DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.122

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de agosto de 2009 pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de cualificación profesional inicial, ciclos formativos de grao medio e ciclos formativos de grao superior.

A Orde do 9 de xaneiro de 2009 (DOG do 21 de xaneiro) ditou as normas para a aplicación, a partir do curso académico 2009-2010, do réxime de concertos educativos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, así como na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Vistas as solicitudes presentadas polos titulares dos centros docentes privados, cumpridos todos os trámites previstos na citada Orde do 9 de xaneiro de 2009 e, tendo en conta a proposta formulada pola dirección xeral de centros e recursos humanos.

Esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Aprobar os concertos educativos cos centros docentes privados que se relacionan nos anexos desta orde e que terán unha duración de catro anos.

1. Os concertos educativos correspondentes ás ensinanzas de educación infantil, anexo I.

2. Os concertos educativos correspondentes ás ensinanzas de educación primaria e educación secundaria obrigatoria, anexo II.

3. Os concertos educativos correspondentes ás ensinanzas de educación especial, anexo III.

4. Os concertos educativos correspondentes ás ensinanzas de ciclos formativos de grao medio, anexo IV.

5. Os concertos educativos correspondentes ás ensinanzas de programas de cualificación profesional inicial, anexo V.

6. Os concertos educativos correspondentes ás ensinanzas de ciclos formativos de grao superior, anexo VI.

7. Aprobar a formación en centros de traballo, anexo VII, para os ciclos formativos de grao medio e grao superior de duración dun curso, que se realizará nos meses de setembro a novembro de 2009.

8. Aos centros que se reflicten no anexo VIII dotaráselles de financiamento, polo número de horas que nel se especifica, dos servizos de orientación educativa.

Segundo.-O documento administrativo de formalización de concerto educativo, anexo IX, será asinado polo titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular do centro privado ou persoa con representación debidamente acreditada.

Se o titular do centro privado non subscribise o documento de formalización na data que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

Terceiro.-Esta orde orde terá efectos económicos e administrativos do 1 de setembro de 2009.

Cuarto.-Contra esta disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "17000D006P010.PDF"

ANEXO IX

En Santiago de Compostela, o 31 de agosto de 2009.

Dunha parte:

Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Doutra parte:

Don/Dona..............................................................na condición de titular/representante legal do centro do cal se expresan a continuación os datos:

Denominación:......................................................

Código:..................................................................

Enderezo:..............................................................

Localidade:...........................................................

Concello:...............................................................

Provincia:..............................................................

A teor do disposto nos artigos 3.2º e 25 do Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, aprobado por Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro (no sucesivo regulamento), e de acordo coa Orde do 10 de agosto de 2009,

ACORDAN:

Subscribir o concerto educativo, de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira.-Este concerto educativo ten por obxecto o sostemento do centro privado con fondos públicos para a prestación do servizo público da educación nos termos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, modificada pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Por este concerto o centro asume as obrigas establecidas nas devanditas leis orgánicas, no regulamento, na Orde do 9 de xaneiro de 2009, pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2009-2010, así como nas demais normas que lle sexan aplicables.

Segunda.-De acordo co establecido na Orde do 26 de agosto de 2009 (DOG do 31 de agosto), pola que se resolve a concesión dos concertos educativos, este concerto terá a seguinte extensión e duración:

(*)

(*) Indicarase o nivel ou niveis educativos, número de unidades e período polo que se concerta. No caso de formación profesional especificarase familia profesional ou ciclo formativo e no de educación especial expresarase a modalidade.

Terceira.-A Administración está obrigada á asignación de fondos públicos para o sostemento do centro concertado nos termos sinalados nos artigos 116 da LOE e 12 e 13 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

A Administración educativa satisfaralle ao persoal docente do centro os salarios correspondentes, como pagamento delegado e en nome da entidade titular do centro, sen que estes signifiquen relación laboral algunha entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o mencionado persoal docente.

Cuarta.-O titular do centro está obrigado a impartir as ensinanzas obxecto deste concerto gratuitamente, sen percibir ningún concepto que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola impartición das ditas ensinanzas, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e plans de estudo e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor.

Quinta.-O titular do centro está obrigado, así mesmo, a que as actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e servizos complementarios que, se é o caso, se realicen no centro, se adecúen ao disposto no artigo 51 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, e no Decreto 444/1996, do 13 de decembro (DOG do 2 de xaneiro de 1997), polo que se regulan as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

Sexta.-Polo concerto, o titular obrígase ao cumprimento das normas de admisión de alumnos que se establecen no artigo 84 da Lei orgánica de educación, no Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Orde do 17 de marzo de 2007 (DOG do 19 de marzo), pola que se regula o procedemento para admisión do alumnado no segundo ciclo de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, e demais normativa aplicable ao procedemento de admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos.

Sétima.-O titular do centro obrígase a manter e, se é o caso, a constituír os órganos de goberno a que se refire o artigo 54 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, o artigo 26 do mencionado Real decreto 2377/1985 e a Orde do 28 de agosto de 1996, pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados.

Oitava.-Mediante sinatura do concerto o titular do centro obrígase, durante a vixencia deste, á colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na xestión dos programas de gratuidade de libros de texto e nas axudas ou bolsas que se establezan para a adquisición de libros de texto e materiais escolares, e que afecten ao alumnado do centro.

Novena.-A provisión de vacantes do persoal docente que se produzan no centro concertado realizarase conforme o disposto no artigo 60 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación e no artigo 26.3º do mencionado Real decreto 2377/1985.

Décima.-Independentemente do número de unidades autorizadas, o centro unicamente terá en funcionamento, en niveis de ensino obrigatorio, o número de unidades concertadas; non obstante, isto non lle será de aplicación se o centro está a acceder de xeito progresivo ao réxime de concertos.

Décimo primeira.-O titular do centro concertado deberá facer constar na súa denominación, na súa documentación e na súa publicidade a condición de centro concertado.

Igualmente o titular deberá poñer en coñecemento dos membros da comunidade escolar e, se é o caso, das autoridades competentes o carácter propio do centro, no suposto de que o tivese.

Décimo segunda.-Para a execución do concerto o titular do centro adoptará as seguintes medidas:

1. Para os efectos do aboamento das cantidades correspondentes a salarios facilitaralle á administración educativa competente as nóminas do persoal docente, as liquidacións das cotizacións á Seguridade Social mediante a formalización e remisión dos documentos oficiais de cotización correspondentes, así como os partes de alta, baixa ou alteración.

2. As altas e baixas do persoal docente no réxime da Seguridade Social xestionaraas o titular do centro na súa condición de empregador na relación laboral. As devanditas circunstancias deberán ser acreditadas por este ante a administración educativa competente.

As responsabilidades que puidesen derivarse do incumprimento das obrigas de altas, baixas e liquidación de cotizacións, serán por conta do titular do centro.

3. Nas nóminas relacionaranse os profesores correspondentes ás unidades concertadas sen que, en ningún caso, o custo de cada unidade, excluída a antigüidade, poida exceder dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento de centros concertados.

Así mesmo, a listaxe das nóminas incluirá as circunstancias que concorren en cada profesor para efectos de determinar o soldo, a antigüidade, a cotización á Seguridade Social e outras posibles variantes.

4. Todas as actividades do profesorado do centro concertado, tanto lectivas coma non lectivas, retribuídas pola Administración, prestaranse no nivel de ensino obxecto deste concerto.

5. As cantidades aboadas durante o ano pola Administración, en concepto de outros gastos, xustificaranse ao longo do mes de xaneiro do ano seguinte mediante a presentación polo titular da certificación do acordo do Consello Escolar aprobatorio das contas.

Para a xustificación das cantidades aboadas en concepto de persoal complementario achegaranse orixinais ou copias compulsadas das nóminas e TC2 da Seguridade Social do persoal contratado. Estas cantidades xustificaranse, no mesmo prazo, separadamente das do concepto outros gastos.

O titular do centro obrígase a conservar a documentación orixinal acreditativa dos gastos xustificados e a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino dos importes recibidos.

Décimo terceira.-Para a renovación, prórroga e/ou modificación deste concerto observarase o disposto no título V do Regulamento e na Orde do 9 de xaneiro de 2009.

Décimo cuarta.-Serán causas de extinción deste concerto as sinaladas no título VI do mencionado Real decreto 2377/1985.

E para que así conste, na data e lugar antes indicado, asinan este documento por triplicado,

Polo centro privado Pola Consellería de Educación e

Asdo.: Ordenación Universitaria

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro