DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2010 Páx. 509

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 450/2009, do 23 de decembro, polo que se modifican os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, crea a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística como instrumento fundamental para velar pola utilización racional do solo conforme o disposto no ordenamento xurídico.

En cumprimento do establecido no artigo 226.3º da citada lei, os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística foron aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.

O artigo 3 g) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística enuncia, entre as funcións deste ente, o outorgamento de autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, sen prexuízo das competencias atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia.

A nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, establecida polo Decreto 316/2009, do 4 de xuño, procede á creación, na Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dunha nova unidade, con nivel orgánico de servizo, á que lle corresponde a preparación de todas as autorizacións administrativas de competencia desta consellería, e alcanza, deste xeito, unha maior coordinación no seu outorgamento co fin de evitar prexuízos innecesarios aos administrados.

Esta atribución obedece, así mesmo, á necesidade de diferenciar claramente as funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e protección do litoral, encomendadas á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, das relativas á concesión de autorizacións administrativas nesa materia, que pasan a concentrarse na Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aí que resulte necesario eliminar das funcións da axencia a de outorgar autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Por outra banda, a experiencia e razóns prácticas aconsellan non limitar a duración do mandato do/a director/a da axencia, dada a súa especialización, a un período de catro anos, tal e como prevé o artigo 17 dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Para concluír, esta modificación trata de dar cumprimento ao establecido no artigo 6.2º d) da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e neste sentido incorpórase ao texto estatutario o principio de distribución equilibrada por sexos na composición do Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística establecida no artigo 14.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tras a proposta de modificación de estatutos formulada polo Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e tres de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO

Artigo único.-Modifícanse os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 3.g) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que queda redactado como segue:

«A potestade sancionadora e de restitución e reposición da legalidade na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, sen prexuízo das competencias atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia».

2. O artigo 17 dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística terá a seguinte redacción:

«O/a director/a da axencia será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do/a conselleiro/a competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, oído previamente o consello executivo da axencia.

O/a director/a da axencia deberá contar con titulación universitaria e con máis de cinco anos de experiencia profesional en materia de urbanismo».

3. Engádese un novo número 6 ao artigo 14 dos estatutos coa seguinte redacción:

«6. Nas propostas para a designación das persoas titulares das vogalías e da vicepresidencia da axencia atenderase ao principio de distribución equilibrada por sexos, procurando unha representación proporcionada entre homes e mulleres».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas