DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 30 de marzo de 2010 Páx. 4.549

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de marzo de 2010 pola que se establecen medidas en relación co sistema de identificación dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) 504/2008, da Comisión, do 6 de xuño de 2008, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE polo que se refire aos métodos de identificación dos équidos, establece as normas básicas da identificación equina no ámbito da Unión Europea. En transposición desta norma, o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas (DOG nº 241, do 12 de decembro), determinou medidas específicas sobre a identificación dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia. Con posterioridade publicouse o Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina en España (BOE nº 256, do 23 de outubro), que se dita con carácter

básico, ao abeiro do artigo 149.1º.13 e 16 da Constitución, e por tanto debe ser considerado naqueles aspectos particulares contrarios ás disposicións do decreto autonómico, mentres non se produce unha adaptación aos termos da norma básica.

Coa limitación descrita, esta orde publícase en aplicación da disposición derradeira segunda do Decreto 268/2008, que faculta o conselleiro do Medio Rural a ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto no decreto.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto ditar as disposicións particulares de execución do sistema de identificación e rexistro dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia establecido no Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

Artigo 2º.-Elementos de identificación e rexistro.

O sistema de identificación dos équidos no ámbito de Galicia constará dos seguintes elementos:

a) Documento de identificación individual, permanente e único para cada equino.

b) Transpondedores de aplicación parenteral que permitan o establecemento dun vínculo inequívoco entre o documento de identificación e o animal. No caso dos animais menores de 12 meses nacidos en explotacións de produción e reprodución e con destino a sacrificio, o transpondedor poderá substituírse por unha marca auricular electrónica que permita o establecemento dun vínculo inequívoco entre o documento de identificación e o animal.

c) Base de datos informatizada onde se rexistre a información sobre o animal cos seguintes datos:

1. Número permanente único.

2. Especie, sexo e raza.

3. Pelame.

4. País de nacemento.

5. Código da explotación de nacemento (REGA).

6. Data de nacemento.

7. Tipo de identificación animal.

8. Código de identificación electrónica ou da marca auricular electrónica.

9. Sistema de lectura do medio de identificación.

10. Datos do titular e cambios de titularidade.

11. Orientación do animal.

12. Nome do animal.

13. Aptitude para consumo humano.

14. Duplicados e documento substitutivo.

15. Data de morte.

16. Data de emisión do documento de identificación.

Artigo 3º.-Identificación dos équidos rexistrados.

As entidades emisoras dos documentos de identificación individual dos équidos rexistrados serán as organizacións ou asociacións oficialmente recoñecidas para a levanza do libro xenealóxico da raza do animal; ou as sucursais, con sede en España, das asociacións ou organizacións internacionais encargadas do control dos équidos destinados a competicións ou carreiras.

Artigo 4º.-Identificación dos équidos de crianza e rendemento.

1. A consellería competente en materias de sanidade e produción animal é a entidade emisora en Galicia dos documentos de identificación individual dos équidos de crianza e renda e de abasto.

2. A identificación dos équidos de crianza e rendemento en Galicia será realizada, logo de solicitude do titular, por persoal facultativo veterinario autorizado para esta función pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal, por proposta do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Artigo 5º.-Autorización de veterinarios para a identificación de équidos de crianza e rendemento.

1. O Consello Galego de Colexios Veterinarios proporá á consellería competente en materia de sanidade e produción animal a relación de veterinarios que autorizarán e rexistrarán para a realización da identificación dos équidos de crianza e rendemento. A consellería comunicará ao Consello a relación de facultativos autorizados, para os efectos da súa difusión entre os titulares de explotacións equinas que desexen proceder á identificación dos seus animais.

2. Para a súa autorización como identificadores dos animais equinos, os veterinarios deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Dispor de equipos de lectura de transpondedores que cumpran a norma UNE-EN-ISO:11785 e aptos para a lectura como mínimo de transpondedores HDX e FDX-B. A distancia mínima de lectura será de 12 centímetros.

b) Dispor dos medios informáticos adecuados para a xestión dos datos dos animais identificados e a súa transmisión á base de datos de équidos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditar os coñecementos básicos necesarios en materia de identificación equina.

3. A consellería competente en materia de sanidade e produción animal, directamente ou por proposta motivada do Consello Galego de Colexios Veterinarios, poderá retirar a autorización para a identificación do gando equino dun veterinario, no caso de se constataren probas da realización de prácticas inadecuadas no sistema de identificación dos animais equinos, cando existan defectos na formalización dos documentos de identificación, ou cando non se realice correctamente a transmisión dos datos dos animais identificados á base de datos informatizada, así como pola existencia de prácticas inadecuadas en materia de sanidade ou protección animal.

Artigo 6º.-Obrigas dos veterinarios autorizados para a identificación de équidos de crianza e rendemento.

1. Aplicar unicamente transpondedores electrónicos que reúnan os requisitos establecidos no anexo VII do Decreto 268/2008, cos códigos numéricos de identificación asignados pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

2. O transpondedor aplicarase parenteralmente, en condicións asépticas, no terzo superior esquerdo do pescozo, entre a noca e a cruz, na zona do ligamento da noca.

3. Previamente á implantación do transpondedor electrónico asegurarase de que o animal non foi identificado con anterioridade. Para tal fin, pasará o lector electrónico polo pescozo do animal para determinar a ausencia doutro dispositivo, investigará a existencia de calquera signo clínico de extracción cirúrxica dun transpondedor previo e verificará a existencia de calquera outra marca alternativa.

4. Implantar o transpondedor inxectable mediante unha agulla trocarte específica dun só uso que garanta unha aplicación adecuada infrinxindo o menor sufrimento e dano posible ao animal, observando, en todo momento, as adecuadas medidas hixiénico-sanitarias.

5. Formalizar adecuadamente todos os documentos utilizados no proceso de identificación equina, principalmente o documento de identificación Equina e, de ser o caso, e realizar as xestións pertinentes para a expedición de documentos de identificación equina duplicados ou substitutivos.

6. Asentar no Libro de Rexistro de Explotación Equina á que pertenza o équido identificado a data de identificación, nome e apelidos, código do veterinario identificador, e selo e sinatura deste.

7. Comunicar á base de datos oficial da consellería competente en sanidade e produción animal referida no artigo 2º c) desta orde a información correspondente aos animais identificados, no prazo máximo de sete días tras a implantación do identificador electrónico ao animal.

8. Recoller e tratar os restos e residuos derivados do proceso de aplicación veterinaria dos dispositivos conforme a normativa ambiental vixente.

9. Entregar aos titulares dos équidos os documentos de identificación equina correspondentes emitidos pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

Artigo 7º.-Excepcionalidade na identificación dos équidos de abasto de menos de doce meses.

1. Os équidos de abasto menores de doce meses nacidos en explotacións rexistradas como de produción e reprodución, con destino a sacrificio, poderán identificarse mediante marca auricular electrónica autorizada pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal.

2. A marca auricular electrónica poderá ser implantada directamente polo propio titular da explotación equina. Para estes efectos, o interesado solicitará na Oficina Agraria Comarcal correspondente a entrega do número de marcas necesarias para identificar os animais.

3. Os titulares das explotacións mencionadas comunicarán na Oficina Agraria Comarcal correspondente os datos dos animais identificados no prazo máximo de sete días tras a colocación da marca auricular electrónica e, en todo caso, antes da saída dos animais da explotación.

4. No caso de que os animais de abasto menores de 12 meses non se trasladen directamente a un matadoiro situado en España, os servizos veterinarios oficiais das oficinas agrarias comarcais expedirán os oportunos documentos de identificación para os animais equinos que se vaian trasladar.

Artigo 8º.-Mortes, sacrificios ou desaparicións dos animais equinos.

1. No caso de morte dun équido na Comunidade Autónoma de Galicia, o documento de identificación equina acompañará á documentación necesaria para o transporte do cadáver do animal á industria de transformación de subprodutos animais non destinados ao consumo humano autorizada.

2. As industrias de transformación de subprodutos animais non destinados ao consumo humano autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia deberán dispor dos equipos necesarios para a lectura como mínimo de transpondedores HDX e FDX-B, comprobando, en todos os casos, a identificación dos animais equinos mortos.

3. Os servizos veterinarios oficiais supervisarán que as industrias de transformación de subprodutos animais non destinadas ao consumo humano procedan á recuperación, destrución ou eliminación in situ dos identificadores electrónicos, co fin de evitar o seu uso fraudulento posterior.

4. Os matadoiros que sacrifiquen équidos na Comunidade Autónoma de Galicia, e as industrias transformadoras de subprodutos animais non destinados ao consumo humano autorizadas en Galicia, remitirán os documentos de identificación dos équidos sacrificados ou dos mortos, segundo o caso, aos respectivos servizos provinciais de Gandería da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, xunto a un arquivo informático cos datos identificadores dos animais e as datas de sacrificio ou morte.

5. Os servizos provinciais de Gandería da consellería competente en materia de sanidade e produción animal invalidarán e, se é o caso, destruirán os documentos de identificación recibidos, e enviarán, cando proceda, un certificado ao organismo emisor, ben directamente no caso de animais identificados en España, ben a través do punto de contacto do Estado membro no que foi emitido o documento de identificación equina, no se que se indique o número permanente único do animal e a data de morte ou sacrificio.

6. Nos restantes casos de morte ou sacrificio ou perda dun équido, o titular devolverá o documento de identificación equina á entidade emisora no prazo de trinta días tras o suceso. No caso de équidos de crianza e rendemento identificados en Galicia, entregarase o documento nas oficinas agrarias comarcais da consellería competente en materia de sanidade e produción animal para os efectos de tramitar a correspondente baixa na base de datos oficial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as normas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE