DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 07 de setembro de 2009 Páx. 14.465

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 3 de setembro de 2009 pola que se desenvolve o procedemento, a organización e o funcionamento do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Preámbulo

O Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, en que se aproba o procedemento básico para a certificación enerxética de edificios de nova construción, é unha das medidas de desenvolvemento do Plan de acción de aforro e eficiencia enerxética no sector da construción en España, e é unha transposición parcial da Directiva 2002/91/CE. Este real decreto ten como obxectivo principal establecer o procedemento básico que debe cumprir a metodoloxía de cálculo da cualificación de eficiencia enerxética, considerando os factores de maior incidencia no consumo de enerxía dos edificios de nova construción ou que se modifiquen, reformen ou rehabiliten nunha extensión determinada.

O Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seus artigos 17 (Constitución do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios) e 18 (Obxecto do rexistro), é por isto que esta orde pretende desenvolver o procedemento, a organización e o funcionamento do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a elaboración desta norma tivéronse en conta os preceptos e condicións precisas do réxime autorizatorio establecidos na Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de decembro de 2006 relativa aos servizos no mercado interior (DOUE L376, do 27-12-2006. Neste senso, a autorización de axentes a que se refire os capítulos I e II desta orde cumpre coas condicións e criterios establecidos nos artigos 9 e 10 da referida directiva, e non supedita o acceso á condición de entidade autorizada aos requisitos prohibidos no seu artigo 14 ou aos requisitos que precisan avaliación que figuran no artigo 15.2º.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de aforro e eficiencia enerxética e das facultades que me foron conferidas, na súa virtude,

DISPOÑO

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento, a organización e o funcionamento do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética, tanto en fase de proxecto como de edificio rematado de edificios situados na Comunidade Autónoma de Galicia, que se crea no artigo 17 do Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro de 2009, polo que se regula a Certificación Enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Obriga de inscrición no rexistro.

1. O/a promotor/a ou propietario/a de todo edificio incluído no ámbito de aplicación do Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a Certificación Enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, por si mesmo ou a través dunha entidade de control de calidade na edificación acreditadas na área de eficiencia enerxética (en diante ECCE-EE), está obrigado á inscrición no rexistro dos correspondentes certificados de eficiencia enerxética, tanto de proxecto, como do edificio rematado.

2. Non se admitirá a inscrición no rexistro de ningún certificado que non incorpore toda a documentación regulamentariamente exixida. En especial, non se permitirá a inscrición de certificados que non dispoñan da correspondente acta de verificación, coa sinatura e selo da ECCE - EE responsable do control externo, nos casos en que sexa obrigatorio.

Artigo 3º.-Suxeitos responsables da inscrición no rexistro.

1. O/a promotor/a ou propietario/a virá obrigado á inscrición, así como á renovación e modificación no rexistro dos correspondentes certificados de eficiencia enerxética. Poderá encomendar a unha ECCE-EE a incorporación no rexistro da documentación requirida para a correcta solicitude de inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dun edificio.

2. No caso anterior, o/a promotor/a ou propietario/a deberá dar a conformidade á documentación, previamente incorporada pola ECCE - EE na solicitude de inscrición, para que teñan efecto os trámites correspondentes que completan a correcta inscrición no rexistro dos certificados de eficiencia enerxética.

Capítulo II

Inscrición no rexistro

Artigo 4º.-Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética.

1. A cada certificado de eficiencia enerxética, independentemente do número de cualificacións enerxéticas que conteña, asignaráselle un código único de Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética.

Artigo 5º.-Prazos e condicións.

1. Establécense os seguintes prazos para a inscrición no rexistro dos certificados de eficiencia enerxética dun edificio:

a) No caso de certificados de eficiencia enerxética dun edificio en fase de proxecto, suxeitos a control externo, dentro dos 30 días naturais contados desde a data de emisión da acta de verificación do certificado.

b) No caso de certificados de eficiencia enerxética dun edificio en fase de proxecto, non suxeitos a control externo, dentro dos 30 días naturais contados desde a data de visado, polo colexio profesional, do proxecto de execución do edificio.

c) No caso de certificados de eficiencia enerxética de edificio rematado, suxeitos a control externo, dentro dos 30 días naturais a contados desde a data de emisión da acta de verificación do certificado.

d) No caso de certificados de eficiencia enerxética de edificio rematado, non suxeitos a control externo, dentro dos 30 días naturais contados desde a data de emisión da acta de recepción da obra.

2. A inscrición no rexistro do certificado de eficiencia enerxética do proxecto é condición necesaria para poder iniciar a execución das obras do edificio.

3. A inscrición no rexistro do certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado é condición necesaria para a solicitude da licenza de primeira ocupación ou, se é o caso, de actividade.

Artigo 6º.-Modalidades de inscrición no rexistro.

A inscrición no rexistro dun certificado de eficiencia enerxética poderá ser realizada optando por algunha das seguintes alternativas:

1. Solicitude presencial.

a) O/a promotor/a ou propietario/a do edificio poderá presentar de xeito presencial a solicitude de inscrición no rexistro dun certificado de eficiencia enerxética cubrindo con medios electrónicos os modelos que se achegan no anexo I e no anexo II desta orde e que estarán dispoñibles no enderezo da internet http://www.xunta.es.

b) Para a solicitude presencial de inscrición no rexistro do certificado de eficiencia enerxética dun edificio achegarase a documentación que se describe nos artigos 8º e 9º desta orde, nos formatos e soportes definidos, así como o xustificante de pagamento da taxa vixente legalmente establecida.

c) A solicitude de inscrición no rexistro de xeito presencial poderá presentarse en calquera dos lugares establecidos no artigo 7 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, e no disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coas modificacións introducidas pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

d) A documentación presentada enviarase ao Instituto Enerxético de Galicia para a súa validación técnica antes da confirmación do código de rexistro.

e) O código de rexistro será outorgado pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, e a confirmación do código asignado será notificada ao/á solicitante segundo o disposto no artigo 59 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e incluirá:

i) Código único de rexistro, dando validez ao certificado de eficiencia enerxética.

ii) Tipo de documento, indicativo da natureza do documento que se rexistra: certificado de eficiencia enerxética de proxecto ou de edificio rematado.

2. Solicitude telemática.

a) A solicitude telemática de inscrición no rexistro dun certificado de eficiencia enerxética, realizarase a través do enderezo da internet http:www.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 5.2º do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

b) Estará dispoñible todos os días do ano durante as vinte e catro horas, orixinándose a consignación electrónica de hora e data, que respecto a esta última producirá os mesmos efectos que o procedemento administrativo establece para o cómputo de termos e prazos.

c) A solicitude telemática de inscrición no rexistro dun certificado de eficiencia enerxética, efectuarase conforme os modelos que se achegan no anexo I e anexo II desta orde e que estará dispoñible para a súa formalización e tramitación no enderezo da internet http:www.xunta.es.

d) Para realizar calquera tipo de tramitación telemática será necesario posuír un certificado dixital de acordo co establecido no artigo 5.4º do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

e) Para a solicitude telemática de inscrición no rexistro do certificado de eficiencia enerxética dun edificio achegarase a documentación necesaria para a inscrición no rexistro, que se describe no artigo 8º desta orde, así como o aboamento da taxa vixente legalmente establecida.

f) Os soportes e formatos de presentación de devandita documentación serán os que se establecen no artigo 9º desta orde.

g) A documentación presentada enviarase ao Instituto Enerxético de Galicia para a súa validación técnica antes da confirmación do código de rexistro.

h) O código de rexistro será outorgado pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e a asignación deste código único e definitivo será notificada ao/á solicitante por vía telemática e incluirá, como mínimo, a seguinte información:

i) Código único de rexistro, dando validez ao certificado de eficiencia enerxética.

ii) Tipo de documento, indicativo da natureza do documento que se rexistra: certificado de eficiencia enerxética de proxecto ou de edificio rematado.

Artigo 7º.-Acceso aos datos do rexistro.

1. O acceso ao rexistro será telemático a través do enderezo da internet http:www.xunta.es.

2. O acceso ao rexistro queda limitado aos datos contidos na/s etiqueta/s de eficiencia enerxética.

3. O rexistro ten carácter público, producirá efectos exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo independente de calquera outro que exista ou puidese ser creado por outros organismos públicos.

Capítulo III

Documentación que hai que entregar no rexistro

Artigo 8º.-Documentación esixida para a inscrición no rexistro.

1. No caso de solicitude presencial de inscrición no Rexistro dun certificado de eficiencia enerxética, a dita solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Unha copia do certificado de eficiencia enerxética, de acordo co modelo establecido no anexo II desta orde. En todos os casos os certificados irán asinados polo/a promotor/a e visados polo correspondente colexio profesional.

b) Unha copia, en formato e soporte dixital, da seguinte documentación:

i) Opción simplificada vivendas: táboas xustificativas e cálculos realizados para a obtención da cualificación de eficiencia enerxética.

ii) Opción xeral Calener VYP: arquivos xerados polo programa coas extensións: *.pdf, *.xml, *.cte.

iii) Opción xeral Calener GT: arquivos xerados polo programa coas extensións: *.pdf, *.inp, *.pd2, *.pdl, así como outros ficheiros (librarías de equipos, etc.), necesarios para a completa e correcta visualización da cualificación de eficiencia enerxética co programa Calener GT.

iv) Opción de cualificación alternativa ás anteriores: descrición das características enerxéticas do edificio, envolvente térmica, instalacións, condicións normais de funcionamento e ocupación e demais datos utilizados para obter a cualificación enerxética do edificio, de acordo co establecido no Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro.

c) En caso de certificados de eficiencia enerxética suxeitos a control externo, ademais do anterior, unha copia da acta de verificación do certificado de eficiencia enerxética emitida pola ECCE-EE, cuberta con medios electrónicos, impresa en papel e con sinatura manuscrita, de acordo co modelo que se establecerá na orde que regule o control externo da certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción en Galicia.

2. En caso de solicitude telemática de inscrición no rexistro dun certificado de eficiencia enerxética, a dita solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de eficiencia enerxética, de acordo co modelo establecido no anexo II desta orde. En todos os casos os certificados irán asinados electronicamente polo/a promotor/a e visados polo correspondente colexio profesional.

b) Documentación relativa á cualificación de eficiencia enerxética do edificio, que en función da opción elixida para a obtención da devandita cualificación, será a seguinte:

i) Opción simplificada vivendas: táboas xustificativas e cálculos realizados para a obtención da cualificación de eficiencia enerxética.

ii) Opción xeral Calener VYP: arquivos xerados polo programa coas extensións: *.pdf, *.xml, *.cte.

iii) Opción xeral Calener GT: arquivos xerados polo programa coas extensións: *.pdf, *.inp, *.pd2, *.pdl, así como outros ficheiros (librarías de equipos, etc.), necesarios para a completa e correcta visualización da cualificación de eficiencia enerxética co programa Calener GT.

iv) Opción de cualificación alternativa ás anteriores: descrición das características enerxéticas do edificio, envolvente térmica, instalacións, condicións normais de funcionamento e ocupación e demais datos utilizados para obter a cualificación enerxética do edificio, de acordo co establecido no Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro.

c) En caso de certificados de eficiencia enerxética suxeitos a control externo, ademais do anterior, acta de verificación do certificado de eficiencia enerxética emitida pola ECCE-EE e asinada electronicamente, de acordo co modelo que se establecerá na orde que regule o control externo da certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción en Galicia.

3. Cando o/a promotor/a ou propietario/a sexa persoa xurídica deberase presentar poder de representación do representante legal.

Artigo 9º.-Soportes e formatos de presentación de documentación.

1. Os formatos dixitais da documentación que hai que achegar para a solicitude de inscrición no rexistro serán os seguintes:

a) Planos: arquivos en formato dixital compatible co programa Calener VYP (*.dxf, *.bmp) ou arquivos en formato *.dwg.

b) Resto de documentación: arquivos en formato dixital compatible con software comercial.

2. En caso de solicitude presencial, a copia da documentación que hai que achegar en formato dixital farase nun soporte individual das seguintes características:

a) Tipo de soporte: CD ou DVD de 12 cm.

b) Formato ISO/IEC DIS 9660:1999, con ou sen extensión Joliet.

c) Gravación sen multisesión.

3. Os soportes dixitais individuais levará unha etiqueta adherida no exterior en que se farán constar os datos que se indican a continuación, necesariamente na mesma orde:

a) Tipo de certificado que se rexistra: CEE proxecto ou CEE edificio rematado.

b) Opción de cualificación empregada no certificado.

c) Número de solicitude de rexistro do certificado de eficiencia enerxética. Será cuberto polo rexistro no momento da solicitude.

d) Nome, apelidos/razón social do/a solicitante.

e) Código de identificación fiscal (CIF), documento nacional de identidade (DNI) do/a solicitante.

f) Número de teléfono de contacto telefónico do/a solicitante.

g) Número total de arquivos que inclúe o soporte.

h) Finalmente, no caso de que a documentación que se entregue implique utilizar máis dun soporte, incorporarase unha nova etiqueta numerada secuencialmente: 1/n, 2/n, etc., sendo n o número total de soportes por copia.

4. O rexistro terá a obriga de conservar toda a documentación achegada para as solicitudes de inscrición durante, polo menos, 15 anos.

Artigo 10º.-Prazos e condicións para a emenda de defectos.

Cando un soporte dixital presentado no rexistro non se axuste ás especificacións establecidas nesta orde, ou non resulte posible o acceso á documentación contida nel, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ou o Instituto Enerxético de Galicia procederán segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que disporá dun prazo de 10 días naturais contados desde a data de recepción da notificación para emendar a documentación solicitada.

Disposicións transitorias

Primeira.

Ata a implementación dos correspondentes sistemas telemáticos para o procedemento de rexistro de certificados de eficiencia enerxética, a solicitude de rexistro, o acceso e a xestión realizaranse mediante a alternativa descrita no artigo 6º.1 desta orde. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas publicitará a través da súa páxina web o momento en que estea operativo este sistema telemático.

Segunda.

Mentres non se estableza a taxa de rexistro de certificados de eficiencia enerxética que será obxecto de aprobación na Lei xeral de orzamentos, aplicarase a taxa de inscrición en rexistros oficiais contida no número 2 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento e execución.

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía para que leve a cabo cantas actuacións sexan necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO II

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO A

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO A (continuación)

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO B

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO B (continuación)

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO C

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

ANEXO C (continuación)

Ver referencia pdf "17500D001P005.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA