DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 06 de xullo de 2010 Páx. 12.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xuño de 2010 pola que se modifican parcialmente as ordes do 1 de agosto de 1997, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996, polo que se aproba o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento, do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias.

A implantación do proxecto Abalar e dos centros plurilingües aconsellan a modificación da normativa de elección de horarios nos centros educativos coa finalidade de garantir que os grupos de alumnos e alumnas nos que se apliquen estes proxectos sexan impartidos polo persoal docente coa preparación específica necesaria.

Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Os puntos 88 a 93 da Orde do 1 de agosto de 1997, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996, polo que se aproba o Reglamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento quedan redactados do seguinte xeito:

88.-Na primeira semana de setembro ou, se as circunstancias organizativas do centro así o requiren, dentro das 48 horas seguintes á finalización do prazo extraordinario de matrícula, a dirección convocará o primeiro claustro do curso no que se aprobarán os criterios pedagóxicos para a elaboración dos horarios do alumnado, en cumprimento do establecido no artigo 47 f) do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria. Entre estes criterios recolleranse necesariamente, se é o caso, o funcionamento do proxecto Abalar, as seccións bilingües e as materias que se impartan en linguas estranxeiras en aplicación do establecido no capítulo IV do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, e a impartición dos módulos profesionais da formación profesional polas persoas con maior preparación específica nestes.

No mesmo claustro, a xefatura de estudos comunicará ás xefaturas de departamento o número de grupos de alumnado que corresponde a cada área, materia e módulos.

89.-Inmediatamente despois do citado claustro reuniranse os distintos departamentos en sesión extraordinaria para distribuír áreas, materias, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte destes de acordo cos criterios establecidos no punto 91 destas instrucións. De todas as circunstancias e acordos que se produzan na dita reunión levantarase acta que será asinada por todos os membros que constitúan nese momento cada departamento. Ao final da reunión cada departamento entregará copia da acta á xefatura de estudos.

Cando unha persoa teña que elixir horario en máis dunha quenda, elixirá en cada unha delas na orde que lle corresponda en aplicación do establecido nos puntos seguintes desta orde.

90.-Á vista da distribución de cursos, materias, áreas e módulos feita por cada departamento a xefatura de estudos, coa axuda do resto do equipo directivo, procederá a elaborar os horarios do alumnado e profesorado, respectando os criterios pedagóxicos establecidos polo claustro e os recollidos nestas instrucións.

91.-Dentro de cada departamento o criterio básico para a distribución de grupos será a atención ás necesidades pedagóxicas do alumnado. Con esta finalidade a elección realizarase do seguinte xeito:

a) Elixiranse en primeiro lugar os grupos de alumnado nos que se estean a desenvolver o proxecto Abalar, as seccións bilingües, as materias que se impartan nunha lingua estranxeira en aplicación do establecido no decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, e calquera outro que resulte dos criterios pedagóxicos establecidos polo claustro, polo profesorado que fora formado especificamente pola Administración educativa para tal fin ou acredite estar en posesión de titulación, experiencia ou formación adecuada. A prioridade na elección limítase aos grupos mencionados neste parágrafo e cando existan varias persoas que reúnan os requisitos, seguirase a orde de prioridade establecida nos puntos e epígrafes seguintes.

Así mesmo, para a elección dos restantes grupos seguirase a orde de prioridade establecida no puntos e epígrafes seguintes.

b) Sen prexuízo do establecido no punto anterior, deberase garantir que o persoal docente pertencente ao corpo de mestres completa o seu horario entre o primeiro e o segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

c) Efectuada a elección prevista nas epígrafes a) e b) é conveniente que a elección dos restantes grupos se realice con criterios de equidade e mutuo acordo. No caso de non darse este acordo a elección realizarase da seguinte forma:

1º En primeiro lugar elixirá o profesorado con destino definitivo no centro.

2º En segundo lugar elixirá o profesorado con destino provisional no centro.

3º Naqueles institutos nos que se impartan ensinanzas ao alumnado en dúas ou máis quendas, o profesorado de cada un dos departamentos acordará en que quenda desenvolverá a súa actividade lectiva. No suposto de que algún persoal docente non poida cumprir a totalidade do seu horario na quenda correspondente, deberá completalo noutra; neste caso ambas quendas serán consecutivas, se no instituto houbera máis de dúas. Se os profesores do departamento non chegasen a un acordo, procederase á elección de quenda na orde establecida no punto 92 destas instrucións.

4º Unha vez distribuídas as quendas, o profesorado irá elixindo dentro de cada unha, en sucesivas roldas e na mesma orde de prelación que se utilizou para elixir quenda, un grupo de alumnado da área ou materia ou módulo e curso que desexe impartir ata completar o horario lectivo dos membros do departamento ou ata que se rematen as horas lectivas asignadas ao departamento.

5º No caso de que houber máis horas lectivas asignadas ao departamento que as que poden cubrir os horarios lectivos dos seus membros, antes de proceder á elección de grupos de alumnado, determinarase que áreas e/ou materias ou cursos van ser impartidos, ben por outros profesores como afíns, ben por persoal docente interino, co fin de que non entren na citada elección. A este respecto débese ter en conta que un profesor ou profesora especialista non poderá elixir cursos inferiores se quedasen os superiores para profesorado de afíns ou para persoal docente interino.

6º Ningún persoal docente poderá elixir horario de disciplinas afíns en canto non estean totalmente cubertas todas as horas do seu propio departamento, agás o profesorado que se formou e está a impartir na actualidade determinados módulos profesionais.

92.-Cando for o caso, a orde de elección será o seguinte:

1. Persoal que accedeu ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto:

a) O catedrático/a máis antigo/a no corpo.

b) Persoal docente con maior número de anos de servizo efectivo como funcionario ou funcionaria de carreira nos corpos docentes con competencia docente no nivel educativo, con destino definitivo no centro.

c) Persoal docente con maior antigüidade con destino definitivo na praza.

d) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

e) A pertenza ao corpo de catedráticos.

f) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

2. Persoal que accedeu ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con posterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto:

a) Persoal docente con maior antigüidade con destino definitivo na praza.

b) Persoal docente con maior número de anos de servizo efectivo como funcionario ou funcionaria de carreira nos corpos docentes con competencia docente no nivel educativo.

c) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

d) A pertenza ao corpo de catedráticos.

e) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

3. No suposto de que non existise persoal do corpo de catedráticos que accedese ao centro por un procedemento de provisión convocado con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, terá prioridade na elección de horarios un catedrático ou catedrática que accedese ao centro por un procedemento de provisión convocado posteriormente.

93.-A elección dos horarios correspondentes aos ciclos formativos de formación profesional específica farase de acordo co que en cada momento se estableza nas disposicións que desenvolvan o dito tipo de ensinanzas.

Complementariamente ao anterior, cando se produzan situacións de empate a orde de elección será a establecida no punto anterior.

Segundo.-O capítulo V, punto 1 da Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, queda redactado do seguinte xeito:

1. Adscrición funcional do profesorado no centro.

1.1. A dirección do centro, por proposta motivada da xefatura de estudos, se é o caso, no primeiro claustro do curso e unha vez oído este, asignaralle ciclo, curso e grupo de alumnado a cada un do persoal docente do centro.

1.2. A proposta da xefatura de estudos construirase sobre as premisas seguintes:

1) Correcto funcionamento do proxecto Abalar, das seccións bilingües e das áreas que se impartan en lingua estranxeira e outros proxectos establecidos ou que se establezan.

2) Prestarlle a mellor atención posible ás necesidades do alumnado do centro.

3) Rendibilizar ao máximo o capital humano dispoñible, actualizando o potencial creativo do grupo de persoal docente do colexio.

4) Consensualizar a proposta facilitando o contraste de pareceres e a concorrencia de capacidades e esforzos.

1.3. Os grupos nos que se estea a desenvolver o proxecto Abalar, as seccións bilingües e os que se impartan en lingua estranxeira en aplicación do establecido no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, serán asignados ao persoal docente do corpo de mestres que fose formado especificamente pola Administración educativa ou estea en posesión de titulación, experiencia ou formación adecuada. A prioridade na elección limítase aos grupos mencionados neste parágrafo e cando existan varias persoas que reúnan os requisitos seguirase a orde de prioridade establecida nos puntos e epígrafes seguintes.

1.4. Nos restantes grupos, no caso de non acadar o consenso do profesorado, a xefatura de estudos fará a proposta sobre os seguintes criterios:

1. Respectar, en todo caso, o posto e traballo e/ou a especialidade que cada persoal docente do corpo de mestres teña asignado pola súa adscrición ao centro.

2. Respectar o dereito de cada grupo de alumnos e alumnas a manter o mesmo titor durante todo o ciclo, incluíndo, o 2º ciclo da educación infantil.

3. Cumpridos os criterios anteriores, no suposto de que nun centro haxa varios mestres ou mestras aspirantes ao mesmo ciclo ou curso, a proposta de adscrición farase de acordo coa seguinte orde de prioridades:

a) Maior antigüidade ininterrompida, con destino definitivo, no centro.

b) Maior número de anos de servizos efectivos como persoal docente de carreira do corpo de mestres.

c) Promoción de ingreso máis antiga.

d) Maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso ao corpo.

1.5. Excepcionalmente, cando a xuízo do equipo directivo existisen razóns pedagóxicas suficientes para obviar o criterio de permanencia co mesmo grupo de alumnos no ciclo, ademais das previstas no punto 1.3, a dirección disporá a asignación do persoal docente afectado a outro ciclo, curso, área ou actividade docente, oído o persoal interesado e o claustro, e coa conformidade da inspección educativa.

1.6. Os centros realizarán os axustes horarios necesarios e terán en conta a estrutura física do centro para facilitar a sincronización nos cambios de clase e o menor desprazamento do profesorado. Cando as instalacións do centro o permitan, pode terse en conta a posibilidade de que as especialidades se impartan nunha dependencia determinada.

1.7. As direccións dos centros enviarán ao servizo de inspección, no prazo máximo de cinco días, copia da acta do claustro no que se realice a adscrición.

1.8. A aprobación provisional dos horarios do persoal docente corresponde á dirección do centro.

O persoal interesado poderá reclamar ante a Inspección de educación no prazo de dez días naturais.

A aprobación definitiva corresponde á Inspección de Educación.

A Inspección educativa resolverá no prazo de 20 días a partir da recepción dos horarios e, se é o caso, proporá á xefatura territorial a adopción das medidas oportunas. Contra a resolución da Inspección educativa, o persoal docente do corpo de mestres poderá interpor recurso de alzada diante da xefatura territorial correspondente no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da adscrición. A resolución da xefatura territorial porá fin á vía administrativa. A interposición do recurso non paralizará a execución da resolución impugnada.

Terceiro.-Os puntos 109 a 113 da Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias quedan redactados do seguinte xeito:

109.-Elección nas ensinanzas de secundaria:

Na primeira semana de setembro ou se as circunstancias organizativas do centro así o requiren, dentro das 48 horas seguintes á finalización do prazo extraordinario de matrícula, a dirección convocará o primeiro claustro do curso no que se aprobarán os criterios pedagóxicos para a elaboración dos horarios do alumnado, en cumprimento do establecido no artigo 10.2º g) do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias. Entre estes criterios recolleranse necesariamente, se é o caso, o funcionamento do proxecto Abalar, as seccións bilingües e as materias que se impartan en linguas estranxeira, en aplicación do establecido no capítulo IV do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

No mesmo claustro a xefatura de estudos comunicará ás xefaturas de departamento o número de grupos de alumnado que corresponde a cada área e materia.

Inmediatamente despois do citado claustro reuniranse os distintos departamentos en sesión extraordinaria, para distribuír áreas, materias, cursos, módulos e, se é o caso, quendas entre o persoal que forma parte destes de acordo cos criterios establecidos no punto 91 destas instrucións. De todas as circunstancias e acordos que se produzan na dita reunión levantarase acta que será asinada por todos os membros que constitúan nese momento cada departamento. Ao final da reunión cada departamento entregará copia da acta á xefatura de estudos.

Á vista da distribución de cursos, materias, áreas e módulos feita por cada departamento, a xefatura de estudos, coa axuda do resto do equipo directivo, procederá a elaborar os horarios do alumnado e profesorado, respectando os criterios pedagóxicos establecidos polo claustro e os recollidos nestas instrucións.

110.-Dentro de cada departamento o criterio básico para a distribución de grupos será a atención ás necesidades pedagóxicas do alumnado. Con esta finalidade a elección realizarase da seguinte forma:

a) Elixiranse en primeiro lugar os grupos de alumnado nos que se estean a desenvolver o proxecto Abalar, as seccións bilingües, as materias que se impartan nunha lingua estranxeira en aplicación do establecido no Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, e calquera outro que resulte dos criterios pedagóxicos establecidos polo claustro, polo profesorado que fose formado especificamente pola Administración educativa para tal fin ou estea en posesión de titulación, experiencia ou formación adecuada.

A prioridade na elección limítase aos grupos mencionados neste parágrafo e cando existan varias persoas que reúnan os requisitos, seguirase a orde de prioridade establecida nos puntos e epígrafes seguintes.

Así mesmo, para a elección dos restantes grupos seguirase a orde de prioridade establecida no puntos e epígrafes seguintes.

b) Sen prexuízo do establecido na epígrafe anterior, deberá garantirse que o persoal docente pertencente ao corpo de mestres complete o seu horario entre o primeiro e o segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

c) Efectuada a elección prevista nas letras a) e b) é conveniente que a elección dos restantes grupos se realice con criterios de equidade e mutuo acordo. No caso de non darse este acordo a elección realizarase da seguinte forma:

1º En primeiro lugar elixirá o profesorado con destino definitivo no centro.

2º En segundo lugar elixirá o profesorado con destino provisional no centro.

3º Naqueles centros públicos integrados nos que se impartan ensinanzas ao alumnado en dúas ou máis quendas, o profesorado de cada un dos departamentos acordarán en que quenda desenvolverán a súa actividade lectiva. No suposto de que algún persoal docente non poida cumprir a totalidade do seu horario na quenda correspondente, deberá completalo noutra; neste caso ambas as quendas serán consecutivas, se no centro houbese máis de dúas. Se os profesores do departamento non chegasen a un acordo, procederase á elección de quenda na orde establecida no punto 111 destas instrucións.

4º Unha vez distribuídas as quendas, o profesorado irá elixindo dentro de cada unha, en sucesivas roldas e na mesma orde de prelación que se utilizou para elixir quenda, un grupo de alumnado da área ou materia ou módulo e curso que desexe impartir ata completar o horario lectivo dos membros do departamento ou ata que se rematen as horas lectivas asignadas ao departamento.

5º No caso de que houbese máis horas lectivas asignadas ao departamento que as que poden cubrir os horarios lectivos dos seus membros, antes de proceder á elección de grupos de alumnado, determinarase que áreas e/ou materias, módulos ou cursos van a ser impartidos, ben por outros profesores como afíns, ben por persoal docente interino, co fin de que non entren na citada elección. A este respecto débese ter en conta que un profesor ou profesora especialista non poderá elixir cursos inferiores se quedasen os superiores para profesorado de afíns ou para persoal docente interino.

6º Ningún persoal docente poderá elixir horario de disciplinas afíns en canto non estean totalmente cubertas todas as horas do seu propio departamento.

111.-Cando sexa o caso, a orde de elección será o seguinte:

1. Persoal que accedeu ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto:

a) O catedrático ou catedrática máis antiga no corpo.

b) Persoal docente con maior número de anos de servizo efectivos como funcionario ou funcionaria de carreira nos corpos docentes con competencia docente no nivel educativo.

c) Persoal docente con maior antigüidade con destino definitivo na praza.

d) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

e) A pertenza ao corpo de catedráticos.

f) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

2. Persoal que accedeu ao centro en virtude de procedementos de provisión de postos de traballo convocados con posterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto:

a) Persoal docente con maior antigüidade con destino definitivo na praza.

b) Persoal docente con maior número de anos de servizo efectivos como funcionario ou funcionaria de carreira nos corpos docentes con competencia docente no nivel educativo.

c) O ano máis antigo de ingreso no corpo.

d) A pertenza ao corpo de catedráticos.

e) A maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso no corpo.

3. No suposto de que non existise persoal do corpo de catedráticos que accedese ao centro por un procedemento de provisión convocado con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, terá prioridade na elección de horario un catedrático ou catedrática que accedese ao centro por un procedemento de provisión convocado posteriormente.

112.-Adscrición funcional nas ensinanzas de educación infantil e primaria.

a) A dirección do centro por proposta motivada da xefatura de estudos, no primeiro claustro do curso e unha vez oído este, asignaralle ciclo, curso e grupo de alumnado a cada un do persoal docente do centro.

b) A proposta da xefatura de estudos construirase sobre as premisas seguintes:

c) Correcto funcionamento do proxecto Abalar, das seccións bilingües e das áreas que se impartan en lingua estranxeira e outros proxectos establecidos ou que se establezan.

d) Prestarlle a mellor atención posible ás necesidades do alumnado do centro.

e) Rendibilizar ao máximo o capital humano dispoñible, actualizando o potencial creativo do grupo de persoal docente do colexio.

f) Consensualizar a proposta facilitando o contraste de pareceres e a concorrencia de capacidades e esforzos.

113.-1. Os grupos nos que se estea a desenvolver o proxecto Abalar, as seccións bilingües e os que se impartan en lingua estranxeira en aplicación do establecido no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, serán asignados ao persoal docente do corpo de mestres que fora formado especificamente pola Administración educativa ou estea en posesión de titulación, experiencia ou formación adecuada.

2. Nos restantes grupos, no caso de non acadar o consenso do profesorado, a xefatura de estudos fará a proposta sobre os seguintes criterios:

a) Respectar, en todo caso, o posto e traballo e/ou a especialidade que cada persoal docente do corpo de mestres teña asignado pola súa adscrición ao centro.

b) Respectar o dereito de cada grupo de alumnos e alumnas a manter o mesmo titor durante todo o ciclo, incluíndo o 2º ciclo da educación infantil.

c) No suposto de que nun centro haxa varios mestres ou mestras aspirantes ao mesmo ciclo ou curso, a proposta de adscrición farase de acordo coa seguinte orde de prioridades:

1. Maior antigüidade ininterrompida, con destino definitivo, no centro.

2. Maior número de anos de servizos efectos como persoal docente de carreira do corpo de mestres.

3. Promoción de ingreso máis antiga.

4. Maior puntuación obtida no procedemento selectivo de ingreso ao corpo.

3. Excepcionalmente, cando a xuízo do equipo directivo existisen razóns pedagóxicas suficientes para obviar o criterio de permanencia co mesmo grupo de alumnos no ciclo, ademais das previstas no punto 1 deste punto, a dirección disporá a asignación do persoal docente afectado a outro ciclo, curso, área ou actividade docente, oído o persoal interesado e o claustro, e coa conformidade da inspección educativa.

4. Os centros realizarán os axustes horarios necesarios e terán en conta a estrutura física do centro para facilitar a sincronización nos cambios de clase e o menor desprazamento do profesorado. Cando as instalacións do centro o permitan, pode terse en conta a posibilidade de que as especialidades se impartan nunha dependencia determinada.

5. As direccións dos centros enviarán ao servizo de inspección, no prazo máximo de cinco días, copia da acta do claustro no que se realice a adscrición.

6. A aprobación provisional dos horarios do persoal docente corresponde á dirección do centro.

O persoal interesado poderá reclamar ante a Inspección de Educación no prazo de dez días naturais.

A aprobación definitiva corresponde á Inspección de Educación.

A Inspección educativa resolverá no prazo de 20 días a partir da recepción dos horarios e, se é o caso, proporá á xefatura territorial a adopción das medidas oportunas. Contra a resolución da Inspección educativa, o persoal docente do corpo de mestres poderá interpor recurso de alzada diante da xefatura territorial correspondente no prazo dun mes a contar desde o día seguinte da adscrición. A resolución da xefatura territorial porá fin a vía administrativa. A interposición do recurso non paralizará a execución da resolución impugnada.

Cuarto.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria