DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 30 de novembro de 2009 Páx. 18.371

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia.

A garantía da mobilidade dos cidadáns e a adecuada ordenación do territorio requiren de actuacións activas dos poderes públicos e, especificamente, da garantía dun sistema de transporte eficaz e eficiente.

O sector económico do transporte por estrada, último garante da calidade do sistema, tense que adaptar ás importantes novidades que presentará a curto prazo a ordenación xurídica da materia, coa próxima introdución de modificacións normativas procedentes do ámbito comunitario e estatal.

Por este motivo, nesta lei apróbanse as bases do Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, co que se introducen actuacións -unhas de xeito inmediato e outras a curto prazo- tanto respecto das frotas de vehículos como de materias tan sensibles como a flexibilización na explotación, o sistema de tarifas ou a materia sociolaboral.

Por outra parte, a actual situación económica obriga a todos os interlocutores sociais a buscar medios que conxuguen unha optimización dos servizos e medios públicos, e isto é especialmente apreciable no ámbito do transporte escolar. Esta actividade representa un custo para as arcas públicas superior ao sufragado por calquera outra comunidade autónoma, polo que unha ordenación desta actividade que permita unha mellor optimización de recursos resulta así inaprazable.

Esta lei dítase ao abeiro da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o transporte terrestre por estrada que se desenvolve integramente no seu territorio, consonte o artigo 27 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia.

Artigo 1º.-Servizos públicos de transporte regular permanente de uso xeral.

1. Por esta lei apróbanse as bases do Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral por estrada de Galicia, que se incorporan como anexo a ela e cuxo desenvolvemento (Plan de modernización) se aprobará mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

2. O Plan de modernización, unha vez aprobado, será de aplicación directa e inmediata para todos os titulares de concesións que estean vixentes no momento da entrada en vigor desta lei, concesións que verán incrementado o seu prazo de vixencia en dez anos contados desde a data establecida para o seu vencemento. Tanto para a incorporación do Plan de modernización ás condicións do título concesional como para a modificación do prazo das respectivas concesións non se requirirá de acto administrativo ningún, e ambos resultarán de aplicación directa coa entrada en vigor desta lei e a aprobación da resolución que a desenvolva.

Non obstante o establecido no parágrafo anterior, os concesionarios que non desexen incorporar as súas concesións ao Plan de modernización cuxas bases se aproban, e a conseguinte ampliación do prazo de vixencia da concesión, deberán comunicarllo expresamente á dirección xeral competente en materia de transportes no prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte á aprobación do Plan de modernización. Neste último suposto, a dirección xeral ditará resolución pola que se acepta a renuncia con efectos desde o mesmo momento da entrada en vigor desta lei, e o contrato continuará ata o seu vencemento.

Sen prexuízo das propias previsións determinadas no Plan de modernización, o incumprimento por parte do concesionario de obrigas, termos ou condicións establecidas naquel será constitutivo da infracción tipificada no artigo 140.15º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e dará lugar ás sancións que esta lei establece para a dita infracción, incluída, se é o caso, a caducidade da concesión.

3. As persoas ou empresas que no momento da entrada en vigor desta lei exploten servizos de transporte público regular interurbano permanente de persoas por estrada de uso xeral de titularidade da Xunta de Galicia, con base no previsto na disposición adicional décima da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, continuarán na súa explotación ata o 2 de decembro de 2019, e resultaralles de aplicación directa e inmediata o Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia.

A continuidade na explotación producirase sen necesidade de requirimento previo por parte da Administración e será obrigatoria para o prestatario do servizo se no prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte á aprobación do Plan de modernización, non lle comunica formalmente á dirección xeral competente en materia de transportes a súa renuncia expresa á dita continuidade.

Durante este período de continuidade na explotación, os prestatarios dos servizos manterán, para todos os efectos, a condición contractual de concesionarios, e seranlles aplicables as previsións da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres; e manterán, polo tanto, o dereito a percibir pola prestación dos servizos as tarifas que resulten aplicables conforme o anterior título contractual e o Plan de modernización.

No suposto de renuncia á continuidade na prestación destes servizos, ou no caso de renuncia ou abandono dos servizos incluídos no número anterior, a Administración poderá concertar a súa explotación polo prazo resultante ata chegar á data prevista no parágrafo primeiro deste número, preferentemente cos prestatarios daqueloutros servizos que, situados nas súas proximidades, garden interrelación con eles.

Non obstante, no suposto de que a renuncia sexa consecuencia dunha extrema situación de debilidade de tráficos, a Administración concertará co anterior concesionario renunciante a prestación destes.

Artigo 2º.-Optimización dos recursos públicos nos servizos de transporte escolar.

1. Coa entrada en vigor desta lei, de xeito directo e inmediato modifícase o conxunto de contratos concertados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a prestación de servizos de transporte público regular permanente de uso especial de escolares a centros educativos públicos, no seguinte sentido:

-Establécese unha prórroga automática dos contratos, de carácter anual, e que se producirá de xeito sucesivo ata o 31 de decembro de 2020, agás supostos de supresión do servizo.

-A partir da facturación correspondente ao 1 de xaneiro de 2010 minórase o seu importe nun 7% respecto do importe que se aboara no ano 2009.

2. A administración competente en materia de contratación do transporte escolar a centros públicos poderá asinar un concerto para a prestación do servizo con aquelas empresas que durante o ano 2009 prestasen servizos de transporte regular de uso especial de escolares durante máis de tres meses consecutivos, se os ditos servizos deben continuar na súa explotación en 2010. A estes concertos seranlles de aplicación plena as condicións previstas nos números anteriores deste mesmo artigo; a súa vixencia máxima será ata o 31 de decembro de 2020 e o seu importe o correspondente á aplicación das minoracións antes referidas.

Ante a aparición de novas necesidades que non poidan ser atendidas polos contratos preexistentes, a administración competente modificará estes contratos nos termos neles previstos. No suposto de non resultar posible cubrir desta forma as necesidades, procederase á súa licitación por un procedemento aberto.

3. As empresas que veñan prestando os servizos de transporte escolar previstos neste artigo poderán renunciar á aplicación da modificación establecida nel, e deberán presentar a dita renuncia de forma expresa ante a consellaría competente para a contratación destes servizos no prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte ao de entrada en vigor desta lei, suposto no que continuará o contrato ata o seu vencemento, logo do que se procederá á súa licitación por un procedemento aberto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Suficiencia dos servizos.

A explotación dos servizos de transporte público regular de persoas por estrada de uso xeral farase, en todo caso, con suxeición aos principios de risco e ventura e de equilibrio económico-financeiro, partindo da situación actual de equilibrio baseado no contido dos dereitos concesionais regulado nos correspondentes títulos e na normativa vixente aplicable a estes.

Salvo no caso de presentación da renuncia expresa do concesionario á aplicación do Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, a súa aceptación suporía que, no caso de que se considerase que inicialmente a explotación se encontra equilibrada en termos económico-financeiros, non se podería recorrer a beneficios ou achegas das administracións públicas nin a dereitos sobre calquera outros servizos non contratados directamente pola propias administracións, con excepción das bonificacións de tarifas acordadas pola Xunta de Galicia no marco da súa política de tarifas para o transporte metropolitano, ou de proxectos puntuais introducidos expresamente no marco destes plans de transporte metropolitano.

Segunda.-Subordinación recíproca das actuacións previstas nesta lei.

1. Non obstante as previsións contidas nesta lei, a renuncia presentada nos prazos establecidos á aplicación do Plan de modernización por empresas que representen máis do 10% do número total de concesións, ou un número menor pero que represente máis do 10% do total de km/bus/ano do conxunto de servizos concesionais, determinará que por resolución da consellaría competente en materia de transportes se declare, no prazo de catro meses contados desde a data de entrada en vigor desta lei, a perda de efectos das previsións establecidas respecto do Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia e das referentes á optimización de recursos públicos no transporte escolar, e estimaranse revogados con base nesta disposición todos os actos ou dereitos que ata ese momento se ditasen ou recoñecesen, expresamente os referidos a modificacións dos prazos dos contratos, sen dereito a ningunha indemnización por parte dos

prestatarios de servizos.

2. Neste caso, as persoas e empresas que xestionen servizos de transporte público interurbano regular permanente de persoas por estrada de uso xeral de titularidade da Xunta de Galicia, unha vez vencido o prazo dos correspondentes títulos contractuais, continuarán na súa explotación ata o 31 de decembro de 2015.

A partir desta data, prolongarán a prestación dos seus servizos ata a adxudicación e o comezo da explotación dos novos servizos de transporte que veñan substituír a aqueles. O prazo para a licitación sucesiva dos pertinentes contratos e inicio na explotación dos novos servizos polos seus adxudicatarios non será posterior ao 31 de decembro de 2018.

A continuidade na explotación producirase sen necesidade de requirimento previo por parte da Administración e será obrigatoria para o concesionario durante o prazo dun ano contado desde a data de vencemento da correspondente concesión.

Transcorrido este prazo, será igualmente obrigatoria para o prestatario do servizo se no prazo de quince días naturais contados desde a data de publicación da resolución indicada no número 1 desta disposición non lle comunica formalmente á Administración a súa renuncia expresa á dita continuidade. No suposto de formular a dita comunicación, establécese a obriga contractual de continuar na explotación durante un prazo de catro meses contados desde a data en que a dita comunicación tivese entrada na dirección xeral competente en materia de transportes ata a entrada na explotación do novo prestatario.

Durante o período de continuidade na explotación prevista neste artigo, os prestatarios dos servizos manterán, para todos os efectos, a condición contractual de concesionarios, e seralle aplicable ao servizo e á súa prestación a regulación establecida pola Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, mantendo, polo tanto, o dereito a percibir pola prestación dos servizos as tarifas que resulten aplicables conforme o anterior título contractual e a solicitar e obter as conseguintes revisións.

Nos supostos de renuncia á continuidade na prestación dos servizos, a Administración actuará nos mesmos termos previstos na última alínea do artigo 1º desta lei.

3. No suposto previsto no número anterior, por acordo das consellarías competentes en materia de transportes e en materia de contratación de transporte a centros educativos públicos, optarase por licitar por procedementos abertos os contratos de transporte escolar ou por dispoñer a continuidade parcial daqueles contratos que teñan unha maior vinculación cos servizos concesionais, e a súa integración no marco contractual destes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No suposto de resultar imposta por normativa de rango superior ou por decisión de órganos xurisdicionais unha resolución previa dos contratos previstos nesta lei, os períodos temporais de ampliacións dos prazos de prestación de servizos que resulten da aplicación desta lei non serán tidos en consideración, en ningún caso, para os efectos de eventuais indemnizacións. Dos indicados períodos tampouco se xerará ningún dereito a indemnización no suposto de rescate anticipado dos servizos pola Administración.

Segunda.-Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta lei.

Terceira.-Esta lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

ANEXO

Bases do Plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral

por estrada de Galicia

Nos termos previstos na Lei de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia establécense as bases do Plan de modernización das concesións de transporte público permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia como vía para adiantar a implantación das actuacións máis urxentes e necesarias na rede de transporte da Comunidade Autónoma e acadar, deste modo, a modernización deste sector económico e o seu adecuado posicionamento no ámbito comparado ante a nova situación que as modificacións normativas na materia van introducir.

Os concesionarios que opten pola súa aplicación, nos termos legalmente establecidos, incorporarán o seu contido de xeito directo aos seus títulos contractuais, dos que, para todos os efectos, pasarán a formar parte.

No termo máximo de seis meses desde a data de entrada en vigor desta lei, os concesionarios deberán presentarlle á Administración un programa de implantación de actuacións que se atopen dentro das previstas nestas bases do Plan de modernización, adaptadas plenamente a elas, e no que se concreten e desenvolvan tanto a metodoloxía coma as fases temporais previstas para a implantación das singulares actuacións en cada empresa. Non presentalo en prazo, presentalo de forma incompleta ou sen cumprir os requirimentos establecidos será considerado como incumprimento das condicións esenciais da concesión, polo que a Administración deberá incoar os correspondentes expedientes de infracción e sanción ata que se acade aquela presentación, sen prexuízo das demais consecuencias previstas tanto na lei coma neste plan. Para tal efecto, esta actuación será constitutiva da infracción tipificada no artigo 140.15º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e dará lugar ás

sancións que esta lei establece para a dita infracción, incluída, se é o caso, a caducidade da concesión.

A implementación destas actuacións permitirá posicionar o sector económico en condicións adecuadas, co fin de afrontar os retos que os novos escenarios normativos na materia lle abren. E o dito posicionamento acadarase incorporando melloras sensibles nos servizos que estas empresas prestan, nun momento económico especialmente complexo, polo que as previsións de estabilidade se converten en peza básica para a súa amortización.

Contido do plan.

Sen prexuízo da vinculación inmediata coas previsións establecidas neste plan de todas aquelas empresas que se vinculen a el nos termos legalmente establecidos, no prazo máximo de seis meses contados desde a entrada en vigor da Lei de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, as referidas empresas deberán presentar un programa de implantación das actuacións previstas neste Plan de modernización, adaptado plenamente a el, e no que se concreten e desenvolvan tanto a metodoloxía coma as fases temporais previstas para a implantación das singulares actuacións en cada empresa.

Co fin de fomentar a implantación das medidas previstas nas bases do Plan de modernización, a Administración poderá establecer as liñas de apoio que en cada momento se consideren necesarias.

Na concreción das medidas dos plans de modernización terase especialmente en consideración a diferenciación entre concesións atendendo ao seu volume de servizos, e marcaranse tres niveis de requirimentos atendendo a datos de explotación do ano 2008:

-Concesións de ata 300.000 viaxeiros km/ano.

-Concesións de 300.001 a 1.500.000 viaxeiros km/ano.

-Concesións de máis de 1.500.000 viaxeiros km/ano.

Con carácter xeral, todas as propostas de innovación tecnolóxica das empresas operadoras, de acordo co contido destas bases, deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Mobilidade previamente á súa implantación.

En todo caso, e en calquera momento, a Administración poderá esixir a inmediata implantación daquelas medidas que resulten necesarias para a posta en operativa dos plans de transporte metropolitano de Galicia ou de plans de información aos usuarios.

1. Medidas tecnolóxicas e de explotación.

As empresas concesionarias, dentro do Plan de modernización, deberán prever medidas relacionadas:

-Co sistema de axuda á explotación.

-Cos sistemas de validación e venda que permitan integrar a explotación nos plans de transporte metropolitanos.

2. Melloras na calidade do servizo.

De acordo coas estratexias que determinará a Xunta de Galicia en materia de mobilidade e transportes para todos os modos de transporte da Comunidade Autónoma, as empresas operadoras de transporte por autobús deberán cumprir uns requisitos mínimos de calidade en relación cos seus servizos.

3. Melloras na frota e no equipamento.

As empresas concesionarias deberán introducir nas súas frotas as seguintes melloras:

a) Reducir a idade máxima dos vehículos que presten servizos concesionais.

b) Reducir a antigüidade media máxima da frota.

c) Adecuar a sinalización dos vehículos á normativa vixente en materia de accesibilidade.

d) Implantar a imaxe corporativa que a Administración decida.

4. Medidas sociolaborais.

4.1. Previsións para a formación e o acceso ao traballo en igualdade.

As empresas deberán presentar:

a) Plans de formación continua para os empregados, con especial énfase nos condutores.

b) Plans para a potenciación do emprego feminino.

c) Plans de fomento da contratación de discapacitados, naqueles perfís profesionais máis axeitados para o efecto.

4.2. Previsións para a estabilidade no traballo.

Os concesionarios deberán achegar a estrutura tipo con indicación numérica do cadro de persoal de empregados que tivesen adscritos para o desenvolvemento dos servizos da concesión no momento da entrada en vigor da Lei de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, con indicación dos perfís laborais e do grao de dedicación.

O dito cadro de persoal concesional tipo será tido en conta para o suposto de «sucesión de empresa» no momento do vencemento do título concesional.

5. Melloras e flexibilización da explotación.

a) Colaborar coa Administración na prestación de servizos complementarios.

b) Colaborar coa Administración á hora de transferir os datos estatísticos e de explotación do servizo.

c) Colaborar coa aplicación dos descontos legalmente establecidos por familia numerosa a cantas persoas usuarias acrediten a bordo dos vehículos tal condición.

d) Será obrigatoria a asistencia ás persoas con discapacidade, para o acceso e abandono dos vehículos, conforme o que estableza a lexislación aplicable vixente en cada momento.