DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 26 de abril de 2011 Páx. 7.209

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación está inspirada por un compromiso decidido cos obxectivos formulados pola Unión Europea para os vindeiros anos en relación coa mellora da calidade e coa eficacia dos sistemas de educación e formación.

Así, establece como un dos fins do sistema educativo a capacitación para a comunicación na lingua oficial, na lingua cooficial e nunha ou máis linguas estranxeiras. Ademais, esta lei adquire un compromiso decidido cos obxectivos educativos da Unión Europea dos últimos anos, entre os cales se atopa a apertura do sistema educativo ao mundo exterior, que implica entre outras cousas mellorar a aprendizaxe de linguas estranxeiras, aumentar a mobilidade e os intercambios, así como reforzar a cooperación europea. No seu artigo 157º, a LOE establece que lles corresponde ás administracións educativas fornecer os recursos necesarios para garantir a creación de programas de reforzo de aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Tras a experiencia acumulada a través de programas experimentais, como o Programa de anticipación da primeira lingua estranxeira e o Plan de Seccións Bilingües, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en liña co fomento da diversidade lingüística e cultural presente na política educativa da Unión Europea, relacionado co respecto aos dereitos e ás necesidades lingüísticas, a igualdade nas comunicacións, o plurilingüismo, a conservación de linguas e culturas e, obviamente, co fomento e o estímulo da aprendizaxe de linguas estranxeiras, deu un paso máis no desenvolvemento do feito plurilingüe na comunidade galega mediante a creación dos denominados centros plurilingües, que promoven a impartición de ata un terzo do horario lectivo do alumnado en lingua estranxeira, segundo o disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Cómpre potenciar a participación do profesorado que imparta en lingua estranxeira a área, materia ou módulo non lingüístico e deseñar accións formativas dirixidas á actualización lingüística e ao desenvolvemento da metodoloxía AICLE (aprendizaxe integrada de contidos e linguas estranxeiras). Con tal fin, é necesario articular mecanismos para que o profesorado acredite a súa formación lingüística, así como xerar unha actitude de formación permanente e expectativas positivas en prol da incorporación da lingua estranxeira como lingua vehicular no ámbito académico.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento para que o profesorado especialista de áreas, materias ou módulos non lingüísticos acredite o seu nivel de coñecemento en idiomas, para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos, e definir un itinerario formativo orientado a que o profesorado acade unha competencia lingüística equivalente, polo menos, ao nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación ao persoal funcionario e ao persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional específica nos centros docentes sostidos con fondos públicos dentro do ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Rexistro de acreditación de competencias lingüísticas.

O persoal docente a que se refire o artigo anterior que estea en posesión do certificado de ter superado o nivel básico, intermedio ou avanzado das escolas oficiais de idiomas ou equivalentes, ou outros certificados que acrediten os niveis de competencia acordes ao Marco común europeo de referencia para as linguas, segundo a relación que figura como anexo a esta orde, poderá completar o seu expediente na páxina web www.edu.xunta.es/datospersoais, xerando unha instancia coas alegacións introducidas que deberá presentar, xunto coa documentación xustificativa, dirixida a Subdirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Proba inicial de clasificación.

O persoal docente que posúa competencias en linguas estranxeiras obtidas por vías non formais, poderá realizar unha proba inicial de clasificación co obxecto de acceder ao curso de formación que lle corresponda no itinerario formativo establecido no artigo 5º desta orde. Esta proba desenvolverase nas escolas oficiais de idiomas que se determinen ou a través de institucións de recoñecido prestixio, conforme as instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 5º.-Itinerario formativo.

1. Tendo en conta os niveis de competencia lingüística que o profesorado teña acreditado a través dos procedementos previstos nos artigos 3º e 4º desta orde, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa programará cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC), que dean continuidade aos coñecementos adquiridos. Estes cursos estarán secuenciados nun itinerario formativo segundo os niveis A2, B1 e B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, do Consello de Europa.

2. Os cursos de formación poderanse realizar nas escolas oficiais de idiomas e noutros centros públicos docentes, seguindo criterios de número de persoal docente que solicite a formación e de equidade territorial.

Artigo 6º.-Probas de acreditación.

1. Ao remate de cada curso do itinerario formativo, o profesorado asistente deberá superar unha proba final que acreditará o seu nivel de competencia comunicativa e lingüística, para os efectos de continuar a súa formación en linguas no curso seguinte.

2. Ao remate do itinerario formativo, o profesorado interesado deberá superar unha proba de certificación para acreditar o nivel B2 de competencia do Marco común europeo de referencia para as linguas, que se desenvolverá nas escolas oficiais de idiomas ou, se é o caso, a través de institucións de recoñecido prestixio, conforme as instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Ao persoal docente que supere a referida proba nas escolas oficiais de idiomas expediráselle certificación de ter acadado o nivel avanzado segundo o establecido no Decreto 239/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo de nivel avanzado das ensinanzas de réxime especial de idiomas.

3. A superación da proba de certificación de nivel B2 acreditará ao profesorado para a impartición de áreas, materias ou módulos non lingüísticos nas ensinanzas de réxime xeral nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

Artigo 7º.-Estadías formativas.

1. Para participar nas estadías formativas correspondentes ao programa de apoio ao ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras, ben no estranxeiro ou en España, o persoal docente deberá acreditar, polo menos, unha competencia lingüística do nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, na lingua correspondente.

2. O profesorado que participe en estadías formativas, deberá impartir a área, materia ou módulo da súa especialidade na lingua estranxeira correspondente, ao remate da súa formación.

Artigo 8º.-Actualización das competencias en idiomas.

1. Coa finalidade de garantir a formación permanente do profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá un plan específico de formación en metodoloxía AICLE para o persoal docente que imparta en lingua estranxeira a súa área, materia ou módulo.

2. O profesorado a que fai referencia o punto anterior terá prioridade para participar en accións de formación específicas mediante cursos de actualización lingüística, cursos sobre metodoloxía AICLE e estadías formativas, entre outros.

Artigo 9º.-Mobilidade do profesorado.

O profesorado con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que posúa competencias en linguas estranxeiras no nivel B2, e que imparta no seu centro de destino en lingua estranxeira a área, materia ou módulo da súa especialidade, terá preferencia nas convocatorias de comisión de servizos que, se é o caso, se realicen para cubrir necesidades de profesorado en centros que vaian implementar a aprendizaxe de idiomas.

Disposición adicional

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación a ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "08000D002P013.PDF"

Ver referencia pdf "08000D003P016.PDF"