familia, escola e os demais axentes educativos deben formular a súa actuación de forma coordinada e complementaria, buscando a colaboración e a coherencia nas súas intervencións.

Este decreto establece aqueles elementos do currículo que teñen carácter prescritivo para todos os centros (obxectivos, contidos e criterios de avaliación das áreas), pero inclúe tamén outros elementos de carácter orientador (orientacións metodolóxicas e contribucións ás competencias básicas). Tanto uns coma outros pretenden axudar as/os profesionais na tarefa de concreción e adaptación do currículo ao seu contexto e alumnado.

Neste decreto determínanse o currículo do 1º e do 2º ciclo, e a contribución da etapa educativa á adquisición das competencias básicas, que se publican como anexos a el coa seguinte numeración:

Anexo I-Currículo do primeiro ciclo e do segundo ciclo de educación infantil.

Anexo II-Contribución da etapa educativa á adquisición das competencias básicas.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de xuño do dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten como obxectivo establecer os currículos do primeiro e do segundo ciclo da educación infantil que serán de aplicación nos centros educativos que impartan estas ensinanzas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Principios xerais.

1. A educación infantil constitúe a etapa educativa con identidade propia que atende a nenas e nenos desde o nacemento ata os seis anos.

2. Esta etapa ordénase en dous ciclos. O ciclo constitúe unha unidade curricular temporal de programación e avaliación. O primeiro ciclo comprende desde o nacemento ata os tres anos e o segundo, desde os tres aos seis anos de idade.

3. Todo o profesorado do mesmo ciclo desenvolverá o seu traballo en equipo, co fin de garantir a necesaria unidade da acción educativa.

4. A educación infantil ten carácter voluntario. O segundo ciclo desta etapa educativa será gratuíto. As administracións competentes procurarán que haxa unha oferta suficiente de prazas no 1º ciclo e garantirán a mesma no 2º.

Artigo 3º.-Fins.

1. A finalidade da educación infantil é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas e dos nenos.

2. Na educación infantil atenderase progresivamente ao desenvolvemento afectivo, ao movemento e aos hábitos de control corporal, ás manifestacións da comunicación e da linguaxe, ás pautas elementais de convivencia e relación social, así como ao descubrimento das características físicas e sociais do medio. Ademais, facilitarase que nenas e nenos elaboren unha imaxe de si mesmos positiva e equilibrada e adquiran autonomía persoal.

3. Potenciarase a transmisión daqueles valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a xustiza, a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica, a non-violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como o desenvolvemento da igualdade de dereitos e oportunidades e o fomento da igualdade entre homes e mulleres.

Artigo 4º.-Obxectivos.

A educación infantil contribuirá a desenvolver nas nenas e nenos as capacidades que lles permitan:

a) Coñecer o seu propio corpo e o das outras persoas, as súas posibilidades de acción e aprender a respectar as diferenzas.

b) Observar e explorar o seu contorno familiar, natural e social.

c) Adquirir progresivamente autonomía nas súas actividades habituais.

d) Desenvolver as súas capacidades afectivas.

e) Relacionarse cos demais e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e de relación social, así como exercitarse na resolución pacífica de conflitos.

f) Desenvolver habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión.

g) Iniciarse nas habilidades lóxico-matemáticas e achegarse á lectura e escritura como medio de comunicación, información e gozo.

h) Sentir o xesto, o movemento e o ritmo como recursos para a expresión e a comunicación.

i) Achegarse, na medida das súas posibilidades, ao uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Artigo 5º.-Currículo.

1. Enténdese por currículo da educación infantil o conxunto de obxectivos, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación que regularán a práctica educativa nesta etapa.

2. Os currículos da educación infantil, que deberán desenvolver e completar os centros educativos que impartan estas ensinanzas, son os que se recollen no anexo I deste decreto; pasando a formar parte da súa proposta pedagóxica.

3. A contribución desde as diferentes áreas dos currículos de educación infantil ao desenvolvemento das competencias básicas é a que se recolle no anexo II deste decreto.

Artigo 6º.-Áreas de coñecemento.

1. Os contidos educativos da educación infantil organizaranse en áreas correspondentes a ámbitos propios da experiencia e do desenvolvemento infantil e abordaranse por medio de actividades globalizadas que teñan interese e significado para as nenas e os nenos.

2. As áreas da educación infantil son as seguintes:

-Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal.

-Coñecemento do contorno.

-Linguaxes: comunicación e representación.

Estas áreas deben entenderse como ámbitos de actuación, como espazos de aprendizaxes de toda orde: de actitudes, procedementos e conceptos, que contribuirán ao desenvolvemento de nenas e nenos e propiciarán a súa aproximación á interpretación do mundo, outorgándolle significado e facilitando a súa participación activa nel.

3. Desde o 1º ciclo prestarase atención ao desenvolvemento da autonomía da nena e do neno, á creación dos primeiros vínculos sociais e á conquista da linguaxe. Fomentarase unha primeira aproximación á lectura e á escritura, así como a experiencias de iniciación temperá en habilidades numéricas básicas, nas tecnoloxías da información e a comunicación e na expresión visual e musical. Así mesmo, fomentarase unha primeira aproximación á lingua estranxeira nas aprendizaxes do segundo ciclo da educación infantil, especialmente no último ano.

4. Os métodos de traballo en ambos os ciclos basearanse nas experiencias, nas actividades e no xogo, e aplicaranse nun ambiente de afecto e confianza para potenciar a autoestima e integración social.

Artigo 7º.-Distribución horaria.

A distribución horaria organizarase dentro dunha perspectiva globalizada e incluirá actividades que permitan respectar os ritmos de actividade, xogo e descanso das nenas e dos nenos.

Será necesario organizar o tempo baixo presupostos de flexibilidade que lle permitan ao profesorado adecualo ás características das tarefas, de xeito que o horario estea sempre ao servizo da metodoloxía. No desenvolvemento da xornada escolar combinaranse tempos de rutinas con tempos de actividades específicas, segundo as características e necesidades dos nenos e nenas.

Artigo 8º.-Avaliación.

1. Na etapa da educación infantil, a avaliación será global, continua e formativa. A observación directa e sistemática constituirá a técnica principal do proceso de avaliación.

2. A avaliación nesta etapa debe servir para identificar as aprendizaxes adquiridas e o ritmo e características da evolución de cada nena ou neno. Para estes efectos, tomaranse como referencia os criterios de avaliación de cada unha das áreas.

3. As persoas profesionais que desempeñan o seu labor na educación infantil avaliarán, ademais dos procesos de aprendizaxe, a súa propia práctica educativa.

4. As familias recibirán periodicamente a información necesaria sobre o progreso das nenas e dos nenos, e as canles que se creen para este efecto terán que facerse explícitas nos correspondentes proxectos educativos.

Artigo 9º.-Atención á diversidade.

1. A intervención educativa debe recoller como principio a diversidade do alumnado, adaptando a práctica educativa ás características persoais, necesidades, intereses e estilo cognitivo dos nenos e nenas, dada a importancia que nestas idades adquiren o ritmo e o proceso de maduración.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá os procedementos que permitan identificar aquelas características que poidan ter incidencia na evolución escolar das nenas e dos nenos coa finalidade de dar a resposta educativa axeitada para a atención á diversidade.

3. Os centros adoptarán as medidas oportunas dirixidas ao alumnado que presente necesidade específica de apoio educativo.

4. Os centros atenderán as nenas e os nenos que presenten necesidades educativas especiais buscando a resposta educativa que mellor se adapte ás súas características e necesidades persoais.

5. Terase en conta o principio de flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses e necesidades do alumnado en toda a etapa educativa.

Artigo 10º.-Titoría.

1. Cada grupo de alumnado contará cun titor ou titora que desenvolverá tarefas relacionadas coa organización, participación e control.

2. A educación nesta etapa enténdese como un proceso compartido coas familias que se favorecerá desde o centro docente a través da titoría, de aí que a persoa responsable manterá actividades periódicas para intercambiar información coas familias.

Artigo 11º.-Cooperación e participación no proceso educativo.

1. Co obxecto de respectar a responsabilidade fundamental das nais e pais ou titores nesta etapa, os centros cooperarán estreitamente con eles e establecerán mecanismos para favorecer a súa participación no proceso educativo dos seus fillos e das súas fillas.

2. A persoa responsable da titoría manterá actividades periódicas para intercambiar información coas familias e adoptará as medidas necesarias para que nais, pais ou titores teñan unha implicación máis directa no proceso de ensino-aprendizaxe das súas fillas e dos seus fillos.

Artigo 12º.-Autonomía dos centros.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria favorecerá a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecerán o traballo en equipo do profesorado e a súa actividade investigadora a partir da práctica docente.

2. Os centros educativos desenvolverán e completarán o currículo establecido pola Administración educativa adaptándoo ás características das nenas e dos nenos e á súa realidade educativa.

3. Os centros educativos poderán programar o período de adaptación do alumnado para favorecer a transición á nova situación de ensino-aprendizaxe.

Artigo 13º.-Tratamento das linguas oficiais.

Na etapa de educación infantil o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.

Disposición adicional

Única.-Ensinanzas de relixión.

1. As ensinanzas de relixión incluiranse no segundo ciclo da educación infantil.

2. Ao inicio de cada curso académico os pais/nais ou titores/as das alumnas e dos alumnos manifestarán a súa vontade de que as súas fillas ou fillos reciban ou non ensinanzas de relixión.

3. A Administración educativa galega velará para que as ensinanzas de relixión respecten os dereitos de todo o alumnado e das súas familias e para que non supoña discriminación ningunha recibir ou non as devanditas ensinanzas.

4. A determinación do currículo do ensino de relixión católica e das diferentes confesións relixiosas coas que o Estado español subscribiu acordos de cooperación en materia educativa será competencia, respectivamente, da xerarquía eclesiástica e das correspondentes autoridades relixiosas.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o Decreto 426/1991, do 12 de decembro, polo que se establece o currículo de educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as demais normas de igual ou inferior categoría que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto para a etapa de educación infantil.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

1.1. Introdución.

A educación infantil constitúe unha etapa educativa de capital importancia para o desenvolvemento integral e harmónico da persoa. Así, establécese como principal finalidade nesta etapa contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual do alumnado en estreita cooperación coas familias.

A educación infantil constitúe unha única etapa con dous ciclos, o primeiro abrangue desde 0 a 3 anos e o segundo de 3 a 6 anos. Os contidos educativos organízanse arredor das seguintes áreas:

-Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal.

-Coñecemento do contorno.

-Linguaxes: comunicación e representación.

Estas áreas, que se corresponden con ámbitos propios da experiencia e do desenvolvemento infantil, deberán concibirse cun criterio de globalidade e de mutua dependencia, e desenvolveranse mediante a realización de experiencias significativas.

No currículo dáse especial relevancia ás aprendizaxes orientadas ao coñecemento, valoración e control que nenos e nenas van adquirindo da súa propia persoa, das súas posibilidades e da capacidade para utilizar con certa autonomía os recursos dispoñibles en cada momento. Neste proceso resulta relevante a adquisición de destrezas para realizar as actividades habituais cun certo grao de responsabilidade, autonomía e iniciativa, tanto no emprego axeitado de espazos e materiais como no desempeño das diversas tarefas.

As interaccións co medio, o crecente control motor, a constatación das súas posibilidades e limitacións, o proceso de diferenciación das outras persoas, farán que vaian adquirindo unha progresiva independencia con respecto ás persoas adultas. Todo iso contribuirá ao autocoñecemento e a «aprender a facer», sentando as bases do desenvolvemento da autonomía e iniciativa persoal.

Neste proceso de adquisición de autonomía, a linguaxe verbal cobra unha especial importancia, xa que é nesta etapa cando se inicia de forma sistemática a adquisición da lingua ao proporcionar contextos variados que permiten ampliar o marco familiar e desenvolver as capacidades comunicativas de nenas e nenos. Pero non se debe esquecer que interveñen tamén outro tipo de linguaxes, como son a corporal, a plástica, a musical, a audiovisual, a escrita, a matemática e a dramática, e que no seu conxunto son básicas para enriquecer as posibilidades de expresión e contribúen ao desenvolvemento da competencia comunicativa.

Á vez, o desenvolvemento das destrezas e capacidades individuais e a súa interacción co medio e cos iguais contribúen á evolución do pensamento, ensinando a pensar e a aprender (pensamento crítico, toma de decisións, resolución de problemas, utilización de recursos cognitivos...) e sentan as bases para posteriores aprendizaxes.

Nesta etapa o contorno das nenas e dos nenos amplíase e diversifícase, o que os pon en situación de afrontar novas experiencias e interaccións. Xorde a necesidade de relacionarse coas demais persoas e de respectar as normas de convivencia, aprendendo a vivir xuntos e contribuíndo ao posterior desenvolvemento da competencia social.

Queda xustificada a necesidade do traballo colaborativo, o intercambio de puntos de vista, compartir e construír coñecementos, darlles posibilidades aos nenos e ás nenas para que expresen e argumenten as súas opinións; para que busquen solucións creativas a problemas prácticos da súa vida cotiá e do seu contorno. Todo iso nun clima de respecto e de aceptación mutua, colaboración e solidariedade, potenciando a análise de comportamentos e accións discriminatorias.

O motor principal da acción educativa debe ser, polo tanto, o desenvolvemento integral da persoa, a través de experiencias e actividades didácticas de carácter lúdico, partindo da realidade individual de cada neno para chegar a acadar, de xeito gradual, os obxectivos sinalados para esta etapa educativa.

Coa presentación deste currículo trátase de dotar o profesorado dun instrumento que lle permita desenvolver e revisar a súa actividade desde un marco de referencia actualizado e con base científica, á vez que contribúa eficazmente á innovación educativa.

1.2. Currículo do primeiro ciclo.

Área: coñecemento de si mesmo e autonomía persoal.

Na primeira infancia toda a experiencia das nenas e dos nenos pasa polo coñecemento, polo dominio e polo coidado do propio corpo. O corpo, formado por segmentos e por órganos, medra, ten unha historia, está situado e móvese no espazo, ten que ser alimentado, coidado e o propio corpo é diferente do das demais persoas.

Moitas definicións da infancia toman características motrices para a súa descrición: a idade de gatear, a idade de correr. A sede de movemento na primeira infancia depende en gran parte dun contorno estimulante, da utilidade que proporcionan unha serie de habilidades e destrezas para o coñecemento do mundo e da propia motivación por acadar a autonomía persoal. A intervención educativa na escola de primeiro ciclo debe ofertar espazos interiores e exteriores onde nenas e nenos se poidan desprazar, describir traxectorias e sortear obstáculos, gabear e esvarar, caer; espazos que oscilen entre a necesaria seguridade e o risco calculado; en fin, que propoñan desafíos adaptados á súa idade.

Ao longo dos tres primeiros anos van aparecendo diversos sentimentos e emocións tanto positivos como negativos. As principais manifestacións emotivas neste período son a ledicia, a tristura, o interese, o medo, a ansiedade, a ira e o apego. O xeito en que nenas e nenos expresan estas emocións toma a forma de choro, risa, movemento e actividade.

A autoconfianza ten ademais a súa base na elaboración axeitada da separación dos nenos e nenas do seu medio familiar. Como primeira experiencia de educación formal, a escola infantil de primeiro ciclo debe asegurar a satisfacción das necesidades dos nenos e nenas con cariño, prontitude e sensibilidade. A continuidade do apego entre pais e nais e educadoras ou educadores é imprescindible para a creación dunha correcta autoestima. Nenos e nenas poderán, a través dun adulto securizante, aceptar a interacción con outros estraños e, sobre todo, explorar o contorno. Resulta por tanto de especial importancia o planeamento coidadoso e individualizado do período de transición entre ambos os contextos.

As experiencias de aprendizaxe do autocoidado relativas á alimentación, hixiene e descanso convértense na escola infantil de primeiro ciclo en situacións educativas particularmente proveitosas, non só por promover a competencia das nenas e dos nenos, senón por establecer momentos de valiosa interacción coa persoa adulta que as introduce nas formas socialmente establecidas para a satisfacción das necesidades básicas.

Obxectivos

-Tomar conciencia do propio corpo identificándoo global e segmentariamente.

-Recoñecer os sentidos como fontes de sensacións empregándoos para o coñecemento do seu mundo circundante.

-Adquirir destrezas e habilidades manipulativas aplicándoas ao manexo de útiles e materiais presentes no seu contorno.

-Adquirir o control postural e dinámico do seu corpo mantendo o equilibrio necesario entre a seguridade e o desafío na exploración e no descubrimento.

-Tomar conciencia das características persoais identificando as calidades que o definen como individuo singular.

-Afianzar a propia personalidade equilibrando a afirmación das preferencias co respecto ás necesidades comúns do grupo.

-Adquirir autoestima esforzándose no desenvolvemento das actividades cotiás.

-Iniciarse no control do propio comportamento relacionando a identificación das emocións e intereses coa interiorización das normas e valores sociais.

-Iniciarse na tolerancia da frustración demorando a satisfacción dos desexos.

-Satisfacer as súas necesidades básicas adquirindo hábitos de coidado persoal.

Contidos

Bloque 1. O corpo.

-Descubrimento e control global e segmentario do propio corpo.

-Descubrimento dos sentidos como fonte de sensacións.

-Construción progresiva e toma de conciencia mental do propio corpo.

-Potenciación das destrezas e habilidades na manipulación de instrumentos, ferramentas e materiais.

-Adquisición progresiva do equilibrio estático e dinámico.

-Vivencia e control do corpo en relación ao movemento, ás dimensións do espazo e ao movemento dos/as demais.

-Adaptación do ton muscular e da postura ás distintas situacións cotiás.

-Axuste do propio movemento ao espazo e aos movementos dos e das demais.

-Potenciación da iniciativa e do esforzo na conquista dos desprazamentos do corpo e dos obxectos.

-Exploración e identificación das posibilidades motrices.

Bloque 2. A identidade, a autoestima e as emocións.

-Identificación e recoñecemento das características e calidades persoais cara a unha aceptación da propia imaxe, valorando positivamente as diferenzas como elemento definidor.

-Identificación co propio nome, co grupo familiar de pertenza e co lugar onde vive como vehículos da expresión da identidade.

-Toma de conciencia progresiva do seu sexo, evitando a instalación prematura de estereotipos de xénero.

-Identificación e afirmación dos propios gustos, e do que desagrada, evitando situacións de submisión ou dilución do individuo no grupo.

-Establecemento de hábitos elementais de esforzo e perseveranza para abordar as tarefas cotiás, amosando confianza nas propias competencias.

-Fomento da capacidade de escolla entre varias alternativas, asumindo as consecuencias das propias accións.

-Identificación das emocións básicas e das súas manifestacións habituais empregando expresións socialmente aceptadas.

-Actitude de paciencia e espera, na procura dunha resposta axeitada diante da demora dos desexos.

-Evitación da resposta agresiva diante da frustración para camiñar cara ao emprego da negociación para a xestión de problemas cos e coas demais.

-Ampliación dos lazos afectivos con outras persoas adultas, para obter seguridade e aceptar axuda.

Bloque 3. O coidado persoal.

-Iniciativa na comida autónoma.

-Incorporación paulatina na dieta de novos alimentos e texturas na súa gradual presentación.

-Discriminación progresiva dos alimentos saudables valorando o seu consumo.

-Recoñecemento da comida como feito pracenteiro e non só nutricio.

-Adquisición da autonomía progresiva nos hábitos de hixiene e limpeza.

-Vivencia da sensación de limpeza e aspecto coidado.

-Regulación progresiva dos ritmos de sono e vixilia, actividade e descanso, acción e relaxación.

-Recoñecemento da propia roupa e colaboración progresiva no vestido.

-Emprego axeitado da roupa segundo as condicións climáticas e as actividades que realiza.

-Identificación dos riscos habituais no seu contorno e utilización de estratexias e recursos adecuados para evitalos.

-Equilibración da necesaria prevención e o desafío precisos para a exploración e o descubrimento.

Criterios de avaliación

-Nomea e localiza no seu corpo e no das demais persoas as partes elementais que o compoñen.

-Identifica os sentidos e os seus órganos como fontes de sensacións para o descubrimento propio e do seu contorno.

-Manexa os obxectos, útiles e ferramentas precisos para a vida cotiá.

-Amosa destreza e disposición na exploración de materiais.

-Emprega os distintos tipos de postura e desprazamento segundo os seus intereses e necesidades.

-Controla o corpo en movemento, adaptando a resposta motriz ás dimensións e elementos do espazo.

-Toma consciencia da súa resistencia física, explorando as súas capacidades e limitacións.

-Identifica e mostra satisfacción coas características (tanto psicolóxicas como corporais) que definen a súa individualidade: nome, filiación, sexo…

-Identifica as características do seu sexo e participa en xogos, actividades, etc. independentemente do xénero.

-Decide de acordo coas súas preferencias entre distintas opcións respecto de actividades, temas, grupos, materiais, tempos…

-Intégrase en xogos de grupo cooperando coas demais persoas e asume progresivamente tarefas e responsabilidades.

-Persevera na realización das súas actividades e na busca de estratexias para a resolución dos problemas cotiáns.

-Acepta e amosa afecto, recoñecendo os sentimentos e emocións propios e das demais persoas.

-Amosa confianza ante persoas e situacións novas aceptando a súa axuda.

-Identifica situacións e obxectos perigosos adoptando as precaucións apropiadas en cada caso.

-Resolve positivamente os conflitos cotiáns, regulando os seus impulsos e emocións.

-Realiza con progresiva autonomía e activa disposición as prácticas encamiñadas á satisfacción das necesidades básicas: a alimentación, o descanso, a hixiene e o coidado propio e do seu contorno.

-Practica un estilo de vida saudable e de benestar integral atendendo a unha alimentación equilibrada e pracenteira, un descanso autónomo e suficiente, o gusto pola sensación de limpeza e a orde no seu contorno.

-Móstrase prudente ante os desafíos.

Área: coñecemento do contorno.

O ámbito do coñecemento do contorno fai referencia ao descubrimento e comprensión daquilo que configura a realidade dos nenos e das nenas destas idades, considerando as súas múltiples relacións e interdependencias, coa finalidade de ir construíndo un coñecemento sobre o medio físico, natural e social cada vez máis axustado.

A exploración e experimentación con obxectos e materiais diversos van permitir o coñecemento das características morfolóxicas e funcionais dos obxectos e materiais do seu medio: forma, tamaño, olor, son, cor, uso. Isto supón a base para o coñecemento lóxico-matemático que provén das accións, tanto físicas como mentais, que se realizan con estes obxectos e materiais como ordenar, comparar, agrupar. Permitiralles tamén a construción progresiva das nocións espaciais e temporais en relación cos obxectos e as accións.

Os contidos relacionados cos seres vivos, a natureza e o medio social deben ofertarlles aos nenos a ás nenas a posibilidade de achegarse ao mundo do coñecemento científico desde unha perspectiva global e lúdica. Aprenderán cuestións relativas ás características e formas de vida dos seres vivos, aos fenómenos naturais e ás organizacións e características dos grupos humanos. Así mesmo, desenvolverán o interese, a curiosidade e actitudes de participación e responsabilidade no coidado e conservación dos hábitats.

A posibilidade que representa a incorporación das nenas e dos nenos á escola infantil 0-3 de vivir experiencias máis amplas achegaraos ao coñecemento doutras persoas e de novas relacións interpersoais, xerando vínculos e desenvolvendo actitudes de confianza, empatía, amizade e apego que constituirán a base sólida para a súa sociabilidade.

Obxectivos

-Observar o seu contorno, identificando as propiedades dos obxectos para establecer comparacións.

-Establecer relacións causa-efecto, percibindo as consecuencias das súas accións nos obxectos ou persoas do seu contorno.

-Resolver situacións problemáticas con obxectos, ensaiando diferentes estratexias de resolución.

-Empregar cuantificadores e medidas relacionándoas con situacións cotiás.

-Identificar as nocións espaciais establecendo relacións cos obxectos e as persoas coas que interactúa.

-Identificar secuencias temporais relacionándoas coas rutinas e períodos de tempo habituais.

-Descubrir as características dos animais e vexetais, diferenciando os seres vivos doutros elementos e materiais presentes no seu contorno inmediato.

-Establecer relacións de confianza, afecto, colaboración e pertenza baseándoas no respecto ás persoas e ás normas da sociedade.

-Apreciar as celebracións persoais e comunitarias importantes para as persoas valorándoas como actividades que constrúen a vida en sociedade.

-Apreciar algúns elementos significativos propios da cultura galega.

-Identificar as funcións dos grupos e das organizacións da comunidade descubrindo as principais características e actividades das persoas que as conforman.

Contidos

Bloque 1. O medio físico.

-Exploración de obxectos e materiais diversos a través dos sentidos e de diferentes accións.

-Identificación, denominación e comparación de calidades sensoriais, características morfolóxicas e funcionais de obxectos e materiais do seu medio.

-Identificación dos principais produtos elaborados polos seres humanos presentes no seu contorno.

-Emprego dalgunha das ferramentas tecnolóxicas máis habituais.

-Identificación de características constantes e variables.

-Establecemento de relacións: ordenación, correspondencia, clasificación.

-Estimación de cantidades e medidas.

-Experimentación de diferentes accións sobre os obxectos e materiais.

-Construción de nocións xeométricas e topográficas.

-Construción de nocións temporais.

Bloque 2. Achegamento á natureza.

-Identificación de características de animais, plantas e elementos naturais.

-Identificación dos hábitats dos animais e das plantas.

-Experimentación de accións sobre o medio natural.

-Curiosidade, coidado e respecto polos animais e plantas e polos seus hábitats.

-Coñecementos diversos sobre os fenómenos naturais.

-Recoñecemento de posibles perigos dalgúns fenómenos naturais.

-Coñecementos diversos sobre os elementos xeográficos.

-Interese e respecto polo coidado e conservación do seu contorno.

Bloque 3. Cultura e vida en sociedade.

-Recoñecemento de diversos aspectos sobre a familia.

-Coñecemento de diversos aspectos sobre a escola infantil.

-Coñecementos diversos sobre algunhas profesións e servizos: ferramentas, vestiario e espazos onde desenvolven a súa actividade, sempre cunha perspectiva coeducativa e evitando estereotipos sexistas.

-Coñecemento e participación en costumes, tradicións da cultura galega e celebracións persoais.

-Sentimento de pertenza aos grupos máis próximos e actitude de respecto e valoración cara ás outras persoas.

-Interese e curiosidade polos acontecementos que suceden ao seu arredor.

-Identificación e adopción de comportamentos socialmente axeitados.

Criterios de avaliación

-Identifica as propiedades físicas empregando os seus sentidos.

-Compara, clasifica ou agrupa os obxectos segundo as súas propiedades físicas.

-Experimenta cos obxectos e materiais para obter información e observar as reaccións.

-Identifica problemas relacionados coas propiedades físicas dos obxectos e materiais.

-Pregunta e formula hipóteses baseadas nas experiencias cos obxectos e materiais.

-Ordena tres ou máis obxectos tendo en conta as diferenzas de magnitude.

-Usa accións e palabras para indicar a posición e o movemento dos obxectos, as características das figuras e as relacións entre elas.

-Identifica os elementos do espazo topográfico.

-Asocia as figuras xeométricas coas formas presentes no seu contorno.

-Usa a linguaxe relacionada coa ordenación temporal dalgunhas situacións cotiás.

-Anticipa e recorda unha secuencia de eventos.

-Realiza preguntas sobre os seres vivos e a natureza.

-Identifica que os seres vivos seguen un ciclo vital: nacen, medran, reprodúcense e morren.

-Busca a seguridade das persoas adultas e desenvolve empatía e hábitos cooperativos cos iguais.

-Ten en conta as demais persoas nas súas accións e rutinas diarias.

-Mostra interese polas celebracións ou eventos da escola, a familia ou a localidade.

-Identifica algunhas manifestacións culturais próximas.

-Adapta o seu comportamento ás regras dos diferentes contextos.

-Relaciona cada actividade profesional cos elementos que a identifican.

Área: linguaxes: comunicación e representación.

Na perspectiva globalizadora que ten que ter o traballo nesta etapa educativa, e especialmente no 1º ciclo, esta área desempeña un importante papel á hora de relacionar as outras dúas. Achega os instrumentos para comunicar o propio individuo coa sociedade en que está inserido, para expresar os seus sentimentos e tamén para comprender as representacións da realidade que fan os seres humanos.

Entre as adquisicións fundamentais propias desta área está a lingua oral. Neste ámbito o profesorado dos nenos e das nenas menores de tres anos ten unha función fundamental como modelo, ao presentarlles estruturas lingüísticas correctas e falar con precisión e corrección.

En calquera caso, a situación central da comunicación oral non pode ocultar a importancia fundamental que ten tamén a comunicación xestual e corporal nestes primeiros anos e que deberá ser reforzada pola acción dos educadores e educadoras tratando de dar sentido a estes intentos de comunicación.

Destácase en cada unha das linguaxes a súa dimensión receptiva e produtiva, a capacidade de experimentar e expresar as súas emocións e sentimentos, gozando coas producións propias e coas da sociedade; así como o coñecemento dos rudimentos das técnicas empregadas en cada unha destas linguaxes.

E finalmente tamén se incorporan as diferentes maneiras que ten o ser humano de representar a realidade, que vén sendo o xeito que ten unha sociedade de comunicar a súa cultura.

Obxectivos

-Utilizar as diversas linguaxes entendéndoas como instrumentos de comunicación entre as persoas, de expresión das ideas e sentimentos e de representación da realidade.

-Comprender a intencionalidade comunicativa das persoas, adoptando unha actitude positiva para esa comunicación.

-Empregar a xestualidade e as manifestacións corporais identificándoas como unha forma de comunicación humana.

-Comunicarse oralmente nas dúas linguas oficiais valorándoas como ferramentas de relación cos demais.

-Empregar a linguaxe plástica identificándoa como un medio de expresión de sentimentos e desexos e de representación da realidade.

-Sentir o feito musical identificándoo como un medio de expresión e manifestación cultural.

-Empregar creativamente as diferentes linguaxes axustando as técnicas expresivas aos seus intereses e sentimentos.

-Descubrir a escrita identificándoa como representación de ideas, pensamentos e conceptos elaborados pola comunidade.

-Amosar interese polas producións dramáticas valorándoas como unha posibilidade de gozo persoal.

Contidos

Bloque 1. Comunicación xestual e oral.

-Recoñecemento e utilización das posibilidades do corpo para comunicar.

-Vivencia de xestos e movementos como recursos corporais para a expresión e a comunicación e mais para o intercambio afectivo.

-Interese e creatividade na utilización do corpo como medio de expresión.

-Utilización do movemento e da danza como medios de expresión.

-Iniciarse na participación de forma oral en conversas, narracións, anécdotas, xogos colectivos e outros.

-Iniciarse no emprego de vocabulario preciso, usándoo con entoación axeitada, pronuncia clara e usando estruturas oracionais que enriquezan as súas competencias comunicativas.

-Iniciarse no emprego axeitado das formas socialmente establecidas para relacionarse coas demais persoas.

-Valoración da lingua oral como o instrumento esencial para a comunicación.

Bloque 2. Expresión plástica e musical.

-Utilización de técnicas e elementos básicos para a expresión plástica.

-Interese e gozo pola experimentación e creación de obras plásticas.

-Observación, interpretación e valoración de diferentes tipos de obras plásticas presentes no contorno.

-Valoración e respecto polas producións propias e polas dos/as demais.

-Exploración das posibilidades sonoras do propio corpo, de obxectos cotiáns e de instrumentos musicais.

-Recoñecemento de sons do contorno natural e social.

-Interese e gozo coa audición e recoñecemento das diferentes obras musicais.

-Participación activa e gozo na interpretación de cancións e xogos musicais.

-Utilización de instrumentos musicais para acompañar as producións musicais.

Bloque 3. Representación escrita e dramática.

-Observación e interese polo significado de signos e símbolos presentes na vida cotiá.

-Descuberta e interese da funcionalidade de textos diversos.

-Diferenciación entre as formas escritas e outras formas de expresión gráfica.

-Interese e gozo ao mirar libros e escoitar a súa lectura.

-Recoñecemento dos elementos básicos dos relatos escoitados ou vistos.

-Interese por comunicar interpretacións, sensacións, emocións e opinións provocadas polas producións literarias.

-Comprensión das situacións representadas nos relatos escoitados ou vistos.

-Identificación de diferentes xeitos de representación dramática.

-Interese e gozo ao mirar e participar en representacións dramáticas.

Criterios de avaliación

-Presta atención ás informacións que lle transmiten outras persoas.

-Manifesta interese por comunicarse con outras persoas.

-Asocia xestos e manifestacións corporais con diversos estados anímicos.

-Comprende os xestos e as manifestacións corporais como unha forma de comunicación.

-Manifesta oralmente, cada vez con maior precisión e complexidade, as súas necesidades e intereses.

-Comprende as manifestacións orais máis habituais no seu contorno.

-Exprésase empregando recursos propios da expresión plástica.

-Identifica as producións plásticas como un medio de representación.

-Expresa sentimentos e emocións utilizando a música como canle.

-Mostra interese polas producións musicais que forman parte da súa cultura.

-Emprega os recursos expresivos coñecidos en situacións novas.

-Combina diferentes recursos expresivos de maneira orixinal.

-Mostra interese polos textos escritos presentes no seu contorno próximo.

-Asocia producións escritas con significados.

-Participa activamente nas representacións e no xogo dramático.

-Evoca e comunica situacións representadas previamente.

Orientacións metodolóxicas do primeiro ciclo

1. O ambiente de aprendizaxe.

Os nenos e nenas constrúen as súas aprendizaxes en interacción co medio en que se desenvolven, e este medio está constituído tanto polas persoas como polos obxectos, a estrutura e a organización que teñen. Dependendo da calidade da interacción que establezan co medio, así será a calidade da súa construción.

A organización dos contextos onde se desenvolve a vida dos pequenos e pequenas incide de maneira directa na construción que fan do seu coñecemento e favorece o desenvolvemento da autonomía e a interiorización de normas e actitudes de orde.

Espazos.

-O equipo educativo deseñará o ambiente e organizará os espazos tendo en conta que dean resposta aos diferentes tipos de necesidades das nenas e nenos: planificando espazos para satisfacer as súas necesidades de tipo físico, pero tamén as de tipo afectivo, as de convivencia, as de exploración, as de autonomía, as de actividade, de movemento e de expresión en todas as súas facetas.

-A escola no seu conxunto conformarase como un ambiente amable e agradable que lles posibilite aos cativos e cativas sentirse cómodos e seguros, favorecendo a súa introdución no mundo artístico. Por iso debe coidarse a estética da escola, ofrecendo un ambiente visual rico pero equilibrado, no que se coide non caer nos estereotipos nin no exceso.

-A organización dos espazos debe garantir a súa flexibilidade, é dicir, debe posibilitar que non todas as nenas e nenos fagan o mesmo ao mesmo tempo, e tamén debe permitir unha variedade de usos dos diferentes espazos ao longo da xornada e mesmo ao longo do curso.

-A concepción da escola como un marco seguro ten que permitirlles aos nenos e nenas experimentar, expresarse e desprazarse de maneira autónoma sen coartar as súas ansias de aventura e o necesario desafío que impón o crecemento.

-Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais, libre da carga dirixista do adulto.

-Na escola de primeiro ciclo deben ademais establecerse espazos para que os adultos que comparten a vida dos pequenos e pequenas (as súas familias e as educadoras e educadores) atopen un ambiente onde se encontrar e relacionar con comodidade.

Materiais.

-O equipo educativo deberá seleccionar todo tipo de materiais para a estimulación das nenas e nenos, dispoñéndoos de maneira que se incentive a súa manipulación e facéndoas/os partícipes na responsabilidade do seu coidado e organización.

-Nas aulas de primeiro ciclo de educación infantil contarase cunha oferta ampla de materiais de diferente tipo -comerciais, de refugallo, recollidos nas saídas, traídos polos nenos e nenas- e permitiráselles elixilos libremente para proporcionarlles múltiples oportunidades para a aprendizaxe. Son especialmente enriquecedores neste ciclo os materiais continuos e naturais que ofrecen oportunidades de experimentación coa materia e as súas modificacións pola acción humana: auga, area, rochas, follas, froitas...

-As novas tecnoloxías introduciranse nas aulas de primeiro ciclo de educación infantil como un elemento cotián en relación cos acontecementos e situacións que se viven nela, consideradas nunha dobre vertente: como ferramentas para a propia escola e como instrumentos do desenvolvemento das nenas e nenos.

-Cómpre ter especial coidado na selección e utilización dos materiais e dos espazos de cara a evitar desigualdades por razón de xénero e a transmisión de actitudes e comportamentos sexistas a través do currículo oculto.

Tempos.

-A organización do tempo das nenas e nenos menores de tres anos debe ser moi flexible para adecuarse aos seus ritmos de actividade e descanso.

-O equipo educativo do primeiro ciclo da educación infantil deberá organizar o tempo de maneira que permita pasar dunha organización rexida polo ritmo biolóxico dos nenos e nenas nos primeiros momentos a outra en que progresivamente irá aumentando o peso do ritmo externo marcado pola actividade da propia escola.

-A distribución da xornada debe establecer unha alternancia de períodos tranquilos e estables, esenciais para crear un clima de seguridade que lles permita aos nenos e nenas anticipar as situacións, e outros momentos que favorezan situacións novas e estimulantes que esperten a súa curiosidade e unha actitude de descubrimento permanente.

-Na organización das actividades deberase considerar sempre un tempo abondo para desenvolvelas sen présa e incluíndo un momento para recoller a experiencia vivida e falar dela, poñendo especial énfase nos procesos vividos e non tanto nos produtos obtidos. Así mesmo, deberase ter en conta que as nenas e os nenos necesitan un tempo de transición entre unha e a seguinte.

-Terase especial precaución en evitar a diferenciación entre momentos lectivos e outros máis lúdicos ou asistenciais, xa que toda a vida da escola infantil se desenvolverá baixo un prisma de aprendizaxe, non só de destrezas instrumentais, senón de hábitos, emocións e interacción social.

-Asemade reduciranse no posible os tempos de espera que ás veces resultan inherentes á vida en colectividade, contando con actividades alternativas, organizando subgrupos, etc.

2. A relación co contorno.

Os dous polos principais de relación co medio social durante o primeiro ciclo da educación infantil son a escola e a familia, de ambas as dúas recibirán os nenos as normas e os valores que marcarán o seu desenvolvemento, polo que as relacións que se establezan entre unha e outra serán fundamentais para unha intervención educativa apropiada.

Así mesmo, un obxectivo de toda intervención educativa debe ser o de aspirar a unha escola libre de actitudes de discriminación por razón de sexo, raza, costumes, relixión ou limitacións físicas ou psíquicas.

Con este motivo deberían seguirse as seguintes orientacións ao desenvolver as actuacións na escola infantil.

-O equipo educativo debe ter en conta o contexto sociocultural e familiar dos nenos e nenas para garantir a necesaria conexión entre os dous ámbitos. A escola debe falar por si mesma da comunidade onde está inmersa, sen menoscabo da introdución de elementos doutras culturas que mostren un mundo diverso e multicultural.

-Deberanse propoñer actividades que dean a coñecer a cultura e costumes das nenas e nenos que integran o grupo, favorecendo a súa identidade co seu medio físico e social.

-Para facilitar o tránsito do ambiente familiar ao escolar, deberase coidar dun xeito especial o período de adaptación, para que as nenas e nenos poidan elaborar o tránsito á nova situación que implica establecer e coñecer espazos diferentes, establecer apego con adultos descoñecidos e adaptar os seus ritmos individuais á vida en comunidade.

-Na planificación da intervención educativa do primeiro ciclo, o equipo educativo deberá ter en conta a colaboración coas familias establecendo canles para o intercambio de información, así como a súa consecuente participación na vida da escola.

3. O carácter globalizado da aprendizaxe.

A globalización é a capacidade que permite que cada suxeito estableza a súa propia rede de relacións intelectuais e conexións entre diferentes campos do saber. Os nenos e nenas a estas idades teñen unha visión global do mundo que se manifesta na súa forma de xogar e actuar. É importante ter en conta que a división en áreas que establece o currículo non ten máis valor que o puramente organizativo e que, polo tanto, un mesmo contido pode estar desenvolvendo obxectivos de áreas diferentes. Insístese así no carácter globalizador que debe rexer a intervención educativa, especialmente no primeiro ciclo da educación infantil, en que os eixes vertebradores da actividade educativa van ser fundamentalmente as rutinas e o xogo.

-A intervención educativa deberá evitar o parcelamento das actividades procurando que cando unha criatura xogue ou realice calquera actividade, esta sirva para desenvolver todas as áreas, para coñecerse mellor a si mesma, para relacionarse emocionalmente coas demais persoas, para comunicarse, para aumentar o seu coñecemento do medio, para progresar motrizmente, para cubrir as súas necesidades físicas e psíquicas, para poder sentirse valorada e querida, para expresar os seus sentimentos, etc.

-Deberanse aproveitar especialmente as situacións da vida cotiá para favorecer o traballo globalizado. As rutinas do sono, da comida, da hixiene propia e do contorno, etc. teñen neste ciclo unha función claramente educativa, pois ofrécenlles ás nenas e nenos un marco seguro para o seu desenvolvemento e favorecen multitude de aprendizaxes e a consecución da autonomía.

-Deberanse propoñer situacións educativas que ofrezan múltiples posibilidades de percibir, actuar, experimentar e descubrir, aproveitando, deste xeito, a capacidade das nenas e nenos de aprender a través dos sentidos, actuando, manipulando e experimentando con obxectos e materiais diversos.

4. A individualización do traballo educativo.

As aprendizaxes que fagan os nenos e nenas teñen que ser significativas, o que require necesariamente un ensino individualizado. Dado que cada neno ou nena ten unha bagaxe de aprendizaxes diferente, un ritmo propio de desenvolvemento, uns intereses determinados, etc.

-O persoal educativo da escola infantil ten que ofrecerlle a cada nena ou neno o que precisa para que, por medio desta individualización da intervención, se consiga unha autentica igualdade de oportunidades.

-Deberanse realizar propostas educativas que lles resulten interesantes aos nenos e nenas, o que suporá unha motivación para realizar o esforzo que implica poñer en relación as novas aprendizaxes cos coñecementos previos.

-Deberanse propoñer aprendizaxes funcionais, útiles para a vida cotiá e que poidan ser aplicadas en diversas situacións.

-Débese ter presente que neste ciclo as diferenzas individuais son especialmente relevantes e o grupo tende a ser moi heteroxéneo aínda que os nenos e nenas estean nun mesmo estadio de desenvolvemento.

-Deberanse detectar e valorar os coñecementos previos do alumnado para que, á hora de propoñerlle novas aprendizaxes, este poida relacionalas coas xa adquiridas, asegurando así que sexan significativas para el.

-Deberase prestar especial atención á capacidade dos nenos e nenas para aprender manipulando, explorando, probando, etc. Estas accións externas son o medio para realizar unha actividade cognitiva interna, requisito tamén imprescindible para conseguir unha aprendizaxe significativa.

5. O desenvolvemento das potencialidades.

Os nenos e nenas son capaces de realizar unha serie de accións e aprender sós/as, pero tamén precisan da intervención e axuda das demais persoas, adultos e nenos/as, para realizar outras moitas conquistas.

-Os/as profesionais que desenvolven o seu traballo no primeiro ciclo da educación infantil deben deseñar proxectos de intervención coherentes cun ambiente ben estruturado para permitir unha acción educativa dirixida a desenvolver as potencialidades sensoriomotrices, intelectuais, sociais, afectivas e lingüísticas dos nenos e nenas.

-A actividade educativa debe planificarse para ser realizada na zona que se sitúa entre o que o/a neno/a xa é capaz de facer só e aquilo que pode realizar con axuda.

-Debe favorecerse o movemento nas súas distintas vertentes, prestando especial atención ás principais competencias motoras adquiridas neste ciclo educativo -o desprazamento e a pinza-, que lle abren as portas da autonomía.

-Propiciaranse actividades de xogo, tendo en conta que é a actividade que dá unha mellor resposta ao desenvolvemento das nenas e nenos.

6. A interacción coas demais persoas.

A construción de novos vínculos afectivos cos adultos e co grupo de iguais é un dos aspectos básicos neste ciclo educativo, no cal ademais da satisfacción das necesidades biolóxicas, os nenos e nenas teñen a necesidade de ter unha boa relación afectiva coa persoa adulta.

Esta relación de apego que establecen cos adultos permitiralles sentir equilibrio e seguridade emocional na escola, sen a cal as demais experiencias quedarían diminuídas ou deterioradas.

Tamén neste primeiro ciclo comeza a aprendizaxe dos valores.

-A educadora ou educador do primeiro ciclo da educación infantil deben relacionarse coas nenas e nenos coñecendo as súas posibilidades de desenvolvemento e confiando nas súas capacidades nun clima de seguridade, respecto, valoración e confianza.

-Deberase manter unha permanente actitude de escoita dos cativos e cativas para percibir as súas necesidades e desexos e poder darlles respostas adecuadas.

-Deberase procurar desenvolver nas nenas e nenos principios como o autocontrol, a responsabilidade, a tolerancia e a solidariedade, tendo en conta que estas aprendizaxes se fan a través da interiorización e da práctica e que as persoas adultas que rodean aos nenos e nenas teñen un importante papel como modelos.

-Deberanse aproveitar todas as situacións de interacción que se producen ao longo da xornada para fomentar os intercambios lingüísticos, sen descoidar outras formas de comunicación, dentro do grupo, deseñando situacións específicas que requiran da linguaxe. O persoal da escola debe ser consciente do seu importante papel como modelo para as nenas e nenos, coidando especialmente a calidade das súas interaccións comunicativas.

-Aproveitaranse as posibilidades de interacción co grupo de iguais que a escola posibilita. Mediante estas -na clase, no patio, nas saídas, durante as comidas...- as nenas e nenos amplían os escenarios de socialización, establecendo o seu lugar na comunidade, aprendendo a xestionar conflitos, a facer amizades, etc.

7. O persoal da escola infantil.

Os equipos humanos que compoñen unha escola de primeiro ciclo de educación infantil adoitan ser moi heteroxéneos pola formación, polas distintas tarefas que exixe unha organización que contempla a faceta educativa pero tamén a de servizos, etc.

-Deberán establecerse acordos previos sobre cuestións que incidirán sobre a proposta pedagóxica da escola: a idea dunha infancia competente, o respecto ás familias como primeiro axente educativo ao que non se substitúe e co que se debe cooperar, etc.

-A integración de distintos estilos educativos e persoais deberá configurar, desde todas as contribucións, un modelo de atención á infancia que debe dotar de coherencia e unidade a todo o centro.

8. A avaliación.

Dada a interrelación estreita entre todos os actores, escenarios e actividades desenvolvidas nunha escola de primeiro ciclo de educación infantil, o proceso de avaliación deberá recoller non só información de como vai evolucionando o desenvolvemento dos nenos e nenas nos ámbitos de aprendizaxe, senón tamén a propia planificación educativa, a organización de tempos e traballo dos equipos educativos e de servizos, e a interrelación coas familias e coa comunidade.

-A avaliación terá un carácter permanente e sistemático, de maneira que proporcione información veraz e continua sobre os procesos de toda índole que teñen lugar no centro e posibilite axustar ou mellorar os programas establecidos.

-Os equipos educativos das escolas deberán deseñar instrumentos de avaliación que reflictan, non soamente os estándares esperados en cada nivel de idade, senón tamén o proceso de evolución nas aprendizaxes que cada neno percorre, de xeito que poidan obter información individualizada.

-Esta información, que debe subliñar os logros e avances acadados, ten que ser comunicada e compartida coas familias para, desde diferentes puntos de vista, atopar entre todos estratexias de apoio que lle permitan ao alumnado afrontar os seguintes retos.

1.3. Currículo do segundo ciclo.

Área: coñecemento de si mesmo e autonomía persoal.

Nesta área trátase de desenvolver o proceso de construción persoal en que resultarán relevantes as interaccións de nenas e nenos co medio, o crecente control motor, o desenvolvemento da conciencia emocional, a constatación das súas posibilidades e limitacións, o proceso de diferenciación das demais persoas e a independencia cada vez maior con respecto ás persoas adultas.

O coñecemento propio é un proceso permanente e continuo na vida das persoas que involucra diversas dimensións interdependentes. Estas comprenden aspectos tan importantes como o desenvolvemento e a valoración propia, a autonomía, a identidade, a convivencia cos outros... Contando con estes aspectos, esta área de coñecemento e experiencia fará referencia, de forma conxunta, á construción gradual da propia identidade e da súa madurez emocional, ao establecemento de relacións afectivas coas demais persoas e á autonomía persoal como procesos inseparables e necesariamente complementarios.

O autocoñecemento fórmase en gran medida pola interiorización das valoracións positivas ou negativas que proceden das interaccións sociais cos iguais e coas demais persoas, polo que depende do tipo e calidade dos vínculos afectivos que se establecen coa nai e/ou co pai, a familia e outras persoas que son significativas. Vaise así configurando a autoestima e a propia identidade, o que posibilita o logro progresivo da autonomía. Na construción do coñecemento propio interveñen diferentes factores, como a imaxe positiva propia e os sentimentos de eficacia, seguridade e autoconfianza. Tales sentimentos deben contribuír á elaboración dun concepto propio axustado que lles permita ás nenas e aos nenos percibir e actuar conforme as propias posibilidades e limitacións.

A autonomía está estreitamente vinculada con procesos que se inician desde idade temperá e que durante os primeiros anos se manifestan, tanto na capacidade de explorar, aventurarse e actuar, como no exercicio de opinar, propoñer, contribuír, escoller, decidir, autodirixirse e autoxestionarse, convivindo con outras persoas e educándose en valores socialmente compartidos.

Os contidos educativos que atinxen a esta área agrúpanse en catro bloques, que non son unidades independentes, senón que deben visualizarse de forma inclusiva e relacional, xa que comprenden aspectos que se conteñen e vinculan uns cos outros, e mesmo non poden ser traballados separadamente dos contidos do resto das áreas. Faise, polo tanto, imprescindible un enfoque global e significativo das situacións de ensino e aprendizaxe. Estes bloques de contidos son:

Bloque 1. O corpo e a propia imaxe.

Ao longo desta etapa educativa as experiencias das nenas e dos nenos co contorno deben axudalos a coñecer global e parcialmente o seu corpo, as súas posibilidades sensitivas, perceptivas e motrices; a que poidan identificar as sensacións que experimentan, gozar con elas e servirse das posibilidades expresivas do corpo para manifestalas. Unha imaxe axeitada do esquema corporal é a base para a elaboración da propia identidade persoal.

O coñecemento e control progresivo do corpo é un proceso que ocuparán os nenos e nenas desde o seu nacemento e que se converterá nun dos primeiros referentes para que se coñezan e recoñezan como persoas. A identificación das súas características individuais -sexo, tamaño, trazos físicos, etc.-, así como das dos seus compañeiros e das súas compañeiras, son instrumentos básicos para o seu desenvolvemento e para a adquisición de actitudes non discriminatorias. A presenza de trazos persoais diferentes -por razón de sexo, orixe social ou cultural, características físicas- será utilizada polo profesorado para atender a diversidade, de maneira que se propicie un ambiente de relacións presidido polo respecto e a aceptación das diferenzas.

A necesidade de abordar estes contidos atopa a súa xustificación no feito de que o corpo é o instrumento primordial de aprendizaxe que posúen as nenas e os nenos nas primeiras idades. Os nenos e nenas potencian a súa intelixencia a partir do que poden ver, tocar, ulir, gustar, sentir, escoitar, manipular...

Bloque 2. Xogo e movemento.

A través da experiencia do propio movemento, o alumnado irá coordinando os seus esquemas perceptivo-motrices e coñecendo o seu propio corpo, as súas sensacións e emocións. Será, pois, a partir da acción corporal como aprenda a percibir o seu corpo e a asumilo, o que lle permitirá ademais establecer unha mellor relación coas demais persoas, ir coñecendo pouco a pouco as súas posibilidades e descubrir os seus límites. Sobre esta base, irá construíndo a súa identidade persoal.

A través dos movementos poderá mellorar e aumentar as posibilidades de desprazamento, recorrer espazos cada vez máis amplos e abrir, deste xeito, o ámbito da súa experiencia.

Para contribuír ao coñecemento propio e á autonomía persoal, convén promover o xogo como actividade privilexiada que integra a acción coas emocións e mais o pensamento e favorece o desenvolvemento social.

Bloque 3. A actividade cotiá.

Neste bloque abórdanse os contidos relacionados co establecemento de relacións interpersoais positivas baseadas no respecto ás persoas e ás normas e valores socialmente compartidos. Espérase potenciar a capacidade de establecer relacións de confianza, afecto, colaboración, comprensión e pertenza, baseadas no respecto ás persoas e en normas e valores da súa sociedade. Así, a partir de situacións e actividades variadas con outras nenas e outros nenos, cada cativo e cativa irá construíndo o coñecemento propio, poderá ir controlando as condutas agresivas e aprenderá a xestionar desexos, sentimentos e emocións.

Bloque 4. O coidado persoal e a saúde.

Este bloque inclúe unha serie de contidos que favorecerán que os nenos e nenas vaian adquirindo, na medida das súas posibilidades, a autonomía necesaria en actividades cotiás para atender a súa saúde: a hixiene, o vestido, a alimentación...

Así, aprenderán a recoñecer situacións perigosas e a previr accidentes na casa, na escola e na rúa, empregando axeitadamente os instrumentos e as instalacións, así como a colaborar nas medidas que se tomen en caso de enfermidade ou accidente, respondendo con actitudes de tranquilidade e colaboración.

No contexto da interacción de grupo, as nenas e os nenos interiorizarán as actitudes de aprecio polo benestar propio e das compañeiras e dos compañeiros, de respecto ás necesidades e á saúde das demais persoas, de axuda a quen o necesite e de colaboración na conservación e mellora do contorno.

Obxectivos

-Formarse unha autoimaxe axustada e positiva, identificando gradualmente as propias características, posibilidades e limitacións a través da interacción coas outras persoas, desenvolvendo sentimentos de autoestima e acadando maior autonomía persoal.

-Coñecer e representar o propio corpo, identificando as súas partes e algunhas das súas funcións, descubrindo as posibilidades de acción e de expresión, e coordinando e controlando cada vez con maior precisión xestos e movementos.

-Identificar os propios sentimentos, emocións, necesidades e preferencias, e ser capaces de expresalos e comunicalos, así como identificar e respectar tamén os das outras persoas.

-Tomar a iniciativa, planificar e secuenciar a propia acción para realizar tarefas sinxelas ou resolver problemas da vida cotiá, aceptando as pequenas frustracións e manifestando unha actitude tendente a superar as dificultades que se presentan, reforzando o sentimento de autoconfianza e sendo quen de solicitar axuda.

-Adecuar o propio comportamento ás necesidades e requirimentos das outras persoas, desenvolvendo actitudes e hábitos de respecto, axuda e colaboración e mais evitando a adopción de comportamentos de submisión ou dominio.

-Progresar na adquisición de hábitos e actitudes relacionados coa seguridade, a hixiene, a alimentación e o fortalecemento da saúde, apreciando e gozando das situacións cotiás de equilibrio e benestar emocional.

-Progresar na adquisición de hábitos de orde, constancia e planificación no desenvolvemento das tarefas.

-Amosar unha actitude de aceptación e respecto polas diferenzas individuais: idade, sexo, etnia, cultura, personalidade, características físicas...

-Descubrir, coñecer e vivir o xogo como medio que favorece a aceptación propia, o desenvolvemento humano, a manifestación de emocións, o respecto ás demais persoas, a aceptación de regras, a seguridade persoal e a aceptación da identidade sexual e cultural.

Contidos

Bloque 1. O corpo e a propia imaxe.

-Exploración do propio corpo, recoñecendo progresivamente as súas características e posibilidades para chegar á toma de conciencia do propio esquema corporal.

-Identificación, manifestación, regulación e control das necesidades básicas do corpo.

-Adquisición de confianza nas capacidades propias.

-Control progresivo dos propios sentimentos e emocións.

-Potenciación da construción do esquema corporal a partir das sensacións e das percepcións do propio corpo, en relación e interacción cos datos que a nena ou o neno recibe das outras persoas, do medio e dos obxectos. Vivencia do corpo como un todo para pasar progresivamente a sentir as partes que o integran.

-Recoñecemento das percepcións sensoriais propioceptivas -que proveñen dos propios músculos e articulacións- e as percepcións extereoceptivas -relacionadas cos campos visuais, auditivos, olfactivos, táctiles, gustativos...-

-Aceptación da propia imaxe corporal e gozo xogando co seu corpo, desenvolvendo accións e iniciativas individuais e grupais, empregando as posibilidades expresivas do propio corpo -a través de xestos, movementos, xogos, danzas...-

-Identificación, verbalización e expresión de sentimentos, emocións, vivencias, preferencias e intereses propios e das demais persoas.

-Aceptación e valoración axustada e positiva da súa persoa, confiando nas súas posibilidades e recoñecendo as limitacións propias.

-Recoñecemento dos sentidos como medio de expresión, percepción e comprensión do mundo que o rodea, e como medio favorecedor do desenvolvemento cognitivo.

-Observación dos cambios físicos nas persoas ao longo do tempo. Identificación das diferentes etapas da vida valorándoas positivamente.

-Valoración positiva e respecto polas diferenzas, aceptación da identidade e características das demais persoas, evitando actitudes discriminatorias.

-Recoñecemento e vivencia das referencias espazo-temporais en relación co propio corpo, cos obxectos, co contorno e coas demais persoas.

-Desenvolvemento da identidade sexual e aceptación do corpo sexuado feminino e masculino. Mantemento dunha actitude crítica ante os estereotipos ofertados a través da publicidade e outros medios de comunicación social.

Bloque 2. Xogo e movemento.

-Participación nos xogos e na actividade motriz, identificando as súas capacidades e confiando nas propias posibilidades de acción, amosando actitudes de iniciativa e constancia.

-Gozo co xogo como medio para coñecer a realidade, mantendo unha actitude de axuda e cooperación con iguais e con persoas adultas. Aceptación do xogo como medio de desfrute e de relación cos demais.

-Adaptación do ton e da postura ás características do obxecto, da outra persoa, da súa acción e da situación.

-Satisfacción polo crecente dominio persoal.

-Aceptación de compromisos, establecendo acordos en consideración á súa persoa, ás outras e ao seu medio, fortalecendo vínculos afectivos -amizade, cooperación, axuda, solidariedade...-. Comprensión, aceptación e valoración de regras para xogar.

-Potenciación do xogo como elemento común a todas as culturas, partindo do coñecemento e valoración dos xogos propios da comunidade e abríndose ao coñecemento e gozo dos das outras.

-Coordinación progresiva das súas habilidades psicomotrices finas e grosas.

-Adquisición dun maior dominio das súas capacidades corporais: desenvolvemento das habilidades motoras, do control de ton, do equilibrio e da respiración.

-Adquisición de nocións básicas de orientación e coordinación de movementos.

-Potenciación das súas capacidades motoras, de coordinación e de orientación no espazo.

-Exploración das posibilidades perceptivas, motrices e expresivas propias e das demais persoas, amosando iniciativa para aprender habilidades novas.

Bloque 3. A actividade cotiá.

-Regulación do propio comportamento, satisfacción pola realización de tarefas e conciencia da propia competencia.

-Interese por participar en actividades da vida cotiá, con iniciativa e progresiva autonomía na súa realización, regulando o propio comportamento, para camiñar cara á resolución pacifica de conflitos.

-Habilidades para a interacción e colaboración, así como unha actitude positiva para establecer relacións de afecto coas persoas adultas e iguais, aceptando a diversidade.

-Hábitos elementais de organización, constancia, atención, iniciativa e esforzo.

- Planificación secuenciada da acción para resolver tarefas.

-Valoración e gusto polo traballo propio ben feito e polo das demais persoas, buscando os recursos axeitados que lle permitan concluír os proxectos que inicia, sendo quen de solicitar e prestar axuda.

-Xestión do seu comportamento en función das necesidades das outras persoas e das normas de funcionamento do grupo, dereitos, responsabilidades e comportamentos sociais, camiñando progresivamente cara á autorregulación das súas accións.

-Recoñecemento progresivo da súa identidade persoal: capacidades, actitudes e coñecementos, aplicándoos nas súas actividades diarias.

Bloque 4. O coidado persoal e a saúde.

-Recoñecemento das necesidades básicas do corpo -hixiene, alimentación, descanso...-.

-Iniciación na práctica de accións e recoñecemento de situacións que favorezan a interacción e adquisición de hábitos saudables como a hixiene corporal e ambiental, a adecuada alimentación, o consumo responsable e o descanso.

- Aceptación das normas de comportamento establecidas durante as comidas, os desprazamentos, o descanso e a hixiene.

-Petición e aceptación de axuda nas situacións que así o requiran.

-Valoración da axuda doutras persoas.

-Identificación e valoración de hábitos favorecedores ou non dunha boa saúde.

-Valoración da necesidade de desenvolverse en espazos saudables identificando as condicións que os caracterizan. Colaboración no mantemento de ambientes limpios e ordenados.

-Gusto por un aspecto persoal coidado manifestando as súas preferencias estéticas -vestimenta, peiteados, adobíos, coloridos...-.

-Emprego responsable e axeitado de instrumentos, ferramentas e instalacións para previr accidentes e evitar situacións de risco.

-Fomento de hábitos de prevención de enfermidades e de accidentes domésticos, respondendo con actitude de tranquilidade e colaboración.

Criterios de avaliación

-Recoñecer, identificar e representar o corpo na súa globalidade e as súas diferentes partes.

Este criterio trata de avaliar a capacidade para recoñecer e nomear as diferentes partes do corpo, situándoas espacialmente na súa persoa e nas demais. Así mesmo, avaliarase a complexidade na representación do esquema corporal.

-Coordinar e controlar o seu corpo, as súas posibilidades motrices e adaptalo ás características dos obxectos, á acción e á vida cotiá.

Por medio deste criterio preténdese observar o desenvolvemento do ton, da postura e do equilibrio, do control respiratorio e da coordinación motriz nos diferentes desprazamentos e actividades, así como a utilización das posibilidades motrices, sensitivas e expresivas do propio corpo. As nenas e os nenos deberán manifestar un control progresivo deles en distintas situacións e actividades, como xogos, rutinas ou tarefas da vida cotiá.

-Recoñecer os sentidos e identificar percepcións e sensacións.

Con este criterio avaliarase se o alumnado identifica os sentidos, se recoñece a súa funcionalidade e se pode explicar con exemplos sinxelos as principais sensacións asociadas a cada sentido.

Así mesmo, valorarase se aprecia a súa importancia como medio de percepción e comprensión do mundo que o rodea.

-Construír unha imaxe positiva propia e aceptar a súa identidade, manifestando confianza nas súas posibilidades e recoñecendo as súas limitacións.

Avalíase a través deste criterio a formación dunha imaxe persoal axustada e positiva, a capacidade para utilizar os recursos propios, o coñecemento das súas posibilidades e limitacións, a confianza para emprender novas accións e a superación das dificultades.

-Identificar semellanzas e diferenzas entre as persoas valorando positivamente a diversidade.

Este criterio trata de avaliar se as nenas e os nenos son quen de manifestar respecto e aceptación polas características das demais persoas, sen discriminacións de ningún tipo e amosando actitudes de axuda e colaboración.

-Identificar e manifestar os propios sentimentos, vivencias, emocións e comprender os das demais persoas.

Avalíase con este criterio se o alumnado se mostra sensible aos sentimentos e estados anímicos, propios e das demais persoas, e se é quen de solicitar ou de prestar axuda; se manifesta e percibe os estados de alegría, preocupación, enfado, tristeza..., xestionando os propios e tendo en conta os dos demais; así como se mostra interese polos motivos que os causan, dando mostras de comprensión e tratando de consolar.

-Participar en xogos, mostrando destrezas motoras e habilidades manipulativas cada vez máis axustadas.

Trátase de avaliar con este criterio a capacidade do alumnado para participar activamente en distintos tipos de xogo valorando positivamente tanto os propios da súa cultura como os doutras. Observarase o desenvolvemento dos elementos motrices que se manifestan en desprazamentos, marcha, carreira ou saltos; así como a coordinación e control das habilidades manipulativas de carácter fino que cada actividade require -repartir, deixar pegadas, encaixar, pinzar, suxeitar...-.

-Participar en xogos e actividades colectivas aceptando as normas que os rexen.

Trátase de avaliar con este criterio a participación activa en distintos tipos de xogo, sendo capaces de gozar do xogo colectivo, de controlar a propia vontade, de ter constancia e de superar a frustración. Valorarase tamén a utilización adecuada das normas que os rexen e as actitudes de colaboración e axuda que eviten adoptar posturas de submisión ou de dominio.

-Resolver con iniciativa e autonomía as actividades da vida cotiá, colaborar en tarefas e aceptar as normas.

Preténdese avaliar con este criterio as destrezas adquiridas para realizar as actividades habituais da vida diaria. Estimarase o grao de autonomía e a iniciativa para levar a cabo as devanditas actividades, utilizando adecuadamente os espazos e materiais apropiados e facendo uso das normas establecidas para cada caso. Así mesmo, observarase a constancia, organización, hábitos, atención, planificación, interacción, autorregulación, autovaloración, perseveranza...

-Manifestar hábitos de saúde, alimentación saudable, hixiene corporal e benestar utilizando adecuadamente espazos e materiais.

Avaliarase a través deste criterio o gusto por participar en actividades que favorecen un aspecto persoal coidado e mais un contorno limpo e esteticamente agradable, así como por colaborar na creación dun ambiente xerador de benestar, de xeito que asuman un enfoque proactivo cara á súa seguridade e benestar. Esta asunción demóstrase en rutinas de aula, saídas educativas, zonas de xogo...

-Identificar situacións de risco e actuar coherentemente ante elas.

Avaliarase a través deste criterio se o alumnado emprega axeitadamente instrumentos e instalacións para previr accidentes e evitar situacións de risco.

Área: coñecemento do contorno.

Nesta área de coñecemento e experiencia preténdese que as nenas e os nenos descubran, coñezan e comprendan -segundo as súas posibilidades- os aspectos que conforman a realidade, considerando as súas múltiples relacións e interdependencias, coa finalidade de ir construíndo un coñecemento sobre o medio físico, natural e social cada vez máis axustado.

O medio é un todo integrado, onde os elementos naturais e culturais se relacionan e se inflúen mutuamente. É importante que a nena e o neno, ademais de identificar os distintos elementos que conforman o medio, vaian descubrindo e comprendendo progresivamente as relacións entre os distintos obxectos, fenómenos e feitos.

En síntese, nesta área preténdese favorecer o proceso de descubrimento e representación dos diferentes contextos que compoñen o contorno do alumnado facilitando a súa inserción participativa e potenciando a súa competencia matemática. Estas aprendizaxes levaranse a cabo na interacción constante das nenas e dos nenos co contorno social e natural, polo que é necesario abrir a escola ao medio nun ambiente educativo que estimule a súa curiosidade, incluíndo a participación das familias.

Establécense tres grandes bloques de contidos:

Bloque 1. Medio físico: elementos, relacións e medida.

Este bloque recolle os contidos que potencian o desenvolvemento do pensamento lóxico-matemático a través dos cales a nena e o neno intentan interpretar e comprender o mundo, favorecendo as nocións de tempo, espazo, causalidade, cuantificación e a resolución de problemas que se presentan na súa vida cotiá.

Así, para coñecer e comprender como funciona a realidade, a nena e o neno indagan sobre o comportamento e as propiedades de obxectos e materias presentes no seu contorno: actuando e establecendo relacións cos elementos do medio físico, explorando e identificando os devanditos elementos, recoñecendo as sensacións que producen, anticipándose aos efectos das súas accións sobre eles, detectando semellanzas e diferenzas, comparando, ordenando, cuantificando, pasando así da manipulación á representación, orixe das incipientes habilidades lóxico-matemáticas.

Bloque 2. Achegamento á natureza.

O bloque de achegamento á natureza refírese ás aprendizaxes relacionadas co descubrimento, coñecemento e comprensión do mundo animal e vexetal; aos procesos de cambio que viven os nenos e nenas no seu desenvolvemento e crecemento e ás relacións dinámicas que establecen cos elementos e fenómenos que conforman o seu contorno. Preténdese que establezan relacións identificando procesos e interdependencias co contorno inmediato, os seus elementos e fenómenos, desenvolvendo actitudes indagatorias e de interese por aprender, permanentemente, a través dunha exploración activa.

O medio, os seres e elementos que o integran, convértese ben axiña en obxecto preferente da curiosidade e interese infantil. As vivencias que as nenas e os nenos teñen en relación cos elementos da natureza e a reflexión sobre elas levaranos, co apoio adecuado da escola, á observación dalgúns fenómenos naturais, das súas manifestacións e consecuencias, así como a achegarse gradualmente ao coñecemento dos seres vivos, das relacións que se establecen entre eles, das súas características e dalgunhas das súas funcións.

A apreciación da diversidade e riqueza do medio natural, o descubrimento de que as persoas formamos parte dese medio e a vinculación afectiva a el son a base para fomentar desde a escola actitudes habituais de respecto e coidado.

Bloque 3. Cultura e vida en sociedade.

Este bloque de contidos considera a dimensión sociocultural do medio. Comprende os contidos relacionados coas formas de organización dos seres humanos que forman parte do contorno das nenas e dos nenos -familia, escola, barrio, aldea...-, recollendo aqueles contidos a través dos cales descobren e comprenden progresivamente as características dos grupos humanos, as súas formas de vida, organización e acontecementos relevantes.

Aprender a convivir nos distintos grupos sociais suporá coñecer as relacións que neles se dan -parentesco, amizade, veciñanza...- así como as súas normas e o respecto destas. Con elas van construíndo as nenas e nenos a súa identidade individual e social.

Así mesmo, establécese no currículo o coñecemento dos diversos servizos comunitarios relacionados co ocio, a cultura, a sanidade... e o respecto e valoración das distintas funcións de cada persoa na sociedade.

Obxectivos

-Observar e explorar de forma activa o seu contorno, xerando interpretacións sobre algunhas situacións e feitos significativos, e mais mostrando interese polo seu coñecemento.

-Observar os cambios e modificacións a que están sometidos os elementos do contorno e relacionalos cos factores que os producen, desenvolvendo actitudes de coidado, respecto e corresponsabilidade na súa conservación.

-Iniciarse na formulación de hipóteses, buscando respostas e explicacións, para anticipar probables efectos que poderían producirse como consecuencia de situacións da vida diaria e dalgúns experimentos realizados.

-Relacionarse coas demais persoas, de forma cada vez máis equilibrada e satisfactoria, interiorizando progresivamente as pautas de comportamento social e axustando a súa conduta a elas.

-Coñecer distintos grupos sociais próximos á súa experiencia, algunhas das súas características, producións culturais, valores e formas de vida.

-Establecer relacións de confianza, afecto, colaboración, comprensión e pertenza baseadas no respecto ás persoas, ás normas e valores da sociedade a que pertencen.

-Apreciar e facer seus algúns elementos significativos propios da tradición e da cultura galega -expresións artísticas, costumes, festas populares, folclore, gastronomía, etc.-.

-Iniciarse nas habilidades matemáticas, manipulando funcionalmente elementos e coleccións, identificando os seus atributos e calidades e mais establecendo relacións de agrupamentos, clasificación, orde e cuantificación.

-Empregar o coñecemento matemático para interpretar a vida en clave de lóxica, comprendendo situacións e resolvendo problemas: establecendo relacións, explorando, ordenando, comparando, cuantificando, medindo, pesando, etc.

Contidos

Bloque 1. Medio físico: elementos, relacións e medida.

-Interese pola exploración dos obxectos e materiais presentes no medio recoñecendo as súas funcións e usos cotiáns e mais mantendo unha actitude de respecto e coidado cara a obxectos propios e alleos.

-Recoñecemento dalgúns atributos e propiedades de obxectos e de materiais, examinando con atención as súas características e a súa aplicación na vida diaria.

-Interese pola clasificación de obxectos e de materiais e aproximación á cuantificación de coleccións.

-Identificación de formas planas e tridimensionais en elementos do contorno.

-Recoñecemento do uso do número na vida diaria e inicio no rexistro de cantidades. Emprego dos números para identificar, contar, clasificar, numerar, informarse e ordenar elementos da realidade sempre en situacións contextualizadas e significativas.

-Observación e toma de conciencia da funcionalidade dos números na vida cotiá.

-Utilización da acción de contar como estratexia para a obtención dun dato numérico e como verificación do resultado de operacións de cálculo sinxelas e funcionais.

-Proposición e resolución de situacións problemáticas sinxelas da vida cotiá: localizar un dato numérico, facer unha repartición, realizar unha estimación...

-Utilización de xogos de mesa como actividades lúdicas que unen o razoamento, a reflexión e o divertimento en grupo.

-Investigación do comportamento físico de diferentes materiais e obxectos, en diferentes situacións e con variadas accións.

-Achegamento a algunhas magnitudes físicas -peso, lonxitude, capacidade, tempo- a través da estimación: comparando, sopesando, observando...

-Recoñecemento e identificación de situacións en que se fai necesario medir. Interese e curiosidade polos instrumentos de medida convencionais e non convencionais facendo unha aproximación ao seu uso.

-Adquisición progresiva da noción do paso do tempo mediante as actividades da vida cotiá.

-Orientación temporal en situacións cotiás empregando diferentes nocións e relacións. Aproximación ao uso do calendario.

-Establecemento de relacións de orientación espacial de localización, dirección, distancia e posición respecto a obxectos, persoas e lugares, nomeándoos axeitadamente e empregando o vocabulario topolóxico elemental.

-Exploración lúdica das propiedades e características dalgúns corpos xeométricos elementais.

-Vivencia, representación e interpretación do espazo, empregando a imaxinación en debuxos, planos, fotografías, mapas ou outros.

Bloque 2. Achegamento á natureza.

-Identificación e afondamento no estudo dalgunhas características e funcións vitais dos seres vivos empregando a exploración sensorial. Diferenzas entre seres vivos e obxectos inertes.

-Observación dun ser vivo no seu medio natural ou reproducindo o medio na aula, rexistrando a observación e contrastando os datos entre compañeiras e compañeiros.

-Observación dalgunhas características, comportamentos, funcións e cambios nos seres vivos.

-Identificación dalgunhas características, necesidades e cambios nos procesos de crecemento e etapas do desenvolvemento das persoas e outros seres vivos.

-Curiosidade, respecto e coidado cara aos elementos do medio natural, especialmente animais e plantas.

-Descubrimento das diferentes formas en que se encontra a auga na natureza, comprendendo a súa contribución ao desenvolvemento dos seres vivos e do medio, valorando a necesidade da súa conservación e de facer un uso responsable dela.

-Identificación dos cambios que se producen en canto á luminosidade, á posición do sol, aos ciclos da lúa... ao longo dun día, dos meses e das estacións do ano.

-Formulación de hipóteses, contrastándoas coas das outras persoas, buscando respostas e explicacións sobre as causas e consecuencias de fenómenos do medio natural -calor, choiva, vento, día, noite, erosión, ciclo vital...- e dos producidos pola acción humana -pontes, encoros, aeroxeradores, muíños de auga...-.

-Gozo ao realizar actividades individuais e de grupo en contacto coa natureza. Valoración da súa importancia para a saúde e o benestar, apreciando o medio natural como un espazo para a recreación, a aventura e conservación, a realización de actividades ao aire libre e o contacto con elementos da natureza.

-Participación en proxectos e investigacións no medio natural, expresando as actividades realizadas e os resultados obtidos mediante diferentes representacións.

Bloque 3. Cultura e vida en sociedade.

-Identificación da familia e da escola como primeiros grupos sociais de pertenza, valorando positivamente as relacións afectivas que neles se establecen, mantendo unha actitude de colaboración e asumindo pequenas responsabilidades. Recoñecemento e respecto dos diferentes tipos de familias.

-Valoración das relacións afectivas que se establecen na familia e na escola.

-Interese e disposición favorable para iniciar relacións respectuosas, afectivas e recíprocas con nenos e nenas doutras culturas.

-Achegamento ás funcións que cumpren diversas persoas, organizacións e institucións para cubrir necesidades e achegar servizos presentes na súa comunidade, evitando estereotipos sexistas.

-Colaboración co resto de compañeiros e compañeiras na vida da aula, amosando disposición para compartir e resolver conflitos. Incorporación progresiva de pautas adecuadas de comportamento.

-Recoñecemento dalgúns signos de identidade cultural galega apreciando os cambios que se producen no modo de vida co paso do tempo. Sucesos e persoas relevantes da historia da súa comunidade, do seu país e do mundo.

Criterios de avaliación

-Explorar os obxectos e elementos do contorno inmediato e actuar sobre eles. Recoñecer os seus atributos e calidades. Agrupar, clasificar e ordenar estes elementos e coleccións segundo distintos criterios.

Preténdese valorar con este criterio a capacidade e o interese para explorar os obxectos e materias presentes no seu contorno mediante actividades manipulativas, sendo quen de identificar propiedades físicas observables como forma, cor, tamaño, peso... Valorarase, así mesmo, a capacidade para establecer relacións entre as súas características ou atributos e o seu comportamento físico -caer, rodar, escorregar, botar...- despois de observar mediante unha experimentación sinxela estas accións.

Este criterio permitirá avaliar tamén a competencia para organizar -agrupando, clasificando e ordenando- a información obtida das calidades e características dos obxectos.

-Empregar os números para identificar, contar, clasificar, informarse e ordenar elementos da realidade, aproximándose ao seu valor notacional e conceptual.

Con este criterio comprobarase a competencia das nenas e dos nenos para aplicar a situacións variadas os coñecementos adquiridos sobre o uso dos números: expresar cantidades, identificar datas, indicar medidas, identificar números de teléfono, das casas, das matrículas de coches...

Comprobarase así mesmo o modo en que nenas e nenos van desenvolvendo determinadas habilidades lóxico-matemáticas en situacións contextualizadas e significativas -preparación de receitas, rexistros, creación de coleccións, xogos de mesa...- establecendo relacións cualitativas e cuantitativas entre elementos e coleccións, estimando cantidades pequenas, expresándoas oralmente ou mediante escritura convencional ou non convencional, facendo uso da acción de contar como estratexia para a obtención dun dato numérico e como verificación do resultado de operacións de cálculo sinxelas.

-Propoñer e resolver problemas sinxelos relacionados con situacións cotiás, empregando e comparando magnitudes de peso, lonxitude e capacidade.

Observarase, a través deste criterio, a capacidade das nenas e dos nenos para propoñer e resolver sinxelos problemas da súa vida cotiá, formulando hipóteses e buscando alternativas, solucións e novas posibilidades, anticipando consecuencias, individualmente e en grupo, tendo en conta as opinións e as achegas das demais persoas, o consenso e a negociación. Isto pode implicar a aplicación de operacións como engadir, quitar, repartir, medir, ordenar... e facer uso da medida, empregando unidades non convencionais.

-Recoñecer algúns aspectos xeométricos básicos: liñas, puntos, rectángulos, cadrados, triángulos, círculos, esferas, cubos e prismas.

Avaliarase se o alumnado identifica e recoñece no seu contorno inmediato -construcións, natureza, arte...- aspectos xeométricos básicos como liñas, puntos, rectángulos, cadrados, triángulos, círculos, esferas ou cubos mediante a observación e a exploración lúdica.

-Describir e representar dun xeito elemental a situación das propias nenas e nenos en relación a obxectos e ás demais persoas usando vocabulario topolóxico elemental.

Avaliarase a competencia para interpretar e empregar as nocións básicas espaciais elementais -arriba, abaixo; dentro, fóra; preto, lonxe...- en actividades de orientación e de representación espacial variadas.

-Usar e comprender nocións temporais básicas ordenando temporalmente feitos referidos á súa vida.

Trátase de comprobar que o alumnado é quen de secuenciar e relatar empregando o vocabulario axeitado: antes e despois, mañá e tarde, día e noite, onte-hoxe-mañá, día-semana-meses, estacións do ano; en momentos significativos que teñen que ver coa súa actividade.

-Dar mostras de interesarse polo medio natural e os seus cambios. Identificar e nomear algúns dos seus compoñentes, establecendo relacións sinxelas de interdependencia. Manifestar actitudes de coidado e de respecto cara á natureza e participar en actividades para conservala.

Con este criterio valórase o interese, coñecemento e grao de sensibilización polos elementos da natureza, tanto vivos como inertes; a indagación dalgunhas características e funcións xerais, achegándose á noción de ciclo vital e constatando os cambios que este implica. En canto aos seres vivos, valoraranse os hábitos de coidado destes e a sensibilidade e o respecto pola súa vida.

Estimarase, así mesmo, o interese que manifestan as nenas e os nenos polo coñecemento do medio, as observacións que fan, así como as conxecturas que sobre as súas causas e consecuencias formulan. Apreciarase tamén a capacidade do alumnado para valorar a necesidade da adopción de medidas de protección do medio por parte das persoas, participando en actividades para conservalo e reflexionando sobre os cambios na paisaxe producidos pola intervención humana.

-Identificar e recoñecer as diferentes etapas da vida nas persoas e outros seres vivos.

Avaliarase a capacidade para recoñecer os cambios que se producen nas persoas ao longo da súa vida.

Valorarase tamén se as nenas e os nenos son capaces de establecer algunhas relacións entre medio físico e social, identificando os cambios naturais que afectan a vida cotiá das persoas -cambios de estacións, temperatura...-.

-Identificar e coñecer os grupos sociais máis significativos do contorno do alumnado e algunhas características da súa organización.

Con este criterio avalíase o coñecemento dos grupos máis próximos -familia, escola, veciñanza...- superando estereotipos sociais.

Observarase, así mesmo, a súa integración e vinculación afectiva aos grupos máis próximos e a acomodación da súa conduta aos principios, valores e normas que os rexen, recoñecendo e valorando a necesidade destas para convivir. Especial atención merecerá a capacidade que nenas e nenos mostren para a análise de situacións conflitivas e as competencias xeradas para un adecuado tratamento e resolución.

-Recoñecer, identificar e poñer exemplos sinxelos dalgúns servizos comunitarios.

Por medio deste criterio tratarase de avaliar o grao de sensibilización cara á valoración dos servizos sociais e comunitarios do seu contorno -mercado, atención sanitaria, medios de transporte...- superando os estereotipos sexistas referidos ás persoas usuarias destes servizos e profesionais que os desenvolven.

-Recoñecer algunhas manifestacións culturais próximas e doutras realidades, valorando a súa diversidade e riqueza.

Avaliarase con este criterio o coñecemento das principais manifestacións culturais propias e a comprensión dalgúns signos ou elementos que identifican outras culturas.

Valorarase, así mesmo, o interese e o respecto pola diversidade cultural.

Área: linguaxes: comunicación e representación.

A comunicación nas súas diversas manifestacións implica a capacidade de producir, recibir e interpretar mensaxes. Ao fomentar a aprendizaxe das diversas formas de comunicación e expresión, outorgaráselles ás nenas e aos nenos a oportunidade de manifestar os seus sentimentos, emocións e ideas con maior elaboración e riqueza de matices. As linguaxes contribúen tamén ao desenvolvemento dunha competencia artística que vai acompañada do espertar dunha conciencia crítica neste mundo cambiante e que se pon en xogo ao compartir coas demais persoas as experiencias estéticas.

O propósito desta área é contribuír a mellorar a relación entre o alumnado e o medio, xa que será a través das distintas formas de comunicación e representación como a nena e o neno establezan relacións co resto das persoas. A interacción, a través dos diferentes instrumentos de comunicación, permite exteriorizar as vivencias emocionais, acceder aos contidos culturais, producir mensaxes cada vez máis elaboradas e ampliar progresivamente a comprensión da realidade.

A comunicación constitúe o proceso mediante o cal nenas e nenos, desde os primeiros anos de vida, intercambian e constrúen significados. Serán as distintas formas de comunicación e representación as que sirvan de nexo entre o mundo interior e exterior, na medida en que fan posible a representación da realidade, a expresión de pensamentos, sentimentos e vivencias, posibilitando as interaccións.

A través das linguaxes, os nenos e nenas desenvolven a súa imaxinación e creatividade, aprenden, constrúen a súa identidade persoal, mostran as súas emocións, o seu coñecemento do mundo e a súa percepción da realidade.

As linguaxes considéranse fundamentais para potenciar o desenvolvemento do pensamento e as capacidades comunicativas, expresivas e creativas.

Os bloques de contidos que constitúen esta área recollen as diferentes formas de comunicación e representación: a linguaxe verbal, a linguaxe artística, a linguaxe corporal, a linguaxe audiovisual e das tecnoloxías da información e a comunicación.

Bloque 1. Linguaxe verbal.

Este bloque de contidos refírese á capacidade para relacionarse escoitando, recibindo comprensivamente e producindo diversas mensaxes, mediante o uso progresivo e axeitado da linguaxe, nas súas expresións oral e escrita.

O dominio progresivo da linguaxe verbal axudará as nenas e os nenos a interpretar de forma máis axeitada o mundo que os rodea. A linguaxe oral é especialmente relevante nesta etapa, xa que pode considerarse o instrumento por excelencia de aprendizaxe, de regulación da conduta e de manifestación de vivencias, sentimentos, ideas, emocións, etc.

A apropiación da linguaxe, nas súas formas oral e escrita, dependerá da amplitude, variedade e calidade das experiencias comunicativas que os nenos e nenas teñan.

No segundo ciclo de educación infantil preténdese así mesmo que o alumnado descubra e explore os usos da lectura e a escritura, espertando e afianzando o seu interese por elas.

Farase un achegamento á literatura infantil a partir de textos comprensibles e accesibles para que esta iniciación literaria sexa fonte de gozo, de diversión e de xogo.

Así mesmo, é necesario o desenvolvemento de actitudes positivas cara á propia lingua e á dos demais, espertando sensibilidade e curiosidade por coñecer outras linguas.

Bloque 2. Linguaxe artística: plástica-musical-corporal.

Este bloque inclúe todos aqueles medios de expresión artística que favorecen a sensibilidade estética, a apreciación e a manifestación creativa das nenas e dos nenos. Recollerá todos aqueles contidos que se refiran á capacidade creativa para comunicar, representar e expresar a realidade a partir da elaboración orixinal que fan os nenos e nenas desde os seus sentimentos, ideas, experiencias e sensibilidade, a través de diversas linguaxes artísticas:

-Linguaxe plástica.

-Linguaxe musical.

-Linguaxe corporal.

Bloque 3. Linguaxe audiovisual.

A linguaxe audiovisual e as tecnoloxías da información e a comunicación presentes na vida infantil requiren un tratamento educativo que, a partir do uso apropiado, inicie as nenas e os nenos na comprensión das mensaxes audiovisuais e na súa utilización adecuada.

A educación sobre e, en especial, cos medios de comunicación debe iniciarse desde idades temperás. A planificación do uso do ordenador e de toda a tecnoloxía debe estar pensada como un recurso e ferramenta máis de que dispón o profesorado, igual que un libro ou o encerado e, como tal, debe estar recollido o seu uso.

Obxectivos

-Utilizar as diversas linguaxes como instrumentos de comunicación, de expresión de ideas e sentimentos, de representación, de aprendizaxe e de gozo.

-Recoñecer a importancia das manifestacións non verbais -o silencio, a mirada, a xestualidade, o olfacto e o tacto- como elementos xenuínos da comunicación humana.

-Comprender que as palabras, escrituras indeterminadas, números, notas musicais, iconas e outros símbolos e signos convencionais poden representar os pensamentos, experiencias, coñecementos, ideas e intencións das persoas.

-Comunicarse oralmente nas dúas linguas oficiais con distintos propósitos -expresar sentimentos, emocións, desexos, ideas…- con diferentes interlocutores e/ou interlocutoras e en diversidade de contextos, valorando a linguaxe como ferramenta de relación cos demais, de regulación da convivencia e de aprendizaxe.

-Comprender a intencionalidade comunicativa doutras nenas e doutros nenos, así como das persoas adultas, adoptando unha actitude positiva cara ás linguas.

-Iniciarse no uso oral dunha lingua estranxeira para comunicarse en actividades contextualizadas e mostrar interese e gozo ao participar nestes intercambios comunicativos.

-Achegarse á lingua escrita a través de distintos tipos de textos.

-Comprender, reproducir, reescribir -tendo en conta as diferentes etapas individuais no proceso de adquisición da lingua escrita-, e recrear textos.

-Facer uso da biblioteca valorándoa como fonte de información e como fonte de pracer.

-Potenciar a capacidade creativa a través das linguaxes artísticas para imaxinar, inventar, transformar... desde as súas ideas, sentimentos, experiencias, coñecementos...

-Achegarse ao coñecemento de obras artísticas expresadas en distintas linguaxes, comunicándose creativamente a través das diferentes manifestacións e adquirindo sensibilidade estética.

-Desenvolver o sentir de autoconfianza nas producións artísticas persoais, amosando interese pola súa mellora, respectando e valorando as creacións propias e as das demais persoas.

-Achegarse ao coñecemento, emprego e valoración das TIC -ordenadores, a internet, encerado dixital interactivo, escáner, vídeo ...- como ferramentas de busca de información, creación, expresión e comunicación.

Contidos

Bloque 1. Linguaxe verbal.

*Escoitar, falar e conversar.

-Utilización e valoración progresiva da lingua oral para evocar e relatar feitos; para adquirir coñecementos; para expresar e comunicar ideas, sentimentos e emocións; para facer peticións e como mecanismo para regular a propia conduta e a das demais persoas.

-Uso progresivo, acorde coa idade, de léxico variado, aumentando a precisión na busca dunha maior estruturación das súas frases.

-Participación de forma oral en conversas, narracións, anécdotas, chistes, xogos colectivos e outros, incrementando o vocabulario, empregándoo con crecente precisión, con entoación axeitada, pronuncia clara e usando estruturas oracionais que enriquezan as propias competencias comunicativas.

-Participación en situacións de comunicación con distintos propósitos, en diferentes contextos e con persoas interlocutoras diversas usando argumentos nas súas conversas, respectando quendas e escoitando atentamente.

-Acomodación progresiva dos seus enunciados aos formatos convencionais.

-Emprego axeitado das formas socialmente establecidas para relacionarse coas demais persoas -saúdos, despedidas, fórmulas de cortesía, cumprimentos...-.

-Interese por participar en interaccións orais en lingua estranxeira, en rutinas e situacións habituais de comunicación, amosando unha actitude positiva cara a esta lingua.

*Aproximación á lingua escrita.

-Achegamento á lingua escrita como medio de comunicación, información e gozo a través de soportes diferentes.

-Interese e atención na escoita de narracións e instrucións lidas por outras persoas.

-Iniciación no uso da escrita en situacións contextualizadas e reais.

-Diferenciación entre as formas escritas e outras formas de expresión gráfica. Identificación de palabras e frases escritas moi significativas e usuais. Percepción de diferenzas e semellanzas entre elas atendendo a propiedades cuantitativas -cantidade de letras, palabras longas e palabras curtas- e propiedades cualitativas -variedade de grafías-. Iniciación ao coñecemento do código escrito a través desas palabras e frases empregadas en contextos significativos e funcionais.

-Interese e gusto por producir mensaxes con trazos cada vez máis precisos e lexibles.

*Achegamento á literatura.

-Escoita e comprensión da lectura en voz alta, realizada por unha lectora ou lector competente de contos, relatos, lendas, poesías, rimas, adiviñas, teatro...; tanto tradicionais como contemporáneas, nas dúas linguas oficiais, e como fonte de pracer e de aprendizaxe compartida.

-Dramatización de textos literarios, desfrute e interese por expresarse con axuda de recursos non lingüísticos.

-Memorización e recitado dalgúns textos de carácter poético, de tradición cultural ou de autor, gozando das sensacións que o ritmo, a rima e a beleza das palabras producen.

-Participación creativa en xogos lingüísticos -encadeados de palabras, adiviñas, trabalinguas, onomatopeas...- acompañados de respostas corporais -xestos, movementos, ritmos...- para divertirse e para aprender na compaña de iguais e de persoas adultas.

-Interese por compartir interpretacións, sensacións, emocións e opinións provocadas polas producións literarias, iniciándose nos faladoiros literarios.

-Introdución ao uso das bibliotecas de centro e de aula como un medio máis de aproximación á literatura e como espazo privilexiado de recursos para a diversión e o coñecemento.

Bloque 2. Linguaxes artísticas: plástica, musical e corporal.

-Exploración sensorial dos elementos presentes no contorno integrando actividades de tocar, ulir, oír e ver.

-Potenciación da imaxinación e fantasía do alumnado para enriquecer a actividade creativa.

-Experimentación e descubrimento dalgúns elementos que configuran a linguaxe plástica -liña, forma, cor, textura, espazo e volume-.

-Gozo coas obras artísticas distinguindo e apreciando elementos básicos das formas de expresión -cor, forma, liña, movemento, volume, texturas, ritmos, melodías, timbres, entre outros- que lles permitan ás nenas e aos nenos desenvolver a súa sensibilidade estética.

-Exploración das posibilidades plásticas e creativas de distintos materiais, útiles e soportes -papeis, cartón, arame, plástico, teas, cortiza, barro, rasquetas, cepillos, esponxas, pantalla de ordenador, mesa de area, retroproxector, encerado dixital, fotografías....- e das distintas técnicas -debuxo, pintura, collaxe, amasado, modelado, escultura e a combinación de dúas ou máis técnicas...- como recursos e medios de expresión e comunicación de feitos, sentimentos, emocións, vivencias, fantasías, experiencias...

-Experimentación e coñecemento das posibilidades de transformación dos diferentes materiais e obxectos.

-Descubrimento das posibilidades creativas e plásticas da luz, das sombras e da cor, empregando recursos como a luz natural, lanternas, lámpadas, proxector...

-Interpretación e valoración de diferentes tipos de obras plásticas presentes na aula, no contorno, en museos e exposicións reais ou virtuais, obradoiros de artistas e persoas artesás manifestando e compartindo a través das diversas linguaxes as sensacións e emocións que producen, así como indicando o que gusta e o que non.

-Planificación do proceso de elaboración dalgunha obra plástica, o seu desenvolvemento e posterior comunicación, valorando a realización de bosquexos para a consecución dunha melloría na produción.

-Exploración das posibilidades sonoras da voz, do propio corpo, de obxectos cotiáns e de instrumentos musicais. Utilización dos sons achados para a interpretación e a creación musical.

-Vivencia do son e do silencio.

-Recoñecemento de sons do contorno natural e social, e discriminación dos seus trazos distintivos.

-Creación de secuencias de movementos e ritmos a partir das sensacións que lle xera a música.

-Audición atenta de obras musicais populares, clásicas e contemporáneas. Participación activa e gozo na interpretación de cancións, xogos musicais e danzas colectivas e individuais.

-Creación, mediante a música e o baile, dos propios patróns, recreando situacións, ideas, feitos e sentimentos, mediante o humor, o absurdo e a fantasía, compartindo con outras persoas as propias creacións.

-Vivencia de xestos e movementos como recursos corporais para a expresión e a comunicación e mais o intercambio afectivo.

-Participación en actividades de dramatización, danzas, xogo simbólico e outros xogos de expresión corporal -mimo, monicreques, teatro de sombras...- colaborando na elaboración dos elementos necesarios para unha ambientación axeitada.

Bloque 3. Linguaxe audiovisual e tecnoloxías da información e a comunicación.

-Identificación da utilidade de diversos instrumentos e tecnoloxías como fontes de información, de comunicación, de expresión, de estratexias de exploración e investigación.

-Achegamento a producións audiovisuais como películas, series de animación ou videoxogos.

-Adquisición progresiva da conciencia da necesidade dun uso moderado dos medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

-Coñecemento, coidado e uso, na medida das súas posibilidades, das ferramentas tecnolóxicas.

-Achegamento ao uso do ordenador, á cámara fotográfica… nos procesos creativos para a elaboración de producións audiovisuais como series de animación, presentacións, vídeos..., a través de programas de edición de textos, de gráficos e de sons.

-Valoración crítica dos contidos e da estética das producións audiovisuais.

Criterios de avaliación

-Utilizar a lingua oral do modo máis conveniente para unha comunicación positiva con iguais e con persoas adultas, segundo as intencións comunicativas.

Mediante este criterio avalíase o desenvolvemento da capacidade para expresarse e comunicarse oralmente, con claridade e corrección suficientes, respondendo a diferentes intencións comunicativas.

Valorarase, así mesmo, se a nena ou o neno toma en consideración os hábitos e as normas que rexen as situacións comunicativas -respectar quendas de intervención, escoitar atentamente, respectar a opinión das demais persoas...-. Tamén se avalía o uso de fórmulas e tratamento axeitadas para saudar, despedirse, presentarse, escusarse, solicitar axuda, agradecer...

-Comprender mensaxes orais diversas, mostrando unha actitude de escoita atenta e respectuosa.

Este criterio refírese á capacidade para escoitar e comprender mensaxes, relatos, producións literarias, descricións, explicacións, informacións de diferentes emisores e emisoras: iguais, persoas adultas, diversos medios de comunicación -televisión, radio, webs...-, que lles permitan participar na vida da aula e na vida cotiá.

-Amosar unha actitude positiva cara á aprendizaxe dunha lingua estranxeira, interesándose por participar en interaccións orais en rutinas, xogos e situacións habituais de comunicación.

Preténdese avaliar a súa participación en producións orais sinxelas relativas a situacións e temas do seu interese: xogos, cancións, rimas, dramatizacións previamente traballadas e contextualizadas.

-Amosar interese polos textos escritos presentes na aula e no contorno próximo, iniciándose no seu uso e na comprensión das súas finalidades. Interesarse e participar nas situacións significativas de lectura e escritura que se producen na aula desenvolvidas por persoas lectoras e escritoras competentes.

Con este criterio avalíase se as nenas e os nenos valoran e se interesan pola linguaxe escrita, iniciándose na utilización funcional da lectura e a escritura como medios de comunicación, de información e de gozo.

-Producir diferentes textos individualmente ou en grupo -con escritura convencional ou non-, con propósitos e intencións diferentes: recoller e transmitir información, gozo...

Valorarase o achegamento á escritura para a produción de textos.

Valorarase o interese por explorar os mecanismos básicos do código escrito e o coñecemento das súas características; coñecementos que se consolidarán na educación primaria.

-Gozar compartindo a escoita e a lectura en voz alta de textos literarios: contos, relatos, lendas, poesías, rimas, adiviñas...

Este criterio avaliará o interese que demostra en participar nas actividades de escoita e lectura de textos literarios, apreciando a súa estética, gozando das sensacións que o ritmo, a rima e a beleza das palabras producen e mais amosando interese por compartir interpretacións, sensacións e emocións provocadas polas producións literarias.

-Utilizar a biblioteca con respecto e coidado, valorándoa como recurso informativo, de entretemento e gozo.

Con este criterio valorarase se as nenas e os nenos entenden a necesidade das normas de funcionamento da biblioteca -manter silencio, colocar os libros no seu sitio, cumprir os prazos de préstamo- e se as respectan. Valorarase, así mesmo, se recoñecen este espazo como recurso de pescuda de información e lugar de entretemento.

-Expresarse e comunicarse utilizando medios, materiais e técnicas propios das diferentes linguaxes artísticas e audiovisuais.

Con este criterio comprobarase se o alumnado se serve das diferentes representacións -plásticas, musicais, corporais e audiovisuais- para plasmar as súas vivencias, emocións e sentimentos, facendo uso dos diferentes materiais, instrumentos e técnicas propios destas linguaxes.

Así mesmo, valorarase o interese e curiosidade que o alumnado manifesta por incorporar ás súas producións libres diferentes materiais, técnicas e recursos tecnolóxicos.

-Mostrar interese por explorar as súas posibilidades de expresión e representación, por gozar coas súas producións e por compartir as experiencias creativas, estéticas e comunicativas.

Observarase o gusto por experimentar e explorar as posibilidades expresivas do corpo, da voz, dos elementos plásticos e dos sons.

Valorarase tamén a capacidade para expresar as distintas impresións que lle producen a cadaquén as obras artísticas.

-Utilizar, na medida das súas posibilidades, a linguaxe audiovisual e as tecnoloxías da información e comunicación como vehículo de expresión e comunicación.

Este criterio permite valorar a súa competencia para acceder e empregar as tecnoloxías da información e comunicación. Deste xeito, observarase se é quen de prender e apagar o ordenador, manexar o rato, identificar e usar iconas para acceder aos programas con progresiva autonomía, escanear, imprimir unha creación, facer debuxos, facer fotografías...

Orientacións metodolóxicas para o segundo ciclo.

A esixencia de orientar e dar un sentido educativo á educación infantil fai necesario facer explícitos os principios metodolóxicos que deben enmarcar a acción pedagóxica neste ciclo. As distintas orientacións preséntanse agrupadas en seis epígrafes, co fin de facilitar a súa lectura.

1. Ambiente de aprendizaxe.

Unha axeitada organización do ambiente, incluíndo espazos, recursos e distribución do tempo, será fundamental para a consecución das intencións educativas.

Espazos.

-Na distribución do espazo preverase que as nenas e os nenos dispoñan de lugares propios e de uso común para compartir, para estar sós e para xogar e para relacionarse cos demais; espazos para actividades que requiran unha certa concentración e espazos amplos que faciliten o movemento. A persoa docente preverá as distintas situacións xerando un ambiente físico de aprendizaxe grato, afectivamente significativo e esteticamente agradable que lle permita ao alumnado sentirse cómodo, seguro e acollido.

Materiais.

-Os materiais curriculares axeitaranse aos tipos de contidos, ás características e necesidades específicas de cada contexto educativo e, consecuentemente, ás características individuais do alumnado. Estes materiais permitirán distintos graos de uso; para iso, serán o máis diversos posible, ofrecerán múltiples posibilidades de utilización en función das necesidades de cada situación e momento.

-Estarán presentes nas aulas elementos do medio natural e sociocultural que favorezan o vínculo coa identidade do alumnado e creen un ambiente significativo, ademais de espertar o interese por explorar e experimentar cos elementos que as nenas e os nenos teñen ao seu dispor.

Tempos.

-Será necesario organizar o tempo baixo presupostos de flexibilidade, de xeito que permitan ao profesorado adecualo ás características das tarefas. No desenvolvemento da xornada escolar combinaranse tempos de rutinas con tempos de actividades específicas segundo as características e necesidades dos nenos e nenas.

2. Perspectiva didáctica.

Organizaranse os contidos tendendo cara a un «enfoque globalizador», que debe entenderse como a opción que determina que as propostas didácticas teñan como punto de partida situacións globais -situacións comunicativas, conflitos ou cuestións sociais, problemas de calquera tipo…- nas cales se poñerán en xogo os contidos das diferentes áreas. Na proposta didáctica terán cabida as secuencias de aprendizaxe, os proxectos ou as unidades didácticas que engloben contidos de diferente tipo e de distintas áreas, aínda que tamén é conveniente planificar outras actividades que alternen coas propostas globalizadas. Atenderase os seguintes aspectos:

-É importante ofrecerlles ás nenas e aos nenos situacións de aprendizaxe nas cales poidan facer propostas, tomar decisións, organizar e anticipar as súas accións. Para iso pódense empregar diversas estratexias e recursos: a través de preguntas, follas de planificación, cos seus propios debuxos, opinións e propostas nos tempos de faladoiro, e mesmo a caixa de suxestións.

-A organización de proxectos, consensuados, negociados e levados a cabo colectivamente polo grupo, ou a realización de asembleas para comentar acontecementos ou discutir e decidir determinados aspectos da actividade diaria constitúen valiosas estratexias que a persoa docente utilizará porque son altamente motivadoras e favorecen o desenvolvemento das relacións interpersoais, o establecemento de vínculos afectivos, así como que a nena e o neno se sintan membros do grupo e participen activamente nel.

-A formulación de preguntas abertas por parte da mestra ou mestre acerca de determinados feitos ou situacións, á parte de estimular a linguaxe infantil, contribúe eficazmente a ensinarlles ás nenas e aos nenos a facerse interrogantes pertinentes e a buscar respostas axeitadas, promovendo o diálogo e o intercambio de opinións sobre calquera tema que se estea investigando na aula.

-É imprescindible destacar a importancia do xogo como actividade propia desta etapa, xa que as cativas e os cativos, mentres xogan, manipulan obxectos nun espazo e nun tempo, crean e transforman -formas, tamaños, espazos, volumes-, establecen relacións, deseñan situacións e invisten a acción da súa emotividade e simbolismo; manifestan a través desta actividade lúdica as súas vivencias e experiencias e van afondando en novos niveis de relación e de interacción.

-A afectividade debe ser o fío condutor de toda situación de ensino-aprendizaxe. As nenas e os nenos deben sentirse seguros e construír coñecemento a partir da formación dunha autoimaxe positiva.

3. O papel do profesorado.

-É fundamental que a mestra e o mestre sexan quen de potenciar no seu alumnado unha serie de habilidades de pensamento que o axuden a encontrarlle sentido á súa experiencia; isto é: involucrarse en proxectos con xogos e actividades que o fagan observar, pescudar, imaxinar, adiviñar, buscar alternativas, formular hipóteses, anticipar consecuencias…; habilidades esenciais todas elas para conectar as experiencias presentes coas pasadas, formular problemas, facer estimacións, medir…, ademais de proporcionarlles ás nenas e aos nenos ferramentas que lles permitan evolucionar nos coñecementos e nas habilidades que desenvolveron, co fin de garantir a construción de novas aprendizaxes.

-Para ofrecer unha intervención que conecte co saber, co saber facer e co saber estar de cada criatura é necesario partir dos esquemas de coñecemento do alumnado e do significado que lles atribúe. A mestra ou mestre posicionarase como mediadora entre o alumnado e a cultura, atendendo á súa diversidade e tendo en conta situacións que requirirán, ás veces, dirixir, suxerir, e outras acompañar. A partir da observación do que as nenas e nenos saben, podemos intervir en cada caso de xeito máis próximo aos seus coñecementos -axudar a reflexionar sobre o modo de indagar o que di un texto, buscar pistas, buscar coherencia, etc.-.

-A educadora ou educador velarán por crear un ambiente educativo onde prime a valoración positiva nas interaccións, evitando as comparacións, a desvalorización, estigmatización ou ridiculización. É importante favorecer que as nenas e os nenos expresen libremente as súas opinións, os seus sentimentos e suxestións, e que os adultos creen condicións para que sexan escoitados, aceptados e respectados nas súas diferenzas.

-As persoas adultas deben ter altas expectativas nas posibilidades das nenas e dos nenos en todos os planos e darlles sinais claros das súas potencialidades, animando e preocupándose de que os nenos e nenas poidan superar desafíos, perseverando e desenvolvendo a tolerancia á frustración.

-Débese evitar valorar máis os acertos que os erros e corrixilo todo. Cambiar a idea de evitar os erros pola de empregar os erros, e tamén os acertos, como fonte de información dos coñecementos dos nenos e nenas. Crear un clima de aceptación e de respecto mutuo no cal equivocarse sexa un paso máis no proceso de aprendizaxe, en que cada criatura se sinta retada e ao tempo con confianza para pedir axuda.

-A persoa adulta será prudente á hora de facer valoracións sobre as producións infantís para preservar a espontaneidade da creación fronte aos estereotipos e aos criterios preestablecidos de beleza ou de perfección.

-A intervención da persoa docente -guiando, animando, apoiando, abrindo novos camiños, suxerindo...- estimulará a creatividade e contrarrestará estereotipos e convencionalismos.

4. O papel do alumnado.

-Terase en conta que cando os nenos e nenas chegan á escola xa teñen un percorrido no seu coñecemento, e potenciarase a súa capacidade para descubrir e sentirse exploradores activos, poñendo á súa disposición os medios que llo posibiliten, así como tamén o acceso a obxectos ou a novas fontes de coñecemento.

-Cando a un grupo de nenas e nenos se lles confiren responsabilidades de progresiva complexidade en relación con ámbitos referidos a si mesmos, ás demais persoas e ao medio natural, estamos abríndolle a posibilidade de que aprecie e valore os seus logros e esforzos e os das outras persoas, avanzando no proceso de autonomía persoal.

-É igualmente importante ofrecerlle ao alumnado situacións de aprendizaxe que incentiven e potencien a realización das súas propias propostas, a toma de decisións, así como a posibilidade de anticipar as súas accións, a organización das actividades, os materiais e recursos que se van empregar, facéndolle ver que todas e todos poden realizar accións por si mesmos e compartilas cos demais.

-Potenciarase que o alumnado reflexione sobre os seus progresos mostrándolle as súas producións e realizando unha coavaliación. Isto resulta sempre satisfactorio e un motivo de fortalecemento da autoestima.

5. Agrupamentos.

Para poder atender á diversidade do alumnado e á aprendizaxe de contidos de distinta natureza, organizaranse diversas formas de agrupamento tendo en conta as potencialidades de cada unha delas:

-O gran grupo é apropiado cando se trata de planificar conxuntamente as actividades, exposicións, lectura dalgúns textos, distribución de tarefas, explicacións, presentación de modelos, debates, asemblea, conferencias, etc.

-O grupo pequeno é o ideal para favorecer a interacción cooperativa, permite asignar a cada nena ou neno tarefas concretas e estruturadas de tal xeito que a mestra ou mestre poida prestar as axudas axeitadas segundo o grao de realización da tarefa. Deben ser variables, homoxéneos e heteroxéneos. A organización en parellas acostuma a ser moito máis rendible polo grao de implicación que comporta.

-A actividade individual é un bo recurso para a interacción máis específica coa persoa docente, ao tempo que promove as estratexias de planificación da acción, a responsabilidade, a autonomía e a autoxestión.

6. Apertura ao contorno.

A educación infantil acada o seu pleno sentido nun marco de colaboración e coordinación entre os elementos que inciden no proceso educativo das nenas e dos nenos: o equipo docente, as familias e o contorno.

En canto á relación coas familias, é necesaria unha boa comunicación e coordinación con ela, xa que a eficacia da educación infantil depende, en gran medida, da unidade de criterios educativos na casa e na escola.

En canto á apertura ao contorno, planificaranse tanto saídas como visitas de membros da comunidade educativa. Así:

-Aproveitarase o potencial educativo das saídas e das visitas, planificadas detidamente, para sacar delas o maior partido educativo posible. É importante que a persoa docente teña moi claros cales son os contidos que pretende traballar coa visita, e non saír por saír, ou pretender observar e explorar todos os elementos do contorno. En calquera caso, sempre existirá unha finalidade -traducida en obxectivos-, un deseño e unhas actividades que estean inseridas na programación xeral e que permitan aproveitar ao máximo este recurso. O aproveitamento da actividade non finaliza coa volta ao centro. Durante o día ou os días seguintes pódense crear situacións de comunicación e intercambio do que se viu e do material recollido, así como animar os nenos e nenas a que o expresen mediante distintas linguaxes. Todo iso dará lugar a suscitar actividades que provoquen novos interrogantes e reforcen certas adquisicións.

-De igual forma, a persoa docente propiciará experiencias nas cales teñan cabida as relacións con nenas e con nenos doutras aulas e con persoas adultas, xa que así, non só se contribúe en gran medida a que os nenos e nenas vaian ampliando as súas relacións, senón que se permite descentrar positivamente a tarefa educativa da persoa docente e da aula.

ANEXO II

O currículo da educación infantil e as competencias básicas

1. Introdución.

A LOE establece oito competencias básicas que o alumnado debe desenvolver e acadar ao longo do ensino básico.

Aínda que estas veñen indicadas para o ensino obrigatorio, é preciso que o seu desenvolvemento se inicie desde o comezo da escolarización, de xeito que a súa adquisición se realice de forma progresiva e coherente. Estas competencias, polo tanto, orientarán e impregnarán o currículo de educación infantil, téndose como referentes que guíen a práctica educativa e condicionen o tratamento das áreas.

No marco da proposta realizada pola Unión Europea establecéronse oito competencias básicas:

-Competencia en comunicación lingüística.

-Competencia matemática.

-Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

-Tratamento da información e competencia dixital.

-Competencia social e cidadá.

-Competencia cultural e artística.

-Competencia para aprender a aprender.

-Autonomía e iniciativa persoal.

2. As competencias básicas e a súa repercusión na metodoloxía.

A incorporación das competencias básicas no currículo obriga a reformular a práctica educativa. Precísase un cambio, débense abandonar os tradicionais modelos de transmisión do coñecemento por modelos que permitan a mobilización de diferentes recursos cognitivos. O paradigma educacional referente debe ser o de «aprender a aprender» e de «aprender facendo». Cómpre unha aprendizaxe significativa que se transfira a situacións da vida real e que implique a resolución de problemas na práctica.

Unha xestión docente baseada na formación de competencias ten que asumir estratexias didácticas que afonden no proceso e que destaquen a función orientadora da mestra e do mestre.

Para desenvolver as competencias é necesario traballar, sobre todo, por proxectos e resolvendo problemas; así propoñeranse tarefas e retos que inciten as alumnas e os alumnos a mobilizar os seus coñecementos e habilidades.

Desde a metodoloxía de proxectos trátase de achegar a escola á vida diaria. Empregando un enfoque globalizador, partindo dos intereses das nenas e dos nenos, das súas experiencias e coñecementos previos. Desde a perspectiva didáctica, o proxecto articúlase como un itinerario formativo planificado en situacións de ensino nas cales se poñen en práctica as diferentes competencias básicas.

3. Definición e contribución desde as áreas de educación infantil ao desenvolvemento das competencias básicas

*Competencia en comunicación lingüística.

Esta competencia refírese á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, de representación, interpretación e comprensión da realidade, de construción e comunicación do coñecemento e de organización e autorregulación do pensamento, das emocións e da conduta.

Os coñecementos, destrezas e actitudes propios desta competencia permiten expresar pensamentos, emocións, vivencias e opinións, así como dialogar, formarse un xuízo crítico, xerar ideas, estruturar o coñecemento, darlle coherencia a un discurso e ás propias accións e tarefas, adoptar decisións e gozar escoitando, lendo ou expresándose de forma oral ou escrita, todo o cal contribuirá ademais ao desenvolvemento da autoestima e da autoconfianza.

Contribuirase á mellora da competencia lingüística desde a educación infantil fomentando a participación, respectando a diversidade de respostas e ofrecendo un clima no que se anime a ler, escribir e conversar.

*Competencia matemática.

Consiste na habilidade para empregar e relacionar os números, as súas operacións básicas, os símbolos e as formas de expresión e razoamento matemático, tanto para producir e interpretar distintos tipos de información, como para ampliar o coñecemento sobre aspectos cuantitativos e espaciais da realidade, e para resolver problemas relacionados coa vida cotiá e co mundo laboral. Así mesmo, esta competencia implica o coñecemento e manexo dos elementos matemáticos básicos -distintos tipos de números, medidas, símbolos, elementos xeométricos, etc.- en situacións reais ou simuladas da vida cotiá, e a posta en práctica de procesos de razoamento que levan á resolución dos problemas ou á obtención de información.

Contribuirase á mellora da competencia matemática na educación infantil na medida en que os elementos e razoamentos matemáticos sexan empregados para enfrontarse ás situacións cotiás e reais que o precisen.

*Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

Esta competencia refírese á habilidade para interactuar co mundo físico, de modo que se facilite a comprensión de sucesos, a predición de consecuencias, así como o coidado do medio natural e a protección da saúde individual e colectiva. Así mesmo, a competencia de interactuar co espazo físico leva implícito ser consciente da influencia que ten a presenza das persoas no espazo, a súa actividade, as modificacións que introducen e as paisaxes resultantes, así como da importancia de que todos os seres humanos se beneficien do desenvolvemento e de que este procure a conservación dos recursos e a diversidade natural, mantendo a solidariedade global e interxeracional. Supón, así mesmo, demostrar espírito crítico na observación da realidade e na análise das mensaxes informativas e publicitarias, así como uns hábitos de consumo responsable na vida cotiá. En definitiva, esta competencia implica o desenvolvemento e aplicación do pensamento científico-técnico para interpretar a información que

se recibe e para predicir e tomar decisións con iniciativa e autonomía persoal nun mundo en que os avances que se van producindo nos ámbitos científico e tecnolóxico teñen unha influencia decisiva na vida persoal, na sociedade e no mundo natural.

Contribuirase, polo tanto, á adquisición desta competencia desde educación infantil iniciando o alumnado no pensamento científico, potenciando habilidades de investigación: formular hipóteses, recoñecer evidencias, observar, formular interrogantes, descubrir alternativas, verificar, predicir, xerar novas ideas e solucións…

*Tratamento da información e competencia dixital.

Esta competencia consiste en dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información e mais para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información ata a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse. Está asociada coa busca, selección, rexistro e tratamento ou análise da información, utilizando técnicas e estratexias diversas para acceder a ela segundo a fonte a que se acuda e o soporte que se empregue: oral, impreso, audiovisual, dixital ou multimedia.

O tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información, así como as distintas ferramentas tecnolóxicas. Tamén ter unha actitude crítica e reflexiva na valoración da información dispoñible, contrastándoa cando é necesario e respectando as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información.

Se desde a educación infantil se quere contribuír a mellorar esta competencia, é preciso que se propoñan situacións nas cales sexa necesario resolver problemas reais, para o cal se recorrerá ao tratamento da información e ao uso dos recursos tecnolóxicos dispoñibles.

*Competencia social e cidadá.

Esta competencia posibilita comprender a realidade social en que se vive, cooperar, convivir e exercer a cidadanía democrática nunha sociedade plural, así como comprometerse a contribuír á súa mellora. Nela están integrados coñecementos diversos e habilidades complexas que permiten participar, tomar decisións, elixir como comportarse en determinadas situacións e responsabilizarse das eleccións e decisións adoptadas.

En consecuencia, entre as habilidades desta competencia destacan coñecerse e valorarse, saber comunicarse en distintos contextos, expresar as propias ideas e escoitar as alleas, ser capaz de poñerse no lugar do outro e de comprender o seu punto de vista aínda que sexa diferente do propio, así como tomar decisións nos distintos niveis da vida comunitaria, valorando conxuntamente os intereses individuais e os do grupo. Ademais, implica a valoración das diferenzas á vez que o recoñecemento da igualdade de dereitos entre os diferentes colectivos, en particular, entre homes e mulleres.

Igualmente, supón a práctica do diálogo e da negociación para chegar a acordos como forma de resolver os conflitos, tanto no ámbito persoal como no social.

Así, desde a educación infantil contribuirase ao desenvolvemento desta competencia traballando as habilidades sociais que permiten mediar nos conflitos de convivencia, axudan a resolvelos con actitude construtiva e a tomar decisións con autonomía.

*Competencia cultural e artística.

Esta competencia supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas, utilizalas como fonte de enriquecemento e de gozo e consideralas como parte do patrimonio dos pobos. Apreciar o feito cultural en xeral, e o feito artístico en particular, leva implícito dispoñer daquelas habilidades e actitudes que permiten acceder ás súas distintas manifestacións, así como habilidades de pensamento, perceptivas e comunicativas, sensibilidade e sentido estético para poder comprendelas, valoralas, emocionarse e gozalas.

Na educación infantil contribuirase ao desenvolvemento desta competencia cando o centro estea aberto ás diferentes manifestacións culturais e artísticas, converténdose nun espazo en que se aprecie e goce coa arte e coas manifestacións culturais, onde se potencie o emprego dalgúns recursos da expresión artística para realizar creacións propias; onde se manteña unha actitude aberta, respectuosa e crítica cara á diversidade de expresións artísticas e culturais e onde se impulse cultivar a capacidade estética e creadora de cada criatura e o interese por participar na vida cultural e por contribuír á conservación do patrimonio.

*Competencia para aprender a aprender.

Aprender a aprender supón dispoñer de habilidades para iniciarse na aprendizaxe e ser capaz de continuar aprendendo de maneira cada vez máis eficaz e autónoma de acordo cos propios obxectivos e necesidades. Esta competencia ten dúas dimensións fundamentais: a adquisición da conciencia das propias capacidades -intelectuais, emocionais, físicas-, do proceso e das estratexias necesarias para desenvolvelas; e a conciencia do que se pode facer por un mesmo e do que se pode facer con axuda doutras persoas ou recursos. Significa ser consciente do que se sabe e do que é necesario aprender, de como se aprende e de como se xestionan e controlan de forma eficaz os procesos de aprendizaxe, optimizándoos e orientándoos a satisfacer obxectivos persoais.

Contribuirase á mellora desta competencia deseñando unha práctica educativa que incida na potenciación da comprensión e da expresión lingüística, da memoria, da motivación, da observación, dos rexistros das aprendizaxes, do traballo cooperativo e por proxectos, da resolución de problemas, posibilitando por parte dos nenos e nenas a planificación e organización da tarefa que se vai realizar, a selección e o tratamento da información a través dos diferentes recursos tecnolóxicos.

*Autonomía e iniciativa persoal.

Esta competencia refírese, por unha parte, á adquisición da conciencia e aplicación dun conxunto de valores e actitudes persoais interrelacionadas como a responsabilidade, a perseveranza, o autocoñecemento e a autoestima, a creatividade, a autocrítica, o control emocional, a capacidade de elixir, de calcular riscos e de afrontar os problemas, así como a capacidade de demorar a necesidade de satisfacción inmediata, de aprender dos erros e de asumir riscos. Por outra parte, remite á capacidade de elixir con criterio propio, de propoñer proxectos e de levar adiante as accións necesarias para desenvolver as opcións e plans persoais -no marco de proxectos individuais ou colectivos- responsabilizándose deles tanto no ámbito persoal, como no social e no laboral.

Poderase contribuír a mellorar esta competencia cando se permita imaxinar, emprender accións, desenvolver proxectos individuais ou colectivos con creatividade, confianza e responsabilidade.

O enfoque por competencias modifica os puntos de vista convencionais sobre a forma de aprender e de ensinar, pois o aspecto central non é a acumulación de coñecementos, senón o desenvolvemento das posibilidades que posúe calquera individuo mediante fórmulas «de saber» e «de facer» contextualizadas.

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA