A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no seu artigo 2, establece que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos, baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.
A Consellería do Mar é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións, entre outras, en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura e, á través da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.
A explotación de poliquetos no litoral de Galicia continúa aumentando ano tras ano debido á gran demanda destas especies para o seu uso como cebo na pesca deportiva, cun valor económico elevado e que constitúe para as persoas dedicadas ao marisqueo unha diversificación da súa actividade, que contribúe á mellora das súas rendas.
A Consellería do Mar, segundo o establecido no Decreto 425/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994), polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regulou a explotación deste recurso no litoral de Galicia mediante a Orde do 6 de febreiro de 1998 (DOG nº 33, do 18 de febreiro) e posteriormente coa Orde do 18 de abril de 2006, os plans de explotación específicos para poliquetos (DOG nº 80, do 26 de abril).
Á vista da citada normativa, as especies que se explotan continúan a ser actualmente:
-Hediste diversicolor: miñoca vermella.
-Diopatra neapolitana: miñoca de tubo, casulo.
-Lumbrineris impatiens: engado vermello (gavilán).
-Arenicola marina: mangón, miñoca de area.
Nesta orde establécese o réxime necesario para permitir a explotación do recurso específico de poliquetos en Galicia coas garantías dunha boa xestión do recurso.
Polo tanto, examinados os plans de explotación remitidos polas entidades asociativas do sector e tendo en conta os informes emitidos polos técnicos desta consellería, e de conformidade co disposto na normativa antes citada,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2010 que se relacionan no cadro A e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forman parte do expediente, así como o indicado no artigo 3 da Orde do 18 de abril de 2006 (DOG nº 80, do 26 de abril) e as instrucións que se poidan ditar ao respecto, de seren necesarias.
2. As solicitudes de apertura deberán presentarse no modelo publicado como anexo II desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Xuntamente coas solicitudes de apertura mensuais deberán remitirse os datos de capturas relativos ao mes inmediatamente anterior conforme o modelo que se facilitará nos departamentos territoriais ademais da relación de mariscadoras/es que pretenden desenvolver a actividade. Igualmente, estes mesmos datos serán remitidos ao Servizo de Análise e de Rexistros, de xeito electrónico, ao enderezo producion.pesqueira@xunta.es.
Estes modelos tamén poderán atoparse nos enderezos web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Artigo 2º
1. Todas aquelas persoas que queiran dedicarse á extracción de poliquetos deberán figurar nun plan de explotación e estar en posesión dun permiso de explotación de poliquetos segundo o regulado no Decreto 425/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994).
2. Os armadores de embarcacións con permiso de explotación que inclúen artes de anzol e que estean utilizando poliquetos como cebo deberán solicitarlles ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar autorización para a captura de poliquetos (segundo o anexo III) indicando datas e zonas. Non se poderán realizar extraccións naquelas zonas en que existan plans de explotación.
3. Segundo o disposto no artigo 7 da Orde do 6 de febreiro de 1998, pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia, establécese, con carácter xeral para a explotación comercial, unha veda comprendida entre o 1 de novembro e o 15 de marzo, e a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, poderá modificar o dito prazo, se o considerase necesario, en función do estado do recurso.
4. Segundo a Orde do 23 de abril de 1999, modificada pola do 13 de xuño de 2001, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (hoxe en día Consellería do Mar), pola que se regula o exercicio do mergullo profesional, a aprobación dos plans de explotación con arte ou modalidade de mergullo implica a autorización para realizar o mergullo nas zonas e período de vixencia daqueles, segundo as resolucións de apertura que sexan ditadas polas xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar, sen prexuízo da correspondente aprobación para os efectos de seguridade, outorgada pola capitanía marítima correspondente, de acordo co establecido na Orde do 14 de outubro de 1997, do Ministerio de Fomento, que establece as normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas.
Disposición adicional
Única.-Presentación da solicitude do plan para o ano 2011.
1. As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión Recursos Mariños, da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e presentaranse antes do 31 de decembro, de acordo co establecido no seguinte parágrafo. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano ou no de calquera dos seus departamentos territoriais e delegacións comarcais da Consellería do Mar, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A solicitude virá acompañada do plan de explotación orixinal, catro copias, ficha resumo máis unha copia en soporte informático. No caso de que o plan se desenvolva no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas ou en espazos protexidos, declarados pola Consellería do Medio Rural, engadiranse dúas copias máis para informe da Administración ambiental competente.
As solicitudes virán asinadas pola persoa representante legal da entidade. Se a solicitude é para un plan conxunto, deberá ser asinado por todos os representantes ou constar o acordo de delegación expresa de nomeamento do representante.
2. Os departamentos territoriais, como órganos responsables da tramitación da solicitude, comprobarán que reúnen todos os requisitos; en caso contrario poráselles de manifesto por escrito ás persoas interesadas para que nun prazo de dez (10) días remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar o plan. Se así non o fixesen, considerarase que desistiron da súa petición. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro do departamento territorial da Consellería do Mar a que corresponda a tramitación, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa. A documentación presentada nun rexistro distinto poderá ser inadmitida, a menos que teña entrada naquel dentro do prazo inicial de dez (10) días conferido para a súa entrega.
3. Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas como mínimo dos aspectos sinalados no artigo 2 da Orde do 18 de abril de 2006, que serán inadmitidas, sen máis trámite.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Os plans de explotación presentados polas entidades que serviron de base para esta orde estarán dispoñibles nos servizos centrais, departamentos territoriais correspondentes da Consellería do Mar, así como na sede das entidades responsables destes. As condicións específicas de aprobación dos plans estarán dispoñibles nos anteditos lugares e ademais nos enderezos web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.
Segunda.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para o desenvolvemento desta orde e que, co obxecto da mellora da xestión dos recursos e na procura dunha explotación sustentable destes, adopte as medidas de xestión necesarias en función do estado dos recursos e dos informes emitidos polos técnicos.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2010.
Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar
Ver referencia pdf "04900D010P034.PDF"

