Primeiro.-Obxecto.
O Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu título V os criterios de admisión nos ciclos formativos de graos medio e superior de formación profesional específica.
A Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas, na súa disposición derradeira primeira, autoriza a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as normas precisas para o seu desenvolvemento, así como para fixar prazos diferentes aos previstos nesta orde para a admisión de solicitudes e para a formalización de matrícula.
Na súa virtude, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro.-Prazo de presentación de solicitudes de admisión e documentación.
1. Con independencia do réxime solicitado, ordinario ou de persoas adultas, e consonte o disposto na Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas, os prazos de presentación de solicitudes de admisión para o curso 2010-2011 serán os seguintes:
a) O prazo ordinario será do 17 de xuño ao 2 de xullo, ambos os dous incluídos.
b) O prazo extraordinario abranguerá desde o día 1 ao 13 de setembro, ambos os dous incluídos.
2. A documentación que cumprirá presentar será a establecida no artigo 12 da devandita orde, para ciclos formativos polo réxime ordinario, e no artigo 13º, para módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas.
3. Con independencia dos requisitos xerais de acceso e de acordo coa disposición adicional segunda da citada Orde do 5 de xuño de 2007 e do artigo 31 da Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, a admisión ao ciclo formativo de grao medio de mergullo a media profundidade requirirá ter dezaoito anos cumpridos no momento de presentación da solicitude, así como superar unha serie de probas físicas en instalacións en terra e en piscina, un exame médico, unha avaliación psicolóxica de aptitude para o mergullo profesional e unha proba de compresión e tolerancia ao oxíxeno hiperbárico.
Dado que, por motivos de seguridade ou saúde, a admisión neste ciclo formativo está ligada á superación de probas de carácter psicofísico, só se terán en conta as solicitudes presentadas nos centros que impartan estas ensinanzas.
Para a realización das devanditas probas, as persoas aspirantes deberán achegar un certificado médico vixente no momento de presentación da solicitude.
Segundo.-Procedemento de admisión e matrícula no período ordinario polo réxime ordinario.
1. As secretarías dos centros, ademais de recolleren as solicitudes para a admisión a ciclos formativos de graos medio e superior, cargarán os datos de inscrición para o primeiro curso na aplicación informática Ciclosweb, facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
A formalización dos datos na aplicación informática realizarase desde o 17 de xuño ata as 14.00 horas do día 2 de xullo.
2. Os centros que reciban solicitudes de alumnado que acceda con titulacións obtidas fóra do territorio do Estado español deben formalizar os datos na aplicación informática, agás a puntuación outorgada polo expediente académico, que lle corresponde á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Para tales efectos o centro, que será o encargado de gardar a documentación orixinal e de velar por ela, procederá á remisión inmediata por fax á Subdirección Xeral de Formación Profesional do expediente académico expedido no estranxeiro, así como da documentación xustificativa dos requisitos académicos (artigos 22 e 12 da Orde do 5 de xuño de 2007, respectivamente), facendo constar na primeira páxina a condición de orixinalidade ou cotexo da devandita documentación.
O prazo para a súa recepción na Subdirección Xeral de Formación Profesional finalizará o día 2 de xullo.
3. Nos centros que reciban solicitudes de alumnado que acredite algún tipo de discapacidade, o xefe ou a xefa do departamento de orientación realizarán un ditame de escolarización, contando coa axuda, de ser necesario, do equipo de orientación específico da provincia correspondente. Neste ditame, cuxa finalidade é a de proporcionar unha orientación específica ao alumnado, incluirase a proposta razoada de escolarización en función das necesidades do alumno ou a alumna que, en consecuencia, poderá modificar a súa solicitude.
O centro enviará polo trámite de urxencia á Subdirección Xeral de Formación Profesional a solicitude do alumno ou a alumna, e a documentación a que fai referencia a alínea e) do artigo 12 da Orde do 5 de xuño de 2007.
A comisión autonómica de escolarización, á vista desta documentación, valorará as limitacións para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas, co obxecto de garantir a eficacia da formación e do posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título.
O prazo para a súa recepción na Subdirección Xeral de Formación Profesional finalizará o día 5 de xullo ás 14.00 horas.
A comisión autonómica de escolarización emitirá ditame provisional de escolarización, que remitirá a cada centro educativo o día 9 de xullo. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas incluídas na listaxe.
Logo de emitido o ditame provisional de escolarización, pódese presentar reclamación ante o presidente ou a presidenta da comisión autonómica de escolarización nos días 12 e 13 de xullo. O ditame definitivo de escolarización emitirase o día 19 de xullo. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas afectadas.
4. Os centros farán pública o día 7 de xullo a relación provisional de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida e das opcións de preferencia, que deberá ser aprobada polo consello escolar o consello social.
Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp.
Establécese un prazo de reclamacións ata o día 13 de xullo ás 13.00 horas.
5. As persoas solicitantes de admisión ao ciclo formativo de grao medio de mergullo a media profundidade serán informadas no momento da inscrición polo centro que imparta o devandito ciclo da data, o lugar e a hora en que se vaia realizar a proba a que se fai referencia no punto cuarto da disposición primeira desta resolución. Os resultados destas probas exporanse antes do 20 de xullo no taboleiro de anuncios do centro.
6. Logo de resoltas as reclamacións presentadas ante o consello escolar ou consello social correspondente, os centros terán de prazo ata o día 13 de xullo ás 14.00 horas para cargaren na aplicación informática os datos coas modificacións xurdidas das reclamacións. O día 19 de xullo farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a listaxe definitiva de solicitantes.
7. O día 20 de xullo publicarase no taboleiro de anuncios dos centros educativos e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a primeira relación ordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior, onde aparecerán as persoas solicitantes por orde decrecente de puntuación. Esta relación e as sucesivas elaboraranse a través da aplicación informática de xestión facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e deberaas aprobar en cada centro o consello escolar ou consello social.
8. No prazo abranguido desde o día 20 ao día 23 de xullo ás 13.00 horas, deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro que se lle adxudicase, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en lista de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.
Os centros teñen de prazo ata as 14.00 horas do día 23 de xullo para cargaren os datos na aplicación informática.
9. O día 27 de xullo, a comisión autonómica de escolarización publicará a segunda relación ordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior, onde han aparecer as persoas solicitantes por orde decrecente de puntuación.
Esta relación deberá contar en cada centro coa aprobación do consello escolar ou consello social correspondente.
10. No prazo abranguido desde o día 27 ao día 30 de xullo ás 13.00 horas, deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro que se lle adxudicase, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en lista de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.
Os centros teñen de prazo ata as 14.00 horas do día 30 de xullo para cargaren os datos na aplicación informática.
11. Se despois de cada unha das adxudicacións a que se fai referencia nos puntos 7 e 9 anteriores existisen prazas vacantes e non houbese lista de espera, liberaranse as prazas do ciclo formativo ata o 30 de xullo ás 13.00 horas para aquel alumnado que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso. Os centros efectuarán a matrícula por estrita orde de chegada das solicitudes.
A relación dos ciclos formativos coa condición de liberados e o número de prazas dispoñibles en cada un deles poderase consultar en todo momento na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.
12. No procedemento de admisión ao segundo curso, os órganos competentes serán os establecidos no artigo 14 da Orde do 5 de xuño de 2007.
13. No caso do alumnado que deba formalizar a matrícula no segundo curso por ter pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo, entenderase a presentación da solicitude como formalización de matrícula, para os efectos de tramitación dos correspondentes convenios para o desenvolvemento do devandito módulo.
14. A comisión autonómica de escolarización poderá realizar a acumulación de prazas de acceso mediante proba e por acceso directo a partir da primeira adxudicación do mes de xullo.
Terceiro.-Procedemento de admisión e matrícula no período extraordinario polo réxime ordinario.
1. Os centros que reciban solicitudes de alumnado que acceda con titulacións obtidas fóra do territorio do Estado español procederán segundo se establece no punto 2 da disposición segunda desta resolución. O prazo para a recepción das solicitudes na Subdirección Xeral de Formación Profesional para proceder á baremación dos expedientes finalizará o día 13 de setembro ás 13.00 horas.
2. Os centros que reciban solicitudes de alumnado con necesidades educativas especiais ou que acrediten algún tipo de discapacidade procederán segundo se establece no punto 3 da disposición segunda desta resolución.
O prazo para a súa recepción na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa finalizará o día 13 de setembro ás 14.00 horas.
A comisión autonómica de escolarización emitirá ditame provisional de escolarización, que remitirá a cada centro educativo o día 16 de setembro. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas incluídas na listaxe.
Emitido o ditame provisional de escolarización, pódese presentar reclamación ante o presidente ou a presidenta da comisión autonómica de escolarización nos días 16 e 17 de setembro. O ditame definitivo de escolarización emitirase o día 20 de setembro. Os centros deberán informar de xeito individualizado a cada unha das persoas afectadas.
3. Os centros farán pública o día 15 de setembro a relación provisional de persoas solicitantes no taboleiro de anuncios, ordenada alfabeticamente, con indicación da puntuación conseguida e das opcións de preferencia, que deberá aprobar o consello escolar ou consello social.
Esta publicación realizarase, así mesmo, na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es/fp.
Establécese un prazo de reclamacións ata o día 17 ás 13.00 horas.
Logo de resoltas as reclamacións presentadas ante o consello escolar ou consello social correspondente, os centros teñen de prazo ata o día 17 de setembro ás 14.00 horas para cargaren na aplicación informática os datos coas modificacións xurdidas das reclamacións. O día 21 de setembro farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a listaxe definitiva de solicitantes.
O día 21 de setembro farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp a primeira relación extraordinaria de persoas admitidas en cada ciclo formativo de grao medio ou superior, por orde decrecente de puntuación.
No prazo comprendido entre o día 21 e o día 24 de setembro ata as 13.00 horas, deberase matricular ou ben renunciar o alumnado admitido en cada ciclo no centro que se lle adxudicase, segundo os anexos VII e VIII da Orde do 5 de xuño de 2007. O feito de renunciar á adxudicación dunha praza é condición indispensable para quedar en lista de espera nas opcións de maior preferencia. As persoas solicitantes admitidas que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á súa praza e, nese caso, procederase á súa escolarización ao final do proceso, se houber vacantes.
4. Elaborarase unha nova relación de alumnado en cada ciclo formativo de graos medio e superior, na que se adxudicarán as prazas non cubertas polas persoas admitidas na fase anterior, coas persoas solicitantes en orde decrecente de puntuación. Esta relación elaborarase a través da aplicación informática de xestión facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e deberaa aprobar a comisión autonómica de escolarización e, en cada centro, o consello escolar ou consello social correspondente. O calendario para a publicación desta nova relación de persoas admitidas, co correspondente prazo de matrícula, é o seguinte:
Ver referencia pdf "11400D006P025.PDF"
5. A comisión autonómica de escolarización poderá realizar a acumulación de prazas de acceso mediante proba e por acceso directo a partir da primeira adxudicación do mes de setembro.
6. Se logo de rematado o prazo de presentación de solicitudes ou despois de cada unha das adxudicacións a que se fai referencia no punto 4 existisen prazas vacantes e non houbese lista de espera, liberaranse as prazas do correspondente ciclo formativo para o alumnado que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso. Os centros efectuarán a matrícula por estrita orde de chegada das solicitudes.
A relación dos ciclos formativos coa condición de liberados e o número de prazas dispoñibles en cada un deles poderase consultar en todo momento na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.
7. O proceso de matriculación neste réxime rematará o día 8 de outubro. A partir desta data, non se producirá matriculación ningunha sen autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Cuarto.-Procedemento de admisión e matrícula polo réxime para as persoas adultas nos períodos ordinario e extraordinario.
1. Os prazos de presentación de solicitudes serán os mesmos que os establecidos na disposición primeira desta resolución.
2. No caso do alumnado que acredite algún tipo de discapacidade ou do alumnado con titulacións obtidas fóra do territorio do Estado español, procederase de acordo co establecido nos puntos 2 e 3 da disposición segunda desta resolución, ou 1 e 2 da disposición terceira desta resolución.
3. As datas de publicación das relacións provisionais do alumnado solicitante, os correspondentes prazos de reclamacións, as datas de publicación das relacións definitivas, as datas de publicación das relacións de persoas solicitantes adxudicadas, así como os prazos de matriculación, serán os mesmos que os establecidos para o réxime ordinario nas disposicións segunda e terceira desta resolución.
4. No caso do alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo, entenderase a presentación da solicitude como formalización de matrícula, para os efectos de tramitación dos correspondentes convenios para o desenvolvemento do devandito módulo.
Quinto.-Solicitude de convocatoria extraordinaria.
1. O alumnado que esgotase as convocatorias a que tiña dereito poderá solicitar a autorización dunha única convocatoria extraordinaria para poder rematar os seus estudos, de acordo co procedemento e nas condicións que se establecen no artigo 24 da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.
No caso dos centros privados, a dirección dará traslado das solicitudes ao centro público ao que estea adscrito, no prazo máximo de cinco días hábiles.
2. O prazo de presentación de solicitudes de convocatoria extraordinaria abranguerá desde o 17 de xuño ata o 30 de setembro, de acordo co establecido no artigo 24.5º da citada Orde do 5 de xuño de 2007. No caso do alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo, poderá solicitala en calquera momento do curso académico, co fin de efectuar a matrícula no devandito módulo nas condicións establecidas no artigo 6.5º da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. De acordo co artigo 24.4º da citada Orde do 5 de xuño de 2007, logo de concedida a convocatoria extraordinaria, o alumno ou a alumna deberán formalizar a matrícula no ciclo formativo dun centro educativo que teña a condición de liberado para rematar os seus estudos.
Disposicións adicionais
Primeira.-Erros no número do documento de identificación.
De detectárense erros na aplicación informática no número do documento de identificación (DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea), poderase solicitar a súa corrección en calquera momento a través de reclamación, segundo o modelo de solicitude do anexo I desta resolución e dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp.
A esta solicitude deberáselle achegar unha fotocopia do documento de identificación e deberá estar asinada polo director ou a directora do centro, quen enviará por vía de urxencia a reclamación orixinal presentada na secretaría do centro á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Non cumprirá que o centro realice trámite adicional ningún coa aplicación informática.
Segunda.-Número mínimo de solicitudes de matrícula.
De acordo co artigo 19.4º da Orde do 5 de xuño de 2007, a formalización da matrícula nos centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quedará condicionada a que estea cargado na aplicación informática antes do 10 de setembro un número mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior, tanto no réxime ordinario como na oferta modular polo réxime para as persoas adultas.
Terceira.-Modalidades de bacharelato preferentes e materias vinculadas para cada ciclo formativo de grao superior.
1. No caso do acceso a ciclos formativos de grao superior, a relación de modalidades de bacharelato preferentes e materias vinculadas será a que se recolle nos anexos II A) e II B) desta resolución.
2. En relación coa preferencia no acceso a ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a modalidade de bacharelato de tecnoloxía, así como a de ciencias da natureza e da saúde, establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, terán a mesma consideración para os efectos de acceso que a modalidade de ciencias e tecnoloxía establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Cuarta.-Comunicación a través de mensaxes a teléfonos móbiles.
A persoa solicitante que indique un número de teléfono móbil na solicitude de admisión ao primeiro curso de ciclos formativos polo réxime ordinario recibirá unha comunicación vía SMS na que se lle indicará o centro e o ciclo adxudicados, así como o prazo en que deberá formalizar a matrícula correspondente. Esta comunicación terá carácter simplemente informativo e non substituirá a notificación oficial no xeito establecido nesta resolución.
Quinta.-Admisión a ciclos formativos de grao medio mediante a acreditación de titulacións académicas de acceso directo ao grao superior.
As persoas solicitantes de admisión mediante acceso directo a ciclos formativos de grao medio que, no canto de presentaren algunha das titulacións ou dos estudos superados a que se fai referencia no artigo 5 da citada Orde do 5 de xuño de 2007, presenten directamente un título universitario, un título de técnico superior ou un título de bacharel da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, ou estudos equivalentes aos anteriores, participarán no proceso de admisión cunha puntuación de cinco puntos, con independencia de que por estas titulacións tivesen unha maior puntuación no caso de solicitar o acceso a ciclos formativos de grao superior.
Sexta.-Constitución de grupos.
1. De acordo co artigo 18 da citada Orde do 23 de abril de 2007 pola que se regulan o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior, o alumnado repetidor contabilizará para os efectos de constitución de grupos no curso que corresponda.
2. Non computará para os efectos de constitución de grupos o alumnado de segundo curso do réxime ordinario que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo e/ou o módulo de proxecto, de ser o caso.
Sétima.-Reserva de prazas para as persoas que cumpran os requisitos de deportista galego ou nacional de alto nivel ou rendemento.
1. De acordo co artigo 9.3º do Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, todos os ciclos formativos disporán con carácter xeral dun 5 % adicional de prazas reservadas para as persoas que cumpran os requisitos de deportista galego ou nacional de alto nivel ou rendemento.
2. A reserva de prazas a que se fai referencia no punto anterior para o ciclo medio de mergullo a media profundidade realizarase descontando as prazas reservadas respecto do total das prazas ofrecidas. En ningún caso se incrementará o número de prazas ofrecidas.
Oitava.-Prazas vacantes do réxime ordinario.
1. As prazas que resulten vacantes, logo de finalizadas as correspondentes fases de admisión e matrícula polo réxime ordinario, poderán ser ocupadas en réxime de persoas adultas.
2. No caso de ciclos formativos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en proceso de implantación, unicamente será de aplicación aos módulos profesionais do primeiro curso.
3. Para tales efectos, o día 11 de outubro, os centros educativos farán pública no taboleiro de anuncios unha relación de todos os módulos profesionais liberados en cada ciclo formativo. A matrícula farase no prazo comprendido entre o 11 e o 15 de outubro, por estrita orde de chegada de solicitudes.
O proceso de matriculación neste réxime rematará o día 15 de outubro. A partir desta data, non se producirá matriculación ningunha sen autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Disposicións transitorias
Primeira.-Matriculación no réxime ordinario do alumnado afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
1. O alumnado que ao remate do curso académico 2009-2010 teña módulos superados dun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, non cumpra os criterios de promoción ao segundo curso e se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas dos títulos aos que se fai referencia no anexo III desta resolución, deberá matricularse no primeiro curso das novas ensinanzas, para o que se aplicará o réxime de validacións establecido no anexo IV do real decreto polo que se estableza o título correspondente.
2. O alumnado que ao remate do curso académico 2009-2010 teña módulos superados dun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se vexa afectado pola implantación do segundo curso das novas ensinanzas ás que se fai referencia no anexo IV desta resolución, deberá matricularse no curso que corresponda das novas ensinanzas, logo de aplicación do réxime de validacións establecido no anexo IV do real decreto polo que se estableza o título correspondente.
3. O alumnado que estivese matriculado e non causase baixa no curso 2009-2010 polo réxime de persoas adultas nun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas dos títulos a que se fai referencia no anexo III desta resolución, poderá solicitar praza no segundo curso polo réxime ordinario, sen ter en conta os criterios de promoción, para os efectos de rematar o ciclo formativo que se extingue. En todo caso, o cómputo de duración dos módulos pendentes non pode superar as 960 horas.
Segunda.-Matriculación no réxime para as persoas adultas do alumnado afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
O alumnado con módulos superados do título correspondente establecido pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a que se fai referencia no puntos primeiro e segundo da disposición transitoria primeira desta resolución, e desexe continuar os seus estudos polo réxime para as persoas adultas, deberá matricularse nas novas ensinanzas con aplicación do réxime de validacións establecido no anexo IV do real decreto polo que se estableza o título correspondente.
Terceira.-Realización do módulo de formación en centros de traballo en títulos extinguidos.
O alumnado que teña pendente de superación unicamente o módulo de formación en centros de traballo dun título extinguido establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderá cursalo no ano académico 2010-2011 nalgún dos centros educativos que ofreceran o devandito ciclo formativo no curso académico 2009-2010.
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso 2010-2011.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2010.
José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa
Ver referencia pdf "11400D006P025.PDF"
ANEXO III
Relación de reais decretos de títulos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos que se inicia a implantación do primeiro curso no ano académico 2010-2011 substituíndo, de ser o caso, os equivalentes establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo
-Real decreto 1632/2009, do 30 do outubro, polo que se establece o título de técnico en instalacións de telecomunicacións e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
-Real decreto 1633/2009, do 30 de outubro, polo que se establece o título de técnico en produción agroecolóxica e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
-Real decreto 1634/2009, do 30 de outubro, polo que se establece o título de técnico en produción agropecuaria e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
-Real decreto 1630/2009, do 30 de outubro, polo que se establece o título de técnico superior en deseño en fabricación mecánica e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
-Real decreto 1254/2009, do 24 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos, e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
-Real decreto 1255/2009, do 24 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en guía, información e asistencias turísticas, e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
-Real decreto 1629/2009, do 30 de outubro, polo que se establece o título de técnico superior en administración de sistemas informáticos en rede e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
ANEXO IV
Relación de decretos polos que se establecen os currículos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos que se inicia a implantación do segundo curso no ano académico 2010-2011 substituíndo, de ser o caso, os equivalentes establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo
-Decreto 27/2010, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en sistemas microinformáticos e redes.
-Decreto 28/2010, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en instalacións eléctricas e automáticas.
-Decreto 32/2010, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en automoción.
-Decreto 35/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos.
-Decreto 39/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en programación da produción en fabricación mecánica.
-Decreto 39/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en programación da produción en fabricación mecánica.
-Decreto 40/2010, do 4 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en farmacia e parafarmacia.
-Decreto 44/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en construcións metálicas
-Decreto 46/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en soldadura e caldeiraría.
-Decreto 48/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en vitivinicultura.
-Decreto 49/2010, do 11 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en mantemento de instalacións térmicas e de fluídos.
-Decreto 55/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en xestión de aloxamentos turísticos.
-Decreto 58/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en servizos de restauración.
-Decreto 59/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en carrozaría.
-Decreto 61/2010, do 18 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en aceite de oliva e viños.
-Decreto 63/2010, do 25 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en química industrial.
-Decreto 64/2010, do 25 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico en planta química.
-Decreto 66/2010, do 25 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en eficiencia enerxética e enerxía solar térmica.
-Decreto 67/2010, do 8 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en patronaxe e moda.
-Decreto 70/2010, do 8 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en audioloxía protésica.
Decreto 72/2010, do 8 de abril, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio correspondente ao título de técnico superior en confección e moda.
Ver referencia pdf "11400D006P025.PDF"

