Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2011 Páx. 14338

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 3 de xuño de 2011 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional e se establece o procedemento de habilitación.

O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, establece os requisitos mínimos dos centros que imparten as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria.

No artigo 8.3 establécese que o segundo ciclo de educación infantil correrá a cargo de profesionais que posúan o título de grao en educación infantil, ou o título de mestre coa especialidade de educación infantil.

No artigo 12.1 prescríbese que os centros de educación primaria disporán, como mínimo, dun mestre por cada grupo de alumnos e garantirán, en todo caso, a existencia de graduados na educación primaria ou mestres coa cualificación adecuada para impartir a ensinanza de música, a educación física e as linguas estranxeiras.

Finalmente, o artigo 17 determina que para impartir as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato será necesario ter o título de graduado, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, ademais do máster que habilita para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas, debendo acreditar, asemade, a cualificación específica para impartir as áreas e materias respectivas.

A disposición adicional oitava do citado real decreto establece que os profesionais que no momento da súa entrada en vigor estiveran habilitados para a docencia da educación infantil, nos dous ciclos, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria, do bacharelato, e da formación profesional, manterán a dita habilitación, prevendo na disposición transitoria segunda que as administracións educativas procederán, no prazo de dous anos, á acreditación expresa do cumprimento dos requisitos a que se refire o punto primeiro da disposición adicional oitava.

Polo Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, regúlanse as condicións de formación inicial do profesorado dos centros privados para exercer a docencia nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

Posto que cómpre desenvolver as mencionadas normas e establecer o procedemento de acreditación da habilitación para o exercicio da docencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria e o Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, polo que se regulan as condicións de formación inicial do profesorado dos centros privados para exercer a docencia nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato e establecer o procedemento para habilitar o profesorado para exercer docencia na educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional.

Segundo. Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación ao persoal que teña o seu domicilio no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e desexe habilitarse para impartir docencia nos centros privados e ao persoal que, non tendo o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, teña unha oferta de emprego dun centro privado dela.

Terceiro. Condicións de formación inicial para impartir educación infantil e educación primaria.

Resulta de aplicación a regulación contida na Orde do 11 de outubro de 1994 pola que se regulan as titulacións mínimas que deben posuír os profesores dos centros privados de educación infantil e primaria, engadíndose as correspondentes titulacións de grao de educación infantil e de educación primaria.

Non terá que solicitar certificación de habilitación o persoal que posúa algunha das titulacións que se relacionan no anexo desta orde.

Cuarto. Condicións de formación inicial para impartir educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

1. Os requisitos de formación inicial para impartir as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato son:

a) Ter un título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, ou un título oficial de educación superior de graduado.

b) Acreditar unha cualificación específica adecuada para impartir as materias respectivas.

c) Ter a formación pedagóxica e didáctica a que fai referencia o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. A cualificación específica requirida para impartir as materias da educación secundaria obrigatoria e bacharelato acreditarase mediante os procedementos previstos no artigo 3 do Real decreto 860/2010, do 2 de xullo.

Quinto. Formación pedagóxica e didáctica.

1. O profesorado que imparta educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional específica deberá acreditar a formación pedagóxica e didáctica establecida no artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e polo tanto, estar en posesión do correspondente título de máster regulado pola Orde ECI/3858/2007, do 27 de decembro, polo que se establecen os requisitos de verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas.

2. Non será necesaria a posesión do citado título oficial de máster antes mencionado para o persoal solicitante de habilitación que acredite estar en posesión, con anterioridade ao 1 de outubro de 2009, dalgún dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título profesional de especialización didáctica, do certificado de cualificación pedagóxica ou do certificado de aptitude pedagóxica.

b) Estar en posesión dun título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión de mestre, ou dun título de licenciado en pedagoxía ou psicopedagoxía, así como calquera outro título de licenciado ou outra titulación declarada equivalente que inclúa formación pedagóxica e didáctica.

c) Ter impartido docencia durante un mínimo de 12 meses en centros públicos ou privados de ensino regrado, debidamente autorizados, nos niveis e ensinanzas cuxas especialidades docentes se regulan no Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro. Esta experiencia docente acreditarase mediante certificación da dirección do centro, co visto e prace da inspección educativa.

Sexto. Condicións de formación inicial para impartir formación profesional específica e os módulos específicos dos programas de cualificación profesional inicial.

1. As titulacións exixidas para obter a habilitación para impartir os módulos de formación profesional específica son as que para cada módulo se establecen no decreto polo que se aproba o correspondente título.

Cando a titulación alegada sexa xenérica deberá cumprirse algún dos seguintes requisitos:

  • Que as ensinanzas conducentes á titulación alegada engloblen os obxectivos do módulo profesional.
  • Que se acredite mediante certificación unha experiencia laboral de, polo menos, tres anos no sector vinculado á familia profesional, realizando actividades produtivas en empresas relacionadas implicitamente cos resultados de aprendizaxe.

2. Para solicitar a habilitación para impartir formación profesional deberá acreditarse a oferta de traballo dun centro privado da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. Condicións de formación inicial para impartir a lingua galega e a literatura galega na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato.

Será necesario estar en posesión de calquera título de licenciado da área de humanidades ou calquera título oficial de graduado da rama de coñecemento de Artes e Humanidades, e acreditar unha experiencia docente ou unha formación superior adecuada para impartir o currículo da materia correspondente.

Oitavo. Condicións de formación inicial para impartir unha materia optativa na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato.

1. Cando a materia estea adscrita á área de ciencias, será necesario estar en posesión de calquera título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto da área de Ciencias Experimentais e da Saúde, das ensinanzas técnicas ou das ciencias sociais e xurídicas ou calquera título oficial de graduado da rama de coñecemento de ciencias, de enxeñaría e arquitectura, de ciencias da saúde ou de ciencias sociais e xurídicas, e acreditar unha experiencia docente ou unha formación superior adecuada para impartir o currículo da materia.

2. Cando a materia estea adscrita á área de letras, será necesario estar en posesión de calquera título da área de humanidades, de ciencias sociais ou xurídicas ou calquera título oficial de graduado da rama de coñecemento de Artes e Humanidades, ou de ciencias sociais e xurídicas e acreditar unha experiencia docente ou unha formación superior adecuada para impartir o currículo da materia correspondente.

Noveno. Condicións de formación inicial para impartir os módulos obrigatorios dos programas de cualificación profesional inicial.

1. O módulo da competencia comunicativa e dixital será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para a impartir a lingua galega ou a lingua castelá da educación secundaria.

2. O módulo da sociedade e da cidadanía será impartido por persoal que reúna os requisitos para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: as ciencias sociais, xeografía e historia, xeografía ou historia de España ou educación para a cidadanía.

3. O módulo científico-tecnolóxico será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: tecnoloxía, matemáticas, bioloxía, xeoloxía, física e química, física ou química.

4. O módulo de iniciativa persoal e relacións laborais será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir calquera das seguintes materias ou módulos profesionais do ensino secundario: formación e orientación laboral, economía, ciencias sociais-xeografía e historia.

Décimo. Condicións de formación inicial para impartir os módulos formativos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria dos programas de cualificación profesional inicial.

1. O ámbito de comunicación será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: lingua galega, lingua castelá, lingua estranxeira.

2. O ámbito social será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía.

3. O ámbito científico-tecnolóxico será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: ciencias da natureza, bioloxía, xeoloxía, física, química, matemáticas e tecnoloxía.

Décimo primeiro. Condicións de formación inicial para impartir os ámbitos dos programas de diversificación curricular.

1. O ámbito específico de carácter lingüístico-social será impartido por persoal que reúna os requisitos para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: ciencias sociais-xeografía e historia, lingua galega e lingua castelá.

2. O ámbito científico-técnico será impartido por persoal que reúna os requisitos para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: matemáticas, bioloxía, xeoloxía, física e química, física ou química.

Décimo segundo. Requisito de coñecemento da lingua galega.

O profesorado para exercer a docencia nos centros pertencentes ao ámbito de aplicación desta orde deberá estar en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de lingua galega ou outros estudos declarados equivalentes.

Décimo terceiro. Solicitude da habilitación.

A solicitude de acreditación da habilitación realizarase a través da páxina web no enderezo www.edu.xunta.es/habilitacions

Na solicitude farase constar a área ou áreas e materia ou materias para as cales se solicita a acreditación de habilitación. Cando se trate dunha solicitude de habilitación para materias de educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional indicarase, cando sexa o caso, as materias relacionadas coa formación que se desexa acreditar, con expresión do número de créditos ou créditos ECTS de formación de cada unha ou o, en defecto de créditos, dos cursos académicos en que se cursou.

Décimo cuarto. Prazo de solicitude.

Os prazos de solicitude da habilitación serán os seguintes.

a) Do 1 ao 30 de xuño.

b) Do 1 de setembro ao 15 de setembro, ambos incluídos.

c) Do 10 de xaneiro ao 31 de xaneiro, ambos incluídos.

d) Do 1 de marzo ao 31 de marzo, ambos incluídos.

Décimo quinto. Lugar de presentación da solicitude.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e remitiranse a xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda en función do domicilio da persoa interesada. Poderase presentar:

a) No rexistro xeral da Xunta de Galicia.

b Nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia.

c) En calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coas condicións establecidas no citado precepto. No caso de que se optase por presentar a solicitude ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo persoal funcionario de correos antes de ser certificada.

Décimo sexto. Órgano competente para outorgar a habilitación.

A habilitación para o exercicio da docencia nos centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia outorgaraa o director xeral de Centros e Recursos Humanos, por proposta da Comisión Autonómica de Habilitacións.

Décimo sétimo. Comisión Autonómica de Habilitacións.

1. A Comisión Autonómica de Habilitacións estará composta por:

Presidencia: o subdirector ou subdirectora xeral de Recursos Humanos ou persoa en quen delegue.

Vogais:

  • O subdirector ou subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.
  • O subdirector ou subdirectora xeral de Centros.
  • O xefe ou xefa do Servizo de Ordenación e Formación Profesional.
  • Un funcionario ou funcionaria do corpo de inspectores de Educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa, por cada xefatura territorial, designados por proposta do xefe ou xefa territorial correspondente.
  • Unha xefatura de sección de centros dunha xefatura territorial, designada por proposta do director xeral de Centros e Recursos Humanos.
  • Un funcionario ou funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá as funcións de secretaria/o, con voz e sen voto.

2. Ás sesións da comisión poderá asistir, con voz e sen voto, un ou unha representante designado polos sindicatos do ensino privado e un ou unha representante designado polas organizacións patronais, en ambos os casos con representación nesta comunidade autónoma.

3. No exercicio das súas funcións, a Comisión Autonómica de Habilitacións poderá solicitar os informes que estime pertinentes.

Décimo oitavo. Dereito a percibir asistencias e axudas de custo.

Os membros da Comisión Autonómica de Habilitacións terán dereito a percibir as asistencias e axudas de custo por concorreren as sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, modificado polo Decreto 96/2011, do 5 de maio. Para estes efectos, a Comisión Autonómica considerarase incluída na categoría primeira.

Décimo noveno. Custodia dos expedientes.

Os expedientes administrativos derivados da acreditación de habilitacións custodiaranse nas xefaturas territoriais en que fosen presentados.

Disposición adicional primeira. Habilitación específica.

Aquelas persoas que desempeñasen funcións docentes en centros privados o 13 de marzo de 2010 e que continúen desempeñándoas no momento da entrada en vigor desta orde, tras unha habilitación ou autorización provisional expresa ou tácita, se non reúnen os requisitos establecidos no Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, serán habilitadas para o exercicio da docencia exclusivamente no centro en que prestan servizos e para a especialidade ou especialidades que imparten.

Disposición adicional segunda. Docencia dos mestres na educación secundaria obrigatoria.

De conformidade coa disposición adicional segunda do Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, os mestres que estean impartindo un ou algún dos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria no momento da súa entrada en vigor poderán continuar realizando a mesma función nos postos que veñan ocupando ou noutros centros privados.

Se estes mestres deixasen de impartir voluntariamente docencia nos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria, decaerán na súa habilitación para impartir as ditas ensinanzas. En ningún caso decaerá nesta habilitación o persoal que por cuestións organizativas do centro deixe de impartir ensinanzas nos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria para impartir outras ensinanzas nel.

Disposición adicional terceira. Ensino da lingua estranxeira en educación primaria.

O profesorado que estea impartindo docencia das linguas estranxeiras en educación secundaria obrigatoria ou bacharelato poderá impartir excepcionalmente ensinanzas das linguas estranxeiras respectivas na etapa de educación primaria, sempre que se trate do mesmo centro ou centros do mesmo titular.

Disposición adicional cuarta. Condicións de formación inicial para impartir o primeiro ano dos módulos obrigatorios dos programas de cualificación profesional inicial.

Sen prexuízo do establecido no punto sexto desta orde, en función da normativa aplicable, poderá impartir o primeiro ano dos módulos obrigatorios dos programas de cualificación profesional inicial -competencia comunicativa e dixital, sociedade e cidadanía e o científico-tecnolóxico- o persoal coa titulación exixida para impartir a educación primaria.

Disposición adicional quinta. Prazo para posuír o requisito de coñecemento da lingua galega.

O persoal que, procedendo de centros de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, non reúna os requisitos de formación en lingua galega previstos no punto décimo segundo desta orde, disporá de tres anos, desde a súa incorporación, para acreditar a formación necesaria en lingua galega.

De non acreditar esta formación no prazo sinalado decaerá no seu dereito a continuar impartindo docencia nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Primeiro prazo para solicitar as habilitacións no 2011.

O primeiro prazo para solicitar as habilitacións abranguerá desde a entrada en vigor desta orde ata o 30 de xuño de 2011.

Disposición transitoria segunda. Acreditación da habilitación para a docencia prevista na disposición transitoria segunda do Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria.

1. Todos os profesionais habilitados para a docencia da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional no momento da entrada en vigor do Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, solicitarán durante o mes de febreiro de 2012 o mantemento da dita habilitación no enderezo www.edu.xunta.es/habilitacions.

2. Os profesionais que, en aplicación da Orde do 25 de novembro de 1997 pola que se regulan os requisitos que deben posuír os profesores dos centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir a área de lingua galega e literatura e as materias optativas da educación secundaria obrigatoria e bacharelato, se determinan os coñecementos necesarios de lingua galega dos profesores e o procedemento de habilitación para exercer a docencia na educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, non necesitasen solicitar a certificación de habilitación, efectuarán agora a dita certificación achegando certificado da dirección do centro en que están prestando servizos e fotocopia compulsada da titulación que posúen. Na certificación de servizos farase constar as materias ou módulos que se imparten e o nivel educativo en que se imparten.

3. Os profesionais que si teñen unha acreditación da súa habilitación efectuarán solicitude de mantemento da dita habilitación, presentando fotocopia compulsada dela e certificado de servizos da dirección do centro.

4. As novas habilitacións axustaranse ás novas denominacións das materias nos plans de estudos vixentes.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 25 de novembro de 1997 pola que se regulan os requisitos que debe posuír o profesorado dos centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir a área de lingua galega e literatura e as materias optativas da educación secundaria obrigatoria e bacharelato; se determinan os coñecementos necesarios de lingua galega do profesorado e o procedemento de habilitación para exercer a docencia na educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato e a Orde do 30 de setembro de 1998 pola que se regulan as titulacións mínimas e as condicións que deben posuír os profesores para impartir formación profesional específica e a área de tecnoloxía da educación secundaria obrigatoria en centros privados e en determinados centros educativos de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento.

Autorízase o director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Especialidade

Titulación

Primeiro ciclo de educación infantil

-Técnico superior en educación infantil.

-Técnico especialista en educación infantil ou xardín de infancia.

Primeiro e segundo ciclo de educación infantil

-Título de grao de educación infantil.

-Mestre coa especialidade de educación infantil.

-Profesor de EXB coa especialidade de preescolar.

Educación primaria

-Título de grao de educación primaria.

-Mestre, profesor de EXB e mestre de ensino primario.

Música

-Mestre coa especialidade de educación musical.

-Título de grao de educación primaria coa mención correspondente.

Educación física

-Mestre coa especialidade de educación física.

-Título de grao de educación primaria coa mención correspondente.

Lingua estranxeira (francés, inglés)

-Mestre ou profesor de EXB coa especialidade correspondente.

-Título de grao de educación primaria coa mención correspondente.

Pedagoxía terapéutica

-Mestre coa especialidade en educación especial.

-Mestre coa especialidade en pedagoxía terapéutica.

-Título de grao de educación primaria coa mención correspondente.

Audición e linguaxe

-Mestre coa especialidade en audición e linguaxe.

-Título de grao de educación primaria coa mención correspondente.