DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 09 de xullo de 2009 Páx. 11.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 3 de xullo de 2009 pola que se modifica a Orde do 15 de xuño de 2009 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

Co obxecto de mellorar a eficacia na aplicación da delegación competencial realizada por medio da Orde do 15 de xuño de 2009 a prol de órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, e facilitar o desenvolvemento das funcións inherentes á citada delegación, cómpre realizar as modificacións necesarias para acadar os obxectivos pretendidos.

As modificacións que cómpre realizar atinxen aspectos concretos como son os relativos á tramitación dos expedientes de contido económico e orzamentario correspondentes ao eido competencial da Consellería de Sanidade, así como ao exercicio polas xefaturas territoriais da competencia para a resolución das solicitudes de autorización de funcionamento das oficinas de farmacia.

No primeiro caso, trátase de manter o nivel da delegación competencial nos límites necesarios para evitar eventuais disfuncións ou distorsións na actividade económica e orzamentaria da Consellería de Sanidade, que é exercida de xeito delegado polas unidades correspondentes da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

No segundo caso, trátase de recoller expresamente a delegación realizada por virtude da Resolución do 23 de novembro de 2001, co obxecto de que as actuais xefaturas territoriais poidan continuar resolvendo sobre as autorizacións de funcionamento de oficinas de farmacia no respectivo ámbito territorial.

Na súa virtude, facendo uso das facultares que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a letra b) do artigo 1º da Orde do 15 de xuño de 2009, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, que queda redactado como segue:

«b) Autorizar e dispoñer os gastos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados, recoñecer as obrigas, propoñer a ordenación dos pagamentos correspondentes e propoñer e aprobar as modificacións orzamentarias que correspondan á conselleira».

Artigo 2º

Introdúcese unha disposición transitoria primeira na Orde do 15 de xuño de 2009, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, que pasará a ter a seguinte redación:

«Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se creen na secretaría xeral as unidades precisas para o desenvolvemento das funcións que lle corresponden en materia económica, orzamentaria e de persoal a que se refiren as letras b), c) e f), números 3 e 6, as ditas funcións serán exercidas, coa superior dirección daquela, polas correspondentes unidades das direccións de Recursos Económicos e Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

Segunda.-Os expedientes en materia económica, orzamentaria e de persoal correspondentes á Consellería de Sanidade, que estean en tramitación no período comprendido entre a entrada en vigor do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e a entrada en vigor desta orde, tramitaranse de conformidade co previsto na disposición adicional desta».

Artigo 3º

Modifícase o artigo 3º da Orde do 15 de xuño de 2009, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, que queda redactado como segue:

«Terceiro.-Delégase nas xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade, en relación co persoal, a autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos. Igualmente, respecto dos créditos que sexan obxecto de desconcentración, delégase a aprobación dos actos de autorización e disposición de créditos, o recoñecemento das obrigas, a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos e as competencias como órgano de contratación, coa excepción daqueles expedientes reservados á aprobación previa do Consello da Xunta de Galicia.

Respecto aos créditos do capítulo II, delégase a autorización e disposición de gastos ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos polo secretario xeral da consellería, e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

Así mesmo, delégase nas xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade a resolución das solicitudes de autorización de funcionamento solicitadas en relación cos expedientes de apertura, traslado, transmisión e modificación de oficinas de farmacia».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2009.

Mª del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade