DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.491

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 4 de xuño de 2010 pola que se regula a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

O uso das novas tecnoloxías por medios electrónicos, informáticos e telemáticos na contratación pública vén impulsado pola entrada en vigor da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, que persegue, seguindo as orientacións das directivas 2004/17/CE e 2004/18/CE, dar maior transparencia e accesibilidade á información relativa á actividade contractual do sector público. Nese marco legal, créanse novas figuras, como o perfil de contratante e as plataformas de contratación que, a través da internet, serán os medios de difusión da información e instrumento para o coñecemento e seguimento dos procedementos contractuais abertos ou en curso.

Segundo o artigo 42 da Lei de contratos do sector público, os órganos de contratación difundirán, a través da internet, o seu perfil de contratante, que poderá incluír calquera dato e información referentes á actividade contractual: anuncios de información previa, licitacións abertas ou en curso, contratacións programadas, contratos adxudicados, procedementos anulados, documentación relacionada e outras informacións útiles de interese para os operadores xurídicos e/ou económicos intervenientes no proceso.

Así mesmo, o artigo 309 do texto legal prevé o establecemento dunha plataforma electrónica que permita dar publicidade, a través dun portal único da internet, dos datos contidos nos perfís, así como prestar outros servizos complementarios asociados ao tratamento informático destes datos.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de contratos administrativos, nos termos que esta estableza (Lei orgánica 1/1981, art. 28.2º). Ademais, esta comunidade ostenta competencia sobre a organización das súas institucións de autogoberno e sobre os procedementos administrativos derivados da organización propia dos poderes públicos galegos (Lei orgánica 1/1981, art. 27.1º e 5º).

Na liña sinalada de facilitar a transparencia e acceso público á información relativa á súa actividade contractual, a Administración autonómica galega xa tiña aprobada a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, que xa anticipa, no seu artigo 10, a exixencia de publicar, con carácter complementario, os anuncios de licitación tradicionais, un anuncio na web institucional de cada órgano de contratación en que se indicará o obxecto do contrato, o seu prezo, a referencia aos anuncios oficiais publicados, o lugar e as datas de presentación de ofertas ou solicitudes de participación, así como os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas. Ademais, incidindo nas previsións da vixente lei de contratos, a lei galega xa exixía a publicación en web dos adxudicatarios dos procedementos.

Por esa razón, a Xunta de Galicia, no momento de afrontar a entrada en vigor da Lei de contratos do sector público xa contaba coas ferramentas informáticas e a estrutura técnica que, agás polo xurdir de novas figuras e procedementos contractuais, viñan dando conta vía internet a través do SIPLEX (Sistema de Publicación de Concursos e Licitación Electrónica) de gran parte das informacións que a actual normativa exixe.

Realizados, nunha primeira fase, os cambios de filosofía e contidos previstos na nova normativa e os axustes precisos para adecuar aos órganos da Administración autonómica o novo contorno normativo, a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia nace con vocación de ser desenvolvida e complementada con outros servizos e de ampliar o seu número de usuarios a todo o sector público da comunidade autónoma, o que require regular, mediante esta orde, o seu funcionamento e requisitos para que os distintos axentes que interveñen na contratación do sector público poidan acceder a ela.

En consideración ao exposto, de conformidade co Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependentes, e en virtude das funcións atribuídas polos artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer os contidos que presta a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (PCG), creada no capítulo II do Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependentes, así como os procedementos de alta, baixa e modificacións dos perfís que a integran.

Así mesmo, é finalidade desta orde garantir a dispoñibilidade, accesibilidade, seguridade e calidade do sistema informático que albergue a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, segundo as especificacións técnicas que se establecen no anexo.

Artigo 2º.-Enderezo da internet.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia estará accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo electrónico http://www.xunta.es, e será a que deberá especificarse como unha das formas de acceso ao perfil de contratante:

-Nos pregos de cláusulas administrativas dos contratos;

-Nos anuncios de licitación dos diarios oficiais;

-Nas instrucións de ámbito interno a que se refiren os artigos 175 e 176 da Lei 30/2007, do 30 de outubro;

-E nas páxinas web institucionais que manteñan os órganos de contratación.

Artigo 3º.-Protección de datos.

Esta orden aplicarase con suxeición ao disposto na lexislación de protección de datos e, en particular, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ás disposicións que a desenvolven, e ás referencias específicas contidas na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos del sector público, e no resto de disposicións de aplicación.

Capítulo II

Contido, funcionalidades e servizos informáticos

Artigo 4º.-Contidos da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia conterá, como mínimo, os servizos e contidos que a continuación se relacionan:

4.1.-Servizo de busca, tanto xeral como específica, de procedementos en curso.

4.2.-Información dos diferentes estados dos procedementos publicados e publicación das adxudicacións e recursos.

4.3.-Atendendo ao procedemento que se utilice, a información básica de cada licitación conterá:

4.3.1.-Identificación do órgano de contratación.

4.3.2.-Importe do contrato.

4.3.3.-Pregos e demais documentos de interese para a licitación.

4.3.4.-De ser o caso, composición das mesas de contratación, comité de expertos e organismos técnicos especializados que interveñan no proceso de adxudicación.

4.3.5.-Anuncios publicados nos diarios oficiais e na web do perfil de contratante (texto e data de publicación).

4.3.6.-Lugar de presentación de ofertas e data e hora límite de presentación.

4.3.7.-De ser o caso, o lugar, a data e a hora do acto público de apertura de ofertas.

4.4.-Así mesmo, en cumprimento do artigo 10 da a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, respecto ás licitacións dos órganos relacionados no seu ámbito de aplicación, poderase acceder aos seguintes contidos:

4.4.1.-Nome dos licitadores.

4.4.2.-Criterios de selección e valoración.

4.4.3.-Cadro comparativo das ofertas económicas.

4.4.4.-Puntuación obtida por cada oferta.

4.4.5.-Resumo da motivación da valoración obtida.

4.5.-Outros contidos:

4.5.1.-Contratacións programadas (anuncios previos de licitación e outros).

4.5.2.-Subsanación de acordos marco.

4.5.3.-Instrucións internas de licitación de entes, organismos e entidades que non teñen o carácter de administracións públicas.

4.5.4.-Procedementos anulados, renuncias do órgano a subscribir o contrato ou desistencias dos procedementos publicados.

As variacións dos contidos da plataforma por melloras ou actualizacións do sistema serán comunicadas aos usuarios internos rexistrados e na páxina web.

Artigo 5º.-Obrigas do órgano titular do perfil de contratante.

1. Correspóndelle ao responsable do órgano do perfil de contratante:

-A introdución e actualización da información que se mostrará na plataforma.

-Garantir a integridade e veracidade dos datos enviados á plataforma.

-Velar pola correcta utilización do sistema polo persoal adscrito ao seu uso.

-E comunicar calquera cambio de usuarios da plataforma.

2. Todos os actos administrativos que, ao difundirse na plataforma, teñan efectos xurídicos, deberán ser autenticados mediante unha sinatura electrónica recoñecida de conformidade coa Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

Artigo 6º.-Servizos prestados pola Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

1. Desde a web da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia terase acceso aos seguintes servizos:

a) Información sobre os perfís do contratante dados de alta (CIF, enderezo, teléfono e fax de contacto, correo electrónico e descrición da actividade).

b) Acceso ao perfil de contratante do órgano seleccionado.

c) Servizo de avisos de publicación mediante o que os interesados poderán recibir gratuitamente no seu enderezo de correo electrónico avisos sobre novos procedementos que se publican na plataforma de contratos ou sobre a modificación ou cambio de estado dos xa publicados.

Para darse de alta no servizo deberá cubrirse o formulario de solicitude de inscrición que aparece na páxina web da plataforma, indicando o seu enderezo de correo electrónico e o tipo ou tipos de procedementos sobre os que desexa ser avisado.

d) Servizo de accesos ao Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE), co Boletín Oficial del Estado (BOE), co Diario Oficial de Galicia e cos boletíns oficiais das catro provincias galegas.

e) Enlace coa Plataforma de Contratación do Estado e con outras plataformas autonómicas.

2. As variacións dos servizos por melloras ou actualizacións do sistema serán comunicadas na páxina web da plataforma.

Capítulo III

Xestión

Artigo 7º.-Sistemas para a interoperabilidade coa Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

A interoperabilidade entre sistemas doutros órganos de contratación, adscritos ou non á Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, para que a información dos seus perfís sexa accesible desde ela poderá efectuarse a través do propio portal ou a través dos servizos web de intercambio de documentos.

Co fin de garantir a máxima interoperabilidade dos sistemas facilitaráselles aos órganos que así o soliciten o soporte técnico necesario para actuar a través do propio portal.

Artigo 8º.-Alta, baixa e modificación dos perfís de contratante na plataforma.

1. As instrucións para dar de alta un perfil na plataforma poderán obterse na propia páxina web, así como os modelos de solicitude de alta, baixa e modificación dos perfís.

2. A alta do perfil de contratante deberá ser solicitada polo responsable do órgano de contratación ou polo seu presidente, no caso de órganos de contratación de carácter colexiado, remitindo a correspondente solicitude normalizada ao número que nela se especifique ou ben a través dos sistemas de formalización electrónica que se determinen.

Coa solicitude xuntarase a documentación acreditativa da competencia para contratar do asinante. No caso de órganos administrativos ou entes, organismos ou entidades de dereito público, achegarán a norma legal ou regulamentaria ou disposición estatutaria onde figure atribuída a facultade de subscribir contratos ou as normas de delegación. Cando se trate de órganos societarios ou dunha fundación xuntarase copia dos poderes outorgados.

A solicitude acompañarase da designación dos usuarios autorizados para operar na plataforma, indicando o perfil de usuario asignado de acordo co disposto no artigo seguinte.

Os órganos xa adscritos na data de entrada en vigor desta orde quedan exentos de remitir a alta a que fai referencia este artigo.

3. O mesmo procedemento seguirase para os supostos de baixa ou modificación dos datos inicialmente presentados.

4. No caso de supresión de órganos, a baixa da plataforma do órgano suprimido efectuarase mediante comunicación cursada polo órgano que asuma as súas funcións, e procederase á oportuna adscrición ao sucesor dos espazos de licitación que se refiran a procedementos de adxudicación en curso.

Artigo 9º.-Interacción coa Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Unha vez tramitada a alta do perfil, as persoas designadas como usuarias do órgano de contratación accederán ao sistema a través da aplicación web, utilizando claves concertadas nun rexistro previo de usuarios (identificador/contrasinal) ou mediante un sistema de certificación electrónica recoñecida de acordo coa Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

Os usuarios poden ser:

-Editores: poden realizar funcións de tratamento da información e documentación, así como a súa publicación.

-Administradores do perfil: ademais das funcións correspondentes ao editor, pode xestionar os datos informativos do órgano de contratación así como establecer os permisos aos usuarios da súa organización.

-Usuario web: utilízase en casos en que os órganos interaccionan coa Plataforma de Contratación a través do servizo web. Mediante este usuario, invócanse os métodos do servizo web utilizando os correspondentes parámetros de entrada e obtendo os de saída para a correcta integración.

Os usuarios poden xestionar os seus propios procedementos ou ben formar grupos dentro dun órgano de contratación para compartir a xestión de todos os procedementos comúns. Tal circunstancia deberá ser sinalada na solicitude de alta do usuario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Interacción coa Plataforma de Contratación do Estado e con outros servizos de información similares.

En atención ao disposto no artigo 309.5º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, a información contida na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia interconectarase coa Plataforma de Contratación do Estado na forma en que se determine no convenio que se conclúa para o efecto. Así mesmo, poderase integrar con outros sistemas de información similares que poidan articular as entidades locais galegas.

Segunda.-Correspóndelle á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Presidencia da Xunta de Galicia a adopción das medidas de carácter técnico que exixa o desenvolvemento desta plataforma. Así mesmo, será responsable da seguridade integral física e lóxica respecto ás actuacións, datos e documentos electrónicos almacenados e facilitará aos entes, entidades e organismos integrados o soporte técnico e a formación necesaria para o fluxo de información.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

Especificacións técnicas do sistema

En cumprimento das disposicións establecidas pola normativa vixente nos ámbitos de contratación pública e Administración electrónica, así como das principais regularizacións en aspectos de seguridade, dispoñibilidade, normalización e interoperabilidade da información e os documentos electrónicos, o sistema de información e publicación Plataforma de Contratos Públicos de Galicia cumprirá cos seguintes requisitos:

-O sistema aloxarase nun servidor seguro da Xunta de Galicia, en que o sistema de identificación se baseará nun certificado electrónico expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

-Os documentos electrónicos publicados adecuaranse ao estándar ISO 19005-1:2005 (PDF/A).

-A información e os documentos publicados no sistema manteranse dispoñibles durante dous anos. Transcorrido ese tempo pasarán a integrarse nun histórico ao cal se poderá ter acceso desde a propia plataforma.

-O sistema de información da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia estará dispoñible os 7 días da semana, as 24 horas do día. Habilitaranse as correspondentes ferramentas de monitorización que garanten, mediante probas fidedignas, a dispoñibilidade e a non manipulación da información desde a súa difusión.

-A integración funcional con outros sistemas de información realizarase a través de servizos web conforme o estándar WSDL 1.1, ou superior, do W3C que, tanto a definición inicial como as diferentes actualizacións, se poñerán á disposición dos diferentes organismos na plataforma.