DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Venres, 08 de abril de 2011 Páx. 6.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda dar publicidade á relación de xacigos megalíticos con arte rupestre e se ordena o seu asento no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 40º.2 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, establece que quedan declarados bens de interese cultural por ministerio desa lei as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre.

Pola súa banda, a disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, declara, na súa disposición adicional primeira, que todos aqueles bens mobles e inmobles sitos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que fosen declarados de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desa lei pasarán a ter a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes.

Por tanto, toda manifestación de arte rupestre se encontra encadrada dentro do xogo normativo destas dúas disposicións, do que deriva a plena aplicación do réxime de bens de interese cultural previsto na mencionada Lei 8/1995. Tal aplicación, consecuencia do valor superior do acceso á cultura previsto no artigo 44º da Constitución española e do deber establecido no artigo 32º do Estatuto de autonomía de Galicia, debe estar informada polo principio de seguranza xurídica que, tal como se recolle no artigo 9º da Constitución española, aparece vinculado á certeza sobre o ordenamento xurídico que rexe na tutela de determinados valores e intereses xerais e á cal é inherente o principio de publicidade.

Deste xeito, resulta necesario que aqueles bens que presenten este tipo de manifestación estean asentados adecuadamente no Rexistro de Bens de Interese Cultural e que tal circunstancia sexa obxecto da oportuna publicidade. Tendo constancia técnica dun bo número deles sobre os que non recaeu unha declaración singular por outros conceptos, cómpre realizar as providencias necesarias co fin anteriormente apuntado. Para estes efectos, dirixiuse un oficio aos servizos provinciais por parte do Servizo de Planeamento e Inventario desta dirección xeral, presentando relación tecnicamente fundada de xacigos megalíticos con arte rupestre, para a súa corroboración en relación a aqueles que se atopan no ámbito territorial da súa competencia. Esta relación poderá completarse no futuro na medida en que aparezan novos xacigos coas mesmas características determinantes da súa declaración por ministerio da lei.

Realizadas as verificacións correspondentes, cómpre dictar, en exercicio das competencias que esta dirección xeral ten recoñecidas nas letras c e d do punto un do artigo 6º do Decreto 337/2009, do 11 de xuño, que desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, o seguinte acordo:

Primeiro.-Dar publicidade á relación de xacigos megalíticos con arte rupestre que figuran no anexo a este acordo, para xeral coñecemento da súa condición de bens de interese cultural.

Segundo.-Ordenar ao Servizo de Planeamento e Inventario que proceda a asentar os xacigos megalíticos referidos na disposición precedente no Rexistro de Bens de Interese Cultural en cumprimento do preceptuado no artigo 14º da Lei 8/1995, do 30 de outubro , do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2011.

José Manuel Rey Pichel

Director xeral de Patrimonio Cultural

Ver referencia pdf "07000D006P013.PDF"