DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 30 de xuño de 2009 Páx. 11.357

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/2009, do 23 de xuño, pola que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Exposición de motivos

O nacemento de novos tipos de entidades integrantes do sector público autonómico, tales como fundacións públicas autonómicas, axencias e consorcios, precisas para a prestación dun servizo público áxil e eficiente, fixo quedar obsoletos algúns preceptos que non se adaptaron á nova estrutura institucional da Administración autonómica.

Un caso paradigmático é a Lei de réxime financeiro e orzamentario, acredora toda ela dunha reforma integral, pero que precisa en particular de adaptar o precepto referente ao ámbito subxectivo dos orzamentos para aplicar así a Lei xeral de estabilidade orzamentaria e a súa lei orgánica complementaria aplicable ás comunidades autónomas.

A Lei xeral de estabilidade orzamentaria (en diante LXEO), aprobada polo Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, e a súa lei orgánica complementaria (en diante LOC), aprobada pola Lei orgánica 5/2001, do 13 de decembro, definen a estabilidade orzamentaria como «...a situación de equilibrio ou de superávit, computada en termos de capacidade de financiamento, de acordo coa definición contida no Sistema Europeo de Contas Nacionais e Rexionais».

O Sistema Europeo de Contas Nacionais e Rexionais (en diante SEC 95) é un sistema de contabilidade nacional e «constitúe un marco contable comparable a escala internacional, cuxa finalidade é realizar unha descrición sistemática e detallada da economía no seu conxunto (dunha rexión, un país ou un grupo de países), os seus compoñentes e as súas relacións con outras economías».

O SEC 95 non é daquela un sistema directamente aplicable ao orzamento das administracións públicas nin á contabilidade patrimonial de partida dobre; pero si que o haberemos de aplicar para poder definir a capacidade ou necesidade de financiamento, e polo tanto deberemos atender aos seus criterios para calculala.

O obxectivo de estabilidade orzamentaria debe cumprirse tanto na fase de elaboración coma de aprobación e execución do orzamento en cumprimento da normativa básica do Estado, polo que resulta preciso adaptar a normativa financeira da Comunidade Autónoma para acadar tal obxectivo.

A aplicación do devandito sistema de contas implica a necesidade de facer unha serie de axustes por trocos en criterios contables, así como de ter en conta como ámbito subxectivo aplicable o denominado sector administracións públicas, que recolle as contas da Xunta e de todos os axentes autonómicos financiados maioritariamente con cargo aos seus orzamentos.

Así, na fase de elaboración e aprobación, o orzamento estará equilibrado en termos de estabilidade cando o equilibrio se dea entre os capítulos non financeiros do orzamento de ingresos e de gastos, de acordo coas normas de contabilidade nacional.

Isto forzosamente implica que na elaboración do orzamento deben preverse os axustes positivos e negativos que se estima que se aplicarán aos ingresos e gastos por aplicación dos criterios do SEC 95, co que se obterá, como diciamos, o límite do gasto non financeiro en termos de contabilidade nacional.

Pretender o equilibrio ao abeiro da Lei de estabilidade orzamentaria baseándose na simple igualdade dos capítulos non financeiros do orzamento, sen ter ex ante en conta os axustes que provocan nos ingresos e gastos os criterios de contabilidade nacional, nin todas as entidades que integran o sector administracións públicas, é abocarse á incerteza do resultado da liquidación neses mesmos termos.

Neste sentido, o artigo 5 da LXEO indica que os orzamentos dos suxeitos comprendidos no seu ámbito de actuación e as súas liquidacións deberán conter información suficiente e axeitada para permitir a verificación da adecuación ao principio de estabilidade orzamentaria, así como o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e a observancia das normas impostas pola normativa de contabilidade nacional.

Ademais, o artigo 6.2º da LXEO preceptúa que as disposicións legais e regulamentarias dos suxeitos aos que se refire o artigo 2 da devandita lei que afecten os gastos públicos «deberán valorar as súas repercusións e os seus efectos, e supeditarse de forma estrita e ao cumprimento das exixencias do principio de estabilidade orzamentaria».

Ambos preceptos son normativa básica, segundo establece a disposición derradeira primeira da LXEO.

Por outra banda, a disposición adicional única da LOC modifica a alínea 1 do artigo 21 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e sinala que os orzamentos das comunidades autónomas terán carácter anual e igual período ca os do Estado, atenderán ao cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria e recollerán a totalidade de ingresos e gastos dos organismos e das entidades integrantes daquelas, e neles consignarase o importe dos beneficios fiscais que afecten a tributos atribuídos ás referidas comunidades.

Existen, polo tanto, sobrados motivos de legalidade para promover a reforma do devandito artigo 48 do TRLRFO, por obsoleto e porque é preciso para adaptarse á normativa básica do Estado, e de oportunidade por ser conveniente que a reforma normativa estea en vigor antes de que se diten as normas para a elaboración dos orzamentos de 2010, que, como se sabe, comezan coa orde anual para a elaboración de orzamentos que se publica o vindeiro mes de xuño.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo único. Modificación do artigo 48 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o artigo 48 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma estarán integrados:

a) Polo orzamento da Comunidade.

b) Polos orzamentos dos organismos autónomos.

c) Polos orzamentos das axencias públicas autonómicas.

d) Polos orzamentos de explotación e de capital das sociedades mercantís do artigo 12 desta lei e daquelas nas que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.

e) Polos orzamentos dos entes públicos aos que fai referencia o artigo 12 desta lei.

f) Polos orzamentos de explotación e capital das fundacións do sector público autonómico nas que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.

g) Polos orzamentos dos consorcios nos que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.

h) En todo caso, polos orzamentos das demais entidades que estean clasificadas como administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas normas do Sistema Europeo de Contas, salvo as universidades públicas.

2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma conterán:

a) Os estados de gastos, nos que se especificarán na forma establecida os créditos necesarios para darlles cumprimento ás obrigas.

b) Os estados de ingresos, nos que se detallarán as estimacións dos dereitos económicos que se liquidarán durante o exercicio orzamentario.

c) Os estados financeiros dos organismos autónomos comerciais, industriais ou financeiros aos que fai referencia o artigo 11 desta lei.

d) Os estados financeiros das sociedades públicas autonómicas, entes de dereito público e demais entidades con personalidade xurídica propia que formen parte do sector administracións públicas, segundo o Sistema Europeo de Contas».

Disposición adicional única

A orde de elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada ano determinará as concretas entidades ás que fai referencia o artigo único desta lei, así como o formato e os prazos para que acheguen a súa proposta de orzamento.

Disposición derradeira única

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente